lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Lei 10/2007, do 28 de xuño, de reforma da disposición adicional terceira da Lei 2/2006, do 14 de xuño, de dereito civil de Galicia.

Publicado en: DOG 127 02/07/2007

Departamento: Parlamento de Galicia

Estado: En vigor

PDF

Exposición de motivos

O Pleno do Parlamento de Galicia do día 6 de xuño de 2006 aprobou por unanimidade o ditame da Comisión 1.ª, Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior, relativo á Proposición de lei de dereito civil de Galicia.

A devandita proposición, nacida do traballo conxunto e unitario de todos os grupos parlamentarios, que tiveron en conta as achegas de salientables institucións representantes da cultura e do noso dereito galego, recolleu as principais institucións do dereito civil de Galicia, actualizándoas ao tempo e á realidade da nosa sociedade civil.

Consonte este criterio, e como resultado das diferentes emendas presentadas polos tres grupos parlamentarios da Cámara, introduciuse no texto a disposición adicional terceira, na procura de eliminar no ámbito da lei a discriminación existente entre os matrimonios e as unións análogas á conxugal; porén, non foi intención do lexislador establecer a equiparación ope legis de quen non desexase ser equiparado.

Por iso, queríase preceptuar con claridade no texto a concorrencia necesaria e acumulativa de dous requirimentos para que se puidese introducir a devandita equiparación: por unha banda, que os membros da unión expresasen a súa vontade de equiparación ao matrimonio, e, pola outra, que acreditasen un tempo mínimo de convivencia estable.

Como queira que a redacción da disposición adicional terceira aprobada polo Parlamento de Galicia puidera non reflectir a auténtica vontade do lexislador, formúlase unha proposición de lei de modificación da disposición adicional terceira da Lei 2/2006, do 14 de xuño, de dereito civil de Galicia, apoiada en tres piares básicos do noso ordenamento: o libre desenvolvemento da personalidade, o principio de igualdade ante a lei e a salvagarda da seguridade xurídica.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome de El-Rei a Lei de reforma da disposición adicional terceira da Lei 2/2006, do 14 de xuño, de dereito civil de Galicia.

Artigo único

Dáselle unha nova redacción á disposición adicional terceira da Lei 2/2006, do 14 de xuño, de dereito civil de Galicia, co seguinte texto:

Disposición adicional terceira

1. Para os efectos da aplicación desta lei, equipáranse ao matrimonio as relacións maritais mantidas con intención ou vocación de permanencia, co que se estenden aos membros da parella os dereitos e as obrigas que esta lei lles recoñece aos cónxuxes.

2. Terán a condición de parellas de feito as unións de dúas persoas maiores de idade, capaces, que convivan coa intención ou vocación de permanencia nunha relación de afectividade análoga á conxugal e que a inscriban no Rexistro de Parellas de Feito de Galicia, expresando a súa vontade de equiparar os seus efectos aos do matrimonio.

Non poden constituír parellas de feito:

a) Os parentes en liña recta por consanguinidade ou adopción.

b) Os colaterais por consanguinidade ou adopción ata o terceiro grao.

c) Os que estean ligados por matrimonio ou formen parella de feito debidamente formalizada con outra persoa.

3. Os membros da unión de feito poderán establecer validamente en escritura pública os pactos que consideren convenientes para rexer as súas relacións económicas durante a convivencia e para liquidalas tras a súa extinción, sempre que non sexan contrarios ás leis, limitativos da igualdade de dereitos que corresponden a cada convivente ou gravemente prexudiciais para cada un deles.

Serán nulos os pactos que contraveñan a anterior prohibición.

Disposición derradeira

No prazo dun mes contado desde a publicación desta lei no Diario Oficial de Galicia, a Xunta de Galicia aprobará un decreto mediante o cal se creará e regulará a organización e a xestión do Rexistro de Parellas de Feito de Galicia, que terá carácter constitutivo e no que se inscribirán necesariamente as declaracións formais de constitución de parellas de feito, as modificacións e as extincións, calquera que sexa a súa causa.

Esta lei entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e oito de xuño de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia