lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Decreto 66/2021, do 15 de abril, polo que se modifica o Decreto 173/2011, do 4 de agosto, polo que se aproba o Estatuto da Axencia Galega de Infraestruturas.

Publicado en: DOG 77 26/04/2021

Departamento: Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

Estado: En vigor

PDF

A Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, na súa disposición adicional cuarta, outorgou autorización ao Consello da Xunta de Galicia para a creación da Axencia Galega de Infraestruturas, adscrita á consellería competente en materia de infraestruturas. A entidade, que asumirá as competencias atribuídas á Dirección Xeral de Infraestruturas e aos servizos de infraestruturas das xefaturas territoriais, terá como obxectivos básicos impulsar, coordinar e xestionar a política autonómica en materia de estradas e, en especial, a planificación, proxección, construción, conservación e explotación das estradas que sexan competencia da nosa comunidade autónoma, e os servizos que se poidan instalar ou desenvolver nas ditas infraestruturas; e, tamén, garantir o uso e defensa do patrimonio viario.

Mediante o Decreto 173/2011, do 4 de agosto, polo que se aproba o Estatuto da Axencia Galega de Infraestruturas, desenvolveuse a citada disposición adicional e deuse cumprimento ao previsto no artigo 54.5 da devandita lei, regulando os aspectos referidos á organización e funcionamento da Axencia, a súa estrutura, o réxime do seu persoal, o seu réxime económico-financeiro e o seu réxime patrimonial e de contratación.

A presente modificación ten por obxecto levar a cabo unha reorganización da estrutura orgánica da Axencia, mediante a creación dunha Área de Planificación, Innovación e Seguridade Viaria e dun Servizo de Proxectos de Edificación, dependente da Área de Deseño de Infraestruturas. Así mesmo, modifícase a denominación e dependencia dalgúns servizos co fin de dar maior coherencia e homoxeneidade ao seu funcionamento.

Na súa virtude, por proposta da persoa titular da consellería competente en materia de infraestruturas, logo do informe favorable das consellerías competentes en materia de administracións públicas e de facenda, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día quince de abril de dous mil vinte e un,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 173/2011, do 4 de agosto, polo que se aproba o Estatuto da Axencia Galega de Infraestruturas

A sección 3ª do capítulo II do anexo do Decreto 173/2011, do 4 de agosto, polo que se aproba o Estatuto da Axencia Galega de Infraestruturas, queda redactada da seguinte maneira:

«Sección 3ª. Estrutura administrativa

Artigo 14. Estrutura administrativa básica

1. A Axencia Galega de Infraestruturas estrutúrase nas seguintes áreas, que terán nivel orgánico de subdirección xeral:

a) Área de Contratación e Administración.

b) Área de Planificación, Innovación e Seguridade Viaria.

c) Área de Deseño de Infraestruturas.

d) Área de Construción e Conservación.

2. Adscrita organicamente á Dirección da Axencia existirá, con nivel de subdirección xeral, a Asesoría Xurídica da Axencia Galega de Infraestruturas, que dependerá funcionalmente da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia.

Someteranse ao informe previo da Asesoría Xurídica da Axencia Galega de Infraestruturas os seguintes actos:

a) A aprobación dos pregos de cláusulas administrativas particulares aplicables aos contratos que celebre a Axencia.

b) A sinatura dos convenios de cooperación con entes públicos e de colaboración con particulares no marco das competencias atribuídas á Axencia, así como das súas modificacións.

c) A aprobación das propostas de modificación dos contratos que celebre a Axencia.

d) A adxudicación dos contratos de obras complementarias que se celebren co adxudicatario da obra principal mediante o procedemento negociado sen publicidade.

e) En xeral, aqueloutros actos en que o informe da Asesoría Xurídica sexa exixido por unha norma de rango legal ou regulamentario e os que a persoa titular da Dirección da Axencia considere oportuno someter ao seu informe.

3. A estrutura territorial da Axencia Galega de Infraestruturas está constituída polos seus servizos de ámbito provincial, que dependerán funcional e organicamente da súa dirección, e teñen encomendada a xestión das competencias da Axencia no seu respectivo ámbito territorial, de acordo coas instrucións e directrices emitidas pola Dirección e o resto de órganos directivos, no ámbito das súas respectivas competencias.

Artigo 15. Área de Contratación e Administración

1. A Área de Contratación e Administración exercerá as seguintes funcións:

a) A xestión económica e contable da execución orzamentaria realizada pola Axencia e o control dos seus orzamentos.

b) A tramitación, o seguimento e o control dos expedientes de contratación administrativa da Axencia.

c) En xeral, prestar asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Dirección da Axencia.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións, a Área de Contratación e Administración contará cos seguintes servizos:

a) Servizo de Xestión Económica, ao cal lle corresponden as seguintes funcións:

1º. A elaboración do anteproxecto de orzamentos da Axencia, en coordinación co resto de servizos, así como a tramitación das correspondentes modificacións orzamentarias.

2º. A execución, xestión, contabilidade e control dos orzamentos da Axencia.

3º. A xestión dos expedientes relativos ao financiamento con fondos comunitarios e outros fondos finalistas en coordinación coa consellería da Xunta de Galicia competente en materia de facenda.

4º. A orde de transferencia dos pagamentos asociados aos capítulos dos orzamentos da Axencia.

5º. A xestión dos ingresos da Axencia e da súa tesouraría.

6º. En xeral, prestar asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia polas persoas titulares da Dirección da Axencia ou da Área de Contratación e Administración.

b) Servizo de Contratación, ao cal lle corresponden as seguintes funcións:

1º. A elaboración de pregos de cláusulas administrativas particulares en materia de contratación pública, agás os relativos aos contratos de concesións públicas.

2º. A xestión dos expedientes de contratación administrativa da Axencia.

3º. O seguimento e control dos contratos en coordinación co resto das Áreas da Axencia.

4º. A proposta de resolución de recursos en materia contractual.

5º. En xeral, prestar asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia polas persoas titulares da Dirección da Axencia ou da Área de Contratación e Administración.

Artigo 16. Área de Planificación, Innovación e Seguridade Viaria

1. A Área de Planificación, Innovación e Seguridade Viaria exercerá as seguintes funcións:

a) A elaboración, seguimento, control, supervisión e proposta de aprobación técnica dos plans en materia de estradas, entendendo como tales o Plan director de estradas de Galicia, o catálogo de estradas e o inventario de travesías da Rede autonómica de estradas de Galicia, así como a xestión e proposta de resolución, se é o caso, dos seus expedientes de información pública e de informe das administracións afectadas.

b) A elaboración de informes e, se for o caso, participación na elaboración e seguimento, dos diferentes instrumentos de planificación sectorial e/ou estratéxica que afecten a Rede autonómica de estradas de Galicia.

c) A tramitación dos procedementos de transferencia de titularidade de estradas.

d) A elaboración de informes sobre redución excepcional das distancias fixadas con carácter xeral para a liña límite de edificación, cando se vexan implicadas estradas que son obxecto da lexislación autonómica en materia de estradas.

e) A xestión, control e tramitación administrativa dos convenios de colaboración e protocolos con outras administracións e entidades públicas ou privadas así como calquera outro instrumento previsto no artigo 10 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico.

f) A xestión e inventario do patrimonio da Axencia e do adscrito a ela.

g) A xestión, coordinación, control e seguimento das actividades de planificación, innovación, explotación e seguridade viaria, incluíndo os procedementos de compra pública innovadora, en materia de estradas.

h) O seguimento e control das actividades de preparación dos pregos de prescricións técnicas dos contratos en materia de planificación, innovación, explotación e seguridade viaria de estradas.

i) A elaboración das propostas de desenvolvemento normativo da lexislación de estradas de Galicia.

j) A coordinación dos asuntos relativos á publicidade e transparencia no ámbito da Administración pública, a coordinación e apoio nesta materia ás secretarías e direccións xerais e organismos e entidades dependentes da consellería no exercicio das súas competencias e a actuación como responsable de transparencia da Axencia.

k) A proposta de aprobación de instrucións técnicas relativas á planificación, innovación, explotación e seguridade viaria en materia de estradas.

l) En xeral, prestar asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Dirección da Axencia.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións, a Área de Planificación, Innovación e Seguridade Viaria contará cos seguintes servizos:

a) Servizo de Planificación e Innovación, ao cal lle corresponden as seguintes funcións:

1º. En relación cos plans en materia de estradas que forman parte das funcións da Área de Planificación, Innovación e Seguridade Viaria, o control técnico da súa elaboración, o seguimento e a coordinación técnica e administrativa da súa tramitación e a xestión dos contratos para a súa redacción.

2º. A tramitación dos expedientes de información pública e de informe das administracións afectadas dos plans e estudos en materias de estradas.

3º. A elaboración de informes nos procedementos de aprobación, modificación ou revisión dos instrumentos de ordenación do territorio e dos instrumentos de ordenación urbanística que afecten directamente a Rede autonómica de estradas de Galicia.

4º. A elaboración de informes solicitados por outros departamentos da administración sobre estudos e plans sectoriais e/ou estratéxicos que afecten a Rede autonómica de estradas de Galicia e, se for o caso, a participación na súa elaboración e seguimento.

5º. A elaboración de informes sobre transferencias de estradas ou treitos delas que formen parte da Rede autonómica de estradas de Galicia ou das redes de estradas das entidades locais ou que pasen a formar parte dalgunha delas.

6º. A elaboración de informes sobre expedientes de redución excepcional das distancias fixadas con carácter xeral para a liña límite de edificación na lexislación autonómica en materia de estradas, nas estradas que son obxecto daquela.

7º. O impulso e seguimento das actividades de innovación e dixitalización en materia de estradas.

8º. A coordinación co resto de servizos da Axencia nos asuntos relativos á innovación e dixitalización en materia de estradas.

9º. A proposta e participación no estudo e desenvolvemento de novas técnicas en materia de innovación e dixitalización de estradas.

10º. A preparación de propostas de instrucións técnicas relativas á elaboración dos plans en materia de estradas que formen parte das funcións da Área de Planificación, Innovación e Seguridade Viaria e á innovación e á dixitalización en materia de estradas.

11º. A elaboración dos pregos de prescricións técnicas dos plans en materia de estradas que formen parte das funcións da Área de Planificación, Innovación e Seguridade Viaria, e dos contratos en materia de innovación e dixitalización de estradas.

12º. En xeral, prestar asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia polas persoas titulares da Dirección da Axencia ou da Área de Planificación, Innovación e Seguridade Viaria.

b) Servizo de Explotación e Seguridade Viaria, ao cal lle corresponden as seguintes funcións:

1º. A xestión e explotación dos datos de tráfico e accidentalidade da Rede autonómica de estradas de Galicia e o seguimento dos estudos e informes en materia de seguridade viaria.

2º. O seguimento do Plan de seguridade viaria levado a cabo pola Administración autonómica.

3º. A coordinación, seguimento e control das accións e campañas relacionadas coa seguridade viaria.

4º. A coordinación con outras administracións e organismos con competencias propias no ámbito da seguridade viaria.

5º. O inventario dos elementos da Rede autonómica de estradas de Galicia.

6º. A coordinación cos servizos provinciais da Axencia nos asuntos relativos á explotación de estradas.

7º. A coordinación da explotación dos sistemas intelixentes de transportes que se instalen na Rede autonómica de estradas de Galicia.

8º. A proposta e participación no estudo e desenvolvemento de novas técnicas en materia de explotación de estradas e seguridade viaria.

9º. A preparación de propostas de instrucións técnicas relativas á explotación de estradas e ao mantemento da súa seguridade viaria.

10º. A elaboración dos pregos e proxectos relativos á explotación e a coordinación co Servizo de Proxectos, pertencente á Area de Deseño de Infraestruturas, para a elaboración dos pregos e proxectos relativos á seguridade viaria das estradas.

11º. En xeral, prestar asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia polas persoas titulares da Dirección da Axencia ou da Área de Planificación, Innovación e Seguridade Viaria.

c) Servizo de Apoio Administrativo, ao cal lle corresponden as seguintes funcións:

1º. A xestión, control e tramitación administrativa dos convenios de colaboración e protocolos con outras administracións e entidades públicas ou privadas no marco das competencias da Axencia.

2º. A tramitación dos procedementos de transferencia de titularidade de estradas.

3º. A xestión patrimonial e inventario dos bens e dereitos pertencentes á Axencia e dos adscritos a ela.

4º. A elaboración dos informes requiridos polos órganos estatutarios ou constitucionais no ámbito das funcións da Axencia e seguimento de acordos parlamentarios, así como a xestión das solicitudes de información realizadas pola cidadanía.

5º. A tramitación das solicitudes de acceso á información pública e o apoio nesta materia ás secretarías e direccións xerais e organismos e entidades dependentes da consellería no exercicio das súas competencias en cuestións de transparencia.

6º. A xestión das obrigas de publicidade activa, de transparencia da actividade administrativa e bo goberno da consellería e a coordinación coas actuacións nesta materia das secretarías e direccións xerais e organismos e entidades dependentes da consellería.

7º. O impulso das medidas de coordinación da actividade administrativa das distintas unidades da Axencia e destas con outros órganos das administracións públicas.

8º. En xeral, prestar asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia polas persoas titulares da Dirección da Axencia ou da Área de Planificación, Innovación e Seguridade Viaria.

Artigo 16 bis. Área de Deseño de Infraestruturas

1. A Área de Deseño de Infraestruturas exercerá as seguintes funcións:

a) A elaboración, seguimento, control, supervisión e proposta de aprobación técnica dos estudos e proxectos desenvolvidos pola Axencia, incluíndo os plans sectoriais de estradas, e a xestión e proposta de resolución, se é o caso, dos seus expedientes de información pública e de informe das administracións afectadas.

b) As actividades preparatorias e coordinación xeral dos expedientes de expropiación forzosa derivados de proxectos desenvolvidos pola Axencia, no caso de que lle sexan atribuídas.

c) As actividades preparatorias e o inicio dos expedientes de reposición de servizos afectados e de calquera outra autorización sectorial previa que afecte os proxectos desenvolvidos pola Axencia.

d) O seguimento e control das actividades de preparación dos pregos de prescricións técnicas dos contratos en materia de estudos e proxectos desenvolvidos pola Axencia, incluíndo os plans sectoriais de estradas.

e) A proposta de aprobación de instrucións técnicas relativas á redacción e supervisión dos estudos e proxectos que formen parte das funcións da Área de Deseño de Infraestruturas.

f) As funcións equivalentes ás indicadas nas letras anteriores que deriven da colaboración da Axencia con outros órganos superiores e de dirección que integran a Administración xeral da Comunidade Autónoma ou órganos de goberno e executivos das entidades instrumentais do sector público autonómico, a través do procedemento de encomenda de xestión ou calquera outro instrumento previsto no artigo 10 da Lei 14/2013, do 26 de decembro.

g) En xeral, prestar asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Dirección da Axencia.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións, a Área de Deseño de Infraestruturas contará cos seguintes servizos:

a) Servizo de Proxectos de Obra Civil, ao cal lle corresponden as seguintes funcións:

1º. En relación cos estudos e proxectos en materia de estradas que formen parte das funcións da Área de Deseño de Infraestruturas, o control técnico da súa elaboración, o seguimento e a coordinación técnica e administrativa da súa tramitación e a xestión dos contratos para a súa redacción.

En todo caso, os relativos á explotación, seguridade viaria e conservación das estradas controlaranse en coordinación cos servizos con competencias en cada unha das materias.

2º. A tramitación dos expedientes de información pública e de informe das administracións afectadas dos estudos e proxectos en materias de estradas que formen parte das funcións da Área de Deseño de Infraestruturas.

3º. As actividades preparatorias dos expedientes de expropiación forzosa derivados de proxectos en materia de estradas.

4º. As actividades preparatorias e o inicio dos expedientes de reposición de servizos afectados e de calquera outra autorización sectorial previa que afecte os estudos e proxectos de estradas.

5º. A preparación de propostas de instrucións técnicas relativas á elaboración de estudos e proxectos en materia de estradas que formen parte das funcións da Área de Deseño de Infraestruturas.

6º. A elaboración dos pregos de prescricións técnicas dos estudos e proxectos en materia de estradas que formen parte das funcións da Área de Deseño de Infraestruturas.

En todo caso, os relativos á explotación, seguridade viaria e conservación das estradas elaboraranse en coordinación cos servizos con competencias en cada unha das materias.

7º. Velar polo cumprimento dos criterios técnicos en materia de seguridade viaria en todos os estudos e proxectos en materia de estradas, en coordinación co Servizo de Explotación e Seguridade Viaria.

8º. As funcións equivalentes ás indicadas nas letras anteriores que deriven da colaboración da Axencia con outros órganos superiores e de dirección que integran a Administración xeral da Comunidade Autónoma ou órganos de goberno e executivos das entidades instrumentais do sector público autonómico, a través do procedemento de encomenda de xestión ou calquera outro instrumento previsto no artigo 10 da Lei 14/2013, do 26 de decembro.

9º. En xeral, prestar asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia polas persoas titulares da Dirección da Axencia ou da Área de Deseño de Infraestruturas.

b) Servizo de Proxectos de Edificación, ao cal lle corresponden as seguintes funcións:

1º. En relación cos estudos e proxectos en materia de edificación desenvolvidos pola Axencia, o control técnico da súa elaboración, o seguimento e a coordinación técnica e administrativa da súa tramitación e a xestión dos contratos para a súa redacción.

2º. A tramitación dos expedientes de información pública e de informe das administracións afectadas dos estudos e proxectos en materia de edificación desenvolvidos pola Axencia.

3º. As actividades preparatorias dos expedientes de expropiación forzosa derivados de proxectos en materia de edificación desenvolvidos pola Axencia.

4º. As actividades preparatorias e o inicio dos expedientes de reposición de servizos afectados e de calquera outra autorización sectorial previa que afecte os estudos e proxectos en materia de edificación desenvolvidos pola Axencia.

5º. A preparación de propostas de instrucións técnicas relativas á elaboración de estudos e proxectos en materia de edificación desenvolvidos pola Axencia.

6º. A elaboración dos pregos de prescricións técnicas dos estudos e proxectos en materia de edificación desenvolvidos pola Axencia.

7º. As funcións equivalentes ás indicadas nas letras anteriores que deriven da colaboración da Axencia con outros órganos superiores e de dirección que integran a Administración xeral da Comunidade Autónoma ou órganos de goberno e executivos das entidades instrumentais do sector público autonómico, a través do procedemento de encomenda de xestión ou calquera outro instrumento previsto no artigo 10 da Lei 14/2013, do 26 de decembro.

8º. En xeral, prestar asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia polas persoas titulares da Dirección da Axencia ou da Área de Deseño de Infraestruturas.

c) Servizo de Supervisión de Proxectos, ao cal lle corresponden as seguintes funcións:

1º. A supervisión e o informe ou, se for o caso, a coordinación desas funcións, segundo as disposicións de carácter legal ou regulamentario e a normativa técnica aplicable, dos plans, estudos e proxectos desenvolvidos pola Axencia, así como, se é o caso, dos estudos de avaliación ambiental que os acompañen.

2º. A preparación de propostas de instrucións técnicas relativas á supervisión dos estudos e proxectos desenvolvidos pola Axencia.

3º. A elaboración dos pregos de prescricións técnicas en materia de supervisión de proxectos desenvolvidos pola Axencia.

4º. As funcións equivalentes ás indicadas nas letras anteriores que deriven da colaboración da Axencia con outros órganos superiores e de dirección que integran a Administración xeral da Comunidade Autónoma ou órganos de goberno e executivos das entidades instrumentais do sector público autonómico, a través do procedemento de encomenda de xestión ou calquera outro instrumento previsto no artigo 10 da Lei 14/2013, do 26 de decembro.

5º. En xeral, prestar asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia polas persoas titulares da Dirección da Axencia ou da Área de Deseño de Infraestruturas.

Artigo 17. Área de Construción e Conservación

1. A Área de Construción e Conservación exercerá as seguintes funcións:

a) A xestión, coordinación e control da construción de estradas e as súas incidencias.

b) A coordinación cos servizos provinciais da Axencia para a tramitación dos expedientes en materia de expropiación forzosa na fase de obra, no caso de que lle sexan atribuídos.

c) O seguimento e control dos expedientes de reposición de servizos afectados e de calquera outra autorización sectorial que afecte as obras de estradas.

d) A xestión, coordinación e control da construción de obras de edificación e as súas incidencias, agás os relativos á conservación e mantemento destas.

e) O seguimento e control das actividades de preparación de contratos, elaboración de pregos, proxectos, construción e explotación de estradas en réxime de concesión.

f) A tramitación e proposta de resolución dos expedientes de concesións de áreas de servizo.

g) A coordinación, control e seguimento das actividades de conservación e mantemento da vialidade nas estradas de titularidade autonómica.

h) O seguimento e control das actividades de preparación dos pregos de prescricións técnicas dos contratos en materia de construción, conservación e concesións de obras públicas.

i) A proposta de aprobación de instrucións técnicas relativas á construción e conservación de estradas e concesión de obra pública.

j) As funcións equivalentes ás indicadas nas letras anteriores que deriven da colaboración da Axencia con outros órganos superiores e de dirección que integran a Administración xeral da Comunidade Autónoma ou órganos de goberno e executivos das entidades instrumentais do sector público autonómico, a través do procedemento de encomenda de xestión ou calquera outro instrumento previsto no artigo 10 da Lei 14/2013, do 26 de decembro.

k) En xeral, prestar asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Dirección da Axencia.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións, a Área de Construción e Conservación contará cos seguintes servizos:

a) Servizo de Obra Civil, ao cal lle corresponden as seguintes funcións:

1º. O seguimento e control da execución das obras en materia de estradas, agás as executadas segundo contratos de concesión de obra pública.

2º. O seguimento e control dos expedientes de reposición de servizos afectados e de calquera outra autorización sectorial que afecte as obras de estradas.

3º. A proposta e participación no estudo e desenvolvemento de novas técnicas de construción de estradas.

4º. A preparación de propostas de instrucións técnicas relativas á construción de estradas.

5º. A elaboración dos pregos de prescricións técnicas e o seguimento e control da execución dos contratos de servizos complementarios á execución de obras en materia de estradas, agás os das executadas segundo contratos de concesión de obra pública.

6º. A coordinación co Servizo de Proxectos, pertencente á Area de Deseño de Infraestruturas, para a elaboración dos pregos e proxectos relativos á construción das estradas.

7º. As funcións equivalentes ás indicadas nas letras anteriores que deriven da colaboración da Axencia con outros órganos superiores e de dirección que integran a Administración xeral da Comunidade Autónoma ou órganos de goberno e executivos das entidades instrumentais do sector público autonómico, a través do procedemento de encomenda de xestión ou calquera outro instrumento previsto no artigo 10 da Lei 14/2013, do 26 de decembro.

8º. En xeral, prestar asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia polas persoas titulares da Dirección da Axencia ou da Área de Construción e Conservación.

b) Servizo de Obra de Edificación, ao cal lle corresponden as seguintes funcións, en relación coas actuacións de edificación que deriven da colaboración da Axencia con outros órganos superiores e de dirección que integran a Administración xeral da Comunidade Autónoma ou órganos de goberno e executivos das entidades instrumentais do sector público autonómico, a través do procedemento de encomenda de xestión ou calquera outro instrumento previsto no artigo 10 da Lei 14/2013, do 26 de decembro:

1º. O seguimento e control da execución das obras en materia de edificación, agás os relativos á conservación e mantemento destas.

2º. O seguimento e control dos expedientes de reposición de servizos afectados e de calquera outra autorización sectorial que afecte obras de edificación.

3º. A proposta e participación no estudo e desenvolvemento das novas técnicas de construción de edificios.

4º. A elaboración de propostas de instrucións técnicas no ámbito das súas competencias.

5º. A elaboración dos pregos de prescricións técnicas e o seguimento e control da execución dos contratos de servizos complementarios á execución de obras en materia de edificación.

6º. En xeral, prestar asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia polas persoas titulares da Dirección da Axencia ou da Área de Construción e Conservación.

c) Servizo de Concesións de Obra Pública, ao cal lle corresponden as seguintes funcións:

1º. O seguimento e control dos estudos e proxectos que conforman as actuacións preparatorias do contrato de concesión de obra pública.

2º. O seguimento e control dos proxectos redactados no ámbito dos contratos de concesión de obra pública.

3º. A preparación, tramitación e seguimento dos expedientes das concesións das áreas de servizo.

4º. O seguimento e control das obras de construción que formen parte de contratos de concesión de obra pública, así como a revisión da documentación previa ao inicio das obras.

5º. O seguimento e control da explotación, incluíndo a conservación e mantemento das obras públicas en réxime de concesión.

6º. A preparación de propostas de instrucións técnicas relativas á explotación de estradas en réxime de concesión.

7º. A elaboración dos pregos de cláusulas administrativas particulares dos contratos de concesión de obra pública, así como dos de prescricións técnicas destes e dos de servizos relacionados.

8º. En xeral, prestar asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Dirección da Axencia ou da Área de Construción e Conservación.

d) Servizo de Conservación, ao cal lle corresponden as seguintes funcións:

1º. A coordinación, control e seguimento das actividades desenvolvidas polos servizos provinciais da Axencia no relativo á conservación ordinaria e mantemento da vialidade nas estradas que non sexan obxecto de explotación indirecta.

2º. A coordinación das propostas de actuacións en materia de conservación extraordinaria das estradas que non sexan obxecto de explotación indirecta, e o seguimento e control das actividades derivadas.

3º. A proposta e participación no estudo e desenvolvemento de novas técnicas de conservación de estradas.

4º. A preparación de propostas de instrucións técnicas relativas á conservación de estradas.

5º. A elaboración dos pregos de prescricións técnicas dos contratos en materia de conservación e mantemento da vialidade e dos servizos relacionados.

6º. A coordinación co Servizo de Proxectos, pertencente á Área de Deseño de Infraestruturas, para a elaboración dos pregos e proxectos relativos á conservación de estradas.

7º. En xeral, prestar asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia polas persoas titulares da Dirección da Axencia ou da Área de Construción e Conservación.

Artigo 18. Servizos provinciais da Axencia Galega de Infraestruturas

Os servizos provinciais da Axencia Galega de Infraestruturas na Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra exercerán, nos seus respectivos ámbitos territoriais, as seguintes funcións:

a) A colaboración coas xefaturas territoriais da consellería competente en materia de infraestruturas na xestión e administración ordinaria dos asuntos relativos ao persoal daqueles.

b) A vixilancia das actividades realizadas nas estradas autonómicas e nas súas zonas de protección, incluídas as que poidan supoñer infraccións da lexislación sectorial de estradas.

c) A xestión, coordinación e control dos gastos correntes e de capital que se correspondan cos créditos que lle sexan desconcentrados.

d) A explotación, incluíndo as actividades de conservación ordinaria, mantemento e vialidade das estradas da Rede autonómica de estradas de Galicia que non sexan obxecto de explotación indirecta, realizadas con medios propios ou alleos.

e) A tramitación e resolución dos expedientes de autorización e informes preceptivos para todo tipo de obras, instalacións e actividades que afecten terreos comprendidos no dominio público viario e as súas zonas de protección das estradas de titularidade autonómica, agás as concesións de áreas de servizo.

f) A emisión dos informes sobre funcionamento dos servizos públicos para os efectos de determinación da responsabilidade patrimonial, cando estean relacionados coa explotación das estradas autonómicas.

g) A emisión dos informes técnicos necesarios para a instrución dos expedientes sancionadores polas infraccións tipificadas na lexislación autonómica en materia de estradas, dos expedientes de restitución do medio físico en materia de estradas e dos expedientes de responsabilidade patrimonial.

h) A incoación, tramitación e resolución dos expedientes de indemnización por danos e perdas causados ás estradas de titularidade autonómica.

i) A organización dos medios propios de que dispoñen, tanto materiais como humanos, incluíndo os vehículos e maquinaria do parque móbil adscritos.

j) En xeral, prestar asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia e do seu ámbito territorial pola persoa titular da Dirección da Axencia ou das distintas áreas, nos ámbitos das súas respectivas competencias».

Disposición transitoria primeira. Adscrición do persoal ás novas unidades

Cando, como consecuencia da estrutura orgánica que se establece neste decreto, se modifique a denominación ou o contido funcional das áreas ou servizos existentes, autorízase a persoa titular da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, por proposta da Secretaría Xeral Técnica, para adscribir o persoal funcionario que ocupaba o posto existente ao posto equivalente que figura neste decreto. No caso de supresión ou amortización das áreas ou xefaturas de servizo será de aplicación o establecido na normativa vixente en materia de función pública.

Disposición transitoria segunda. Organización respecto de postos de traballo con nivel orgánico inferior ao de servizo en áreas ou servizos suprimidos ou amortizados

As unidades e postos de traballo con nivel orgánico inferior ao de servizo correspondentes ás areas ou servizos suprimidos ou amortizados como consecuencia deste decreto, continuarán subsistentes e retribuiranse con cargo aos mesmos créditos orzamentarios ata que se aprobe a nova relación de postos de traballo adaptada á estrutura orgánica establecida neste decreto. As unidades e os postos de traballo encadrados nos órganos suprimidos adscribiranse provisionalmente, por resolución da persoa titular da Dirección da Axencia, aos órganos establecidos neste decreto en función das atribucións que teñen asignadas.

Disposición derrogatoria única

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposición derradeira única

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, quince de abril de dous mil vinte e un

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle

Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia