lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Orde do 30 de maio de 2013 pola que se regula a xestión, a presentación e o pagamento electrónico da taxa fiscal sobre o xogo realizado a través de máquinas de xogo.

Publicado en: DOG 103 31/05/2013

Departamento: Consellería de Facenda

Estado: Derrogada

PDF

Na Comunidade Autónoma de Galicia, o xogo realizado a través de máquinas vén regulado pola Lei 14/1985, do 23 de outubro, do xogo de Galicia, aprobada polo Parlamento de Galicia en virtude das competencias establecidas no artigo 27.27 do Estatuto de autonomía de Galicia, e está incluído no Catálogo de xogos da Comunidade Autónoma de Galicia aprobado polo Decreto 116/1986, do 4 de xuño. En exercicio da potestade regulamentaria prevista no artigo 22.c) da Lei 14/1985, a Xunta, polo Decreto 39/2008, do 21 de febreiro, aprobou o Regulamento de máquinas recreativas e de azar da Comunidade Autónoma de Galicia.

A organización, celebración ou realización do xogo a través de máquinas de xogo vén gravada pola taxa fiscal sobre o xogo realizado a través de máquinas de xogo, tributo estatal creado polo Real decreto lei 16/1977, do 25 de febreiro, polo que se regulan os aspectos penais, administrativos e fiscais dos xogos de sorte, envite ou azar e apostas.

Polo que respecta á taxa fiscal cómpre sinalar que é un tributo estatal cuxo rendemento está cedido ás comunidades autónomas desde a lei 30/1983, do 28 de decembro, de cesión de tributos do Estado ás comunidades autónomas. Actualmente a norma que rexe a cesión dos tributos estatais ás comunidades autónomas é a Lei 22/2009, do 18 de decembro, pola que se regula o sistema de financiamento das comunidades autónomas de réxime común e cidades con estatuto de autonomía e se modifican determinadas normas tributarias. En virtude das competencias normativas recoñecidas nesta lei, a Comunidade Autónoma de Galicia aprobou mediante o Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado (TRTC), modificado posteriormente polas leis 12/2011, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia, e 2/2013, do 27 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013. Así, en relación á taxa fiscal sobre o xogo realizado mediante máquinas de xogo, as normas legais aplicables na Comunidade Autónoma de Galicia veñen recollidas no Real decreto lei 16/1977, do 25 de febreiro, polo que se regulan os aspectos penais, administrativos e fiscais dos xogos de sorte, envite ou azar e apostas (respecto ao feito impoñible e ao suxeito pasivo) e no TRTC, no que se regulan o resto dos elementos esenciais do tributo e máis os aspectos de liquidación e pagamento da taxa fiscal sobre xogos de sorte, envite ou azar. O artigo 31, no número 5 do seu punto un, establece que a consellaría competente en materia de facenda poderá dispoñer que as declaracións e/ou autoliquidacións do tributo se efectúen mediante os programas informáticos de axuda que, de ser o caso, se aproben e que, así mesmo, poderá dispoñer a obrigatoriedade da súa presentación e o pagamento mediante medios electrónicos.

As normas regulamentarias de aplicación son:

a) O Real decreto 2221/1984, do 12 de decembro, polo que se regula a taxa fiscal que grava a autorización ou a organización ou a celebración de xogos de sorte, envite ou azar, no que non se opoña ao TRTC e

b) As ordes da consellería competente en materia de facenda seguintes:

i. A do 30 de decembro de 2003, pola que se regula a presentación e o pagamento telemático da taxa fiscal sobre o xogo realizado a través de máquinas de xogo, tipo A especial, B ou C e

ii. A do 25 de febreiro de 2011 pola que se regula a xestión e a presentación e o pagamento presenciais da taxa fiscal sobre o xogo realizado a través de máquinas de xogo tipo A especial, B ou C e se modifica a Orde do 30 de decembro de 2003, pola que se regula a presentación e o pagamento telemático da taxa fiscal sobre o xogo realizado a través de máquinas de xogo tipo A especial, B ou C.

Mediante o Decreto 202/2012, do 18 de outubro, creouse a Axencia Tributaria de Galicia e aprobouse o seu estatuto. A Axencia Tributaria de Galicia terá, entre outras, as funcións de aplicación, revisión e exercicio da potestade sancionadora dos tributos estatais cedidos á Comunidade Autónoma de Galicia. De acordo co disposto no artigo 19 do Estatuto, a Axencia Tributaria de Galicia estrutúrase en áreas e departamentos por razón da materia e en función dos distintos ámbitos de actuación, así como en unidades centrais e delegacións, para o efecto da desconcentración das funcións que así o requiran e de acordo co delimitado por orde da consellería competente en materia de facenda e coas instrucións e directrices emitidas pola Dirección. Máis en concreto, os tributos sobre o xogo pasan a ser xestionados de forma centralizada polo Departamento de Tributos de Xestión Centralizada.

Cómpre sinalar que para esta modalidade do tributo a opción de cumprir as obrigas tributarias dos suxeitos pasivos dun xeito electrónico vén establecida desde hai unha década e cómpre remarcar a aceptación que ten e o éxito do seu funcionamento, que permite nunha única transacción a presentación da autoliquidación da taxa de todas as máquinas con autorización vixente á data do devengo de cada ano, o que fai que sexa preciso estender a dita posibilidade ao longo do todo o ano para o cumprimento das obrigas tributarias tamén nos casos de reinicio da explotación, da expedición de novas autorizacións e para o caso dos trocas das máquinas con modificacións nas súas características.

Estes motivos fan necesaria a promulgación dunha nova orde que recolla a normativa, hoxe dividida en dúas ordes, e que desenvolva os procedementos electrónicos para a presentación de autoliquidacións de calquera carácter durante todo o ano.

A presente orde está estruturada en dous títulos, sete disposicións adicionais, unha disposición transitoria, unha disposición derrogatoria, tres disposicións derradeiras e sete anexos. O primeiro título, denominado «disposicións xerais», contén un artigo que regula o obxecto e ámbito de aplicación da orde. O título II, denominado «obrigas tributarias», divídese en seis capítulos: o capítulo I, composto por 4 artigos, regula as disposicións comúns; o capítulo II, composto por 4 artigos, regula os procedementos para o pagamento e presentación da taxa correspondente ás máquinas en explotación no primeiro trimestre natural do ano; o capítulo III, composto por tres artigos, regula os procedementos para o pagamento e presentación da taxa correspondente ás máquinas de nova autorización ou que reinicien a explotación no resto do ano; o capítulo IV, composto por dous artigos, fai o propio para o suposto de troca de máquinas; o capítulo V, cun artigo que regula o suposto de modificación do prezo máximo regulamentario para a partida de máquinas; e o capítulo VI, composto por tres artigos e que contén as especificacións e normas dos xustificantes de pagamento e presentación de declaracións e autoliquidacións.

Pola súa parte, a orde, mediante as súas disposicións derradeiras primeira e segunda, introduce as modificacións necesarias na orde que regula o pagamento da taxa fiscal sobre o xogo realizado en casinos e na orde de recadación.

En virtude do exposto, de acordo coas competencias normativas que o artigo 50 da Lei 22/2009, do 18 de decembro, pola que se regula o sistema de financiamento das comunidades autónomas de réxime común e cidades con estatuto de autonomía e se modifican determinadas normas tributarias, outorga sobre os aspectos de aplicación dos tributos sobre o xogo, de acordo co establecido no artigo 2 da Lei 17/2010, do 16 de xullo, do réxime de cesión de tributos do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia e de fixación do alcance e condicións de dita cesión, e de acordo coa competencia establecida no artigo 31 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo,

DISPOÑO:

TÍTULO I Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

A presente orde ten por obxecto a regulación do cumprimento das obrigas tributarias concernentes á taxa fiscal que grava a autorización, celebración ou organización de xogos de sorte, envite ou azar realizados mediante máquinas de xogo cuxo rendemento corresponda á Comunidade Autónoma de Galicia, e aplicarase a todos os obrigados tributarios da taxa fiscal citada nas súas relacións coa Axencia Tributaria de Galicia.

TÍTULO II Obrigas tributarias

CAPÍTULO I Disposicións comúns.

Artigo 2. Obriga de declaración, presentación e pagamento electrónicos

Os suxeitos pasivos deberán cumprir as obrigas tributarias concernentes á taxa que grava a autorización, celebración ou organización de xogos de sorte, envite ou azar realizados mediante máquinas de xogo a que se refire esta orde, por medios electrónicos. Para isto, deberán empregar as aplicacións informáticas que a Axencia Tributaria de Galicia poña á súa disposición na Oficina Virtual Tributaria (OVT), nas condicións e consonte os procedementos previstos nesta orde.

Artigo 3. Usuarios autorizados

1. Para os efectos do disposto no artigo anterior, as aplicacións informáticas deste tributo poderán ser empregadas polos usuarios que se relacionan a seguir, sempre que sexan previamente autorizados pola Dirección da Axencia Tributaria de Galicia:

a) Os suxeitos pasivos que dispoñan do correspondente certificado de usuario outorgado pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda (FNMT-RCM) para a presentación e pagamento dos seus propios tributos, ou doutras autoridades certificadoras admitidas pola consellería competente en materia de facenda, e que previamente fosen autorizados pola dirección da Axencia Tributaria de Galicia para a presentación e pagamento electrónico destes ingresos.

b) Os membros dos colexios profesionais, as entidades privadas, así como as institucións ou organizacións representativas de sectores ou intereses sociais, laborais, empresariais ou profesionais que subscribisen coa Administración tributaria da Comunidade Autónoma de Galicia o correspondente convenio de colaboración, nos termos acordados neste.

2. Os usuarios anteriores, para poderen empregar as aplicacións informáticas sinaladas, deberán presentar ante a Dirección da Axencia Tributaria de Galicia unha solicitude de autorización xunto cunha ficha de usuario, axustadas aos modelos que contén o anexo I, con anterioridade ao primeiro prazo en que deban cumprir as obrigas tributarias referidas a este tributo. Outorgarase a autorización a todos aqueles que reúnan as condicións establecidas no número anterior.

Artigo 4. Aprobación de modelos en formato electrónico

1. Apróbanse os modelos en formato electrónico que figuran nos anexos II, III e IV desta orde e que se relacionan a seguir, para os efectos da aplicación da taxa fiscal que grava os xogos de sorte, envite ou azar, realizado mediante máquinas de xogo:

Modelo D-046. Modelo de declaración de información de máquinas de xogo.

Modelo 045. Modelo de autoliquidación da taxa fiscal do xogo realizado mediante máquinas de xogo.

Modelo 046. Modelo resumo de autoliquidacións pagadas da taxa fiscal do xogo realizado mediante máquinas de xogo.

Cada un dos modelos 045, 046 e D-046 constará de dous exemplares, un para a Administración e outro para o interesado.

2. Os modelos aprobados no número anterior son de uso obrigatorio na Comunidade Autónoma de Galicia para todos os suxeitos pasivos da taxa fiscal sobre xogos de sorte, envite ou azar devengada por máquinas de xogo suxeitas ao pagamento do devandito tributo.

3. Os prazos en que os suxeitos pasivos deberán cumprir as obrigas tributarias ás cales se refire esta orde respecto aos modelos aprobados neste artigo son os seguintes:

a) Prazo 1: do 1 ao 31 de marzo.

b) Prazo 2: do 1 ao 20 de xuño.

c) Prazo 3: do 1 ao 20 de setembro.

d) Prazo 4: do 1 ao 5 de decembro.

Os prazos anteriores entenderanse prorrogados ata o primeiro día hábil seguinte, no suposto de que o último día do período for día inhábil ou sábado.

Artigo 5. Procedemento para a presentación electrónica da declaración da información de máquinas de xogo

1. Durante o prazo 1 establecido no artigo 4, os suxeitos pasivos deberán presentar electronicamente ante a Axencia Tributaria de Galicia unha declaración en que comunicarán os datos correspondentes ás máquinas de xogo das cales eran titulares en 1 de xaneiro do ano en curso, sinalando a situación administrativa en que se encontran nesa data, tivese sido aprobada administrativamente, ou ben solicitada e pendente de aprobación. Igualmente estarán obrigados a comunicar os datos correspondentes a:

a) Máquinas de nova autorización das cales fosen titulares en 31 de marzo, que fosen autorizadas no primeiro trimestre do ano.

b) Máquinas que en 1 de xaneiro estivesen en situación administrativa de baixa temporal e en 31 de marzo estivesen rehabilitadas ou tivesen presentado as solicitudes correspondentes polo reinicio de explotación.

2. Para cumprir o disposto no número anterior, os suxeitos pasivos empregarán o modelo D-046 que conformarán coa aplicación informática que a Axencia Tributaria de Galicia poña á súa disposición na Oficina Virtual Tributaria.

3. Na Oficina Virtual Tributaria os suxeitos pasivos poderán ou ben cubrir directamente o modelo D-046 cos datos correspondentes ou ben incorporar os datos procedentes dun arquivo que terá as especificacións técnicas e o contido que se detallan no anexo V desta orde, consonte o sinalado no número seguinte.

4. Para realizar a carga dos datos procedentes do arquivo a que se refire o número anterior, os suxeitos pasivos deberán empregar a aplicación de subida de arquivos que se habilitará na Oficina Virtual Tributaria. Unha vez transmitido o arquivo, aparecerá a mensaxe «transferencia completada con éxito». O arquivo poderá ser enviado as veces que sexan necesarias, prevalecendo sempre os datos contidos no último arquivo remitido.

5. Unha vez consignados os datos de xeito directo ou incorporados estes despois da transmisión do arquivo, mostrarase o modelo D-046 debidamente cuberto, que debe ser confirmado polo suxeito pasivo, momento en que se lle asignará un número identificativo do modelo.

6. Unha vez confirmado o modelo D-046, o suxeito pasivo deberá proceder á presentación electrónica, de xeito que transmitirá os datos da declaración coa sinatura electrónica, xerada ao seleccionar o certificado previamente instalado para estes efectos no navegador. Se o presentador é unha persoa ou entidade autorizada para presentar declaracións en representación de terceiras persoas, requirirase unha única sinatura, a correspondente ao seu certificado. A presentación do modelo D-046 producirase de xeito simultáneo á presentación a que se refire o artigo 9 e consonte o disposto nel.

CAPÍTULO II Máquinas en explotación no primeiro trimestre natural do ano

Artigo 6. Procedemento electrónico para a realización electrónica da autoliquidación

1. Os suxeitos pasivos deberán presentar no prazo 1 do artigo 4 unha declaración por cada máquina que tivesen en explotación no primeiro trimestre natural do ano e deberán autoliquidar e ingresar a cota anual legalmente establecida que lles corresponda segundo a tipoloxía e as características da autorización da máquina, xa se trate de máquinas autorizadas en anos anteriores ao de devengo, de máquinas con nova autorización que foran autorizadas no primeiro trimestre do ano, ou de máquinas que en 1 de xaneiro estivesen en situación administrativa de baixa temporal e en 31 de marzo estivesen rehabilitadas ou tivese presentado as solicitudes correspondentes polo reinicio de explotación.

A cota anual que se autoliquidará será a que corresponda ao maior número de xogadores e ao maior prezo de partida que amparase a autorización no período comprendido entre a data do devengo e a da presentación da autoliquidación.

2. Para realizar a confección das autoliquidacións, o suxeito pasivo deberá utilizar os datos facilitados pola propia Administración a través da aplicación informática consonte cos datos incorporados por el no modelo D-046.

Para isto empregarán a aplicación informática que a Axencia Tributaria de Galicia poña á súa disposición na Oficina Virtual Tributaria.

3. Os suxeitos pasivos accederán á Oficina Virtual Tributaria e iniciarán a aplicación informática para a confección das autoliquidacións correspondentes. A aplicación informática mostrará o resumo dos datos das máquinas para as cales pretende pagar o tributo e presentar a autoliquidación correspondente, consonte os datos que previamente incorporou no modelo D-046. Se apreciara algún erro ou precisar facer calquera modificación, deberá realizala na aplicación informática. A aplicación informática recalculará a débeda tributaria e mostrará en pantalla o resumo cos novos datos. O suxeito pasivo, para concluír o proceso, deberá confirmalo.

4. A aplicación informática mostrará dun xeito agregado os datos correspondentes ás máquinas cuxa autoliquidación se pretende presentar, co cálculo da débeda tributaria total correspondente e o importe para ingresar. Confirmados os datos polo suxeito pasivo, xerarase o modelo 046, que virá cuberto só no que respecta aos datos anteriores. Este modelo supón a confección de tantos modelos 045 como máquinas agrupe, cubertos cada un deles no que respecta aos datos correspondentes a cada unha das máquinas. Cada unha das autoliquidacións suporá a liquidación e a obriga de ingreso da cota anual legalmente establecida para o exercicio corrente.

5. No caso de que o suxeito pasivo cumpra os requisitos para exercer a opción polo fraccionamento regulada no artigo seguinte e efectivamente optase polo dito fraccionamento, a aplicación mostrará tamén o exercicio da opción polo fraccionamento, o cálculo do número de pagamentos fraccionados e o seu importe, os datos necesarios para a domiciliación dos importes aprazados e o importe para ingresar correspondente aos primeiros pagamentos fraccionados. Confirmados os datos polo suxeito pasivo, xerarase o modelo 046, que virá cuberto só polo que respecta aos datos anteriores. Este modelo supón a confección de tantos modelos 045 como máquinas agrupe, cubertos cada un deles polo que respecta aos datos correspondentes a cada unha das máquinas. Cada unha das autoliquidacións suporá a liquidación da cota anual legalmente establecida para o exercicio corrente, a obriga de ingreso do primeiro dos pagamentos fraccionados trimestrais e a domiciliación dos pagamentos fraccionados trimestrais restantes.

Artigo 7. Opción polo fraccionamento da débeda en pagamentos trimestrais

1. Os suxeitos pasivos, no momento de formularen a autoliquidación, poderán optar polo fraccionamento do importe que se deba ingresar, en catro pagamentos fraccionados trimestrais iguais, ingresando o primeiro deles cando presenten a autoliquidación e aprazando os outros tres para seren ingresados cada un deles nos prazos 2, 3 e 4 sinalados no artigo 4, respectivamente.

2. A opción polo fraccionamento e aprazamento sinalado no parágrafo anterior non precisará de aportación e/ou constitución de garantía ningunha nin devengará xuros de mora.

3. Serán requisitos para poder exercer a opción anterior para cada unha das máquinas:

– Autoliquidar a cota anual vixente que corresponda.

– Presentar a autoliquidación no prazo regulamentariamente establecido.

– Domiciliar os pagamentos fraccionados aprazados.

4. Os suxeitos pasivos, para exerceren a opción a que se refire o número anterior, deberán marcar o recadro de fraccionamento e a aplicación informática determinará o número de pagamentos fraccionados que se aprazan e o seu importe, debendo consignar o suxeito pasivo os datos necesarios para a súa domiciliación, de acordo coas instrucións que se aproban no anexo desta orde.

5. Serán requisitos necesarios para efectuar a domiciliación os seguintes:

a) Que o obrigado ao pagamento sexa titular da conta en que se domicilie este.

b) Que a entidade financeira en que se domicilien os pagamentos preste o servizo de colaboración na xestión recadatoria de tributos cedidos.

c) Que a conta sexa única para todas as máquinas instaladas na data de devengo no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

A domiciliación efectuada para un exercicio non terá efectos para o exercicio seguinte.

6. Non será posible aprazar ou fraccionar os pagamentos fraccionados trimestrais. A presentación da solicitude non impedirá o inicio do período executivo nin o devengo das recargas correspondentes e os xuros de mora e considerarase incumprimento das obrigas tributarias para todos os efectos.

7. A falta de ingreso de calquera dos pagamentos fraccionados terá os efectos sinalados na normativa xeral tributaria.

Artigo 8. Procedemento electrónico para o pagamento da débeda tributaria

1. Unha vez xerado o modelo 046 consonte o artigo 6 anterior, o suxeito pasivo deberá proceder ao pagamento da débeda tributaria recoñecida nel.

2. A aplicación informática xerará unha única carta de pagamento por modelo 046, correspondente ás débedas tributarias dos modelos 045 que respalde. Para estes efectos a carta de pagamento que xerará a aplicación acumulará todos os importes para ingresar de cada unha das autoliquidacións correspondentes ás máquinas que o suxeito pasivo vaia presentar na Axencia Tributaria de Galicia. O suxeito pasivo deberá realizar o pagamento da cantidade resultante da carta de pagamento de calquera dos xeitos sinalados neste artigo ou ben marcar no propio modelo 046 que vai solicitar o aprazamento ou o fraccionamento da débeda consonte a normativa xeral tributaria. Neste último caso, deberá presentarse ante a Axencia Tributaria de Galicia unha solicitude expresa de aprazamento ou fraccionamento na forma, lugar e prazo e cos requisitos e consecuencias sinaladas na normativa de aplicación e sen que poida entenderse presentada aquela coa presentación electrónica do modelo 046 e as autoliquidacións que respalda.

3. No caso de que o suxeito pasivo optase polo fraccionamento regulado no artigo 7 desta orde, consonte o disposto nel, a aplicación informática xerará, por modelo 046, unha carta de pagamento que acumulará todos os primeiros pagamentos fraccionados dos modelos 045 que respalde e procesará a domiciliación do resto dos pagamentos fraccionados.

4. Os usuarios poderán ingresar a débeda de calquera das formas seguintes:

a) Mediante ingreso presencial da cantidade correspondente en calquera das entidades colaboradoras autorizadas por esta consellería para o cobramento de autoliquidacións presentadas electronicamente. O ingreso formalizarase mediante a carta de pagamento que para estes efectos xerará a aplicación informática e que previamente deberá imprimir o usuario. Unha vez realizado o pagamento, a entidade colaboradora facilitará un número de referencia completo (NRC) identificativo do ingreso realizado que será requirido posteriormente pola aplicación informática para completar a presentación.

b) Mediante pagamento electrónico. O usuario accederá ás aplicacións específicas a través da páxina web da Axencia Tributaria de Galicia e efectuará o pagamento das correspondentes autoliquidacións que ampara a carta de pagamento a que se refire este artigo a través das entidades colaboradoras autorizadas pola consellería competente en materia de facenda para o pagamento electrónico. A entidade efectuará as comprobacións oportunas e aceptará ou rexeitará o cargo. No caso de ser aceptado o cargo, efectuará o aboamento na correspondente conta restrinxida de recadación de tributos e xerará o correspondente NRC.

5. O número de referencia completo (NRC) a que se refire o número anterior é un código xerado informaticamente pola entidade de depósito mediante un sistema criptográfico que permitirá asociar a carta de pagamento correspondente ás autoliquidacións presentadas simultaneamente por un mesmo suxeito pasivo ao pagamento dela derivado. O NRC está composto por 22 posicións co seguinte contido: posicións 01-13, alfanuméricas, corresponden ao número de xustificante da carta de pagamento a que se refire o número 3 deste artigo; posición 14, alfanumérica, corresponde a un carácter de control adicional; posicións 15-22, carácteres de control. As normas técnicas de xeración do NRC figuran no anexo VI a esta orde.

6. A xeración do NRC pola entidade de depósito implicará:

a) Que o recibo en que figura responde a un ingreso realizado na entidade de depósito que o expide.

b) Que o devandito recibo corresponde ás autoliquidacións incorporadas na carta de pagamento a que fai referencia e non a outra.

c) Que a partir do momento de xeración deste, queda a entidade de depósito obrigada fronte á Facenda da Comunidade Autónoma polo importe que figura na devandita carta de pagamento, e o contribuínte, liberado da súa obriga de pagamento fronte á citada Facenda.

7. Unha vez xerado o correspondente NRC, salvo que sexa anulado consonte a normativa tributaria en materia de recadación, non se admitirá a retrocesión do pagamento por parte da entidade de depósito, debendo presentar o suxeito pasivo, de ser o caso, ante a Axencia Tributaria de Galicia, as correspondentes solicitudes de devolución de ingresos indebidos adecuadamente fundamentadas. Pola súa parte, a entidade de depósito deberá realizar o pagamento na conta restrinxida de recadación con carácter previo á xeración do citado NRC.

8. Unha vez realizado o ingreso resultante da carta de pagamento, a entidade colaboradora devolverá ao interesado, debidamente validado, o exemplar correspondente, que servirá como xustificante do ingreso realizado e, de ser o caso, da orde de débeda en conta dos pagamentos domiciliados. Polo que respecta aos pagamentos fraccionados trimestrais aprazados, a entidade financeira colaboradora procederá a cargar o importe de cada carta de pagamento na conta designada para tales efectos polo contribuínte o último día de cada un dos prazos 2, 3 e 4 sinalados no artigo 4, ingresándoo inmediatamente na conta restrinxida para a recadación de tributos que corresponda, entendéndose realizado o pagamento na devandita data, sen que caiba a retrocesión posterior do aboamento efectuado.

Artigo 9. Procedemento electrónico para a presentación electrónica das autoliquidacións

1. Unha vez realizado ou ben o pagamento da débeda total ou marcada no modelo 046 a solicitude de aprazamento, ou ben o pagamento da débeda correspondente aos primeiros pagamentos fraccionados trimestrais e domiciliado o resto, para concluír co proceso, o usuario deberá proceder á presentación do modelo 046 electronicamente, de xeito que transmitirá os datos contidos nel coa sinatura electrónica, xerada ao seleccionar o certificado previamente instalado para estes efectos no navegador ou en tarxeta. Se o presentador é unha persoa ou entidade autorizada para presentar declaracións en representación de terceiras persoas, requirirase unha única sinatura, a correspondente ao seu certificado. A presentación do modelo 046 suporá a presentación dunha autoliquidación por cada unha das máquinas amparadas pola súa correspondente autorización que o suxeito pasivo determinase na aplicación informática e máis a presentación do modelo D-046 empregado para a confección daqueles.

2. Se a presentación electrónica é aceptada, a aplicación devolverá ao usuario en pantalla o modelo 046 debidamente cuberto, co seu número de identificación, cos datos declarados, os modelos 045 coas autoliquidacións de cada débeda tributaria, cos datos correspondentes ao ingreso realizado, de ser o caso, así como o modelo D-046, debidamente cuberto cos datos declarados e validados cada un deles cun código seguro de verificación (CSV) formado por dezaseis caracteres, con indicación da data de presentación. Estes modelos, serviranlle de xustificante da presentación dos números da declaración e das autoliquidacións impresos nel na data sinalada no propio modelo e do seu pagamento, de ser o caso.

No suposto de que a presentación sexa rexeitada, mostrarase en pantalla a descrición dos erros detectados. Neste caso, o usuario deberá proceder a emendalos mediante a aplicación informática. Se o rexeitamento da presentación for orixinado por un motivo non emendable, o usuario deberá repetir a presentación.

3. O usuario deberá conservar a declaración e as autoliquidacións aceptadas e validadas cos correspondentes códigos seguros de verificación.

CAPÍTULO III Máquinas de nova autorización ou que reinicien a explotación no resto do ano

Artigo 10. Procedemento para a presentación electrónica da declaración de información de máquinas de xogo

1. Os suxeitos pasivos deberán presentar electronicamente ante a Axencia Tributaria de Galicia unha declaración en que comunicarán os datos correspondentes ás máquinas de nova autorización ou que na data do 1 de xaneiro se atopasen en situación de baixa temporal e se pretenda dalas novamente de alta, sempre que a data de efectos da autorización ou alta sexa posterior ao 31 de marzo do ano corrente.

2. Os suxeitos pasivos que reinicien a explotación da máquina no segundo ou no terceiro trimestre natural do ano en curso, poderán acollerse ao réxime de reinicio de explotación de tempada, de xeito que manteñan a máquina en explotación como máximo ata a fin do terceiro trimestre. Para poder acollerse a este réxime, deberán cumprirse os seguintes requisitos:

– Que a máquina se atope na situación de suspensión provisional no 30 de setembro do ano anterior.

– Que o suxeito pasivo exerza a opción por este réxime de acordo coas instrucións que se aproban no anexo desta orde.

– Que a autoliquidación sexa presentada en prazo.

3. Para cumprir o disposto nos números anteriores, os suxeitos pasivos empregarán o modelo D-046, que conformarán coa aplicación informática que a Axencia Tributaria de Galicia poña á súa disposición na Oficina Virtual Tributaria e seguirán o procedemento regulado no artigo 5.

4. A declaración presentarana de xeito simultáneo á presentación das autoliquidacións a que se refire o artigo seguinte e consonte co disposto nel.

Artigo 11. Procedemento electrónico para a realización electrónica da autoliquidación, para o seu pagamento e a súa presentación

1. Os suxeitos pasivos, unha vez confeccionada a declaración mediante o modelo D-046, deberán presentar no primeiro dos prazos sinalados no artigo 4 que estivese operativo, unha declaración por cada máquina en explotación de nova autorización ou da cal se reinicie a explotación, e deberán autoliquidar e ingresar a cota anual legalmente establecida que lles corresponda segundo a tipoloxía e as características da autorización da máquina consonte o que se especifica nos números 2 e 3 deste artigo, salvo que se encontrase na situación regulada no artigo seguinte, caso en que, procederá como se sinala nel. Se o último destes prazos tiver expirado, deberá presentarse a declaración a que fai referencia este número, con carácter previo á data de autorización ou alta.

2. A cota anual que deberán autoliquidar os suxeitos pasivos será:

a) O 75 % da cota anual, se a data de efectos de autorización ou alta se produce no segundo trimestre natural do ano.

b) O 50 % da cota anual, se a data de efectos de autorización ou alta se produce no terceiro trimestre natural do ano.

c) O 25 % da cota anual, se a data de efectos de autorización ou alta se produce no cuarto trimestre natural do ano.

A cota anual que se autoliquidará será a que corresponda ao maior número de xogadores e ao maior prezo de partida que amparase a autorización no período comprendido entre a data de efectos e a da presentación da autoliquidación.

3. Cando o suxeito pasivo reinicie a explotación da máquina no segundo ou no terceiro trimestre natural do ano en curso coa intención de explotala como máximo ata a fin do terceiro trimestre, a cota tributaria será:

– O 50 % da cota anual que corresponda segundo a tipoloxía e características da máquina, se o reinicio da explotación ten efectos para o segundo e o terceiro trimestre.

– O 25 % da cota anual que corresponda segundo a tipoloxía e características da máquina, se o reinicio da explotación ten efectos para un só trimestre.

En todos os casos, a cota anual que se autoliquidará será a que corresponda ao maior número de xogadores e ao maior prezo de partida que amparase a autorización no período comprendido entre a data de efectos e a da presentación da autoliquidación.

4. Para realizar a confección das autoliquidacións que correspondan, seguirase o procedemento establecido no artigo 6 desta orde.

5. Os suxeitos pasivos a que se refire o número 2 deste artigo poderán optar no momento de formular a autoliquidación polo fraccionamento trimestral da cota tributaria que se deba ingresar, cos mesmos requisitos, obrigas e formalidades sinalados no artigo 7. O importe do pagamento trimestral será o resultado de dividir a cota tributaria polo número de trimestres naturais que resten do ano, incluíndo o trimestre da data de efectos.

6. Os suxeitos pasivos a que se refire o número 3 deste artigo poderán optar no momento de formular a autoliquidación, se o reinicio da explotación tiver efectos para dous trimestres, polo fraccionamento trimestral e aprazamento a que se refire o artigo 7, cos mesmos requisitos, obrigas e formalidades sinaladas nel, e tendo en conta que o número de pagamentos trimestrais aprazados, de ser o caso, será un.

7. Unha vez xerado o modelo 046 que corresponda, o suxeito pasivo deberá proceder ao pagamento da débeda tributaria recoñecida nel, segundo o procedemento regulado no artigo 8 desta orde. O obrigado tributario deberá ingresar os pagamentos fraccionados corrente e, de ser o caso, o vencido no momento da confección e presentación da autoliquidación, e os subseguintes cargaranse o último día de cada prazo que proceda na conta indicada para a domiciliación, consonte o sinalado no artigo 8 desta orde.

8. Unha vez concluída a fase anterior, o suxeito pasivo deberá proceder á presentación do modelo 046 consonte o procedemento regulado no artigo 9 desta orde.

Artigo 12. Procedemento electrónico para a realización electrónica da autoliquidación, para o seu pagamento e a súa presentación para a prolongación da explotación da máquina no réxime de reinicio de explotación de tempada

Se o suxeito pasivo, unha vez exercida a opción polo réxime de reinicio de explotación de tempada, decide manter a máquina en explotación máis alá da data comprometida, deberá presentar, no primeiro dos prazos do artigo 4 que estea operativo unha declaración complementaria do modelo D-046 e unha complementaria do modelo 045, autoliquidando e ingresando o importe total da diferenza entre a cota anual que proceda e a xa autoliquidada, seguindo para cada procedemento o disposto nos artigos desta orde que correspondan en cada caso.

CAPÍTULO IV Troco de máquinas

Artigo 13. Procedemento para a presentación electrónica dunha declaración complementaria á declaración da información de máquinas de xogo como consecuencia dun troca

1. O suposto de troca de máquinas autorizado non suporá novo devengo da taxa.

2. O suxeito pasivo deberá presentar electronicamente ante a Axencia Tributaria de Galicia unha declaración complementaria mediante o modelo D-046, na cal porá de manifesto a troca da máquina ou máquinas, no caso de que a máquina que viña substituír a trocada teña un número de xogadores ou un prezo de partida diferente aos da máquina substituída. Para isto seguirase o procedemento sinalado no artigo 5 desta orde.

3. A declaración presentarana de xeito simultáneo á presentación da autoliquidación ou autoliquidacións a que se refire o artigo seguinte.

Artigo 14. Procedemento electrónico para a realización electrónica da autoliquidación, para o seu pagamento e a súa presentación

1. No caso de que a máquina que veña substituír a trocada teña un número de xogadores ou un prezo de partida superior aos da máquina substituída, o suxeito pasivo, unha vez confeccionada a declaración complementaria mediante o modelo D-046, deberá presentar no primeiro dos prazos sinalados no artigo 4 que estea operativo unha autoliquidación complementaria da/s que presentase no seu momento e ingresar o importe que corresponda. Se o último destes prazos tiver expirado, deberá presentarse a autoliquidación a que fai referencia este número, con carácter previo á data de autorización da troca.

2. Para cumprir coa obriga anterior o obrigado tributario deberá declarar a cota anual que corresponda segundo o disposto no seguinte parágrafo e, ao mesmo tempo, autoliquidará o importe total da diferenza entre a nova cota anual e a/s autoliquidada/s con anterioridade para esa autorización ao longo do ano en curso.

No suposto de que a data de efectos da autorización da troca corresponda ao segundo, ao terceiro ou ao cuarto trimestre, a cota anual calcularase mediante a suma do 75 %, do 50 % ou do 25 % respectivamente, da cota correspondente ao maior número de xogadores e maior prezo de partida autorizado durante o período que corresponda, e do 25 %, do 50 % ou do 75 % respectivamente, da cota correspondente ao número de xogadores inferior ao anterior e/ou prezo de partida inferior, amparados pola autorización durante o resto do ano.

3. Para realizar a confección da autoliquidación seguirase o procedemento establecido no artigo 6 desta orde.

O obrigado tributario poderá optar, no momento de formular a autoliquidación, polo fraccionamento trimestral da cota tributaria que se deba ingresar, cos mesmos requisitos, obrigas e formalidades sinalados no artigo 7. Neste caso o obrigado tributario calculará o número de pagamentos fraccionados, que serán respectivamente tres, dous ou un, segundo a data de efectos da troca corresponda ao segundo, terceiro e cuarto trimestres. O importe do pagamento trimestral será o resultado de dividir a cota tributaria polo número de trimestres naturais que resten do ano, incluíndo o trimestre da data de efectos.

4. Unha vez xerado o modelo 046 que corresponda, o suxeito pasivo deberá proceder ao pagamento da débeda tributaria recoñecida nel, segundo o procedemento regulado no artigo 8 desta orde. O obrigado tributario deberá ingresar os pagamentos fraccionados corrente e, de ser o caso, o vencido no momento da confección e presentación da/s autoliquidación/s, e os subseguintes cargaranse o último día de cada prazo que proceda na conta indicada para a domiciliación, consonte o sinalado no artigo 8 desta orde.

5. Unha vez concluída a fase anterior, o suxeito pasivo deberá proceder á presentación do modelo 046 consonte o procedemento regulado no artigo 9 desta orde.

CAPÍTULO V Modificación do prezo máximo regulamentario para a partida de máquinas

Artigo 15. Procedemento para a realización electrónica da autoliquidación, para o seu pagamento e a súa presentación

1. Os suxeitos pasivos que teñan máquinas en explotación deberán presentar unha autoliquidación complementaria das que tivesen presentada/s, no caso de modificación regulamentaria do prezo máximo autorizado para a partida, sempre que:

– A autorización que ampara a súa explotación teña data de efectos anterior á data en que entre en vigor a norma pola que se estableza a modificación regulamentaria do prezo máximo autorizado para a partida.

– A máquina amparada pola autorización fose homologada cun prezo inferior ao novo prezo máximo autorizado.

– Tivesen presentado a/s autoliquidación/s correspondente/s ao ano en curso.

2. A cota anual que deberá autoliquidar o suxeito pasivo será o 75 %, o 50 % ou o 25 % da diferenza da cota que corresponda, segundo que a modificación entrase en vigor no segundo, terceiro ou cuarto trimestre natural do ano respectivamente.

3. O prazo para confeccionar a autoliquidación, pagala e presentala será o primeiro dos prazos sinalados no artigo 4 que se abra a partir do día en que entre en vigor a modificación do prezo máximo regulamentario autorizado.

4. Para a confección da autoliquidación, o seu pagamento e a súa presentación seguiranse os procedementos regulados nos artigos 6, 8 e 9 desta orde de acordo coas instrucións que se aproban no anexo desta orde.

CAPÍTULO VI Xustificantes de pagamento e presentación de declaracións e autoliquidacións

Artigo 16. Consulta de declaracións e autoliquidacións na Oficina Virtual Tributaria

1. Os usuarios a que se refire o artigo 3 poderán en calquera momento acceder á Oficina Virtual Tributaria, no seu horario de dispoñibilidade, para cumprir as obrigas tributarias a que se refire esta orde.

2. Os usuarios deberán acceder na sección «Declaración de tributos» á aplicación informática denominada «Aparellos». Unha vez nela, poderán acceder ás diferentes declaracións, segundo a súa tipoloxía, para comezar unha operación ou para continuala. Para estes efectos cada unha das declaracións mostrará o estado de situación en que se encontra.

3. Os estados de situación poden ser:

a) Borrador: é o estado en que se encontra a declaración D-046 cando foi confeccionada e gardada sen ser presentada.

b) Pendente de pagamento e presentación: é o estado en que se encontra o modelo 046 cando for confirmado polo suxeito pasivo mais non foi realizada ningunha das fases posteriores de pagamento nin de presentación.

c) Pendente de pagamento: é o estado en que aparece o modelo 046 confirmado polo suxeito pasivo e a débeda que figura no modelo foi tramitada para o seu pagamento presencial segundo o establecido no artigo 8.4.a) mais o suxeito pasivo non concluíu a transacción de pagamento.

d) Pendente de presentación: é o estado en que aparece o modelo 046 validado polo suxeito pasivo cando a débeda que figura no modelo foi pagada ou foi marcado o recadro de aprazamento, consonte o disposto no artigo 8, mais aínda non foi presentado.

e) Presentado: estado en que aparece o modelo 046 cando o suxeito pasivo validou o modelo, procedeu pagar a débeda tributaria ou a marcar o recadro de aprazamento e presentou electronicamente o modelo ante a Axencia Tributaria de Galicia.

Artigo 17. Xustificantes do pagamento e da presentación de autoliquidacións e xustificantes da presentación de declaracións de forma electrónica

1. Unha vez que o usuario opte polo pagamento de forma presencial na entidade colaboradora das autoliquidacións abranguidas na carta de pagamento xerada pola aplicación, a aplicación informática xerará dúas copias da carta de pagamento a que se refire o artigo 8.4.a) desta orde debidamente cubertas cos datos que o suxeito pasivo facilitou na aplicación informática. Co devandito documento acudirase á entidade colaboradora para a realización do pagamento, a cal quedará co exemplar para a entidade colaboradora e devolverá ao contribuínte o exemplar para o interesado co selo da entidade, data do ingreso, número e importe, así como co NRC. O devandito documento servirá de xustificante de pagamento das autoliquidacións correspondentes ás máquinas que se relacionan no anexo á carta de pagamento.

2. Se o usuario optar polo pagamento electrónico, a aplicación informática, unha vez realizado o pagamento, xerará o «Recibo de cargo en conta», que o contribuínte deberá conservar, no cal se identificará o número da conta que realiza o pagamento, a data do ingreso, o importe, o NIF e o nome do contribuínte, así como o NRC. O devandito documento servirá de xustificante de pagamento do número da carta de pagamento impreso nel.

3. A presentación das declaracións que regula esta orde e a súa data acreditaranse mediante a impresión dos documentos (modelos D-046, 046 e 045) xerados pola aplicación informática nos cales constarán os datos identificativos do suxeito pasivo e das máquinas declaradas, e do suxeito pasivo, da autorización da máquina de xogo correspondente, da liquidación da cota anual vixente e máis do seu ingreso ou, no caso de exercerse a opción polo fraccionamento, do exercicio da opción de fraccionamento e aprazamento, e do ingreso do primeiro pagamento fraccionado e dos datos dos restantes pagamentos fraccionados domiciliados. Ademais xerarase un código interno que permitirá asociar de forma inequívoca as declaracións presentadas electronicamente coas impresas polo contribuínte. Este documento acreditará a presentación das autoliquidacións, así como a súa data.

4. Os xustificantes de pagamento e presentación sinalados nos parágrafos anteriores producirán os efectos liberatorios para coa Facenda da Comunidade Autónoma sinalados no Regulamento xeral de Recadación. Os suxeitos pasivos deberán conservar os xustificantes de pagamento e presentación. No caso de que a autoliquidación non de lugar a ingreso, bastará a xustificación da presentación na forma sinalada no número 3 anterior. No caso de solicitar aprazamento ou fraccionamento, será necesario, ademais, o xustificante da presentación da solicitude de aprazamento ou fraccionamento.

Artigo 18. Distintivo que acredita a confección, pagamento e presentación da autoliquidación

1. Apróbase o modelo de distintivo acreditativo a que se refire a presente orde e que será o que figura no anexo VII.

2. Os distintivos que acreditan a confección, pagamento e presentación das autoliquidacións correspondentes a cada máquina poranse á disposición dos suxeitos pasivos a través da Oficina Virtual Tributaria, desde o momento en que se verificase a presentación de cada unha delas.

3. O distintivo acreditativo deberá adherirse á máquina no prazo dos quince días seguintes á finalización do prazo da presentación da correspondente autoliquidación e deberá permanecer adherido ata a súa substitución por outro novo.

Disposición adicional primeira. Excepcionalidade ao cumprimento das obrigas tributarias de xeito electrónico

De xeito excepcional e cando circunstancias extraordinarias así o aconsellen, logo de petición do interesado debidamente xustificada, a Dirección da Axencia Tributaria de Galicia, valoradas as razóns aducidas polo interesado e a documentación e as probas achegadas por el para xustificar a súa demanda, poderá exceptuar aquel da obrigatoriedade de empregar os medios electrónicos para o cumprimento das obrigas tributarias reguladas nesta orde. A resolución fixará o alcance temporal da excepción e a forma e as condicións en que deberá facer efectivas as obrigas tributarias, sen prexuízo das consecuencias que se deriven de acordo coa normativa tributaria no caso de incumprimentos das normas.

Disposición adicional segunda. Máquinas autorizadas na Comunidade Autónoma de Galicia

1. Os titulares de autorizacións de instalación de máquinas de xogo vixentes á entrada en vigor desta orde deberán cumprir a obriga establecida no artigo 3.2 no prazo de 10 días naturais contados desde a data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. Quedan exceptuados da obriga anterior os usuarios que xa estivesen autorizados para o acceso á OVT na data da entrada en vigor desta orde, por aquelas máquinas de xogo para as cales xa viñesen empregando a OVT para o efecto de cumprir as obrigas tributarias asociadas á explotación de máquinas de xogo nesta comunidade autónoma.

Disposición adicional terceira. Adhesión e autorización de entidades colaboradoras

As entidades de depósito xa autorizadas como colaboradoras na recadación dos tributos xestionados por esta comunidade autónoma e que desexen adherirse ao pagamento electrónico destas autoliquidacións deberán solicitalo á Dirección da Axencia Tributaria de Galicia, que as informará das configuracións técnicas necesarias para a incorporación efectiva á prestación do servizo. A intervención neste servizo requirirá autorización expresa da Dirección da Axencia Tributaria de Galicia.

Disposición adicional cuarta. Conservación de soportes informáticos

No suposto de pagamento electrónico das autoliquidacións referidas á taxa fiscal sobre o xogo realizado a través de máquinas de xogo, a entidade de depósito autorizada, colaboradora na xestión recadatoria, que xerase o correspondente NRC xustificante do pagamento, conservará durante un período de seis anos os soportes informáticos que motivaron o devandito NRC.

Disposición adicional quinta. Confidencialidade e representación

Os profesionais colexiados, así como as entidades, institucións ou organizacións representativas de sectores sociais, laborais, empresariais ou profesionais, no exercicio das súas funcións e nas actuacións previstas nos convenios correspondentes, respectarán as normas establecidas na Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, e na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Os membros dos colexios profesionais, as entidades privadas, así como as institucións ou organizacións representativas de sectores ou intereses sociais, laborais, empresariais ou profesionais aos cales o suxeito pasivo solicitase a colaboración para a presentación electrónica deste tributo deberán posuír a representación nos termos establecidos no artigo 46 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria. A Administración poderá requirir destes, en calquera momento, a acreditación da devandita representación.

A falta de representación suficiente das persoas no nome dos cales se presentase a documentación dará lugar á exixencia das responsabilidades que sexan procedentes.

Disposición adicional sexta. Presentación e pagamento en prazo

A falta de resposta do ordenador da entidade de depósito autorizada, colaboradora na xestión recadatoria, elixida polo interesado para realizar o pagamento electrónico das autoliquidacións recollidas nesta orde, así como a falta de conformidade da devandita entidade con materializar a operación polos motivos que, con ocasión do intento de efectuar o devandito pagamento, poña en coñecemento do citado interesado, non escusarán este do pagamento e presentación da autoliquidación dentro dos prazos establecidos na normativa correspondente a este tributo.

Disposición adicional sétima. Modificación dos anexos desta orde

No ámbito das súas competencias, autorízase a Dirección da Axencia Tributaria para modificar ou actualizar mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia os anexos a esta orde, cando sexa preciso como consecuencia da modificación das normas legais ou regulamentarias ou como consecuencia dos avances tecnolóxicos, os cambios de sistemas ou calquera outra circunstancia que precise a correspondente plasmación nos modelos aprobados ou nas normas ou especificacións técnicas aprobadas polos ditos anexos.

Disposición transitoria única. Especificacións do anexo V para o prazo 2 do ano 2013

O estado X contido nas especificacións técnicas do anexo V desta orde non será de aplicación durante o prazo 2 do artigo 4 desta orde correspondente ao ano en curso. O dito estado terá a correspondente operatividade na OVT ao longo do segundo semestre do ano en curso.

Disposición derrogatoria única

Quedan derrogadas todas as normas de igual ou inferior rango que se opoñan ao disposto nesta orde.

En particular, quedan derrogadas as seguintes normas:

– A Orde da Consellería de Economía e Facenda do 30 de decembro de 2003, pola que se regula a presentación e o pagamento telemático da taxa fiscal sobre o xogo realizado a través de máquinas de xogo tipo A especial, B ou C.

– A Orde da Consellería de Facenda do 25 de febreiro de 2011 pola que se regula a xestión e a presentación e o pagamento presenciais da taxa fiscal sobre o xogo realizado a través de máquinas de xogo tipo A especial, B ou C e se modifica a Orde do 30 de decembro de 2003 pola que se regula a presentación e o pagamento telemático da taxa fiscal sobre o xogo realizado a través de máquinas de xogo tipo A especial, B ou C.

Disposición derradeira primeira. Modificacións da orde do 27 de febreiro de 2009 pola que se regula a presentación e o pagamento telemático da taxa fiscal sobre o xogo realizado en casinos

Introdúcense as seguintes modificacións na Orde do 27 de febreiro de 2009 pola que se regula a presentación e o pagamento telemático da taxa fiscal sobre o xogo realizado en casinos:

Un. A expresión «ante a delegación territorial competente» contida nos puntos 1 e 2 do artigo 4 da orde, queda substituída pola expresión «ante o órgano ou unidade administrativa competente».

Dous. A expresión «a dirección xeral competente en materia de tributos» contida na disposición adicional primeira queda substituída pola expresión «a dirección da Axencia Tributaria de Galicia».

Tres. Modifícase a disposición adicional segunda, que queda redactada como segue:

«Disposición adicional segunda. Adhesión e autorización de entidades colaboradoras

As entidades de depósito xa autorizadas como colaboradoras na recadación dos tributos xestionados por esta comunidade autónoma e que desexen adherirse ao pagamento electrónico destas autoliquidacións deberán solicitalo á Dirección da Axencia Tributaria de Galicia, que as informará das configuracións técnicas necesarias para a incorporación efectiva á prestación do servizo. A intervención neste servizo requirirá autorización expresa da Dirección da Axencia Tributaria de Galicia.

As entidades de depósito xa autorizadas como colaboradoras na recadación dos tributos xestionados por esta comunidade autónoma mediante o pagamento electrónico das autoliquidacións quedarán adheridas ao pagamento telemático da taxa fiscal sobre o xogo en casinos sen necesidade de solicitalo á Dirección da Axencia Tributaria de Galicia».

Catro. Modifícase a disposición adicional terceira, quedando redactada como segue:

«Disposición adicional terceira. Conservación de soportes informáticos

No suposto de pagamento electrónico das autoliquidacións referidas á taxa fiscal sobre o xogo realizado en casinos, a entidade de depósito autorizada, colaboradora na xestión recadatoria, que xerase o correspondente NRC xustificante do pagamento, conservará durante un período de seis anos os soportes informáticos que motivaron o devandito NRC».

Cinco. Engádese unha nova disposición adicional, coa seguinte redacción:

«Disposición adicional quinta. Presentación e pagamento en prazo

A falta de resposta do ordenador da entidade de depósito autorizada, colaboradora na xestión recadatoria, elixida polo interesado para realizar o pagamento electrónico das autoliquidacións recollidas nesta orde, así como a falta de conformidade da devandita entidade con materializar a operación polos motivos que, con ocasión do intento de efectuar o devandito pagamento, poña en coñecemento do citado interesado, non escusarán este do pagamento e presentación da autoliquidación dentro dos prazos establecidos na normativa correspondente a este tributo».

Seis. Engádese unha nova disposición adicional, coa seguinte redacción:

«Disposición adicional sexta. Modificación dos anexos desta orde

No ámbito das súas competencias, autorízase a Dirección da Axencia Tributaria para modificar ou actualizar mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia os anexos a esta orde, cando for preciso como consecuencia da modificación das normas legais ou regulamentarias ou como consecuencia dos avances tecnolóxicos, os cambios de sistemas ou calquera outra circunstancia que precise a correspondente plasmación nos modelos aprobados ou nas normas ou especificacións técnicas aprobadas polos ditos anexos».

Sete. Substitúese o anexo I da orde, polo que figura a seguir:

ANEXO I

Modelo 044: Taxa fiscal sobre o xogo. Casinos. Autoliquidación (formato electrónico)

[Documento: ord_CFA------_3005A_2013_20130530]

INSTRUCCIÓNS:

– Período.

Neste bloque cargarase o período e o exercicio a que se refire a autoliquidación:

Exercicio: consignarase o ano natural a que corresponde a autoliquidación con catro díxitos.

Período: consignarase o trimestre natural do ano a que se refire a autoliquidación, correspondendo:

1T: primeiro trimestre natural do ano.

2T: segundo trimestre natural do ano.

3T: terceiro trimestre natural do ano.

4T: cuarto trimestre natural do ano.

– Suxeito pasivo.

Neste bloque cargaranse os datos identificativos do suxeito pasivo: NIF, apelidos e nome ou razón social, enderezo fiscal ou enderezo para efectos de notificacións. O enderezo cargado informaticamente é o enderezo fiscal do seu certificado dixital. Se quere consignar un enderezo diferente para os efectos de notificación, deberá comunicalo con carácter previo na Oficina Virtual Tributaria. Para isto deberá acceder ao módulo de Xestión de datos persoais no submenú Catálogo de servizos.

– Representante.

No caso de actuar mediante representante, deberá consignar os datos deste: NIF, apelidos e nome e enderezo.

– Localización.

Neste bloque cargaranse o nº de autorización e o lugar de instalación do casino.

– Autoliquidación.

Neste bloque deberá proceder á autoliquidación do importe da taxa correspondente ao trimestre a que se refire a autoliquidación, do xeito que se describe a seguir:

No recadro 01 consignarase a base impoñible correspondente ao trimestre obxecto da declaración.

No recadro 02 consignarase a base impoñible total acumulada no exercicio correspondente ao ano natural a que se refire a autoliquidación.

No recadro 03 figurará a cota tributaria correspondente á base total consignada no recadro 02, e que será o resultado de aplicar o tipo de gravame vixente sobre a base impoñible total acumulada no ano.

No recadro 04 consignarase a suma total das cotas tributarias correspondentes ás autoliquidacións presentadas nos trimestres anteriores do mesmo ano.

No recadro 05 consignarase o importe total a ingresar, que será o resultado de deducir da cota tributaria total reflectida no recadro 03 o importe das cotas tributarias correspondentes ás autoliquidacións presentadas nos trimestres anteriores correspondentes ao mesmo ano natural a que se refire a autoliquidación, cantidade consignada no recadro 04.

No recadro I consignarase o importe ingresado.

No caso de que o suxeito pasivo pretende solicitar un aprazamento ou fraccionamento da débeda, deberá marcar o recadro correspondente a Aprazamento/Fraccionamento. Neste caso, deberá presentar ante a Axencia Tributaria de Galicia solicitude expresa de aprazamento ou fraccionamento na forma, lugar e prazo e cos requisitos e consecuencias sinalados na normativa de aplicación e sen que a solicitude poida entenderse presentada por marcar este recadro. Neste caso, o importe que figurará no recadro (I) será 0.

A declaración será datada e asinada polo suxeito pasivo ou polo seu representante».

Disposición derradeira segunda. Modificación da Orde do 21 de xuño de 2006 pola que se regulan procedementos de xestión recadatoria e a actuación das entidades colaboradoras

Introdúcense as seguintes modificacións no anexo IV da Orde do 21 de xuño de 2006 pola que se regulan procedementos de xestión recadatoria e a actuación das entidades colaboradoras:

Un. Engádense no anexo IV as seguintes modificacións:

1) Modifícase a descrición das posicións 18-19 do deseño do rexistro do detalle de autoliquidacións (tipo 3), que queda redactada do seguinte xeito:

«Período obrigatorio para os modelos 002 e 005. Libre para o resto dos modelos».

2) Modifícase o contido do tipo de rexistro 3 (detalle de autoliquidacións) contido na epígrafe denominada Validacións e posibles erros. Díxitos de control. Códigos de barras, que queda substituído pola seguinte redacción:

«*Tipo de rexistro 3 (detalle de autoliquidacións).

Tipo de rexistro distinto de 3: grave.

O número de secuencia do rexistro tipo-3 non é correcto: grave.

O código de delegación do documento non é válido: leve.

Exercicio non válido: leve.

O período non está comprendido entre o 01 e o 12. Exclusivamente para os modelos 002-Imposto sobre a contaminación atmosférica. Estimación directa e 005-Imposto sobre a contaminación atmosférica. Estimación obxectiva.

O código de modelo é distinto aos autorizados: grave.

Non se corresponde co grupo-subtotal en que se presenta: grave.

O díxito de control non cumpre coa rutina de cálculo para autoliquidacións: leve.

O NIF non é correcto: leve.

A sucursal da entidade colaboradora non é válida: grave.

O importe do ingreso é igual a cero: grave.

A data real do ingreso non é correcta ou é maior ao período informado: grave».

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación.

Santiago de Compostela, 30 de maio de 2013

Elena Muñoz Fonteriz

Conselleira de Facenda

ANEXO I

Solicitude de autorización para a utilización das aplicacións informáticas da Oficina Virtual Tributaria para o pagamento electrónico e a presentación electrónica dos modelos de declaración D-046 e de autoliquidación 045 da taxa fiscal sobre o xogo realizado mediante máquinas de xogo

[figura]

Identificación de usuarios para a utilización das aplicacións informáticas da Oficina Virtual Tributaria para o pagamento electrónico e a presentación electrónica dos modelos de declaración D-046 e de autoliquidación 045 da taxa fiscal sobre o xogo realizado mediante máquinas de xogo

IDENTIFICACIÓN DO SUXEITO PASIVO

[figura]

IDENTIFICACIÓN DO/S USUARIO/S DA APLICACIÓN

[figura]

RESPONSABLE DE INFORMÁTICA

[figura]

1 O idioma poderíase cubrir «galego» ou «castelán» segundo se desexe.

ANEXO II

Modelo D-046. Taxa fiscal sobre o xogo. Máquinas de xogo. Declaración de información de máquinas de xogo (formato electrónico)

[Documento: ord_CFA------_3005A_2013_20130530]

INSTRUCCIÓNS:

– Declarante: empresa operadora (1).

Neste bloque consignaranse os datos identificativos do suxeito pasivo: NIF, apelidos e nome ou razón social, nº rexistro empresa operadora, enderezo fiscal ou enderezo para efectos de notificacións. O enderezo cargado informaticamente é o enderezo fiscal do seu certificado dixital. Se quere consignar un enderezo diferente para os efectos de notificación, deberá comunicalo con carácter previo na Oficina Virtual Tributaria. Para isto deberá acceder ao módulo de xestión de datos persoais no submenú Catálogo de servizos como usuario con certificado e cun certificado de empresa.

– Representante.

No caso de actuar mediante representante, deberá consignar os datos deste: NIF, apelidos e nome e enderezo fiscal.

– Período.

Consignarase o período a que se refire a obriga de declaración: ano natural con catro díxitos, data da declaración e tipo de declaración, que poderá ser Alta (a declaración que se presentará coas autoliquidacións no prazo 1) ou Modificación (declaración que se presentará nos supostos de carácter 2, 4, 6 e, de ser o caso, 3 da autoliquidación).

– Datos das máquinas.

- Altas en 1 de xaneiro:

Consignarase neste recadro os datos das máquinas que en 1 de xaneiro do ano correspondente estean dadas de alta:

Cód_aut: código da autorización de explotación da máquina.

Data _aut: data en que foi concedida a autorización de explotación.

Tipo: tipo de máquina. Consignarase segundo o tipo de máquina, a letra seguinte:

• E: máquinas tipo A especial con valor do premio non superior a 40 €.

• S: máquinas tipo A especial con valor do premio superior a 40 €.

• B: máquinas tipo B.

• P: máquinas tipo B especial.

• C: máquinas tipo C.

• O: outras máquinas de xogo.

Nº de xogadores: número de xogadores autorizado.

Prezo partida: prezo autorizado para a partida.

Localización: neste cadro consignaranse os datos do lugar onde se atopa instalada a máquina e o NIF da persoa física ou xurídica do local onde estea instalada a máquina.

- Baixas en 1 de xaneiro:

Consignaranse neste cadro os datos das máquinas que en 1 de xaneiro do ano correspondente estiveran en situación de baixa temporal:

Cód_aut: código da autorización de explotación da máquina.

Data baixa: data en que a máquina foi dada de baixa.

Tipo: tipo de máquina. Igual que na epígrafe anterior de altas, consignarase a letra correspondente segundo o tipo de máquina.

Nº de xog.: número de xogadores autorizado.

Prezo partida: prezo autorizado para a partida.

- Novas autorizacións:

Consignaranse neste recadro os datos das máquinas de nova autorización:

Cód_aut: código da autorización de explotación da máquina.

Data _aut: data en que foi concedida a autorización de explotación.

Tipo: tipo de máquina. Consignarase, segundo o tipo de máquina, a letra seguinte:

• E: máquinas tipo A especial con valor do premio non superior a 40 €.

• S: máquinas tipo A especial con valor do premio superior a 40 €.

• B: máquinas tipo B.

• P: máquinas tipo B especial.

• C: máquinas tipo C.

• O: outras máquinas de xogo.

Nº de xogadores: número de xogadores autorizado.

Prezo partida: prezo autorizado para a partida.

Localización: neste recadro consignaranse os datos do lugar de instalación da máquina e o NIF da persoa física ou xurídica do local onde estea instalada a máquina.

- Recuperacións:

Consignaranse neste cadro os datos das máquinas que en 1 de xaneiro estivesen de baixa e se recuperen ao longo do ano.

Cód_aut: código da autorización de explotación da máquina.

Tipo: tipo de máquina. Igual que na epígrafe anterior de altas, consignarase a letra correspondente segundo o tipo de máquina.

Nº de xogadores: número de xogadores autorizado.

Prezo partida: prezo autorizado para a partida.

Data recuperación: data en que se dá de alta a máquina.

Reinicio tempada: neste recadro marcaranse o/s trimestre/s en que a máquina vai estar de alta.

Localización: neste cadro consignaranse os datos do lugar onde se atopa instalada a máquina e o NIF da persoa física ou xurídica do local onde sexa instalada a máquina.

- Modificacións:

Consignaranse neste cadro os datos das máquinas que aumenten o número de xogadores e/ou o prezo de partida ao longo do ano.

Cód_aut: código da autorización de explotación da máquina.

Tipo: tipo de máquina. Igual que no apartado anterior de altas, consignarase a letra correspondente segundo o tipo de máquina.

Nº de xogadores: número de xogadores autorizados con anterioridade ao cambio a que fai referencia a declaración.

Prezo partida: prezo autorizado para a partida con anterioridade ao cambio a que fai referencia a declaración.

Data modificación: data en que se produce a modificación.

Modificacións: neste recadro consignarase o novo número de xogadores e/ou o novo prezo de partida.

ANEXO III

Modelo 045. Taxa fiscal sobre o xogo. Máquinas de xogo. Autoliquidación (formato electrónico)

[Documento: ord_CFA------_3005A_2013_20130530]

INSTRUCIÓNS:

Importante:

Utilizarase un impreso por cada máquina ou aparello automático, que sexa obxecto de declaración por calquera dos motivos sinalados na epígrafe carácter da declaración.

– Declarante: empresa operadora (1).

Neste bloque consignaranse os datos identificativos do suxeito pasivo: NIF, apelidos e nome ou razón social, nº rexistro empresa operadora, enderezo fiscal ou enderezo para efectos de notificacións. O enderezo cargado informaticamente é o enderezo fiscal do seu certificado dixital. Se quere consignar un enderezo diferente para os efectos de notificación, deberá comunicalo con carácter previo na Oficina Virtual Tributaria. Para isto deberá acceder ao módulo de Xestión de datos persoais no submenú Catálogo de servizos como usuario con certificado e cun certificado de empresa.

– Representante.

No caso de actuar mediante representante, deberá consignar os datos deste: NIF, apelidos e nome e enderezo fiscal.

– Período (2).

Neste bloque deberán consignarse os datos correspondentes ao período ao que se refire a declaración, de xeito que:

a) No exercicio farase constar o ano o que corresponde a autoliquidación con catro díxitos.

b) O período deberá cubrirse en todos os supostos excepto o de máquinas autorizadas en anos anteriores que en 1 de xaneiro non estean en situación de baixa temporal. Consignarase no recadro esquerdo o trimestre natural que estea en curso no momento da autorización, utilizando os recadros na man dereita para indicar a data de efectos da autorización da consellería competente en materia de xogo ou da modificación da cota anual como consecuencia da modificación do prezo máximo regulamentario para a partida de máquinas tipo B ou por outra circunstancia.

– Carácter da declaración (3).

Marcaranse cun X o/s recadro/s correspondente/s á/s circunstancia/s que motive/n a presentación da autoliquidación:

Carácter 01. Máquina autorizada en anos anteriores: máquinas amparadas por unha autorización que na data da devengo (1 de xaneiro de cada ano) non estea en situación de baixa (temporal ou definitiva).

Exemplo 1: máquina instalada o 1 de xaneiro na provincia de Lugo.

Deberá marcar o carácter 1 e no período só cubrirá o dato correspondente ao exercicio, por exemplo 2013.

Carácter 02. Máquina de nova autorización: máquinas que obteñan unha nova autorización no ano.

Exemplo 2: autorización da consellería competente en materia de xogo de do 21.6.2013.

Deberá marcar o carácter 2 e no período cubrirá:

[figura]

Carácter 04. Alta de máquinas procedentes de suspensión provisional/reinicio explotación de tempada: máquinas que estean en situación de baixa temporal e pasen á situación de alta/máquinas que en 30 de setembro do ano anterior estean en situación de baixa temporal e reinicien a explotación no segundo ou no terceiro trimestre natural do ano que corre coa intención de explotala como máximo ata a fin do terceiro trimestre.

Exemplo 3: alta procedente de baixa temporal con efectos do día 3.7.2013.

Deberá marcar o carácter 4 e no período cubrirá:

[figura]

Exemplo 4: alta de máquina que en 30 de setembro do ano anterior se atopaba en situación de baixa temporal e se pretende dar de alta por 1 trimestre natural con efectos do día 1.4.2013.

Deberá marcar o carácter 4, sinalar a opción Reinicio tempada e marcar o número de trimestres que ten intención de manter a máquina en explotación; neste caso, 1. No bloque do período cubrirá:

[figura]

No bloque de carácter da declaración cubrirá:

[figura]

Exemplo 5: alta de máquina que en 30 de setembro do ano anterior se atopaba en situación de baixa temporal e se pretende dar de alta por 2 trimestres naturais con efectos do día 1.4.2013.

Deberá marcar o carácter 4, sinalar a opción Reinicio tempada e marcar o número de trimestres que ten intención de manter a máquina en explotación; neste caso, 2. No bloque do período cubrirá:

[figura]

No bloque de carácter da declaración cubrirá:

[figura]

Cando, presentada a autoliquidación anual, cumpra presentar unha autoliquidación complementaria á primeira, deberase marcar o carácter 5, 6 ou 3, segundo corresponda:

Carácter 05: modificación cota anual: nocaso de que por algunha circunstancia sexa modificada a cota anual con posterioridade á data do devengo e se presentara autoliquidación coa cota vixente na data do devengo.

Exemplo 6: unha lei modifica as tarifas e sae publicada no DOG do 23.4.2013 e entra en vigor o 24.4.2013.

Deberá marcar o carácter 5 e no período cubrirá:

[figura]

Carácter 06: modificación número de xogadores e/ou prezo da partida: a máquina que obtivo unha autorización de troca dunha máquina pola que xa presentara autoliquidación, por outra para a cal o número de xogadores e/ou o prezo de partida sexa superior.

Exemplo 7: troca dunha máquina de 1 xogador por outra de oito xogadores con data do 5.5.2013.

Deberá marcar o carácter 6 e cubrirá:

[figura]

Exemplo 8: troca dunha máquina cun prezo de partida 20 céntimos por outra con prezo de partida 50 céntimos, con autorización do 30.4.2013.

Márcase o carácter 6 e no período cubrirá:

[figura]

Exemplo 9: troca dunha máquina de 1 xogador por outra de oito xogadores con data do 3.2.2013. Neste caso, posto que aínda non presentou autoliquidación anual, deberá marcar o carácter 1 e no período cubrirá:

[figura]

Carácter 03: outros motivos: máquinas para as cales, por calquera outro motivo diferente dos previstos, o obrigado tributario teña que presentar unha autoliquidación complementaria á autoliquidación anual presentada con anterioridade, por exemplo, por erro na autoliquidación. Deberase sinalar cal é a circunstancia que motiva a presentación da autoliquidación e o número da autoliquidación que se complementa.

Exemplo 10: preténdese complementar a autoliquidación anual na cal se consignou por erro unha cota anual inferior á vixente. Marcarase o carácter 3, sinalando como motivo erro cota anual e complementaria á 045xxxxxxxxx x, e no período só se cubrirá o recadro correspondente ao exercicio.

Exemplo 11: a máquina do exemplo 4 anterior preténdese manter en explotación durante un trimestre máis. Marcarase o carácter 3, sinalando como motivo prolongación reinicio tempada 1 trimestre máis e complementaria á 045xxxxxxxxx x, e no período cubrirase o recadro correspondente ao exercicio.

– Datos das máquinas (4).

Consignaranse nos recadros 10 a 17 todos os datos relativos á máquina pola cal se presenta a autoliquidación: o tipo de máquina, o prezo por partida, o nº de xogadores e o nº de autorización.

No caso de autoliquidación complementaria de carácter 5, unicamente deberá cubrirse o recadro correspondente ao tipo de máquina (10, 11, 12, 13 ou 14) segundo proceda e o recadro 17.

No caso de autoliquidación complementaria de carácter 6, cubriranse, ademais, o/s dato/s cuxa modificación motive a presentación da autoliquidación.

No caso de autoliquidación complementaria de carácter 3, cubriranse, de ser o caso, o/s dato/s que proceda/n.

– Cálculo cota (5).

- Cota tributaria devengada no exercicio: consignarase o importe da cota anual legalmente establecida para o exercicio de que se trate en función do tipo de máquina e, se é o caso, do número de xogadores e do prezo da partida.

A cota das máquinas tipo B calcularase consonte a seguinte formulación:

1) Se n=1; A+a (pp -pmr)

2) Se n=2; 2A+a (pp -pmr)

3) Se ngt;2; B+C.n.pmr+a (pp -pmr)

Onde:

n=nº de xogadores autorizado.

A=cota anual legalmente establecida para máquinas tipo B de 1 xogador/a.

a=importe que se aplicará sobre cada céntimo que o prezo de partida autorizado supere ao prezo máximo regulamentario.

pp =prezo de partida homologado para a máquina que ampara a autorización.

pmr=prezo máximo regulamentario da partida das máquinas tipo B.

B=fracción da cota anual legalmente establecida para máquinas tipo B de máis de 2 xogadores.

C=multiplicador do número de xogador/a legalmente establecido para máquinas de tipo B de máis de 2 xogadores.

Exemplo 12: máquina tipo B de 8 xogadores e con prezo de partida autorizado de 50 céntimos.

A cota tributaria devengada no exercicio será:

7.640+3080*8*0,20+18,80 (50-20)=13.132 €.

No caso de máquinas de nova autorización ou máquinas procedentes da situación de baixa temporal, o importe que se consignará dependerá da data de autorización ou alta; se a data de efectos está comprendida:

• No primeiro trimestre natural: o importe para consignar será o 100 por 100 da correspondente contía anual.

• No segundo trimestre natural: o importe para consignar será o 75 por 100 da correspondente contía anual.

• No terceiro trimestre natural: o importe para consignar será o 50 por 100 da correspondente contía anual.

• No cuarto trimestre natural: o importe para consignar será o 25 por 100 da correspondente contía anual

Exemplo 12bis: a máquina do exemplo anterior obtén a alta procedente de baixa temporal na data do 9.4.2013.

A cota tributaria devengada no exercicio será: 75 % de 13.132=9.849 €.

No caso de reinicio de tempada, o importe para consignar será:

• O 50% da correspondente contía anual, se se vai manter en explotación durante o segundo e o terceiro trimestre.

• O 25% da correspondente contía anual, se se vai manter en explotación só o segundo trimestre ou só o terceiro trimestre.

Exemplo 13: máquina tipo B de 2 xogadores e con prezo de partida autorizado de 20 céntimos que se pretende manter en explotación desde o mes de abril ata o 30 de setembro.

A cota tributaria devengada no exercicio será: 50 % de (3.740×2)=3.740 €.

Exemplo 13bis: máquina tipo B de 2 xogadores e con prezo de partida autorizado de 20 céntimos que se pretende manter en explotación desde o mes de abril ata o 30 de xuño.

A cota tributaria devengada no exercicio será: 25 % de (3.740×2)=1.870 €.

No caso de troca dunha máquina por outra, cun número de xogadores que sexa superior, no segundo, terceiro ou cuarto trimestre, o importe que se consignará dependerá da data de autorización da troca:

• Se a data de autorización da troca corresponde ao 2º trimestre do ano, a cota anual calcularase mediante a suma do 75 % da cota correspondente ao maior número de xogadores autorizado desde o 31 de marzo e o 25 % da cota correspondente ao número de xogadores inferior ao anterior, amparados pola autorización durante o resto do ano.

• Se a data de autorización da troca corresponde ao 3º trimestre do ano, a cota anual calcularase mediante a suma do 50 % da cota correspondente ao maior número de xogadores autorizado desde o 30 de xuño e o 50 % da cota correspondente ao número de xogadores inferior ao anterior, amparados pola autorización durante o resto do ano.

• Se a data de autorización da troca corresponde ao 4º trimestre do ano, a cota anual calcularase mediante a suma do 25 % da cota correspondente ao maior número de xogadores autorizado desde o 30 de setembro e o 75 % da cota correspondente ao número de xogadores inferior ao anterior, amparados pola autorización durante o resto do ano.

Exemplo 14: máquina instalada no primeiro trimestre con 6 xogadores e troca o 21.4.2013 por outra máquina de 8 xogadores.

A cota tributaria devengada no exercicio será: 25 % da cota anual para 6 xogadores+75 % da cota anual para 8 xogadores=0,25 *11.336+0,75 *12.568=2.834+9.426=12.260 €.

Exemplo 14bis: a máquina do exemplo anterior obtén a troca o 21.7.2013.

A cota tributaria devengada no exercicio será:

50 % da cota anual para 6 xogadores+50 % da cota anual para 8 xogadores=0,5 *11.336+ 0,5 *12.568=5.668+6.284=11.952 €.

Exemplo 14ter: a máquina do exemplo 14 obtén a troca o 21.10.2013.

A cota tributaria devengada no exercicio será:

75 % da cota anual para 6 xogadores+25 % da cota anual para 8 xogadores=0,75 *11.336+ 0,25 *12.568=8.502+3.142=11.644 €.

No caso de troca dunha máquina tipo B por outra cun prezo de partida homologado superior ao prezo de partida máximo regulamentario:

• Se a data de autorización da troca corresponde ao 2º trimestre do ano, a cota anual calcularase mediante a suma do 75 % da cota correspondente ao maior prezo de partida autorizado desde o 31 de marzo e o 25 % da cota correspondente ao número de xogadores inferior ao anterior, amparados pola autorización durante o resto do ano.

• Se a data de autorización da troca corresponde ao 3º trimestre do ano, a cota anual calcularase mediante a suma do 50 % da cota correspondente ao maior prezo de partida autorizado desde o 30 de xuño e o 50 % da cota correspondente ao número de xogadores inferior ao anterior, amparados pola autorización durante o resto do ano.

• Se a data de autorización da troca corresponde ao 4º trimestre do ano, a cota anual calcularase mediante a suma do 25 % da cota correspondente ao maior prezo de partida autorizado desde o 30 de setembro e o 75 % da cota correspondente ao número de xogadores inferior ao anterior, amparados pola autorización durante o resto do ano.

Exemplo 15: máquina de 1 xogador instalada desde o 1 de xaneiro con prezo de partida 0,50 €.

A cota tributaria devengada no exercicio será:

3.740+18,80*(50-20)=3.740+564=4.304 €.

Exemplo 16: máquina de 1 xogador instalada con prezo de partida 0,20 e modificación do prezo da partida, que pasa do 0,20 a 0,50 o 6.4.2013. Cota autoliquidada: 3.740. Cota anual correspondente ao prezo de partida de 50 céntimos: 3.740+18,80*(50-20)= 3.740+564=4.304 €.

A cota tributaria devengada no exercicio será: 3.740 *0,25 + 4.304 *0,75=935+3.228= 4.163 €.

Exemplo 16bis: máquina de 1 xogador instalada desde o 1 de xaneiro.

Modificación do prezo da partida que pasa do 0,20 a 0,50 o 6.7.2013.

A cota tributaria devengada no exercicio será o resultado de: 3.740*0,5+4.304*0,5= 1.870+2.152=4.022 €.

Exemplo 16ter: máquina de 1 xogador instalada desde o 1 de xaneiro.

Modificación do prezo da partida, que pasa do 0,20 a 0,50 o 6.10.2013.

A cota tributaria devengada no exercicio será o resultado de: 3.740*0,75+4.304*0,25= 2.805+1.076=3.881 €.

- Cota tributaria autoliquidada con anterioridade: este recadro só se cubrirá no caso de autoliquidación complementaria (caracteres 5, 6 ou 3). Consignarase a cota tributaria que autoliquidase o obrigado tributario nese ano, de ser o caso. Nos exemplos 14 anteriores, pola máquina de 6 xogadores, o obrigado tributario autoliquidaría 11.336 con anterioridade, polo que esta será a cifra que se consignará no recadro 221. Nos exemplos 16 anteriores, no recadro 221 consignaríase 3.740.

- Cota tributaria autoliquidada: neste recadro trasladarase o importe do recadro (220). No caso de autoliquidación complementaria (caracteres 5, 6 ou 3) consignarase a diferenza entre as cantidades dos recadros 220 e 221. No exemplo 14 anterior, 924 €; no 14bis, 616 € e no 14ter, 141 €. No exemplo 16, 423 €; no 16bis, 282 € e no 16ter, 141 €.

En calquera dos casos, o importe deste recadro será o importe que se ingresará resultante da autoliquidación.

– Opción fraccionamento/aprazamento (6).

Neste bloque poderase marcar de xeito alternativo a solicitude de aprazamento/fraccionamento da débeda tributaria anual consonte a normativa da Lei xeral tributaria ou a opción polo fraccionamento/aprazamento regulado no artigo 31.Un.2 do texto refundido dos tributos cedidos da Comunidade de Galicia.

No caso de solicitar aprazamento/fraccionamento da débeda tributaria anual consonte a normativa da Lei xeral tributaria, deberase ter en conta que marcando este recadro lle comunica á Administración que vai presentar de xeito presencial unha solicitude de aprazamento/fraccionamento da débeda tributaria á que se refire este impreso. En ningún caso se entenderña presentada a solicitude de aprazamento/fraccionamento pola mera presentación electrónica da autoliquidación.

No caso de que o suxeito pasivo queira exercer a opción polo fraccionamento/aprazamento da débeda tributaria e sempre que cumpra os requisitos para o seu exercicio, deberá marcar o recadro denominado fraccionamento/aprazamento.

Deberá consignar o número de pagamentos en que se fracciona a débeda e o seu importe. Así mesmo, consignaranse o número e o importe correspondente a cada un dos pagamentos fraccionados pendentes do ingreso e domiciliados e os datos correspondentes á conta da domiciliación. Será requisito necesario para efectuar a domiciliación que o obrigado ao pagamento sexa titular da conta en que se domicilie este e que a dita conta se encontre aberta nunha entidade de depósito que preste o servizo de colaboración na xestión recadatoria.

- Nº pagamentos fraccionados (230): no caso de autoliquidación de carácter 1, será sempre 4. No resto das autoliquidacións, salvo as de carácter 3 para as que esta opción non se poderá exercer, o número de pagamentos fraccionados dependerá do trimestre natural a que corresponda a data de efectos, de xeito que, de corresponder ao segundo serán 3; de corresponder ao terceiro serán 2 e de corresponder ao cuarto non se poderá exercer esta opción. No caso de autoliquidación de carácter 4 como consecuencia do exercicio da opción de reinicio de tempada, só se poderá exercer esta opción no caso en que a data de efectos corresponda ao segundo trimestre natural do ano e se comprometa a manter a máquina durante dous trimestres, caso en que o número de pagamentos fraccionados será de dous.

- Importe do pagamento fraccionado (240): nas autoliquidacións de carácter 1 consignarase o 25 por 100 da cota tributaria autoliquidada no documento que se presenta, é dicir, o 25 por 100 do recadro 22. No resto das autoliquidacións, salvo as excluídas desta opción, consignarase 1/3 do recadro 22 no caso de que a data de efectos corresponda ao segundo trimestre do ano; e a 1/2 do recadro 22 no caso de que corresponda ao 3º trimestre do ano.

- Nº de pagamentos aprazados e domiciliados (231): corresponderá ao número resultante da diferenza entre o número de pagamentos fraccionados (recadro nº 230) e o número de pagamentos para ingresar (recadro nº 241), que vén explicado máis adiante.

- Importe do/s pagamento/s aprazado/s e domiciliado/s (240): corresponderá ao importe de cada un dos pagamentos fraccionados que se aprazan e domicilian e que coincidirá co importe do recadro 240, explicado con anterioridade.

- Código conta cliente (CCC): número de conta en que o cliente ordena a domiciliación do nº de pagamentos sinalados no recadro 231 de importe, cada un deles, sinalado no recadro 240 e para seren cargados os días 20 de xuño, 20 de setembro e 5 de decembro ou inmediato hábil posterior, segundo corresponda.

- Exemplos:

Nos exemplos 14 anteriores, o suxeito pasivo presentará unha autoliquidación entre o 1 e o 31 de marzo de carácter 1, para o cal os recadros do bloque de cálculo da cota do xeito seguinte:

[figura]

O suxeito pasivo, así mesmo, exercerá a opción polo fraccionamento e aprazamento, para o cal o bloque do fraccionamento/aprazamento do xeito seguinte:

[figura]

e os datos correspondentes á conta en que domicilia os pagamentos aprazados.

No exemplo 14 deberá presentar unha autoliquidación complementaria á anterior, de carácter 6, para o cal os bloques anteriores do modelo do xeito seguinte:

[figura]

Neste caso non deberá cubrir os datos da CCC, xa que os importes se cargarán na mesma CCC da autoliquidación á cal complementa.

No exemplo 14 bis:

[figura]

[figura]

Neste caso, tampouco deberá cubrir os datos da CCC, xa que os importes se cargarán na mesma CCC da autoliquidación á cal complementa.

No exemplo 14ter.

[figura]

Non poderá optar polo fraccionamento/aprazamento.

– Liquidación (7).

Neste bloque, o suxeito pasivo deberá cubrir o seguinte:

- Importe pagamento (240): reproducirase o importe do recadro (240) explicado con anterioridade. Só se cubrirá no caso de exercicio da opción do fraccionamento/aprazamento.

- Nº pagamentos a ingresar (241): corresponderá ao pagamento fraccionado corrente e, de ser o caso, ao vencido, polo que poderá ser, polo tanto, 1 ou 2. Só se cubrirá no caso de exercicio da opción do fraccionamento/aprazamento.

Exemplo: supoñamos que no exemplo 14 a data de autorización for o 21.6.2013. Neste caso, o primeiro prazo operativo para presentar a autoliquidación será do 1 ao 20 de setembro. Nese caso, deberá cubrir:

[figura]

[figura]

Bloque liquidación:

[figura]

- Total pagamentos a ingresar (24): corresponde ao resultado de multiplicar as cifras dos recadros (240) e (241). Só se cubrirá no caso de exercicio da opción do fraccionamento/aprazamento.

- Total a ingresar (27): consignarase o importe do recadro (22), salvo que se exercese a opción polo fraccionamento/aprazamento, caso en que se trasladará o importe do recadro (24).

– Ingreso (8).

Marcarase cun X o recadro correspondente ao lugar e forma de pagamento.

As opcións de que dispón son:

- Pola internet, ben por pagamento telemático ou ben por pagamento presencial.

Sempre deberá indicar o importe do ingreso no recadro (I), denominado Importe ingresado. O importe deberá coincidir co importe do recadro 22, salvo:

1) No caso de que o suxeito pasivo pretenda solicitar un aprazamento ou fraccionamento da débeda: neste caso, deberá marcar o recadro correspondente a Aprazamento e deberá presentar ante a Axencia Tributaria de Galicia solicitude expresa de aprazamento ou fraccionamento na forma, lugar e prazo e cos requisitos e consecuencias sinaladas na normativa de aplicación e sen que a solicitude se poida entender presentada por marcar este recadro. Neste caso, o importe que figurará no recadro (I) será 0.

2) No caso de que o suxeito pasivo optase polo Fraccionamento/Aprazamento recollido no texto refundido dos tributos cedidos á Comunidade Autónoma de Galicia, o importe do recadro I deberá coincidir co importe do recadro 24.

– Sinatura (9).

O documento deberá ser asinado polo obrigado tributario ou polo seu representante.

– Lugar de presentación.

A autoliquidación deberá ser presentada electronicamente para concluír o proceso.

– Prazos de presentación e ingreso.

A) Máquinas autorizadas en anos anteriores que o 1 de xaneiro non estean en situación de baixa temporal:

* Autoliquidación anual e ingreso do importe autoliquidado:

- Do 1 ao 31 de marzo de cada ano. O prazo anterior entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte, no suposto de que o último día do período sexa día inhábil ou sábado.

* No caso en que cumpran os requisitos para exercer a opción polo fraccionamento/aprazamento e a exercese, o ingreso dos pagamentos fraccionados realizarase:

- Primeiro: no prazo sinalado para a presentación da autoliquidación anual.

- Segundo: mediante cargo en conta o 20 de xuño.

- Terceiro: mediante cargo en conta o 20 de setembro.

- Cuarto: mediante cargo en conta o 5 de decembro.

B) Autoliquidación anual de máquinas de nova autorización ou procedentes da situación de baixa temporal ou autoliquidacións complementarias:

* Presentación da autoliquidación e ingreso do importe autoliquidado:

No primeiro prazo que estea operativo, dos seguintes:

- Primeiro: do 1 ao 31 de marzo de cada ano.

- Segundo: do 1 ao 20 de xuño.

- Terceiro: do 1 ao 20 de setembro.

- Cuarto: do 1 ao 5 de decembro.

Para as máquinas das cales se pretenda a alta ou que se autoricen con posterioridade ao 5 de decembro (ou inmediato hábil posterior, de ser o caso) ou se dea calquera circunstancia con data posterior á citada que obrigue a presentar unha autoliquidación complementaria: presentarase a declaración-liquidación con carácter previo á data de efectos.

Os prazos anteriores entenderanse prorrogados ata o primeiro día hábil seguinte, no suposto de que o último día do período sexa día inhábil ou sábado.

* No caso en que cumpa os requisitos para exercer a opción polo fraccionamento/aprazamento e a exercese, o ingreso dos pagamentos fraccionados correntes e o/s vencido/s, de ser o caso, realizarase: no mesmo prazo da presentación da autoliquidación; o resto, nos subseguintes períodos anteriores que procedan.

Exemplos:

1) Autoliquidación anual de máquina autorizada/dada de alta ou autoliquidación complementaria por calquera circunstancia con data de efectos do 20 de febreiro.

- Autoliquidación do 1 ao 31 de marzo. Autoliquidarase o 100 % da cota que corresponda, ingresando nese momento a cota anual autoliquidada, salvo exercicio da opción de F/A.

- Ingreso dos pagamentos fraccionados, de ser o caso: o correspondente ao trimestre corrente (o primeiro), no mesmo prazo anterior; os restantes, cada un deles será cargado na conta da domiciliación: o segundo, o 20 de xuño; o terceiro, o 20 de setembro e o cuarto, o 5 de decembro.

2) Autoliquidación anual de máquina autorizada/dada de alta ou autoliquidación complementaria por calquera circunstancia con data de efectos do 26 de xuño:

- Autoliquidación do 1 ao 20 de setembro. Autoliquidarase o 75 % da cota que corresponda, que deberá ser ingresada nese momento, salvo exercicio da opción F/A.

- Ingreso dos pagamentos fraccionados, de ser o caso: os correspondentes ao trimestre corrente e o xa vencido (terceiro e segundo), no mesmo prazo de presentación da autoliquidación; o cuarto será cargado o 5 de decembro na conta de domiciliación.

3) Autoliquidación anual de máquina autorizada/dada de alta ou autoliquidación complementaria por calquera circunstancia con data de efectos do 15 de setembro:

- Autoliquidación do 1 ao 20 de setembro. Autoliquidarase o 50 % da cota que corresponda cos matices sinalados con anterioridade, e ingresarase o importe autoliquidado nese momento, salvo exercicio da opción F/A.

- Ingreso dos pagamentos fraccionados, de ser o caso: o correspondente ao trimestre corrente (o terceiro), no mesmo prazo anterior; o restante (o cuarto), será cargado na conta da domiciliación o 5 de decembro.

4) Autoliquidación anual de máquina autorizada/dada de alta ou autoliquidación complementaria por calquera circunstancia con data de efectos do 15 de decembro:

- Autoliquidación con anterioridade ao 15 de decembro. Autoliquidarase o 25 % da cota anual que corresponda, cos matices sinalados con anterioridade, e ingresarase o importe total autoliquidado nese momento. Non procederá o fraccionamento da débeda.

ANEXO IV

Modelo 046. Taxa fiscal sobre o xogo. Máquinas de xogo. Resumo autoliquidacións (formato electrónico)

[Documento: ord_CFA------_3005A_2013_20130530]

INSTRUCIÓNS:

Importante:

Xerarase un único impreso por cada empresa operadora e presentación, que suporá a xeración de tantos modelos 045 como número de máquinas abranga.

– Declarante: empresa operadora (1).

Neste bloque consignaranse os datos identificativos do suxeito pasivo: NIF, apelidos e nome ou razón social, nº rexistro empresa operadora, enderezo fiscal ou enderezo para efectos de notificacións. O enderezo cargado informaticamente é o enderezo fiscal do seu certificado dixital. Se quere consignar un enderezo diferente para os efectos de notificación, deberá comunicalo con carácter previo na Oficina Virtual Tributaria. Para isto deberá acceder ao módulo de Xestión de datos persoais no submenú Catálogo de servizos como Usuario con certificado e cun certificado de empresa.

– Representante.

No caso de actuar mediante representante, deberá consignar os datos deste: NIF, Apelidos e nome e Enderezo fiscal.

– Período (2).

Neste bloque consignaranse os datos correspondentes ao período o que se refire as autoliquidacións que ampara o modelo, de xeito que:

a) No exercicio constará o ano a que corresponden as autoliquidacións con catro díxitos.

b) O período corresponderá ao trimestre natural en que se produza a presentación dos modelos 045.

– Datos presentación.

Neste bloque cargaranse os datos correspondentes á presentación do número sinalado de declaracións-liquidacións co detalle que figura no anexo ao modelo 046 e a súa data de presentación.

– Datos das máquinas.

Neste bloque cargaranse os datos totalizados correspondentes aos modelos 045 que ampara o modelo 046 segundo a tipoloxía das máquinas de xogo, de forma que sinalará o número de cada tipoloxía, a suma total das cotas tributarias autoliquidadas e a suma total dos importes para ingresar correspondentes aos modelos 045, así como a suma total dos ditos importes.

– Ingreso.

Neste bloque cargaranse os datos correspondentes ao ingreso realizado.

– Domiciliación de pagamentos fraccionados.

Neste bloque cargarase a información totalizada correspondente aos pagamentos fraccionados domiciliados.

No modelo figurarán a data de ingreso e presentación e a sinatura do suxeito pasivo ou do seu representante.

ANEXO V

Especificacións técnicas do arquivo informático para a presentación e pagamento electrónicos de declaracións tributarias de máquinas

O formato do arquivo será:

• Nome do arquivo: Máquinas.

• Extensión do arquivo: TXT.

• Rexistros no arquivo: un por cada máquina da empresa operadora (EO).

O formato do rexistro será:

• NIF: alfa (9) NIF da EO.

• Código empresa: alfa (6) código da EO.

• Número autorización: alfa (6) número de autorización da máquina.

• Estado: alfa (1) estado da máquina (A-alta, B-baixa).

• Delegación: número (2) código da delegación correspondente.

• Tipo máquina: alfa (1) tipo da máquina (E, S, B, P, O ou C).

• Número xogadores: número (2) número de xogadores da máquina.

• Prezo de partida: número (3 enteiros, dous decimais) prezo autorizado para a partida.

• Carácter da autoliquidación: número (1) carácter da autoliquidación (1, 4, 2, 6, 3, 5).

• Reinicio de tempada: número (1): cubrirase só no caso de máquinas recuperadas temporalmente (carácter de autoliquidación 4 e 3) e indicará o número de trimestres para recuperar, que poderá ser 1 ou 2. No resto dos casos cubrirase cun 0.

• Data de efectos: número (8) co formato ddmmaaaa, donde:

- dd: díxitos correspondentes ao día.

- mm: díxitos correspondentes ao mes.

- aaaa: díxitos correspondentes ao ano.

• Nº de autoliquidación: este dato só deberá vir cuberto no caso de que o carácter da autoliquidación sexa 3. No resto dos casos cubrirase con doce ceros.

• Localización:

- Lugar: número (5 enteiros): consignarase o código postal (sen punto) que corresponda ao lugar en que radique o local no cal estea instalada a máquina.

- NIF: alfa (9) NIF do titular da explotación do local no cal estea instalada a máquina.

Estes datos cubriranse con catorce ceros, no suposto de que o estado da máquina sexa B ou se o estado da máquina é A, sempre que o carácter da autoliquidación sexa 6, 5 ou 3, salvo que neste último caso se pretenda rectificar o dato da localización previamente declarado.

• Fraccionamento/aprazamento: alfa (1): sinalarase se a débeda tributaria se fracciona ou apraza ou non (L, X, N).

Os estados son:

• A: autorización en alta que a empresa desexa autoliquidar de forma telemática.

• B: autorización para a cal a empresa solicitou a baixa provisional e que, polo tanto, non se autoliquida.

O código de delegación é:

• 79: Departamento de Tributos de Xestión Centralizada.

Os tipos de máquina son:

• E: máquinas tipo A especial con valor do premio non superior a 40 €.

• S: máquinas tipo A especial con valor do premio superior a 40 €.

• B: máquinas tipo B.

• P: máquinas tipo B especial.

• C: máquinas tipo C.

• O: outras máquinas de xogo.

O carácter da autoliquidación é:

• 1: autoliquidación anual de máquina autorizada en anos anteriores e en situación de alta na data do devengo.

• 4: autoliquidación anual por alta de máquina procedente de suspensión provisional.

• 2: autoliquidación anual de máquina de nova autorización.

• 6: autoliquidación complementaria pola troca da máquina por modificación do número de xogadores e/ou o prezo de partida.

• 5: autoliquidación complementaria pola modificación da cota anual.

• 3: autoliquidación complementaria por outros motivos diferentes aos dos caracteres 6 e 5.

A data que se vai consignar será a seguinte:

- Se o estado for B, consignarase a data de baixa da autorización.

- Se o estado for A:

Se o carácter da autoliquidación é 1, deberá deixarse en branco.

Se o carácter da autoliquidación é 2, consignarase a data de efectos da nova autorización.

Se o carácter da autoliquidación é 4, consignarase a data de efectos da alta da autorización.

Se o carácter da autoliquidación é 6, consignarase a data de efectos da modificación da autorización.

Se o carácter da autoliquidación é 5, consignarase a data de efectos da modificación da cota anual.

Se o carácter da autoliquidación é 3, consignarase a data de efectos que corresponda segundo a circunstancia que motivou a presentación da autoliquidación complementaria.

O fraccionamento/aprazamento será, de ser o caso:

• L: o aprazamento/fraccionamento regulado no artigo 31.Un.2 do TRTC. Consignando esta letra, estase sinalando que se pretende optar ao fraccionamento/aprazamento regulado no TRTC e este será efectivo sempre que se cumpran os requisitos establecidos na norma.

• X: o aprazamento/fraccionamento regulado na LXT. Consignando esta letra, estarase sinalando que se pretende solicitar un aprazamento ou fraccionamento consonte coas disposicións xerais da LXT

• N: non fracciona nin apraza a débeda.

Deberase ter en conta que no arquivo non poderá convivir o fraccionamento X cos outros dous tipos (L e N), polo que, no caso de que se pretenda solicitar un aprazamento ou fraccionamento consonte as disposicións xerais da LXT, as autorizacións deberán incluírse nun arquivo independente, de xeito que as operacións na OVT de cada arquivo sexan sucesivas.

ANEXO VI

Normas técnicas para a xeración do NRC

A entidade financeira xerará o NRC (número de referencia completo) segundo a segunda norma técnica do anexo 1 da Orde do Ministerio de Facenda, do 28 de decembro de 2000 (BOE do 3 de xaneiro de 2001), correspondente á xeración de NRC para documentos de ingreso expedidos polas oficinas tributarias. O NRC xerarase a partir dun rexistro de 48 caracteres codificados en EBCDIC:

• MMMNNNNNNNNNDC (14): número de xustificante, sendo:

- MMMNNNNNNNNND (13): número de xustificante asignado pola Oficina Virtual Tributaria.

- C (1): carácter de control calculado polo banco, utilizando o mesmo algoritmo especificado na citada orde. A Oficina Tributaria facilitará á entidade colaboradora o algoritmo para o cálculo deste carácter de control.

• XXXXXXXXX (9): NIF do debedor.

• NNNNNNNNNNNNN (13): importe de cargo.

• AAAAMMDD (8): data de cargo.

• XXXX (4): código de Banco de España da entidade.

• O número de referencia completo (NRC) resultante terá 22 posicións:

• MMMNNNNNNNNNDC (14): número de xustificante (o mesmo que o especificado enriba).

• XXXXXXXX (8): caracteres de control resultantes de aplicar unha función MAC 4 do algoritmo DES (segundo norma X9.9-1) aos datos anteriores (48 caracteres) utilizando a clave privada do banco. Esta función xerará 8 caracteres de control, é dicir, a sinatura.

ANEXO VII

Modelo de etiqueta identificativa

[figura]

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia