lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Lei 12/2014, do 22 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.

Publicado en: DOG 249 30/12/2014

Departamento: Parlamento de Galicia

Estado: En vigor

PDF

Inclúe a corrección de erros publicada no DOG núm. núm. 43, do 4 de marzo de 2015.

Exposición de motivos

1

Os orzamentos requiren para a súa completa aplicación a adopción de diferentes medidas, unhas de carácter puramente executivo e outras de carácter normativo, que, pola súa natureza, deben adoptar rango de lei e que, como precisou o Tribunal Constitucional, non deben integrarse nas leis anuais de orzamentos xerais senón en leis específicas.

O debate doutrinal acerca da natureza das chamadas leis de acompañamento foi resolto polo Tribunal Supremo, que configurou este tipo de normas como leis ordinarias cuxo contido está plenamente amparado pola liberdade de configuración normativa da que goza o lexislador e que permiten unha mellor e máis eficaz execución do programa do Goberno nos distintos ámbitos en que desenvolve a súa acción.

Desde esta perspectiva, tendo presente a actividade que desenvolve a Comunidade Autónoma de Galicia, cuxos obxectivos se explicitan na Lei de orzamentos xerais da Comunidade para o ano 2015, e co obxecto de contribuír a unha maior eficacia e eficiencia destes, o presente anteproxecto de lei contén un conxunto de medidas referidas a diferentes áreas de actividade que, con vocación de permanencia no tempo, contribúen á consecución de determinados obxectivos de orientación plurianual perseguidos pola Comunidade a través da execución orzamentaria.

Este é o fin dunha norma cuxo contido esencial o constitúen as medidas de natureza tributaria, ben que se incorporan outras de carácter e organización administrativa.

2

Esta norma legal contén dous títulos: o primeiro, dedicado ás medidas fiscais, e o segundo, ás medidas de carácter administrativo. O título I consta de tres capítulos, relativos o primeiro aos tributos cedidos, o segundo, aos tributos propios e o terceiro, ao imposto compensatorio ambiental mineiro. O título II consta de doce capítulos, dedicados, respectivamente, ás subvencións, patrimonio, xogo, emerxencias, turismo, comunicacións audiovisuais, urbanismo, emprendemento e competitividade económica, cámaras oficiais, comercio e minas, servizos sociais, medidas de racionalización e disciplina e sustentabilidade económica. Tamén contén cinco disposicións adicionais, unha derrogatoria e cinco disposicións derradeiras.

Polo que atinxe ás medidas fiscais, establecidas no título primeiro, cómpre sinalar as seguintes:

En canto aos tributos cedidos, o capítulo I deste título recolle, en primeiro lugar, a forma en que pode acreditarse a condición de familia numerosa. Tamén se recolle a forma de acreditar a asimilación ao descendente do fillo ou filla concibido ou concibida e non nacido ou nacida.

En relación co imposto sobre a renda das persoas físicas, modifícase a dedución xa existente por nacemento e adopción de fillos, coa finalidade de ampliar o importe da dedución de 360 a 1.200 euros e a 2.400 euros, segundo se trate do segundo ou terceiro fillo, respectivamente, para o caso de que a base impoñible menos os mínimos persoal e familiar sexa menor ou igual a 22.000 euros e a dedución por coidados de fillos menores, incrementando o límite da dedución desde 400 a 600 euros cando estes sexan dous ou máis. Tamén se modifica a dedución por alugueiro de vivenda, que se duplica no caso de que o contribuínte teña dous ou máis fillos menores de idade.

Ademais, modifícase a dedución por investimento na adquisición de accións e participacións sociais en entidades novas ou de recente creación, co obxecto de dar cabida ás cooperativas, exixindo os mesmos requisitos establecidos para as restantes entidades comprendidas na dedución.

Por último, engádense dúas novas deducións neste imposto: a primeira é unha dedución por doazóns que teñan por finalidade a investigación e o desenvolvemento científico e a innovación tecnolóxica; a segunda é unha dedución pola instalación na vivenda habitual de sistemas de climatización e/ou auga quente sanitaria nas edificacións que empreguen fontes de enerxía renovables.

En relación co imposto sobre hidrocarburos, modifícase o tipo autonómico de devolución do gasóleo de uso profesional co obxecto de permitir ao sector do transporte profesional obter a devolución da totalidade do imposto satisfeito, que pasa a ter a tributación efectiva máis baixa desde o ano 2004, no que se tributaba a 12 euros por cada 1.000 litros sen posibilidade de devolución.

No que respecta aos tributos sobre o xogo, revísase a normativa vixente cunha serie de modificacións de carácter técnico, co obxecto de unificar os criterios na aplicación das diferentes figuras que gravan o xogo, cando as circunstancias concorrentes no desenvolvemento do xogo son coincidentes ou moi semellantes.

Así, no referente á taxa sobre rifas, tómbolas, apostas e combinacións aleatorias, inclúense nas exencións do pagamento desta taxa os xogos que estean excluídos do ámbito de aplicación da Lei reguladora do xogo de Galicia. Por outra parte, engádense dúas matizacións na regulación da base impoñible destes xogos. A primeira, cando se trate de apostas nas que este elemento do tributo poida establecerse pola diferenza entre a suma total das cantidades apostadas e o importe dos premios satisfeitos polo operador, para as cales se establece que esta cuantificación se referirá ao ano natural. A segunda, simplemente para recoller que o réxime de estimación directa da base impoñible é o que terá carácter xeral, e que para a súa determinación mediante o réxime de estimación obxectiva se aplicarán as magnitudes, índices, módulos ou datos previstos regulamentariamente. Por último, establécese unha regra propia de devindicación para o caso das apostas en que a autorización permita o desenvolvemento do xogo dun xeito continuado ao longo do tempo, de modo que no primeiro ano a devindicación coincida coa data da autorización e nos anos seguintes co 1 de xaneiro de cada un deles.

No que se refire á taxa sobre xogos de sorte, envite ou azar, realízanse tamén dúas matizacións na regulación da base impoñible destes xogos. Por unha parte, no caso dos xogos e concursos difundidos mediante radio ou televisión e dos que se realicen, total ou parcialmente, mediante servizos de telecomunicación sobretarifados ou con tarificación adicional, establécese cal é o valor dos premios e qué gastos adicionais se deben ademais incluír. Por outra parte, engádese que na determinación da base impoñible poderán ser empregados os réximes de estimación directa ou de estimación obxectiva regulados na Lei xeral tributaria. Poderán igualmente determinarse mediante convenios, servindo en todo caso como signos, índices ou módulos, o número e o valor dos billetes, boletos ou xustificantes de participación, calquera que sexa o medio a través do cal se expedisen ou emitisen, o importe dos premios e/ou as bases de poboación.

Este capítulo péchase con catro modificacións en canto ás disposicións formais e procedementais. A primeira delas refírese á modificación do artigo 21 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, coa finalidade de que mediante orde da Consellería de Facenda se poida determinar a documentación necesaria que se debe presentar xunto coas autoliquidacións do imposto de transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados e o imposto de sucesións e doazóns. A segunda refírese á comprobación de valores, co fin de aclarar o precepto para que sexan obxecto dunha correcta interpretación polos operadores xurídicos. A terceira refírese á liquidación e pagamento da taxa fiscal sobre rifas, tómbolas e combinacións aleatorias, que recolle o suposto das apostas nas que a autorización permita o desenvolvemento do xogo dun xeito continuado ao longo do tempo e que establece a obriga dos suxeitos pasivos de presentaren declaración dos feitos sometidos a gravame na forma, lugar e prazos que se establezan por orde da consellaría competente en materia de facenda. E a última establece unha nova obriga de subministración de información para os operadores de xogo, co fin de facilitar o debido control do cumprimento das obrigas tributarias dos suxeitos pasivos dos tributos sobre o xogo e, especialmente, a integridade da base impoñible.

Polo que se refire aos tributos propios, no capítulo II recóllense, en primeiro lugar, modificacións en materia do imposto sobre contaminación atmosférica, entre as que cabe sinalar: a supresión do artigo 5 da Lei 12/1995, referente aos órganos competentes, que incorpora o contido do punto primeiro no artigo 14 e suprime o punto segundo, dado que a Comisión Galega de Medio Ambiente é un órgano que deixou de existir. Na base impoñible, por un lado, o obxecto fundamental é recoller a estimación indirecta como réxime de determinación da base impoñible e mellorar a regulación do suposto no que a Administración pode sinalar de oficio a base que corresponde a cada foco emisor, indicando os datos de emisión que pode empregar para o efecto, e, por outro, o obxecto é regular pormenorizadamente o réxime de determinación da base impoñible por estimación directa, incluíndo os procedementos de medición con indicación das normas de normalización aplicables a estes. Tamén se modifican os preceptos relativos ás normas de xestión do tributo, co obxecto de adaptalos ás modificacións producidas na lexislación xeral de carácter tributario e que entraron en vigor con posterioridade á Lei 12/1995. Estas modificacións establecen os aspectos de aplicación do imposto, o exercicio das funcións de aplicación e revisión, así como o exercicio da potestade sancionadora e as funcións de colaboración e auxilio na aplicación deste imposto, que corresponden aos órganos administrativos competentes en materia de medio ambiente. Regúlase a presentación de declaracións e autoliquidacións, con especial fincapé nos procedementos telemáticos elaborados para iso. Finalmente, engádense dúas disposicións derradeiras á Lei 12/1995, coa finalidade de habilitar a lei de orzamentos para modificar calquera elemento do imposto e para autorizar a consellaría competente en materia de facenda ao desenvolvemento regulamentario desta lei.

Polo que se refire ás taxas administrativas, as modificacións introducidas na Lei 6/2003, de taxas e prezos, obedecen ben á creación de novas taxas ou ben á modificación das vixentes. Destacan, polo seu impacto económico, a creación da licenza única interautonómica en materia de pesca continental, a licenza única interautonómica en materia de caza e determinadas actuacións no ámbito de portos.

Polo que respecta ao canon da auga, a modificación consiste no establecemento, para o caso de fugas de auga, dun sistema tarifario diferente ao que rexe para os usos domésticos e asimilados, coa finalidade de non penalizar ese consumo involuntario.

O capítulo III deste título refírese á creación do imposto compensatorio ambiental mineiro (ICAM). Este capítulo divídese en catro seccións que regulan, respectivamente, as disposicións xerais, os elementos do ICAM, a aplicación do ICAM e o Fondo Mineiro Ambiental e Paisaxístico. O ICAM é un tributo propio da Comunidade Autónoma de Galicia, de carácter ambiental, e orientado a compensar as externalidades negativas xeradas polas actividades de extracción, explotación e almacenamento de minerais metálicos. O ICAM configúrase, pois, como un imposto ambiental finalista co obxecto de:

Internalizar o custo do uso que do ambiente fai a actividade mineira que se desenvolve no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Incentivar a aplicación das mellores técnicas, ferramentas e prácticas de xestión ambiental polo sector mineiro galego.

Promover a investigación e desenvolvemento de procesos mineiros máis eficientes desde o punto de vista ambiental.

Promover a aceleración na restauración das superficies e solos afectados.

En canto ás medidas administrativas que se recollen no título II, cómpre destacar:

No relativo a subvencións, realízanse diversas modificacións dirixidas a permitir a continuidade das subvencións concedidas ás empresas que solicitasen a declaración de concurso de acredores voluntario e que este adquirise eficacia nun convenio; a abrir a posibilidade de xustificación das subvencións mediante procedementos de custos simplificados; e a favorecer a actividade empresarial a entidades que se encontren nunha situación de dificultades económicas.

No capítulo II do título II, dedicado ao patrimonio, modifícanse varios preceptos da Lei 5/2011, dirixidos a que a asignación de competencias sexa coherente, tanto á hora de adquirir como á hora de allear. Neste ámbito, tamén se modifica o precepto relativo á obriga de comunicar. Resulta así a redacción máis completa e tamén a competencia para acordar a cesión de bens mobles no ámbito da Administración xeral. Por último, engádese unha nova disposición adicional para regular o réxime administrativo da sucesión intestada a favor da Comunidade Autónoma de Galicia.

No que respecta ás competencias administrativas en materia de xogo, o capítulo III do título II recolle a posibilidade de abrir salas apéndice ou adicionais aos casinos autorizados como instrumento para a dinamización da actividade económica, cun impacto directo tanto no sector do xogo coma noutros relacionados, sinaladamente no do turismo, coa ampliación da oferta de ocio.

No ámbito das emerxencias, modifícanse os artigos 50.1, 51.1 e 52.1 da Lei 5/2007. Tales artigos tipifican, respectivamente, as infraccións moi graves, graves e leves, e os competentes para sancionar son o Consello da Xunta, o titular da consellaría con competencias na materia e os xefes territoriais ou alcaldes, por esa orde. O obxecto da modificación consiste en reordenar os tipos relativos ás dúas condutas descritas, incluíndo ambas as dúas dentro do catálogo de infraccións graves e, polo tanto, sancionables dentro do ámbito da consellaría con competencias na materia.

No capítulo dedicado ao turismo realízase unha única modificación, engadindo un artigo á Lei 7/2011, relativo ás vivendas de uso turístico, no que se inclúe unha nova tipoloxía de aloxamento, coa peculiaridade de que poida ser ofertado por particulares na súa propia vivenda.

No capítulo VI do título II, dedicado á comunicación audiovisual, incorpóranse tres preceptos dirixidos a regular determinados aspectos relativos ás adxudicacións de concesións para a prestación de servizos de comunicación audiovisual que foron transformadas en licenzas como consecuencia da entrada en vigor da Lei 7/ 2010, do 31 de marzo, xeral de comunicación audiovisual.

No ámbito do urbanismo inclúense un conxunto de propostas que pretenden modificar distintas leis autonómicas sectoriais que regulan a emisión de informes necesarios na tramitación do planeamento. Neste senso, faise preciso sistematizar e unificar, con respecto aos informes que debe emitir a Administración autonómica, o momento da súa solicitude, o prazo para a súa emisión e, de ser o caso, os efectos derivados do silencio administrativo.

No capítulo dedicado ao emprendemento e á competitividade económica, modifícase o precepto relativo ás funcións do Consello Galego de Economía e Competitividade, dotando de contido o informe anual legalmente previsto e procurando que a aprobación dos plans de desenvolvemento se realice en coordinación co informe anual que emita sobre as mesmas materias. Por outra parte, tamén se modifica o precepto no relativo á comunicación previa ao inicio da actividade na que é precisa a realización dunha obra, na que se elimina a referencia ao prazo para a presentación da comunicación e se evitan así confusións de cara á seguridade xurídica.

O capítulo IX, dedicado as cámaras oficiais, comercio e minaría, estrutúrase en tres seccións. A sección primeira está dedicada a modificacións da Lei 5/2004, do 8 de xullo, de cámaras oficiais, industria e navegación de Galicia. Estas modificacións obedecen a que a Lei 4/2014, do 1 de abril, básica de cámaras oficiais de comercio, industria, servizos e navegación, introduciu unha serie de novas reformas e adaptacións normativas coa pretensión de impulsar as cámaras como entidades de prestación de servizos e avogou por un modelo de cámaras dirixido a resultados; todo isto co fin de reforzar a súa eficiencia no desenvolvemento das funcións que se lles atribúen.

A disposición transitoria primeira da Lei 4/2014, do 1 de abril, básica de cámaras oficiais de comercio, industria, servizos e navegación, establecía que as comunidades autónomas deberían adaptar o contido da súa normativa nesta materia ao disposto na lei básica antes do 31 de xaneiro de 2015. Nesta conxuntura faise imprescindible dar cumprimento ao mandato legal establecido na lei básica estatal e adaptar a normativa galega contida na Lei 5/2004, do 8 de xullo, de cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia, á nova regulación básica estatal.

A sección segunda está dedicada á modificación da Lei 13/2010, do 17 de decembro, de comercio interior de Galicia. O Real decreto lei 8/2014, do 4 de xullo, de aprobación de medidas urxentes para o crecemento, a competitividade e a eficiencia, modificou a normativa básica en materia comercial e estableceu unha serie de medidas de simplificación de trámites administrativos en materia de implantación de establecementos comerciais, entre eles, a limitación dos requisitos exixidos a aqueles que estean especificamente ligados á instalación ou infraestrutura e estean xustificados por razóns imperiosas de interese xeral. Por isto, cómpre modificar o artigo 32 da Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia, para adaptalo á normativa básica.

Ademais, a simplificación administrativa que busca o devandito Real decreto lei 8/2014, do 4 de xullo, preside o resto de modificacións propostas na Lei 13/2010, do 17 de decembro.

A sección terceira está dedicada ás modificacións da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia. Estas modificacións están destinadas a conseguir unha maior simplificación administrativa dos procedementos de outorgamento dos títulos habilitantes para o desempeño das actividades extractivas mineiras co fin de conseguir un procedemento administrativo unitario e integrado. Neste sentido, modifícase o ámbito da aplicación da lei para excluír os aproveitamentos de recursos xeotérmicos de moi baixa entalpía e modifícanse os preceptos relativos aos informes municipais e autonómico.

No capítulo dedicado aos servizos sociais, modifícase o prazo da disposición adicional sexta da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais, e engádense dúas novas disposicións adicionais co obxecto de recoller as consecuencias da falta de resolución expresa no procedemento de elaboración do programa individual de atención, no de recoñecemento do dereito á efectividade das prestacións económicas das persoas solicitantes falecidas e no procedemento de declaración e cualificación do grao de discapacidade. Por último, neste capítulo modifícase tamén a colaboración no ámbito da prestación de servizos sociais a través da Axencia Galega de Servizos Sociais. O seu obxecto é determinar o alcance e as condicións que se deben considerar na liquidación das cantidades pendentes de pagamento polos concellos ao Consorcio cando se formalicen os convenios de colaboración coa Axencia dirixidos á xestión destes centros.

O capítulo XI, dedicado ás medidas de racionalización, modifica a Lei 14/2013 coa finalidade de axilizar a tramitación das ordes de axudas financiadas con fondos europeos e de alcanzar unha maior eficacia na execución destes créditos, e, por outro lado, inclúese un artigo dedicado á racionalización dos contratos de transporte escolar.

Remata este título co capítulo XII, no que se establecen modificacións da Lei 2/2011, do 16 de xuño, de disciplina orzamentaria e sustentabilidade financeira. Estas modificacións teñen como finalidade reflectir na nosa norma o establecido, fundamentalmente, pola Lei orgánica 2/2012, do 27 de abril, de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira, pola Lei orgánica 4/2012, do 28 de setembro, e pola Lei 9/2013, do 20 de decembro, que modifican a primeira. O marco establecido por estas leis responde a tres obxectivos: garantir a sustentabilidade financeira de todas as administracións públicas; fortalecer a confianza na estabilidade da economía española; e reforzar o compromiso de España coa Unión Europea en materia de estabilidade orzamentaria.

As devanditas leis desenvolveron o contido do artigo 135 da Constitución española. Esta reforma introduciu no máximo nivel normativo do noso ordenamento xurídico unha regra fiscal que limita o déficit público de carácter estrutural no noso país e ademais dá cumprimento ao Tratado de Estabilidade, Coordinación e Goberno na Unión Económica e Monetaria do 2 de marzo de 2012, que garante unha adaptación continua e automática á normativa europea.

En consonancia con este marco, o capítulo mencionado inclúe modificacións na determinación do principio de estabilidade orzamentaria, que queda vinculado á situación de equilibrio ou superávit estrutural. Así mesmo, modifícase a instrumentación do devandito principio, considerando as situacións en que se poderá presentar déficit estrutural, restrinxidas a cando se realicen reformas estruturais con efectos a longo prazo e aos supostos de excepción por catástrofes naturais, recesión económica grave ou supostos de emerxencia extraordinaria. Como consecuencia do anterior, elimínase o déficit adicional por investimentos produtivos que permitía a normativa vixente.

Modifícase o precepto destinado a regular o límite de gasto non financeiro e os correspondentes ao cumprimento do principio de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira e as actuacións na liquidación dos presupostos, coa previsión dos plans que se deben formular en cada caso, o seu contido, a competencia para a súa aprobación e o precepto que regulaba a débeda pública autonómica, que pasan a denominarse instrumentación do principio de sustentabilidade financeira.

Finalmente, incorpórase unha nova disposición transitoria para establecer que ata o 2020, ano en que se deben cumprir os límites de equilibrio ou superávit estrutural e de débeda pública, será de aplicación o réxime transitorio previsto nas normas de estabilidade orzamentaria.

Dentro das disposicións adicionais establécense: a contratación de persoal investigador, a prolongación da permanencia no servizo activo do persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza en Galicia que alcance a idade de xubilación forzosa, a reordenación de entidades instrumentais no ámbito sanitario, a incapacidade temporal por enfermidade común ou accidente non laboral para o persoal cun réxime especial de Seguridade Social do mutualismo administrativo e a articulación dos principios de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira no réxime contractual da concesión de obra pública da autovía da Costa da Morte.

A disposición derrogatoria establece, por un lado, a derrogación dos artigos 2 e 3 do Decreto 277/2000, do 9 de novembro, polo que se designan os órganos autonómicos competentes en materia de control de riscos inherentes aos accidentes graves nos que interveñan substancias perigosas, e, por outro, as dos puntos 4 e 5 do artigo 102 do Decreto 20/2011, do 10 de febreiro, polo que se aproba definitivamente o Plan de ordenación do litoral de Galicia, como consecuencia do establecido nos artigos 48 e 50 desta lei.

Remata o anteproxecto con cinco disposicións derradeiras. A primeira establece o sentido do silencio administrativo no que atinxe ao procedemento de inscrición como parella de feito no Rexistro de Parellas de Feito de Galicia. A segunda modifica a disposición transitoria da Lei de caza de Galicia para facer referencia a todos os expedientes administrativos e non só aos expedientes sancionadores. A terceira engade a Lei do patrimonio cultural de Galicia para regular os supostos de infraccións graves nesta materia. E as dúas últimas son a correspondentes á habilitación normativa e á entrada en vigor da norma.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de Autonomía de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome de El-Rei a Lei de medidas fiscais e administrativas.

TÍTULO I Medidas fiscais

CAPÍTULO I Tributos cedidos

Artigo 1. Disposicións xerais

Engádese un novo punto Catro ao artigo 3 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, co seguinte contido:

Catro. Acreditación da condición de familia numerosa

A condición de familia numerosa acreditarase mediante o título oficial en vigor establecido para o efecto no momento da presentación da declaración do imposto, conforme o establecido na Lei 40/2003, do 18 de novembro, de protección ás familias numerosas.

A asimilación ao descendente do fillo ou filla concibido ou concibida e non nacido ou nacida prevista na Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e convivencia de Galicia, acreditarase mediante o carné familiar galego ou certificado expedido para o efecto, e terá efectos unicamente dentro da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2. Imposto sobre a renda das persoas físicas

Un. Modifícase o punto Dous do artigo 5 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, que queda redactado como segue:

Dous. Dedución por nacemento ou adopción de fillos

1. O contribuínte poderá deducir da cota íntegra autonómica por cada fillo nacido ou adoptado no período impositivo, que conviva co contribuínte na data da devindicación do imposto, a seguinte contía:

a) 300 euros, sempre que a base impoñible total menos os mínimos persoal e familiar para os efectos do IRPF sexa maior ou igual de 22.000,01 euros. En caso de parto múltiple, esta dedución ascenderá a 360 euros por cada fillo.

b) 360 euros, sempre que a base impoñible total menos os mínimos persoal e familiar para os efectos do IRPF sexa menor ou igual a 22.000 euros. Esta contía será de 1.200 euros se se trata do segundo fillo e de 2.400 se se trata do terceiro fillo ou seguintes.

A contía incrementarase nun 20 % para os contribuíntes residentes en municipios de menos de 5.000 habitantes e nos resultantes de procedementos de fusión ou incorporación.

2. A dedución estenderase aos dous períodos impositivos seguintes ao nacemento ou adopción, sempre que o fillo nacido ou adoptado conviva co contribuínte na data da devindicación do imposto que corresponda a cada un deles, segundo as seguintes contías e límites de renda:

a) 300 euros, sempre que a base impoñible total menos os mínimos persoal e familiar para os efectos do IRPF estea comprendida entre 22.000,01 e 31.000 euros.

b) 360 euros, sempre que a base impoñible total menos os mínimos persoal e familiar para os efectos do IRPF sexa menor ou igual a 22.000 euros. Esta contía será de 1.200 euros se se trata do segundo fillo e de 2.400 se se trata do terceiro fillo ou seguintes.

3. Cando, no período impositivo do nacemento ou adopción, ou nos dous seguintes, os fillos convivan con ambos os dous proxenitores a dedución practicarase por partes iguais na declaración de cada un deles.

4. As contías fixadas por esta dedución duplicaranse no caso de que o nacido ou adoptado teña recoñecido un grao de discapacidae igual ou superior ao 33 %.

Dous. Modifícase o punto Cinco do artigo 5 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, que queda redactado como segue:

CincDedución por coidado de fillos menores

Os contribuíntes que por motivos de traballo, por conta propia ou allea, teñan que deixar os seus fillos menores ao coidado dunha persoa empregada do fogar ou en escolas infantís de 03 anos poderán deducir da cota íntegra autonómica o 30 % das cantidades satisfeitas no período, co límite máximo de 400 euros, e 600 euros se teñen dous ou máis fillos, sempre que concorran os seguintes requisitos:

a) Que na data de devindicación do imposto os fillos teñan 3 ou menos anos de idade.

b) Que ambos os dous pais realicen unha actividade por conta propia ou allea pola que estean dados de alta no réxime correspondente da Seguridade Social ou mutualidade.

c) Que, no caso de que a dedución sexa aplicable por gastos dunha persoa empregada do fogar, esta estea dada de alta no réxime correspondente da Seguridade Social.

d) Que a base impoñible total menos os mínimos persoal e familiar para efectos do IRPF non exceda 22.000 euros en tributación individual ou 31.000 euros en tributación conxunta.

Cando máis dun contribuínte teña dereito á aplicación desa dedución respecto dos mesmos descendentes, o seu importe será rateado entre eles.

Tres. Modifícase o punto Sete do artigo 5 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, que queda redactado como segue:

Sete. Dedución por alugueiro de vivenda habitual

O contribuínte poderá deducir da cota íntegra autonómica o 10 %, cun límite de 300 euros por contrato de arrendamento, que será do 20 % cun límite de 600 euros se ten dous o máis fillos menores de idade, das cantidades que satisfixese durante o período impositivo en concepto de alugueiro da súa vivenda habitual, coa condición de que concorran os seguintes requisitos:

a) Que a súa idade, na data da devindicación do imposto, sexa igual ou inferior a 35 anos.

b) Que a data do contrato de arrendamento sexa posterior ao 1 de xaneiro de 2003.

c) Que constituíse o depósito da fianza á que se refire o artigo 36.1 da Lei 29/1994, de arrendamentos urbanos, no Instituto Galego da Vivenda e Solo, ou ben posúa copia compulsada da denuncia presentada ante o dito organismo por non entregarlle o citado xustificante a persoa arrendadora.

d) Que a base impoñible do período, antes da aplicación das reducións por mínimo persoal ou familiar, non sexa superior a 22.000 euros.

As contías fixadas por esta dedución duplicaranse no caso de que o arrendatario teña recoñecido un grao de discapacidade igual ou superior ao 33%.

Cando, cumprindo estes requisitos, dous contribuíntes teñan dereito á aplicación desta dedución, o importe total desta, sen exceder o límite establecido por contrato de arrendamento, ratearase por partes iguais na declaración de cada un deles.

No caso de tributación conxunta o requisito da idade deberá de cumprilo, polo menos, un dos cónxuxes ou, se for o caso, o pai ou a nai.

Catro. Modifícase o punto Nove do artigo 5 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, que queda redactado como segue:

Nove. Dedución por investimento na adquisición de accións ou participacións sociais en entidades novas ou de recente creación

1. Os contribuíntes poderán deducir na cota íntegra autonómica, e cun límite de 4.000 euros, o 20 % das cantidades investidas durante o exercicio na adquisición de accións ou participacións sociais como consecuencia de acordos de constitución de sociedades ou de ampliación de capital en sociedades anónimas, limitadas, sociedades laborais e cooperativas, sempre que se cumpran os seguintes requisitos:

a) A participación do contribuínte, computada xunto coas do cónxuxe ou persoas unidas por razón de parentesco, en liña directa ou colateral, por consanguinidade ou afinidade ata o terceiro grao incluído, non pode ser superior ao 40 % nin inferior ao 1 % do capital social da sociedade obxecto do investimento ou dos seus dereitos de voto en ningún momento e durante os tres anos seguintes á constitución ou ampliación.

b) A entidade na que hai que materializar o investimento debe cumprir os seguintes requisitos:

1. Debe ter o domicilio social e fiscal en Galicia e mantelo durante os tres anos seguintes á constitución ou ampliación.

2. Debe desempeñar unha actividade económica durante os tres anos seguintes á constitución ou ampliación. Para tal efecto, non debe ter por actividade principal a xestión dun patrimonio mobiliario ou inmobiliario, de acordo co disposto no artigo 4.8.dous.a) da Lei 19/1991, do 6 de xuño, do imposto sobre o patrimonio.

3. Debe contar, como mínimo, con dúas persoas ocupadas con contrato laboral e a xornada completa, dadas de alta no réxime xeral da Seguridade Social e con residencia habitual en Galicia, durante os tres anos seguintes á constitución ou ampliación.

4. No caso de que o investimento se realice mediante unha ampliación de capital, a sociedade mercantil debeu ser constituída nos tres anos anteriores á data desta ampliación, sempre que, ademais, durante os vinte e catro meses seguintes á data do inicio do período impositivo do imposto sobre sociedades en que se realizase a ampliación, o seu cadro de persoal medio con residencia habitual en Galicia se incrementase, polo menos, en dúas persoas, respecto do cadro de persoal medio con residencia habitual en Galicia nos doce meses anteriores, e que o devandito incremento se manteña durante un período adicional doutros vinte e catro meses.

Para o cálculo do cadro de persoal medio total da empresa e do seu incremento tomaranse as persoas empregadas, nos termos que dispoña a lexislación laboral, tendo en conta a xornada contratada en relación coa xornada completa.

c) As operacións nas que sexa aplicable a dedución deben formalizarse en escritura pública, na cal se debe especificar a identidade dos investidores e o importe do investimento respectivo.

d) As participacións adquiridas deben manterse no patrimonio do contribuínte durante un período mínimo de tres anos, seguintes á constitución ou ampliación.

Cinco. Engádese o punto Doce ao artigo 5 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, co seguinte contido:

Doce. Dedución por doazóns con finalidade en investigación e desenvolvemento científico e innovación tecnolóxica

1. Os contribuíntes poderán deducir da cota íntegra autonómica do imposto o 25 %, ata o límite do 10 % da devandita cota, dos donativos monetarios que se fagan a favor de centros de investigación adscritos a universidades galegas e dos promovidos ou participados pola Comunidade Autónoma de Galicia que teñan por obxecto o fomento da investigación científica e o desenvolvemento e a innovación tecnolóxicos.

2. A dedución queda condicionada á xustificación documental axeitada e suficiente dos presupostos de feito e dos requisitos que determinan a súa aplicabilidade. En particular, as entidades beneficiarias destes donativos deben enviar á Axencia Tributaria de Galicia, dentro dos primeiros vinte días de cada ano, unha relación das persoas físicas que efectuaron donativos durante o ano anterior, coa indicación das cantidades doadas por cada unha destas persoas.

Seis. Engádese o punto Trece ao artigo 5 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, co seguinte contido:

Trece. Dedución por investimento en instalacións de climatización e/ou auga quente sanitaria que empreguen enerxías renovables na vivenda habitual e destinadas exclusivamente ao autoconsumo

1. Os contribuíntes poderán deducir na cota íntegra autonómica o 5 % das cantidades satisfeitas no exercicio pola instalación na vivenda habitual de sistemas de climatización e/ ou auga quente sanitaria nas edificacións que empreguen fontes de enerxía renovables, e cun límite de 280 ¬ por suxeito pasivo.

Enténdese por enerxías renovables aquelas ás que se refire o artigo 2 da Directiva 2009/28/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de abril de 2009, relativa ao fomento do uso de enerxía procedente de fontes renovables e pola que se modifican e se derrogan as directivas 2001/77/CE e 2003/30/CE.

No caso de edificios de vivendas en réxime de propiedade horizontal que sexan de nova construción ou nos que se proceda á substitución dos equipos de xeración térmica por outros que empreguen enerxías renovables, esta dedución poderá aplicala cada un dos propietarios individualmente na porcentaxe que lle corresponda na comunidade de propietarios.

2. A base desta dedución estará constituída polas cantidades efectivamente satisfeitas na totalidade da instalación, isto é, sistema de xeración, sistema de emisión térmica e sistema de captación, mediante tarxeta de crédito ou débito, transferencia bancaria, cheque nominativo ou ingreso en contas en entidades de crédito, aos instaladores habilitados que realicen a instalación. En ningún caso darán dereito a practicar esta dedución as cantidades satisfeitas mediante entregas de diñeiro de curso legal.

3. Só se poderá practicar a dedución se se cumpren os seguintes requisitos:

a) A instalación debe estar debidamente rexistrada polo instalador, que debe estar habilitado para o efecto, na Oficina Virtual de Industria (OVI), segundo o establecido no Regulamento de instalacións térmicas en edificios aprobado por Real decreto 1027/2007, do 20 de xullo. Remitiráselle ao titular ou empresa que rexistrou a instalación un código de verificación desta.

b) Posteriormente, e sempre antes de que expire o prazo para presentar a autoliquidación correspondente ao período impositivo en que se sufragou a instalación, será necesario achegar a través da OVI a seguinte documentación:

O orzamento analizado da instalación.

A factura ou facturas emitida/s polo instalador habilitado.

O/os xustificante/s de pagamento pola totalidade do custo da instalación.

No caso de se efectuar o investimento por unha comunidade de propietarios, deberá achegarse un certificado, emitido polo seu representante legal, das achegas económicas correspondentes a cada comuneiro.

No caso de que a instalación se realice nunha vivenda unifamiliar, esta documentación será achegada polo suxeito pasivo. De se tratar de edificios en réxime de propiedade horizontal, será achegada polo representante legal da comunidade de propietarios ou por unha persoa autorizada para o efecto.

Artigo 3. Tipo de gravame autonómico no imposto sobre hidrocarburos

Modifícase o punto Dous do artigo 18 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, que queda redactado como segue:

Dous. O tipo autonómico de devolución do gasóleo de uso profesional do imposto sobre hidrocarburos ao que se refire o punto 6.a) do artigo 52 bis da Lei 38/1992, do 28 de decembro, de impostos especiais, establécese en 48 euros por 1.000 litros.

Artigo 4. Taxas fiscais sobre o xogo

Un. Engádese un novo número 5 ao punto Un do artigo 19 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, co seguinte contido:

5. Os xogos excluídos do ámbito de aplicación da Lei reguladora do xogo de Galicia.

Dous. Modifícase o punto Dous do artigo 19 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, que queda redactado como segue:

Dous. Base impoñible

1. Con carácter xeral, a base impoñible virá constituída polo importe total das cantidades que os xogadores ou as xogadoras dediquen á súa participación nos xogos.

2. Establécense as seguintes regras especiais:

a) Nas rifas e tómbolas, a base impoñible virá constituída polo importe total dos boletos ou billetes ofrecidos.

b) Nas combinacións aleatorias, a base impoñible virá constituída polo valor dos premios ofrecidos. Para estes efectos entenderase por valor dos premios o valor de mercado destes, e incluirase así mesmo a suma de todos os gastos necesarios para a posta á disposición do premio.

c) Nas apostas, a base impoñible poderá vir constituída por:

c.1) O importe total dos billetes, boletos ou xustificantes de participación vendidos, calquera que sexa o medio a través do que se realizasen.

c.2) A diferenza entre a suma total das cantidades apostadas e o importe dos premios satisfeitos polo operador aos participantes no xogo. Neste caso, a cuantificación da base impoñible referirase ao ano natural.

d) Cando a participación en calquera dos xogos gravados por este tributo se realice, na súa totalidade ou en parte, mediante servizos de telecomunicación sobretarifados ou con tarifación adicional, a base impoñible virá determinada polo valor dos premios ofrecidos, e incluiranse así mesmo a suma de todos os gastos necesarios para a organización e realización do xogo e para a posta á disposición do premio e mais os importes percibidos correspondentes á sobretarifación da participación no xogo, excluído o imposto indirecto sobre o valor engadido ou calquera outro imposto indirecto deste carácter que grave as operacións realizadas.

3. Para a determinación da base impoñible poderán ser empregados os réximes de estimación directa ou de estimación obxectiva, regulados na Lei xeral tributaria. Poderán igualmente determinarse, mediante convenios, servindo en todo caso como signos, índices ou módulos, o número e o valor dos billetes, boletos ou xustificantes de participación, calquera que sexa o medio a través do que se expedisen ou emitisen, o importe dos premios e/ou as bases de poboación.

A base impoñible determinarase con carácter xeral por estimación directa. Nos supostos de participación a través de medios técnicos, telemáticos, interactivos ou de forma remota, estes medios deberán conter o procedemento ou os elementos de control necesarios que garantan a exactitude na determinación da base impoñible. Para estes efectos, o suxeito pasivo deberá dispor dun sistema informático que lle permita á Administración tributaria o control telemático da xestión e o pagamento do tributo correspondente.

A base impoñible poderá determinarse mediante estimación obxectiva por medio da aplicación das magnitudes, dos índices, dos módulos ou dos datos previstos regulamentariamente.

Tres. Modifícase o punto Catro do artigo 19 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, que queda redactado como segue:

Catro. Devindicación e período impositivo

A taxa sobre rifas, tómbolas, apostas e combinacións aleatorias, cando o seu rendemento lle corresponda á Comunidade Autónoma de Galicia, devindicarase:

a) Nas rifas, tómbolas e combinacións aleatorias, ao concederse a autorización necesaria para a súa realización. En defecto de autorización, devindicarase cando se realicen, sen prexuízo das responsabilidades doutra orde que procedan.

b) Nas combinacións aleatorias que non precisen autorización, no momento en que se organicen ou se inicie a súa realización.

c) Nas apostas e para calquera outro suposto destes xogos nos que a autorización permita o desenvolvemento do xogo dun xeito continuado ao longo do tempo, o primeiro ano a devindicación coincidirá coa data da autorización e os anos subseguintes co 1 de xaneiro de cada ano natural. Nestes casos o período impositivo coincidirá co ano natural.

Catro. Modifícase o punto Dous do artigo 20 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, que queda redactado como segue:

Dous. Base impoñible

1. A base impoñible da taxa será a seguinte:

a) No caso do xogo en casinos ou do xogo da lotaría instantánea electrónica, virá constituída pola diferenza entre o importe total dos ingresos obtidos procedentes do xogo e as cantidades satisfeitas aos xogadores ou ás xogadoras polas súas ganancias.

b) No xogo do bingo nas súas distintas modalidades, incluído o bingo electrónico, a base impoñible virá constituída pola diferenza entre a suma total dos ingresos pola adquisición dos cartóns ou polo valor facial destes e as cantidades destinadas a premios satisfeitas aos xogadores ou ás xogadoras polas súas ganancias.

c) Nos xogos e concursos difundidos mediante radio ou televisión e nos que a participación se realice, na súa totalidade ou en parte, mediante servizos de telecomunicación sobretarifados ou con tarifación adicional, a base impoñible virá determinada pola suma do valor dos premios e mais polas cantidades correspondentes á sobretarifación da participación no xogo, excluído o imposto indirecto sobre o valor engadido ou calquera outro imposto indirecto deste carácter que grave as operacións realizadas. Para estes efectos entenderase por valor dos premios o valor de mercado destes, e incluirase así mesmo a suma de todos os gastos necesarios para a organización e realización do xogo e para a posta á disposición do premio.

d) No resto dos supostos, a base impoñible virá constituída polas cantidades que os xogadores ou as xogadoras dediquen á súa participación nos xogos que se realicen nos distintos locais, en instalacións ou en recintos onde se realicen xogos de sorte, envite ou azar.

2. Para a determinación da base impoñible poderán ser empregados os réximes de estimación directa ou de estimación obxectiva, regulados na Lei xeral tributaria. Poderán igualmente determinarse mediante convenios, servindo en todo caso como signos, índices ou módulos, o número e o valor dos billetes, boletos ou xustificantes de participación, calquera que sexa o medio a través do cal se expedisen ou emitisen, o importe dos premios e/ou as bases de poboación.

A base impoñible determinarase con carácter xeral por estimación directa. Nos supostos do xogo do bingo nas súas distintas modalidades e dos xogos desenvolvidos a través da internet, por medios técnicos, telemáticos, interactivos ou dunha forma remota, os medios de desenvolvemento e xestión do xogo deberán conter o procedemento ou os elementos de control necesarios que garantan a exactitude na determinación da base impoñible. Para estes efectos, o suxeito pasivo deberá dispor dun sistema informático que lle permita á Administración tributaria o control telemático da xestión e o pagamento do tributo correspondente.

A base impoñible poderá determinarse mediante estimación obxectiva por medio da aplicación das magnitudes, dos índices, dos módulos ou dos datos previstos regulamentariamente.

Artigo 5. Disposicións formais e procedementais

Un. Modifícase o punto 4 do artigo 21 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, que queda redactado como segue:

4. As declaracións ou declaracións-liquidacións presentaranse na forma, lugar e prazos e coa documentación que se determine mediante orde da consellaría competente en materia de facenda.

Dous. Modifícase o artigo 27 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, que queda redactado como segue:

Artigo 27. Comprobación de valores

Un. Comprobación de valores. Norma xeral

Para efectuar a comprobación de valores, a Administración tributaria poderá utilizar, indistintamente, calquera medio dos establecidos no artigo 57 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria.

A Comunidade Autónoma de Galicia recoñécelles eficacia xurídica aos valores establecidos por outra comunidade autónoma para os bens inmobles situados no seu territorio, en virtude dalgún dos medios de valoración incluídos no artigo 57.1 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, e poderá aplicar estes valores para os efectos dos impostos sobre sucesións e doazóns, sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados.

Dous. Estimación por referencia aos valores que figuren nos rexistros oficiais de carácter fiscal

Nas comprobacións de valor de inmobles polo medio establecido no artigo 57.1.b) da Lei 58/2003, xeral tributaria, a Administración tributaria poderá aplicar coeficientes multiplicadores que se aproben e publiquen mediante orde da consellaría competente en materia de facenda aos valores contidos no catastro inmobiliario. Tratándose doutro tipo de bens, a comprobación de valores poderá referirse directamente aos que figuren nos rexistros oficiais de carácter fiscal que determine a Administración tributaria galega, que poderá declarar o recoñecemento como rexistro oficial de carácter fiscal de calquera rexistro elaborado ou asumido como oficial pola Xunta de Galicia que inclúa valores deses bens, sempre que se aproben e publiquen mediante orde da consellaría competente en materia de facenda. Na aplicación dos valores procedentes destes rexistros poderá procederse á súa actualización mediante os índices de variación de prezos publicados polas distintas administracións públicas ou por institucións especializadas.

Tres. Prezos medios de mercado

1. Nas comprobacións de valor de inmobles polo medio establecido no artigo 57.1.c) da Lei 58/2003, xeral tributaria, a Administración tributaria aprobará e publicará a metodoloxía empregada no seu cálculo, que incluirá as táboas dos propios prezos medios resultantes ou ben as táboas dos compoñentes ou valores básicos (solo, construción e gastos/beneficios), así como dos coeficientes singularizadores. Estes últimos teñen como finalidade adaptar os prezos medios á realidade física do ben que se valore e recollen a variabilidade do valor en función das características particulares do ben. Esta normativa técnica aprobarase mediante orde da consellaría competente en materia de facenda.

As táboas actualizaranse periodicamente conforme as variacións do mercado inmobiliario, e poderán adoptarse, para este caso, os índices de variación de prezos inmobiliarios publicados polas distintas administracións públicas ou por institucións especializadas en estatística inmobiliaria.

O proceso de singularización pode facerse de oficio pola Administración, cando teña constancia da existencia da singularidade, ou por requirimento do administrado, mediante a indicación da presenza desta. En calquera caso, o órgano liquidador poderá aplicar o correspondente coeficiente que recolla o feito singular posto de manifesto sen necesidade de intervención dun perito, sempre que o valor do coeficiente estea parametrizado segundo esta normativa. Será suficiente a motivación da comprobación de valor que inclúa unha correcta identificación do ben, unha aplicación do prezo medio que corresponda e unha adaptación deste ao caso concreto a través dos coeficientes singularizadores que determine a normativa técnica sinalada no parágrafo primeiro.

2. As comprobacións de valor dos inmobles a través de prezos medios de mercado poderán realizarse de forma automatizada a través de técnicas e medios electrónicos, informáticos e telemáticos de acordo co establecido no artigo 96 da Lei 58/2003, xeral tributaria.

Catro. Ditame de peritos da Administración

Nas comprobacións de valor de inmobles polo medio establecido no artigo 57.1.e) da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, o perito, para os efectos de expresar a procedencia e o modo de determinación do módulo unitario básico empregado, poderá tomar como referencia, se decide optar por métodos analíticos de valoración e para os efectos de motivación, os módulos unitarios básicos contidos, se é o caso, nos rexistros oficiais de carácter fiscal do artigo 27.Dous deste texto refundido, nas táboas dos compoñentes ou valores básicos de prezos medios de mercado a que alude a normativa técnica mencionada no artigo 27.Tres deste texto refundido ou ben os establecidos por outra comunidade autónoma para os bens inmobles situados no seu territorio.

Cinco. Capitalización ou imputación de rendementos á porcentaxe que a lei de cada tributo sinale

Poderá utilizarse no imposto sobre sucesións e doazóns e no imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados o medio de comprobación establecido no artigo 57.1.a) da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria. Para estes efectos a porcentaxe que se utilizará será o xuro de mora ao que se refire o artigo 26.6 da mesma norma.

Tres. Modifícase o artigo 30 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, que queda redactado como segue:

Artigo 30. Liquidación e pagamento da taxa fiscal sobre rifas, tómbolas, apostas e combinacións aleatorias

1. Os suxeitos pasivos da taxa que grava os xogos aos que se refiren as letras a) e b) do punto Catro do artigo 19 deberán presentar, na forma, no lugar e no prazo determinados por orde da consellaría competente en materia de facenda, declaración dos feitos sometidos a gravame. Na falta de disposición regulamentaria, os suxeitos pasivos deberán presentar declaración no prazo dun mes, contado desde o momento da devindicación, ante o órgano competente da Administración tributaria.

2. Os suxeitos pasivos da taxa que grava os xogos aos que se refire a letra c) do punto Catro do artigo 19 deberán presentar, na forma, no lugar e nos prazos determinados por orde da consellaría competente en materia de facenda, declaración dos feitos sometidos a gravame. Estes suxeitos pasivos estarán obrigados a efectuar pagamentos á conta do importe da débeda tributaria definitiva, por aplicación do tipo de gravame sobre a base impoñible provisional acumulada desde o principio do período impositivo ata o final do prazo ao que se refire o pagamento, autoliquidando e ingresando o seu importe na contía, condicións, forma, lugar e prazos determinados na orde da consellería competente en materia de facenda.

3. A consellaría competente en materia de facenda aprobará, de ser o caso, os modelos mediante os que os suxeitos pasivos deberán declarar, autoliquidar e ingresar o importe correspondente na forma, no lugar e nos prazos que determine regulamentariamente. A consellaría competente en materia de facenda poderá dispor que as declaracións e/ou autoliquidacións do tributo se efectúen mediante os programas informáticos de axuda que, se é o caso, se aproben. Así mesmo, poderá dispor a obrigatoriedade da súa presentación e o pagamento mediante medios telemáticos.

Catro. Engádese un novo artigo 39 ao texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, co seguinte contido:

Artigo 39. Subministración de información sobre xogos

Co fin de facilitar o debido control do cumprimento das obrigas tributarias dos suxeitos pasivos dos tributos sobre o xogo, e, especialmente a integridade da base impoñible, os operadores de xogo deberán remitir por vía telemática aos órganos e unidades administrativas da Administración tributaria da consellaría competente en materia de facenda unha declaración informativa comprensiva dos elementos que teñan relevancia para garantir a exactitude na determinación da base impoñible.

A consellaría competente en materia de facenda establecerá os procedementos, a estrutura, o formato, os prazos e as condicións en que debe ser remitida a declaración informativa.

CAPÍTULO II Tributos propios

Artigo 6. Imposto sobre a contaminación atmosférica

Un. Suprímese o artigo 5 da Lei 12/1995, do 29 de decembro, do imposto sobre a contaminación atmosférica.

Dous. Modifícase o artigo 10 da Lei 12/1995, do 29 de decembro, do imposto sobre a contaminación atmosférica, que queda redactado como segue:

Artigo 10. Determinación da base impoñible

1. A base impoñible determinarase, para cada foco emisor:

a) Con carácter xeral, por estimación directa, deducida da declaración do suxeito pasivo e verificada pola Administración, ou, de ser o caso, polos datos ou documentos obxecto de comprobación administrativa, consonte o establecido no artigo seguinte.

b) Mediante estimación obxectiva, nos supostos previstos regulamentariamente, mediante métodos aceptados nacional ou internacionalmente e deducindo a cantidade de contaminantes emitida de indicadores obxectivos vinculados á actividade, ao proceso de produción de que se trate e aos combustibles, materias primas e calquera outro material empregado no desenvolvemento da actividade, ou por referencia aos índices, módulos ou calquera outro parámetro determinado regulamentariamente. Cando o suxeito pasivo determine a base impoñible mediante estimación obxectiva, o método será aplicable para todo o período impositivo, nas condicións establecidas regulamentariamente.

c) Por estimación indirecta, nos casos e por calquera dos medios sinalados na normativa tributaria xeral.

2. A Administración tributaria, nas súas actuacións de comprobación e investigación, para determinar a base impoñible por calquera dos métodos sinalados no punto anterior, poderá empregar os datos de emisión declarados polos suxeitos pasivos ante os órganos medioambientais ou que consten en calquera instrumento rexistral, ou ben os valores de emisión determinados ou verificados polos órganos medioambientais, así como calquera outro dato que conste en poder da Administración que sexa necesario.

Tres. Modifícase o artigo 11 da Lei 12/1995, do 29 de decembro, do imposto sobre a contaminación atmosférica, que queda redactado como segue:

Artigo 11. Estimación directa da base impoñible

1. A estimación da base impoñible realizarase mediante procedementos de medición que apliquen métodos normalizados ou aceptados previamente pola consellaría competente en materia de medio ambiente, utilizando normas CEN aplicables. De non haber normas CEN dispoñibles, aplicaranse as normas ISO ou nacionais. De non existiren normas aplicables, poderán utilizarse procedementos consonte os proxectos de normas ou directrices da industria sobre mellores prácticas. No caso de que nun sector industrial concreto non exista ningunha metodoloxía recoñecida de estimación de emisións ou de guías ou directrices da industria de mellores prácticas, poderá estimarse a base impoñible baseándose en estimacións non normalizadas, deducidas das mellores hipóteses ou de opinións autorizadas.

2. Naqueles supostos en que as instalacións estean obrigadas a incorporar, en virtude da normativa vixente, monitores para a medición en continuo de concentración das substancias emitidas e de caudais, o suxeito pasivo deberá determinar a base impoñible mediante estes monitores, sempre e cando sexan representativas das condicións habituais de operación do proceso, consonte o disposto regulamentariamente.

3. Naqueles supostos en que as instalacións industriais incorporen os ditos medidores, sen que sexa obrigatorio consonte a normativa vixente, o suxeito pasivo poderá determinar a base impoñible mediante estes monitores, sempre e cando sexan representativas das condicións habituais de operación do proceso, consonte o disposto regulamentariamente.

4. A utilización dos rexistros en continuo de SOx e NOx para a determinación da base impoñible en réxime de estimación directa só será posible se para ambas as substancias se verifica que a captura de datos horarios válidos de cada monitor é superior ao 75 % dos correspondentes ao número de horas de funcionamento da dita instalación en cada período de liquidación.

5. Os monitores de medición que se utilicen para a determinación da base impoñible deberán cumprir a norma UNEEN 14181, Aseguramento da calidade dos sistemas automáticos de medida, e, no caso de que esta norma non sexa obrigatoria segundo a lexislación, deberán cumprir o indicado na instrución técnica ITC 12Certificación dos sistemas automáticos de medida de emisións, da consellaría competente en materia de medio ambiente, así como as actualizacións que poidan realizarse tanto da norma UNEEN 14181 como da instrución.

Catro. Modifícase o artigo 14 da Lei 12/1995, do 29 de decembro, do imposto sobre a contaminación atmosférica, que queda redactado como segue:

Artigo 14. Aplicación do imposto

1. Por proposta da consellaría competente en materia de facenda, e mediante decreto, a Xunta aprobará as normas de aplicación do imposto.

2. O exercicio das funcións de aplicación e de revisión do imposto, así como o exercicio da potestade sancionadora en materia tributaria, corresponderanlles aos órganos ou ás unidades administrativas competentes da Administración tributaria da consellaría competente en materia de facenda que determine a súa norma organizativa.

3. Sen prexuízo do establecido no punto anterior, os órganos administrativos competentes nas materias de medio ambiente, enerxía e industria auxiliarán os órganos de aplicación deste imposto e colaborarán con eles, no marco das súas respectivas competencias, para a liquidación, comprobación e investigación do imposto, mediante, entre outras actuacións, a elaboración de informes por petición deles, a expedición de certificados oficiais dos datos necesarios para a liquidación do tributo e/ou a cesión informática dos datos sinalados.

Cinco. Modifícase o artigo 15 da Lei 12/1995, do 29 de decembro, do imposto sobre a contaminación atmosférica, que queda redactado como segue:

Artigo 15. Presentación de declaracións e autoliquidacións

1. Para os efectos de aplicación do imposto, os suxeitos pasivos están obrigados, na forma e nos prazos que se establezan regulamentariamente para o efecto, a presentar unha declaración inicial mediante os modelos que aprobe a consellaría competente en materia de facenda, por cada un dos focos de emisión dos que sexan titulares. Do mesmo xeito, están obrigados a presentarlle á Administración unha modificación da declaración inicial cando varíen os datos declarados.

2. Os suxeitos pasivos están obrigados, na forma, lugar e prazos que se establezan regulamentariamente para o efecto, a presentar, por cada un dos focos de emisión dos que sexan titulares, autoliquidación do imposto, pola que determinarán a débeda tributaria correspondente e ingresarán o seu importe, mediante os modelos que aprobe a consellaría competente en materia de facenda. Do mesmo xeito, os suxeitos pasivos estarán obrigados a efectuar pagamentos á conta do importe da débeda tributaria definitiva, por aplicación do tipo de gravame sobre a base impoñible provisional acumulada desde o principio do período impositivo ata o final do prazo ao que se refira o pagamento, autoliquidando e ingresando o seu importe na contía, condicións, forma, lugar e prazos determinados na orde da consellaría competente en materia de facenda.

3. A consellaría competente en materia de facenda poderá dispor que as declaracións e autoliquidacións se efectúen mediante os programas informáticos de axuda que, de ser o caso, se aproben. Así mesmo, poderá dispor a obriga da súa presentación e o pagamento mediante medios telemáticos.

Seis. Modifícase o artigo 16 da Lei 12/1995, do 29 de decembro, do imposto sobre a contaminación atmosférica, que queda redactado como segue:

Artigo 16. Potestade sancionadora

A potestade sancionadora en materia tributaria exercerase conforme os seus principios reguladores en materia administrativa e as especialidades previstas na Lei xeral tributaria, e serán aplicables as disposicións xerais contidas nela.

A clasificación das infraccións e sancións tributarias e o procedemento sancionador tributario rexeranse polo establecido na Lei xeral tributaria e nas demais disposicións que a desenvolvan e complementen.

Sete. Modifícase o artigo 17 da Lei 12/1995, do 29 de decembro, do imposto sobre a contaminación atmosférica, que queda redactado como segue:

Artigo 17. Revisión

Os actos e as actuacións de aplicación deste tributo, así como os actos de imposición de sancións tributarias, serán revisables consonte as disposicións contidas na Lei xeral tributaria.

O coñecemento das reclamacións económico-administrativas corresponderalles con exclusividade aos órganos económico-administrativos da Comunidade Autónoma, sen prexuízo da vía contenciosa.

Oito. Engádese unha nova disposición derradeira terceira na Lei 12/1995, do 29 de decembro, do imposto sobre a contaminación atmosférica, co seguinte contido:

Disposición derradeira terceira. Habilitación para a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia

A Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma poderá modificar calquera elemento do imposto.

Nove. Engádese unha nova disposición derradeira cuarta na Lei 12/1995, do 29 de decembro, do imposto sobre a contaminación atmosférica, co seguinte contido:

Disposición derradeira cuarta. Habilitación normativa

A Xunta de Galicia ditará cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento regulamentario desta lei, e autorízase a consellaría competente en materia de facenda para aprobar as disposicións que sexan precisas para a aplicación deste tributo.

Artigo 7. Taxas

Introdúcense as seguintes modificacións na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, na súa redacción vixente:

1) Modifícase o punto 2 do artigo 28, Bonificacións, que queda redactado como segue:

2. Establécese unha bonificación dun 30 % nas tarifas da taxa por certificación da etiqueta ecolóxica para solicitantes inscritos no sistema comunitario de xestión e auditoría ambiental EMAS ou dun 15 % nos certificados consonte a norma ISO 14001, de conformidade co disposto no anexo III do Regulamento 66/2010 do Parlamento Europeo e do Consello, do 25 de novembro de 2009, relativo á etiqueta ecolóxica da UE, segundo a modificación realizada polo Regulamento 782/2013 da Comisión, do 14 de agosto, polo que se modifica o Regulamento 66/2010 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo á etiqueta ecolóxica.

2) Modifícanse as letras a), b) e d) do punto 2 do artigo 40, Bonificacións e exencións, que quedan redactadas como segue:

a) Cando os suxeitos pasivos realicen investimentos en obras de abrigo, recheo, consolidación ou mellora de terreos, a contía da bonificación determinarase en función do investimento realizado, atendendo ao tipo de obra e ao seu custo, e non poderá exceder do 50 % da contía correspondente á ocupación dos terreos de similar utilidade que se atopen máis próximos no porto.

A bonificación que se deberá aplicar será a que corresponda segundo o seguinte cadro:

[figura]

Sendo:

Coeficiente A: o custo das obras de formación de abrigo, recheo, consolidación ou mellora de terreos expresado en euros/m². Neste valor por metro cadrado das obras teranse en conta, cando corresponda, as infraestruturas e elementos de contención, os materiais de recheo e explanación e as conducións para servizos e pavimentos. O custo será calculado por Portos de Galicia con base nos prezos de proxecto no momento do outorgamento da concesión.

Coeficiente B: a taxa por utilización privativa, ocupación ou aproveitamento especial en ¬/m², no momento do outorgamento da concesión ou da autorización das obras, aplicable á superficie que se vaia encher, consolidar ou mellorar polo período concesional que falta por gozar da concesión no momento da autorización das obras en anos enteiros.

A bonificación aplicarase unicamente durante o prazo inicial da concesión e desde a finalización das obras. Nas posibles prórrogas que se outorguen aplicarase unha bonificación do 10 %.

No suposto de concesións xa outorgadas será de aplicación o disposto anteriormente, pero o custo das obras será calculado por Portos de Galicia con base nos prezos de proxecto actualizados co IPC nacional no momento da inclusión da bonificación no título concesional. A taxa será a que corresponda, en aplicación da presente lei, no momento da inclusión da bonificación no título concesional e o prazo será o restante entre a data de autorización da obras e a data de vixencia da concesión en anos enteiros. Aplicarase a bonificación desde a súa inclusión no título concesional.

b) Cando o obxecto da concesión consista na urbanización e comercialización de zonas de almacenaxe e de actividades loxísticas, a contía de bonificación determinarase en función do investimento privado realizado, atendendo ao tipo de obra e ao seu custo, e non poderá exceder do 40 % da contía correspondente á ocupación de terreos onde se localiza a actuación. Esta bonificación non se poderá aplicar durante un período superior ao establecido para a finalización de cada fase de urbanización no título concesional.

A bonificación en cada fase establecerase en función da relación entre o investimento privado e o valor do terreo correspondente á fase en cuestión, para efectos do cálculo da taxa de ocupación de terreos, segundo a seguinte escala:

[figura]

Sendo:

Coeficiente A: o investimento unitario en obras de urbanización establecido por Portos de Galicia con base nos prezos de proxecto, no momento do outorgamento da concesión, expresado en ¬/m².

Coeficiente B: o valor unitario da superficie de terreo que vaia ser obxecto da urbanización e comercialización correspondente á fase en cuestión, para efectos da aplicación da taxa pola ocupación de terreos de dominio público portuario no momento do outorgamento da concesión, expresada en ¬/m².

A bonificación será establecida por Portos de Galicia no título de outorgamento da concesión, no que se fará constar o valor da bonificación correspondente a cada fase en que sexa de aplicación.

Esta bonificación será compatible coa descrita na letra a), pero neste caso a suma de ambas as dúas non poderá ser superior ao 50 % da contía da taxa correspondente aos terreos obxecto das dúas bonificacións, e os investimentos tomados para o cálculo non poderán conter unidades de obra coincidentes.

d) Cando o titular da concesión ou autorización sexa algún órgano das administracións públicas e o obxecto daquelas sexan actividades de interese social e cultural. O importe desta bonificación será do 50 % da contía correspondente.

3) Modifícase a subalínea 01 da alínea 07 do anexo 1, que queda redactada como segue:

Autorización de explotación

Máquinas tipo A especial 58,28

Máquinas tipo B ou B especial 95,46

Máquinas tipo C 190,79

Autorización de instalación e localización 153,74

4) Modifícase a subalínea 03 da alínea 07 do anexo 1, que queda redactada como segue:

Cambios na autorización de instalación e localización, extinción ou denuncia 68,38

5) Modifícase a subalínea 06 da alínea 07 do anexo 1, que queda redactada como segue:

Comunicación de cambio de titularidade do negocio desenvolvido nun establecemento que dispón de autorización de instalación e localización 64,25

6) Modifícase a subalínea 07 da alínea 07 do anexo 1, que queda redactada como segue:

Comunicación de localización de máquina

Máquinas tipo A especial 13,99

Máquinas tipo B ou B especial 22,08

Máquinas tipo C 44,17

7) Modifícase a subalínea 08 da alínea 07 do anexo 1, que queda redactada como segue:

Homologación de modelos de máquinas de xogo. No caso das máquinas tipo B ou B especial, a contía multiplicarase por cada xogo que insira a máquina

Homologación e inscrición de máquinas tipo A especial 150,00

Homologación e inscrición de máquinas tipo B ou B especial 300,00

Homologación e inscrición de máquinas tipo C 500,00

8) Modifícase a subalínea 14 da alínea 07 do anexo 1, que queda redactada como segue:

Comunicación de exhibición de prototipos de modelos en feiras e exposicións

Máquinas tipo A especial 13,99

Máquinas tipo B ou B especial 22,08

Máquinas tipo C 44,17

9) Modifícase a subalínea 15 da alínea 07 do anexo 1, que queda redactada como segue:

Outras inscricións no Rexistro de Modelos de Máquinas: modificacións substanciais da inscrición, cancelación da inscrición ou autorización da cesión da inscrición. No caso das máquinas tipo B ou B especial a contía multiplicarase polo número de xogos que se modifiquen

Máquinas tipo A especial 93,25

Máquinas tipo B ou B especial 184,01

Máquinas tipo C 220,79

10) Modifícase a subalínea 16 da alínea 07 do anexo 1, que queda redactada como segue:

Inscrición no Rexistro de modelos de modificacións non substanciais da inscrición segundo o tipo de máquina

Máquinas tipo A especial 46,62

Máquinas tipo B ou B especial 92,00

Máquinas tipo C 110,39

11) Modifícase a subalínea 19 da alínea 07 do anexo 1, que queda redactada como segue:

Homologación de sistemas de interconexión de máquinas

Máquinas tipo B ou B especial 300,00

Máquinas tipo C 500,00

12) Modifícase a subalínea 20 da alínea 07 do anexo 1, que queda redactada como segue:

Modificación de sistemas de interconexión de máquinas de xogo

Máquinas tipo B ou B especial 92,80

Máquinas tipo C 127,89

13) Modifícase a subalínea 21 da alínea 07 do anexo 1, que queda redactada como segue:

Autorización de instalación de sistemas de interconexión de máquinas de xogo e as súas modificacións

Máquinas tipo B ou B especial 92,80

Máquinas tipo C 127,89

14) Suprímese a subalínea 22 da alínea 07 do anexo 1.

15) Modifícase a subalínea 27 da alínea 07 do anexo 1, que queda redactada como segue:

Recoñecementos de modelos e certificacións de laboratorio

Máquinas tipo A especial 93,25

Máquinas tipo B ou B especial 184,01

Máquinas tipo C 220,79

16) Modifícase a subalínea 28 da alínea 07 do anexo 1, que queda redactada como segue:

Cesión de inscrición de modelos

Máquinas tipo A especial 93,25

Máquinas tipo B ou B especial 184,01

Máquinas tipo C 220,79

17) Engádese a subalínea 11 á alínea 14 do anexo 1:

Licenza única interautonómica en materia de pesca continental 25,00

18) Engádese a subalínea 05 á alínea 15 do anexo 1:

Licenza única interautonómica en materia de caza 70,00

19) Engádense os seguintes parágrafos á alínea 19 do anexo 1:

Probas de aptitude para a obtención do certificado profesional de capitán de pesca 120,00

Probas de aptitude para a obtención do certificado profesional de aumento de atribucións 78,25

20) Modifícase a contía do seguinte parágrafo da subalínea 02 da alínea 20 do anexo 1, que queda redactado como segue:

Solicitude de homologación ao título español superior de deseño, superior de vidro ou superior de cerámica. 90,09

21) Engádese o seguinte parágrafo á subalínea 06 da alínea 21 do anexo 1:

Para o título de patrón de motonáutica A ou B 82,87

22) Modifícase a letra c) da alínea 27 do anexo 1, que queda redactada como segue:

c) Copia en soporte dixital

Ata 1 GB 4,00

Por cada 0,5 GB ou fracción 1,00

23) Créase a alínea 57 do anexo 1:

Accións formativas dirixidas á obtención de certificados de profesionalidade, non financiadas con fondos públicos

Solicitude de autorización para impartir accións formativas 100,00

Seguimento, control e avaliación das accións autorizadas 300,00

24) Modifícase a subalínea 06 da alínea 01 do anexo 2, que queda redactada como segue:

Expedición de títulos e certificados xustificativos da disposición da competencia profesional para o exercicio da actividade do transporte e/ ou para o exercicio da función de conselleiro de seguridade no transporte de mercadorías perigosas 21,40

25) Modifícase a subalínea 17 da alínea 01 do anexo 2, que queda redactada como segue:

Expedición de certificados acreditativos da obtención da aptitude profesional para a condución de determinados vehículos destinados ao transporte por estrada 21,40

26) Créase a subalínea 20 da alínea 01 do anexo 2:

Inscrición nas probas para a obtención e/ou renovación da competencia profesional para a actividade de transporte, a cualificación profesional para a condución de determinados vehículos dedicados á actividade de transporte e/ou a cualificación como conselleiros de seguridade en transporte de mercadorías perigosas 25,20

27) Modifícase a subalínea 26 da alínea 07 do anexo 2, que queda redactada como segue:

Probas diagnósticas establecidas nos programas oficiais de erradicación de tuberculose e brucelose para a realización de movementos de animais entre explotacións

Por explotación 30,00

Por animal 7,00

28) Modifícase o parágrafo 02 da subalínea 29 da alínea 07 do anexo 2, que queda redactada como segue:

Autorización de proxectos realizados con animais de experimentación, segundo o establecido no Real decreto 53/2013 50,00

29) Créase a subalínea 33 da alínea 07 do anexo 2:

Autorización e rexistro de explotacións avícolas, cunícolas, porcinas e de visóns, excepto aquelas que sexan de autoconsumo (de todo tipo), reducidas (porcino) ou artesanais (avícolas).

Pola xestión e tramitación do expediente de rexistro completo, incluíndo as visitas de inspección correspondentes: 100,00

Pola xestión e tramitación de expedientes de ampliación ou modificación da primeira inscrición, incluíndo as visitas de inspección correspondentes: 50,00

30) Suprímese a dedución 1.4 da subalínea 03 da alínea 08 do anexo 2.

31) Modifícase a subalínea 04 da alínea 08 do anexo 2, que queda redactada como segue:

Actuacións extraordinarias dos veterinarios oficiais de Galicia, a demanda dos establecementos. (Considéranse actuacións extraordinarias as que teñan lugar fóra do horario habitual establecido e autorizado para cada matadoiro, e non se inclúen as actuacións levadas a cabo como consecuencia da ampliación do horario durante a xornada laboral ou días autorizados de traballo, independentemente do motivo da dita ampliación.)

Cota mínima (3 horas) 64,83

Por cada hora máis 21,62

32) Suprímese a subalínea 09 da alínea 12 do anexo 2.

33) Suprímese a subalínea 10 da alínea 12 do anexo 2.

34) Suprímese a subalínea 12 da alínea 12 do anexo 2.

35) Créase a subalínea 14 da alínea 12 do anexo 2:

Actividades de control oficial en empresas alimentarias para dar cumprimento a requisitos de terceiros países 21,61

36) Suprímese a subalínea 01 da alínea 16 do anexo 2.

37) Suprímese a alínea 17 do anexo 2.

38) Modifícase a subalínea 24 da alínea 25 do anexo 3, que queda redactada como segue:

Instrumentos de medida de son: medidores persoais de exposición sonora 211,41

39) Modifícase a subalínea 33 da alínea 25 do anexo 3, que queda redactada como segue:

Instrumentos destinados a medir a velocidade de circulación de vehículos a motor: verificación de cabinas 509,67

40) Modifícase a subalínea 08 da alínea 36 do anexo 3, que queda redactada como segue:

Concesións experimentais en materia de acuicultura ou autorizacións para a actividade de reparqueo 91,91

41) Modifícase a denominación do título da alínea 37 do anexo 3, que queda redactado como segue:

Actuacións en materia de produción eléctrica:

42) Modifícase a subalínea 04 da alínea 37 do anexo 3, que queda redactada como segue:

Inscrición, modificación e cancelación no Rexistro Administrativo de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica

Ata 100 kw 90

Máis de 100 Kw 90 + 0,05*(Potencia en KW)

43) Modifícase a subalínea 06 da alínea 37 do anexo 3, que queda redactada como segue:

Autorización administrativa doutras instalacións de produción eléctrica. Sobre a tarifa consignada no código 32.09.00 150 %

44) Modifícase a subalínea 14 da alínea 52 do anexo 3, que queda redactada como segue:

Baixa ou transmisión de titularidade da autorización de xestor de residuos para actividades de almacenamento, valorización e eliminación de residuos 172,9 5

45) Modifícase a alínea 57 do anexo 3, que queda redactada como segue:

Autorización ambiental integrada

01 Expedición e modificación substancial da autorización ambiental integrada 796,43

02 Baixa ou transmisión de titularidade da autorización ambiental integrada 172,95

46) Modifícase a alínea 68 do anexo 3, que queda redactada como segue:

Obras hidráulicas de regulación xestionadas pola Administración hidráulica da Comunidade Autónoma de Galicia, por metro cúbico de auga captado 0,015

47) Créase a alínea 78 do anexo 3, que queda redactada como segue:

Solicitude de emisión da declaración de incidencia ambiental 85,00

48) Modificase a regra primeira da tarifa X2, contida na subalínea 01 da alínea 99 do anexo 3, que queda redactada como segue:

Primeira. Esta tarifa abrangue o uso das obras de atracada e dos elementos fixos de amarre e defensa, e, se é o caso, a vixilancia específica, e seralles aplicable na contía e nas condicións que se indican máis adiante a todos os barcos que utilicen as obras e os elementos antes sinalados que fosen construídos total ou parcialmente pola Administración portuaria ou propiedade dela.

49) Modificase a regra terceira da tarifa X2, contida na subalínea 01 da alínea 99 do anexo 3, que queda redactada como segue:

Terceira. As bases para a liquidación desta tarifa serán a eslora máxima do barco, o calado do peirao e o tempo que o barco permaneza no atracadoiro ou no amarre.

Nos supostos de que un buque transporte calquera tipo de mercadoría perigosa e como consecuencia diso sexa necesario dispor dunhas zonas de seguridade a proa e/ou popa, considerarase como base para efectos da tarifa a eslora máxima do barco, incrementada na lonxitude das mencionadas zonas.

A contía básica desta tarifa é de 0,978515 ¬ por cada metro de eslora ou fracción e por cada período de vinte e catro horas ou fracción que permaneza atracado ou amarrado, cos seguintes coeficientes por calado do peirao medido en BMVE:

Por calado do peirao igual ou maior a 7 metros, coeficiente = 1.

Por calado do peirao inferior aos 7 metros, coeficiente = 0,5.

Por períodos de tempo inferiores a seis horas aplicarase unha redución do 50 % da contía da tarifa indicada anteriormente.

Naquelas terminais nas que Portos de Galicia preste vixilancia presencial específica a tarifa base resultante incrementarase en 220 ¬ por cada 24 horas ou fracción de estancia vixiada, agás para escalas inferiores a 12 horas, caso en que este incremento será de 110 ¬. A esta contía non lle será de aplicación ningunha das bonificacións incluídas na presente tarifa X2.

50) Modifícase a regra décimo primeira da tarifa X2, contida na subalínea 01 da alínea 99 do anexo 3, que queda redactada como segue:

Décimo primeira. O barco que, logo de recibir orde de desatracar ou de rectificar a atracada, demore estas operacións pagará, con independencia das sancións que correspondan, as seguintes cantidades:

Por cada unha das dúas primeiras horas ou fraccións: o importe da tarifa de vinte e catro horas da regra terceira.

Por cada unha das horas restantes: dúas veces o importe da tarifa de vinte e catro horas da regra terceira.

Para o cómputo destas cantidades aplicarase a contía básica reflectida na regra terceira desta tarifa. O valor resultante incrementarase, de ser o caso, coa contía por prestación de vixilancia específica presencial que corresponda.»

51) Modifícase a regra décima da tarifa X3, contida na subalínea 01 da alínea 99 do anexo 3, que queda redactada como segue:

Décima. Cando a mercadoría obxecto da tarifa sexan produtos procedentes de acuicultura criados en bateas ou noutro tipo de instalacións flotantes, aboará a tarifa correspondente pola súa produción, aínda que Portos de Galicia poderá establecer concertos anuais cos propietarios ou asociacións de propietarios.

No caso de que o produto sexa mexillón, no suposto de formalizar o convenio indicado, aplicarase unha tarifa anual por batea, estimando unha produción media de 203,848363 ¬/ ano. Cando non sexa formalizado o convenio e non existan datos reais da descarga anual de cada batea no porto, tomarase como descarga anual estimada para os efectos do computo desta tarifa 90 tn/ano.

No suposto doutros produtos acuícolas, as contías obteranse segundo a regra novena da presente tarifa, considerando as ditas mercadorías dentro do grupo quinto e a descarga real efectuada.

No concerto indicado poderase establecer unha redución da contía da tarifa dependendo do número de bateas ou instalacións flotantes adscritas a el, segundo os tramos establecidos no seguinte cadro:

[figura]

Polo tanto, o importe resultante da tarifa X3 cando sexan formalizados convenios será a suma da taxa obtida en cada un dos intervalos. Cada sumando será o resultado de multiplicar a contía unitaria correspondente polo número de bateas ou instalacións flotantes do intervalo e por 1, menos a bonificación que lle corresponda ao citado intervalo expresado en tanto por un.

52) Modifícase a regra quinta da tarifa X-4, contida na subalínea 01 da alínea 99 do anexo 3: tarifa X-4, Pesca fresca, que queda redactada como segue:

Quinta. O valor da tarifa será a seguinte porcentaxe da base establecida na condición terceira:

a) Con utilización de lonxa non concesionada ou autorizada:

A pesca descargada por vía marítima: o 2 %

A pesca que accede ao recinto pesqueiro por vía terrestre: o 2 %.

b) Sen uso de lonxa:

A pesca descargada por vía marítima: o 1,75 %.

A pesca que accede ao recinto pesqueiro por vía terrestre: o 1,75 %.

A pesca transbordada de buque a buque nas augas do porto sen pasar polos peiraos: o 1,3 %.

c) Con utilización de lonxa concesionada ou autorizada:

A pesca descargada por vía marítima: o 1,75 %.

A pesca que accede ao recinto pesqueiro por vía terrestre: o 1,75 %.

53) Elimínase a regra oitava da tarifa X-4, contida na subalínea 01 da alínea 99 do anexo 3: tarifa X-4, Pesca fresca.

Pola eliminación da regra oitava renuméranse en orde correlativa as seguintes regras da tarifa X-4 a partir da sétima.

54) Modifícase a regra décimo segunda da tarifa X-4, contida na subalínea 01 da alínea 99 do anexo 3, que queda redactada como segue:

Décimo segunda. O aboamento desta tarifa a Portos de Galicia exime o buque pesqueiro do pagamento das restantes tarifas por servizos xerais por un prazo máximo dun mes a partir da data de iniciación das operacións de descarga ou transbordo. No suposto de que a embarcación dispoña dunha praza reservada para o seu uso exclusivo en peiraos, embarcadoiros ou embarcadoiros flotantes, o importe mínimo da tarifa X-4 para liquidar será de 2,7, multiplicado polo GT da embarcación ao mes. Este prazo poderase ampliar aos períodos de inactividade forzosa, por temporais, vedas costeiras ou licenzas referidas ás súas actividades habituais, expresa e individualmente acreditados por certificación da autoridade competente. No caso de inactividade forzosa prolongada, a autoridade competente fixará os lugares nos que estes barcos deban permanecer ancorados ou atracados, atendendo ás dispoñibilidades da atracada.

Esta taxa non será de aplicación a aqueles buques ou embarcacións pesqueiras que non efectúen no porto descarga de pesca fresca, refrixerada ou os seus produtos. Neste caso, os buques estarán suxeitos ao aboamento das taxas X-1 e X-2 que lles corresponda desde a súa entrada a porto.

55) Engádese unha regra décimo quinta á tarifa X-4, que queda redactada como segue:

Décimo quinta. Para potenciar a captación e consolidación de tráficos pesqueiros en cada porto, Portos de Galicia poderá aplicar bonificacións singulares sobre a contía desta tarifa a aqueles tráficos pesqueiros que sexan sensibles para a economía de Galicia ou que teñan a condición de prioritarios ou estratéxicos, de forma que poidan articularse accións comerciais axeitadas a determinados tipos de tráficos e operacións en colaboración co sector privado e a súa adaptación a condicións de mercado.

Só terán dereito a estas bonificacións os suxeitos pasivos con compromisos de tráficos relevantes pesqueiros aprobados no correspondente convenio con Portos de Galicia.

Os parámetros de cuantificación en relación co suxeito pasivo serán:

a) O tipo de tráfico comprometido.

b) O volume de tráfico comprometido e a súa evolución anual, medido en toneladas de pesca fresca e facturación da primeira venda efectuada.

c) A duración do convenio.

A máxima bonificación que se poderá acadar sobre a contía da tarifa será do 60 %.

56) Modifícase a regra sexta da tarifa X5, contida na subalínea 01 da alínea 99 do anexo 3, que queda redactada como segue:

Sexta. A contía desta tarifa estará composta polos seguintes conceptos:

A) Pola utilización das augas dos portos e mais das instalacións portuarias.

B) Polos servizos utilizados de atracada, ancoraxe ou estadía en seco de embarcacións.

C) Pola dispoñibilidade doutros servizos.

O importe da tarifa X5 será o resultado da suma dos conceptos A), B) e C) indicados anteriormente que lle sexan aplicables en función dos servizos prestados.

A contía dos conceptos dos que se compón a tarifa X5 por metro cadrado arredondado por exceso e por día natural ou fracción será a seguinte:

A) Pola utilización das augas dos portos e mais das instalacións portuarias:

Zona I: 0,032311 ¬.

Zona II: 0,023028 ¬.

B) Polos servizos utilizados de atracada, ancoraxe ou estadía en seco das embarcacións:

1. Atracada en punta: 0,038380 ¬.

2. Atracada de costado: 0,095952 ¬.

3. Atracada a banqueta ou dique: 0,019191 ¬.

4. Ancoraxe: 0,038380 ¬.

5. Embarcacións en seco:

5.1 Embarcacións en seco que aboen durante o mesmo período o concepto A) da presente tarifa X5 : 0,061062 ¬.

5.2 Embarcacións en seco que non aboen durante o mesmo período o concepto A) da presente tarifa X5: 0,081416 ¬.

C) Pola dispoñibilidade doutros servizos específicos.

1. Por cada finger en cada posto de atracada: 0016282 ¬.

2. Por brazo de amarre ou por tren de ancoraxe para amarre por popa de embarcacións atracadas: 0,008142 ¬.

3. Toma de auga: 0,005815 ¬.

4. Toma de enerxía eléctrica: 0,005815 ¬.

5. Servizo de mariñeiría a embarcacións atracadas.

Para embarcacións de menos de 12 metros de eslora, 19,72 ¬/m²/ano, e de 22,17 ¬/m²/ ano para o resto de embarcacións, correspondendo os m² á superficie nominal da praza teórica que ocuparía cada embarcación, e aplicando a parte proporcional ao período autorizado.

O servizo de mariñeiría inclúe as axudas á atracada e desatracada e o control e xestión das instalacións.

No suposto de que o servizo de mariñeiría non inclúa a parte proporcional do servizo de vixilancia continuada, as contías serán as indicadas anteriormente, multiplicadas por 0,65.

Cando por parte do organismo portuario se acouten especificamente zonas do porto para ancoraxe ou depósito de embarcacións deportivas, as contías das alíneas 4 e 5 do concepto B) terán unha bonificación do 50 %, sempre que previamente se soliciten os correspondentes servizos a Portos de Galicia.

As contías dos conceptos A), B) e C) para as embarcacións de paso no porto serán as anteriormente indicadas multiplicadas por 15.

As contías dos conceptos A), B) e C) para as embarcacións tradicionais debidamente acreditadas, conforme o establecido na normativa de aplicación e nas disposicións que se diten en interpretación ou aclaración desta, no suposto exclusivamente de embarcacións dedicadas á promoción e conservación do patrimonio marítimo tradicional sen fins lucrativos, serán as anteriormente indicadas, cunha bonificación de ata un 60 %. A dita bonificación calcularase en función da antigüidade, características, actividade á que se dedica e tonelaxe da embarcación. Esta bonificación non será acumulable ás bonificacións descritas na regra oitava da presente tarifa X5.

Para os efectos da aplicación da bonificación indicada terase en conta o seguinte:

A bonificación será do 40 % para as embarcacións orixinais e do 20 % para as réplicas, que se aplicará sobre a suma das contías dos conceptos A), B) e C) resultante.

Ademais, de ser o caso, serán de aplicación sobre a suma das contías dos conceptos A), B) e C) resultante, as seguintes bonificacións adicionais:

1. O 10 % para réplicas construídas con anterioridade ao ano 1950.

2. O 15 % para as embarcacións de porte superiores ás 50 toneladas de rexistro bruto.

3. O 20 % para as embarcacións pertencentes a asociacións náuticas ou culturais sen ánimo de lucro.

As bonificacións adicionais dos puntos 1, 2 e 3 non son acumulables entre si.

Consideraranse embarcacións tradicionais aquelas nas que no seu proceso construtivo se utilizaron técnicas artesanais e que teñan un interese identitario ou patrimonial. Pódense distinguir entre embarcacións orixinais aquelas construídas con anterioridade ao ano 1950, seguindo deseños ancestrais en liñas, materiais e técnicas construtivas e réplicas aquelas embarcacións construídas de forma exacta ás orixinais, aplicando os mesmos deseños, materiais e técnicas construtivas ca estas.

Enténdese por ancoraxe a dispoñibilidade dunha superficie de espello de auga destinado para tal fin e debidamente autorizado.

Enténdese por atracada en punta a dispoñibilidade dun elemento de amarre fixo a embarcadoiro, peirao, banqueta ou dique que permita fixar un dos extremos (proa ou popa) da embarcación.

Enténdese por embarcación en seco aquela que permaneza nas instalacións portuarias, fóra da lámina de auga, tanto en estadía transitoria non dedicada a invernada coma en estadías prolongadas en zonas habilitadas para tal fin.

Enténdese por dispoñibilidade dos servizos de auga e enerxía, dos puntos 3 e 4 do concepto C), a existencia nas proximidades do punto de atracada, a peirao ou embarcadoiro, de tomas de subministración de auga ou enerxía, con independencia do aboamento da tarifa E3 que lle sexa aplicable polos consumos efectuados.

57) Modifícase a regra sétima da tarifa X-5, contida na subalínea 01 da alínea 99 do anexo 3, que queda redactada como segue:

Sétima. O aboamento da tarifa da regra sexta farase:

a) Para embarcacións de paso no porto, por adiantado á chegada e polos días de estadía que declaren, ou por períodos de 24 horas desde a súa chegada, contando desde as 12:00 horas do día de chegada. Se este prazo tiver que ser superado, o suxeito pasivo terá que formular nova petición e aboar de novo, por adiantado, o importe inherente ao prazo prorrogado.

b) Para embarcacións con base no porto, por trimestres adiantados. A domiciliación bancaria poderá ser exixida por Portos de Galicia, de consideralo conveniente para a xestión tarifaria das instalacións.

Enténdese por embarcación con base no porto, para os únicos efectos da aplicación desta tarifa, aquela que teña autorizada a prestación do servizo de atracada, ancoraxe ou estancia en seco por un período dun ou máis semestres. O resto das embarcacións serán consideradas como de paso no porto.

Para embarcacións con base no porto o importe da tarifa aplicable será polo período completo autorizado, independentemente das entradas, das saídas ou dos días de ausencia da embarcación, mentres teña asignado o posto de atracada ou ancoraxe.

As embarcacións que teñan base nun porto dependente de Portos de Galicia estarán exentas do pagamento da tarifa diaria aplicable a embarcacións de paso durante as súas estadías noutros portos dependentes de Portos de Galicia, sempre e cando a praza asignada no porto base quede libre no mesmo período de tempo. Noutro caso, gozarán dun 50 % de desconto sobre a citada tarifa diaria.

Para os efectos da aplicación da exención contida no parágrafo anterior, entenderase que unha praza asignada no porto base queda libre cando o seu titular non vaia empregala durante un prazo mínimo dun mes e o período no que quede libre lle sexa comunicado a Portos de Galicia por escrito.

A baixa como embarcación de base producirá efectos fronte a Portos de Galicia desde o semestre natural seguinte ao da solicitude de baixa.

58) Modifícase a regra oitava da tarifa X5, contida na subalínea 01 da alínea 99 do anexo 3, que queda redactada como segue:

Oitava. Ás embarcacións con base no porto aplicaráselles unha redución do 25 % da tarifa que lles resulte aplicable no período considerado como temporada baixa; período este que é o comprendido entre o 1 de outubro e o 31 de maio. Esta regra non lles será aplicable ás embarcacións atracadas ou ancoradas en instalacións propias de concesión.

Portos de Galicia aplicaralles unha bonificación do 40 % ás embarcacións deportivas ou de lecer, menores de 2 GT e con motores tamén menores de 20 HP, que sexan titularidade dos xubilados do mar.

Portos de Galicia aplicará unha bonificación do 50 % ás contías dos conceptos A) e B), excepto na contía correspondente a embarcacións en seco, ás embarcacións que atraquen en peiraos ou embarcadoiros de titularidade de Portos de Galicia que estean xestionados directamente ou parcialmente por este organismo e que teñan calados inferiores a 1 metro en baixamar viva equinoccial (BMVE). Será requisito para a aplicación desta tarifa que a eslora da embarcación sexa inferior a 6 metros, a potencia do seu motor sexa inferior a 25 HP e o aboamento da tarifa se realice por semestres adiantados. Esta bonificación é acumulable ás restantes indicadas nesta tarifa.

59) Modifícase o derradeiro parágrafo da regra quinta da tarifa E3, contida na subalínea 02 da alínea 99 do anexo 3, que queda redactado como segue:

Cando se realice a subministración en media tensión, aplicaráselles a todas as contías correspondentes a esta tarifa unha redución do 20 %. Tamén será de aplicación esta redución para fornecementos en baixa tensión sempre e cando se realicen a través dunha liña eléctrica que subministre o porto en media tensión e a empresa subministradora liquide a Portos de Galicia os consumos en media tensión.

60) Modifícase o cadro e engádense dous parágrafos ao punto 6, Restantes servizos e actividades comerciais e industriais portuarias, do punto 3.2.A), e Actividades portuarias, da subalínea 03 da alínea 99 do anexo 3, que queda redactada como segue:

6. Restantes servizos e actividades comerciais e industriais portuarias.

A cota anual da taxa polo exercicio de actividades comerciais ou industriais portuarias non previstas nos artigos anteriores establecerase por unha porcentaxe en función do importe anual da cifra neta de negocios da actividade desenvolvida no porto ao amparo da autorización, de acordo coa seguinte táboa:

[figura]

A anterior listaxe de actividades posúe para estes efectos un carácter indicativo e non limitativo.

Para aquelas concesións, autorizacións ou calquera outro título habilitante outorgado con anterioridade ao 12 de decembro de 2003 data de entrada en vigor desta lei, para o exercicio de actividades comerciais ou industriais portuarias previstas neste punto, a cota máxima anual da taxa será de 30.000 euros para as actividades ás que se lles aplique o tipo do 1 % e de 60.000 euros para aquelas actividades ás que se lles aplique o tipo do 1,5 %.

Ás concesións, autorizacións ou calquera outro título habilitante indicados no parágrafo anterior, que sexan actualizados ou modificados respectando o prazo inicial do orixinal e manteñan o seu destino e actividade conforme os títulos habilitantes iniciais, a taxa de aplicación estará de acordo co indicado no parágrafo anterior.

Para aquelas concesións, autorizacións ou calquera outro título habilitante outorgado con posterioridade ao 12 de decembro de 2003 data de entrada en vigor desta lei, para o exercicio de actividades comerciais ou industriais portuarias previstas neste punto, a cota máxima anual da taxa será 60.000 euros para as actividades ás que se lles aplique o tipo do 1 % e que veñan expresamente indicadas no punto correspondente do cadro anterior, e de 120.000 euros para aquelas actividades ás que se lle aplique o tipo do 1,5 % ou para aquelas actividades que non veñan expresamente enumeradas no cadro anterior.

No suposto do desenvolvemento da actividade de exportación de pesca fresca en locais vinculados directamente a unha lonxa localizada nun porto da Comunidade Autónoma de Galicia, o importe da cifra neta de negocio que hai que considerar será o volume de negocio total anual declarado polo uso do local obxecto de autorización ou concesión menos o importe das compras de peixe fresco efectuadas na lonxa vinculada ao local ocupado, segundo certificación expedida polo xestor da lonxa correspondente. Tamén será de aplicación á pesca fresca descargada noutro porto da Comunidade Autónoma de Galicia que entre no porto por vía terrestre, sempre e cando se acredite o aboamento da tarifa X4 que corresponda.

No caso de que o titular da concesión, autorización ou calquera outro título habilitante estea acollido ao réxime de estimación obxectiva singular por módulos do imposto sobre a renda das persoas físicas, para a determinación do volume anual de negocio da taxa de actividades comerciais, industriais e de servizos considerarase que o volume de negocio anual das instalacións será catro veces o importe do rendemento neto previo obtido da declaración do IRPF para persoas físicas que anualmente se lle requirirá ao titular.

61) Suprímese a alínea 04 do anexo 4.

62) Modifícase o punto 2.c) da alínea 02 do anexo 5:

c) No caso de ocupación de obras e instalacións:

Nas áreas destinadas a usos portuarios pesqueiros onde se desenvolvan actividades de lonxas coas súas correspondentes cámaras de frío, fábricas de xeo e naves de redes: o 2,5 % dos valores dos terreos, dos espazos de auga e das obras e instalacións, e o 25 % do valor da depreciación anual asignada.

Nas áreas destinadas a outros usos portuarios pesqueiros, usos portuarios relacionados co intercambio entre modos de transporte, os relativos ao desenvolvemento de servizos portuarios e aos servizos básicos que se deben prestar nunha instalación náuticodeportiva: o 5 % dos valores dos terreos, do espazo de auga e das obras e instalacións, e o 100 % do valor da depreciación anual asignada.

No suposto de edificacións propiedade da Administración destinadas a estacións marítimas ou instalacións para o servizo de tráfico de pasaxeiros, aplicarase o gravame do 5 % a toda a instalación, incluso naqueles espazos destinados a actividades complementarias desta.

Nas áreas destinadas a actividades auxiliares ou complementarias das actividades portuarias, incluídas as loxísticas, de almacenaxe e os servizos comerciais que correspondan a empresas industriais ou comerciais: o 6 % dos valores dos terreos, do espazo de auga e das obras e instalacións, e o 100 % do valor da depreciación anual asignada.

Nas áreas destinadas a usos que non estean relacionados directamente coas actividades portuarias ou complementarias ou auxiliares das portuarias: o 7 % dos valores dos terreos, do espazo de auga e das obras e instalacións, e o 100 % do valor da depreciación anual asignada.

Para os efectos da aplicación deste artigo, consideraranse actividades relacionadas co intercambio dos modos de transporte e servizos portuarios os seguintes: servizo de practicaxe, servizos técnico- náuticos, servizo á pasaxe, servizo de manipulación e transporte de mercadoría e servizo de recepción de refugallos xerados polos buques.

Así mesmo, consideraranse servizos básicos que se deban prestar nunha instalación náutico-deportiva os seguintes: amarre e desamarre, servizo de duchas, vestiarios e lavandaría, servizo de subministración de auga e enerxía, servizo contra incendios, vixilancia e seguridade, servizos administrativos da instalación náutica, servizos de información, servizos de correo e comunicacións e servizo de vixilancia e control das instalacións.

Artigo 8. Canon da auga

Un. Engádense un novo punto 8 ao artigo 53 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, co seguinte contido:

8. Se no período de facturación se constata a existencia dunha fuga de auga na rede interna de subministración do contribuínte e o volume facturado ten unha consideración desproporcionada en virtude da dita fuga, os tipos de gravame do terceiro e cuarto tramo de consumo indicado nas letras c) e d) do punto 3 serán os establecidos para o tramo 2 indicado na letra b) do dito punto.

Para estes efectos, terá a consideración de volume desproporcionado aquel que reúna os seguintes requisitos:

Que o volume facturado sexa superior ao quíntuplo do volume medio dos períodos de facturación inmediatos anteriores que representen o ciclo dun ano de facturación.

Que o contribuínte tome as medidas necesarias para reparar a fuga no prazo dunha semana desde que tivo coñecemento da existencia da fuga. Cando esta data non se coñeza, entenderase que o contribuínte tivo coñecemento da existencia da fuga no momento en que se lle notifique a factura de auga correspondente ao período en que se produciu a fuga.

CAPÍTULO III O imposto compensatorio ambiental mineiro

Sección 1ª. Disposicións xerais

Artigo 9. Creación, natureza, obxecto e ámbito de aplicación

Un. O imposto compensatorio ambiental mineiro (ICAM) é un imposto propio da Comunidade Autónoma, directo, real, obxectivo e orientado a unha finalidade extrafiscal.

Dous. O ICAM é aplicable no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tres. O ICAM constitúe un instrumento fiscal de carácter ambiental, compatible coas obrigas de recuperación ambiental dos terreos afectados polos labores mineiros.

Artigo 10. Afectación dos ingresos xerados polo ICAM

Os ingresos derivados do ICAM, deducidos os custos de xestión, destinaranse na súa totalidade a actuacións de compensación e reequilibrio ambiental e territorial, paisaxísticas e de desenvolvemento tecnolóxico mineiro, de acordo co establecido na sección IV deste capítulo da lei.

Artigo 11. Normativa de aplicación

O ICAM rexerase pola presente lei, polas normas regulamentarias ditadas no seu desenvolvemento, así como polas disposicións xerais en materia tributaria.

Sección 2ª. Elementos do ICAM

Artigo 12. Feito impoñible

Un. Constitúe o feito impoñible do ICAM:

a) A alteración da superficie ou solo como consecuencia da extracción a partir das concesións de explotación da sección C) nos termos da Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas, referidas a minerais metálicos industriais e metais preciosos.

b) O depósito ou almacenamento en vertedoiros públicos ou privados, situados na Comunidade Autónoma de Galicia, de residuos mineiros, procedentes da extracción ou derivados do proceso de beneficio, dos minerais metálicos industriais e de metais preciosos da sección C) nos termos da Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas.

Para a catalogación dos residuos mineiros terase en conta a clasificación prevista na normativa ambiental vixente.

Dous. Presumiranse realizadas as actividades que constitúen o feito impoñible previsto na letra a) do punto anterior, durante a vixencia temporal da concesión, aínda que esta se encontre en suspensión temporal. Presumiranse realizadas as actividades que constitúen o feito impoñible previsto na letra b) do punto anterior mentres non sexa clausurado o depósito ou almacén de residuos, aínda cando a actividade cesase.

Artigo 13. Período impositivo e devindicación

Un. O período impositivo coincidirá co ano natural.

Dous. A devindicación producirase o 31 de decembro de cada ano, agás no último ano de actividade, no que se producirá:

a) Para o feito impoñible establecido na letra a) do punto Un do artigo 12, no día en que a autoridade mineira recoñeza o cesamento definitivo dos labores mineiros.

b) Para o feito impoñible establecido na letra b) do punto Un do artigo 12, no día en que a autoridade competente clausure o almacén ou depósito de residuos.

Tres. Sen prexuízo do establecido no punto primeiro, no ano en que se inicien as actividades gravadas, o período impositivo entenderase comprendido entre:

a) Con carácter xeral, o día en que se lle notifique á autoridade mineira o inicio dos labores mineiros obxecto de gravame e a data da devindicación.

b) No suposto da letra b) do punto1 do artigo 12, cando as instalacións sexan alleas á explotación mineira, o día en que se notifique a autorización da autoridade competente e a data da devindicación.

Así mesmo, no último ano de actividade, o período impositivo entenderase comprendido entre o primeiro día do ano natural e a data da devindicación.

Artigo 14. Supostos de non suxeición

Non estarán suxeitos ao ICAM:

a) A alteración da superficie ou do solo como consecuencia da extracción, e o depósito ou almacenamento de residuos vinculados á extracción de minerais non metálicos, como os orgánicos naturais e hidrocarburos líquidos e gasosos, minerais para a agricultura-fertilizantes, para a industria química e para a elaboración de pigmentos, pinturas (calcio, fósforo, potasio, xofre), minerais para a industria do vidro e a cerámica (sílice, cuarzo, flúor...), minerais para carga, recheo ou cubrición (arxilas especiais), así como as augas reguladas na Lei 5/1995, do 7 de xuño, de regulación das augas minerais, termais, de manancial e dos establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) A alteración da superficie ou do solo como consecuencia da extracción, e o depósito ou almacenamento de residuos vinculados á extracción de granito, lousa e outras pedras ornamentais, comprendidas no ámbito de aplicación da Lei 9/1985, do 30 xullo, de protección de pedras ornamentais.

c) A alteración da superficie ou do solo como consecuencia da extracción, e o depósito ou almacenamento de residuos vinculados á extracción e ao aproveitamento de recursos xeotérmicos e de formacións xeolóxicas superficiais ou subterráneas.

d) A alteración da superficie ou do solo como consecuencia da extracción, e o depósito ou almacenamento de residuos vinculados á extracción, ocasional e de escasa importancia, de recursos minerais, calquera que sexa a súa clasificación, sempre que se leve a cabo polo propietario dun terreo para o seu uso exclusivo e non exixa a aplicación de técnicas mineiras.

e) A alteración da superficie ou do solo como consecuencia da extracción, e o depósito ou almacenamento de residuos vinculados a calquera actividade que se leve a cabo ao abeiro dalgún título habilitante dos previstos para os recursos mineiros das seccións A) B) e D), segundo a Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas.

f) A alteración da superficie ou do solo como consecuencia da extracción, e o depósito ou almacenamento de residuos vinculados a calquera outra actividade cuxa exploración, investigación, explotación e almacenamento non estea comprendida no ámbito de aplicación da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación mineira de Galicia.

Artigo 15. Obrigados tributarios

Un. Serán suxeitos pasivos do ICAM en calidade de contribuíntes as persoas físicas, xurídicas ou entidades do artigo 35.4 da Lei 58/2003, xeral tributaria, que, baixo calquera título, realicen as actividades constitutivas do feito impoñible do imposto, aínda cando non sexan titulares das concesións mineiras outorgadas para recursos minerais metálicos industriais e metais preciosos da sección C), ao abeiro da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación mineira de Galicia ou, de ser o caso, das autorizacións das instalacións de depósito ou almacenamento de residuos.

No caso de que o almacenamento de residuos proveña do tratamento de minerais extraídos noutra explotación, mesmo fóra do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, será suxeito pasivo contribuínte o que realice a explotación do depósito ou almacén dos residuos mineiros.

Presumirase, salvo proba en contra, que as citadas actividades son realizadas pola persoa ou entidade que figure como titular da correspondente concesión administrativa ou autorización administrativa do depósito ou almacén de residuos.

Dous. Terán a condición de suxeitos pasivos os que alteren superficies ou depositen ou almacenen residuos, aínda cando carezan da autorización administrativa correspondente. Neste caso, exixirase o imposto, independentemente da incoación do procedemento sancionador que corresponda.

Tres. Serán responsables solidarios as persoas físicas, xurídicas ou entidades do artigo 35.4 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, que:

a) Sexan titulares das concesións mineiras outorgadas para os recursos mineiros considerados no artigo 12, cando non coincidan cos que realicen as actividades constitutivas do feito impoñible do ICAM.

b) Sexan titulares da correspondente autorización administrativa do depósito ou almacén dos residuos considerados no artigo 12, cando non coincidan cos que realicen as actividades constitutivas do feito impoñible do ICAM.

c) Sexan titulares das instalacións ou terreos en que se almacenen os residuos considerados no artigo 12, cando non coincidan cos que realicen as actividades constitutivas do feito impoñible do ICAM.

d) Transporten os residuos mineiros considerados no artigo 12, cando non sexa posible identificar a procedencia dos residuos.

Artigo 16. Base impoñible

Un. A base impoñible, en estimación directa, virá constituída por:

a) Na alteración da superficie ou do solo como consecuencia da extracción de minerais metálicos industriais e metais preciosos, pola superficie total afectada polas explotacións e instalacións, expresada en unidades de superficie. Tales unidades serán as hectáreas ou fraccións de superficie alteradas e non restauradas na data da devindicación.

b) No almacenamento de residuos, polas toneladas depositadas ou almacenadas de residuos sólidos e/ou os metros cúbicos de volume depositados ou almacenados de residuos non sólidos ao longo do período impositivo. O cómputo da base impoñible realizarase tendo en conta o volume inicial depositado ou almacenado e o volume incrementado, en cada período de liquidación, de acordo co establecido regulamentariamente.

Dous. A base impoñible determinarase, con carácter xeral, por estimación directa. O método de estimación obxectiva poderá utilizarse para a determinación da base impoñible mediante a aplicación dos métodos e indicadores obxectivos vinculados á actividade, ou por referencia a índices, módulos ou calquera outro parámetro de acordo co que se estableza. Cando o suxeito pasivo determine a base impoñible mediante estimación obxectiva, o método será aplicable para todo o período impositivo, nas condicións establecidas regulamentariamente. A Administración tributaria poderá determinar a base impoñible por estimación indirecta, nos casos e por calquera dos medios sinalados na normativa tributaria xeral.

Artigo 17. Tipo de gravame e cota tributaria

Un. A cota tributaria vén determinada pola aplicación á base impoñible dos seguintes tipos de gravame anuais:

a) Na alteración da superficie ou do solo como consecuencia da extracción de minerais metálicos industriais e metais preciosos:

Por cada hectárea ou fracción de superficie alterada non restaurada: 12.500 euros.

b) No almacenamento de residuos:

Por cada tonelada ou metro cúbico de residuo perigoso depositado ou almacenado: 0,125 euros.

Por cada tonelada ou metro cúbico de residuo non perigoso non inerte depositado ou almacenado: 00125 euros.

Por cada tonelada ou metro cúbico de residuo non perigoso inerte depositado ou almacenado: 000625 euros.

Aos residuos xerados no proceso de beneficio do mineral aplicaráselles un coeficiente de incremento de 1,2.

Igualmente, aos residuos procedentes, se é o caso, de fóra de Galicia aplicaráselles un coeficiente de incremento do 1,5.

Dous. Naqueles períodos impositivos que non coincidan co ano natural, a cota resultante ratearase en función do número de días do período impositivo.

Sección 3ª. Aplicación do ICAM

Artigo 18. Aplicación do ICAM

Un. A consellaría competente en materia de facenda aprobará as normas de aplicación do tributo.

Dous. O exercicio das funcións de aplicación e de revisión do ICAM, así como o exercicio da potestade sancionadora en materia tributaria, corresponderán aos órganos ou unidades administrativas competentes da Administración tributaria da consellaría competente en materia de facenda, conforme a norma de organización da Administración tributaria.

Tres. Sen prexuízo do establecido no punto anterior, os órganos administrativos competentes nas materias de minas, medio ambiente e industria auxiliarán os órganos de aplicación deste tributo e colaborarán con eles, no marco das súas respectivas competencias, para a liquidación, comprobación e investigación do tributo, mediante, entre outras actuacións, a elaboración de informes, por petición destes, a expedición de certificados oficiais dos datos necesarios para a liquidación do tributo e/ou a cesión informática dos datos sinalados.

Artigo 19. Presentación de declaracións e autoliquidacións

Un. Para os efectos de aplicación do ICAM, os suxeitos pasivos están obrigados, na forma e prazos que se establezan regulamentariamente para estes efectos, a presentar unha declaración inicial mediante os modelos aprobados pola consellaría competente en materia de facenda. Do mesmo modo, están obrigados a presentarlle á Aministración unha modificación da declaración inicial cando varíen os datos declarados.

Dous. A Administración establecerá un rexistro obrigatorio de concesións e de instalacións de depósito ou almacenamento de residuos obxecto de gravame e das características destas. A estrutura, contido e sede do rexistro, así como os procedementos para a súa formación e mantemento, determinaranse mediante orde da consellaría competente en materia de facenda.

Tres. Os suxeitos pasivos están obrigados a presentar autoliquidación do ICAM por cada unha das concesións e por cada unha das instalacións receptoras de residuos mineiros que exploten, determinando a débeda tributaria correspondente e ingresando o seu importe, na forma, prazos e lugar, segundo os modelos e de conformidade coas instrucións que estableza a consellaría competente en materia de facenda mediante orde. Do mesmo modo, os suxeitos pasivos estarán obrigados a efectuar pagamentos á conta do importe da débeda tributaria definitiva por aplicación do tipo de gravame sobre a base impoñible provisional acumulada desde o principio do período impositivo ata o final do prazo ao que se refira o pagamento autoliquidando e ingresando o seu importe na contía, condicións, forma, lugar e prazos determinados na orde da consellaría competente en materia de facenda.

Catro. A consellaría competente en materia de facenda poderá dispor que as declaracións e autoliquidacións do ICAM se efectúen mediante os programas informáticos de axuda que, se é o caso, se aproben. Así mesmo, poderá exixir a obrigatoriedade da súa presentación e o aboamento mediante medios telemáticos.

Artigo 20. Liquidacións provisionais

Os órganos da Administración tributaria poderán ditar a liquidación provisional que proceda, de conformidade co disposto na Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria.

Artigo 21. Potestade sancionadora

Un. A potestade sancionadora en materia tributaria exercerase conforme os seus principios reguladores en materia administrativa e as especialidades consideradas na Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, e serán de aplicación as disposicións xerais contidas nesta.

Dous. A clasificación das infraccións e sancións tributarias e o procedemento sancionador tributario rexeranse polo establecido na Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, e nas demais disposicións que a desenvolvan e complementen.

Artigo 22. Revisión

Un. Os actos e as actuacións de aplicación deste tributo, así como os actos de imposición de sancións tributarias, serán revisables de acordo coas disposicións contidas na Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria.

Dous. O coñecemento das reclamacións económico-administrativas corresponderalles con exclusividade aos órganos económico-administrativos da Comunidade Autónoma de Galicia, sen prexuízo da vía contencioso-administrativa.

Sección 4ª. O Fondo Mineiro Ambiental e Paisaxístico

Artigo 23. Creación e natureza

As actuacións de compensación e reequilibrio ambiental e territorial, paisaxísticas e de desenvolvemento tecnolóxico mineiro en que se manifeste a afectación do ICAM canalizaranse a través da dotación do Fondo Mineiro Ambiental e Paisaxístico (Fomap), ao que lle serán aplicables as disposicións establecidas nesta sección.

Artigo 24. Financiamento

Sen prexuízo dos demais recursos que nel se poidan integrar, o Fondo Mineiro Ambiental e Paisaxístico financiarase cos ingresos obtidos do ICAM, deducidos os gastos de xestión.

Artigo 25. Destino

Un. O Fondo Mineiro Ambiental e Paisaxístico destinarase integramente ao financiamento de determinados gastos de investimento, principalmente nas zonas afectadas polas explotacións mineiras e os almacéns xestionados polos suxeitos pasivos do ICAM.

Dous. Entre outras, sufragaranse con cargo ao Fondo:

a) As actuacións orientadas á recuperación do medio natural e da paisaxe, así como á mellora das condicións socioeconómicas e do desenvolvemento sustentable.

b) A promoción da investigación, desenvolvemento e innovación das técnicas mineiras, así como das propiedades, aplicacións e melloras dos produtos mineiros producidos en Galicia, encamiñadas á consecución de procesos mineiros máis eficientes desde o punto de vista ambiental e de produtos máis respectuosos co medio.

c) O reforzo e a dotación de medios de seguridade, control e vixilancia das explotacións e instalacións gravadas polo ICAM.

Tres. Nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia poderase afectar o Fondo ao financiamento de políticas de gasto que teñan obxectivos vinculados coas actuacións previstas no punto Dous.

TÍTULO II Medidas administrativas

CAPÍTULO I Subvencións

Artigo 26. Requisitos para obter a condición de beneficiario ou entidade colaboradora

Modifícase a letra b) do punto 2 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que queda redactada como segue:

b) Solicitar a declaración de concurso, ser declarados insolventes en calquera procedemento, acharse declarados en concurso, salvo que neste adquirise a eficacia un convenio, estar suxeitos a intervención xudicial ou ser inhabilitados conforme a Lei concursal, sen que conclúa o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.

Artigo 27. Xustificación das subvencións

Modifícase o punto 5 do artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que queda redactado como segue:

5. Nas subvencións concedidas a outras administracións públicas ou entidades vinculadas ou dependentes daquelas e ás universidades, a xustificación poderá consistir na certificación da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a que foi concedida. Non obstante, para aquelas axudas e subvencións que se concedan con cargo a créditos financiados con recursos procedentes da Unión Europea, a xustificación dos gastos efectuarase con facturas ou documentos contables de valor probatorio equivalente, e a do pagamento, cos xustificantes das transferencias bancarias ou documentos acreditativos dos pagamentos realizados, de acordo coa normativa aplicable aos fondos europeos. Todo iso sen prexuízo da admisibilidade da xustificación mediante fórmulas de custos simplificados nos supostos admitidos pola devandita normativa.

Artigo 28. Procedemento de aprobación do gasto e do pagamento

Modifícase o parágrafo terceiro do punto 6 do artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que queda redactado como segue:

En ningún caso poderán realizarse pagamentos anticipados a beneficiarios cando se solicitase a declaración de concurso, fosen declarados insolventes en calquera procedemento ou se atopen declarados en concurso, salvo que neste adquirise a eficacia un convenio, estean suxeitos a intervención xudicial ou fosen inhabilitados conforme a Lei 22/2003, do 9 de xullo, concursal, sen que concluíse o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso. A realización de pagamentos á conta ou pagamentos anticipados, así como o réxime de garantías, deberán preverse expresamente na normativa reguladora da subvención.

CAPÍTULO II Patrimonio

Artigo 29. Taxacións, valoracións e informes técnicos

Modifícase o artigo 49 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como segue:

Artigo 49. Taxacións, valoracións e informes técnicos

1. As taxacións, valoracións e informes técnicos que se deban realizar para o cumprimento do disposto nesta lei deben explicitar os parámetros nos que se fundamentan, e poderán ser efectuados por persoal técnico dependente das respectivas consellarías ou entidades que administren os bens ou dereitos ou que soliciten a súa adquisición ou arrendamento, ou por técnicos facultativos da consellaría competente en materia de patrimonio. Estas actuacións pódense igualmente encargar a sociedades de taxación debidamente inscritas no Rexistro de Sociedades de Taxación do Banco de España e empresas legalmente habilitadas, con suxeición ao establecido na lexislación de contratos do sector público.

2. Para os efectos da presente lei, as taxacións, valoracións e informes técnicos deben ser aprobados, cando recaian sobre inmobles, pola consellaría competente en materia de patrimonio; tratándose de mobles, pola consellaría que os teña adscritos; e, no caso de entidades públicas instrumentais, polo órgano competente para concluír o negocio correspondente.

3. As taxacións teñen un prazo de validez de dous anos, contados desde a súa aprobación, agás nos supostos excepcionais en que a duración do procedemento administrativo no que deban producir efectos teña unha duración superior, nos que o prazo de validez das taxacións se prorrogará ata a finalización do procedemento.

Artigo 30. Adquisicións a título gratuíto

Modifícase o parágrafo segundo do punto 6 do artigo 56 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como segue:

Igual obriga corresponderá, no caso das herdanzas intestadas, aos propietarios, arrendadores e responsables das vivendas, centros ou residencias nos que finase a persoa causante, ás persoas que convivisen formal ou materialmente co finado ao tempo do seu falecemento ou ás que posúan a súa vivenda por calquera causa, así como, en xeral, ao seu administrador, representante legal ou mandatario.

Artigo 31. Vinculación aos fins dos bens e dereitos cedidos

Modifícase o punto 2 do artigo 85 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como segue:

2. Corresponde á consellaría competente en materia de patrimonio, e, se é o caso, ao órgano unipersoal de goberno da entidade pública instrumental, verificar a aplicación dos bens inmobles ou dereitos reais ao fin para o que foron cedidos. Para isto poderán adoptar cantas medidas sexan necesarias.

No caso de bens mobles, estas facultades corresponderán á consellaría que adoptou o acordo de cesión ou ao órgano unipersoal de goberno da entidade pública instrumental.

Artigo 32. Réxime administrativo da sucesión intestada a favor da Comunidade Autónoma de Galicia

Engádese unha nova disposición adicional décimo quinta á Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, co seguinte contido:

Disposición adicional décimo quinta. Réxime administrativo da sucesión intestada a favor da Comunidade Autónoma de Galicia

No non establecido especificamente nesta lei para as herdanzas intestadas deferidas a favor da Comunidade Autónoma de Galicia, aplicarase a normativa reguladora sobre o réxime administrativo deste tipo de sucesión legal mortis causa.

En todo caso, todos os actos necesarios para a administración, xestión, liquidación e distribución deste patrimonio hereditario corresponderán á consellaría competente en materia de patrimonio, incluído o alleamento de calquera tipo de bens ou dereitos da persoa causante.

CAPÍTULO III Xogo

Artigo 33. Casinos de xogos

Modifícase o artigo 8 da Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia, que queda redactado como segue:

Artigo 8

1. Son casinos de xogos os establecementos expresamente dedicados á práctica de todos os xogos legalmente autorizados.

2. Os casinos deberán contar, como mínimo, cos xogos referidos na letra a) do artigo 6, e neles poderán instalarse máquinas e terminais de xogo no número que se fixe regulamentariamente.

3. Nos casinos haberá un rexistro de admisión e un servizo de control e asistencia.

4. Unicamente se autorizará a instalación e funcionamento dun casino en cada provincia da Comunidade Autónoma, que, en todo caso, deberá contar, nun radio de 25 quilómetros desde o lugar da súa localización, medidos en liña recta, cun asentamento de poboación superior aos 300.000 habitantes.

Respectaranse as situacións de feito actualmente existentes en canto á situación de casinos.

5. Poderá autorizárselle a cada un dos casinos de xogo a instalación e funcionamento dunha sala adicional que, formando parte do casino, se atope localizada fóra do recinto ou complexo onde estea situado este pero dentro da mesma provincia e nas condicións que regulamentariamente se determinen.

6. A dita sala funcionará como apéndice do casino do que forme parte. Nela poderán practicarse todos os xogos autorizados para casino nos termos establecidos regulamentariamente e deberá contar, en todo caso, cun rexistro de admisión e cun servizo de control e de asistencia.

CAPÍTULO IV Emerxencias

Artigo 34. Infraccións moi graves

Suprímese a letra d) do punto 1 do artigo 50 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia.

Artigo 35. Infraccións graves

Modifícase o punto 1 do artigo 51 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, que queda redactado como segue:

1. Constitúen infraccións graves as seguintes condutas:

a) Obstaculizar, sen chegar a impedir, a inspección do estado das medidas e dos medios de autoprotección pola autoridade competente de protección civil.

b) Non lles comunicar ás autoridades competentes de protección civil calquera circunstancia ou incidencia que poida xerar situacións de emerxencia.

c) Non participar, o persoal voluntario dos grupos operativos, no caso de emerxencia, agás por causa debidamente xustificada, nas actividades previstas nos correspondentes plans.

d) Obstaculizar, sen chegar a impedir, a destrución, a intervención ou a ocupación temporal e transitoria dos bens e dos medios de transporte, cando sexa ordenada pola autoridade competente de protección civil, de acordo co establecido nesta lei.

e) Non respectar ou obstaculizar o cumprimento das ordes e das instrucións emanadas das autoridades de protección civil en situacións de activación dun plan ou dunha emerxencia declarada.

f) Realizar chamadas abusivas, insultantes, ameazadoras ou xocosas de xeito reiterado ao 112, ou realizar chamadas reiteradas coas que se comunican avisos falsos de urxencia.

Artigo 36. Infraccións leves

Modifícase o punto 1 do artigo 52 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, que queda redactado como segue:

1. Constitúen infraccións leves as seguintes condutas:

a) Realizar chamadas inxustificadas ao Centro de Atención de Emerxencias 112 Galicia sempre que pola súa natureza, ocasión ou circunstancia, non deban ser cualificadas como graves.

b) Non seguir ou non respectar as medidas e as instrucións dispostas pola autoridade de protección civil e xestión de merxencias cando se fagan simulacros.

CAPÍTULO V Turismo

Artigo 37. Vivendas de uso turístico

Engádese un novo artigo 65 bis á Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, co seguinte contido:

Artigo 65 bis. Vivendas de uso turístico

1. Son vivendas de uso turístico as cedidas a terceiras persoas, de xeito reiterado e a cambio de contraprestación económica, para unha estadía de curta duración, amobladas e equipadas en condicións de inmediata dispoñibilidade e coas características establecidas por vía regulamentaria.

As vivendas de uso turístico poderán ser comercializadas, ademais de polas empresas turísticas reguladas no artigo 33.1 desta lei, polos seus propietarios/as ou pola persoa física ou xurídica que os/as represente. Neste último suposto non se aplicará o disposto no artigo 33.2 da lei.

2. Constitúen estadías de curta duración aquelas nas que a cesión de uso é inferior a trinta días consecutivos, e quedan fóra do ámbito de aplicación as que excedan esa duración.

3. As persoas propietarias e/ou comercializadoras quedarán obrigadas fronte á Administración turística ao cumprimento das obrigas impostas nesta lei e nas normas que a desenvolvan e responderán de xeito solidario fronte a aquela.

4. As vivendas de uso turístico requiren da correspondente declaración previa de inicio da actividade perante a Administración turística.

CAPÍTULO VI Comunicación audiovisual

Artigo 38. Posta en marcha das emisións do servizo de comunicación audiovisual de televisión correspondentes ás adxudicacións transformadas en licenzas

Un. Tendo en conta o cambio de circunstancias producido desde o momento do seu outorgamento e a necesidade de viabilizar e de pór en marcha o servizo de comunicación audiovisual de televisión, os adxudicatarios das concesións para a prestación do servizo de comunicación audiovisual de televisión no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia outorgadas provisionalmente con anterioridade á entrada en vigor da Lei 7/2010, do 31 de marzo, xeral de comunicación audiovisual, e transformadas en licenzas de acordo co disposto na indicada lei e no Decreto 102/2012, do 29 de marzo, disporán dun prazo de dous anos, a partir da entrada en vigor da presente lei, para materializar os compromisos asumidos nas ofertas presentadas e para acreditar o cumprimento das obrigas contidas no prego de bases e na normativa reguladora para a posta en marcha das emisións. Todo isto sen prexuízo do cumprimento dos compromisos asumidos que teñan que facerse efectivos ao longo da vixencia da licenza, como os de investimentos materiais e de emprego.

Dous. A Administración xeral da Comunidade Autónoma, a través do órgano administrativo competente en materia de medios de comunicación audiovisual, dirixirase, no prazo de tres meses desde a entrada en vigor desta norma, aos titulares das licenzas, aos que lles comunicará as actuacións que teñen pendentes de realizar.

Tres. No caso de non cumprir os compromisos e as obrigas indicados no punto primeiro deste artigo para a posta en marcha das emisións no período de dous anos previsto nel, a Administración xeral da Comunidade Autónoma, a través do órgano administrativo competente en materia de medios de comunicación audiovisual, iniciará os procedementos de revogación correspondentes tendentes á extinción das licenzas para a prestación dos servizos de comunicación audiovisual de televisión.

Artigo 39. Negocios xurídicos relativos ás licenzas do servizo de comunicación audiovisual de televisión

Os negocios xurídicos aos que se fai referencia no artigo 29 da Lei 7/2010, do 31 de marzo, xeral de comunicación audiovisual, que se pretendan levar a cabo con posterioridade á entrada en vigor desta lei, así como os que se comunicasen con anterioridade á súa entrada en vigor, poderán ser autorizados pola autoridade audiovisual competente sempre e cando os novos adquirentes ou arrendatarios acrediten previamente o cumprimento das condicións legalmente establecidas para a obtención da licenza e se subroguen nas obrigas e compromisos asumidos nas ofertas presentadas polos adxudicatarios iniciais, sen prexuízo do indicado no artigo anterior para a posta en marcha das emisións.

Artigo 40. Pagamento da taxa pola prestación do servizo de comunicación audiovisual de televisión correspondente ás adxudicacións transformadas en licenzas

A taxa pola prestación do servizo de comunicación audiovisual de televisión para as adxudicacións provisionais transformadas en licenzas, que, de acordo co réxime xurídico aplicable no seu momento, se devindicaba, unha vez aprobados os proxectos técnicos de enlace, estudos e difusión, no momento do outorgamento do título concesional, farase efectiva polos titulares das licenzas, como máximo, no prazo de dous anos a partir da entrada en vigor desta lei e unha vez que se acredite o cumprimento das obrigas contidas no prego de bases e na normativa reguladora para a posta en marcha das emisións.

CAPÍTULO VII Urbanismo

Artigo 41. Protección e conservación do patrimonio cultural de Galicia

Un. Modifícase o punto 4 do artigo 32 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, que queda redactado como segue:

4. Todas as figuras de planeamento urbanístico, tras a súa aprobación inicial, deberán someterse a informe vinculante da consellaría competente en materia de cultura. O informe deberá ser emitido no prazo de tres meses; transcorrido este, entenderase favorable.

No caso de ser desfavorable, o informe indicará expresamente, se é o caso, as normas vulneradas.

Dous. Modifícase o punto 1 do artigo 52 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, que queda redactado como segue:

1. Os bens inmobles catalogados, así como o seu contorno, gozarán da protección prevista no artigo 17 da presente lei a través do correspondente catálogo, ao que deberá axustarse a planificación territorial ou urbanística, cuxa aprobación precisará o informe favorable e vinculante da consellaría competente en materia de cultura. O informe deberá ser emitido no prazo de tres meses; transcorrido este, entenderase favorable. No caso de ser desfavorable, o informe indicará expresamente, se é o caso, as normas vulneradas.

Artigo 42. Coordinación co planeamento urbanístico

Modifícase o punto 2 do artigo 23 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, que queda redactado como segue:

2. Nos supostos de redacción, revisión ou modificación de instrumentos de planeamento que afecten as estradas existentes ou as actuacións previstas nos plans de estradas vixentes, o concello remitiralles, con posterioridade á súa aprobación inicial, o correspondente documento ás administracións titulares das estradas afectadas para que emitan informe sobre este. O informe terá carácter vinculante e deberá ser emitido no prazo de tres meses; transcorrido este, entenderase favorable.

No caso de ser desfavorable, o informe indicará expresamente, se é o caso, as normas vulneradas.

Artigo 43. Informe de Augas de Galicia sobre os plans territoriais e urbanísticos

Modifícase o artigo 39 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, que queda redactado como segue:

Artigo 39. Informe de Augas de Galicia dos plans territoriais e urbanísticos

1. Deberán someterse a informe de Augas de Galicia os instrumentos de ordenación territorial e os plans xerais de ordenación municipal tras a súa aprobación inicial. Igualmente deberán someterse a informe de Augas de Galicia a aprobación e modificación dos plans parciais e especiais que conteñan determinacións co mesmo obxecto que os plans regulados pola presente lei.

2. O informe versará exclusivamente sobre aqueles aspectos relacionados coas competencias en materia de auga e obras hidráulicas da Comunidade Autónoma de Galicia e terá nese ámbito carácter vinculante. Especialmente, tratarase no informe do respecto polos instrumentos territoriais e urbanísticos do contido da planificación hidrolóxica, así como dos plans de abastecemento e saneamento, cando estes existan.

3. O informe deberá ser emitido no prazo de tres meses; transcorrido este, entenderase favorable. No caso de ser desfavorable, o informe indicará expresamente, se é o caso, as normas vulneradas.

Artigo 44. Informes sobre os instrumentos de ordenación do territorio e o planeamento urbanístico

Modifícase o artigo 66 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, que queda redactado como segue:

Artigo 66. Informes sobre os instrumentos de ordenación do territorio e o planeamento urbanístico

Os instrumentos de ordenación do territorio, os plans xerais de ordenación municipal e os plans especiais non previstos nos plans xerais, así como a modificación destes instrumentos, requirirán o informe sectorial da Administración forestal. O dito informe terá carácter vinculante cando se trate de montes catalogados, protectores e terreos rústicos.

O informe deberá ser emitido no prazo de tres meses; transcorrido este, entenderase favorable. No caso de ser desfavorable, o informe indicará expresamente, se é o caso, as normas vulneradas.

Artigo 45. Consello de Administración do ente público Portos de Galicia

Modifícase a letra e) do punto 3 do artigo 7 da Lei 5/1994, do 29 de novembro, de creación do ente público Portos de Galicia, que queda redactado como segue:

e) Proporlles aos órganos competentes da Xunta de Galicia, a través da consellaría competente en materia de portos, a aprobación dos plans de obras, de instalacións dos portos e das súas ampliacións, así como dos plans especiais de ordenación portuaria.

Cando se trate de plans de obras ou instalacións portuarias e das súas ampliacións ou plans especiais de ordenación portuaria cuxo contido sexa de natureza pesqueira, con posterioridade á súa aprobación inicial, solicitarase o informe da consellaría competente en materia de pesca. O informe deberá ser emitido no prazo de tres meses; transcorrido este, entenderase favorable. No caso de ser desfavorable, o informe indicará expresamente, se é o caso, as normas vulneradas.

Artigo 46. Solos contaminados

Modifícase o punto 2 do artigo 47 da Lei 10/2008, do 3 de novembro, de residuos de Galicia, que queda redactado como segue:

2. En relación cos ditos solos e co obxecto de determinar a viabilidade dos usos previstos no ámbito no que se desenvolvan, para a tramitación dos plans urbanísticos deberá presentarse, xunto coa documentación exixida pola normativa de aplicación, un informe da calidade do solo.

O concello remitirá os plans urbanísticos, con posterioridade á súa aprobación inicial, ao órgano competente en materia de residuos, que deberá emitir informe no prazo de tres meses; transcorrido este, entenderase favorable. No caso de ser desfavorable, o informe indicará expresamente, se é o caso, as normas vulneradas.

Artigo 47. Cooperación en materia de paisaxe

Modifícase o artigo 7 da Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia, que queda redactado como segue:

Artigo 7. Cooperación en materia de paisaxe

1. A Xunta de Galicia impulsará a cooperación con todas as administracións públicas con competencia no territorio, especialmente coas administracións locais, co fin de promover o desenvolvemento de políticas comúns, debidamente coordinadas e programadas, que aseguren o cumprimento dos fins que se conteñen na presente lei.

2. Os plans xerais de ordenación municipal, tras a súa aprobación inicial, deberán someterse a informe do órgano competente en materia de paisaxe; informe que versará sobre os aspectos paisaxísticos do plan.

O informe deberá emitirse no prazo de tres meses; transcorrido este, entenderase favorable. No caso de ser desfavorable, o informe indicará expresamente, se é o caso, as normas vulneradas.

Artigo 48. Órganos autonómicos competentes en materia de control de riscos inherentes aos accidentes graves nos que interveñan substancias perigosas

As funcións asignadas ás comunidades autónomas polo Real decreto 1254/1999, do 16 de xullo, polo que se aproban medidas de control dos riscos inherentes aos accidentes graves nos que interveñan substancias perigosas, serán exercidas, na Comunidade Autónoma de Galicia, polos seguintes órganos:

a) As xefaturas territoriais e a dirección xeral con competencias en materia de industria.

b) A dirección xeral competente en materia de emerxencias e interior.

c) A secretaría xeral con competencias en materia de calidade e avaliación ambiental.

Artigo 49. Informe do Consello Autonómico para a Promoción da Accesibilidade e a Supresión de Barreiras sobre solucións alternativas a itinerarios peonís

O informe do Consello Autonómico para a Promoción da Accesibilidade e a Supresión de Barreiras previsto no artigo 16.7 do Regulamento de desenvolvemento e execución da Lei de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 35/2000, do 28 de xaneiro, deberá ser emitido no prazo de tres meses; transcorrido este, entenderase favorable. No caso de ser desfavorable, o informe indicará expresamente, se é o caso, as normas vulneradas.

Artigo 50. Procedemento para a adaptación dos solos ao Plan de ordenación do litoral de Galicia

O procedemento para a adaptación dos solos ao Plan de ordenación do litoral de Galicia axustarase ao previsto no artigo 102 do Decreto 20/2011, do 10 de febreiro, polo que se aproba definitivamente o Plan de ordenación do litoral de Galicia. A emisión do informe sectorial recollido no punto 4 do citado artigo correspóndelle ao órgano competente en materia de ordenación do territorio.

CAPÍTULO VIII Emprendemento e competitividade económica

Artigo 51. Funcións do Consello Galego de Economía e Competitividade

Modifícase o punto 1 do artigo 20 da Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, que queda redactado como segue:

1. Aprobar anualmente un informe sobre os plans de desenvolvemento e apoio no que se indiquen os resultados obtidos e a consecución de obxectivos nas materias que son competencia da Consellería de Economía e Industria emprendemento, innovación, competitividade, internacionalización, comercio interior e exterior e desenvolvemento industrial, enerxético e mineiro e se propoñan as directrices de apoio ás actividades para persoas físicas e xurídicas e as cautelas para garantir, nos termos que regulamentariamente se establezan, que as empresas se creen, maduren, se expandan e se consoliden no ámbito nacional e internacional.

Artigo 52. Comunicación previa ao inicio da actividade

Modifícase o punto 2 do artigo 24 da Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, que queda redactado como segue:

2. Se para o desenvolvemento da actividade é precisa a realización dunha obra, a documentación anterior presentarase coa comunicación previa prevista na normativa urbanística ou coa solicitude de licenza de obra, se procede. Logo de rematar a obra, presentarase comunicación previa para o inicio da actividade.

CAPÍTULO IX Cámaras oficiais, comercio e minaría

Sección 1ª. Cámaras oficiais de comercio, industria e navegación

Artigo 53. Funcións das cámaras

Modifícase o artigo 4 da Lei 5/2004, do 8 de xullo, de cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia, que queda redactado como segue:

Artigo 4. Funcións

1. As cámaras oficiais de comercio, industria, servizos e navegación da Comunidade Autónoma de Galicia terán as funcións de carácter público-administrativo recollidas no punto 1 do artigo 5 da Lei 4/2014, do 1 de abril, de cámaras oficiais de comercio, industria, servizos e navegación.

2. Tamén lles corresponderá ás cámaras oficiais de comercio, industria, servizos e navegación da Comunidade Autónoma de Galicia desenvolver as funcións público-administrativas que se enumeran a continuación, na forma e coa extensión que se determine, de ser o caso, regulamentariamente:

a) Proporlles aos órganos competentes da Comunidade Autónoma de Galicia cantas reformas ou medidas consideren necesarias ou convenientes para o fomento do comercio, a industria, os servizos e a navegación.

b) Colaborar na elaboración, desenvolvemento, execución e seguimento dos plans que se deseñen para o incremento da competitividade do comercio, a industria, os servizos e a navegación.

c) Colaborar cos órganos competentes da Comunidade Autónoma de Galicia como órganos de apoio e asesoramento para a creación de empresas.

d) Colaborar cos órganos competentes da Comunidade Autónoma de Galicia mediante a realización de actuacións materiais para a comprobación do cumprimento dos requisitos legais e a verificación de establecementos mercantís e industriais, cumprindo co establecido na normativa xeral e sectorial vixente.

e) Elaborar as estatísticas, enquisas de avaliación e estudos que consideren necesarios para o exercicio das súas competencias.

f) Promover e cooperar na organización de feiras e exposicións.

g) Colaborar nos programas de formación establecidos por centros docentes públicos ou privados e, se é o caso, polos órganos competentes da Comunidade Autónoma de Galicia.

h) Emitir informe sobre os proxectos de normas emanados da Comunidade Autónoma de Galicia que afecten directamente os intereses xerais do comercio, a industria, os servizos ou a navegación, nos casos e co alcance que o ordenamento xurídico determine.

i) Tramitar os programas públicos de axudas ás empresas nos termos que se establezan en cada caso, así como xestionar servizos públicos relacionados con estas, cando a súa xestión lle corresponda á Administración autonómica e sempre que así se estableza nas súas respectivas normas.

j) Colaborar coa administración competente emitindo informes sobre os estudos, traballos e accións que se realicen para a promoción do comercio, a industria, os servizos e a navegación.

k) Contribuír á promoción do turismo no marco da cooperación e colaboración cos órganos competentes da Comunidade Autónoma de Galicia.

l) Colaborar cos órganos competentes da Comunidade Autónoma de Galicia para facilitar información e orientación sobre o procedemento de avaliación e acreditación para o recoñecemento das competencias profesionais adquiridas por experiencia laboral, así como na achega de instalacións e servizos para a realización dalgunhas fases do procedemento, cando as devanditas administracións o establezan.

m) As cámaras oficiais de comercio, industria, servizos e navegación da Comunidade Autónoma de Galicia tamén poderán desenvolver calquera outra función que os órganos competentes da Comunidade Autónoma de Galicia, no exercicio das súas competencias, consideren necesarias.

3. As cámaras oficiais de comercio, industria, servizos e navegación da Comunidade Autónoma de Galicia poderán levar a cabo outras actividades, que terán carácter privado e se prestarán en réxime de libre competencia, que contribúan á defensa, apoio ou fomento do comercio, a industria, os servizos e a navegación, ou que sexan de utilidade para o desenvolvemento das indicadas finalidades e, en especial, establecer servizos de información e asesoramento empresarial. Así mesmo, poderán difundir e impartir formación en relación coa organización e xestión da empresa, prestar servizos de certificación e homologación das empresas e crear, xestionar e administrar bolsas de franquía, de subprodutos, de subcontratación e de residuos, así como lonxas de contratación, cumprindo os requisitos exixidos na normativa sectorial vixente para o exercicio destas actividades.

Tamén poderán desempeñar actividades de mediación, así como de arbitraxe mercantil, nacional e internacional, conforme o establecido na lexislación vixente.

4. Para o adecuado desenvolvemento das súas funcións, e logo da autorización do órgano competente da Administración autonómica en materia de cámaras, as cámaras oficiais de comercio, industria, servizos e navegación da Comunidade Autónoma de Galicia poderán promover ou participar en toda clase de asociacións, fundacións e sociedades civís ou mercantís, así como subscribir os oportunos convenios de colaboración.

Para o outorgamento da devandita autorización deberá xustificarse a necesidade ou conveniencia da promoción ou participación prevista. Igualmente, o órgano competente da Administración autonómica en materia de cámaras poderá denegar a autorización cando a cámara solicitante non acreditase, con carácter previo, que a súa participación nas entidades e convenios sinalados non afecta o mantemento do seu equilibrio orzamentario.

5. A autorización á que fai referencia o punto anterior non implicará, en ningún caso, a asunción de responsabilidade ningunha, nin principal nin subsidiaria, por parte da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia en relación cos dereitos e obrigas derivados das actuacións das cámaras oficiais de comercio, industria, servizos e navegación da Comunidade Autónoma de Galicia no ámbito das súas actividades privadas.

6. Para o adecuado desenvolvemento das súas funcións, as cámaras oficiais de comercio, industria, servizos e navegación da Comunidade Autónoma de Galicia, así como o Consello Galego de Cámaras e as administracións públicas, poderán subscribir convenios dos previstos nas letras c) e d) do artigo 4.1 do texto refundido da Lei de contratos do sector público, aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, cando se dean os supostos para iso, e celebrar contratos nos que as administracións públicas se acomodarán ás prescricións do citado texto refundido e servirse dos restantes instrumentos permitidos polo ordenamento xurídico vixente. No desenvolvemento das funcións público-administrativas garantirase unha adecuada coordinación coas administracións públicas mediante a sinatura dos oportunos instrumentos de colaboración, así como a través dos plans de actuacións que, se é o caso, diten os órganos competentes da Comunidade Autónoma de Galicia por razón da materia. Así mesmo, as cámaras oficiais de comercio, industria, servizos e navegación da Comunidade Autónoma de Galicia e o Consello Galego de Cámaras poderán subscribir convenios ou outros instrumentos de colaboración para garantir unha adecuada coordinación das súas actuacións coas levadas a cabo polas organizacións empresariais.

7. No desenvolvemento das funcións público-administrativas, as cámaras garantirán a súa imparcialidade e transparencia.

8. No desenvolvemento das funcións público-administrativas, as cámaras axustaranse ao previsto na Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística de Galicia.

9. No desenvolvemento de todas as actividades, as cámaras oficiais de comercio, industria, servizos e navegación da Comunidade Autónoma de Galicia, así como o Consello Galego de Cámaras, respectarán as condicións de accesibilidade das persoas con discapacidade nos termos que estableza a normativa de aplicación.

A información que se facilite, en calquera formato, e, en xeral, os servizos de atención ao destinatario e as súas instalacións, deberán ser accesibles ás persoas con discapacidade, para o que se terán en conta as necesidades dos distintos tipos de discapacidade, se porán á disposición os medios e os apoios e se realizarán os axustes razoables que sexan precisos.

Artigo 54. Ámbito territorial das cámaras

Modifícase o artigo 7 da Lei 5/2004, do 8 de xullo, de cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia, que queda redactado como segue:

Artigo 7. Ámbito territorial

1. Poderán existir cámaras oficiais de comercio, industria, servizos e navegación de ámbito autonómico, provincial e local e coexistir cámaras de distinto ámbito territorial.

2. En cada provincia existirá, polo menos, unha cámara oficial de comercio, industria, servizos e, de ser o caso, navegación, sen prexuízo de que as súas funcións e servizos poidan ser desempeñadas por outra das cámaras oficiais de comercio, industria, servizos e navegación da Comunidade Autónoma de Galicia. Neste sentido, as funcións e servizos dunha cámara poderán ser asumidos por calquera das restantes cámaras da Comunidade Autónoma de Galicia, nos supostos e co alcance que se determinen na presente lei e na súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 55. Requisitos de creación de cámaras

Modifícase o artigo 8 da Lei 5/2004, do 8 de xullo, de cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia, que queda redactado como segue:

Artigo 8. Requisitos e supostos de creación de cámaras

1. A creación de novas cámaras oficiais de comercio, industria, servizos e navegación unicamente poderá realizarse sobre a base de intereses comerciais, industriais, de servizos e navieiros específicos e sempre que a cámara resultante conte con recursos suficientes para o cumprimento satisfactorio das súas funcións e non supoña mingua na calidade dos servizos que viñan sendo prestados.

2. Poderán crearse novas cámaras oficiais de comercio, industria, servizos e navegación:

a) Por fusión de dúas ou máis cámaras. O procedemento iniciarase cos acordos, por maioría absoluta dos membros dos plenos, favorables á fusión das distintas cámaras afectadas.

b) Por integración dunha ou máis cámaras. Pode iniciarse o procedemento cando unha cámara, durante catro exercicios consecutivos, liquide cun déficit superior ao 20 % dos seus ingresos ou cando a administración tutelante, tendo en conta os intereses xerais do comercio, industria, servizos e navegación da Comunidade Autónoma de Galicia e logo do informe do Consello Galego de Cámaras, o considere conveniente.

Artigo 56. Demarcacións territoriais das cámaras

Modifícase o artigo 10 da Lei 5/2004, do 8 de xullo, de cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia, que queda redactado como segue:

Artigo 10. Modificación de demarcacións territoriais

O Consello da Xunta de Galicia poderá alterar a demarcación territorial das cámaras oficiais de comercio, industria, servizos e navegación da Comunidade Autónoma de Galicia:

a) Cando estas, conxuntamente, así o acorden por maioría de dous terzos dos membros dos seus respectivos plenos.

b) Cando o soliciten máis de dous terzos do electorado dos termos municipais que se pretendan segregar dunha cámara, sempre que conten co acordo do pleno da cámara á que vaian ser agregados.

c) Cando, como consecuencia dun proceso de liquidación de cámaras, sexa precisa a integración da súa demarcación territorial noutra cámara.

d) Cando a administración tutelante, tendo en conta os intereses xerais do comercio, a industria, os servizos e a navegación da Comunidade Autónoma de Galicia e logo do informe do Consello Galego de Cámaras, o estime conveniente.

Artigo 57. Pleno das cámaras

Modifícase o artigo 14 da Lei 5/2004, do 8 de xullo, de cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia, que queda redactado como segue:

Artigo 14. Pleno

1. O pleno é o órgano supremo de goberno e representación da cámara, que estará composto por un número de vogais determinado no regulamento de réxime interior de cada cámara e que en ningún caso será inferior a 10 nin superior a 60 vogais. O seu mandato durará catro anos.

2. O pleno terá a seguinte composición:

a) Vogais de elección directa, que serán, como mínimo, dous terzos dos vogais do pleno, elixidos mediante sufraxio libre, igual, directo e secreto entre todas as persoas físicas e xurídicas que exerzan unha actividade comercial, industrial, de servizos ou de navegación na demarcación, de acordo coa clasificación en grupos e categorías que se estableza regulamentariamente conforme os criterios establecidos na lexislación básica estatal.

b) Representantes das empresas e persoas de recoñecido prestixio na vida económica dentro da circunscrición de cada cámara que realicen achegas voluntarias a esta, efectivas e satisfeitas, por proposta das organizacións empresariais intersectoriais e territoriais máis representativas. Para este fin, as citadas organizacións empresariais presentarán á administración tutelante unha lista de candidatos propostos, en número que corresponda ás vogalías que hai que cubrir. O número dos vogais deste grupo representará un sexto do número total dos vogais do pleno.

c) Representantes das empresas de maior achega voluntaria na demarcación de cada cámara. Estes vogais serán elixidos de entre as empresas que realizasen achegas económicas voluntarias, efectivas e satisfeitas, e o seu número representará un sexto do número total dos vogais do pleno.

Para a determinación, elección e proclamación dos vogais previstos nas letras b) e c) deste artigo, a xunta electoral requiriralle un informe ao secretario xeral de cada cámara. As empresas con achega económica voluntaria deberán adquirir o compromiso de manter as devanditas achegas ata a realización de novas eleccións. No caso de non manterse as devanditas achegas económicas, declararase a súa vacante no pleno e procederase á elección de novos membros deste.

De non conseguir que se cubran os vogais previstos nas letras b) e c), ben por ausencia de empresas que realicen achegas voluntarias, ben porque as devanditas empresas non designasen representantes no pleno, estas vacantes quedarán sen cubrir ata que existan empresas que se adhiran á cámara co compromiso de realizar achegas voluntarias ou que as xa adheridas designen representantes no pleno, momento no que se cubrirán as vacantes mediante elección entre as devanditas empresas na forma prevista.

3. Poderán asistir ás reunións do pleno, con voz pero sen voto, as persoas de recoñecido prestixio da vida económica do ámbito territorial de demarcación da cámara. Para tal fin, o presidente proporalles aos vogais unha lista de candidatos que supere nun terzo o número de vogalías que hai que elixir. O número de persoas elixibles conforme este punto non poderá exceder do 20 % do total de vogais do pleno.

4. Os vogais das letras a), b) e c) elixirán o presidente da cámara así como as persoas de recoñecido prestixio previstas no punto 3.

5. O secretario xeral e o director xerente, de o haber, asistirán, con voz pero sen voto, ás reunións do pleno.

6. A condición de membro do pleno é única e indelegable, e non ten carácter retribuído.

7. Os membros do pleno teñen o dereito e o deber de asistir ás sesións que este realice.

8. O pleno cesa tras a convocatoria de eleccións, e permanece en funcións ata a toma de posesión dos seus novos membros.

9. Regulamentariamente determinarase o réxime de provisión de vacantes no pleno.

Artigo 58. Dereito de sufraxio

Suprímense os artigos 28 e 29 da Lei 5/2004, do 8 de xullo, de cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia.

Artigo 59. Censo electoral das cámaras

Modifícase o artigo 30 da Lei 5/2004, do 8 de xullo, de cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia, que queda redactado como segue:

Artigo 30. Censo electoral

1. O censo electoral das cámaras estará constituído pola totalidade das persoas físicas ou xurídicas, nacionais ou estranxeiras, que exerzan as actividades comerciais, industriais, de servizos ou navieiras non excluídas conforme o artigo 7 da Lei 4/2014, do 1 de abril, básica das cámaras oficiais de comercio, industria, servizos e navegación. Este censo será elaborado e revisado anualmente polo comité executivo, con referencia ao 1 de xaneiro.

2. O censo electoral das cámaras, constituído de acordo co establecido no punto 1 deste artigo, comprenderá a totalidade dos seus electores, clasificados por grupos e categorías, en atención á importancia económica dos diversos sectores representados, na forma que determine a administración tutelante; clasificación que será revisada, cada catro anos, polo comité executivo.

Os integrantes do censo electoral terán dereito de voto para a elección dos órganos de goberno das cámaras oficiais de comercio, industria, servizos e navegación dentro de cuxa circunscrición teñan establecementos, delegacións ou axencias.

Para ser elector, xa sexa en nome propio ou en representación de persoas xurídicas, requirirase maioría de idade e non estar incurso en ningunha causa legal que impida a devandita condición.

3. Os candidatos que formen parte dos órganos de goberno das cámaras deberán, ademais, ter a nacionalidade española ou dun Estado membro da Unión Europea, a dun Estado parte no Acordo sobre o Espazo Económico Europeo ou a dun Estado a cuxos nacionais se estenda, en virtude do correspondente acordo ou tratado internacional, o réxime xurídico previsto para os cidadáns anteriormente citados, levar como mínimo dous anos de exercicio na actividade empresarial nos territorios citados e acharse ao corrente no pago das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social.

As persoas doutra nacionalidade poderán ser candidatas de acordo co principio de reciprocidade, sempre que cumpran os demais requisitos exixidos no parágrafo anterior.

4. Para ser candidato a formar parte do pleno será necesario, ademais, estar incluído no censo electoral dentro do grupo e categoría por cuxa representación se opta.

As persoas naturais ou xurídicas que exerzan actividades correspondentes a diversos grupos ou diversas categorías do mesmo grupo do censo dunha cámara teñen dereito de sufraxio activo e pasivo en cada un deles. De resultaren elixidas en máis dun grupo ou categoría, deberán optar pola representación nos órganos de goberno de só un deles.

5. Para os efectos da elección dos vogais previstos na letra b) do punto 2 do artigo 14, as cámaras elaborarán un censo de empresas de maior achega voluntaria en cada demarcación.

Artigo 60. Ingresos das cámaras

Modifícase o artigo 38 da Lei 5/2004, do 8 de xullo, de cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia, que queda redactado como segue:

Artigo 38. Réxime económico

1. As cámaras oficiais de comercio, industria, servizos e navegación da Comunidade Autónoma de Galicia disporán dos seguintes ingresos:

a) Os ingresos ordinarios e extraordinarios obtidos polos servizos que presten e, en xeral, polo exercicio das súas actividades.

b) Os produtos, rendas e incrementos do seu patrimonio.

c) As achegas voluntarias de empresas ou entidades comerciais.

d) Os legados e donativos que puideren recibir.

e) Os procedentes das operacións de crédito que se realicen.

f) Calquera outro que lle poida ser atribuídos por lei, en virtude de convenio ou por calquera outro procedemento de conformidade co ordenamento xurídico.

2. A disposición de bens patrimoniais deberá contar coa autorización da administración tutelante cando se trate de bens inmobles. A administración tutelante poderá determinar outros supostos en que sexa precisa a súa autorización para a disposición por parte das cámaras doutro tipo de bens patrimoniais, en función do seu alcance económico.

Artigo 61. Recurso cameral

Suprímense os artigos 39, 40, 41 e 43 da Lei 5/2004, do 8 de xullo, de cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia.

Artigo 62. Réxime económico e orzamentario das cámaras

Modifícase o artigo 56 da Lei 5/2004, do 8 de xullo, de cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia, que queda redactado como segue:

Artigo 56. Réxime económico e orzamentario

1. Os ingresos permanentes do Consello Galego de Cámaras estarán constituídos polas contribucións das cámaras na contía que fixe anualmente o Consello ao aprobar os seus orzamentos.

2. O réxime económico e orzamentario, no que sexa compatible, rexerase polo disposto no capítulo V da presente lei.

Artigo 63. Tutela das cámaras

Modifícase o artigo 58 da Lei 5/2004, do 8 de xullo, de cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia, que queda redactado como segue:

Artigo 58. Tutela

1. As cámaras oficiais de comercio, industria, servizos e navegación da Comunidade Autónoma de Galicia, así como o Consello Galego de Cámaras, están suxeitos no exercicio da súa actividade á tutela da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, a través da consellaría competente en materia de comercio.

2. A función de tutela comprende o exercicio das potestades administrativas de aprobación, fiscalización, resolución de recursos, suspensión, disolución e extinción.

3. Nos supostos de disolución, liquidación e extinción previstos nesta lei, a función de tutela comprenderá o coñecemento e dirección do correspondente procedemento, así como a adopción das medidas necesarias para garantir a prestación dos servizos propios das cámaras sen que a administración tutelante quede directa ou indirectamente vinculada polos saldos debedores derivados da liquidación, dos cales responderá exclusivamente o patrimonio da cámara extinguida.

4. O exercicio das funcións de tutela non implicará, en ningún caso, a asunción de responsabilidade ningunha, nin principal nin subsidiaria, por parte da administración tutelante en relación cos dereitos e obrigas derivados das actuacións das cámaras de comercio no ámbito das súas actividades.

5. As relacións laborais quedan fóra da tutela por parte da Administración e están suxeitas ao ámbito de xestión das cámaras.

6. A Administración da Comunidade Autónoma de Galicia disporá dun período de dous meses, a partir da entrada no órgano competente das solicitudes formais das cámaras, para a resolución destas, salvo naqueles casos en que a presente lei prevexa prazos distintos.

Artigo 64. Suspensión e disolución dos órganos de goberno das cámaras

Modifícase o artigo 61 da Lei 5/2004, do 8 de xullo, de cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia, que queda redactado como segue:

Artigo 61. Suspensión e disolución dos órganos de goberno das cámaras

1. A administración tutelante poderá suspender a actividade dos órganos de goberno das cámaras no caso de que se produzan transgresións do ordenamento xurídico vixente que, pola súa gravidade ou reiteración, fagan aconsellable esta medida, así como nos supostos de imposibilidade de funcionamento normal daqueles.

Para estes efectos, concederase un prazo de quince días á cámara afectada e ao Consello Galego de Cámaras para que efectúen as alegacións que estimen convenientes, que se poderá reducir a cinco días naqueles casos en que o transcurso daquel prazo poida levar consigo prexuízos de imposible ou difícil reparación.

2. O acordo de suspensión determinará o seu prazo de duración, que non poderá exceder de tres meses, así como o órgano xestor, que terá as funcións de xestión ordinaria e de defensa dos intereses da cámara e que estará composto por representantes da administración tutelante e das cámaras, nun número non superior a oito vogais, entre os que se escollerá un presidente e un secretario.

3. Transcorrido o prazo de suspensión, de subsistiren as razóns que deron lugar a esta, procederase, dentro do prazo dun mes, á disolución dos órganos de goberno das cámaras, así como á convocatoria de novas eleccións, e manterase nas súas funcións, ata a constitución dos novos órganos camerais, o órgano designado.

Artigo 65. Extinción das cámaras

Engádese un artigo 62 na Lei 5/2004, do 8 de xullo, de cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia, co seguinte contido:

Artigo 62. Extinción

Procederá a iniciación do procedemento de extinción de cámaras cando, de conformidade co artigo 37.3 da Lei 4/2014, do 1 de abril, básica das cámaras oficiais de comercio, industria, servizos e navegación, non sexa posible a realización de eleccións e a constitución dos órganos de goberno da respectiva cámara.

Considerarase que concorre este suposto cando, tras a disolución dos órganos de goberno da respectiva cámara e a correspondente convocatoria de eleccións, non se presente ningunha candidatura válida no prazo establecido para o efecto.

Artigo 66. Iniciación do procedemento de disolución das cámaras

Engádese un artigo 63 na Lei 5/2004, do 8 de xullo, de cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia, co seguinte contido:

Artigo 63. Iniciación do procedemento de disolución

1. O órgano tutelante, logo da audiencia á cámara afectada e ao Consello Galego de Cámaras, ditará acordo de inicio do procedemento de disolución cando concorra o suposto sinalado no artigo 62.

A devandita resolución será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Consello Galego de Cámaras e, de ser posible, na páxina web da propia cámara afectada, e terá o seguinte contido mínimo:

O mantemento do órgano xestor no exercicio das súas funcións ata a apertura da fase de liquidación.

A designación dun administrador independente, que poderá ser unha persoa física ou xurídica, que realizará as funcións establecidas nesta lei. A designación do administrador independente axustarase aos principios de publicidade e transparencia.

O chamamento aos posibles acredores da cámara para que poñan en coñecemento do xestor a existencia de créditos ao seu favor. Todo iso no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación.

Artigo 67. Determinación do inventario e relación de créditos

Engádese un artigo 64 na Lei 5/2004, do 8 de xullo, de cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia, co seguinte contido:

Artigo 64. Determinación do inventario de activos e da relación de créditos e acredores

1. O administrador elaborará, no prazo máximo dun mes desde o seu nomeamento, un inventario, que conterá a relación e a valoración dos bens e dereitos da cámara, con expresión da súa natureza, características, gravames, trabas, cargas e calquera outro elemento relevante para os efectos da súa identificación e valoración, que en todo caso se realizará conforme o seu valor de mercado.

2. O administrador elaborará, no prazo máximo de 45 días desde o seu nomeamento, unha relación de acredores e dos seus respectivos créditos fronte ás cámaras; todos eles computados en diñeiro e expresados en moeda de curso legal. Esta relación recollerá nome, domicilio e demais datos de identidade do acredor, así como os relativos ao crédito, ao seu concepto, contía, datas de adquisición e vencemento, características, garantías e calquera outro elemento relevante para os efectos da súa identificación e valoración.

Artigo 68. Fase de liquidación das cámaras

Engádese un artigo 65 na Lei 5/2004, do 8 de xullo, de cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia, co seguinte contido:

Artigo 65. Fase de liquidación

1. Determinados o inventario de activos e a relación de créditos e acredores previstos no artigo anterior, a administración tutelante, por instancia do órgano xestor, acordará a apertura da fase de liquidación e será obxecto, se é o caso, de notificación aos acredores comparecidos no procedemento e aos órganos xurisdicionais que estean coñecendo de causas pendentes, así como de publicación no Diario Oficial de Galicia, na páxina web do Consello Galego de Cámaras e, de ser posible, na páxina web da propia cámara afectada.

2. O acordo de apertura terá o seguinte contido mínimo:

a) O deber de incorporar á denominación da cámara a expresión en liquidación.

b) O cesamento do órgano xestor e a encomenda da actividade de liquidación da cámara ao administrador independente.

c) As medidas necesarias para garantir que as persoas físicas e xurídicas do ámbito territorial da cámara que se vai extinguir reciban os servizos propios das cámaras. Para estes efectos, abrirase un prazo de dez días hábiles para que as restantes cámaras de Galicia realicen propostas para a asunción das funcións da cámara que se vai extinguir.

A asunción de funcións da cámara que se extingue por outra cámara de Galicia e a conseguinte modificación da demarcación cameral territorial realizarase mediante decreto do Consello da Xunta, por proposta da administración tutelante, tendo en conta a concorrencia e os principios de viabilidade, solvencia e proximidade, por esta orde.

3. Durante o período de liquidación corresponderá ao administrador independente a xestión e a defensa dos intereses da cámara.

4. En particular, correspóndelle ao administrador independente:

a) A representación da cámara en todos os actos xurídicos e exercitar dereitos e accións que a ela correspondan.

b) Concluír as operacións pendentes da cámara e realizar as novas que sexan necesarias para a liquidación.

c) Realizar as operacións de liquidación, percibindo os créditos e pagando as débedas da cámara.

d) Propor o alleamento dos bens da cámara, que requirirá autorización previa da administración tutelante nos casos previstos no artigo 38.2

e) Informar periodicamente a administración tutelante do estado da liquidación.

f) Levar e custodiar a contabilidade da cámara, os libros, a documentación e a correspondencia desta.

g) A dirección e xestión do persoal da cámara.

h) En xeral, realizar todas aquelas actuacións que sexan necesarias para a liquidación da cámara e adecualas aos intereses desta.

5. Finalizadas as operacións de liquidación, o administrador independente remitiralle á administración tutelante o informe completo sobre as devanditas operacións e un balance final.

6. O administrador independente será responsable de calquera prexuízo que se causase con dolo ou culpa no desempeño do seu cargo.

Artigo 69. Fase de extinción das cámaras

Engádese un artigo 66 na Lei 5/2004, do 8 de xullo, de cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia, que terá a seguinte redacción:

Artigo 66. Fase de extinción

1. Concluídas as operacións de liquidación e recibido o correspondente informe e o balance final, a administración tutelante elevará unha proposta de extinción ao Consello da Xunta, no que se incluirán os seguintes aspectos:

a) A aprobación do informe e o balance final presentado polo administrador independente.

b) A declaración de extinción da cámara.

c) O pronunciamento sobre o destino dos bens e dereitos resultantes do procedemento de liquidación que, se é o caso, poidan existir. d) A determinación do órgano que asumirá as funcións da cámara que se vai extinguir, de conformidade co previsto no artigo 67.

2. O acordo de extinción realizarase por decreto do Consello da Xunta de Galicia e publicarase no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 70. Asunción de funcións das cámaras

Engádese un artigo 67 na Lei 5/2004, do 8 de xullo, de cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia, que terá a seguinte redacción:

Artigo 67. Asunción de funcións

1. O exercicio das funcións da cámara que se extingue será asignado a unha das restantes cámaras galegas por decreto do Consello da Xunta de Galicia. Se a cámara que se extingue ten ámbito uniprovincial deberá manterse unha delegación no seu territorio para garantir a proximidade na prestación de servizos.

2. A cámara que asuma as funcións da cámara que se extingue deberá axustar, cando así se determine, a súa denominación e órganos de goberno ao novo ámbito territorial.

Artigo 71. Réxime transitorio

Engádese unha disposición transitoria cuarta á Lei 5/2004, do 8 de xullo, de cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia, que terá a seguinte redacción:

Disposición transitoria cuarta

A composición dos órganos xestores que teñan encomendadas as funcións de xestión ordinaria e de defensa dos intereses daquelas cámaras cuxos órganos de goberno se encontren suspendidos deberán adaptarse ás previsións do artigo 61 no prazo máximo de quince días desde a entrada en vigor desta norma.

Sección 2ª. Comercio interior de Galicia

Artigo 72. Autorización comercial autonómica

Modifícase o artigo 32 da Lei 13/2010, do 17 de decembro, de comercio interior de Galicia, que queda redactado como segue:

Artigo 32. Procedemento para a obtención da autorización comercial autonómica e a súa valoración

1. A autorización comercial autonómica será concedida mediante resolución da persoa titular da consellaría competente en materia de comercio con carácter previo á obtención da licenza de obra municipal, así como á obtención de calquera outra licenza ou permiso doutra entidade ou administración que sexan exixibles, se é o caso.

2. A concesión da autorización comercial autonómica estará fundamentada nos seguintes criterios de interese xeral, cuxo cumprimento estará debidamente xustificado no proxecto:

a) A adecuación da nova implantación aos instrumentos de ordenación do territorio que, se é o caso, resulten de aplicación.

b) A viabilidade urbanística, tendo en conta a plena concordancia do establecemento proxectado coas determinacións establecidas no plan xeral e os instrumentos de desenvolvemento e xestión urbanística e o resto de normas de competencia municipal.

c) O axeitado cumprimento da normativa reguladora en materia de accesibilidade, circulación e mobilidade contidas no proxecto e a previsión de mellora das infraestruturas que permitan a fluidez do tráfico rodado xerado pola implantación comercial no suposto de que as existentes non resulten axeitadas.

d) A disposición de, polo menos, unha praza de aparcadoiro por cada 20 m² de superficie útil de exposición e venda ao público. Esta previsión será desenvolvida mediante regulamento, cuxa aprobación condicionará o momento de entrada en vigor dela, establecendo os supostos en que poderá excepcionarse este criterio de valoración. Así mesmo, deberá preverse a reserva de prazas para persoas discapacitadas nos termos que establece a normativa vixente.

e) O establecemento de liñas de transporte colectivo que desconxestionen o tráfico rodado e permitan acceder en axeitadas condicións de regularidade e intensidade á implantación comercial cando as existentes non resulten suficientes.

f) A viabilidade e legalidade ambiental do proxecto con cumprimento da normativa vixente en materia ambiental, que incluirá a adopción de medidas positivas de protección ambiental que reduzan a contaminación acústica, a emisión de gases de efecto invernadoiro e a produción de residuos, a súa xestión mediante procedementos de valorización, preferentemente mediante reciclaxe e reutilización, e a utilización da auga, a enerxía, as materias primas e outros recursos de xeito eficiente. Este criterio acreditarase do modo establecido na letra b) do punto 3 do presente artigo.

3. Completada a documentación, o órgano instrutor solicitará os informes seguintes:

a) Informe da consellaría competente en materia de ordenación do territorio e urbanismo sobre o cumprimento dos criterios establecidos na letra a) do punto anterior.

b) Declaración de impacto ambiental, que constituirá a acreditación do cumprimento do criterio f) do punto anterior.

Para estes efectos, os proxectos de instalación de establecementos comerciais precisados de autorización comercial autonómica someteranse en todo caso aos trámites de avaliación de impacto ambiental. O procedemento correspondente quedará integrado no de outorgamento da autorización comercial, e o órgano substantivo será a consellaría competente en materia de comercio. Durante a tramitación da avaliación de impacto enténdese suspendido o procedemento para resolver a autorización autonómica.

c) Informe da consellaría competente en materia de transporte sobre a existencia ou suficiencia do transporte interurbano previsto no criterio e) do punto anterior.

d) Informe do concello en cuxo termo municipal se pretenda instalar o establecemento comercial, que deberá pronunciarse sobre o cumprimento dos criterios b), c), d) e e) do punto anterior, ademais do cumprimento de todas as normas que habilitan a apertura do establecemento.

4. Transcorridos dous meses desde que se teña constancia da recepción da petición de cada informe sen que exista pronunciamento expreso para o efecto, poderán proseguirse as actuacións, presumíndose que aqueles son favorables. Non obstante, no suposto de ausencia do informe previsto na letra d), poderá ser solicitada a información complementaria que resulte precisa e que conste á disposición da consellaría competente en materia de urbanismo e transporte.

5. Emitidos os anteriores informes, o expediente remitirase á comisión consultiva prevista no artigo 20.3 da presente lei co obxecto de que efectúe a proposta de resolución. A comisión consultiva poderá neste trámite solicitar ampliación ou aclaracións dos informes emitidos.

6. O prazo para resolver o procedemento de autorización comercial autonómica será de tres meses desde que a documentación completa teña entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación, incluído o xustificante de aboamento das correspondentes taxas. Transcorrido o prazo para resolver o procedemento sen que recaese resolución expresa, a solicitude entenderase estimada por silencio administrativo.

7. Regulamentariamente establecerase o procedemento de concesión da autorización comercial autonómica prevista na presente lei.

Artigo 73. Sección de comerciantes ambulantes

Modifícase o artigo 73 da Lei 13/2010, do 17 de decembro, de comercio interior de Galicia, que queda redactado como segue:

Artigo 73. Sección de comerciantes ambulantes do Rexistro Galego de Comercio

1. Para os simples efectos estatísticos, existirá unha sección de comerciantes ambulantes no Rexistro Galego de Comercio regulado no artigo 8 da presente lei.

2. A inscrición na correspondente sección do Rexistro Galego de Comercio será voluntaria para a persoa comerciante e terá carácter previo ao inicio da actividade, para a que deberá achegarse a documentación seguinte:

a) O DNI ou pasaporte, se o interesado é persoa física; e o CIF, acta de constitución, estatutos e escritura de poder outorgada a favor da persoa que asina a solicitude de inscrición en representación da empresa, se é persoa xurídica.

b) A certificación de alta no réxime correspondente da Seguridade Social e, se é o caso, no imposto de actividades económicas.

3. A inscrición na sección de vendedores ambulantes do Rexistro Galego de Comercio terá unha vixencia de cinco anos renovables. A non inscrición ou renovación non constituirá impedimento ningún para o exercicio da venda ambulante.

4. A Administración autonómica expedirá unha tarxeta de persoa vendedora ambulante, logo da inscrición no Rexistro Galego de Comercio, con vixencia de cinco anos. Na tarxeta deberá constar:

a) A identificación da persoa titular.

b) A identificación da persoa traballadora para a que se expide a tarxeta.

c) A data de expedición e caducidade.

d) A descrición literal da epígrafe na que figura dada de alta.

e) O número de inscrición no rexistro.

A tarxeta seralle outorgada á persoa física ou xurídica titular da actividade, e será expedida de forma nominativa para cada unha das persoas traballadoras, sempre que estas últimas acrediten unha cotización como vendedoras ambulantes de, polo menos, dezaseis horas semanais na Seguridade Social no réxime que corresponda.

Para os efectos de simplificación administrativa, a tarxeta servirá como acreditación dos extremos sinalados no punto 2 do presente artigo ante os correspondentes concellos. No suposto de que a persoa vendedora ambulante non opte voluntariamente pola inscrición na sección do rexistro, será o concello que autorice o exercicio da venda ambulante o que comunique os datos para a correspondente inscrición.

Artigo 74. Feiras de oportunidades

Modifícase o artigo 94 da Lei 13/2010, do 17 de decembro, de comercio interior de Galicia, que queda redactado como segue:

Artigo 94. Feiras de oportunidades promovidas por persoas comerciantes

1. Enténdense por feiras de oportunidades aquelas de carácter multisectorial promovidas por persoas comerciantes ou polas súas estruturas asociativas e realizadas fóra dos seus respectivos establecementos comerciais, permanentes ou fixos, en lugares do núcleo urbano habilitados para o efecto polo respectivo concello.

2. A realización das feiras de oportunidades requirirá comunicación previa á dirección xeral competente en materia de comercio, que deberá efectuarse cunha antelación mínima dun mes á data de desenvolvemento da feira. Na devandita comunicación indicarase o número de postos que se van instalar, as persoas comerciantes participantes e o municipio onde desenvolven a súa actividade, os produtos obxecto de venda, así como a duración e situación da feira e a dimensión espacial desta e de cada un dos postos. Así mesmo, deberá achegarse a correspondente comunicación previa ou declaración responsable ao respectivo concello e o informe da mesa local do comercio do concello ou concellos que integren a comarca se o ámbito territorial da feira é comarcal.

3. As feiras de oportunidades terán por obxecto a realización de vendas en condicións máis vantaxosas das habituais, e resultaralles aplicable o disposto no capítulo I do título IV da presente lei.

4. As dúas terceiras partes das persoas comerciantes participantes na feira de oportunidades deberán exercer a súa actividade no respectivo municipio ou bisbarra, se o ámbito territorial da feira é comarcal, e non poderá ocupar ningunha delas máis dunha décima parte da dimensión espacial da feira.

5. As feiras de oportunidades terán unha duración máxima de tres días. Poderán levarse a cabo unicamente unha vez ao ano, preferentemente en período de rebaixas. Excepcionalmente, logo do informe da mesa local do comercio, poderá ser autorizada pola dirección xeral competente en materia de comercio a realización dunha segunda feira de oportunidades no período dun ano.

Artigo 75. Reincidencia na comisión de infraccións

Modifícase o artigo 107 da Lei 13/2010, do 17 de decembro, de comercio interior de Galicia, que queda redactado como segue:

Artigo 107. Reincidencia

1. Entenderase por reincidencia a comisión, no período de dous anos, de máis dunha infracción da mesma natureza, cando así fose declarado por resolución firme.

2. Malia o sinalado no punto anterior, para cualificar unha infracción como moi grave só se atenderá á reincidencia en infraccións graves, e a reincidencia en infraccións leves só determinará que unha infracción deste tipo sexa cualificada como grave cando se incorra en máis de dúas infraccións de carácter leve, cando así fose declarado por resolución firme.

Artigo 76. Gradación das sancións

Modifícase o artigo 112 da Lei 13/2010, do 17 de decembro, de comercio interior de Galicia, que queda redactado como segue:

Artigo 112. Gradación das sancións

1. As sancións graduaranse tendo en conta os seguintes factores:

a) A transcendencia social da infracción.

b) A natureza dos prexuízos causados.

c) O volume da facturación a que afecta.

d) O grao de voluntariedade ou a intencionalidade da persoa infractora.

e) A contía do beneficio obtido.

f) A capacidade ou a solvencia económica da empresa.

g) O prazo de tempo durante o que se viñese cometendo a infracción.

h) A reincidencia.

i) A superficie de venda do establecemento.

j) A pertenza a unha gran empresa ou grupo de empresas.

2. Cando o beneficio que resulte dunha infracción sexa superior á sanción que lle corresponda, esta poderase incrementar na contía equivalente ao beneficio obtido.

3. Regulamentariamente poderán introducirse especificacións ou gradacións no cadro de infraccións ou sancións establecidas nesta lei que, sen constituíren novas infraccións e sancións nin alteraren a natureza ou os límites das que considera a lei, contribúan á máis correcta identificación dos tipos de infracción ou a unha máis precisa determinación das sancións correspondentes.

Artigo 77. Órganos con competencias sancionadoras

Modifícase o artigo 113 da Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia, que queda redactado como segue:

Artigo 113. Órganos competentes para a imposición das sancións

1. A competencia para iniciar os procedementos sancionadores derivados das infraccións tipificadas na presente lei corresponderá a quen exerza a titularidade das respectivas xefaturas territoriais da consellaría competente en materia de comercio.

2. Non obstante, a devandita competencia corresponderá á dirección xeral competente en materia de comercio no caso de infraccións administrativas que afecten o ámbito territorial de dúas ou máis provincias da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. A competencia para a resolución dos expedientes sancionadores corresponderá:

a) Nos supostos de infraccións moi graves, ao Consello da Xunta de Galicia.

b) Nos supostos de infraccións graves, a quen exerza a titularidade da consellaría competente en materia de comercio.

c) Nos supostos de infraccións leves, á persoa titular da xefatura territorial correspondente da consellaría competente en materia de comercio, cando afecten unicamente o seu respectivo ámbito territorial, e á persoa titular da dirección xeral competente en materia de comercio nos casos de infraccións que afecten o ámbito territorial de dúas ou máis provincias do territorio galego.

4. As infraccións tipificadas no artigo 105.a).1, no tocante á licenza municipal de apertura e ás infraccións tipificadas nos artigos 104, 105 e 106 relativas á venda ambulante ou non sedentaria, sancionaranse polas persoas titulares das alcaldías, de conformidade co previsto na presente lei.

Sección 3ª. Minaría

Artigo 78. Ámbito de aplicación

Engádese unha nova letra d) ao artigo 2 da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, co seguinte contido:

d) Calquera aproveitamento de recursos xeotérmicos de escasa importancia económica, en particular aos que se lles dea utilidade en calefacción, climatización doméstica ou industrial e/ou auga quente sanitaria, baseados en sistemas xeotérmicos de moi baixa entalpía, con intercambiadores en circuíto pechado, ata 200 metros de profundidade, sempre que sexa levado a cabo polo propietario do terreo para o seu uso exclusivo e que o aproveitamento non exixa a aplicación de ningunha técnica mineira.

Todo iso sen prexuízo de que os traballos subterráneos necesarios estarán sometidos á autorización previa das xefaturas territoriais da consellaría competente en materia de enerxía e minas, tal e como xa recolle o artigo 18.2 do Decreto 402/1996, do 31 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de aproveitamento das augas mineromedicinais, termais e dos establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 79. Solicitudes de dereitos mineiros

Un. Modifícase a letra k) do punto 1 do artigo 17 da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, que queda redactada como segue:

k) Certificado municipal sobre a situación urbanística do lugar onde se pretende levar a cabo a explotación.

Dous. Engádese unha nova letra l) ao punto 1 do artigo 17 da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, co seguinte contido:

l) Calquera outra documentación e información acreditativa do cumprimento de requisitos establecidos na lexislación sectorial de aplicación.

Artigo 80. Informe municipal

Modifícase o artigo 22 da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, que queda redactado como segue:

Artigo 22. Informe municipal preceptivo

O municipio que teña situado o dereito mineiro no seu termo municipal emitirá un informe preceptivo e determinante sobre as cuestións de competencia municipal. O devandito informe deberá emitirse no prazo de dous meses desde a recepción do expediente.

Artigo 81. Informe autonómico

Modifícase o artigo 23 da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, que queda redactado como segue:

Artigo 23. Informes autonómicos preceptivos

O órgano mineiro competente remitirá aos órganos ambiental, urbanístico e agrario da Comunidade Autónoma a solicitude de dereitos mineiros para que emitan informe preceptivo e determinante que acredite unha xestión mineira compatible co medio ambiente e co patrimonio cultural e coa planificación urbanística e territorial, así como coa ordenación agraria.

O informe emitido polo órgano urbanístico terá carácter vinculante, e equivalerá á autorización urbanística autonómica.

Os devanditos informes deberán emitirse no prazo de dous meses desde a recepción do expediente completo.

Artigo 82. Formas de finalización dos procedementos mineiros

Engádese un novo artigo 25 bis á Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, co seguinte contido:

Artigo 25 bis. Formas de finalización dos procedementos de outorgamento de autorizacións, permisos ou concesións mineiras

1. Os expedientes sobre os dereitos mineiros regulados nesta lei que se tramiten para o outorgamento de autorizacións, permisos ou concesións rematarán polas causas previstas neste artigo e polas previstas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Poñerán fin ao procedemento a resolución, a desistencia e a renuncia ao dereito en que se fundamente a solicitude cando tal renuncia non estea prohibida polo ordenamento xurídico, e a súa caducidade.

3. Rematado o expediente por calquera das causas previstas neste artigo, así se fará constar de oficio pola consellaría competente en materia de minas no correspondente Rexistro Mineiro de Galicia.

Artigo 83. Contido da resolución

Modifícase o artigo 26 da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, que queda redactado como segue:

Artigo 26. Resolución

1. O órgano mineiro competente ditará a resolución que poña fin ao procedemento no prazo máximo de doce meses, e incorporará, se é o caso, os condicionantes que resulten dos informes preceptivos.

2. A resolución outorgará ou denegará o dereito mineiro solicitado. Os dereitos mineiros poderán denegarse motivadamente nos seguintes casos:

a) A inadecuación da memoria e demais documentos presentados aos requisitos e condicións exixidos pola lexislación mineira.

b) A falta de acreditación da viabilidade dun aproveitamento racional dos recursos mineiros, en función da existencia de recurso natural mineral en cantidade e calidade.

c) O incumprimento dos requisitos subxectivos ou a insuficiente acreditación da solvencia económica ou técnica do solicitante.

d) A inadecuación á normativa sectorial, de carácter urbanístico, ambiental, agraria ou outra, debidamente acreditada no expediente.

e) A incompatibilidade e a non prevalencia con outro dereito mineiro preexistente ou con infraestruturas de interese público no territorio da Comunidade Autónoma.

3. A resolución denegatoria en que se motivará a concorrencia das causas de denegación do artigo 26.2 desta lei implicará a cancelación da inscrición correspondente no Rexistro Mineiro de Galicia sobre o dereito para o outorgamento de autorizacións, permisos ou concesións mineiras ás que se refire esta lei.

4. A resolución que outorgue o dereito mineiro poderá impoñer as condicións necesarias para a súa adecuación ou compatibilidade con outros intereses dignos de protección.

A dita resolución poderá incluír tamén, cos condicionantes que de ser o caso procedan, a autorización de entulleiras e de establecementos de beneficio, coa condición de que exista unha unidade produtiva e de localización física das instalacións.

5. Unha vez transcorrido o prazo máximo de doce meses sen que se notifique resolución expresa, poderá entenderse desestimada a solicitude.

Artigo 84. Réxime transitorio

Renumérase a disposición transitoria única, que pasa a ser a disposición transitoria primeira, e engádese unha disposición transitoria segunda á Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, co seguinte contido:

Disposición transitoria segunda. Réxime das concesións de explotación reguladas pola disposición transitoria primeira da Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas

1. No caso das concesións reguladas pola disposición transitoria primeira da Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas, a denegación da autorización de explotación por calquera das causas legais determinará a caducidade dos dereitos mineiros correspondentes. Unha vez que a resolución denegatoria sexa definitiva na vía administrativa, o órgano mineiro competente incoará de oficio o procedemento de caducidade dos dereitos, que, unha vez que finalice, implicará a cancelación da inscrición correspondente no Rexistro Mineiro de Galicia.

2. O disposto no punto anterior será aplicable aos casos de resolucións denegatorias de autorizacións de explotacións ditadas con anterioridade á entrada en vigor da presente disposición.

3. Os titulares dos dereitos mineiros caducados conforme o previsto no punto primeiro están obrigados a tomar cantas medidas sexan necesarias para deixar os traballos ou labores en boas condicións e garantir a seguridade das persoas e bens. Para estes efectos, logo de notificada a resolución de caducidade, dispoñerán do prazo de dous meses para comunicar as devanditas medidas de seguridade á xefatura territorial que corresponda da consellaría competente en materia de minas, que, logo da comprobación material da explotación, autorizará o abandono ou impoñerá as medidas necesarias para garantir a seguridade das persoas e bens.

CAPÍTULO X Servizos sociais

Artigo 85. Silencio administrativo

Un. Modifícase o prazo establecido na disposición adicional sexta da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, que pasa de seis a tres meses.

Dous. Engádese unha disposición adicional sexta bis na Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, co seguinte contido:

Disposición adicional sexta bis. Falta de resolución expresa no procedemento para a elaboración do programa individual de atención, nos procedementos de revisión de grao de dependencia, e do programa individual de atención por instancia de parte, e no procedemento de recoñecemento do dereito á efectividade das prestacións económicas das persoas solicitantes falecidas, na Comunidade Autónoma de Galicia

1. Para todos os efectos legais, entenderase que o procedemento para a elaboración do programa individual de atención establecido no marco do procedemento de recoñecemento da situación de dependencia e das prestacións correspondentes é un procedemento iniciado de oficio.

2. No caso do procedemento de revisión do grao de dependencia iniciado por instancia de parte e do procedemento de revisión do programa individual de atención iniciado por instancia de parte, o vencemento do prazo máximo sen que se notificase resolución expresa lexitima o interesado que deducise a solicitude para desestimala por silencio administrativo.

3. No caso do procedemento de recoñecemento do dereito á efectividade das prestacións económicas das persoas solicitantes falecidas regulado no Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, o vencemento do prazo máximo sen que se notificase resolución expresa lexitima o interesado que deducise a solicitude para desestimala por silencio administrativo.

Tres. Engádese unha disposición adicional sexta ter á Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, co seguinte contido:

Disposición adicional sexta ter. Falta de resolución expresa no procedemento de declaración e cualificación do grao de discapacidade na Comunidade Autónoma de Galicia

1. No procedemento de recoñecemento, cualificación e declaración do grao de discapacidade na Comunidade Autónoma de Galicia, o vencemento do prazo máximo sen que se notificase resolución expresa lexitima o interesado que deducise a solicitude para desestimala por silencio administrativo.

2. No procedemento de revisión da cualificación do grao de discapacidade iniciado por instancia de parte na Comunidade Autónoma de Galicia, o vencemento do prazo máximo sen que se notificase resolución expresa lexitima o interesado que deducise a solicitude para desestimala por silencio administrativo.

Artigo 86. Colaboración no ámbito da prestación de servizos sociais a través da Axencia Galega de Servizos Sociais

Un. Nos termos previstos na disposición adicional décimo primeira da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, e no marco da disolución e liquidación do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e de Benestar, a Administración pública autonómica fomentará a colaboración e cooperación sustentable cos municipios para a prestación de servizos sociais a través da sinatura dos convenios de colaboración entre o Consorcio, a Axencia e os municipios previstos pola normativa vixente.

Dous. Para estes efectos, os concellos que opten por formalizar os convenios de colaboración coa Axencia e o Consorcio para a xestión dos centros que ata ese momento estaban a ser xestionados polo Consorcio, en calquera momento anterior á extinción do Consorcio e simultáneo inicio da eficacia dos ditos convenios, poderán acollerse a unha liquidación das cantidades pendentes de pagamento por parte dos concellos ao Consorcio en virtude dos convenios de xestión asinados previamente co Consorcio, nos termos previstos no presente punto.

Os concellos que opten por acollerse á liquidación prevista no parágrafo anterior quedarán obrigados a efectuar o pagamento dunha cantidade equivalente á metade das cantidades pendentes de pagamento en virtude dos convenios de xestión asinados no seu momento co Consorcio. Co pagamento da citada cantidade, nos termos e condicións que se acorden, daranse por cumpridas as obrigas pendentes.

Para os efectos da liquidación aludida, entenderanse por gastos de mantemento, gastos de funcionamento, gastos de xestión integral, ou concepto equivalente empregado no convenio para determinar os gastos suxeitos a cofinanciamento das partes, os gastos incorridos nos conceptos de gasto corrente (capítulos I a IV) de cada unidade.

Tres. No caso de que os municipios se atopen ao corrente nos pagamentos ao Consorcio, no convenio coa Axencia para a xestión dos centros recollerase unha dedución na contribución financeira á Axencia en contía equivalente á cantidade obtida de aplicar o criterio establecido no punto 2 da presente disposición, e durante o prazo que as partes negocien atendendo ás cantidades aboadas. O mesmo procedemento se seguirá cos municipios que satisfixesen parcialmente as súas débedas co Consorcio respecto da cantidade da débeda parcialmente aboada.

CAPÍTULO XI Medidas de racionalización

Artigo 87. Silencio administrativo

Engádese un terceiro parágrafo ao artigo 6 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, co seguinte contido:

O informe tecnolóxico e funcional regulado no presente artigo, cando se refira a bases reguladoras ou convocatorias de subvencións financiadas con fondos europeos, entenderase emitido con carácter favorable unha vez transcorrido o prazo máximo de cinco días desde que a solicitude teña entrada, conforme os requisitos exixidos pola lexislación específica aplicable, ante os órganos competentes para emitilo. En caso contrario, requirirase o órgano solicitante para que repare as faltas ou achegue os documentos preceptivos nun prazo máximo de cinco días, con indicación de que, se así non o fixer, o informe se entenderá emitido en sentido desfavorable.

Artigo 88. Racionalización dos contratos de transporte escolar

Un. Para os efectos do disposto na lexislación de contratos aplicable aos contratos de transporte escolar da Xunta de Galicia, considerarase que concorren motivos de interese público para a súa resolución e/ou modificación nos supostos de actuacións de racionalización e estruturación derivadas de cambios nas condicións dos trazados e das infraestruturas viarias, no número e características dos pasaxeiros e na rede de centros de ensino, así como de necesidades de optimización dos servizos, sempre que estas últimas teñan como finalidade o logro dos obxectivos de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira.

Dous. A tramitación das actuacións de racionalización e de estruturación indicadas no punto anterior, cando afecten varios contratos relacionados entre si, acumularanse nun único procedemento.

Tres. Nos procedementos de modificación, resolución e estruturación dos contratos de transporte escolar da Xunta de Galicia tramitados ao longo de cada curso escolar aplicaranse as seguintes regras:

a) Dado o carácter esencial e impostergable da prestación do servizo de transporte escolar, unha vez constatada a concorrencia dos presupostos que habilitan as resolucións, modificacións e estruturacións contractuais así como a existencia do crédito orzamentario necesario para acometelas, os órganos competentes en materia de transporte escolar poderán acordar a execución provisional inmediata dos servizos de transporte na forma que se recolla na proposta técnica de ruta que elaboren os servizos provinciais.

b) Nos supostos de resolución, os acordos de execución provisional levarán consigo o efecto legal de suspensión total ou parcial da execución dos contratos afectados na medida determinada pola indicada proposta técnica. A suspensión implicará, se é o caso, a indemnización dos danos producidos polas actuacións preparatorias de posta á disposición polas empresas de medios materiais e persoais asociados á execución dos contratos suspensos.

c) As modificacións e estruturacións contractuais nas que concorran motivos de interese público terán as seguintes especialidades:

Estarán excepcionadas do informe previo da asesoría xurídica cando a súa contía non supere o 20 % do prezo do contrato/día que se vai modificar e o importe anual que represente a modificación non supere os 18.000 euros, imposto sobre o valor engadido excluído.

Non estarán sometidas á intervención previa prevista no artigo 97.1 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Malia o anterior, a Intervención Delegada da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria comprobará, antes da fiscalización do primeiro pagamento, o cumprimento de todos os requisitos exixidos para autorizar e comprometer o gasto.

d) Os procedementos de racionalización e de estruturación acumulados poderán rematar coa modificación dos contratos por combinación ou unificación de itinerarios e, se é o caso, coa extinción dos contratos relacionados que atendían estes.

e) A Administración resolverá os contratos de transporte escolar, de conformidade cos requirimentos legais na materia, salvo que, no momento de emisión da resolución administrativa que poña fin ao procedemento, transcorrese xa o prazo de vixencia do contrato, caso no que constatará a supresión do servizo e, polo tanto, a imposibilidade da súa prórroga.

CAPÍTULO XII Disciplina orzamentaria e sustentabilidade financeira

Artigo 89. Principio de estabilidade orzamentaria

Modifícase o punto 2 do artigo 4 da Lei 2/2011, do 16 de xuño, de disciplina orzamentaria e sustentabilidade financeira, que queda redactado como segue:

2. Entenderase por estabilidade orzamentaria, en relación coas entidades do artigo 2.2.a), a situación de equilibrio ou superávit estrutural en termos de capacidade de financiamento acorde coa definición contida no Sistema Europeo de Contas Nacionais e Rexionais.

Artigo 90. Instrumentación do principio de estabilidade orzamentaria

Modifícase o artigo 9 da Lei 2/2011, do 16 de xuño, de disciplina orzamentaria e sustentabilidade financeira, que queda redactado como segue:

Artigo 9. Instrumentación do principio de estabilidade orzamentaria

1. A elaboración, aprobación e execución dos orzamentos e demais actuacións que afecten os gastos ou ingresos dos axentes comprendidos no artigo 2.2.a) someteranse ao principio de estabilidade orzamentaria.

Non obstante, poderán presentar déficit estrutural, definido como déficit axustado do ciclo, neto de medidas excepcionais e temporais, exclusivamente nos seguintes casos:

a) No caso de reformas estruturais con efectos orzamentarios a longo prazo. Neste caso, o déficit estrutural será o que acorde a Comunidade Autónoma de acordo co Consello de Política Fiscal e Financeira.

b) Excepcionalmente, no caso de catástrofes naturais, recesión económica grave ou situacións de emerxencia extraordinaria que escapen ao control da Administración autonómica e prexudiquen considerablemente a súa situación financeira ou a súa sustentabilidade económica ou social, nos termos que refire a normativa de estabilidade orzamentaria.

2. Para o cálculo do déficit estrutural aplicarase a metodoloxía utilizada pola Comisión Europea no marco da normativa de estabilidade orzamentaria.

3. A elaboración, aprobación e execución orzamentaria dos axentes aos que se refire o artigo 2.2.b) realizarase en posición de equilibrio financeiro, de acordo cos criterios do plan de contabilidade que lles sexa aplicable.

Entenderase que un axente se atopa en situación de desequilibrio financeiro cando incorra en perdas cuxo saneamento requira a dotación de recursos non previstos nos orzamentos dos axentes do artigo 2.2.a) que os acheguen.

Artigo 91. Eliminación do déficit adicional por investimentos produtivos.

Suprímese o artigo 10 da Lei 2/2011, do 16 de xuño, de disciplina orzamentaria e sustentabilidade financeira.

Artigo 92. Límite do gasto non financeiro

Modifícase o artigo 12 da Lei 2/2011, do 16 de xuño, de disciplina orzamentaria e sustentabilidade financeira, que queda redactado como segue:

Artigo 12. Límite do gasto non financeiro

1. Aprobado o obxectivo de estabilidade do artigo 4.1, o Consello da Xunta acordará o límite máximo de gasto non financeiro dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma. Este acordo remitiráselle ao Parlamento de Galicia para a súa aprobación, xunto co informe de estratexia financeiro-fiscal ao que se refire o artigo 11.2 desta lei.

2. O límite de gasto será coherente co obxectivo de estabilidade orzamentaria e coa regra de gasto establecida nas normas de estabilidade orzamentaria. O límite aprobado poderá ser axustado na variación dos ingresos do sistema de financiamento e fondos finalistas que incorpore o Proxecto de lei de orzamentos da Administración xeral do Estado. Este axuste presentarase ao Parlamento conxuntamente co proxecto de lei de orzamentos.

3. A variación do gasto computable do sector público autonómico non poderá superar a taxa de referencia de crecemento do produto interior bruto de medio prazo que informe cada ano o Consello de Política Fiscal e Financeira.

Non obstante, cando exista un desequilibrio estrutural nas contas públicas ou unha débeda pública superior ao obxectivo establecido, o crecemento do gasto público computable axustarase á senda establecida nos respectivos plans económico-financeiros e de reequilibrio previstos nesta lei.

4. Cando se aproben cambios normativos que supoñan variacións permanentes da recadación, o nivel de gasto computable resultante da aplicación da regra nos anos en que se produzan esas variacións de recadación deberá axustarse na contía equivalente.

Artigo 93. Cumprimento do obxectivo de estabilidade orzamentaria

Modifícase o artigo 13 da Lei 2/2011, do 16 de xuño, de disciplina orzamentaria e sustentabilidade financeira, que queda redactado como segue:

Artigo 13. Cumprimento do obxectivo de estabilidade orzamentaria

1. Correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, sen prexuízo das competencias do Consello de Política Fiscal e Financeira, velar pola aplicación dos principios de estabilidade orzamentaria e de sustentabilidade financeira en todo o ámbito subxectivo desta lei.

2. Os axentes incluídos no artigo 2 remitiranlle información periódica á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, de xeito que se posibilite un seguimento efectivo do cumprimento do obxectivo de estabilidade orzamentaria, do obxectivo de débeda pública ou da regra de gasto.

3. No caso de que incumpra a obriga de remisión de información periódica ou de que se aprecie un risco de incumprimento do obxectivo de estabilidade orzamentaria, do obxectivo da débeda pública ou da regra de gasto, a consellaría competente en materia de facenda poderá formularlle unha advertencia ao axente responsable, e daralle conta dela, para o seu coñecemento, ao Consello da Xunta.

4. O Consello da Xunta, por proposta da consellaría competente en materia de facenda, adoptará as medidas de axuste precisas para garantir o cumprimento do obxectivo de estabilidade orzamentaria, do obxectivo de débeda pública ou da regra de gasto, no caso de que a evolución dos ingresos ou gastos difira da prevista e poida impedir o seu cumprimento.

5. No caso de que o sector público autonómico incumpra o obxectivo de estabilidade orzamentaria, o obxectivo de débeda pública ou a regra de gasto, formularase un plan económico- financeiro que permita no ano en curso e no seguinte o cumprimento dos obxectivos ou da regra de gasto, co contido e alcance previstos na normativa de estabilidade orzamentaria.

6. No caso de que o sector público autonómico incorra en déficit estrutural ou supere o límite de débeda como consecuencia de catástrofes naturais, recesión económica grave ou situacións de emerxencia extraordinaria que escapen ao control das administracións públicas e prexudiquen considerablemente a súa situación financeira ou a súa sustentabilidade económica ou social, formularase un plan de reequilibrio que permita a corrección das devanditas desviacións tendo en conta a circunstancia excepcional que orixinou o incumprimento co contido e alcance previstos na normativa de estabilidade orzamentaria.

7. Os plans económico-financeiros e os plans de reequilibrio serán aprobados polo Consello da Xunta, por proposta da consellaría competente en materia de facenda, e remitiranse ao Consello de Política Fiscal e Financeira de acordo co previsto na normativa de estabilidade orzamentaria.

Artigo 94. Actuacións na liquidación dos orzamentos

Modifícase o artigo 16 da Lei 2/2011, do 16 de xuño, de disciplina orzamentaria e sustentabilidade financeira, que queda redactado como segue:

Artigo 16. Actuacións na liquidación dos orzamentos

1. No suposto de que a liquidación orzamentaria dalgún dos axentes do artigo 2.2.a) incumpra o obxectivo de estabilidade, o obxectivo de débeda pública ou a regra de gasto, remitirán ao Consello da Xunta un plan económico-financeiro no prazo de dez días desde que se constate o dito incumprimento.

2. O plan conterá a seguinte información:

As causas do incumprimento.

As previsións de ingresos e gastos, no suposto de que se manteñen inalteradas as políticas en vigor.

A descrición, a cuantificación e o calendario de aplicación das medidas incluídas no plan, sinalando as partidas orzamentarias ou os rexistros extraorzamentarios nos que se contabilizarán.

Mediante orde da consellaría competente en materia de facenda poderá incrementarse a información contida no plan.

3. No suposto de que a liquidación orzamentaria dalgún dos axentes aos que se refire o artigo 2.2.b) se atope en situación de desequilibrio financeiro, estará obrigado a elaborar un informe de xestión sobre as causas do desequilibrio e, se é o caso, un plan de saneamento a medio prazo, cando incorran en perdas que afecten o cumprimento do obxectivo de estabilidade orzamentaria. Neste informe recolleranse as medidas correctoras de carácter económico-financeiro que deberán ser adoptadas polos seus órganos reitores para a eliminación de perdas ou para as achegas de beneficios.

4. O contido, o prazo e o procedemento para a presentación do informe de xestión e do plan de saneamento desenvolveranse por orde da consellaría competente en materia de facenda.

Artigo 95. Instrumentación do principio de sustentabilidade financeira

Modifícase o artigo 17 da Lei 2/2011, do 16 de xuño, de disciplina orzamentaria e sustentabilidade financeira, que queda redactado como segue:

Artigo 17. Instrumentación do principio de sustentabilidade financeira

1. O volume de débeda pública, definida de acordo co Protocolo sobre o procedemento de déficit excesivo, dos axentes incluídos no ámbito de aplicación da lei, non poderá superar o límite establecido nas normas de estabilidade orzamentaria.

2. Os axentes incluídos no ámbito de aplicación desta lei deberán estar autorizados por lei para emitir débeda pública ou contraer crédito.

Artigo 96. Réxime transitorio

Engádeselle unha disposición transitoria segunda á Lei 2/2011, do 16 de xuño, de disciplina orzamentaria e sustentabilidade financeira, co seguinte contido:

Disposición transitoria segunda

En 2020 deben cumprirse os límites de equilibrio ou superávit estrutural e de débeda pública. Ata o devandito ano será de aplicación o réxime transitorio establecido nas normas de estabilidade orzamentaria.

Artigo 97. Remisión normativa

Modifícase a disposición derradeira primeira da Lei 2/2011, do 16 de xuño, de disciplina orzamentaria e sustentabilidade financeira, que queda redactada como segue:

Disposición derradeira primeira. Remisión normativa

As referencias efectuadas nesta lei á normativa de estabilidade orzamentaria entenderanse feitas ao artigo 135 da Constitución española, á lei orgánica que desenvolve o devandito artigo, ás disposicións ditadas para o seu desenvolvemento e aos acordos adoptados no seo do Consello de Política Fiscal e Financeira.

Disposición adicional primeira. Contratación de persoal investigador

1. Para os efectos da aplicación da Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación, e da Lei 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e da innovación de Galicia, terán carácter de organismos públicos de investigación de Galicia aquelas entidades/unidades entre cuxas funcións figure algunha das seguintes: accións de execución directa ou de programación/coordinación de actividades de I+D+i, prestación de servizos tecnolóxicos, soporte á investigación, valorización, transferencia ou innovación ou outras actividades de carácter complementario necesarias para o adecuado progreso científico e tecnolóxico da sociedade que lles sexan atribuídas pola Lei 14/2011 ou polas súas normas de creación e funcionamento.

2. En virtude do disposto no punto anterior, estes organismos poderán contratar persoal investigador de carácter laboral baixo as modalidades de contrato de traballo específicas recollidas no artigo 20 da Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación, así como baixo a modalidade de proxectos específicos de investigación científica e técnica, segundo o regulado no artigo 15.1.a) do Estatuto dos traballadores.

3. O réxime retributivo do persoal investigador baixo as distintas modalidades de contrato estará suxeito ás condicións reguladas na mencionada Lei 14/2011, do 1 de xuño. Determinaranse regulamentariamente as contías máximas das retribucións asociadas a cada unha das modalidades contractuais específicas contidas no punto 1 do artigo 20 da mencionada lei.

4. Estas contratacións financiaranse con cargo aos créditos orzamentarios do capítulo VI e a súa autorización e duración estará supeditada ás previsións que as leis anuais de orzamentos determinen. A selección deste persoal, que non ocupará praza na relación de postos de traballo ou no cadro de persoal da mencionada entidade ou unidade, realizarase conforme os principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade.

Disposición adicional segunda. Prolongación da permanencia no servizo activo do persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza en Galicia que alcance a idade de xubilación forzosa

Ao persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza en Galicia que alcance a idade de xubilación forzosa e solicite a prolongación da permanencia no servizo activo seralle aplicable a normativa que, en termos similares aos establecidos para o persoal ao servizo da Administración autonómica galega, dite a pola comunidade autónoma ao respecto.

Disposición adicional terceira. Reordenación de entidades instrumentais no ámbito sanitario

Un. O patrimonio de Galaria, Empresa Pública de Servizos Sanitarios, S.A., adscrito ás unidades asistenciais e administrativas que regulamentariamente se integren no Servizo Galego de Saúde e que resulte do proceso de liquidación consonte o disposto na lexislación mercantil, incorporarase ao patrimonio do citado organismo autónomo.

O Servizo Galego de Saúde subrógase en todos os dereitos e obrigas que teñen a súa orixe nestas unidades de Galaria, a partir da integración efectiva destas.

Dous. O Servizo Galego de Saúde subrógase na totalidade das relacións laborais do persoal de Galaria que presta servizos nas unidades asistenciais e administrativas que regulamentariamente se integren, que manterá a natureza e o réxime xurídico do seu vínculo de orixe.

Disposición adicional cuarta. Incapacidade temporal por enfermidade común ou accidente non laboral para o persoal cun réxime especial de Seguridade Social do mutualismo administrativo

Ao persoal incluído no réxime especial de Seguridade Social do mutualismo administrativo resúltalle de aplicación o artigo 9.3 do Real decreto lei 20/2012, do 13 de xullo, de medidas para garantir a estabilidade orzamentaria e de fomento da competitividade. En consecuencia, percibirán o 50 % das retribucións tanto básicas coma complementarias e a prestación de fillo a cargo, se é o caso, desde o primeiro ao terceiro día da situación de incapacidade temporal, con independencia de que sexa a primeira, segunda ou máis IT dentro do ano natural.

Disposición adicional quinta. Articulación dos principios de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira no réxime contractual da concesión de obra pública da autovía da Costa da Morte

Un. En atención á concorrencia de razóns de interese xeral por razóns de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira, a Axencia Galega de Infraestruturas procederá á resolución parcial do contrato de concesión de obra pública da autovía da Costa da Morte no relativo á construción das obras do desdobramento entre os enlaces de Baio norte- Santa Irene e da autovía entre os enlaces de Santa Irene e Berdoias, co obxecto de reducir o volume de compromisos de gasto que derivan deste contrato.

Dous. O plan económico-financeiro da concesión deberá adaptarse para restablecer o equilibrio económico da concesión e recoller en todo caso, mediante os oportunos axustes, os efectos derivados da diminución dos custos das obras, de explotación, financeiros e outros para o concesionario. Para estes efectos, a retribución económica prevista no indicado plan en concepto de canon de dispoñibilidade integrará, como compensación ao concesionario por todos os conceptos derivados da presente disposición, o importe dos investimentos xa realizados por razón da expropiación de terreos e da execución das obras de construción nas actuacións obxecto de resolución.

Disposición derrogatoria única

Quedan derrogados os artigos 2 e 3 do Decreto 277/2000, do 9 de novembro, polo que se designan os órganos autonómicos competentes en materia de control de riscos inherentes aos accidentes graves nos que interveñan substancias perigosas.

Disposición derradeira primeira. Modificación da Lei 6/2001, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común

Engádeselle ao anexo II da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administración públicas e do procedemento administrativo común, dentro dos procedementos da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza (Dirección Xeral de Xustiza), o seguinte texto:

Tipos de procedementos: procedemento de inscrición como parella de feito no Rexistro de Parellas de Feito de Galicia.

Sentido do silencio: negativo.

Normativa reguladora:

Disposición adicional terceira da Lei 6/2006, do 14 de xuño, de dereito civil de Galicia.

Decreto 248/2007, do 20 de decembro, polo que se crea e regula o Rexistro de Parellas de Feito de Galicia.

Disposición derradeira segunda. Modificación da Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia

Modifícase a disposición transitoria terceira da Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia, que queda redactada como segue:

Disposición transitoria terceira. Expedientes administrativos en tramitación

Un. Os expedientes sancionadores que se atopen en tramitación á entrada en vigor da presente lei someteranse ás normas da lexislación baixo as que iniciaron a súa tramitación, salvo que a normativa presente lles resulte máis favorable.

Dous. As solicitudes de declaración de explotacións cinexéticas comerciais presentadas con anterioridade á entrada en vigor da presente lei, conxuntamente con outras de segregación de terreos, resolveranse de acordo coas previsións da presente lei, unha vez resolto o procedemento de segregación.

Así mesmo, as solicitudes de declaración de tecor presentadas con anterioridade á entrada en vigor da presente lei, conxuntamente con outras de segregación de terreos, resolveranse de acordo coas previsións desta lei, unha vez resolto o procedemento de segregación de terreos.

Tres. O resto de procedementos administrativos en tramitación á entrada en vigor da presente lei tramitaranse pola normativa vixente baixo a que iniciaron a súa tramitación.

Disposición derradeira terceira. Modificación da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia

Engádese un artigo 91 á Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, co seguinte contido:

Artigo 91. Infraccións graves

Constitúen infraccións graves:

a) Non pór en coñecemento da consellaría con competencias en materia de patrimonio cultural, nos termos fixados no artigo 27, a transmisión onerosa da propiedade ou de calquera dereito real sobre bens declarados de interese cultural.

b) A obstrución á facultade de inspeccionar que ten a Administración sobre os bens declarados de interese cultural.

c) O incumprimento do deber de conservación dos propietarios ou posuidores de bens declarados de interese cultural.

d) A inobservancia do deber de levar o libro de rexistro ao que fai referencia o punto 1 do artigo 29, así como a omisión ou inexactitude de datos que deben constar nel.

e) O derrubamento ou destrución total ou parcial de bens inmobles catalogados sen a preceptiva autorización.

f) A separación non autorizada de bens mobles vinculados a bens inmobles declarados de interese cultural.

g) O incumprimento das obrigas de comunicación do descubrimento de restos arqueolóxicos e da entrega dos bens atopados.

h) A realización de calquera intervención nun ben declarado ou catalogado sen a preceptiva autorización da consellaría con competencias en materia de patrimonio cultural.

i) O incumprimento da suspensión de obras con motivo do descubrimento de restos arqueolóxicos e da suspensión de obras acordadas pola consellaría con competencias en materia de patrimonio cultural.

j) O outorgamento de licenzas municipais sen a autorización preceptiva da consellaría con competencias en materia de patrimonio cultural, para obras en bens declarados ou catalogados, incluído o seu contorno, ou para aquelas outorgadas que contraveñan o especificado nos plans especiais de protección, e o incumprimento do establecido no punto 2 do artigo 47 da presente lei.

k) A realización de actividades arqueolóxicas sen a preceptiva autorización da consellaría con competencias en materia de patrimonio cultural ou as realizadas contravindo os termos nos que foi concedida esta.

l) Non pór en coñecemento da consellaría con competencias en materia de patrimonio cultural a realización de poxas que afecten os bens integrantes do patrimonio cultural de Galicia, agás os bens declarados de interese cultural.

m) O incumprimento dos deberes establecidos no punto 1 do artigo 29 para os comerciantes de bens integrantes do patrimonio cultural de Galicia.

Disposición derradeira cuarta. Habilitación normativa

Un. Facúltase a Xunta de Galicia para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento e a execución de canto se prevé nesta lei.

Dous. Autorízase a consellaría competente en materia de facenda a aprobar as disposicións que sexan necesarias para a aplicación do ICAM.

Tres. A Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia poderá modificar calquera elemento do ICAM.

Disposición derradeira quinta. Entrada en vigor

Un. Esta lei entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2015, agás o disposto no punto Dous do artigo 4, no que se refire ao punto 2 do artigo 30 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, que será aplicable aos xogos correspondentes desde a data da súa autorización e, en defecto dela, desde a data en que se iniciase o xogo.

Dous. O ICAM exixirase respecto ás alteracións de superficie e solo e aos depósitos ou almacenamentos que teñan lugar ou se constitúan desde o momento da entrada en vigor da presente lei. Para estes efectos, os suxeitos pasivos deberán declarar a superficie total afectada polas explotacións e instalacións, expresada en hectáreas ou fraccións de superficies alteradas e non restauradas, así como as toneladas depositadas ou almacenadas de residuos sólidos e/ou os metros cúbicos de volume depositados ou almacenados de residuos non sólidos en 31 de decembro de 2014.

Corrección de erros. Disposición derradeira quinta redactada conforme a corrección de erros publicada no DOG núm. 43, do 4 de marzo de 2015.

Santiago de Compostela, vinte e dous de decembro de dous mil catorce

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia