lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Comunicación do 7 de agosto de 2015 pola que se ordena a publicación no Diario Oficial de Galicia da reforma do Regulamento do Parlamento de Galicia.

Publicado en: DOG 162 26/08/2015

Departamento: Parlamento de Galicia

Estado: En vigor

PDF

A modificación do disposto no artigo 52.1 bis será aplicable na décima lexislatura.
Inclúe a corrección de erros publicada no DOG núm. 219, do 17 de novembro de 2015.

Exposición de motivos

Esta lei ten como obxecto reformar algunhas disposicións concretas do Regulamento da Cámara coa finalidade de recoller prácticas que se viñan levando a cabo de forma habitual na actividade parlamentaria e que non estaban establecidas no regulamento e mais para introducir algunha novidade motivada pola vontade de que a Cámara autonómica siga a gañar protagonismo na sociedade galega co incremento aínda máis da súa actividade e o afondamento na transparencia desta institución.

Trátase dunha reforma que modifica o Regulamento do Parlamento de Galicia e mais a Lei reguladora da Xunta e da súa Presidencia a través de dous artigos. O artigo primeiro, relativo á modificación do regulamento, divídese en dezanove puntos. No artigo segundo modifícase o artigo 48 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, para axustar a redacción desta disposición sobre o debate de política xeral.

Para iso a proposición aborda cuestións tales como:

A posibilidade de transformar en preguntas orais en comisión as solicitudes de información presentadas a través do artigo 9, no caso de a Administración autonómica non facilitar a documentación solicitada nin comunicar a súa posta á disposición para o seu acceso directo, e sempre que non medie comunicación que xustifique a negativa.

A creación dun portal de transparencia onde se publicará a información tributaria e as percepcións dos membros da Cámara, as asistencias ás diferentes sesións parlamentarias, a contabilidade dos grupos parlamentarios e o informe sobre a execución do proxecto de orzamentos do Parlamento.

A creación dunha comisión de investigación de xeito automático en cada lexislatura cando for solicitado por un grupo parlamentario que represente polo menos un terzo dos membros da Cámara ou polas dúas quintas partes dos deputados e das deputadas da Cámara.

A ampliación dos períodos ordinarios de sesións, os cales serán de setembro a decembro e do 15 de xaneiro ao 15 de xullo.

As comparecencias de orzamentos na Comisión 3ª das persoas responsables de cada unha das seccións e dos responsables dos entes instrumentais do sector público da Comunidade Autónoma que xestionen os principais programas de gasto, solicitadas polos grupos parlamentarios e acordadas na Mesa da Comisión 3ª antes do remate do prazo de presentación de emendas ao articulado.

A inclusión do debate anual de política xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, que, aínda que se vén celebrando regularmente, non estaba incluído no regulamento.

Tamén se inclúe a rolda de control ao presidente ou presidenta da Xunta, unha práctica que ata o de agora non tiña reflexo directo no Regulamento, prevista nunhas normas supletorias aprobadas pola Mesa do Parlamento. Esta incorporación ao Regulamento trata de reforzar o protagonismo político do Parlamento de Galicia garantindo que a función de control da acción executiva da Xunta que atribúe o Estatuto de autonomía ao Parlamento no seu artigo 10 poida ser realizada polos portavoces dos grupos parlamentarios ao presidente ou á presidenta da Xunta como máximo ou máxima responsable da acción da Xunta.

Refórmase, ademais, o artigo 150 do regulamento para que no debate das interpelacións se produza o intercambio de posicionamentos só entre o deputado ou a deputada ou grupo interpelante e o membro do Goberno encargado de lle dar resposta.

Por último, a redución dos tempos requiridos para a inclusión das iniciativas presentadas polos grupos parlamentarios na orde do día do Pleno ou de comisión. Nas interpelacións pasan de quince a sete os días que deben transcorrer desde a súa publicación para poderen ser incluídas nunha orde do día. No caso das preguntas orais, tanto en pleno coma en comisión, este prazo redúcese de sete a catro días.

Tamén se modifica, a través dun segundo artigo desta lei, a redacción do artigo 48 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, para axustar a redacción desta disposición sobre o debate de política xeral en congruencia coas previsións que se inclúen no Regulamento sobre este asunto.

As reformas referidas entrarán en vigor o día seguinte ao da súa publicación, con excepción da nova regulación do artigo 52.1 bis, referido ás comisións de investigación de automática creación, que se difire ao inicio da seguinte lexislatura.

Artigo primeiro. Modificación do Regulamento do Parlamento de Galicia

Modifícase o Regulamento do Parlamento de Galicia nos seguintes termos:

Un. Modifícase a alínea 2 e engádese unha nova alínea 2 bis ao artigo 9, redactadas da seguinte forma:

«2. A solicitude dirixirase, en todo caso, por conduto da Presidencia do Parlamento, e a Administración autonómica deberá facilitar a documentación solicitada ou manifestar á Presidencia do Parlamento, en prazo non superior a trinta días e para o seu máis conveniente traslado á persoa solicitante, as razóns fundadas en dereito que o impidan, ou comunicar a súa disposición para lle permitir o acceso directo á documentación solicitada.

2 bis. No caso de que a Administración autonómica non facilite a información requirida e de que non medie comunicación que xustifique a negativa no prazo sinalado na alínea anterior, transcorridos trinta días as solicitudes de información poderán ser reconvertidas, sempre por petición do autor ou da autora delas, en pregunta en comisión, onde recibirán o tratamento das preguntas orais.»

Dous. Engádese unha nova alínea 2 bis ao artigo 10, redactada da seguinte forma:

«2 bis. A totalidade das percepcións dos deputados e das deputadas estarán suxeitas ás normas de carácter xeral. Igualmente, a información tributaria facilitada será sometida ás normas de transparencia que resulten aplicables.»

Tres. Modifícase o artigo 12, que queda redactado da seguinte forma:

«1. Os deputados e as deputadas terán o deber de asistir ás sesións do Pleno do Parlamento e das comisións de que formen parte.

2. Publicaranse no Portal de transparencia, ao final de cada período de sesións, as asistencias dos deputados e das deputadas ás diferentes sesións parlamentarias e o sentido do seu voto.»

Catro. Modifícanse as alíneas 1, 2 e 3 e engádense dúas novas alíneas, a 4 e a 5, ao artigo 15, redactadas da seguinte forma:

«1. As deputadas e os deputados estarán obrigados a efectuar declaración dos seus bens e dereitos e daquelas actividades que poidan constituír causa de incompatibilidade, de acordo co establecido na lexislación vixente, así como de calquera actividade que lles proporcione ou poida proporcionar ingresos económicos.

2. As declaracións deberán formularse inicialmente como requisito para a adquisición da condición plena de deputada ou deputado e no prazo dos trinta días naturais seguintes á perda da dita condición. Así mesmo, deberán actualizarse sempre que existan circunstancias que as modifiquen. Para estes efectos, a Mesa aprobará os modelos a que necesariamente deberán axustarse as declaracións.

3. A declaración de bens e dereitos conterá, entre outros, os seguintes datos:

a) As rendas percibidas de calquera clase.

b) Os bens e dereitos de contido económico de que sexa titular a persoa declarante e os títulos representativos do capital en calquera entidade xurídica.

c) Os créditos, os préstamos e as débedas que integran o seu pasivo.

d) A cota líquida pagada polo imposto da renda das persoas físicas.

4. Na declaración de bens e dereitos deberá constar a súa valoración, segundo os seguintes criterios:

a) Os bens inmobles, polo valor catastral.

b) Os vehículos, as embarcacións e as aeronaves valoraranse segundo os prezos medios de venda aprobados polo Ministerio de Facenda.

c) Os restantes bens e dereitos valoraranse aplicando os criterios de valoración do imposto sobre o patrimonio. No suposto de bens e dereitos indivisos indicarase o valor que corresponda segundo a porcentaxe de participación da persoa declarante no ben ou dereito correspondente.

5. As declaracións sobre actividades e bens inscribiranse no Rexistro de Intereses constituído na Cámara baixo a dependencia directa da Presidencia. O seu contido será público, a través do Boletín Oficial do Parlamento de Galicia e do Portal de transparencia da Cámara, agás aqueles datos referentes á localización dos bens inmobles e mais aqueloutros que a Mesa acorde omitir para salvagardar a privacidade e a seguridade dos seus titulares.

Tamén se inscribirán neste rexistro as resolucións do Pleno en materia de incompatibilidades e cantos outros datos sobre actividades dos deputados e deputadas sexan remitidos pola Comisión do Estatuto dos Deputados e non consten previamente nel.»

Cinco. Modifícase a alínea 2 do artigo 27, que queda redactada da seguinte forma:

«2. Os grupos parlamentarios levarán unha contabilidade específica da subvención a que se refire a alínea anterior, que poñerán á disposición da Mesa do Parlamento de Galicia sempre que esta o pida. Anualmente, esta información publicarase no Portal de transparencia do Parlamento de Galicia.»

Seis. Modifícase a alínea 1.3ª do artigo 30, que queda redactada da seguinte forma:

«3ª. Elaborar o proxecto de orzamentos do Parlamento de Galicia, proceder á súa execución unha vez aprobados e, ao final de cada exercicio, elaborar un informe sobre a súa execución, que se presentará perante a Xunta de Portavoces e se publicará no Portal de transparencia.»

Sete. Engádese unha nova alínea 1 bis ao artigo 52, redactada da seguinte forma:

«1 bis. Poderase crear de xeito automático unha única comisión de investigación por lexislatura de o solicitaren un terzo dos deputados e das deputadas da Cámara que pertenzan a un mesmo grupo parlamentario, ou as dúas quintas partes dos deputados e das deputadas da Cámara.»

Oito. Engádese un novo artigo 66 bis, redactado da seguinte forma:

«Artigo 66 bis

1. No Portal de transparencia do Parlamento de Galicia estará dispoñible toda a información prevista pola lexislación en materia de transparencia pública, así como a establecida neste regulamento. O acceso á información respectará os límites legais en garantía dos dereitos das persoas.

2. Correspónde á Mesa aprobar as normas e adoptar as medidas que resulten necesarias para o cumprimento do disposto na alínea anterior.»

Nove. Modifícase a alínea 1 do artigo 67, que queda redactada da seguinte forma:

«1. O Parlamento de Galicia reunirase anualmente en dous períodos de sesións, de setembro a decembro e do 15 de xaneiro ao 15 de xullo.»

Dez. Modifícase a alínea 1 do artigo 95, que queda redactada da seguinte forma:

«1. Os prazos sinalados por días neste regulamento computaranse en días hábiles, e os sinalados por meses de data a data, na forma que determine a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.»

Once. Engádese unha nova alínea 3 ao artigo 115, redactada da seguinte forma:

«3. A Ponencia encargada de redactar o informe poderá establecer un trámite de audiencia de altos cargos da Xunta de Galicia, de persoas expertas e de representantes de colectivos sociais que poidan resultar especialmente afectados pola materia sobre a cal verse o proxecto de lei.»

Doce. Engádese unha nova alínea 5 ao artigo 129, redactada da seguinte forma:

«5. Previamente á finalización do prazo de presentación das emendas parciais levaranse a cabo na Comisión 3ª as comparecencias que fosen solicitadas polos grupos parlamentarios e acordadas pola Mesa da Comisión 3ª. En todo caso, comparecerán os responsables das seccións orzamentarias e, sempre que fosen solicitadas, os responsables dos entes instrumentais do sector público da Comunidade Autónoma que xestionen os principais programas de gasto.»

Trece. Modifícase a alínea 4 do artigo 130, que queda redactada da seguinte forma:

«4. O debate final dos orzamentos no Pleno da Cámara desenvolverase diferenciando o conxunto do articulado da lei e das súas seccións, as cales poderán ser obxecto dun debate conxunto.»

Catorce. Engádese un novo artigo 141 bis, que quedará integrado dentro dun novo capítulo I bis, «Do debate anual sobre política xeral da Comunidade Autónoma», redactado da seguinte forma:

«Artigo 141 bis

1. Con carácter anual o Pleno celebrará o debate sobre política xeral da Comunidade Autónoma de Galicia. Non caberá celebrar este debate cando no mesmo ano a Cámara investise o presidente ou a presidenta da Xunta de Galicia.

2. O debate iniciarase coa intervención do presidente ou da presidenta da Xunta de Galicia, sen límite de tempo. A continuación, a Presidencia do Parlamento poderá interromper a sesión, tras a cal haberá unha intervención dunha persoa que represente a cada grupo parlamentario polo tempo que fixe a Presidencia, oída a Xunta de Portavoces.

3. O presidente ou a presidenta da Xunta de Galicia poderá contestar aos grupos parlamentarios de maneira illada ou conxunta sen límite de tempo e poderá intervir cantas veces o solicite. Todos os grupos parlamentarios poderán replicar durante un tempo máximo de quince minutos cada un, sen prexuízo da contrarréplica final da persoa titular da Presidencia da Xunta.

4. Ao rematar o debate, a Mesa abrirá un prazo durante o cal os grupos parlamentarios poderán presentar propostas de resolución no número máximo que fixe a Mesa, oída a Xunta de Portavoces, referidas ás grandes liñas de política xeral e de enumeración simple. A Mesa admitirá as propostas que sexan congruentes coas materias obxecto do debate.

5. As propostas admitidas poderán ser defendidas durante un tempo máximo de trinta minutos. A Presidencia do Parlamento ordenará o debate de defensa ou posicionamento sobre as propostas.

6. A Presidencia do Parlamento ordenará a votación das propostas de resolución unha vez rematado o debate.»

Quince. Modifícase a alínea 1 do artigo 149, que queda redactada da seguinte forma:

«1. Transcorridos sete días desde a publicación da interpelación, esta estará en condicións de ser incluída na orde do día do Pleno.»

Dezaseis. Modifícase o artigo 150, que queda redactado da seguinte forma:

«Artigo 150

As interpelacións substanciaranse, como máximo, na segunda sesión plenaria despois de publicada, perante o Pleno, e darán lugar a unha rolda de exposicións polo autor ou a autora da interpelación, á contestación da Xunta e a cadansúa rolda de réplica. As primeiras intervencións non poderán exceder dez minutos nin as réplicas de cinco minutos.»

Dezasete. O artigo 152 queda redactado da seguinte forma:

«1. Os deputados e as deputadas poderán formular preguntas á Xunta de Galicia e a cada un dos seus membros.

2. Nas sesións plenarias ordinarias as e os portavoces dos grupos parlamentarios poderanlle formular preguntas á Presidencia da Xunta de Galicia. A Mesa, oída a Xunta de Portavoces, fixará o número e a distribución proporcional en cada período de sesións.»

Dezaoito. Modifícase a alínea 2 do artigo 155, que queda redactada da forma seguinte:

«2. As preguntas estarán en condicións de ser incluídas na orde do día unha vez transcorridos catro días da súa publicación e darase prioridade ás presentadas polos deputados e as deputadas que aínda non formulasen preguntas no Pleno no mesmo período de sesións. Sen prexuízo deste criterio, a Presidencia, de acordo coa Xunta de Portavoces, sinalará o número de preguntas que se van incluír na orde do día de cada sesión plenaria e o criterio de distribución entre deputados e deputadas correspondentes a cada grupo parlamentario.»

Dezanove. Modifícase a alínea 1 do artigo 156, que queda redactada da forma seguinte:

«1. As preguntas respecto das cales se pretenda resposta oral en comisión estarán en condicións de ser incluídas na orde do día unha vez transcorridos catro días desde a súa publicación.»

Corrección de erros. Artigo primeiro apartado catorce redactado conforme a corrección de erros publicada no DOG núm. 219, do 17 de novembro de 2015.

Artigo segundo. Modificación do artigo 48 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia

Modifícase o artigo 48 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, que quedará redactado como segue:

«Artigo 48

A Xunta solicitará anualmente do Parlamento, ao comezo dun dos períodos de sesións, a celebración dun debate de política xeral. Non caberá celebrar este debate cando no mesmo ano a Cámara investise o presidente ou a presidenta da Xunta de Galicia.»

Corrección de erros. Artigo segundo redactado conforme a corrección de erros publicada no DOG núm. 219, do 17 de novembro de 2015.

Disposición derrogatoria. Derrogación dos preceptos contrarios

Única.

Quedan derrogadas as disposicións contrarias ao aprobado nesta norma

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Única.

As modificacións ao Regulamento do Parlamento de Galicia publicaranse no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia e no Diario Oficial de Galicia e entrarán en vigor o día seguinte ao da súa publicación neste último, salvo o disposto no artigo 52.1 bis, que será aplicable na décima lexislatura.

A modificación do artigo 48 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Corrección de erros. Disposición derradeira única redactada conforme a corrección de erros publicada no DOG núm. 219, do 17 de novembro de 2015.

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia