lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Orde do 20 de agosto de 2021 pola que se prorroga e se modifica a Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e se mantén a suspensión da exixencia da exhibición de documentación para o acceso a determinados establecementos prevista nela e na Orde do 1 de xullo de 2021 pola que se aproba o Protocolo para a reactivación do lecer nocturno no marco da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, e se substitúe por unha regulación transitoria e provisional.

Publicado en: DOG 160 Bis 20/08/2021

Departamento: Consellería de Sanidade

Estado: En vigor

PDF

Polo artigo quinto da Orde do 29 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de lecer nocturno da Comunidade Autónoma de Galicia déixase sen efecto a regulación transitoria e provisional prevista nos puntos quinto e sexto desta orde.
Atendendo á evolución da situación epidemiolóxica, prorrógase ata as 00.00 horas do día 4 de setembro de 2021 a eficacia das medidas previstas na Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, sen prexuízo do indicado no punto segundo desta orde.

I

A evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia fai necesario que as autoridades sanitarias autonómicas sigan adoptando determinadas medidas de prevención orientadas a conter a propagación da infección e dirixidas a facer fronte á crise sanitaria derivada da COVID-19.

Mediante a Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, deuse publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020 sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. O obxecto dese acordo foi establecer as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, tras a superación da fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade e ata o levantamento da declaración da situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020.

Conforme o punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020, as medidas preventivas previstas nel serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Con esta finalidade poderán ser obxecto de modificación ou supresión mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de sanidade. Establécese, ademais, que a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de conformidade coa normativa aplicable e en vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas no acordo que sexan necesarias. Dentro desta habilitación quedan incluídas aquelas medidas que resulten necesarias para facer fronte á evolución da situación sanitaria en todo ou en parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e que modifiquen ou, de modo puntual e cun alcance temporalmente limitado, impliquen o desprazamento da aplicación das medidas concretas contidas no anexo do citado acordo.

Con base no disposto no citado punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020, adoptáronse, mediante a Orde do 25 de xuño de 2021, unha serie de medidas que teñen por obxecto regular distintas actividades coa finalidade de que se poidan desenvolver en condicións de seguridade, minimizando ao máximo o risco de contaxio e a propagación da enfermidade.

Estas medidas específicas tradúcense, en moitos casos, no establecemento de capacidades máximas e na regulación destas, xa que se demostrou que para lograr o fin proposto resulta imprescindible evitar as aglomeracións e garantir o mantemento en todo momento da distancia de seguridade, reducindo o contacto físico ou a proximidade en condicións favorecedoras do contaxio. A evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma exixiu modificar determinados aspectos da orde coa finalidade de adaptar as medidas contidas nela á realidade actual, o que se fixo mediante a Orde do 1 de xullo de 2021.

Posteriormente, mediante a Orde do 8 de xullo de 2021 introducíronse novas modificacións e prorrogouse a eficacia da Orde do 25 de xuño ata as 00.00 horas do 24 de xullo de 2021, e mediante a Orde do 15 de xullo de 2021 modificáronse a Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e a Orde do 1 de xullo de 2021 pola que se aproba o Protocolo para a reactivación do lecer nocturno no marco da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19.

Neste marco, e coa finalidade de que as medidas de prevención fronte á COVID-19 sigan adaptándose á evolución da situación epidemiolóxica, mediante a Orde do 22 de xullo de 2021 acometeuse unha nova prórroga e modificación da Orde do 25 de xuño, de conformidade coa previsión contida no punto noveno da citada Orde do 25 de xuño de 2021, segundo a cal, en cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, as medidas previstas nela deben ser obxecto de seguimento e avaliación continua, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria, e modificouse a Orde do 1 de xullo de 2021 pola que se aproba o Protocolo para a reactivación do lecer nocturno no marco da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19.

Mediante a Orde do 29 de xullo de 2021 modificouse o anexo II da Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

Finalmente, mediante a Orde do 5 de agosto de 2021 introducíronse novas modificacións e prorrogouse a Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

Así mesmo, debe terse en conta que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia en dous autos notificados o día 12 de agosto de 2021, que resolven solicitudes de medidas cautelarísimas presentadas en recursos contencioso-administrativos presentados contra a Orde do 22 de xullo de 2021 pola que se prorroga e se modifica a Orde do 25 de xuño de 2021, pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, e se modifica a Orde do 1 de xullo de 2021 pola que se aproba o Protocolo para a reactivación do lecer nocturno no marco da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, denega as medidas de suspensión solicitadas, pero nos seus fundamentos de dereito entende que as medidas referidas á obrigación de presentar un certificado emitido polo Servizo Público de Saúde que acredite as circunstancias que se apuntan en relación coa hostalaría e a restauración (vacinación, recuperación ou proba diagnóstica de infección activa negativa) requirirían de autorización xudicial preceptiva conforme o disposto na nova redacción do artigo 10.8 da LXCA dada pola Lei 3/2020, do 18 de setembro, de medidas procesuais organizativas para facer fronte á COVID-19, por consideralas como medidas restritivas de dereitos. Polo exposto, o Tribunal entende que estas medidas carecen de vixencia na Comunidade Autónoma de Galicia, por canto non se someteron a autorización da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

A Administración autonómica considerou no seu día que o contido destas medidas non precisaba de autorización xudicial preceptiva, ao non limitar ou restrinxir dereitos fundamentais e basearse no artigo 38.1 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia. Porén, tendo en conta o criterio manifestado nestes autos polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, a Administración autonómica considerou que o procedente era solicitar a dita autorización, para evitar calquera dúbida en relación coa vixencia e eficacia da exixencia destes certificados e fomentar, así, a seguridade xurídica.

Debe lembrarse que, en todo caso, o empeño da Administración autonómica é garantir o libre exercicio das actividades económicas concernidas, compatibilizándoo coa maior seguridade sanitaria posible. Así mesmo, cabe lembrar que a exixencia deste certificado permitiu a apertura dos interiores da hostalaría e restauración en situacións en que antes estaban pechados, así como do lecer nocturno, en circunstancias en que antes estaba suspendida. Por iso, enténdese que a exixencia de certificados é, en todo caso, unha medida alternativa menos gravosa ao peche destas actividades.

Deste modo, á espera do pronunciamento do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia sobre a autorización da exixencia dos certificados anteditos, mediante a Orde do 13 de agosto de 2021 suspendeuse expresamente, por razóns de coherencia, a eficacia das previsións da regulación vixente en que se prevía a exixencia destes certificados e substituíuse esta exixencia por unha regulación transitoria e provisional.

A Orde de 13 de agosto resaltaba na súa exposición de motivos o carácter transitorio e provisional desta regulación, que non prexulgaba, polo tanto, de ningún xeito, a súa conformación definitiva no caso de non ser autorizada a medida de exixencia de certificados. Neste sentido, expresábase que no caso de que non se autorizase a medida de exixencia de certificados, esta regulación sería revisada na seguinte reunión do Comité Clínico.

Con data do 14 de agosto de 2021, notificouse providencia da Sección Terceira da Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia en que se adiantaba a denegación da autorización xudicial da medida da exixencia de certificados. O Auto 97/2021 polo que se denega a autorización das medidas consistentes na exhibición de documentación para o acceso a determinados establecementos previstos na Orde de 13 de agosto de 2021 foi ditado o día 20 de agosto de 2021 e notificado nesta data. Á vista desta situación, e á espera da existencia dunha decisión xudicial firme que se pronuncie sobre esta cuestión, debe manterse a regulación transitoria e provisional ditada en substitución da exixencia de exhibición de documentación acreditativa de determinadas circunstancias, coas adaptacións que se recollen nesta orde, tendo en conta a evolución favorable da situación epidemiolóxica.

Posteriormente, mediante a Orde do 16 de agosto de 2021 modificouse o anexo II da Orde do 25 de xuño para adaptalo á situación derivada da evolución da pandemia.

Na reunión do Comité Clínico do día 18 de agosto de 2021 revisouse tanto a evolución da situación epidemiolóxica como a indicada regulación transitoria e provisional. Mediante a presente orde mantéñense a suspensión da exixencia da exhibición de documentación, así como as medidas adoptadas na Orde do 13 de agosto, adaptadas á evolución favorable da situación epidemiolóxica.

Ademais, dado que, en termos xerais, malia a evolución favorable, se mantén na Comunidade Autónoma a situación epidemiolóxica que motivou a adopción das medidas recollidas na Orde do 25 de xuño, óptase por prorrogar a súa eficacia, ata as 00.00 horas do día 4 de setembro, e por introducir determinadas modificacións coa finalidade de adaptala á concreta evolución da situación epidemiolóxica de determinados concellos, incluídos no nivel de restricións que en cada caso corresponda os concellos en que variou a situación.

En concreto, na regulación transitoria e provisional que se aproba nesta orde en substitución da exixencia de exhibición de documentación para o acceso a determinados establecementos, introdúcense tamén determinadas modificacións que son xa posibles neste momento, tendo en conta a evolución da situación epidemiolóxica. Así, nos establecementos de hostalaría e restauración, xogo, lecer nocturno e albergues, coa finalidade de continuar avanzando na modulación de determinadas restricións e compatibilizar o desenvolvemento das correspondentes actividades coa seguridade sanitaria, óptase por aumentar a capacidade máxima permitida en determinados casos, e todo isto sen prexuízo das medidas máis permisivas que se poidan aprobar se finalmente se autoriza a medida consiste na exixencia da exhibición de documentación para o acceso a determinados establecementos, polas maiores garantías de seguridade sanitaria que ofrece esta medida.

II

A adopción das medidas contidas nesta orde vén determinada pola evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria da Comunidade Autónoma. Así resulta do informe da Dirección Xeral de Saúde Pública do 19 de agosto de 2021, do cal se destacan os seguintes datos:

O número reprodutivo instantáneo (Rt), que indica o número de contaxios orixinados por un caso activo, está por debaixo do 1, o que indica unha diminución na transmisión da infección. Todas as áreas están por debaixo do 1.

Do total de concellos de Galicia, 41 non notificaron casos nos últimos 14 días. O número de concellos sen casos nos últimos 7 días foi de 74. Isto supón un aumento en 9 concellos a 14 días e en 14 concellos a 7 días desde o día 8 de agosto, que era de 32 e 60, a 14 e 7 días.

Entre o 6 e o 12 de agosto realizáronse 70.281 probas diagnósticas de infección activa polo virus SARS-CoV-2 (46.087 PCR e 24,194 tests de antíxenos) cunha porcentaxe de positividade a sete días do 9,99 %, o que supón un descenso do 13,7 %, con respecto a entre o 27 de xullo e o 2 de agosto, que era do 11,57 %.

A incidencia acumulada a 7 e 14 días é de 166 e 416 casos por cen mil habitantes, respectivamente, valores inferiores aos observados no reflectido no informe do día 8 de agosto, en que eran de 253 e 547 casos por cen mil habitantes, respectivamente (descenso do 34 % a 7 días e do 24 % a 14 días).

A tendencia diaria mostra, desde o 1 de marzo, un primeiro tramo de crecemento lento, cunha porcentaxe de cambio diaria (PCD) do 0,6 %, un segundo tramo decrecente, a un ritmo non moi rápido, cunha PCD do -2,2 % e un terceiro, a partir do 19 de xuño, de crecemento cunha PCD do 10,4 %, e a partir do 21 de xullo un decrecemento cunha PCD do 4,1 %. Segundo este modelo espérase que a incidencia siga a diminuír tanto a 7 como a 14 días. Aínda que os intervalos de confianza seguen a ser amplos.

En canto á evolución por grupos de idade, obsérvase que a incidencia acumulada por grupos de idade está a descender en todos os grupos máis novos, lixeiro descenso nos de 40 a 59 anos de idade e certa estabilización, tras o ascenso observado previamente, nos grupos de 50 e máis anos.

Polo que respecta á situación das áreas sanitarias, as taxas a 14 días das áreas están entre os 205,12 casos por 100.000 habitantes de Ourense e os 616,14 da Coruña. Pola súa banda, as taxas de incidencia a 14 días seguen a diminuír con respecto a hai 7 días. As áreas sanitarias de Santiago e Ourense descenderon dos 100 casos por 100.000 habitantes a 7 días e dos 250 casos por 100.000 habitantes a 14 días.

No que atinxe á evolución da incidencia por grupos de idade e por áreas sanitarias, os grupos de idade de 50 a 79 e de 80 e máis anos, en xeral, aumentaron en todas as áreas, aínda que se observa un descenso nos de 50 a 79 nas áreas de Santiago, Ourense e Pontevedra. Tamén se observa un descenso nos de 80 e máis anos na área de Pontevedra. No grupo de idade de 80 e máis anos obsérvase que nas áreas da Coruña e Vigo segue en aumento. Nas áreas de Lugo e Pontevedra obsérvase un novo incremento tras o descenso previo.

No que respecta á hospitalización dos casos COVID-19, a media de pacientes COVID-19 en hospitalización de agudos nos últimos 7 días foi de 245, o que significa un descenso do 5 % con respecto ao día 8 de agosto. A taxa de pacientes coa COVID-19 en hospitalización de agudos é de 9,1 ingresados por 100.000 habitantes, cun descenso, tamén, do 5 % con respecto ao informe do día 8 de agosto. En canto aos ingresos COVID-19 nas unidades de críticos (UCI) nos últimos 7 días, a media foi de 54,7 e a taxa a 7 días de ingresados nas UCI é de 2,0 ingresados por 100.000 habitantes, o que supón un aumento do 11 % con respecto ao 8 de agosto, tanto na media como na taxa. Concretamente, no que respecta ao número de ingresos por grupo de idade, destácase que o grupo de idade de 15 a 64 anos é o que presenta máis ingresos pero os grupos de idades máis avanzadas, especialmente os de 80 e máis anos, tamén teñen un peso importante, o que se explica porque ante incidencias elevadas, como as que estamos a ter, este grupo de idade ten risco de enfermar de gravidade, a pesar da vacinación, xa que a vacina non evita que aconteza e os maiores teñen máis probabilidade de non desenvolver anticorpos de xeito igualmente eficiente que os máis novos debido á senescencia do sistema inmune.

Así mesmo, as defuncións por COVID-19 están a aumentar, aínda que a onda está a descender, debido a que tanto as hospitalizacións como as defuncións levan un atraso con respecto á incidencia de casos.

Sobre a situación epidemiolóxica nos concellos de Galicia, debe terse en conta que dos concellos con poboación igual ou maior de 10.000 habitantes (54), 24 presentan unha taxa axustada de incidencia a 14 días igual ou superior aos 250 casos por cen mil habitantes, fronte aos 34 do informe anterior. Ningún deles supera os 500 casos por 100.000 habitantes. Pola súa banda, dos concellos de menos de 10.000 habitantes (259), 55 presentan unha taxa axustada de incidencia a 14 días igual ou superior aos 250 casos por cen mil habitantes, fronte aos 69 do día 8 de agosto. Deles, 11 presentan taxas axustadas de incidencia iguais ou superiores a 500 casos por cen mil habitantes. No que atinxe ás comarcas, só a de Fisterra se atopa no nivel máximo. Atópanse no nivel alto as comarcas de Vigo, A Paradanta, O Condado, O Baixo Miño, A Mariña Oriental, Terra de Soneira, Ferrol, Eume, A Coruña, Betanzos e Bergantiños.

En relación coas variantes do virus SARS-CoV-2, desde a posta en marcha da vixilancia da prevalencia das variantes en Galicia, baseada na aplicación dunhas PCR específicas sobre unha mostra aleatoria das mostras positivas para SARS-CoV-2 por PCR da semana previa, identificadas nos servizos de microbioloxía dos hospitais CHUAC, CHUS, CHUVI, CHUO, HULA e Vithas (Vigo), na semana epidemiolóxica 31/2021 (do 2 ao 8 de agosto) a porcentaxe de positividade para a posible variante Alfa foi dun 7 % (IC95 %: 6-8 %) e para a variante Delta foi do 91 %. (IC95 %: 89-92 %). Polas diferenzas nas fraccións de mostraxe entre áreas sanitarias, a prevalencia axustouse ao número de casos en cadansúa área, que é notablemente diferente á prevalencia sen axustar 93 % (IC95 %: 92-94 %) e 5 % (IC95 %: 4-6 %) para as variantes Delta e Alfa, respectivamente. Ata a semana 301, incluída, das variantes de preocupación (VOC) identificáronse 9934 casos da variante Alfa con secuenciación completa; 36 da variante Beta (B.1.351 ou surafricana) por secuenciación completa; 82 da variante Gamma (P1 ou brasileira) por secuenciación completa; 395 da variante Delta (B.1.617.2 ou india). Ademais das VOC, tense constancia de 4 mostras coa variante Eta (B.1.525 ou nixeriana); 9 mostras coa variante Iota (B.1.526 ou de Nova York); 21 mostras coa variante Lambda (C.37) e 32 mostras con variante B.1.621 (colombiana).

O informe conclúe que a taxa de incidencia diminúe tanto a 7 como a 14 días. A tendencia amosou un novo cambio cara ao descenso, cunha porcentaxe de cambio diaria do 4,1 %, a partir do 21 de xullo. O Rt no global de Galicia segue debaixo do 1, o mesmo que en todas as áreas sanitarias. A información do modelo de predición indica que a incidencia vai diminuír tanto a 7 como a 14 días.

A taxa de incidencia a 14 días, no global de Galicia, está nos 416 casos por cen mil habitantes. Todas as áreas sanitarias diminúen a súa incidencia tanto a 7 como a 14. Santiago e Ourense teñen unha incidencia a 7 días menor dos 100 casos por 100.000 habitantes.

En canto á evolución da incidencia por grupos de idade e área sanitaria, obsérvase un descenso nos grupos por debaixo dos 40 anos. No grupo de idade de 80 e máis anos, nas áreas da Coruña e Vigo, a incidencia segue en aumento. Nas áreas de Lugo e Pontevedra obsérvase un novo incremento tras o descenso previo.

No que atinxe aos concellos de máis de 10.000 habitantes, xa aplicando o axuste de taxas, hai 24 concellos con taxas de incidencia a 14 días iguais ou superiores a 250 casos por cen mil habitantes. Nos de menos de 10.000 hai 55 concellos que superen unha taxa de incidencia de 250 casos por cen mil habitantes.

Neste momento, a variante Delta (india) é a prevalente e a prevalencia da Alfa (británica) segue a diminuír. O feito de que a variante Delta teña unha maior transmisibilidade explica, entre outros posibles motivos, a alta incidencia.

Cómpre indicar que o criterio que se vén utilizando para determinar os niveis de restrición aplicables a cada un dos concellos da Comunidade Autónoma é, ademais do da situación sanitaria, o da taxa de incidencia acumulada segundo os casos por cada 100.000 habitantes, tanto a 14 días como a 7 días; esta última permite reaccionar con maior rapidez e eficacia fronte aos gromos. Desta maneira, establecéronse os seguintes niveis de restricións: nivel de restricións máximo, alto, medio e medio-baixo.

Atendendo ás taxas de incidencia acumulada a 14 días, sitúanse no nivel medio-baixo os concellos con taxas por debaixo dos 150 casos por cada 100.000 habitantes; no medio, os concellos con taxas que se atopen entre os 150 e por debaixo dos 250 casos por cada 100.000 habitantes; no alto, os concellos con taxas que se atopen entre os 250 e por debaixo dos 500 casos por cada 100.000 habitantes, e no nivel de restrición máxima, os concellos cuxas taxas de incidencia acumulada sexan máis de 500 casos por 100.000 habitantes.

Pola súa banda, atendendo ás taxas de incidencia acumulada a 7 días, sitúanse no nivel medio-baixo os concellos que se atopen por debaixo dos 75 casos por cada 100.000 habitantes; no medio, os concellos que se atopen entre os 75 e por debaixo dos 125 casos por cada 100.000 habitantes; no nivel alto, os concellos que se atopen entre os 125 e por debaixo dos 250 casos por cada 100.000 habitantes, e no nivel de restrición máxima, os concellos cuxas taxas de incidencia acumulada sexan máis de 500 casos por 100.000 habitantes.

A taxa de incidencia acumulada non é o único criterio que se ten en conta para determinar o nivel aplicable a cada concello, xa que este dato se modula en función doutros factores e da análise da situación do propio concello. Así, o criterio da incidencia vese completado coa consideración de criterios demográficos (pois debe terse en conta que en concellos de escasa poboación poucos casos poden dar lugar a taxas moi elevadas, que deben ser postas no debido contexto). Ademais, os servizos de saúde pública e o Comité e o Subcomité Clínico veñen analizando as características específicas de cada gromo. Neste sentido, vénse prestando unha especial atención á existencia de gromos non controlados ou de casos sen vínculo epidemiolóxico, así como ao feito de que non se observe unha melloría clara na evolución da situación epidemiolóxica.

Actualmente, o avance da campaña de vacinación masiva está a conseguir protexer a poboación e retomar actividades económicas e sociais ata o de agora limitadas para evitar un maior número de contaxios. Non obstante, e mentres non se alcance a inmunidade de grupo, é necesario seguir adoptando medidas preventivas e de control que permitan garantir as máximas condicións de seguridade e reducir o risco de contaxio e propagación da COVID-19. Estas medidas deben ser adecuadas e eficaces de acordo coa evolución da situación epidemiolóxica e de capacidade do sistema asistencial. Tendo en conta o expresado en relación con que existe unha porcentaxe moi elevada de poboación vacinada, o cal permitiu unha redución importante de hospitalizacións e falecementos, foi necesario actualizar os indicadores de risco establecidos antes do inicio da campaña de vacinación.

Deste xeito, a partir da adopción destes novos criterios, as medidas de prevención e control pretenden adaptarse ao novo escenario en que nos atopamos, onde prevalecen os casos entre a poboación máis nova e na cal unha porcentaxe maioritaria non ten consecuencias clínicas importantes. Neste sentido, saliéntase que dous terzos dos casos se están a dar entre os 15 e os 39 anos de idade e que existe un menor risco de padecer a enfermidade grave nesas franxas de idade.

Na situación actual concorren, en definitiva, determinadas circunstancias que aconsellan axustar as taxas de incidencia acumulada mediante a aplicación dun factor de corrección baseado no risco de ingreso hospitalario, xa que a situación da carga asistencial hospitalaria é, neste momento, de 3,2 e 0,6 ingresos por 100.000 en hospitalización de agudos e en unidades de críticos, respectivamente, a pesar das taxas de incidencia elevadas que se están a observar. Isto indica que a onda ten un menor impacto nos ingresos pola COVID-19, o que se atribúe aos factores aludidos de vacinación dos maiores e á idade dos casos.

Para reflectir este feito, a partir da adopción deste novo criterio, a incidencia acumulada global a 14 e 7 días axustarase segundo evolucione o risco de ingreso en cada momento. A consideración do risco de ingreso como factor permitirá manter os niveis de restricións establecidos na súa forma actual (nivel máximo, nivel alto, nivel medio e nivel medio-baixo), pero cunha actualización dos valores que provocan a entrada nun ou noutro nivel segundo o factor expresado do risco de ingreso, o que permitirá ter en conta en cada momento de forma dinámica os efectos positivos do avance da campaña de vacinación. Para determinar nesta orde os concellos de nivel de restrición máximo e alto tivéronse en conta as taxas de incidencia a 14 e 7 días axustadas, mais mantendo as mesmas taxas de incidencia previas ao axuste.

A metodoloxía utilizada para o cálculo da incidencia acumulada axustada por risco de ingreso parte do cálculo dun factor de corrección que se interpreta como o risco relativo de ingreso no período comprendido entre agosto de 2020 e marzo de 2021 (período de referencia) comparado co momento actual. Este factor é superior a 1, debido á vacinación e á diferente distribución por idade dos casos, que actualmente se concentran fundamentalmente na poboación de 15 a 29 anos.

Para axustar a incidencia a 7 e a 14 días dos concellos, divídese a taxa bruta polo factor de corrección. O factor de corrección calcúlase, para cada día, como o cociente entre a taxa bruta de ingresos nos últimos 28 días e a taxa axustada por idade, aplicando o método directo e usando como poboación estándar o número de casos do período de referencia.

A taxa bruta de ingresos a 28 días é a porcentaxe de casos que ingresaron entre os casos con diagnóstico por PCR ou tests de antíxenos acumulados nos últimos 28 días. As taxas específicas de ingreso por idade calcúlanse do mesmo xeito, pero no grupo de idade correspondente. A taxa axustada de ingresos calcúlase aplicando as taxas específicas de ingreso por idade a 28 días á poboación de referencia.

A suma dos valores obtidos por idade divídese entre o total de casos do período de referencia (97.996) e o resultado interprétase como a porcentaxe de casos que terían ingresado se tivesen a mesma distribución por idade ca no período de referencia (taxa de ingresos axustada).

Igualmente, para o descenso do nivel de restrición, terase en conta a evolución das súas taxas de incidencia que indique un claro descenso desta incidencia e se a aparición de casos novos entra dentro do esperado no contexto dos gromos que se estean a desenvolver nos concellos. A cada un dos distintos niveis de restrición seranlle de aplicación as medidas xerais e específicas previstas para cada caso nas disposicións vixentes, aprobadas polas autoridades sanitarias competentes, tendo en conta, ademais, que actualmente está cientificamente constatado que, mentres non exista unha alta cobertura poboacional de vacinación, as intervencións non farmacolóxicas son as intervencións de saúde pública máis efectivas contra a COVID-19, medidas que se poderán ir suavizando na súa aplicación en vista da situación epidemiolóxica no territorio e do aumento da cobertura vacinal.

Debe destacarse, ao fío do anterior, que Galicia conta cunha poboación especialmente envellecida, cunha porcentaxe de persoas de 65 e máis anos (ano 2020) do 25,4 % fronte ao 19,6 % do conxunto de España. Porén, tamén hai que ter en consideración que, aínda que esta cobertura se obteña en determinados grupos, a distribución poboacional pode ser desigual, se se ten en conta toda a poboación e non os grupos de idade prioritarios que se están a vacinar en primeiro lugar. Tampouco se pode esquecer que mentres non se consiga conter a pandemia no mundo, con países con alta circulación do virus, poden aparecer novas variantes do virus que poidan ter a capacidade de escapar á inmunidade proporcionada polas vacinas actuais. Ademais, a circulación da variante Delta pode facer que haxa escape á inmunidade naquelas persoas que non estean completamente vacinadas e certo escape nas completamente vacinadas, sen esquecer que esta variante se considera que é un 40-60 % máis transmisible ca a variante Alfa. Non obstante, estas medidas aplicaranse con criterios epidemiolóxicos, pero tamén de proporcionalidade, e estarán en vixencia só durante o tempo preciso para asegurar que a evolución desta situación epidemiolóxica é boa e se está a cortar a transmisión, que é o obxectivo destas medidas.

En atención ao exposto, tendo en conta o indicado no citado informe da Dirección Xeral de Saúde Pública e logo de escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, acórdase manter no nivel alto de restricións a Fisterra, Laxe, Malpica de Bergantiños, Cabanas, Arteixo, Betanzos, Cee, Miño, Sada, Pontedeume, Meis, Redondela, Tomiño, Tui, Bueu, O Grove, Arbo, As Neves, Nigrán e O Barco de Valdeorras.

Os concellos de Fisterra e Laxe presentan taxas axustadas a 7 e 14 días propias do nivel máximo, non obstante as súas taxas a 7 días melloraron, descendendo a incidencia desde o día 8 de agosto de 2021, polo que se considera que este nivel é suficiente, polo de agora, para controlar a evolución da súa incidencia. Os concellos de Malpica de Bergantiños e Cabanas presentan taxas a 14 días propias do nivel máximo, non obstante a súa taxa axustada a 7 días é propia do nivel alto de restricións. A isto únese que a evolución da súa incidencia nos últimos 7 días é descendente, polo que se considera suficiente mantelos no nivel alto.

Tamén se manteñen no nivel alto os concellos de Arteixo, Betanzos, Cee, Miño, Sada, Pontedeume, Meis, Redondela, Tomiño, e Tui, polas súas taxas a 7 e a 14 días. En xeral, nestes concellos hai unha melloría da incidencia a 7 días, a pesar de que as súas taxas aínda son de nivel alto, pero espérase que, de seguir esta evolución, é posible que poidan descender de nivel proximamente.

Pola súa banda, os concellos de Bueu, O Grove, Arbo, As Neves e Nigrán permanecen no nivel alto polas súas taxas a 14 días. Todos eles melloraron a súa incidencia a 7 días e, de feito, esta taxa axustada sería, nestes concellos, de nivel medio, pero aínda non están o suficientemente preto do límite inferior do rango desta taxa como para descender de nivel, xa que é preciso asegurar a consolidación da boa evolución da súa situación epidemiolóxica.

Igualmente, mantense neste nivel alto o concello do Barco de Valdeorras, porque, malia a diminución da súa incidencia ata taxas propias do nivel medio, non se observa unha clara melloría como no resto de concellos que si descenden ao nivel medio. Ademais, este concello é a cabeceira da comarca e, en canto volve aumentar, por pouco que sexa, a súa incidencia irradia casos aos concellos do resto da comarca.

Acórdase que ascendan a nivel alto de restricións os concellos de Cabana de Bergantiños e Muxía, A Rúa, A Cañiza, Rábade, Camariñas, Vimianzo, Ares, Ponte Caldelas, Ponteareas e O Rosal, polos seguintes motivos:

Os concellos de Cabana de Bergantiños e Muxía, desde o nivel medio actual, porque aínda que presentan taxas a 7 e 14 días propias do nivel máximo, os casos existentes débense a gromos de orixe coñecida e controlada e os novos casos están a darse en casos previamente en corentena e, polo tanto, este nivel considérase suficiente para o control da incidencia, polo de agora, e máis se temos en conta o tamaño da súa poboación. Non obstante, manteranse en vixilancia para observar a evolución da súa situación epidemiolóxica.

O concello da Rúa, a pesar de que presenta unha taxa axustada a 7 días propia do nivel máximo, xa que os gromos existentes, que se producen fundamentalmente en xente nova e con transmisión secundaria nas súas familias, teñen orixe coñecida. Porén, debido ao tamaño poboacional deste concello, considérase que este nivel podería ser suficiente para o control da súa situación epidemiolóxica.

Os concellos da Cañiza e Rábade, desde o nivel medio-baixo actual, a pesar de que as súas taxas a 7 días son propias do nivel máximo. Particularmente, no caso da Cañiza polo tamaño da súa poboación (uns 5.000 habitantes) e á espera de coñecer a evolución da súa situación epidemiolóxica, decidiuse, polo de agora, ascendelo a este nivel e non ao máximo, a pesar de que non todos os casos teñen vínculo con gromos de orixe coñecida. No caso de Rábade, que ten 1.500 habitantes, posto que os casos están asociados a un bar e se atopan xa baixo control, considérase que este nivel podería ser suficiente para o control do gromo. Manterase en observación ata realizar o cribado pertinente entre os usuarios do bar e a veciñanza do concello.

Os concellos de Camariñas, Vimianzo, Ares, Ponte Caldelas e Ponteareas, polas súas taxas a 7 e 14 días. Todos estes concellos empeoraron a súa situación epidemiolóxica nos últimos 7 días, a pesar de estar no nivel medio de restricións.

O concello do Rosal, pola súa taxa a 7 días, xa que este concello, que descendeu ao nivel medio o día 14 de agosto, volveu presentar un aumento de casos nos últimos 7 días, polo que se considera preciso volver ascendelo ao nivel alto ata que a súa situación epidemiolóxica estea baixo control.

Finalmente, acórdase que descendan a nivel medio, desde o nivel alto actual, os seguintes concellos: Por unha banda, os concellos de Carballo, Ames, Ribeira, Chantada, Lugo, Verín, Cambados, Marín, Poio, Vilagarcía de Arousa, Gondomar e Salvaterra do Miño, polas súas taxas axustadas a 7 e 14 días.

Por outra banda, os concellos da Laracha, Cambre, Culleredo, Oleiros, Ferrol, Outeiro de Rei, Ribadeo, Viveiro, Pontevedra, Portas, Sanxenxo, Soutomaior, A Guarda, Baiona e O Porriño presentan taxas a 14 días que son propias do nivel alto; non obstante, acórdase que descendan ao nivel medio de restricións debido á clara melloría da súa situación epidemiolóxica, tanto a 7 como a 14 días, e a que as súas taxas a 7 días ou ben son propias do nivel medio ou do nivel medio-baixo, ou ben están moi próximas ao límite inferior do rango desta taxa no nivel alto, de tal xeito que a dita taxa practicamente se corresponde co nivel medio.

Polo que se refire aos concellos da Coruña e Vigo, no momento da reunión do Comité Clínico e de emisión do Informe da Dirección Xeral de Saúde Pública do día 19 de agosto, a súa situación era propia do nivel alto, ben que xa se advertía que a súa evolución era favorable e que era posible que puidesen descender de nivel nos seguintes días. Esta evolución favorable pode constatarse o día de adopción desta orde, segundo resulta dos datos que se recollen no Informe da Dirección Xeral de Saúde Pública do día 20 de agosto. Concretamente, no caso de Vigo, saliéntase que a súa taxa de incidencia axustada a 7 días é propia do nivel medio de restricións; ademais, neste concello a razón de taxas a 7 días está por debaixo do 1 (concretamente é de 0,68), o que confirma a boa evolución da situación. O concello da Coruña tamén amosa unha mellora importante da súa situación epidemiolóxica, cunha evolución moi favorable que se reflicte nunha razón de taxas a 7 días por debaixo do 1 (concretamente, 0,60), o que significa que a incidencia a 7 días está a descender, cunha redución do 40 % con respecto á semana anterior. Os datos expostos determinan que se acorde a baixada de Vigo e A Coruña ao nivel medio de restricións.

Esta situación exixe que, ademais de incluír estas cidades no nivel medio do anexo desta orde, se modifique tamén o anexo da Orde do 19 de agosto de 2021 pola que se prorroga e se modifica o anexo da Orde do 21 de xullo de 2021 pola que se establecen medidas cualificadas de prevención para facer fronte á evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e que precisan de autorización xudicial para a súa eficacia. En particular, polo que se refire a esta última orde, cabe destacar que a modificación non supón un aumento do nivel de restricións que afectan dereitos fundamentais.

Pola súa banda, mantéñense no nivel medio de restricións os concellos de Coirós, Corcubión, Avión, A Lama, Abegondo, Coristanco, Curtis, Oza-Cesuras, Ponteceso, Boiro, Silleda, Touro, Narón, Neda, Monterroso, Catoira, Mondariz, Pazos de Borbén, Carral, Cerceda, Fene, Padrón, Rianxo, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Sarria, Allariz, Coles, Xinzo da Limia, A Illa de Arousa, Cangas, Moaña, Santiago de Compostela, Mos, Salceda de Caselas, Cariño, O Carballiño, Zas, A Veiga, Trazo, Barreiros, Santa Comba e Caldas de Reis.

Os concellos de Coirós, Corcubión, Avión e A Lama mantéñense no nivel medio xa que, aínda que as súas taxas a 7 e/ou a 14 días son propias do nivel máximo de restricións, trátase de concellos con pouca poboación, nos cales poucos casos aumentan as súas taxas artificialmente e, en todos eles, os casos pertencen a gromos de orixe coñecida e están ben rastrexados e, nos que se deu algún caso novo, é entre contactos xa en corentena.

Os concellos de Abegondo, Coristanco, Curtis, Oza-Cesuras, Ponteceso, Boiro, Silleda, Touro, Narón, Neda, Monterroso, Catoira, Mondariz e Pazos de Borbén, a pesar de que as súas taxas a 7 e/ou 14 días son propias do nivel alto, xa que se trata de concellos, en xeral, pequenos, nos cales poucos casos aumentan as súas taxas. Ademais, na meirande parte deles, os casos están rastrexados e asociados a gromos.

Os concellos de Carral, Cerceda, Fene, Padrón, Rianxo, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Sarria, Allariz, Coles, Xinzo da Limia, A Illa de Arousa, Cangas e Moaña mantéñense no nivel medio polas súas taxas a 7 e a 14 días.

Os concellos de Santiago de Compostela, Mos e Salceda de Caselas mantéñense no nivel medio pola súa taxa axustada a 14 días, xa que, a pesar da melloría da taxa a 7 días, considérase preciso asegurar que a boa evolución é estable e mantida no tempo.

Mantense neste nivel o concello de Cariño, pola súa taxa a 7 días, que supón un certo empeoramento da súa situación epidemiolóxica , aínda que se trata dun concello pequeno, mais nesta época recibe visitantes, polo que se considera que é necesario que siga neste nivel ata observar unha clara melloría na súa situación epidemiolóxica.

Os concellos do Carballiño e Ourense presentan taxas propias do nivel medio-baixo; non obstante, dado que entraron no nivel medio o día 14 de agosto de 2021, considérase necesario mantelos nel para asegurar a súa boa evolución, posto que, tradicionalmente, se trata de concellos que aparentemente baixan a súa incidencia para, en moi pouco tempo, ascender de novo.

Pola súa banda, ascenden ao nivel medio os seguintes concellos:

O concello de Zas, actualmente no nivel medio-baixo, aínda que as súas taxas a 7 e a 14 días son propias do nivel máximo, xa que os gromos que se están a dar están ben rastrexados e algún deles importado doutros concellos ou provincias, polo que os casos que orixinan o gromo se infectan fóra do concello. Polo tanto, considérase que este nivel, dadas as características epidemiolóxicas, podería ser suficiente para o control da incidencia.

O concello da Veiga, actualmente no nivel medio-baixo, a pesar de que as súas taxas a 7 e a 14 días son propias do nivel máximo, xa que se trata dun concello de menos de 1.000 habitantes no cal poucos casos elevan a súa taxa. Non obstante, a aparición de todos os casos en dous días fai pensar nun gromo que, polo de agora, está baixo investigación e que parece que está asociado a un bar dun lugar concreto, polo cal se considera, de momento, este nivel e non o máximo.

Os concellos de Trazo e Barreiros tamén ascenden a este nivel, aínda que as súas taxas a 7 e/ou a 14 días son propias do nivel alto. Ambos os concellos presentan casos que están asociados a gromos coñecidos e teñen pouca poboación, polo que, polo de agora, este nivel medio se consideraría suficiente para o control.

Os concellos de Santa Comba e Caldas de Reis ascenden a este nivel polas súas taxas a 14 días e a 7 e a 14 días, respectivamente. O concello de Santa Comba xerou casos noutros concellos, polo que se considera que debe estar neste nivel para evitar, na medida do posible, a irradiación de casos. Por outra banda, saliéntase que a situación epidemiolóxica de Caldas de Reis empeorou nos últimos 7 días.

O resto de concellos de Galicia inclúense no nivel medio-baixo de restricións.

A eficacia desta orde comezará ás 00.00 horas do día 21 de agosto de 2021 e estenderase durante o período en que se prorroga a eficacia da Orde do 25 de xuño de 2021 nesta orde, sen prexuízo do seguimento e da avaliación continua a que está sometida co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria.

III

As medidas que se adoptan nesta orde teñen o seu fundamento normativo no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 a 38.1 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

Conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, a persoa titular da Consellería de Sanidade ten a condición de autoridade sanitaria, polo que é competente para adoptar as medidas de prevención específicas para facer fronte ao risco sanitario derivado da situación epidemiolóxica existente no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, coa urxencia que a protección da saúde pública demanda.

Na súa virtude, en aplicación do punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, na súa redacción vixente, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Prórroga da eficacia das medidas previstas na Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia

Atendendo á evolución da situación epidemiolóxica, prorrógase ata as 00.00 horas do día 4 de setembro de 2021 a eficacia das medidas previstas na Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, sen prexuízo do indicado no punto segundo desta orde.

Segundo. Mantemento da suspensión da exixencia da exhibición de documentación para o acceso a determinados establecementos prevista na Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e na Orde do 1 de xullo de 2021 pola que se aproba o Protocolo para a reactivación do lecer nocturno no marco da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, e substitución por unha regulación transitoria e provisional

1. Mantense a suspensión da exixencia da exhibición de documentación para o acceso a determinados establecementos prevista nos números 3.22, III.2.1 e III.2.7 do punto 4.1 do anexo I da Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, así como no número 4.1 do anexo da Orde do 1 de xullo de 2021 pola que se aproba o Protocolo para a reactivación do lecer nocturno no marco da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19.

2. A exixencia desta documentación substituirase pola regulación transitoria e provisional establecida nos puntos segundo, terceiro, cuarto, quinto e sexto desta orde.

3. Sen prexuízo do indicado, as autoridades sanitarias, coa finalidade de compatibilizar o desenvolvemento das correspondentes actividades coa seguridade sanitaria e asegurar un nivel elevado de protección da cidadanía, recomendan que só se acceda ao interior dos locais de hostalaría e restauración e xogos e apostas situados nos concellos con nivel alto de restrición, recollidos na letra B do anexo II da Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, cando se cumpra algunha das seguintes condicións:

1º. Que a persoa conte coa pauta completa dunha vacina contra a COVID-19 para a cal se concedeu unha autorización de comercialización de conformidade co Regulamento (CE) nº 726/2004.

2º. Que a persoa dispoña dunha proba diagnóstica de infección activa (PDIA) negativa. No caso dos tests rápidos de antíxenos, deberán estar enumerados na lista común e actualizada de tests rápidos de antíxenos da COVID-19 establecida sobre a base da Recomendación 2021/ C 24/01, do Consello de Europa. A proba debe ser realizada nas últimas 72 horas anteriores.

3º. Que a persoa se recuperase dunha infección polo SARS-CoV-2 diagnosticada e que estea no período comprendido entre o día 11 e o 180, ambos incluídos, despois da PDIA positiva.

Terceiro. Modificación do parágrafo 1 do punto 3.22 (Hostalaría e restauración) do anexo I da Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia

Modifícase o parágrafo 1 do punto 3.22 (Hostalaría e restauración) do anexo I da Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como segue:

«1. A prestación de servizos de hostalaría e restauración en bares, cafetarías e restaurantes axustarase ás seguintes regras, en función dos datos epidemiolóxicos existentes nos correspondentes concellos:

a) Nos concellos enumerados na letra A do anexo II da presente orde, os establecementos poderán prestar servizos de recollida no local e de consumo a domicilio, de entrega a domicilio e de terraza co cincuenta por cento da capacidade máxima permitida con base na correspondente licenza municipal ou do que sexa autorizado para este ano, no caso de que a licenza sexa concedida por primeira vez. Estes establecementos permanecerán pechados ao público para o consumo no interior do local.

En todo caso, deberá asegurarse que se mantén a debida distancia de seguridade interpersoal entre as mesas ou, de ser o caso, as agrupacións de mesas, e a ocupación máxima será de dez persoas na terraza, por mesa ou agrupación de mesas. Así mesmo, controlarase que consumidores e empregados manteñan a distancia de seguridade establecida co fin de evitar posibles contaxios.

O horario de peche ao público será ás 23.00 horas. Os establecementos que utilicen a opción de ampliar o seu horario ata a 1.00 horas deberán cumprir os requisitos que se determinan para este caso no número 2 deste punto e nas medidas aprobadas pola consellería competente en materia de sanidade no marco do Plan de hostalaría segura, e sen que se poidan admitir novos clientes a partir das 00.00 horas.

b) Nos concellos enumerados na letra B do anexo II da presente orde, os establecementos poderán prestar servizos de recollida no local e de consumo a domicilio, de entrega a domicilio e de terraza co setenta e cinco por cento da capacidade máxima permitida con base na correspondente licenza municipal ou do que sexa autorizado para este ano, no caso de que a licenza sexa concedida por primeira vez, e tamén de servizo no interior cunha ocupación do trinta por cento. Non se poderá prestar servizo na barra.

En todo caso, deberá asegurarse que se mantén a debida distancia de seguridade interpersoal entre as mesas ou, de ser o caso, as agrupacións de mesas, e a ocupación máxima será de seis persoas no interior e dez persoas na terraza, por mesa ou agrupación de mesas. Así mesmo, controlarase que consumidores e empregados manteñan a distancia de seguridade establecida co fin de evitar posibles contaxios.

O horario de peche ao público será ás 23.00 horas. Os establecementos que utilicen a opción de ampliar o seu horario ata a 1.00 horas deberán cumprir os requisitos que se determinan para este caso no número 2 deste punto e nas medidas aprobadas pola consellería competente en materia de sanidade no marco do Plan de hostalaría segura, e sen que se poidan admitir novos clientes a partir das 00.00 horas.

c) Nos concellos enumerados na letra C do anexo II da presente orde, os establecementos poderán prestar servizos de recollida no local e de consumo a domicilio, de entrega a domicilio e de terraza co cen por cento da capacidade máxima permitida con base na correspondente licenza municipal ou do que sexa autorizado para este ano, no caso de que a licenza sexa concedida por primeira vez, e tamén de servizo no interior cunha ocupación do cincuenta por cento. Non se poderá prestar servizo na barra.

En todo caso, deberá asegurarse que se mantén a debida distancia de seguridade interpersoal entre as mesas ou, de ser o caso, as agrupacións de mesas, e a ocupación máxima será de seis persoas no interior e dez persoas na terraza, por mesa ou agrupación de mesas.

Así mesmo, controlarase que consumidores e empregados manteñan a distancia de seguridade establecida co fin de evitar posibles contaxios.

O horario de peche ao público será ás 23.00 horas. Os establecementos que utilicen a opción de ampliar o seu horario ata a 1.00 horas deberán cumprir os requisitos que se determinan para este caso no número 2 deste punto e nas medidas aprobadas pola consellería competente en materia de sanidade no marco do Plan de hostalaría segura, e sen que se poidan admitir novos clientes a partir das 00.00 horas.

Os establecementos poderán prestar servizos de recollida no local e de consumo a domicilio ou ben servizo de entrega a domicilio ata a 1.00 horas. Neste caso, a permanencia nestes establecementos deberá ser a estritamente necesaria. En todo caso, evitaranse aglomeracións e controlarase que os consumidores e empregados manteñan a distancia de seguridade establecida co fin de evitar posibles contaxios.

d) Nos concellos enumerados na letra D do anexo II da presente orde, os establecementos poderán prestar servizos de recollida no local e de consumo a domicilio, de entrega a domicilio e de terraza co cen por cento da capacidade máxima permitida con base na correspondente licenza municipal ou do que sexa autorizado para este ano, no caso de que a licenza sexa concedida por primeira vez, e tamén de servizo no interior cunha ocupación do setenta e cinco por cento. Só se poderá utilizar a barra para solicitar e recoller consumicións por parte das persoas usuarias, pero non para realizar o consumo nela.

En todo caso, deberá asegurarse que se mantén a debida distancia de seguridade interpersoal entre as mesas ou, de ser o caso, as agrupacións de mesas, e a ocupación máxima será de seis persoas no interior e dez persoas na terraza, por mesa ou agrupación de mesas.

O horario de peche ao público será ás 23.00 horas. Os establecementos que utilicen a opción de ampliar o seu horario ata a 1.00 horas deberán cumprir os requisitos que se determinan para este caso no número 2 deste punto e nas medidas aprobadas pola consellería competente en materia de sanidade no marco do Plan de hostalaría segura, e sen que se poidan admitir novos clientes a partir das 00.00 horas.

Os establecementos poderán prestar servizos de recollida no local e de consumo a domicilio ou ben servizo de entrega a domicilio ata a 1.00 horas. Neste caso, a permanencia nestes establecementos deberá ser a estritamente necesaria. En todo caso, evitaranse aglomeracións e controlarase que consumidores e empregados manteñan a distancia de seguridade establecida co fin de evitar posibles contaxios.»

Cuarto. Modificación dos números 1 e 2 da epígrafe III.2.1 do punto 4.1 do anexo I da Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia

Modifícanse os números 1 e 2 da epígrafe III.2.1 do punto 4.1 do anexo I da Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que quedan redactados como segue:

«1. Nos concellos enumerados na letra A do anexo II, os establecementos de xogos colectivos de diñeiro e de azar, salóns de xogo, salas de bingo, salóns recreativos, rifas e tómbolas, locais específicos de apostas e outros locais e instalacións asimilables aos de actividade recreativa de xogos e apostas, conforme estableza a normativa sectorial en materia de xogo, estarán pechados temporalmente.

2. Nos concellos enumerados nas letras B, C e D do anexo II, os establecementos de xogos colectivos de diñeiro e de azar, salóns de xogo, salas de bingo, salóns recreativos, rifas e tómbolas, locais específicos de apostas e outros locais e instalacións asimilables aos de actividade recreativa de xogos e apostas, conforme estableza a normativa sectorial en materia de xogo, poderán realizar a súa actividade. Nos concellos enumerados na letra B do anexo II non se poderá superar o 30 % da súa capacidade permitida. Nos concellos enumerados na letra C do anexo II non poderán superar o cincuenta por cento da súa capacidade permitida. Nos concellos enumerados na letra D do anexo II non poderán superar o setenta e cinco por cento da súa capacidade permitida».

Quinto. Regulación transitoria dos establecementos de lecer nocturno

1. Durante o período a que se estenda a eficacia desta regulación, de acordo co establecido no número 1 do punto sétimo desta orde, e en substitución das capacidades máximas permitidas no número 1 do epígrafe III.2.7 do punto 4.1 do anexo I da Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, e en substitución das capacidades máximas establecidas no número 4.3.2 do anexo da Orde do 1 de xullo de 2021 pola que se aproba o Protocolo para a reactivación do lecer nocturno no marco da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, os establecementos de lecer nocturno situados nos concellos enumerados nas letras A e B do anexo II da dita orde poderán prestar servizos de terraza co setenta e cinco por cento da capacidade máxima permitida.

2. Durante o período a que se estenda a eficacia desta regulación, de acordo co establecido no número 1 do punto sétimo desta orde, e en substitución das capacidades máximas permitidas na letra a) do número 2 da epígrafe III.2.7 do punto 4.1 do anexo I da Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, e en substitución das capacidades máximas establecidas no número 4.3.2 do anexo da Orde do 1 de xullo de 2021 pola que se aproba o Protocolo para a reactivación do lecer nocturno no marco da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, os establecementos de lecer nocturno situados nos concellos enumerados na letra C do anexo II da dita orde poderán prestar servizos de terraza co setenta e cinco por cento da capacidade máxima permitida. Os establecementos situados nos concellos enumerados na letras D do anexo II poderán prestar servizos de terraza co cen por cento da capacidade máxima permitida. En ambos os casos, para o servizo no interior a ocupación máxima será do cincuenta por cento da capacidade máxima permitida.

Sexto. Suprímese a letra j) do número 2 da epígrafe III.2.7 do punto 4.1 do anexo I da Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia

Sétimo. Modificación do número 2 do punto 3.10 do anexo I da Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia

Modifícase o número 2 do punto 3.10 (hoteis, albergues, aloxamentos turísticos) do anexo I da Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como segue:

«2.Os albergues poderán manter a ocupación máxima das prazas dos espazos de aloxamento de uso compartido sempre que os peregrinos realicen o Camiño en todas as súas etapas no territorio galego nun mesmo grupo «burbulla» ou de convivencia estable. Para estes efectos, fomentarase a constitución destes grupos de convivencia estable para a realización do Camiño e o aloxamento compartido na rede pública e privada de albergues de Galicia. Para a acreditación da constitución dos grupos de convivencia estable para o aloxamento compartido admitirase a declaración responsable por parte dos membros do grupo, sen que, unha vez feita, poidan admitirse novos membros.

Cando o aloxamento compartido non sexa dun grupo de convivencia estable, a ocupación máxima das prazas nos espazos de aloxamento compartido será do 50 %».

Oitavo. Modifícase o anexo II da Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado segundo o anexo desta orde

Noveno. Modificación do anexo da Orde do 19 de agosto de 2021 pola que se prorroga e se modifica o anexo da Orde do 21 de xullo de 2021 pola que se establecen medidas cualificadas de prevención para facer fronte á evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e que precisan de autorización xudicial para a súa eficacia

Modifícase o anexo da Orde do 19 de agosto de 2021, pola que se prorroga e se modifica o anexo da Orde do 21 de xullo de 2021 pola que se establecen medidas cualificadas de prevención para facer fronte á evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e que precisan de autorización xudicial para a súa eficacia, no sentido de excluír A Coruña e Vigo do nivel alto de restricións e incluílas no nivel medio.

Décimo. Eficacia

1. As medidas previstas nesta orde terán efectos desde as 00.00 horas do día 21 de agosto.

2. A eficacia da regulación transitoria e provisional, substitutiva da medida de prevención consistente na exixencia da exhibición de documentación para o acceso a determinados establecementos, recollida nos puntos segundo, terceiro, cuarto, quinto e sexto, estenderase ata o momento en que se publique a orde que levante a suspensión da indicada medida de prevención, unha vez que sexa autorizada xudicialmente, de ser o caso. No caso de non ser autorizada xudicialmente, a eficacia desta regulación transitoria e provisional manterase ata súa substitución polas correspondentes medidas de prevención que estableza a Consellería de Sanidade.

3. No caso das celebracións e eventos en establecementos de restauración para os días 21 e 22 de agosto que xa estivesen concertados antes do día 20 de agosto, non serán aplicables as limitacións que sexan consecuencia da elevación do nivel de restrición, ben que estas celebracións e eventos deberán ser comunicados polos titulares dos establecementos á correspondente xefatura territorial da Consellería de Sanidade para que se poidan adoptar as medidas ou efectuar as recomendacións pertinentes.

4. En cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, as medidas previstas nesta orde serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Como consecuencia deste seguimento e avaliación, as medidas poderán ser prorrogadas, modificadas ou levantadas por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Santiago de Compostela, 20 de agosto de 2021

Julio García Comesaña

Conselleiro de Sanidade

ANEXO

«ANEXO II

A) Concellos con nivel de restrición máxima:

B) Concellos con nivel de restrición alta:

Arbo

Ares

Arteixo

Barco de Valdeorras (O)

Betanzos

Bueu

Cabana de Bergantiños

Cabanas

Camariñas

Cañiza (A)

Cee

Fisterra

Grove (O)

Laxe

Malpica de Bergantiños

Meis

Miño

Muxía

Neves (As)

Nigrán

Ponteareas

Ponte Caldelas

Pontedeume

Rábade

Redondela

Rúa (A)

Rosal (O)

Sada

Tomiño

Tui

Vimianzo

C) Concellos con nivel de restrición media:

Abegondo

Allariz

Ames

Avión

Baiona

Barreiros

Boiro

Caldas de Reis

Cambre

Cangas

Cambados

Carballiño (O)

Carballo

Cariño

Carral

Catoira

Cerceda

Chantada

Coirós

Coles

Corcubión

Coristanco

Coruña (A)

Culleredo

Curtis

Fene

Ferrol

Gondomar

Guarda (A)

Illa de Arousa (A)

Lama (A)

Laracha (A)

Lugo

Marín

Moaña

Mondariz

Mondoñedo

Monforte de Lemos

Monterroso

Mos

Narón

Neda

Oleiros

Ourense

Outeiro de Rei

Oza-Cesuras

Padrón

Pazos de Borbén

Poio

Ponteceso

Pontevedra

Porriño (O)

Portas

Rianxo

Ribadeo

Ribeira

Salceda de Caselas

Salvaterra de Miño

Santa Comba

Santiago de Compostela

Sanxenxo

Sarria

Silleda

Soutomaior

Touro

Trazo

Veiga (A)

Verín

Vigo

Vilanova de Arousa

Viveiro

Xinzo de Limia

Zas

D) Concellos con nivel de restrición media-baixa:

Abadín

Agolada

Alfoz

Amoeiro

Antas de Ulla

Aranga

Arnoia (A)

Arzúa

Baleira

Baltar

Bande

Baña (A)

Baños de Molgas

Baralla

Barbadás

Barro

Beade

Beariz

Becerreá

Begonte

Bergondo

Blancos (Os)

Boborás

Bola (A)

Bolo (O)

Boqueixón

Bóveda

Boimorto

Brión

Burela

Calvos de Randín

Campo Lameiro

Capela (A)

Carballeda de Avia

Carballeda de Valdeorras

Carballedo

Carnota

Cartelle

Castrelo de Miño

Castrelo do Val

Castro Caldelas

Castro de Rei

Castroverde

Cedeira

Celanova

Cenlle

Cerdedo-Cotobade

Cerdido

Cervantes

Cervo

Chandrexa de Queixa

Corgo (O)

Cortegada

Cospeito

Covelo

Crecente

Cualedro

Cuntis

Dodro

Dozón

Dumbría

Entrimo

Esgos

Estrada (A)

Folgoso do Courel

Fonsagrada (A)

Forcarei

Fornelos de Montes

Foz

Frades

Friol

Gomesende

Gudiña (A)

Guitiriz

Guntín

Incio (O)

Irixo (O)

Irixoa

Lalín

Láncara

Larouco

Laza

Leiro

Lobeira

Lobios

Lourenzá

Lousame

Maceda

Manzaneda

Mañón

Maside

Mazaricos

Meaño

Meira

Melide

Melón

Merca (A)

Mesía

Mezquita (A)

Moeche

Mondariz-Balneario

Monfero

Montederramo

Monterrei

Moraña

Mugardos

Muíños

Muras

Muros

Navia de Suarna

Negreira

Negueira de Muñiz

Nogais (As)

Nogueira de Ramuín

Noia

Oia

Oímbra

Ordes

Oroso

Ortigueira

Ourol

Outes

Paderne

Paderne de Allariz

Padrenda

Palas de Rei

Pantón

Parada de Sil

Paradela

Páramo (O)

Pastoriza (A)

Pedrafita do Cebreiro

Pereiro de Aguiar (O)

Peroxa (A)

Petín

Pino (O)

Piñor

Pobra de Trives (A)

Pobra do Brollón (A)

Pobra do Caramiñal (A)

Pol

Pontecesures

Pontedeva

Pontenova (A)

Pontes de García Rodríguez (As)

Porqueira

Porto do Son

Portomarín

Punxín

Quintela de Leirado

Quiroga

Rairiz de Veiga

Ramirás

Ribadavia

Ribadumia

Ribas de Sil

Ribeira de Piquín

Riós

Riotorto

Rodeiro

Rois

Rubiá

Samos

San Amaro

San Cibrao das Viñas

San Cristovo de Cea

Sandiás

San Sadurniño

Santiso

San Xoán de Río

Sarreaus

Saviñao (O)

Sober

Sobrado

Somozas (As)

Taboada

Taboadela

Teixeira (A)

Teo

Toén

Toques

Tordoia

Trabada

Trasmiras

Triacastela

Valadouro (O)

Val do Dubra

Valdoviño

Valga

Vedra

Verea

Viana do Bolo

Vicedo (O)

Vilaboa

Vila de Cruces

Vilalba

Vilamarín

Vilamartín de Valdeorras

Vilanova de Arousa

Vilar de Barrio

Vilar de Santos

Vilardevós

Vilariño de Conso

Vilarmaior

Vilasantar

Xermade

Xove

Xunqueira de Ambía

Xunqueira de Espadanedo»

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia