lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Lei 8/2016, do 8 de xullo, pola que se modifica a Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia.

Publicado en: DOG 131 12/07/2016

Departamento: Parlamento de Galicia

Estado: En vigor

PDF

Exposición de motivos

A Constitución española, no seu artigo 148.1.20º, establece que as comunidades autónomas poderán asumir competencias en materia de asistencia social.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23, establece a competencia exclusiva da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de asistencia social.

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, ten por obxecto estruturar e regular como servizo público os servizos sociais de Galicia para a construción do Sistema galego de benestar.

No artigo 29 do seu título II, sobre a prestación dos servizos sociais, regúlanse as formas de prestación dos servizos sociais en Galicia e disponse que os servizos sociais os prestarán as administracións públicas galegas directamente ou, de maneira indirecta, a través das diversas modalidades de contratación da xestión de servizos públicos establecidas na normativa reguladora dos contratos do sector público, nomeadamente mediante a modalidade de concerto.

No artigo 33 do mesmo título II regúlase o fomento de previsións de índole social na contratación pública e establécese o seguinte:

Considera que os pregos de condicións administrativas particulares das licitacións que convoquen as administracións públicas de Galicia en materia de servizos sociais poderán sinalar a preferencia na adxudicación dos contratos ás proposicións presentadas por empresas públicas ou privadas que teñan no seu cadro de persoal un número de traballadoras e traballadores con discapacidade superior ao dous por cento, sempre que as ditas proposicións igualen ás máis vantaxosas.

Nos termos previstos na normativa de contratación pública, os pregos de cláusulas que rexan a contratación dos servizos sociais poden dar preferencia na adxudicación de contratos, en igualdade de condicións coas que sexan economicamente máis vantaxosas, ás proposicións presentadas por empresas dedicadas especificamente á promoción e inserción laboral de persoas en situación de exclusión social.

Na mesma forma e condicións poderá convirse tal preferencia na adxudicación dos contratos relativos á prestación de carácter social ou asistencial para as proposicións presentadas por entidades sen ánimo de lucro.

Considérase necesaria unha modificación da Lei de servizos sociais de Galicia co obxectivo de potenciar o papel das entidades de iniciativa social na prestación de servizos e dotalas dun novo mecanismo que permita impulsar as relacións entre as administracións públicas e as entidades, á vez que dote dunha maior seguridade xurídica as actividades económicas deste sector.

Para iso, cómpre establecer o concerto social como modalidade contractual diferenciada da do concerto xeral recollido na norma xeral de contratos do sector público e, asemade, instaurar os acordos marco para a xestión de servizos sociais coas entidades que prestan servizos sociais, coa finalidade de atelnder na medida en que sexa posible a libre elección da persoa destinataria do servizo de que se trate.

Por outra banda, hai que acudir ao dereito comunitario, e en concreto á Directiva 2014/24/UE do Parlamento Europeo e do Consello, do 26 de febreiro de 2014, sobre contratación pública e pola que se derroga a Directiva 2004/18/CE. A devandita directiva recolle na súa consideración 114 que os estados membros e os poderes públicos seguen tendo liberdade para prestar por si mesmos ou organizar os servizos sociais de modo que non sexa necesario formalizar contratos públicos, sempre que o dito sistema garanta unha publicidade suficiente e se axuste aos principios de transparencia e non discriminación.

Polo tanto, tendo en conta a regulación comunitaria e á vista da lexislación doutras comunidades autónomas, na medida en que corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia a configuración do sistema propio de servizos sociais, acométese a modificación parcial da Lei de servizos sociais coa introdución do concerto social como modalidade diferenciada con respecto á modalidade contractual do concerto xeral recollida no Texto refundido da Lei de contratos do sector público, garantindo asemade o cumprimento dos principios informadores da normativa estatal e europea en materia de concertación entre a iniciativa pública e privada, así como a figura dos acordos marco para a xestión de servizos sociais coas entidades, coa finalidade de atender, na medida en que sexa posible, a libre elección da persoa destinataria do servizo de que se trate.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de Autonomía de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome de El-Rei a Lei pola que se modifica a Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia.

Artigo único. Modificación da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, queda modificada como segue:

Un. O punto 1 do artigo 29, «Formas de prestación dos servizos sociais», queda redactado nos seguintes termos:

«1. Os servizos sociais prestaranos as administracións públicas galegas a través das seguintes fórmulas:

a) a xestión directa,

b) a xestión indirecta no marco da normativa reguladora dos contratos do sector público,

c) mediante o réxime de concerto social previsto nesta lei,

d) mediante convenios con entidades sen ánimo de lucro.»

Dous. O punto 3 do artigo 33, «Fomento de previsións de índole social na contratación pública», queda redactado nos seguintes termos:

«3. Na mesma forma e condicións, poderá establecerse tal preferencia na adxudicación dos contratos relativos a prestacións de carácter social ou asistencial para as proposicións presentadas por entidades sen ánimo de lucro, con personalidade xurídica, sempre que a súa finalidade ou actividade teña unha relación directa co obxecto do contrato nos termos previstos na normativa de contratación pública, ou así figure definido no concerto social previsto nesta lei.»

Tres. Incorpórase un novo artigo 33 bis, coa seguinte redacción:

«Artigo 33 bis. Réxime de concerto social

1. As entidades que ofrecen servizos sociais previstos nas carteiras de servizos vixentes poderán acollerse ao réxime de concertos nos termos que establece esta lei. As entidades que accedan ao réxime de concertos sociais terán que formalizar coa administración competente o correspondente concerto.

2. Para os efectos desta lei, enténdese por concerto social o instrumento por medio do cal se produce a prestación de servizos sociais de responsabilidade pública a través de entidades, cuxo financiamento, acceso e control sexan públicos.

3. O réxime de concerto social previsto nesta lei establécese como modalidade diferenciada da do concerto xeral regulado na normativa de contratación do sector público, dadas as especiais circunstancias que concorren no eido dos servizos sociais.

4. No establecemento dos concertos para a provisión de servizos sociais atenderanse os principios de atención personalizada e integral, arraigamento da persoa na contorna de atención social, elección da persoa e continuidade na atención no seu ciclo vital e a calidade. Por iso, poderanse establecer como criterios para a formalización dos concertos determinadas medidas de preferencia ou medidas de discriminación positiva, criterios sociais, de calidade, de experiencia e traxectoria acreditada, e os que se determinen regulamentariamente, sempre que se garanta a libre concorrencia e se respecten os principios de igualdade de trato, de non discriminación e de transparencia.

5. Regulamentariamente estableceranse os aspectos e criterios aos que se teñen que someter os concertos sociais, os cales preverán sempre os principios establecidos no punto anterior. Estes aspectos referiranse ao cumprimento dos requisitos previstos nesta lei, á tramitación da solicitude, á vixencia ou a duración máxima do concerto e as causas de extinción, ás obrigas das entidades que presten o servizo concertado e das administracións públicas que outorgasen o concerto social, á submisión do concerto ao dereito administrativo, ao número de prazas concertadas e a outras condicións.

6. Especificamente, na atención á infancia terase en consideración na selección dos cadros de persoal a formación específica e a experiencia en atención a menores, en particular dereitos da infancia, maltrato infantil, atención a persoas menores de idade vítimas de violencia de xénero e abuso sexual.»

Catro. Incorpórase un novo artigo 33 ter, coa seguinte redacción:

«Artigo 33 ter. Obxecto dos concertos sociais

Poderán ser obxecto de concerto social:

a) A reserva e a ocupación de prazas para uso exclusivo das persoas usuarias de servizos sociais ou os colectivos vulnerables, cuxo acceso sexa autorizado polas administracións públicas mediante a aplicación dos criterios previstos na normativa das administracións competentes.

b) A xestión integral de prestacións técnicas, tecnolóxicas, de servizos, programas ou centros.»

Cinco. Incorpórase un novo artigo 33 quater, coa seguinte redacción:

«Artigo 33 quater. Efectos dos concertos sociais

1. O concerto social obriga o titular da entidade que concerta a prover as prestacións e os servizos nas condicións estipuladas na lexislación aplicable e no prego técnico do concerto social.

2. Non se lles pode cobrar ás persoas usuarias polas prestacións propias do sistema de servizos sociais de responsabilidade pública ningunha cantidade á marxe do prezo público establecido.

3. As prestacións non gratuítas non poderán ter carácter lucrativo. Para os ditos efectos, regulamentariamente determinaranse as condicións que permitan establecer prezos de referencia para as prestacións non gratuítas.

4. O cobramento ás persoas usuarias de calquera cantidade por servizos complementarios á marxe dos prezos públicos estipulados terá que ser autorizado pola administración competente.»

Seis. Incorpórase un novo artigo 33 quinquies, coa seguinte redacción:

«Artigo 33 quinquies. Requisitos exixibles para acceder ao réxime de concerto social

1. Para poder subscribir concertos as entidades terán que contar coa oportuna autorización administrativa dos seus centros e coa tramitación da oportuna autorización, declaración responsable ou comunicación previa dos seus servizos, en función do réxime de intervención previsto.

2. Asemade, deberán figurar inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, así como cumprir os outros requisitos específicos que se determinen regulamentariamente.

3. As entidades terán que acreditar, en todo caso, a disposición de medios e recursos abondos para garantir o cumprimento das condicións establecidas para cada servizo, así como o cumprimento da normativa que con carácter xeral ou específico lles sexa aplicable, tanto pola natureza xurídica da entidade coma polo tipo de servizo obxecto de concertación.

4. Aquelas entidades coas cales se subscriban concertos de ocupación ou de reserva de prazas terán que acreditar a titularidade do centro ou a súa dispoñibilidade por calquera título xurídico válido por un período non inferior ao de vixencia do concerto.

5. Para o establecemento de concertos, as administracións públicas darán prioridade ás entidades sen ánimo de lucro cando existan análogas condicións de efectividade, calidade e rendibilidade social, sempre que en todo caso se garanta a libre concorrencia e se respecten os principios de igualdade de trato, de non discriminación e de transparencia.»

Sete. Incorpórase un novo artigo 33 sexies, coa seguinte redacción:

«Artigo 33 sexies. Duración, modificación, renovación e extinción dos concertos sociais

1. Os concertos sociais teranse que establecer sobre unha base plurianual co fin de garantir a estabilidade na súa provisión, sen prexuízo de que se poidan determinar aspectos concretos que deban ser obxecto de revisión e, se procede, de modificación antes de concluír a súa vixencia.

Incluiranse no suposto regulado no artigo 58.1.c) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o Texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

2. Os concertos poderán ser renovados nas condicións que se establezan regulamentariamente.

3. Unha vez concluída a vixencia do concerto, pola causa que sexa, as administracións públicas terán que garantir que os dereitos das persoas usuarias das prestacións concertadas non se vexan prexudicados pola súa finalización.

4. Sempre que por aplicación da normativa laboral as prestacións estean suxeitas á subrogación dos traballadores e das traballadoras recollerase expresamente nos pregos ou documentos reguladores da licitación.»

Oito. Incorpórase un novo artigo 33 septies, coa seguinte redacción:

«Artigo 33 septies. Formalización dos concertos sociais

1. A formalización dos concertos efectuarase mediante un documento administrativo coa forma e o contido que se determinen regulamentariamente.

2. Poderase subscribir un único concerto para a reserva e a ocupación de prazas en varios centros ou para a xestión integral dunha pluralidade de prestacións ou servizos cando todos eles dependan dunha mesma entidade titular. Esta subscrición efectuarase nas condicións que se determinen regulamentariamente.»

Nove. Incorpórase un novo artigo 33 octies, coa seguinte redacción:

«Artigo 33 octies. Acordos marco para a xestión de servizos sociais

1. Os órganos de contratación do sector público autonómico poderán concluír acordos marco coas entidades prestadoras de servizos sociais coa finalidade de fixar as condicións ás que deberá axustarse a prestación de determinados servizos sociais durante un concreto período de tempo.

En particular, o sector público autonómico promoverá a formalización dos acordos marco aludidos no parágrafo anterior, coa finalidade de atender, de forma prioritaria, e na medida en que sexa posible, a libre elección da persoa destinataria do servizo de que se trate. Para iso procurará o asinamento de acordos marco con entidades prestadoras de servizos sociais.

2. Os contratos baseados nun acordo marco para a xestión de servizos sociais serán contratos de xestión de servizos públicos na modalidade de concerto.

3. Os acordos marco para a xestión dos servizos sociais e mais os contratos baseados nos ditos acordos réxense polo previsto nesta lei, así como no Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o Texto refundido da Lei de contratos do sector público, e na demais normativa de contratación pública aplicable.

4. Para a subscrición dos acordos marco regulados nesta lei seguirase o procedemento previsto no artigo 197 do Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro.

5. Unha vez concluído o acordo marco para a xestión de servizos sociais, a adxudicación dos contratos nel baseados efectuarase aplicando os termos fixados no propio acordo marco, sen necesidade de convocar as partes a unha nova licitación.

Para os efectos previstos no parágrafo anterior, no acordo marco recollerase, en todo caso, que na adxudicación de cada contrato derivado se terá en conta de forma prioritaria, na medida do posible, a libre elección da persoa usuaria ou das persoas usuarias destinatarias do servizo de que se trate.»

Disposición transitoria única. Continuidade na prestación de servizos e prórroga dos concertos

Dados os principios de atención personalizada e integral, arraigamento da persoa na contorna de atención social, elección da persoa e continuidade na atención e a calidade, os concertos sociais establecerán fórmulas que garantan a continuidade na prestación destes servizos no mesmo centro e onde se viña prestando ás persoas usuarias tanto con anterioridade á publicación desta lei coma cos que se adxudiquen a partir da publicación desta lei, e preferentemente contando coas mesmas persoas profesionais.

Mentres non se dite a correspondente normativa de desenvolvemento, prorrogaranse aqueles concertos vixentes na data de entrada en vigor desta lei, respectando os límites legais aplicables.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango emanadas dos órganos da Comunidade Autónoma se opoñan ao disposto nesta lei.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Autorízase o Consello da Xunta de Galicia para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e a aplicación desta lei.

O seu desenvolvemento regulamentario deberase realizar nun prazo non superior a oito meses desde a entrada en vigor.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta lei entrará en vigor aos vinte días, que se contarán desde o seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, oito de xullo de dous mil dezaseis

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia