lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Orde do 20 de xaneiro de 2000 pola que se fixan as normas xerais de pesca nas augas continentais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Publicado en: DOG 21 01/02/2000

Departamento: Consellería de Medio Ambiente

Estado: Derrogada

PDF

Inclúe a corrección de erros publicada no DOG núm. 39, do 25 de febreiro de 2000.

De acordo co disposto na Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial, e nos artigos 46 e 47 do Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais (Decreto 130/1997, do 14 de maio),

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Períodos hábiles.

Na normativa de cada temporada de pesca fixaranse os períodos hábiles para cada unha das especies pescables.

En todo caso, nas masas de auga que se relacionan nos anexos I e II desta orde, a temporada do reo (Salmo trutta trutta), da troita (Salmo trutta fario) e doutras especies distintas do salmón (Salmo salar) non comezará antes do mes de maio.

Artigo 2º.-Dimensións mínimas.

Modifícase o anexo IV do Regulamento de ordenación de pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais nos seguintes casos:

-Fíxase a dimensión mínima do reo en 30 cm.

-Autorízase a captura da anguía (Anguilla anguilla) en fase de angula ou meixón.

Na normativa de pesca de cada temporada poderanse modifica-las dimensións mínimas de captura das distintas especies en masas de auga concretas.

Artigo 3º.-Cotas de captura.

As cotas de captura por pescador e xornada, con carácter xeral, serán as seguintes:

-Salmón: 1 exemplar.

-Reo: 5 exemplares.

-Troita: 15 exemplares.

-Sábalo e saboga (Alosa spp): 15 exemplares.

Na normativa de pesca de cada temporada poderanse modifica-las cotas de captura en masas de auga concretas.

Nos ríos nos que haxa troita e máis reo, só se poderá capturar un número de pezas igual ó da cota da troita, das que un máximo de 5 exemplares poderán ser reos.

No caso da anguía, solla, muxo e demais especies típicas de esteiros, a cota máxima de capturas por pescador e día será de 5 kg, podendo non computarse o peso dunha peza. Só se permitirá a tenza dunha peza que exceda o peso do tope establecido.

Os salmónidos procedentes de fuxidas accidentais de centros de acuicultura, caso da troita arco da vella (Oncorhynchus mykiss), poderán ser capturados sen límite no tamaño mínimo nin na cota de captura.

Artigo 4º.-Engados autorizados para a captura do salmón.

Con carácter xeral, autorízanse os seguintes engados para a captura do salmón:

-Engados artificiais: mosca artificial, culleriña e peixes artificiais e semellantes.

-Engados naturais: miñoca e quisquilla.

No caso dos engados naturais, deberanse empregar anzois de dimensións maiores ou iguais cás que se sinalan no anexo III desta orde, equivalentes ó número 3/0.

Artigo 5º.-Engados autorizados en masas de auga salmoneiras.

Para a captura de especies piscícolas distintas do salmón nas masas de auga salmoneiras que se relacionan no anexo I desta orde, autorízanse, con carácter xeral, os seguintes engados:

-Engados artificiais: mosca artificial, culleriña dun tamaño máximo de 6,5 cm (medidos entre a argola superior e a curvatura do anzol), peixes artificiais e semellantes, e risco no caso concreto do reo.

A culleriña antes citada e mailos peixes artificiais e semellantes só poderán empregarse con sedela monofilamento cun diámetro menor ou igual a 0,2 mm.

-Engados naturais: mosca natural, saltón, grilo, besbello (larva de odonato) e gusarapa ou bechoco (larva de efemeróptero).

Tódolos engados naturais antes citados unicamente poderán empregarse a floreo (en superficie).

Se algún salmón fose capturado accidentalmente cun engado non autorizado para esta especie, deberá ser devolto inmediatamente á auga.

Artigo 6º.-Engados autorizados en masas de auga non salmoneiras.

Con carácter xeral, autorízanse os seguintes engados en masas de auga non salmoneiras:

-Engados artificiais: mosca artificial, culleriñas e peixes artificiais e semellantes.

-Engados naturais: tódolos engados naturais agás todo tipo de ovas de peixes e o peixe natural vivo, morto ou en anacos.

Así mesmo, na normativa de cada temporada autorizaranse engados específicos para especies distintas dos salmónidos en masas de auga concretas.

Artigo 7º.-Modalidades de pesca.

Como regla xeral, e para tódalas especies, só se autoriza a pesca con cana, sen prexuízo da regulamentación específica da anguía, angula ou meixón, lamprea e cangrexo.

Prohíbese o aparello coñecido como «de ninfa» e calquera outro semellante, lastrado no seu extremo e que arrastre polo fondo.

Artigo 8º.-Pesca a flote.

De conformidade co disposto no artigo 17 do Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais, só se poderá pescar desde embarcacións ou artefactos boiantes naquelas masas de auga expresamente autorizadas nos anexos IV e V desta orde, sen prexuízo das competencias dos organismos responsables da navegación e a flotación nas zonas de desembocadura ou nas masas de auga continentais.

Artigo 9º.-Pesca todo o ano.

As masas de auga nas que se poderá pescar todo o ano serán as que figuran explicitamente autorizadas nos anexos IV e V desta orde, sen prexuízo das vedas que se poidan establecer na normativa de cada temporada.

Artigo 10º.-Canas de pescar e utensilios auxiliares.

De conformidade co disposto no artigo 51 do Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais, para a pesca de salmónidos en tramos de ríos só se permite o emprego dunha cana por pescador e dunha sacadeira ou un lazo como elemento auxiliar.

Para a pesca desde embarcacións só se poderá empregar unha cana por pescador, autorizándose un máximo de tres canas por embarcación, aínda que o número de pescadores sexa maior.

Nas zonas de desembocadura e encoros que se relacionan nos anexos IV e V de esta orde, autorízase o emprego de dúas canas desde a beira e a unha distancia máxima do pescador de tres metros.

Artigo 11º.-Pesca sen morte.

Nos coutos e tramos de pesca sen morte rexerán as seguintes normas:

-Autorízanse unicamente a mosca artificial nas súas distintas modalidades e a culleriña cun só anzol e sen arponciño, quedando prohibido para tódolos efectos o engado natural.

-Tódalas capturas deberán ser devoltas inmediatamente á auga despois da súa extracción.

-Os pescadores non poderán estar en posesión de ningún peixe, aínda que fose pescado noutro tramo.

-Os mércores poderán reservarse os permisos de couto para actividades educativas, solicitadas por entidades interesadas na mellora do medio fluvial. Nestes casos expediranse os permisos gratuitamente, podéndose amplia-lo número máximo de permisos por causas xustificadas.

Corrección de erros. Artigo 11 redactado conforme a corrección de erros publicada no DOG 39, do 25 de febreiro de 2000

Artigo 12º.-Prescricións especiais para os coutos de salmón.

En tódolos salmóns capturados comprobarase a existencia de micromarcas magnéticas na cartilaxe nasal no momento de seren precintados e guiados.

Dado que os salmóns micromarcados proceden das repoboacións efectuadas pola Administración galega ou por outras administracións españolas ou estranxeiras, débese proceder á recuperación de micromarcas mediante a extracción dun fragmento da cartilaxe nasal no que se atope a citada micromarca magnética. Nestes casos, os pescadores deberán presta-la súa colaboración e permiti-la permanencia do salmón no centro de precintaxe o tempo necesario para a recuperación da micromarca magnética, propiedade da administración autora da repoboación.

Artigo 13º.-Réximes especiais.

Apróbanse os réximes especiais para encoros, lagoas e zonas de desembocadura que figuran nos anexos IV e V da presente orde.

Artigo 14º.-Normas de pesca para o cangrexo vermello americano (Procambarus clarkii) e para a angula ou meixón.

Apróbanse as normas de pesca que figuran nos anexos VI e VII da presente orde.

Na normativa de cada temporada fixaranse os períodos hábiles e mailas zonas nas que se autoriza a captura do cangrexo vermello americano e mais da angula ou meixón.

Disposicións adicionais

Primeira.-

Facúltase o director xeral de Montes e Medio Ambiente Natural para dictar cantas normas sexan necesarias para a regulación da pesca nas augas continentais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segunda.-

Facúltase o delegado provincial da Consellería de Medio Ambiente en Pontevedra para dictar cantas normas sexan necesarias para a regulación da pesca da lamprea nos ríos Tea e Ulla.

Disposición derradeira

Única.-

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de xaneiro de 2000.

Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente

ANEXO I

PRINCIPAIS MASAS DE AUGA HABITADAS POR SALMÓN

Na táboa que se inclúe neste anexo figuran os principais tramos fluviais habitados polo salmón.Nos límites superiores inclúense entre parénteses os concellos nos que se atopan os citados límites. Cando non se fixa un límite inferior concreto, entenderase que o tramo chega ata o límite superior da zona de desembocadura.

[táboa]

Corrección de erros. Conforme a corrección de erros publicada no DOG 39, do 25 de febreiro de 2000, na páxina 1287 onde di quot;Ponte romana de Ponte Ledesma (Vila de Cruces e Boqueixón)quot; debe dicir quot;Desembocadura do río Lañas e a súa prolongación imaxinaria á marxe esquerda (Touro e Vila de Cruces)quot;.

ANEXO II

PRINCIPAIS MASAS DE AUGA HABITADAS POLO REO

Na táboa que se inclúe neste anexo figuran os principais tramosfluviais habitados polo reo.

Nos límites de cada tramo inclúense entre parénteses os concellos nos que se atopan os citados límites. Cando non se fixa un límite inferior concreto, entenderase que o tramo chega ata o límite superior da zona de desembocadura. Na columna titulada «km»figuraalonxitudeaproximadadotramoexpresada en quilómetros. Cando a masa de auga inclúe tódolos afluentes existentes no tramo, na columna titulada «Observacións» figura o texto «afluentes»; cando a masa de auga inclúe só o último quilómetro de tódolos afluentes, na mesma columna figura o texto«afluentes1km».

[táboa]

ANEXO III

DIMENSIÓNS MÍNIMAS DO ANZOL PARA A PESCA DE SALMÓN CON CEBO NATURAL

[figura]

ANEXO IV

RÉXIME ESPECIAL DE ENCOROS E LAGOAS

Nas táboas que se inclúen neste anexo relaciónanse e delimítanse os encoros e lagoas sometidos a algún réxime especial de pesca.

Nos encoros nos que non se fixan límites superiores concretos, entenderase que o réxime especial só é aplicable nas augas encoradas e quietas.Anormativa aplicarase a partir do límite superior ou, en defecto deste, a máis de 100 m do punto onde rematan as augas correntes, tanto no curso pirncipal coma en tódolosafluentesquevertanóencoro.Esta distancia aplicarase tanto en ámbalas beiras coma, no caso de pesca desde embarcación, na propia masa de auga.

Nos encoros nos que non se fixa un límite inferior concreto, a normativa aplicarase ata a presa do encoro.

Nos encoros nos que se autoriza a pesca todo o ano, na columna titulada «Características» inclúese o texto «todo o ano», seguido, de se-lo caso, das especies ou grupo de especies as que afecta a autorización fóra do período hábil da troita.

Nos encoros nos que se autoriza a pesca desde embarcacións ou artefactos boiantes, na columna titulada «Características» inclúese o texto «desde embarcación» seguido, de se-lo caso, do tipo de embarcacións ou artefactos autorizados.

Nos encoros nos que se autoriza a ceba das augas con engados vexetais para a captura de ciprínidos, na columna titulada «Características», inclúese o texto «engados vexetais».

[táboa]

Corrección de erros. Conforme a corrección de erros publicada no DOG 39, do 25 de febreiro de 2000, na páxina 1288, no réxime especial de encoros e lagoas da provincia de Lugo, nas características do encoro de Belesar hai que engadi-lo texto quot;engados vexetaisquot;, e nas características do encoro de Montefurado, hai que engadi-lo texto quot;todo o ano, cripínidos e black-bass ou perca negraquot;

ANEXO V

RÉXIME ESPECIAL EN ZONAS DE DESEMBOCADURA

Autorízase a pesca con cana de especies usuais en esteiros (robaliza, muxo, anguía, solla, etc.) durante todo o ano, coa limitación de devolver ás augas inmediatamente as pezas da familia dos salmónidos que sexan capturadas fóra da súa temporada hábil.

Autorízase a pesca desde embarcacións ou artefactos boiantes.

Como cebo poderase utilizar xorra ou becho de mar (Nereis sp), pulga de mar ou miolo de pan. Así mesmo, autorízase a pesca deportiva de cefalópodos conpoteira.

De conformidade co establecido nos anexos do Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais, delimítanse as seguintes zonas de desembocadura:

[táboa]

ANEXO VI

NORMAS DE PESCA PARA O CANGREXO VERMELLO AMERICANO

Na orde que regule cada temporada de pesca estableceranse as zonas e épocas nas que se poderá captura-lo cangrexo vermello americano.

A pesca do cangrexo vermello americano rexerase polas seguintes prescricións:

-Para a práctica da pesca requirirase estar en posesión da licencia de pesca fluvial.

-A única arte autorizada é o retel. Cada pescador só poderá empregar un máximo de 10 reteis.

-Cada pescador non ocupará cos seus reteis máis de 100 m de río ou de beira de encoro.

-Tódalas capturas deberán ser sacrificadas na zona de pesca, para isto, inmediatamente despois da captura de cada animal haberá que quitarlle o apéndice central da cola, de tal xeito que se saque tamén parte do tubo dixestivo do animal.

-En función da evolución da temporada, a Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural, por proposta do Servicio Provincial de Medio Ambiente Natural, poderá limita-lo número de pescadores nunha ou varias zonas de pesca, establecer cotas de captura, modifica-las datas da campaña ou establecer cantas normas complementarias sexan precisas.

ANEXO VII

NORMAS DE PESCA PARA A ANGULA OU MEIXÓN

Na orde que regule cada temporada de pesca estableceranse as zonas e épocas nas que se poderá captura-la angula ou meixón.

A pesca da angula ou meixón rexerase polas seguintes prescricións:

-Para a práctica da pesca requirirase estar en posesión da licencia de pesca fluvial.

-A pesca efectuarase durante as seis horas de subida da marea nocturna, desde o quinto día anterior á lúa nova ata o quinto día posterior, isto é, durante 11 noites consecutivas.

-Só se autoriza a captura desde terra, quedando prohibida para tódolos efectos a pesca desde embarcación.

-A única arte autorizada é o trueiro ou cribo, cun diámetro máximo na boca de 70 cm.

-En función da evolución da tempada, a Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural, por proposta do Servicio Provincial de Medio Ambiente Natural, poderá limita-lo número de pescadores nunha ou varias zonas de pesca, establecer cotas de captura, modifica-las datas de campaña ou establecer cantas normas complementarias sexan precisas para garanti-lo correcto desenvolvemento da temporada de pesca da angula e protexe-lo recurso.

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia