lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Lei 3/2002, do 29 de abril, de medidas de réxime fiscal e administrativo.

Publicado en: DOG 84 02/05/2002

Departamento: Parlamento de Galicia

Estado: En vigor

PDF

Contén esta lei unha serie de medidas de tipo normativo que por diferentes vías deberán facilita-lo desenvolvemento da política económica que a Xunta de Galicia proxecta levar a cabo a través da Lei de orzamentos xerais para o ano 2002, aínda que o carácter permanente da maior parte das disposicións que incorpora repercutirá sobre os fins perseguidos pola acción de goberno máis alá do ámbito temporal dun único exercicio económico, en concordancia coa natureza, en moitos casos recorrente, e coa orientación, que habitualmente supera o curto prazo, deses obxectivos.

A pesar dese común punto de coincidencia, as medidas previstas nesta lei corresponden a moi diferentes ámbitos sectoriais de actuación, que fan referencia tanto a aspectos de orde fiscal coma a outros que inciden sobre o ordenamento do persoal ó servicio da función pública de Galicia ou sobre o desenvolvemento da xestión e a propia organización dos distintos sectores que forman parte da Administración autonómica.

En materia fiscal, dentro do título I, establécense para o tramo autonómico do imposto sobre a renda das persoas físicas as deduccións da cota íntegra que corresponden por nacemento ou adopción de fillos e pola existencia de familia numerosa, debendo destacarse que no primeiro deses supostos a deducción se manterá para os dous períodos impositivos seguintes.

Coa finalidade de diminuí-lo custo das transmisións familiares de carácter mortis causa, apróbanse reduccións no cálculo da base liquidable do imposto sobre sucesións e doazóns nos supostos de transmisións de explotacións agrarias ou de elementos illados desa explotación, así como nos casos de transmisión de empresas individuais ou de negocios profesionais situados en Galicia.

No que respecta ós actos xurídicos documentados, establécese o tipo de gravame que recae sobre os documentos notariais.

En materia de taxas modifícanse, no capítulo correspondente, as tarifas e as exencións da taxa sobre rifas, tómbolas, apostas e combinacións aleatorias, así como a regulación da base impoñible e os tipos de gravame e cotas fixas da taxa sobre xogos de sorte, envite ou azar.

No título II inclúense diversas medidas relacionadas co persoal ó servicio da Administración autonómica, entre as que figuran algunhas modificacións da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia.

Polo que respecta a estas últimas, atribúeselle ó conselleiro competente en materia de Administración local o exercicio das competencias que respecto dos funcionarios deses corpos, con habilitación de carácter nacional, lle corresponden á Comunidade Autónoma.

Coa finalidade de permiti-lo acceso ós distintos corpos e escalas ó persoal en posesión de titulacións que poidan crearse no futuro ou que foron aprobadas con posterioridade á entrada en vigor das correspondentes leis de creación deses corpos e escalas, establécese a posibilidade de que o título requirido para o ingreso nelas sexa establecido mediante decreto aprobado no Consello da Xunta, en vez da remisión á lei de creación que facía a anterior redacción da Lei 4/1988.

Defínese, por outra parte, o momento no que os funcionarios de novo ingreso comezan a computa-lo prazo de consolidación de grao persoal e o nivel ó que se comeza a consolida-lo grao, regulándose tamén a integración dos funcionarios da Administración do Estado, das comunidades autónomas e das corporacións locais que pasen a ocupar postos con carácter definitivo na Administración da Comunidade Autónoma, nos correspondentes corpos ou escalas a que pertenzan os postos que ocupen.

Prevese a posibilidade da participación do persoal laboral fixo que ocupe, con carácter definitivo, postos de traballo reservados a persoal funcionario nas probas de acceso ós corpos ou escalas a que figuren adscritos, sempre que reúnan os requisitos esixidos.

Ademais das modificacións que afectan a Lei da función pública, incorpóranse neste título outra serie de novidades referentes á creación das escalas de inspección e subinspección de consumo, á modificación da escala de axentes forestais e á unificación das especialidades de inspección financeira e tributaria e de xestión tributaria, das escalas superior de finanzas e técnica de finanzas, nas especialidades superior e técnica de inspección e xestión financeira e tributaria.

No título III inclúense unha serie de normas, de xestión e organizativas, que atinxen os diferentes sectores que integran a administración pública de Galicia.

Algúns artigos da Lei 5/1994, de creación do ente público Portos de Galicia, modifícanse para facilitar unha maior coordinación da súa actividade coa consellería competente en materia de pesca.

Para reforza-la unidade de xestión da política de augas modifícase igualmente a Lei 8/1993, do 23 de xuño, adscribindo o organismo autónomo Augas de Galicia á Consellería de Medio Ambiente, deixando configurada a distribución competencial da Administración hidráulica de Galicia.

Coa finalidade de que poida ter efecto o disposto no Decreto 402/2001, do 28 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da nova Consellería de Asuntos Sociais, que lle asigna a esa consellería as competencias establecidas na Lei 3/2000, do voluntariado de Galicia, adáptanse en tal sentido as referencias que se facían na dita lei á consellería posuidora desas competencias.

As variacións introducidas afectan tamén o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario, en forma de precisión técnica sobre a extensión da intervención limitada, así como para ampliar ós contratos de obras efectuados baixo a modalidade de aboamento total o procedemento de modificación das porcentaxes e do número de exercicios aplicables nos casos de gastos plurianuais.

Abórdase finalmente, dentro deste mesmo título, a creación da Axencia para a Xestión Integrada, Calidade e Avaliación da Formación Profesional, concibida como un ente de dereito público adscrito á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, para o desenvolvemento das actuacións descritas no seu propio enunciado.

Polo que respecta ás disposicións adicionais hai que destaca-la modificación que se realiza na Lei 9/1984, de creación da Compañía de Radio-Televisión de Galicia, coa finalidade de definir con maior precisión as funcións de servicio público que a entidade ten encomendadas, así como as peculiaridades do control parlamentario establecido sobre o desenvolvemento efectivo desas funcións.

Para reforza-los mecanismos de control económico-financeiro, mediante a utilización de auditorías externas, modifícanse igualmente a Lei 7/1983, das fundacións de interese galego, e a Lei 9/1993, das confrarías de pescadores de Galicia.

E, por último, diversas novidades que afectan o articulado da Lei 14/1985, reguladora dos xogos e apostas, e, nun ámbito diferente, o establecemento de prestacións familiares para as persoas que tendo ó seu cargo fillos menores de tres anos estean exentas de presenta-la declaración polo imposto sobre a renda das persoas físicas, pechan o contido das disposicións adicionais desta Lei de medidas.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo en nome de El-Rei a Lei de medidas de réxime fiscal e administrativo.

TÍTULO I Normas tributarias

Capítulo I Impostos directos

Artigo 1.-Imposto sobre a renda das persoas físicas.

Un.-No exercicio das competencias atribuídas pola Lei 32/1997, do 4 de agosto, de modificación do réxime de cesión tributaria do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, e de acordo co disposto na letra b) do punto 1.º do apartado Un do artigo 13 da Lei 14/1996, do 30 de decembro, de cesión de tributos do Estado ás comunidades autónomas e de medidas fiscais complementarias, apróbanse as seguintes deduccións da cota íntegra autonómica do imposto sobre da renda:

a) Por nacemento e adopción de fillos:

Por cada fillo nado ou adoptado no período impositivo que conviva co contribuínte na data do devengo do imposto poderanse deducir 240 euros. No caso de parto múltiple esta deducción ascenderá a 300 euros por cada fillo.

A deducción estenderase ós dous períodos impositivos seguintes ó do nacemento ou da adopción, sempre que o fillo nado ou adoptado conviva co contribuínte na data de devengo do imposto que corresponda a cada un deles, consonte as seguintes contías e límite de renda:

-240 euros, sempre que a base impoñible do período, antes da aplicación das reduccións por mínimo persoal e familiar, estivese comprendida entre 21.035,01 e 30.050 euros.

-300 euros, sempre que a base impoñible do período, antes da aplicación das reduccións por mínimo persoal e familiar, fose menor ou igual a 21.035 euros.

Cando, no período impositivo do nacemento ou adopción ou nos dous posteriores, os fillos convivan con ámbolos dous proxenitores, a deducción practicarase por partes iguais na declaración de cada un deles.

b) Por familia numerosa:

O contribuínte que posúa o título de familia numerosa na data do devengo do imposto poderá deduci-las seguintes cantidades:

-200 euros, cando se trate de familia numerosa de primeira categoría.

-280 euros, cando se trate de familia numerosa de segunda categoría.

-380 euros, cando se trate de familia numerosa de categoría de honra.

As condicións necesarias para a consideración de familia numerosa e a súa clasificación por categorías determinaranse consonte o establecido na Lei 25/1971, do 19 de xuño, de protección ás familias numerosas, segundo as modificacións introducidas pola disposición derradeira cuarta da Lei 42/1994, do 30 de decembro, de medidas fiscais, administrativas e de orde social, e pola Lei 8/1998, do 14 de abril, de ampliación do concepto de familia numerosa.

Esta deducción practicaraa o contribuínte con quen convivan os restantes membros da familia numerosa. Cando estes convivan con máis dun contribuínte, o importe da deducción ratearase por partes iguais na declaración de cada un deles.

Dous.-A práctica das deduccións ás que se refire o punto anterior quedará condicionada á xustificación documental adecuada e suficiente do presuposto de feito e dos requisitos que determinan a súa aplicabilidade.

Artigo 2.-Reduccións na base impoñible do imposto sobre sucesións e doazóns.

Un.-No exercicio das competencias atribuídas pola Lei 32/1997, do 4 de agosto, de modificación do réxime de cesión de tributos do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, e consonte o disposto no apartado 3 do artigo 13 da Lei 14/1996, do 30 de decembro, e sen prexuízo da aplicación das reduccións previstas no artigo 20.2 da Lei 29/1987, do 18 de decembro, e daqueloutras que están reguladas en leis especiais, para o cálculo da base liquidable do imposto sobre sucesións e doazóns nas transmisións mortis causa resultarán aplicables as seguintes reduccións por circunstancias propias da Comunidade Autónoma de Galicia:

1.-Nos casos nos que na base impoñible dunha adquisición mortis causa estivese incluído o valor dunha explotación agraria situada en Galicia ou de dereitos de usufructo sobre esta, practicarase unha reducción do 99% do mencionado valor cando concorran as seguintes circunstancias:

a) Que na data do devengo o causante tivese a condición de agricultor profesional.

b) Que a adquisición corresponda ó cónxuxe, descendentes ou adoptados, ascendentes ou adoptantes e colaterais, por consanguinidade ata o terceiro grao inclusive, do causante.

c) Que o adquirente manteña no seu patrimonio a explotación agraria durante os cinco anos seguintes ó devengo do imposto, agás que dentro do dito prazo falecese o adquirente ou transmitise a explotación en virtude de pacto sucesorio consonte o previsto na Lei de dereito civil de Galicia.

2.-Cando na base impoñible dunha adquisición mortis causa estivese incluído o valor de elementos dunha explotación agraria situada en Galicia ou de dereitos de usufructo sobre estes practicarase unha reducción do 99% do mencionado valor cando concorran as seguintes circunstancias:

a) Que a adquisición corresponda ó cónxuxe, descendentes ou adoptados, ascendentes ou adoptantes e colaterais, por consanguinidade ata o terceiro grao inclusive, do causante.

b) Que na data do devengo os adquirentes teñan a condición de «agricultor profesional» e sexan titulares dunha explotación agraria á que estean afectos os elementos que se transmiten.

c) Que o adquirente manteña os elementos adquiridos afectos á súa explotación agraria durante os cinco anos seguintes ó devengo do imposto, agás que dentro do dito prazo falecese o adquirente ou transmitise os elementos en virtude de pacto sucesorio consonte o previsto na Lei de dereito civil de Galicia.

3.-Nos casos nos que na base impoñible dunha adquisición mortis causa estivese incluído o valor dunha empresa individual ou dun negocio profesional que tivese o seu centro de xestión radicado en Galicia, ou de participacións en entidades ou de dereitos de usufructo sobre estes, practicarase unha reducción do 99% do mencionado valor cando concorran as seguintes circunstancias:

a) Que o centro de xestión da empresa ou do negocio profesional, ou o domicilio fiscal da entidade, se encontre situado en Galicia e se manteña durante os cinco anos seguintes á data de devengo do imposto.

b) Que na data do devengo do imposto á empresa individual, ó negocio profesional ou ás participacións lles sexa de aplicación a exención regulada no apartado 8º do artigo 4 da Lei 19/1991, do 6 de xuño, do imposto sobre o patrimonio.

c) Que, cando se trate de participacións en entidades, estas teñan a consideración de empresas de reducida dimensión consonte o disposto no artigo 122 da Lei 43/1995, do 27 de decembro, do imposto de sociedades.

d) Que a adquisición corresponda ó cónxuxe, descendentes ou adoptados, ascendentes ou adoptantes e colaterais, por consanguinidade ata o terceiro grao inclusive, do causante.

e) Que o adquirente manteña o adquirido e teña dereito á exención no imposto sobre o patrimonio durante os cinco anos seguintes ó devengo do imposto, agás que dentro do dito prazo falecese o adquirente ou transmitise a adquisición en virtude de pacto sucesorio consonte o previsto na Lei de dereito civil de Galicia.

Dous.-As reduccións previstas no número anterior serán incompatibles, para unha mesma adquisición, entre si e coa aplicación das reduccións reguladas no apartado 2.c) do artigo 20 da Lei 29/1987, do 18 de decembro, do imposto sobre sucesións e doazóns, ou coas previstas en leis especiais en relación con este imposto.

Tres.-Se deixasen de cumprirse os requisitos de permanencia da adquisición ou mantemento do centro de xestión ou, de se-lo caso, o domicilio fiscal ou o dereito á exención no imposto sobre o patrimonio, deberá pagarse a parte do imposto que se deixase de ingresar como consecuencia da reducción practicada e os intereses de demora.

Catro.-Para os efectos das reduccións previstas nos puntos 1 e 2 do apartado Un deste artigo, os termos de «explotación agraria», «agricultor profesional» e «elementos dunha explotación» son os definidos na Lei 19/1995, do 4 de xullo, de modernización das explotacións agrarias.

Capítulo II Impostos indirectos

Artigo 3.-Tipo de gravame na modalidade de actos xurídicos documentados que recae sobre os documentos notariais.

No exercicio das competencias atribuídas pola Lei 32/1997, do 4 de agosto, de modificación do réxime de cesión de tributos do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, e consonte o disposto no apartado 5 do artigo 13 da Lei 14/1996, do 30 de decembro, e o establecido no artigo 31.2 do Real decreto lexislativo 1/1993, do 24 de setembro, polo que se aproba o texto refundido do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, o tipo de gravame aplicable será:

1. Para as primeiras copias de escritura e actas notariais, o 1%.

2. Para as primeiras copias de escrituras que documenten a primeira adquisición de vivenda habitual ou a constitución de préstamos hipotecarios destinados ó seu financiamento, o 0,75%.

Para estes efectos, haberá que aterse ó concepto de vivenda habitual previsto na normativa reguladora do imposto sobre a renda das persoas físicas.

Capítulo III Taxas

Artigo 4.-Taxa sobre rifas, tómbolas, apostas e combinacións aleatorias.

No uso das competencias atribuídas pola Lei 32/1997, do 4 de agosto, de modificación do réxime de cesión de tributos do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, e consonte o disposto no apartado Seis do artigo 13 da Lei 14/1996, do 30 de decembro, de cesión de tributos do Estado ás comunidades autónomas e de medidas fiscais complementarias, modifícanse as tarifas e as exencións da taxa sobre rifas, tómbolas, apostas e combinacións aleatorias, no sentido que a continuación se indica:

Un.-Tarifas.

1. Rifas e tómbolas.

a) As rifas e tómbolas tributarán con carácter xeral ó 10% do importe total dos boletos ou billetes ofrecidos.

b) Nas tómbolas de duración inferior a quince días organizadas con ocasión de mercados, feiras ou festas de ámbito local e sempre que os seus premios non excedan dun valor total de 3.000 euros o suxeito pasivo poderá optar entre satisface-la taxa consonte o tipo sinalado na letra a) anterior ou ben a razón de 300 euros por cada día de duración en capitais de provincia ou poboacións con máis de 75.000 habitantes, 210 euros en poboacións entre 15.000 e 75.000 habitantes e 90 euros por cada día de duración en poboacións inferiores a 15.000 habitantes.

2. Apostas: o tipo será con carácter xeral dun 8,5% do importe total dos billetes ou boletos vendidos.

3. Combinacións aleatorias: nas combinacións aleatorias, o tipo será do 12% do valor dos premios ofrecidos.

Dous.-Exencións. Quedan exentos do pagamento destas taxas:

1. A realización de apostas mutuas deportivas, cando a organización e o desenvolvemento delas estean ó cargo da entidade pública empresarial Loterías e Apostas do Estado.

2. Os sorteos organizados pola ONCE.

3. Os sorteos de amortización e capitalización que estean legalmente autorizados.

4. A realización de tómbolas diocesanas de caridade, nas condicións que regulamentariamente se determinen.

5. A realización de sorteos, tómbolas e rifas que organice a Cruz Vermella, nas condicións que regulamentariamente se determinen.

6. As rifas organizadas ou realizadas sen ánimo de lucro con motivo de acontecementos educativos, sociais ou festivos, sempre que o producto íntegro da venda dos billetes ofrecidos non supere os 12.000 euros e o premio ofrecido teña un valor inferior a 1.500 euros.

Artigo 5.-Taxa sobre xogos de sorte, envite ou azar.

No uso das competencias atribuídas pola Lei 32/1997, do 4 de agosto, de modificación do réxime de cesión de tributos do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, e consonte o disposto no apartado Seis do artigo 13 da Lei 14/1996, do 30 de decembro, de cesión de tributos do Estado ás comunidades autónomas e de medidas fiscais complementarias, modifícanse a regulación da base impoñible e mailos tipos de gravame e cotas fixas da taxa sobre xogos de sorte, envite ou azar, no sentido que a continuación se indica:

Un.-Base impoñible.

A base impoñible da taxa virá constituída polos ingresos brutos que sexan obtidos polos suxeitos pasivos, no caso do xogo en casinos ou do xogo da lotería instantánea electrónica. Entenderase por ingresos brutos a diferencia entre o importe total dos ingresos obtidos procedentes do xogo e as cantidades satisfeitas ós xogadores polas súas ganancias.

No resto de supostos a base impoñible virá constituída polas cantidades que os xogadores dediquen á súa participación nos xogos que teñan lugar nos distintos locais, instalacións ou recintos onde se realicen xogos de sorte, envite ou azar.

Dous.-Tipos de gravame e cotas fixas:

1. O tipo de gravame xeral será do 20%.

2. Nos casinos de xogo aplicarase a seguinte tarifa:

[figura]

3. Nos casos de explotación de máquinas ou aparatos automáticos aptos para a realización dos xogos, a cota determinarase en función da clasificación das máquinas realizada pola Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia, segundo as normas seguintes:

A) Máquinas tipo A especial.

Cota anual: 1.000 euros.

B) Máquinas tipo B ou recreativas con premio.

a) Cota anual: 3.125,28 euros.

b) Cando se trate de máquinas ou aparatos automáticos tipo B nos que poidan intervir dous ou máis xogadores de forma simultánea e sempre que o xogo de cada un deles sexa independente do realizado por outros xogadores, serán de aplicación as seguintes cotas:

-Máquinas ou aparatos de dous xogadores: dúas cotas de acordo co previsto na letra a) anterior.

-Máquinas ou aparatos de tres ou máis xogadores: 6.400 euros máis o resultado de multiplicar por 2.580 o producto do número de xogadores polo prezo autorizado para a partida.

C) Máquinas tipo C ou de azar.

Cota anual: 4.562,28 euros.

No caso de modificación do prezo máximo de 0,20 euros autorizado para a partida en máquinas de tipo B ou recreativas con premio, as cotas tributarias establecidas na letra B) anterior incrementaranse en 65,45 euros por cada 0,04 euros no que se incremente o novo prezo máximo autorizado.

Se a modificación se producise con posterioridade ó devengo da taxa, os suxeitos pasivos que exploten máquinas con permisos de data anterior a aquela na que se autorice a suba deberán autoliquidar e ingresa-la diferencia de cota que corresponda na forma e nos prazos que determine a Consellería de Economía e Facenda.

Malia o previsto no parágrafo anterior, a autoliquidación e ingreso será só do 50% da diferencia, se a modificación do prezo máximo autorizado para a partida se produce despois do 30 de xuño.

4. Os tipos de gravame e as cotas fixas poderán ser modificados na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

TÍTULO II Normas en materia de función pública

Artigo 6.-Funcionarios de Administración local. Modificación da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia.

Engádeselle un artigo 13 bis á Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, que quedará redactado da seguinte forma:

«Correspóndelle ó conselleiro competente en materia de Administración local exerce-las competencias que, respecto dos funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional, lle correspondan á Comunidade Autónoma de Galicia.».

Artigo 7.-Creación de corpos e escalas. Modificación da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia.

Modifícase o punto 2 do artigo 20 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, que terá a redacción seguinte:

«2. A lei de creación deberá conte-los seguintes elementos:

a) Denominación do corpo e escalas de que, se é o caso, se compoña.

b) Grupo no que se clasifica e o sistema de selección aplicable.

c) Funcións que deban desempeña-los seus compoñentes, que non se poderán corresponder coas atribuídas ós órganos da administración.

d) Nivel de titulación ou titulacións concretas esixidas para o ingreso nos corpos e escalas. Malia o anterior, cando o Goberno aprobe novas titulacións ou se produzan modificacións na normativa educativa vixente, o Consello da Xunta, mediante decreto, poderá establece-las titulacións equivalentes ás legalmente esixidas.».

Artigo 8.-Provisión de postos de traballo vacantes. Modificación da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia.

Modifícase o punto 1 do artigo 27 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, que quedará redactado nos seguintes termos:

«1. Concurso. Constitúe o sistema normal de provisión. Nel teranse en conta unicamente os méritos esixidos na correspondente convocatoria, entre os que figurarán os adecuados ás características de cada posto de traballo, así como a posesión dun determinado grao persoal, a valoración do traballo desenvolvido en anteriores postos, os cursos de formación e perfeccionamento superados que teñan relación cos postos de traballo que se van cubrir e a antigüidade.

Para tal efecto crearanse comisións de valoración, das que se determinará regulamentariamente a súa composición e o seu funcionamento.

Os funcionarios deberán permanecer en cada posto de traballo de destino definitivo obtido por concurso un mínimo de dous anos para poderen participar nos concursos de provisión, a non ser por supresión do posto de traballo. No cómputo do dito período incluirase o tempo de destino provisional que, de se-lo caso, con carácter excepcional, desempeñasen nun posto os funcionarios de novo ingreso.».

Artigo 9.-Mobilidade dos funcionarios públicos. Modificación da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia.

Modifícase o punto 2 do artigo 42 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, que queda redactado da seguinte forma:

«2. Ós funcionarios da Administración do Estado, das comunidades autónomas e das corporacións locais que, mediante os procedementos legalmente establecidos, pasen a ocupar postos de traballo na administración pública desta Comunidade Autónoma seralles aplicable a lexislación da función pública desta.

Os anteditos funcionarios que, mediante transferencia ou por calquera outro sistema previsto na normativa aplicable, pasen a ocupar postos de traballo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia con carácter definitivo integraranse no correspondente corpo ou escala.».

Artigo 10.-Grao persoal dos funcionarios. Modificación da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia.

Modifícase o punto 2 do artigo 62 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, que pasará a te-lo seguinte contido:

«2. O grao persoal adquírese polo desempeño dun ou máis postos de nivel correspondente durante dous anos continuados ou durante tres con interrupción. Se durante o tempo en que o funcionario desempeña un posto se modificase o nivel destes, o tempo do desempeño computarase no nivel máis alto co que tal posto estivese clasificado.

Malia o disposto no parágrafo anterior, os funcionarios que obteñan un posto de traballo superior en máis de dous niveis ó correspondente ó seu grao persoal consolidarán cada dous anos de servicios continuados o grao superior en dous niveis ó que posuísen sen que en ningún caso poidan supera-lo correspondente ó do posto desempeñado.

Os funcionarios de novo ingreso comezarán a consolida-lo grao correspondente ó nivel de complemento de destino do primeiro posto ó que se lles adscriba, de forma provisional ou definitiva, trala superación do proceso selectivo.».

Artigo 11.-Titulacións para o acceso a distintas escalas. Modificación da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia.

Engádeselle unha disposición adicional décimo segunda á Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, co seguinte contido:

«De conformidade co apartado d) do punto 2 do artigo 20 desta lei, o Consello da Xunta, mediante decreto, poderá establece-las titulacións equivalentes ás requiridas para o acceso ás distintas escalas creadas polo artigo 16 da Lei 15/1991, do 28 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma galega para 1992, e pola Lei 12/1992, do 9 de novembro, de creación de determinadas escalas de persoal funcionario ó servicio da Xunta de Galicia.».

Artigo 12.-Persoal laboral fixo. Modificación da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia.

Engádeselle unha disposición adicional décimo terceira á Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, coa redacción seguinte:

«O persoal laboral fixo que preste os seu servicios en postos de traballo reservados a persoal funcionario poderá participar nas probas de acceso ós corpos e escalas ós que figuren adscritos os postos correspondentes, sempre que posúan a titulación necesaria e reúnan os restantes requisitos esixidos.

As ditas probas de acceso convocaranse pola quenda de afectados polo artigo 15 da Lei 30/1984, do 2 de agosto, de medidas para a reforma da función pública (BOE do 3 de agosto), e polo artigo 25 desta lei.

«Só poderá participar nestas probas o persoal laboral fixo que estea con carácter definitivo en postos de persoal funcionario, así como o persoal laboral que, atopándose na situación anterior, figure en situación de excedencia con dereito a reserva de posto de traballo conforme a normativa laboral aplicable. Non poderá participa-lo persoal afectado polas disposicións transitorias décima e décimo primeira desta lei.

O persoal laboral que supere as probas de acceso quedará destinado nos mesmos postos de traballo que viña ocupando e poderá participar en concursos de traslados sen necesidade de permanecer dous anos no posto no que está destinado.».

Artigo 13.-Creación das escalas de inspección e subinspección de consumo.

Créase, dentro do corpo de xestión da Xunta de Galicia, grupo B, a escala técnica de inspección de consumo, e dentro do corpo administrativo da Xunta de Galicia, grupo C, a escala de subinspección de consumo.

A súa estructura, dependencia, funcións concretas e funcionamento orgánico serán establecidos regulamentariamente.

Artigo 14.-Escala de axentes forestais. Modificación da Lei 12/1992, do 9 de novembro, de creación de determinadas escalas de persoal funcionario ó servicio da Xunta de Galicia.

Modifícase o punto 1 do artigo 6 da Lei 12/1992, do 9 de novembro, de creación de determinadas escalas de persoal funcionario ó servicio da Xunta de Galicia, que queda redactado nos seguintes termos:

«1. Escala de axentes forestais, que desenvolverá as funcións obxecto da súa profesión en relación coa tutela e xestión dos recursos naturais renovables e coa conservación da natureza.».

Artigo 15.-Escala superior de finanzas.

As especialidades de inspección financeira e tributaria e mais de xestión tributaria da escala superior de finanzas creada polo artigo 16.3 da Lei 15/1991, do 28 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma galega para o ano 1992, unifícanse nunha única especialidade de inspección e xestión financeira e tributaria, que asumirá as funcións asignadas nos apartados a) e b) do mencionado artigo ás especialidades que son obxecto de refundición.

Artigo 16.-Escala técnica de finanzas.

As especialidades técnicas de inspección financeira e tributaria e mais de xestión tributaria da escala técnica de finanzas creada polo artigo 17.2 da Lei 15/1991, do 28 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma galega para o ano 1992, unifícanse nunha única especialidade técnica de inspección e xestión financeira e tributaria, á que lle corresponde a asistencia e colaboración no exercicio das funcións que ten encomendadas a especialidade do mesmo nome na escala superior de finanzas, así como as funcións que se especifiquen nas relacións de postos de traballo.

Artigo 17.-Integración do persoal funcionario nas novas especialidades das escalas de finanzas.

O persoal funcionario de carreira que á entrada en vigor desta lei pertenza ás especialidades de inspección financeira e tributaria ou xestión tributaria da escala superior de finanzas quedará integrado, coa mesma data de efectos, na nova especialidade de inspección e xestión financeira e tributaria da dita escala, conservando tódolos dereitos derivados do seu acceso ou integración na especialidade de procedencia.

Igualmente, o persoal funcionario de carreira que á entrada en vigor desta lei pertenza ás especialidades técnicas de inspección financeira e tributaria ou técnica de xestión tributaria da escala técnica de finanzas quedará integrado, con efectos desde a mesma data, na nova especialidade técnica de inspección e xestión financeira e tributaria da dita escala, conservando tódolos dereitos derivados do seu acceso ou integración na especialidade de procedencia.

A integración establecida neste artigo acreditarase mediante a expedición da correspondente dilixencia pola unidade de persoal da consellería ou organismo no que preste servicio o persoal afectado.

TÍTULO III Normas de xestión e organización administrativa

Artigo 18.-Servicio Galego de Saúde.

Correspóndelle ó Servicio Galego de Saúde a autorización das modificacións, dentro de cada centro de xestión, dos cadros de persoal estatutario, de persoal MIR e de calquera outro tipo de persoal de institucións sanitarias dependentes do organismo non incluídos nas relacións de postos de traballo, sempre que a modificación acordada non supoña un incremento dos créditos do artigo correspondente do devandito centro.

En idénticas condicións correspóndelle ó Servicio Galego de Saúde a autorización da modificación prevista no parágrafo anterior dos cadros de persoal funcionario sanitario pertencentes ás clases de médicos, practicantes e matronas titulares.

En todo caso, daráselle conta á Consellería de Economía e Facenda unha vez tramitada a correspondente modificación.

Artigo 19.-Profesores de corpos docentes.

Sen prexuízo do establecido con carácter xeral no artigo 68, punto 5, da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, e en atención ás peculiaridades do persoal docente, recoñecidas polo artigo 1, punto 2, da referida lei, e con carácter de transitoriedade durante o período de implantación da reforma educativa prevista pola Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, os profesores dos corpos docentes previstos no ámbito de xestión da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderán percibir ata o total das súas retribucións tanto básicas coma complementarias cando sexan autorizados para o desfrute de licencias por estudios durante o curso escolar, nos supostos, termos, prazos e condicións que determine a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, co informe favorable das consellerías de Economía e Facenda e da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública.

Artigo 20.-Intervención limitada. Modificación do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Modifícase o apartado a) do punto 1 do artigo 97 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, que queda redactado da seguinte forma:

«a) Os gastos de obras, de xestión administrativa, de subministración, de consultoría e asistencia e dos servicios, por importe inferior ó que se é o caso se estableza na Lei de orzamentos de cada ano.».

Artigo 21.-Gastos plurianuais. Modificación do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Modifícase o punto 6 do artigo 58 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, que queda redactado como segue:

«6. O Consello da Xunta, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, poderá modifica-las porcentaxes sinaladas no número 3 deste artigo e os importes que se fixen conforme o disposto no número 5, así como modifica-lo número de anualidades en casos especialmente xustificados, por petición da correspondente consellería e logo dos informes que se xulguen oportunos, e, en todo caso, do da dirección xeral competente en materia de orzamentos.

Este procedemento será igualmente de aplicación no caso dos contratos de obras que se efectúen baixo a modalidade de aboamento total deles, segundo o previsto no artigo 99.2 do texto refundido da Lei de contratos das administracións públicas, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2000, do 16 de xuño, ben se pacte o aboamento total do prezo dunha soa vez ou se fraccione en distintas anualidades, que non poderán ser superiores a dez desde a data fixada para a conclusión das obras.».

Artigo 22.-Infraccións graves. Modificación da Lei 6/1991, do 15 de maio, de infraccións en materia de protección de recursos marítimo-pesqueiros.

Engádenselle trece novos apartados, 28) a 40), ó artigo 6 da Lei 6/1991, do 15 de maio, de infraccións en materia de protección de recursos marítimo-pesqueiros, que quedarán redactados nos seguintes termos:

«28) A comercialización de productos procedentes da pesca, do marisqueo e da acuicultura incumprindo as normas de etiquetaxe, presentación e publicidade esixidos para os ditos productos.

29) A realización de operacións de construcción ou modernización de buques pesqueiros á marxe ou con incumprimento das preceptivas autorizacións dos órganos competentes da Comunidade Autónoma no ámbito das súas competencias.

30) O cambio de base do buque pesqueiro sen obter previamente a correspondente autorización administrativa ou a súa utilización incorrecta, salvo en supostos de forza maior.

31) A non-expedición da nota de venda ou a inclusión de datos falsos nela.

32) O transporte de productos procedentes da pesca, do marisqueo e da acuicultura sen a correspondente documentación esixida pola normativa vixente.

33) O exercicio de actividades profesionais pesqueiras sen estar en posesión da titulación que acredita a capacitación e formación profesional marítimo-pesqueira.

34) A alteración dos datos e circunstancias que figuren no correspondente permiso de explotación.

35) Non ter regulamentariamente balizados as artes, aparellos ou útiles de pesca, así como a utilización de boias ou balizas que non cumpran a normativa vixente.

36) O incumprimento da obriga de respectar distancias mínimas para buques e artes establecidas na normativa vixente, co fin de entorpece-las actividades pesqueiras.

37) O uso ou tenza a bordo de artes, aparellos ou útiles de pesca ou marisqueo distintos ós autorizados no permiso de explotación.

38) Non cubri-lo diario de pesca ou a declaración de desembarque, ou facelo alterando os datos relativos ás capturas ou ó esforzo de pesca ou infrinxindo a normativa en vigor, así como non levar a bordo o citado diario.

39) O incumprimento da obriga de levar visible o folio e a matrícula da embarcación ou calquera outro distintivo, impedi-la súa visualización ou manipula-la dita matrícula, cando dificulte o exercicio da actividade inspectora.

40) O incumprimento da normativa vixente relativa á potencia dos motores e outros parámetros establecidos para as embarcacións.».

Artigo 23.-Infraccións moi graves. Modificación da Lei 6/1991, do 15 de maio, de infraccións en materia de protección de recursos marítimo-pesqueiros.

Engádenselle dous novos apartados, 14) e 15), ó artigo 7 da Lei 6/1991, do 15 de maio, de infraccións en materia de protección de recursos marítimo-pesqueiros, que quedarán redactados como segue:

«14) A obtención dos títulos administrativos habilitantes precisos con base en documentos ou informacións falsas.

15) A extracción, posesión, transporte e comercialización de especies mariñas procedentes de zonas de producción cerradas por motivos hixiénico-sanitarios.».

Artigo 24.-Expediente sancionador. Modificación da Lei 6/1991, do 15 de maio, de infraccións en materia de protección de recursos marítimo-pesqueiros.

Modifícase o apartado c) do punto 2 do artigo 11 da Lei 6/1991, do 15 de maio, de infraccións en materia de protección de recursos marítimo-pesqueiros, que quedará redactado da seguinte forma:

«c) Incauta-las artes, os aparellos, os utensilios de pesca e marisqueo, os vehículos, as embarcacións ou os equipamentos de todo xénero que fosen utilizados na comisión de infraccións tipificadas nesta lei.».

Artigo 25.-Sancións. Modificación da Lei 6/1991, do 15 de maio, de infraccións en materia de protección de recursos marítimo-pesqueiros.

Engádeselle un novo artigo 12 bis á Lei 6/1991, do 15 de maio, de infraccións en materia de protección de recursos marítimo-pesqueiros, que quedará redactado como segue:

«1. Os títulos administrativos habilitantes requiridos para o exercicio da pesca, do marisqueo e dos cultivos mariños non poderán ser outorgados, renovados, prorrogados nin transmitidos a aquelas persoas, físicas ou xurídicas, que teñan sanción firme en materia de protección de recursos marítimo-pesqueiros pendente de pagamento.

2. O establecido no apartado anterior será igualmente de aplicación a aquelas persoas, físicas ou xurídicas, que pretendan transmiti-los ditos títulos administrativos.».

Artigo 26.-Procedemento sancionador. Modificación da Lei 6/1991, do 15 de maio, de infraccións en materia de protección de recursos marítimo-pesqueiros.

Un.-Modifícase o apartado 6 do artigo 16 da Lei 6/1991, do 15 de maio, de infraccións en materia de protección de recursos marítimo-pesqueiros, que terá a redacción seguinte:

«6. As resolucións condenatorias, sen prexuízo das responsabilidades establecidas nos artigos anteriores, poderán declara-lo comiso de tódolos aparellos, artes, útiles, instrumentos, vehículos, embarcacións ou equipos de todo xénero empregados para a comisión dalgúns dos feitos tipificados como infracción nesta lei.

De acordo coa resolución do expediente sancionador, cando o uso dos obxectos mencionados no parágrafo anterior non sexa susceptible dun uso lícito serán destruídos, levantándose a correspondente acta, e se o seu uso fose lícito depositaranse nas dependencias da consellería competente en materia de pesca para a súa devolución ou rescate ou para o seu alleamento en pública poxa.».

Dous.-Engádeselle un novo apartado 8 ó artigo 16 da Lei 6/1991, do 15 de maio, de infraccións en materia de protección de recursos marítimo-pesqueiros, que quedará redactado como segue:

«8. Se non recaese resolución transcorridos doce meses desde a iniciación do procedemento sancionador, tendo en conta as posibles interrupcións por causas imputables ós interesados, declararase a caducidade das actuacións.».

Artigo 27.-Consello de Administración. Modificación da Lei 5/1994, do 29 de novembro, de creación do ente público Portos de Galicia.

Modifícase o apartado e) do artigo 7 da Lei 5/1994, do 29 de novembro, de creación do ente público Portos de Galicia, que quedará redactado como segue:

«e) Propoñerlles ós órganos competentes da Xunta de Galicia, a través da consellería competente en materia de portos, a aprobación dos plans de obras, de instalacións dos portos e das súas ampliacións, así como dos plans especiais de ordenación portuaria.

Cando se trate de plans de obras ou instalacións portuarias e as súas ampliacións ou plans especiais de ordenación portuaria cun contido de natureza pesqueira, previamente á súa elevación ó órgano competente para a súa aprobación, pediráselle informe á consellería competente en materia de pesca.».

Artigo 28.-Competencias do Consello da Xunta. Modificación da Lei 5/1994, do 29 de novembro, de creación do ente público Portos de Galicia.

Engádeselle un novo apartado i) ó artigo 10 da Lei 5/1994, do 29 de novembro, de creación do ente público Portos de Galicia, redactado nos seguintes termos:

«i) Adscribi-las zonas de interese de cultivos mariños en dominio público portuario á consellería competente en materia de pesca para os efectos do exercicio das súas competencias en materia de acuicultura.

Enténdese, para os efectos desta lei, como zonas de interese de cultivos mariños aquelas zonas das augas do dominio público portuario que polas súas óptimas condicións para tal actividade aconsellen unha especial protección e así sexan declaradas polo Consello da Xunta de Galicia por proposta da consellería competente en materia de pesca.».

Artigo 29.-Atribucións da consellería competente en materia de pesca. Modificación da Lei 5/1994, do 29 de novembro, de creación do ente público Portos de Galicia.

Engádeselle un novo artigo 11 bis, «Atribucións da consellería competente en materia de pesca», á Lei 5/1994, do 29 de novembro, de creación do ente público Portos de Galicia, que terá a redacción seguinte:

«a) A construcción de lonxas, fábricas de xeo e outras edificacións do recinto portuario destinadas a actividades pesqueiras, acuícolas ou marisqueiras, debéndolle solicitar, previamente, a Portos de Galicia informe preceptivo e vinculante sobre a súa localización.

b) Autoriza-la realización de actividades de acuicultura, pesca e marisqueo que teñan lugar nos portos ou no dominio público portuario, con carácter previo ó outorgamento das concesións e autorizacións para a ocupación do dito dominio que corresponde ó seu titular.

c) Emitir, con carácter preceptivo, informe sobre a relación de actuacións previstas no programa de infraestructura pesqueira do orzamento xeral de Portos de Galicia.».

Artigo 30.-Patrimonio. Modificación da Lei 5/1994, do 29 de novembro, de creación do ente público Portos de Galicia.

Modifícanse os puntos 1 e 5 do artigo 17 da Lei 5/1994, do 29 de novembro, de creación do ente público Portos de Galicia, que quedan redactados da seguinte maneira:

«1. Para o desempeño das súas funcións adscríbenselle a Portos de Galicia os bens e dereitos que integran o dominio público portuario autonómico á entrada en vigor desta lei, así como os posteriores incorporados a este por calquera título, sen prexuízo dos bens de dominio público portuario adscritos á consellería competente en materia de pesca para o exercicio das súas facultades en acuicultura e ordenación do sector pesqueiro.

5. O Consello da Xunta dictará, logo da proposta da Consellería de Economía e Facenda e informe da consellería competente en materia de portos e da consellería competente en materia de pesca, as normas para a formación e permanente actualización do Inventario de bens e dereitos de Portos de Galicia, que se axustarán ás prescricións da Lei do patrimonio da Comunidade Autónoma e do seu regulamento.».

Artigo 31.-Administración hidráulica de Galicia. Modificación da Lei 8/1993, do 23 de xuño, de Administración hidráulica de Galicia.

Un.-Modifícase o punto 1 do artigo 7 da Lei 8/1993, do 23 de xuño, de Administración hidráulica de Galicia, que queda redactado da seguinte forma:

«1. Augas de Galicia é un organismo autónomo de carácter administrativo, adscrito á Consellería de Medio Ambiente, e dotado de plena autonomía para o cumprimento das funcións que esta lei lle asigna, coa participación nos seus órganos colexiados dos usuarios.».

Dous.-A empresa pública de Obras e Servicios Hidráulicos, creada pola disposición adicional primeira da Lei 8/1993, do 23 de xuño, de Administración hidráulica de Galicia, adscrita á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, tal como se recolle no artigo 4 dos seus estatutos aprobados polo Decreto 125/1996, do 7 de marzo, exercerá as funcións de xestión de obras e prestación de servicios que lle sexan encomendadas dentro do programa de actuacións do organismo autónomo Augas de Galicia.

Tres.-A Comisión Delegada da Xunta de Galicia para o Medio Ambiente actuará, de conformidade coas funcións previstas no Decreto 239/1999, do 29 de xullo, como instrumento de coordinación entre os diferentes entes e organismos que constitúen a Administración hidráulica de Galicia, co fin de garanti-lo eficaz e adecuado desenvolvemento das súas actuacións.

Artigo 32.-Competencias da Xunta de Galicia. Modificación da Lei 3/2000, do 22 de decembro, do voluntariado de Galicia.

Modifícase o punto 2 do artigo 16 da Lei 3/2000, do 22 de decembro, do voluntariado de Galicia, que quedará redactado da seguinte maneira:

«2. As competencias que se lle atribúen á Xunta de Galicia nesta lei serán exercidas pola consellería competente en materia de asuntos sociais, a través do Servicio Galego de Voluntariado, sen prexuízo das actuacións que lles correspondan a cada unha das demais consellerías por razón da materia.».

Artigo 33.-Servicio Galego de Voluntariado. Modificación da Lei 3/2000, do 22 de decembro, do voluntariado de Galicia.

Modifícase o punto 1 do artigo 24 da Lei 3/2000, do 22 de decembro, do voluntariado de Galicia, que quedará redactado da forma seguinte:

«1. Créase o Servicio Galego de Voluntariado como organismo especializado en materia de voluntariado adscrito á consellería con competencias en materia de asuntos sociais.».

Artigo 34.-Consello Galego de Voluntariado. Modificación da Lei 3/2000, do 22 de decembro, do voluntariado de Galicia.

Modifícase o punto 1 do artigo 25 da Lei 3/2000, do 22 de decembro, do voluntariado de Galicia, que quedará redactado da seguinte forma:

«1. Créase o Consello Galego de Voluntariado da Comunidade Autónoma de Galicia como órgano consultivo e asesor en materia de voluntariado, adscrito á consellería con competencias en materia de asuntos sociais.».

Artigo 35.-Composición do Consello Galego de Voluntariado. Modificación da Lei 3/2000, do 22 de decembro, do voluntariado de Galicia.

Modifícase o apartado b) do punto 1 do artigo 26 da Lei 3/2000, do 22 de decembro, do voluntariado de Galicia, que quedará redactado nos seguintes termos:

«b) O titular da consellería con competencias en materia de asuntos sociais.».

Artigo 36.-Rexistro de entidades de acción voluntaria. Modificación da Lei 3/2000, do 22 de decembro, do voluntariado de Galicia.

Modifícase o punto 1 do artigo 28 da Lei 3/2000, do 22 de decembro, do voluntariado de Galicia, que quedará redactado da seguinte forma:

«1. Créase o Rexistro público de entidades de acción voluntaria da Comunidade Autónoma de Galicia, adscrito á consellería competente en materia de asuntos sociais e xestionado polo Servicio Galego de Voluntariado.».

Artigo 37.-Creación da Axencia para a Xestión Integrada, Calidade e Avaliación da Formación Profesional.

Un.-Natureza e réxime xurídico.

1. Créase, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a Axencia para a Xestión Integrada, Calidade e Avaliación da Formación Profesional, como un ente de dereito público dos previstos no artigo 12.1.b) do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

2. A axencia queda adscrita á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

3. Os actos da axencia sometidos ó dereito administrativo poderán ser impugnados mediante os recursos previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Dous.-Recursos.

Para cumpri-los seus fins e desempeña-las funcións que lle son propias, a Axencia para a Xestión Integrada, Calidade e Avaliación da Formación Profesional contará cos seguintes recursos:

1. Recursos ordinarios.

a) A dotación económica que se lle consigne nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Os bens mobles e inmobles e as instalacións que para o cumprimento dos seus fins lle sexan adscritos pola Xunta de Galicia.

2. Recursos extraordinarios.

a) Os ingresos derivados da distribución de productos realizados pola axencia en exclusiva ou en colaboración con outros organismos públicos, entidades privadas ou persoas físicas.

b) As subvencións, achegas voluntarias ou doazóns que lle sexan outorgadas ó seu favor por institucións, entidades ou particulares.

c) Calquera outro recurso que se puidese xerar e se lle puidese atribuír.

Tres.-Réxime orzamentario, contabilidade e control interno.

1. A elaboración, aprobación, contido e estructura do seu orzamento así como o control da súa actividade económica e financeira, e o réxime da súa contabilidade, rexeranse polo disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e na correspondente normativa orzamentaria en vigor.

2. O control das actividades económicas e financeiras será exercido pola Intervención Xeral, nos termos do devandito texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario.

Catro.-Ámbito competencial e funcións.

1. Ámbitos de actuación:

a) Xestión integrada do sistema de cualificación, formación e orientación profesional.

b) Avaliación da competencia profesional da poboación activa, sen prexuízo das competencias que de forma específica puidesen corresponderlles nesta materia a outros órganos da Comunidade Autónoma.

c) Mellora da calidade do sistema de formación profesional, avaliando os subsistemas que o compoñen.

2. Funcións relacionadas co ámbito da xestión integrada:

a) Coordina-los centros integrados de formación profesional.

b) Impulsa-lo desenvolvemento de «ofertas integradas de formación profesional».

c) Promociona-las relacións entre centros formativos e empresas ou centros de traballo.

d) Contribuír ás funcións básicas do sistema de formación profesional de: formación do profesorado, renovación da innovación e desenvolvemento (I+D) da didáctica de formación profesional e información e orientación profesional.

3. As funcións relacionadas co ámbito da avaliación da competencia profesional da poboación activa serán aquelas establecidas no marco competencial vixente para esta Comunidade Autónoma.

4. Funcións relacionadas co ámbito da mellora da calidade do sistema de formación profesional:

a) Impulsa-la calidade e avaliación dos programas formativos.

b) Promove-la calidade dos tres subsistemas de formación profesional: específica, ocupacional e continua.

c) Avalia-lo conxunto do sistema integrado de formación profesional.

d) Implementar programas de mellora da calidade do sistema de formación profesional sobre a formación, actualización e desenvolvemento de proxectos de innovación tecnolóxico-didáctica da formación profesional.

5. Outras funcións:

a) Ademais destas funcións, a Axencia para a Xestión Integrada, Calidade e Avaliación da Formación Profesional poderá elaborar informes e estudios así como eleva-las propostas que xulgue oportunas ós órganos competentes a prol da mellora da calidade do sistema de formación profesional e da avaliación da formación asociada ó dito sistema.

b) Así mesmo, desenvolverá todas aquelas funcións que se lle atribúan por outras disposicións normativas ou lle sexan encomendadas polos órganos que dirixen a execución do Plan galego de formación profesional.

Cinco.-Estructura orgánica.

1. Á fronte da Axencia para a Xestión Integrada, Calidade e Avaliación da Formación Profesional haberá un director encargado da coordinación e do impulso dos traballos e actividades desta, que terá rango de subdirector xeral.

2. Pola súa vez, establécese a creación de dous servicios que se ocuparán da xestión integrada e mais da calidade e avaliación do sistema, á fronte dos que estarán dúas persoas con rango de xefes de servicio.

3. Os dous servicios mencionados exercerán as funcións que se establezan no desenvolvemento desta lei.

4. A axencia contará co persoal e cos medios técnicos necesarios para acometer tódalas funcións que se lle asignen.

Disposicións adicionais

Primeira.-Alleamento de solo empresarial polo Instituto Galego da Vivenda e Solo.

Autorízase o Instituto Galego da Vivenda e Solo, nos supostos de alleamento de terreos destinados á creación de solo industrial ou de parcelas ou parques empresariais terminados que se realicen a favor das sociedades públicas maioritariamente participadas polo dito organismo, para que o alleamento se poida efectuar con pagamento aprazado non superior a dez anos e sen repercusión de intereses.

Segunda.-Natureza e funcións. Modificación da Lei 9/1984, do 11 de xullo, de creación da Compañía de Radio-Televisión de Galicia.

Modifícase o artigo 1 da Lei 9/1984, do 11 de xullo, de creación da Compañía de Radio-Televisión de Galicia, que quedará redactado nos seguintes termos:

«1. Créase no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, co carácter de entidade de dereito público, a Compañía de Radio-Televisión de Galicia, á que lle corresponde a xestión directa dos servicios públicos de radiodifusión e televisión competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, encargo que levará a cabo consonte o seguinte:

1.1. Atribúeselle á Compañía de Radio-Televisión de Galicia a misión de servicio público consistente na promoción, difusión e impulso da lingua galega, así como a atención á máis ampla audiencia, ofrecendo calidade e a máxima continuidade e cobertura xeográfica, social e cultural, propiciando o acceso ós distintos xéneros de programacións e ós eventos institucionais, sociais, culturais e deportivos, dirixíndose a tódolos segmentos de público, idades e grupos sociais, e favorecendo activamente a difusión cultural, intelectual e artística e dos coñecementos cívicos, económicos, sociais, científicos e técnicos mediante toda clase de emisións en lingua galega realizadas pola dita Compañía a través das sociedades Radiotelevisión de Galicia, S.A. e Televisión de Galicia, S.A., así como de calquera outra que poida crear no futuro.

1.2. Para o desenvolvemento das misións de servicio público encomendadas, actuando baixo o obxectivo de rendibilidade social e eficiencia económica, a Compañía de Radio-Televisión de Galicia deberá promover activamente os principios de programación sinalados nesta lei, fomenta-la producción audiovisual propia de Galicia, ofrecer programacións e emisións que coadxuven á proxección cara ó exterior de Galicia e de información ás comunidades galegas do exterior.

1.3. A Compañía de Radio-Televisión de Galicia promoverá activamente o desenvolvemento da sociedade da información, participando no progreso tecnolóxico, utilizando tódalas formas e medios de distribución, expresión e linguaxe, así como as novas técnicas de producción e de difusión de programas de comunicación audiovisual, e desenvolvendo novos servicios, incluídos os dixitais e en liña, susceptibles de enriquecer ou completa-la súa oferta de programación, dentro do marco estatutario de Galicia.

2. As misións ás que se refire o apartado anterior enténdense sen prexuízo das competencias que lle corresponden ó Parlamento e ó Goberno de Galicia e das que, en período electoral, lles corresponden ás xuntas electorais.».

Terceira.-Control orzamentario. Modificación da Lei 9/1984, do 11 de xullo, de creación da Compañía de Radio-Televisión de Galicia.

Modifícase o artigo 20 da Lei 9/1984, do 11 de xullo, de creación da Compañía de Radio-Televisión de Galicia, que quedará redactado como segue:

«Correspóndelle ó Parlamento de Galicia o control da actuación da Compañía de Radio-Televisión de Galicia e das súas sociedades.

A Comisión Permanente de Control da Compañía de Radio-Televisión de Galicia e as súas sociedades, constituída de conformidade co que dispoña o Regulamento da Cámara, exercerá o control da actuación da CRTVG e as súas sociedades, de tal xeito que non impida o funcionamento dos medios, velando polo cumprimento efectivo da función de servicio público, definida e encomendada á CRTVG no artigo 1, apartado 1, desta lei.

Para estes efectos, a CRTVG remitiralle, con carácter anual, á devandita Comisión parlamentaria un informe sobre a execución da función de servicio público encomendada, referido ó conxunto das súas actividades, programacións, servicios e emisións.».

Cuarta.-Fundacións de interese galego. Modificación da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego.

Engádeselle un novo punto 3 ó artigo 21 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, que quedará redactado da seguinte forma:

«3. Someteranse a auditoría externa as contas das fundacións que, na data de peche de exercicio, non cumpran as circunstancias previstas no Real decreto 776/1998, do 30 de abril, polo que se aproban as normas de adaptación do Plan xeral de contabilidade ás entidades sen fins lucrativos e as normas de información orzamentaria delas, que permiten a formulación de contas anuais abreviadas.

Tamén se someterán a auditoría externa aquelas contas que, a xuízo do padroado da fundación ou do protectorado, presenten especiais circunstancias que así o aconsellen.

O informe ó que se refiren os apartados anteriores presentarase no protectorado xunto coas contas anuais da fundación.».

Quinta.-Réxime contable. Modificación da Lei 9/1993, do 8 de xullo, de regulación das confrarías de pescadores de Galicia.

Engádeselle un novo punto 2 bis ó artigo 11 da Lei 9/1993, do 8 de xullo, de regulación das confrarías de pescadores de Galicia, que quedará redactado da seguinte forma:

«2 bis. As confrarías de pescadores e as súas federacións, por requirimento da consellería competente en materia de pesca, deberán someterse a unha auditoría externa de contas. A dita obriga entenderase sen prexuízo das obrigas que poidan, se é o caso, corresponderlles cando sexan beneficiarias de subvencións con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia ou de fondos comunitarios.».

Sexta.-Esixencia de autorización administrativa. Modificación da Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia.

Un.-Modifícanse os apartados c) e e) do artigo 6 da Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia, que quedarán redactados nos seguintes termos:

c) As máquinas de xogo.

e) As rifas, tómbolas e combinacións aleatorias.

Dous.-Engádeselle a letra g) ó artigo 6 da Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia, coa seguinte redacción:

«g) As loterías.».

Sétima.-Autorización administrativa. Modificación da Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia.

Modifícanse os puntos 1 e 2 do artigo 7 da Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia, que quedarán redactados da forma seguinte:

«1. As autorizacións outorgaranse sempre que se cumpran os requisitos esixidos legalmente. Nos casos nos que exista un plan de carácter territorial para a súa distribución, a autorización poderase outorgar mediante a resolución dun concurso de carácter público entre as solicitudes que cumpran as condicións legalmente establecidas.

No caso do xogo da lotería instantánea electrónica concederáselle autorización a unha soa empresa no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, para a xestión e explotación mercantil dese xogo.

2. As autorizacións validamente outorgadas terán unha duración indefinida e extinguiranse co cesamento do feito ou actividade que constitúa o obxecto dela.

Non obstante, terán unha duración limitada cando as autorizacións se outorguen mediante resolución dun concurso de carácter público cun prazo e condicións de prórroga fixados regulamentariamente.».

Oitava.-Casinos de xogo. Modificación da Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia.

Modifícase o punto 3 do artigo 8 da Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia, que quedará redactado como segue:

«3. Nos casinos de xogo poderán instalarse máquinas de xogo e terminais do xogo da lotería instantánea electrónica, no número que se fixe regulamentariamente, en salóns independentes da sala principal e sen acceso directo á devandita sala e ós servicios enumerados no apartado 2.a) deste artigo.».

Novena.-Salas de bingo. Modificación da Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia.

Modifícase o punto 2 do artigo 9 da Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia, que quedará redactado da seguinte maneira:

«2. Nas salas de bingo poderán instalarse máquinas de xogo dos tipos A e B e, nas mesmas condicións, terminais do xogo da lotería instantánea en salón diferente daquel no que se realice o xogo do bingo, sen comunicación con este nin coa cafetería e sempre que non impida o desenvolvemento normal do xogo do bingo.».

Décima.-Salóns recreativos. Modificación da Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia.

Modifícase o artigo 10 da Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia, que terá a redacción seguinte:

«1. Son salóns recreativos os autorizados para explotar neles de forma permanente máquinas de xogo do tipo A e que deberán ter en explotación como mínimo dez máquinas.

2. Son salóns de xogo os autorizados para explotar neles de forma permanente máquinas dos tipos A, A especial e B, e que deberán ter en explotación por salón, como mínimo, dez máquinas tipo B. Non obstante, no caso de que se exploten conxuntamente coas máquinas do tipo A calquera dos outros tipos referidos, deberán estar instaladas as de tipo A en salas diferentes ás de tipo A especial e B, sen que poida existir comunicación directa entre as salas agás no caso de que exista prohibición de entrada a menores no salón de xogo.

3. Nos salóns de xogo, na sala destinada ás máquinas de tipo B, poderanse instalar terminais de acceso para o xogo da lotería instantánea electrónica, nas mesmas condicións cás máquinas de tipo B.».

Décimo primeira.-Instalación de máquinas recreativas. Modificación da Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia.

Modifícase o artigo 11 da Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia, que quedará redactado da seguinte forma:

«Nos bares, cafeterías, establecementos de hostalería e análogos tan só se poderá instalar unha máquina de cada un dos tipos A, A especial e B. En ningún caso, a instalación de máquinas de xogo poderá desvirtuar nin impedi-lo desenvolvemento normal da actividade propia do establecemento. Da mesma maneira, poderá ser instalado un terminal de acceso para o xogo da lotería instantánea electrónica. Regulamentariamente poderá limitarse o número total dos aparatos anteriormente citados neste tipo de establecementos.».

Décimo segunda.-Condición societaria das empresas adxudicatarias. Modificación da Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia.

Engádeselle un novo punto 4 ó artigo 13 da Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia, que terá a redacción seguinte:

«4. A empresa adxudicataria do xogo da lotería instantánea electrónica deberá revesti-la forma de sociedade anónima e contar cun capital social mínimo de 60.101,21 euros no momento da autorización, debendo procederse á adaptación deste por períodos de tres anos de tal forma que ó final de cada un deses períodos o capital sexa como mínimo un 30% do total do investimento executado acumulado nese mesmo período.».

Décimo terceira.-Máquinas de xogo. Modificación da Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia.

Modifícase o artigo 16 da Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia, que queda redactado da seguinte maneira:

«Son máquinas de xogo os aparatos de funcionamento manual ou automático que a cambio dun prezo lle permiten ó usuario un tempo de recreo e, eventualmente, en función do azar ou da destreza do usuario, obter da máquina un premio ou un obxecto economicamente valorable.».

Décimo cuarta.-Clasificación das máquinas de xogo. Modificación da Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia.

Modifícase o artigo 17 da Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia, que queda redactado como segue:

«Para os efectos do seu réxime xurídico as máquinas de xogo clasifícanse nos seguintes tipos:

1. Máquinas tipo A: son aquelas que a cambio dun prezo lle permiten ó usuario un tempo de recreo sen ningún tipo de premio nin contraprestación en diñeiro, en especie ou en forma de puntos que se poidan cambiar por obxectos ou diñeiro, agás a posibilidade de prolongación da propia partida ou doutras adicionais co mesmo importe inicial.

2. Máquinas tipo A especial: son aquelas que a cambio dun prezo non superior a vinte céntimos de euro lle permiten ó usuario un tempo de recreo e, eventualmente, obter un premio en especie do que o seu valor de mercado non sexa superior a dez euros.

3. Máquinas tipo B: son aquelas que a cambio dun prezo lle permiten ó usuario un tempo de recreo e, eventualmente, obter un premio en diñeiro que non pode exceder de catrocentas veces o prezo máximo da partida simple ou de seiscentas veces o prezo máximo da partida dobre simultánea.

4. Máquinas tipo C: son aquelas que a cambio dun prezo lle permiten ó usuario un tempo de recreo e, eventualmente, obter un premio en diñeiro que non pode exceder de dúas mil veces o prezo máximo da partida. Inclúense dentro deste tipo as máquinas denominadas progresivas, para as que o seu premio máximo non poderá exceder de dez mil veces o prezo máximo da partida.».

Décimo quinta.-Autorización para a explotación de máquinas recreativas. Modificación da Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia.

Modifícase o artigo 18 da Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia, que quedará redactado como segue:

«Só poderán explota-las máquinas dos tipos A, A especial e B as empresas operadoras autorizadas.».

Décimo sexta.-Autorización de máquinas de xogo. Modificación da Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia.

Modifícase o artigo 19 da Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia, que quedará redactado da seguinte forma:

«1. As máquinas de xogo deberán dispoñer para a súa explotación da autorización oficial que estableza a Xunta de Galicia.

2. Quedan expresamente excluídas desta lei:

a) As máquinas puramente expendedoras ou de venda de productos e mercancías, nas que o importe depositado para a obtención do producto ofertado se corresponde co seu valor de mercado, sen intervención de ningún compoñente de xogo.

b) As máquinas tocadiscos ou videodiscos.

c) As máquinas de pura competencia ou deporte.

d) As máquinas ou aparatos de uso infantil.».

Décimo sétima.-Desenvolvemento regulamentario. Modificación da Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia.

Modifícase o artigo 20 da Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia, que quedará redactado nos seguintes termos:

«A autorización, a organización e o desenvolvemento do xogo, mediante boletos, das rifas, das tómbolas, das combinacións aleatorias e da lotería instantánea electrónica serán obxecto dos seus propios regulamentos.».

Décimo oitava.-Competencias da Consellería da Presidencia. Modificación da Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia.

Modifícase o artigo 23 da Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia, que queda redactado da seguinte maneira:

«Correspóndelle á consellería competente en materia de xogos e apostas:

a) Concede-las autorizacións necesarias para xestionar e explota-los xogos e apostas. Cando se conceda mediante concurso público será obrigatorio o informe favorable da consellería competente en materia de economía e facenda sobre as condicións económico-financeiras.

b) Determina-las condicións relativas ás actividades relacionadas con estes e coa materia de publicidade nos termos previstos no artigo 5.

c) O control dos seus aspectos administrativos e técnicos.».

Décimo novena.-Comisión do Xogo. Modificación da Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia.

Modifícase o artigo 26 da Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia, que quedará redactado como segue:

«1. A Comisión do Xogo será presidida polo conselleiro con competencias en materia de xogos e apostas e estará integrada polos seguintes membros:

a) O director xeral con competencias en materia de xogos e apostas, que actuará como vicepresidente.

b) Un representante con rango de director xeral por cada unha das consellerías con competencia en materia de economía e facenda, traballo, industria, xuventude e deportes.

c) Un representante de cada un dos sectores de casinos, bingos e máquinas de xogo.

2. Será secretario da comisión un funcionario da consellería con competencias na materia.».

Vixésima.-Infraccións moi graves. Modificación da Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia.

Engádeselle a letra n) ó artigo 28 da Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia, coa seguinte redacción:

«n) A reincidencia pola comisión de máis dunha infracción grave no prazo dun ano.».

Vixésimo primeira.-Infraccións graves. Modificación da Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia.

Engádeselle a letra j) ó artigo 29 da Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia, que terá a redacción seguinte:

«j) A reincidencia pola comisión de máis dunha infracción leve no prazo dun ano.».

Vixésimo segunda.-Sancións que corresponden ás distintas infraccións. Modificación da Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia.

Modifícase o artigo 31 da Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia, que queda redactado da seguinte forma:

«1. As infraccións moi graves serán sancionadas con multa superior a 18.000 euros ata 100.000 euros, que se poderá elevar ata 600.000 euros no caso de reincidencia ou segundo as contías xogadas, beneficios obtidos ou incidencia social.

Como sanción accesoria poderase, ademais, retirar temporal ou definitivamente a autorización concedida e proceder á clausura do local de xogo. No suposto de revogación da autorización ou clausura definitiva como local de xogo non se lles poderán conceder, ata transcorridos cinco anos, novas autorizacións para calquera das actividades previstas nesta lei ás mesmas empresas. Así mesmo poderase, de se-lo caso, decreta-la destrucción da máquina ou dos elementos de xogo.

2. As infraccións graves serán castigadas con multa superior a 3.000 euros ata 18.000 euros.

3. As infraccións leves serán sancionadas a primeira vez con apercibimento. Se a falta implica unha deficiencia técnica requirirase o infractor para que proceda á súa reparación inmediata. Se o requirimento non fose atendido ou se reiterase ou persistise na infracción, impoñeráselle unha multa de 1.000 euros a 3.000 euros.

4. A sanción levará implícita a devolución dos beneficios ilicitamente obtidos, segundo os casos, á administración ou ós directamente prexudicados.

5. Para os efectos desta lei, das infraccións cometidas por empresas serán responsables solidarios os xerentes e administradores destas.».

Vixésimo terceira.-Resolución de expedientes sancionadores. Modificación da Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia.

Modifícanse os puntos 1, 2 e 3 do artigo 32 da Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia, que queda redactado nos seguintes termos:

«1. A resolución dos expedientes sancionadores corresponde:

a) Ó director xeral con competencias en materia de xogos e apostas, cando a sanción consista nunha multa de ata 60.000 euros e/ou na retirada da autorización concedida ou na clausura do local por un período máximo de tres anos.

b) Ó conselleiro competente en materia de xogos e apostas, cando a sanción consista en multa superior a 60.000 euros ata 300.000 euros e/ou na retirada da autorización concedida ou na clausura do local por un período máximo de cinco anos.

c) Ó Consello da Xunta, cando a sanción consista en multa superior a 300.000 euros e/ou na retirada definitiva da autorización ou clausura tamén definitiva do local.

2. A potestade sancionadora exercitarase seguindo o procedemento establecido na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e na normativa de desenvolvemento desta. En todo caso, o prazo para dictar e notificar resolución expresa será dun ano desde a data do acordo de iniciación.

3. Un mesmo feito non pode ser considerado como constitutivo de infraccións administrativas diferentes, agás que nel exista infracción administrativa tributaria.

Vixésimo cuarta.-Catalogación dos xogos. Modificación da Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia.

Modifícase a disposición adicional terceira da Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia, que terá a redacción seguinte:

«No catálogo que se elabore, incluiranse, como mínimo, os seguintes xogos:

-Lotería.

-Os correspondentes a casinos de xogo.

-Bingo.

-Máquinas tipos A, A especial, B e C.

-Rifas.

-Tómbolas.

-Apostas hípicas.».

Vixésimo quinta.-Definición do xogo da lotería. Modificación da Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia.

Modifícase a letra m) da disposición adicional cuarta da Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia, que quedará redactada da seguinte forma:

«m) Xogo da lotería.

É o xogo que, realizado a través de terminais de acceso ou mediante a adquisición de boletos e participacións nos establecementos autorizados, permite obter, de se-lo caso, a cambio dun prezo certo, o premio en metálico indicado nestes.».

Vixésimo sexta.-Prestacións familiares por coidado de fillos menores.

Aquelas persoas que, na data de entrada en vigor desta lei, tivesen a cargo fillos menores de 3 anos e, por razón dos ingresos obtidos durante o ano 2000, nin elas nin ningún dos membros da súa unidade familiar estivesen obrigados a presenta-la declaración polo imposto sobre a renda das persoas físicas correspondente a ese período, terán dereito a percibir unha prestación de 300 euros por cada un dos fillos menores da dita idade.

A percepción desta prestación axustarase ó procedemento que regulamentariamente se estableza, que esixirá xustificación documental dos requisitos esixidos para o seu desfrute, sen que o mesmo fillo poida dar lugar a máis dunha prestación.

Vixésimo sétima.-Avaliación externa do sistema universitario.

A Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia asumirá, no ámbito da Comunidade Autónoma, as funcións de avaliación, certificación e acreditación previstas na Lei orgánica 6/2001, de universidades.

O Consello da Xunta e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, no ámbito das súas respectivas competencias, poderán adopta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento e aplicación do indicado no parágrafo anterior.

Disposicións transitorias

Primeira.-Imposto sobre a renda das persoas físicas.

Os contribuíntes que tivesen dereito a deducción por nacemento ou adopción de fillos no ano 2000 e no ano 2001 poderán practicar no ano 2002 a deducción establecida no artigo 1.Un.a) desta lei, sempre que, para ese último ano, se cumpra o requisito de convivencia na data de devengo do imposto respecto dos fillos que orixinaran o dereito á deducción en calquera dos dous períodos anteriores e a base impoñible antes da reducción por mínimo persoal e familiar ascenda ás contías establecidas no devandito artigo.

Segunda.-Axencia para a Xestión Integrada, Calidade e Avaliación da Formación Profesional.

1. Autorízase a Consellería de Economía e Facenda para dotar orzamentariamente a Axencia para a Xestión Integrada, Calidade e Avaliación da Formación Profesional, no exercicio do 2002, con créditos adscritos á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, sen prexuízo dos restantes recursos económicos do ente.

2. Ata que se aprobe por decreto da Xunta de Galicia o cadro do persoal da Axencia para a Xestión Integrada, Calidade e Avaliación da Formación Profesional, o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria poderá adscribir a ela o persoal necesario para o desenvolvemento das súas funcións.

Terceira.-Máquinas de xogo tipo A especial.

En tanto non se leve a cabo o correspondente desenvolvemento regulamentario, as máquinas de xogo tipo A especial ás que se refire a disposición adicional décimo cuarta desta lei axustaranse ó réxime de autorización de explotación previsto para as máquinas tipo A na sección 1.ª, capítulo VI, do Regulamento de máquinas recreativas e de azar aprobado polo Decreto 106/1998, do 12 de febreiro, séndolles ademais aplicable o disposto no artigo 53.3 do devandito decreto. A súa homologación competeralle á dirección xeral con competencia en materia de xogos e apostas logo da presentación da solicitude xunto á documentación prevista nos números 2 e 3 do artigo 16 do Regulamento de máquinas recreativas e de azar aprobado polo Real decreto 2110/1998, do 2 de outubro.

Disposicións derrogatorias

Primeira.-Taxas. Lei 2/1998, do 8 de abril, de medidas tributarias, de réxime orzamentario, función pública, patrimonio, organización e xestión.

Queda derrogado o capítulo III do título I da Lei 2/1998, do 8 de abril, de medidas tributarias, de réxime orzamentario, función pública, patrimonio, organización e xestión.

Segunda.-Funcionarios da Administración local. Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia.

Queda derrogado o punto 2.17 do artigo 13 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia.

Terceira.-Cláusula derrogatoria.

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó establecido nesta lei.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Preceptos de vixencia temporal.

Terán vixencia exclusiva para o ano 2002 os artigos 18 e 19 e a disposición adicional primeira desta lei.

Segunda.-Entrada en vigor da lei e desenvolvemento regulamentario.

Autorízase o Consello da Xunta para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento e a execución do disposto nesta lei, que entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintenove de abril de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia