lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Lei 4/2014, do 8 de maio, pola que se modifica a Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

Publicado en: DOG 92 15/05/2014

Departamento: Parlamento de Galicia

Estado: En vigor

PDF

Exposición de motivos

O desenvolvemento do sector eólico está condicionado pola complicada situación que está a experimentar a economía española e a do conxunto dos países europeos. Unha das variables que máis afectou neste anos o estancamento da actividade económica foi a intensificación das restricións de crédito, en concreto, no caso das pequenas e medianas empresas. Desde a Comunidade Autónoma de Galicia estanse a executar unha serie de medidas que impulsen o sector das enerxías renovables e, en concreto, o sector eólico. Un dos eixes de actuación é o de evitar que as empresas dispostas a desenvolver proxectos empresariais na Comunidade Autónoma sufran cargas financeiras innecesarias.

O sector das enerxías renovables viuse afectado, ademais de pola situación económica xeral, por cambios normativos que modificaron substancialmente as retribucións económicas das instalacións e que, polo tanto, afectaron considerablemente os estudos de viabilidade económica. A nova regulación dos últimos anos e en especial o Real decreto lei 9/2013, do 12 de xullo, polo que se adoptan medidas urxentes para garantir a estabilidade financeira do sistema eléctrico, e a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, que consolida e dá carácter de permanente ás medidas aprobadas previamente, a través do Real decreto lei 1/2012, do 27 de xaneiro, polo que se procede á suspensión dos procedementos de preasignación de retribución e á supresión dos incentivos económicos para novas instalacións de produción de enerxía eléctrica a partir de coxeración, fontes de enerxía renovables e residuos, o Real decreto lei 20/2012, do 13 de xullo, de medidas para garantir a estabilidade orzamentaria e de fomento da competitividade, e o Real decreto lei 2/2013, do 1 de febreiro, de medidas urxentes no sistema eléctrico e no sector financeiro, modificaron substancialmente as retribucións económicas das instalacións de parques eólicos.

Entre as medidas aprobadas na Comunidade Autónoma de Galicia para o impulso do sector das enerxías renovables destaca a aprobación dunha dedución do 92,5 % na cota do imposto de transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados cando se realice o feito impoñible a que se refire o artigo 13 do texto refundido da Lei do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/1993, do 24 de setembro, e a concesión ou autorización se refira a enerxías renovables. No caso específico do sector eólico, en relación co canon eólico, aprobouse unha maior bonificación fiscal para os proxectos de repotenciación. Ambas as dúas medidas entraron en vigor o 1 de xaneiro de 2014, de acordo co previsto na Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014.

Por outro lado, a Directiva 2009/28/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de abril do 2009, relativa ao fomento do uso de enerxía procedente de fontes renovables e pola que se modifican e se derrogan as directivas 2001/77/CE e 2003/30/CE, reafirma as oportunidades de xerar crecemento económico mediante a innovación e unha política enerxética competitiva e sustentable, de modo que os investimentos na produción de enerxía procedente de fontes renovables xeran nas rexións importantes oportunidades de crecemento e emprego. Por iso, a Directiva dá un mandato para que os estados e as rexións apoien medidas no ámbito das enerxías renovables. As enerxías renovables son básicas para conseguir unha redución da dependencia con respecto ás importacións enerxéticas, basicamente de combustibles fósiles. Este factor é fundamental á hora de apostar polas enerxías renovables como sector de futuro, que non só traerá crecemento económico senón que permitirá a explotación dun recurso propio da Comunidade Autónoma, o que se traducirá nunha maior independencia enerxética e, en consecuencia, económica, e todo iso a través dun desenvolvemento sustentable.

Neste contexto é no que se aproba a presente lei, cun obxectivo claro, que é o de fomentar o inicio de novas actividades económicas que reactiven a economía galega para xerar oportunidades e emprego e reducir a dependencia enerxética exterior. Co fin de cumprir o dito obxectivo, procédese á modificación do prazo para a constitución da fianza destinada a garantir o cumprimento das obrigas que se establecen na autorización administrativa. Coa presente modificación desprázase a obriga de constitución da fianza ao momento previo ao inicio das obras. Anteriormente, a fianza debía constituírse no prazo dun mes desde a notificación da autorización administrativa, eliminando parte das cargas financeiras que teñen as empresas que emprendan un proxecto eólico.

A disposición transitoria cuarta da Lei 8/2009, do 22 de decembro, prevé que, de forma transitoria, o Decreto 302/2001, do 25 de outubro, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia, e a Orde do 29 de outubro de 2002 pola que se determinan os requisitos para a autorización de parques eólicos e parques eólicos singulares serán aplicables para todos aqueles parques eólicos e parques eólicos singulares que fosen admitidos a trámite en ordes de convocatoria formuladas ao abeiro desta lexislación. Tendo en conta que o réxime de garantías regulado no artigo 19 do Decreto 302/2001, do 25 de outubro, é análogo ao previsto no actual punto 1 do artigo 40 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, é necesario, para garantir o trato igualitario, modificar no mesmo sentido o artigo 19 do Decreto 302/2001, do 25 de outubro, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia.

Igualmente, co fin de garantir un tratamento igualitario, inclúense dúas disposicións transitorias para que as ou os titulares dos parques eólicos autorizados con carácter previo á entrada en vigor da lei poidan exercer un dereito de opción solicitando a devolución das fianzas constituídas de acordo co previsto no punto 1 do artigo 40 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, e no artigo 19 do Decreto 302/2001, do 25 de outubro, sempre que non iniciasen as obras de construción do parque.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de Autonomía de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome de El-Rei, a Lei pola que se modifica a Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

Artigo primeiro. Modificación da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental

Modifícase o punto 1 do artigo 40 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, que queda redactado como segue:

«1. Coa finalidade de garantir o cumprimento das obrigas que se establezan na autorización administrativa, o promotor ou a entidade beneficiaria deberán constituír, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza polo importe do 2 % do orzamento de execución material das instalacións, a cal será devolta unha vez que se obteña a acta de posta en servizo definitiva e se entenda cumprido o proxecto de desenvolvemento de natureza industrial.

A falta de constitución da fianza ou a súa constitución inadecuada darán lugar á revogación da autorización.

A dita fianza constituirase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellaría de Facenda da Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, en calquera das formas legalmente establecidas.»

Artigo segundo. Modificación do Decreto 302/2001, do 25 de outubro, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia

Modifícase o artigo 19 do Decreto 302/2001, do 25 de outubro, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como segue:

Artigo 19. Garantías

«1. Coa finalidade de garantir o cumprimento das obrigas que se establezan na autorización administrativa, o promotor ou a entidade beneficiaria deberán constituír, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza polo importe do 2 % do orzamento de execución material das instalacións, a cal será devolta unha vez que se obteña a acta de posta en servizo definitiva.

A falta de constitución da fianza ou a súa constitución inadecuada darán lugar á revogación da autorización.

2. A dita fianza constituirase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellaría de Facenda da Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, en calquera das formas legalmente establecidas.»

Disposición transitoria primeira. Exercicio do dereito de opción respecto das autorizacións outorgadas con carácter previo á data de entrada en vigor desta lei

1. Os promotores ou as entidades beneficiarias dos parques eólicos autorizados con carácter previo á entrada en vigor da presente lei poderán optar entre o mantemento das fianzas constituídas de acordo coa redacción orixinaria do punto 1 do artigo 40 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, ou ben solicitar a cancelación da devandita fianza na Caixa Xeral de Depósitos da Consellaría de Facenda da Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia. Nese suposto, poderá diferir a súa constitución á data do inicio das obras.

2. Este dereito de opción non poderá ser exercitado no caso de que xa se iniciasen as obras de construción do parque eólico.

Disposición transitoria segunda. Exercicio do dereito de opción respecto das autorizacións outorgadas ao abeiro do Decreto 302/2001, do 25 de outubro, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia, e da Orde do 29 de outubro de 2002 pola que se determinan os requisitos para a autorización de parques eólicos e parques eólicos singulares

1. Os promotores ou as entidades beneficiarias dos parques eólicos autorizados ao abeiro do Decreto 302/2001, do 25 de outubro, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia, e da Orde do 29 de outubro de 2002 pola que se determinan os requisitos para a autorización de parques eólicos e parques eólicos singulares poderán optar entre o mantemento das garantías constituídas de acordo co artigo 19 do Decreto 302/2001, do 25 de outubro, ou ben solicitar a cancelación da devandita fianza na Caixa Xeral de Depósitos da Consellaría de Facenda da Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia. Nese suposto, poderá diferir a súa constitución á data do inicio das obras.

2. Este dereito de opción non poderá ser exercitado no caso de que xa se iniciasen as obras de construción do parque eólico.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta lei entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, oito de maio de dous mil catorce

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia