lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Lei 7/2002, do 27 de decembro, de medidas fiscais e de réxime administrativo.

Publicado en: DOG 251 30/12/2002

Departamento: Parlamento de Galicia

Estado: En vigor

PDF

As diferentes medidas normativas que integran o contido desta lei fundaméntanse en razóns de oportunidade suscitadas en relación cos obxectivos de política económica e financeira dos orzamentos xerais de Galicia para o ano 2003.

Na súa vertente financeira, esa relación de complementariedade resulta particularmente explícita nas medidas de carácter tributario, estendéndose desde outra perspectiva ó conxunto de normas relacionadas con distintos aspectos da actuación administrativa, que comprenden desde a regulación de contidos xerais de natureza orzamentaria ou que afectan o réxime de persoal do sector público ata as dirixidas a producir efectos en relación con áreas sectoriais moi concretas, como no caso das que inciden sobre determinados aspectos da normativa existente en materia de estradas.

Dentro do título I, en exercicio das competencias que lle corresponden á Comunidade Autónoma e sometida ó cumprimento de determinados requisitos, establécese unha reducción na base impoñible do imposto sobre sucesións e doazóns nos casos de transmisión inter vivos de participacións ou de dereitos de usufructo sobre explotacións agrarias, así como nos casos de transmisións de igual carácter que afecten empresas individuais, negocios profesionais ou participación en entidades. Noutro sentido, autorízanse deduccións na cota íntegra autonómica do imposto sobre a renda das persoas físicas por alugueiro da vivenda habitual, e dentro dos impostos indirectos establécese unha bonificación do 75% da cota nas escrituras públicas outorgadas para formaliza-la declaración de obra nova ou a división horizontal de edificios destinados a vivenda de alugueiro. No que respecta á taxa sobre xogos de sorte, envite ou azar, determínanse os tipos de gravame nos casinos de xogo e mailas cotas fixas aplicables nas máquinas recreativas. E no ámbito da xestión tributaria, establécense normas específicas que afectan a xestión do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, así como do imposto sobre sucesións e doazóns.

No título II inclúense unha serie de normas que inciden sobre diferentes áreas da actuación administrativa.

En materia de persoal, a modificación de varios artigos da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, persegue clarifica-lo marco de distribución de competencias actualmente existente, incorporando noutros casos as modificacións previamente recollidas na normativa estatal con carácter básico, suposto que afecta a regulación das situacións de excedencia por coidado de fillos que se prevé nesta lei. Tamén resulta salientable a posibilidade que se lles abre ós funcionarios dos corpos de profesores de ensino secundario e profesores técnicos de formación profesional para desempeñaren funcións nos ámbitos da formación profesional ocupacional e continua, coa finalidade de consegui-lo mellor aproveitamento da experiencia e dos coñecementos deses docentes.

No referente á xestión financeira e orzamentaria, as modificacións que afectan o texto refundido da lei, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, perseguen unha maior precisión no enunciado dalgunha das causas de interrupción da prescrición dos dereitos da Facenda autonómica e a maior operatividade en relación coas limitacións existentes para a transferencia de créditos, que non deben afectar determinados supostos expresamente previstos na lei.

Dentro do capítulo de xestión de persoal, e coa finalidade de optimiza-lo aproveitamento dos seus recursos humanos, atribúeselle ó Servicio Galego de Saúde a competencia para autoriza-las modificacións necesarias para adaptar ás necesidades dos centros de xestión os cadros do persoal non incluído nas relacións de postos de traballo, sempre que non se orixine un incremento dos créditos asignados a cada centro.

Abórdase tamén a adaptación de diversos artigos da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia. Entre as novidades introducidas figura a referente á autorización de obras non previstas nos correspondentes plans pero que están revestidas dun carácter urxente ou excepcional, a relativa á posibilidade de acometer directamente a construcción e a explotación de estradas por medio de sociedades públicas autonómicas, a que trata da delimitación legal do contrato de concesión de obras públicas e maila inclusión das transferencias de fondos públicos entre os recursos que, baixo determinadas condicións que a propia lei especifica, poden contribuír ó financiamento dos concesionarios da construcción e explotación das estradas.

Polo que respecta ó patrimonio da Comunidade Autónoma, as modificacións introducidas na Lei 3/1985, do 12 de abril, posibilitan que os acordos de alleamento, aprobados en cada caso pola Consellería de Economía e Facenda, polo Consello da Xunta ou polo Parlamento de Galicia, poidan incluí-la autorización de contratos de alugueiro ou de alugueiro financeiro dos bens que se van allear, cando se considere procedente que sigan sendo utilizados temporalmente polos servicios administrativos. Así mesmo, e no marco de relacións de colaboración, faise posible a cesión de bens mobles a favor de entidades sen ánimo de lucro, para seren destinados a fins de utilidade pública ou interese social.

Finalmente, e dentro das disposicións adicionais, establécese unha prestación familiar por coidado de fillos menores, para os casos nos que as persoas que os tivesen ó seu cargo non estivesen obrigadas a presentaren a declaración polo imposto sobre a renda das persoas físicas. Con finalidades de fomento empresarial autorízase un réxime especial de alleamento de solo industrial por parte do Instituto Galego da Vivenda e Solo. Como resposta á conveniencia de adaptar ó réxime dos consorcios previstos na Lei de Administración local de Galicia o do consorcio de xestión establecido na Lei 10/1997, do 22 de agosto, de residuos sólidos urbanos, introdúcense nesta última as modificacións necesarias. E por corresponder máis exactamente á finalidade e ás competencias do organismo, modifícase a denominación do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia, que pasa a chamarse Fondo Galego de Garantía Agraria.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de autonomía de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo en nome de El-Rei a Lei de medidas fiscais e de réxime administrativo.

Título I Normas tributarias

Capítulo I Impostos directos

Artigo 1. Reduccións na base impoñible do imposto sobre sucesións e doazóns.

No exercicio das competencias atribuídas pola Lei 18/2002, do 1 de xullo, do réxime de cesión de tributos do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia e de fixación do alcance e das condicións da devandita cesión, e consonte o disposto no apartado 1 do artigo 40 da Lei 21/2001, do 27 de decembro, pola que se regulan as medidas fiscais e administrativas do novo sistema de financiamento das comunidades autónomas de réxime común e das cidades con estatuto de autonomía, e sen prexuízo da aplicación das reduccións previstas no artigo 20.6 da Lei 29/1987, do 18 de decembro, do imposto sobre sucesións e doazóns, e daqueloutras que están reguladas en leis especiais, para o cálculo da base liquidable do imposto sobre sucesións e doazóns resultarán aplicables as seguintes reduccións por circunstancias propias da Comunidade Autónoma de Galicia:

1.-Nos casos de transmisións de participacións inter vivos dunha explotación agraria situada en Galicia ou de dereitos de usufructo sobre esta, aplicarase unha reducción na base impoñible, para determina-la base liquidable, do 99% do valor de adquisición, sempre que concorran as condicións seguintes:

a) Que o doador tivese sesenta e cinco ou máis anos ou se atopase en situación de incapacidade permanente en grao de absoluta ou grande invalidez.

b) Que na data do devengo o doador tivese a condición de agricultor profesional e perdese tal condición como consecuencia da doazón.

c) Que a adquisición lles corresponda ó cónxuxe, ós descendentes ou ós adoptados e ós colaterais por consanguinidade ata o terceiro grao inclusive do doador.

d) Que o adquirente manteña no seu patrimonio a explotación agraria e a súa condición de agricultor profesional durante os cinco anos seguintes ó devengo do imposto, agás que dentro do devandito prazo falecese o adquirente ou transmitise a explotación en virtude de pacto sucesorio conforme o previsto na Lei de dereito civil de Galicia.

2.-Nos casos de transmisión de participacións inter vivos dunha empresa individual, dun negocio profesional ou de participacións en entidades, aplicarase unha reducción na base impoñible, para determina-la base liquidable, do 99% do valor de adquisición, sempre que concorran as condicións seguintes:

a) Que o doador tivese sesenta e cinco anos ou máis ou se atopase en situación de incapacidade permanente en grao de absoluta ou grande invalidez.

b) Que, se o doador viñese exercendo funcións de dirección, deixase de exercer e de percibir remuneracións polo exercicio das devanditas funcións desde o momento da transmisión.

Para estes efectos, non se entenderá comprendida entre as funcións de dirección a mera pertenza ó consello de administración da sociedade.

c) Que o centro de xestión da empresa ou do negocio profesional, ou o domicilio fiscal da entidade, se encontre situado en Galicia e que se manteña durante os cinco anos seguintes á data de devengo do imposto.

d) Que na data do devengo do imposto lles sexa aplicable á empresa individual, ó negocio profesional ou ás participacións a exención regulada no apartado 8.º do artigo 4 da Lei 19/1991, do 6 de xuño, do imposto sobre o patrimonio.

e) Que cando se trate de participacións en entidades estas teñan a consideración de empresas de reducida dimensión consonte o disposto no artigo 122 da Lei 43/1995, do 27 de decembro, do imposto de sociedades.

f) Que a adquisición lles corresponda ó conxuxe, ós descendentes ou ós adoptados e ós colaterais por consaguinidade ata o terceiro grao inclusive do doador.

g) Que o adquirente manteña o adquirido e teña dereito á exención no imposto sobre o patrimonio durante os cinco anos seguintes ó devengo do imposto, agás que dentro do devandito prazo falecese o adquirente ou transmitise a adquisición en virtude de pacto sucesorio conforme o previsto na Lei de dereito civil de Galicia.

3.-As reduccións previstas nos apartados anteriores serán incompatibles, para unha mesma adquisición, entre si e coa aplicación das reduccións reguladas no apartado 6 do artigo 20 da Lei 29/1987, do 18 de decembro, do imposto sobre sucesións e doazóns, ou coas previstas en leis especiais en relación con este imposto.

4.-Se deixasen de cumprirse os requisitos de permanencia da adquisición ou de mantemento do centro de xestión ou, de se-lo caso, de domicilio fiscal ou de dereito á exención no imposto sobre o patrimonio, deberá pagarse a parte do imposto que se deixase de ingresar como consecuencia da reducción practicada e os xuros de mora.

Artigo 2. Deducción por alugueiro de vivenda habitual no imposto sobre a renda das persoas físicas.

No exercicio das competencias atribuídas pola Lei 18/2002, do 1 de xullo, de réxime de cesión de tributos do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia e de fixación do alcance e das condicións da devandita cesión, e de acordo co disposto na letra b) do apartado 1 do artigo 38 da Lei 21/2001, do 27 de decembro, pola que se regulan as medidas fiscais e administrativas do novo sistema de financiamento das comunidades autónomas de réxime común e das cidades con estatuto de autonomía, establécese a seguinte deducción na cota íntegra autonómica do imposto sobre a renda das persoas físicas:

-Por alugueiro da vivenda habitual:

O contribuínte poderá deduci-lo 10%, cun límite de 300 euros por contrato de arrendamento, das cantidades que satisfixese durante o período impositivo en concepto de alugueiro da súa vivenda habitual, sempre que concorran os seguintes requisitos:

a) Que a súa idade, na data do devengo do imposto, sexa igual ou inferior a trinta e cinco anos.

b) Que a data do contrato de arrendamento sexa posterior ó 1 de xaneiro de 2003.

c) Que constituíse o depósito da fianza ó que se refire o artigo 36.1 da Lei 29/1994, de arrendamentos urbanos, no Instituto Galego da Vivenda e Solo.

d) Que a base impoñible do período, antes da aplicación das reduccións por mínimo persoal ou familiar, non sexa superior a 22.000 euros.

Cando, cumprindo estes requisitos, dous contribuíntes teñan dereito á aplicación desta deducción, o seu importe total, sen exceder do límite establecido por contrato de arrendamento, ratearase por partes iguais na declaración de cada un deles.

No caso de tributación conxunta o requisito da idade deberá cumprilo polo menos un dos cónxuxes ou, de se-lo caso, o pai ou a nai.

A práctica desta deducción quedará condicionada á xustificación documental do orzamento de feito e dos requisitos que determinan a súa aplicabilidade.

Artigo 3. Bonificacións na cota do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados.

No exercicio das competencias atribuídas pola Lei 18/2002, do 1 de xullo, do réxime de cesión de tributos do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia e de fixación do alcance e das condicións da devandita cesión, e consonte o disposto na letra b) do apartado 1 do artigo 41 da Lei 21/2001, do 27 de decembro, pola que se regulan as medidas fiscais e administrativas do novo sistema de financiamento das comunidades autónomas de réxime común e das cidades con estatuto de autonomía, establécese, en canto ó gravame gradual sobre actos xurídicos documentados, unha bonificación do 75% da cota nas escrituras públicas outorgadas para formaliza-la declaración de obra nova ou a división horizontal de edificios destinados a vivendas de alugueiro.

Para o recoñecemento desta bonificación deberá consignarse no documento que o promotor da edificación vai dedicarse directamente á súa explotación no réxime de arrendamento e destinar a esta actividade a totalidade das vivendas existentes nesta.

A bonificación entenderase concedida con carácter provisional e estará condicionada a que, dentro dos dez anos seguintes á finalización da construcción, non se produza calquera das seguintes circunstancias:

a) Que exista algunha vivenda que non estivese arrendada durante un período continuado de dous anos.

b) Que se realizase a transmisión dalgunha das vivendas.

c) Que algún dos contratos de arrendamento se subscribise por un período inferior a catro meses.

d) Que algún dos contratos de arrendamento teña por obxecto unha vivenda amoblada e o arrendador se obrigue á prestación dalgún dos servicios complementarios propios da industria hostaleira, como restaurante, limpeza, lavado de roupa ou outros análogos.

e) Que algún dos contratos de arrendamento se subscribise a favor de persoas que teñan a condición de parentes, ata o terceiro grao inclusive, co promotor ou cos promotores, se estes fosen empresarios individuais, ou cos socios, conselleiros ou administradores, se a promotora fose persoa xurídica.

No caso de producirse, dentro do indicado prazo, calquera das circunstancias anteriores, deberá satisfacerse, nos trinta días hábiles seguintes á data na que ocorra, o imposto que se deixase de ingresar como consecuencia da bonificación e os xuros de mora.

Non se entenderá producida a circunstancia sinalada na letra b) cando se transmita a totalidade da construcción a un ou varios adquirentes que continúen coa explotación das vivendas do edificio en réxime de arrendamento. Os adquirentes subrogaranse na posición do transmitente para a consolidación da bonificación e para as consecuencias derivadas do seu incumprimento.

Os servicios de inspección tributaria da Consellería de Economía e Facenda poderán, periodicamente, comprobar se se produciron as circunstancias que orixinan a perda da bonificación.

Capítulo II Taxas

Artigo 4. Taxa sobre xogos de sorte, envite ou azar.

No uso das competencias atribuídas pola Lei 18/2002, do 1 de xullo, do réxime de cesión de tributos do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia e de fixación do alcance e das condicións da devandita cesión, e consonte o disposto na letra c) do punto 1 do artigo 42 da Lei 21/2001, do 27 de decembro, pola que se regulan as medidas fiscais e administrativas do novo sistema de financiamento das comunidades autónomas de réxime común e das cidades con estatuto de autonomía, modifícanse os tipos de gravame e as cotas fixas da taxa sobre xogos de sorte, envite ou azar, no sentido que a continuación se indica:

Un.-Nos casinos de xogo aplicarase a seguinte tarifa:

[figura]

Dous.-Nos casos de explotación de máquinas ou aparellos automáticos aptos para a realización dos xogos, a cota determinarase en función da clasificación das máquinas realizada pola Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia, segundo as normas seguintes:

A) Máquinas tipo A especial.

Cota anual: 500 euros.

B) Máquinas tipo B ou recreativas con premio.

a) Cota anual: 3.312 euros.

b) Cando se trate de máquinas ou aparellos automáticos do tipo B, nos que poidan intervir dous ou máis xogadores de forma simultánea e sempre que o xogo de cada un deles sexa independente do realizado por outros xogadores, serán aplicables as seguintes cotas:

-Máquinas ou aparellos de dous xogadores: dúas cotas de acordo co previsto no apartado a).

-Máquinas ou aparellos de tres ou máis xogadores: 6.784 euros máis o resultado de multiplicar por 2.735 euros o producto do número de xogadores polo prezo autorizado para a partida.

C) Máquinas tipo C ou de azar.

Cota anual: 4.836 euros.

No caso de modificación do prezo máximo de 0,20 euros autorizado para a partida en máquinas de tipo B ou recreativas con premio, as cotas tributarias establecidas na letra B) anterior incrementaranse en 66,76 euros por cada 0,04 euros no que se aumente o novo prezo máximo autorizado.

Se a modificación se producise con posterioridade ó devengo da taxa, os suxeitos pasivos que exploten máquinas con permisos de data anterior a aquela na que se autorice a suba deberán autoliquidar e ingresa-la diferencia de cota que corresponda na forma e nos prazos que determine a Consellería de Economía e Facenda.

Malia o previsto no parágrafo anterior, a autoliquidación e o ingreso serán só do 50% da diferencia se a modificación do prezo máximo autorizado para a partida se producise despois do 30 de xuño.

Capítulo III Xestión tributaria

Artigo 5. Normas comúns de xestión do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados e do imposto sobre sucesións e doazóns.

No exercicio das competencias atribuídas pola Lei 18/2002, do 1 de xullo, do réxime de cesión de tributos do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia e de fixación do alcance e das condicións da devandita cesión, e consonte o disposto nos artigos 40.2 e 41.2 da Lei 21/2001, do 27 de decembro, pola que se regulan as medidas fiscais e administrativas do novo sistema de financiamento das comunidades autónomas de réxime común e das cidades con estatuto de autonomía, establécense as seguintes normas específicas de xestión:

Un.-Sen prexuízo de que o conselleiro de Economía e Facenda autorice o seu ingreso en entidades colaboradoras, as declaracións ou declaracións-liquidacións do imposto sobre sucesións e doazóns e do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados deberán presentarse directamente nos servicios de xestión tributaria das delegacións territoriais da Consellería de Economía e Facenda ou nas oficinas liquidadoras de distrito hipotecario que, a cargo de rexistradores da propiedade, teñen encomendadas as funcións de xestión e liquidación destes impostos.

Non obstante, o conselleiro de Economía e Facenda poderá autoriza-la presentación das citadas declaracións ou declaracións-liquidacións por vía telemática, así como subscribir acordos con outras administracións públicas, así como coas entidades, institucións e organismos ós que se refire o artigo 96 da Lei 230/1963, do 23 de decembro, xeral tributaria, para facer efectiva a colaboración social na presentación e no ingreso das citadas declaracións ou declaracións-liquidacións mediante a utilización das técnicas e dos medios electrónicos, informáticos e telemáticos.

Dous.-O cumprimento das obrigas formais dos notarios, recollidas no artigo 32.2 da Lei 29/1987, do 18 de decembro, do imposto sobre sucesións e doazóns, e no artigo 52 do Real decreto lexislativo 1/1993, do 24 de setembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, realizarase no formato e nos prazos que determine a Consellería de Economía e Facenda. A remisión desa información poderá realizarse tamén mediante transmisión por vía telemática nas condicións e co deseño que aprobe a devandita consellería.

Co obxecto de facilita-lo cumprimento das obrigas tributarias dos contribuíntes, a Consellería de Economía e Facenda, no ámbito das súas competencias, facilitará e impulsará a presentación telemática das escrituras públicas, desenvolvendo os instrumentos xurídicos, as técnicas e os medios electrónicos, informáticos e telemáticos necesarios para tal fin.

Tres.-No curso dos procedementos de taxación pericial contradictoria acordados por órganos ou oficinas dependentes da Consellería de Economía e Facenda e promovidos contra actos de comprobación de valor en relación cos impostos sobre o patrimonio, sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados ou sobre sucesións e doazóns, cando o perito terceiro esixa que con anterioridade ó desempeño do seu labor se faga provisión de fondos polo importe dos seus honorarios, os depósitos que lles corresponden á administración e ó interesado realizaranse no prazo de dez días na Caixa de Depósitos da Delegación Territorial da Consellería de Economía e Facenda na que se tramite a taxación pericial contradictoria.

Título II Normas de réxime administrativo

Capítulo I Réxime xurídico do persoal

Artigo 6. Atribucións do conselleiro competente en materia de función pública. Modificación da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia.

Modifícase o apartado 12 do punto 2 do artigo 13 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, que queda redactado nos seguintes termos:

«2.12. Autoriza-las adscricións en comisión de servicios para postos de traballo, así como, sen prexuízo do previsto nos artigos 15.8.e) e 62.4, a adscrición con carácter provisional do persoal funcionario sen destino definitivo».

Artigo 7. Atribucións do conselleiro competente en materia de Administración local. Modificación da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia.

Modifícase o artigo 13 bis da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, que queda redactado como segue:

«Correspóndelle ó conselleiro competente en materia de Administración local:

1. Exerce-las competencias que respecto dos funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional lle correspondan á Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A designación de representantes da Comunidade Autónoma nos tribunais cualificadores de procesos selectivos de persoal para as entidades locais».

Artigo 8. Competencias dos conselleiros. Modificación da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia.

Modifícase o punto 8 do artigo 15 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, que queda redactado como segue:

«8. En relación cos funcionarios pertencentes a corpos ou escalas adscritos ó seu departamento:

a) A convocatoria e a resolución dos concursos de traslados.

b) O nomeamento de persoal interino.

c) O recoñecemento da adquisición do grao persoal e dos trienios.

d) Resolve-las situacións administrativas dos funcionarios.

e) Autoriza-la adscrición con carácter provisional do persoal funcionario sen destino definitivo».

Artigo 9. Situación de servicios noutras administracións públicas. Modificación da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia.

Modifícase o artigo 54 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, que queda redactado como segue:

«Servicios noutras administracións públicas.

Os funcionarios da Comunidade que, por medio dos sistemas de concurso, de libre designación, transferencia ou adscrición provisional, se é o caso, pasen a ocupar postos de traballo noutras administracións públicas someteranse ó réxime estatutario vixente na administración na que estean destinados e seralles aplicable a lexislación en materia de función pública desta, pero conservarán a súa condición de funcionarios da Comunidade en situación de servicio noutras administracións públicas.

No suposto de estar incurso en expediente disciplinario, a imposición da sanción de separación do servicio corresponderalles ós órganos competentes da Comunidade Autónoma».

Artigo 10. Excedencia para o coidado de fillos e familiares. Modificación da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia.

Modifícase o punto 4 do artigo 55 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, que queda redactado da seguinte forma:

«4. Excedencia para o coidado de fillos e familiares:

Os funcionarios terán dereito a un período de excedencia, de duración non superior a tres anos, para atenderen o coidado de cada fillo, tanto cando sexa por natureza coma por adopción ou acollemento permanente ou preadoptivo, que se contará desde a data de nacemento ou, de se-lo caso, da resolución xudicial ou administrativa.

Tamén terán dereito a un período de excedencia, de duración non superior a un ano, os funcionarios para atenderen o coidado dun familiar que se encontre ó seu cargo, ata o segundo grao inclusive de consanguinidade ou afinidade, que, por razóns de idade, accidente ou enfermidade, non poida valerse por si mesmo e non desempeñe actividade retribuída.

O período de excedencia será único por cada suxeito causante. Cando un novo suxeito causante dese orixe a unha nova excedencia, o inicio do período dela poñeralle fin ó que se viñese gozando.

Esta excedencia constitúe un dereito individual dos funcionarios. No caso de que dous funcionarios xerasen o dereito a gozalo polo mesmo suxeito causante, a Administración poderá limita-lo seu exercicio simultáneo por razóns xustificadas relacionadas co funcionamento dos servicios.

O período de permanencia nesta situación computarase para efectos de trienios, de consolidación do grao persoal e dos dereitos pasivos. Durante o primeiro ano, os funcionarios terán dereito á reserva do posto de traballo que desempeñaban. Transcorrido este período, a devandita reserva será para un posto na mesma localidade e de igual nivel e retribución».

Artigo 11. Contía das retribucións básicas. Modificación da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia.

Modifícase o punto 1 do artigo 65 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, que queda redactado nos seguintes termos:

«1. As contías das retribucións básicas das letras a) e b) do apartado 2 do artigo 64 desta lei serán iguais para cada un dos grupos nos que se clasifican os corpos ou as escalas. Así mesmo as contías das pagas extraordinarias serán iguais para cada un dos grupos de clasificación segundo o nivel do complemento de destino que perciban.

O soldo dos funcionarios do grupo A non poderá exceder en máis de tres veces o soldo dos funcionarios do grupo E».

Artigo 12. Integración de funcionarios de carreira. Modificación da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia.

Engádeselle unha disposición adicional décimo cuarta á Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, coa redacción seguinte:

«1. Os funcionarios de carreira ó servicio da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia procedentes de corpos e escalas de asistentes sociais, integrados no corpo facultativo de grao medio da Xunta de Galicia, poderán voluntariamente optar por se integraren no corpo de xestión de Administración xeral da Xunta de Galicia ou ben por pasaren a persoal laboral fixo ó servicio da Administración da Xunta de Galicia, na categoría de asistente social (17), do grupo II, do IV Convenio Colectivo Único.

2. Os funcionarios de carreira do corpo de conductores e conductores-mecánicos, grupos E ou D, ó servicio da Administración da Xunta de Galicia que se atopen desempeñando postos de traballo que aparecen reservados ó persoal laboral nas correspondentes relacións de postos de traballo poderán optar por se integraren como persoal laboral fixo da Administración da Xunta de Galicia nas categorías e nos grupos que correspondan.

3. Mediante orde da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, regularanse os termos e as condicións para os efectos das opcións de integración previstas nesta disposición».

Artigo 13. Desempeño da función docente nos ámbitos da formación profesional ocupacional e continua por parte dos funcionarios dos corpos de profesores de ensino secundario e de profesores técnicos de formación profesional.

1. Os funcionarios dos corpos de profesores de ensino secundario e de profesores técnicos de formación profesional, sen prexuízo de seguiren desempeñando as súas funcións na formación profesional específica, de acordo co establecido na disposición adicional décima, apartado 1, da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, e de conformidade co que establezan as normas básicas que determinan a atribución da competencia docente ós profesores dos devanditos corpos, poderán desempeñar funcións nos ámbitos da formación profesional ocupacional e continua de conformidade co seu perfil académico e profesional. Asemade poderán impartir ata un máximo de cen horas ó ano na formación profesional ocupacional e continua no suposto de que a dedicación á formación profesional regrada ocupe a totalidade da súa xornada e horario.

2. O establecido no punto anterior seralles aplicable ós profesores que en cada momento se encontren exercendo a súa función docente, con carácter temporal, na formación profesional regrada.

3. O desempeño das funcións nos ámbitos da formación profesional ocupacional e da formación profesional continua terá a consideración de interese público para efectos do previsto na normativa sobre incompatibilidades do persoal ó servicio das administracións públicas, en particular no artigo 3 da Lei 53/1984, do 26 de decembro, e asemade en virtude do establecido na disposición adicional primeira da Lei orgánica 2/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e da formación profesional.

4. Regulamentariamente determinarase o procedemento de designación ou contratación do profesorado que vaia imparti-la formación profesional ocupacional ou formación profesional continua así como as retribucións e outros aspectos que sexan precisos para o cumprimento do disposto neste artigo.

Artigo 14. Escala de vixilancia e inspección do patrimonio cultural de Galicia. Modificación da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia.

Modifícase a disposición adicional sexta da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, que queda redactada como segue:

«1. Para o exercicio da actividade de vixilancia e inspección do patrimonio cultural créase, dentro do corpo facultativo superior da Xunta de Galicia, grupo A, a escala de vixilancia e inspección do patrimonio cultural de Galicia, para a que se establecerá regulamentariamente a súa estructura, dependencia e funcionamento orgánico.

2. A titulación deberá ser de arquitecto superior, licenciado en xeografía e historia ou en historia (arqueólogo), licenciado en historia da arte ou licenciado en humanidades. O sistema de selección será por concurso-oposición e as súas funcións serán:

a) Vixilancia do cumprimento da ordenación urbanística municipal a través dos plans de ordenación e plans operativos no que se refire ó patrimonio cultural de Galicia.

b) Comprobación do cumprimento das normas, das resolucións e dos dictames emanados da autoridade competente en materia de protección do patrimonio cultural.

c) Control dos obrigatorios libros de rexistro, onde deben consta-las transaccións realizadas polas persoas e entidades dedicadas ó comercio de bens integrantes do patrimonio cultural.

d) Todas aqueloutras que por disposición legal ou regulamentaria poidan serlle atribuídas».

Capítulo II Xestión financeira e orzamentaria

Artigo 15. Prescrición. Modificación do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Modifícase o punto 3 do artigo 23 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, que queda redactado como segue:

«3. A prescrición quedará interrompida:

a) Pola interposición de reclamacións ou recursos de calquera clase.

b) Por calquera actuación do obrigado conducente ó recoñecemento, á liquidación ou ó pagamento da débeda.

c) Por calquera acción administrativa, realizada con coñecemento formal do obrigado, conducente ó recoñecemento, á liquidación ou ó cobramento da débeda».

Artigo 16. Limitacións nas transferencias de crédito. Modificación do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Modifícase o punto 3 do artigo 68 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, que queda redactado da forma seguinte:

«3. As anteriores limitacións non afectarán as transferencias de créditos que se refiran ó programa de imprevistos e funcións non clasificadas ou realizadas ó amparo do artigo 60.2 desta lei, nin serán aplicables cando se trate de créditos modificados como consecuencia de reorganizacións administrativas, de acordos de transferencias de servicios ou que amparen gastos financiados exclusivamente ou cofinanciados con transferencias finalistas do Estado ou con fondos da Unión Europea».

Capítulo III Xestión de persoal

Artigo 17. Servicio Galego de Saúde.

Correspóndelle ó Servicio Galego de Saúde a autorización das modificacións, dentro de cada centro de xestión, dos cadros de persoal estatutario, de persoal MIR e de calquera outro tipo de persoal de institucións sanitarias dependentes do organismo non incluídos nas relacións de postos de traballo, sempre que a modificación acordada non supoña un incremento dos créditos do artigo correspondente do devandito centro.

En idénticas condicións correspóndelle ó Servicio Galego de Saúde a autorización da modificación prevista no parágrafo anterior dos cadros de persoal funcionario sanitario pertencentes ás clases de médicos, practicantes e matronas titulares.

En todo caso, daráselle conta á Consellería de Economía e Facenda unha vez tramitada a correspondente modificación.

Capítulo IV Patrimonio

Artigo 18. Alleamento de bens inmobles. Modificación da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega.

Modifícase o artigo 25 da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega, que queda redactado como segue:

«Cando o valor dos bens e dereitos, segundo a declaración de alienabilidade, non exceda de 3.005.000 euros, corresponderalle acorda-lo alleamento á Consellería de Economía e Facenda. A partir desa cantidade e ata 12.020.000 euros ó Consello da Xunta de Galicia, por proposta da Consellería de Economía e Facenda, e cando exceda de 12.020.000 euros ó Parlamento de Galicia, mediante lei.

A Consellería de Economía e Facenda, o Consello da Xunta e o Parlamento de Galicia poderán autorizar, nos respectivos acordos de alleamento, a subscrición de contratos de alugueiro ou de alugueiro financeiro dos bens que se van allear, cando se considere procedente que temporalmente sigan sendo utilizados polos servicios administrativos. En todo caso, os citados acordos deberán ser adoptados logo de informe da Dirección Xeral de Orzamentos».

Artigo 19. Cesión de bens mobles. Modificación da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega.

Modifícase o artigo 35 bis da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega, que queda redactado da seguinte maneira:

«A consellería que adquirise ou que tivese adscritos bens mobles da Comunidade Autónoma de Galicia, logo de informe favorable da Consellería de Economía e Facenda, poderállelos ceder a entidades públicas ou sen ánimo de lucro no marco de relación de colaboración, cooperación e coordinación, para seren destinados a fins de utilidade pública ou interese social. Se os bens cedidos non se aplicasen ó fin sinalado considerarase resolta a cesión e reverterán á Administración da Comunidade Autónoma.

O acordo de cesión levará implícita, se é o caso, a desafectación dos bens de que se trate».

Capítulo V Estradas

Artigo 20. Definición das estradas. Modificación da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia.

Modifícase o punto 2.3 do artigo 2 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, que queda redactado do seguinte xeito:

«2.3.-Son corredores as estradas con limitación de accesos desde as propiedades contiguas, constituídas por unha soa calzada, que sexan proxectadas con previsión do seu futuro desdobramento. As obras de fábrica, se é o caso, realizaranse tendo en conta a devandita previsión. Os concellos recollerán nos seus instrumentos de planeamento os ditos usos futuros».

Artigo 21. Construcción de estradas. Modificación da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia.

Modifícase o artigo 19 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, que queda redactado da seguinte maneira:

«Só se poderán construír novas estradas cando estean previstas no seu correspondente plan.

Non obstante, a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda poderá, excepcionalmente, realizar actuacións ou executar obras non previstas no Plan de estradas no caso de recoñecida urxencia ou excepcional interese público, debidamente apreciados polo Consello da Xunta, e deberá darlle conta á Comisión de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento de Galicia».

Artigo 22. Financiamento de estradas. Modificación da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia.

Modifícase o punto 3 do artigo 21 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, que queda redactado nos seguintes termos:

«3. As estradas que se vaian construír e explotar en virtude dun contrato de concesión de obras públicas ou a través dunha sociedade pública autonómica, así como as que se vaian explotar en réxime de xestión indirecta, financiaranse mediante recursos propios das entidades adxudicatarias, os alleos que estas mobilicen e as transferencias que puidesen outorgarse».

Artigo 23. Contrato de concesión de obra pública. Modificación da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia.

Engádeselle un novo artigo 21 bis á Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, que queda redactado da seguinte forma:

«1. Para os efectos desta lei, terá a consideración de contrato de concesión de obras públicas aquel no que, ó se-lo seu obxecto a construcción de estradas, a contraprestación a favor do concesionario consista no dereito a explota-la obra e, se é o caso, a recibir un prezo, sendo o seu réxime xurídico o establecido na lexislación básica estatal.

2. A utilización das estradas construídas e explotadas polos titulares da concesión dará dereito a percibir dos usuarios as correspondentes tarifas. Para estes fins a consellería competente en materia de estradas determinará os prezos máximos delas.

3. A administración titular da vía poderá establecer no prego de cláusulas administrativas particulares a transferencia de fondos públicos, de carácter orzamentario, calculados en función dos usuarios da infraestructura e da rendibilidade social producida, tanto pola construcción coma pola utilización dela.

4. Coa finalidade de determina-las transferencias de fondos públicos, realizarase un estudio de viabilidade no que se deberán expresa-las hipóteses económicas e no que se concretará o marco financeiro da concesión».

Artigo 24. Construcción e explotación de estradas por sociedades públicas. Modificación da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia.

Modifícase o artigo 23 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, que queda redactado do seguinte xeito:

«1. A Administración autonómica poderá construír e explotar estradas mediante sociedades públicas nas que a Administración xeral participe, ben directamente ou a través de calquera entidade ou sociedade pública autonómica, logo de autorización da correspondente Lei de orzamentos.

2. A utilización das estradas construídas e explotadas pola sociedade pública dará dereito a percibir dos usuarios as correspondentes tarifas.

3. A administración titular da vía poderá realizar transferencias de fondos públicos, de carácter orzamentario, calculados en función dos usuarios da infraestructura e da rendibilidade social producida, tanto pola construcción coma pola utilización dela».

Artigo 25. Explotación de estradas. Modificación da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia.

Modifícase o artigo 25 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, que queda redactado nos seguintes termos:

«1. As estradas poderán ser explotadas mediante contrato de concesión de obra pública, en réxime de xestión indirecta ou a través dunha sociedade pública autonómica.

2. As estradas en réxime de concesión administrativa rexeranse polo disposto na lexislación específica.

3. No caso da rede de titularidade autonómica, se a explotación dunha estrada se efectúa por xestión interesada, por concerto con persoa natural ou xurídica, por sociedade de economía mixta ou por sociedade pública autonómica, correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia acordar, por decreto, os termos da xestión e a constitución da sociedade».

Capítulo VI Xogos e apostas

Artigo 26. Autorización administrativa previa. Modificación da Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia.

Modifícanse os apartados a) e g) do artigo 6 da Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia, que quedan redactados nos seguintes termos:

«a) Os exclusivos dos casinos de xogo. Teñen tal condición:

Ruleta francesa.

Ruleta americana.

Vinteún ou black-jack.

Bola ou boule.

Trinta e corenta.

Punto e banca.

Camiño de ferro, bacarrá ou chemin de fer.

Bacarrá a dous panos.

Dados ou craps.

Póker nas variantes que regulamentariamente se establezan».

«g) As loterías, agás que o Consello da Xunta de Galicia lle reserve a xestión á propia Administración pública autonómica».

Artigo 27. Competencias do Consello da Xunta. Modificación da Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas de Galicia.

Engádeselle un apartado d) ó artigo 22 da Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas de Galicia, co seguinte texto:

«d) Reserva-la xestión do xogo das loterías a un organismo ou a unha sociedade pública da Comunidade Autónoma».

Capítulo VII Administración hidráulica

Artigo 28. Consello de administración. Modificación da Lei 8/1993, do 23 de xuño, reguladora da Administración hidráulica de Galicia.

Modifícase o punto 3 da disposición adicional da Lei 8/1993, do 23 de xuño, reguladora da Administración hidráulica de Galicia, que queda redactado como segue:

«3. O órgano colexiado superior da empresa é o seu consello de administración.

O presidente do consello de administración, que á súa vez exercerá a presidencia da empresa, será nomeado de entre os seus membros polo Consello da Xunta de Galicia por proposta do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda. O presidente ten a representación legal da empresa e exerce as súas funcións directivas e executivas superiores.

Formarán parte do consello de administración:

a) O director xeral de Obras Públicas da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

b) Tres vocais designados pola Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

c) Un vocal designado pola Consellería de Economía e Facenda.

d) Ata dous vocais máis en representación doutros departamentos da Administración autonómica.

Pertencer ó consello de administración non xerará dereitos laborais».

Artigo 29. Persoal. Modificación da Lei 8/1993, do 23 de xuño, reguladora da Administración hidráulica de Galicia.

Engádeselle un punto 4 á disposición adicional da Lei 8/1993, do 23 de xuño, reguladora da Administración hidráulica de Galicia, coa redacción seguinte:

«4. O persoal da Empresa Pública de Obras e Servicios Hidráulicos poderá ser contratado en réxime de dereito laboral ou ser funcionario, ou asimilado, ó servicio da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, adscrito á empresa».

Artigo 30. Atribucións dos conselleiros. Modificación da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente.

Modifícase o punto 7 do artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, que queda redactado como segue:

«7. Resolve-los recursos administrativos promovidos contra as resolucións dos organismos e das entidades da consellería, agás cando por lei ou regulamentariamente se lle atribúa esa facultade a outro órgano».

Disposicións adicionais

Primeira.-Prestacións familiares por coidado de fillos menores.

Aquelas persoas que, na data de entrada en vigor desta lei, tivesen a cargo fillos menores de tres anos terán dereito a percibir unha prestación de 300 euros por cada un deles cando, por razón dos ingresos obtidos durante o ano 2001, nin elas nin ningún dos membros da súa unidade familiar estivesen obrigados a presenta-la declaración polo imposto sobre a renda das persoas físicas correspondente a ese período.

A percepción desta prestación axustarase ó procedemento que estableza a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, que esixirá xustificación documental dos requisitos necesarios para o seu gozo, sen que o mesmo fillo poida dar lugar a máis dunha prestación.

Segunda.-Alleamento de solo empresarial polo Instituto Galego da Vivenda e Solo.

Autorízase o Instituto Galego da Vivenda e Solo, nos supostos de alleamento de terreos destinados á creación de solo industrial, así como de parcelas ou parques empresariais terminados que se realicen a favor das sociedades públicas con participación maioritaria polo devandito organismo, para que o alleamento se poida efectuar con pagamento aprazado non superior a dez anos e sen repercusión de xuros.

As sociedades públicas referidas ofreceranlles como mínimo esas mesmas condicións ós adquirentes finais das parcelas, sen prexuízo do réxime de garantías que deberá constituírse a favor daquelas.

Terceira.-Xestores do plan. Modificación da Lei 10/1997, do 22 de agosto, de residuos sólidos urbanos de Galicia.

Modifícase o apartado c) do artigo 24 da Lei 10/1997, do 22 de agosto, de residuos sólidos urbanos de Galicia, que queda redactado da seguinte maneira:

«c) Mediante a constitución de consorcios locais, de acordo coa Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia».

Cuarta.-Función dos consorcios. Modificación da Lei 10/1997, do 22 de agosto, de residuos sólidos urbanos de Galicia.

Modifícase o artigo 28 da Lei 10/1997, do 22 de agosto, de residuos sólidos urbanos de Galicia, que queda redactado como segue:

«Artigo 28. Función dos consorcios.

Corresponderalles ós consorcios que se constitúan ó abeiro do previsto nesta lei a realización, en todo ou en parte, das operacións de xestión legalmente atribuídas ós concellos neles integrados».

Quinta.-Modificación da denominación do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia.

O Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia (Ilgga), organismo autónomo de carácter comercial e financeiro creado pola Lei 7/1994, do 29 de decembro, e adscrito á Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, pasa a denominarse Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga).

Disposicións transitorias

Primeira.-Imposto sobre a renda das persoas físicas.

Os contribuíntes que tivesen dereito á deducción por nacemento ou adopción de fillos no ano 2001 poderán practicar, no ano 2003, a deducción establecida no artigo 1.Un.a) da Lei 3/2002, do 29 de abril, de medidas de réxime fiscal e administrativo, sempre que neste último ano se cumpra o requisito de convivencia na data de devengo do imposto respecto dos fillos que orixinasen o dereito á deducción no 2001 e a súa base impoñible, antes da reducción por mínimo persoal e familiar, ascenda ás contías establecidas no referido artigo.

Segunda.-Prórroga do dereito á percepción da risga.

Sen prexuízo do establecido no punto 4 do artigo 32 da Lei 9/1991, do 2 de outubro, de medidas básicas para a inserción social, os beneficiarios da renda de integración social afectados polo transcurso do prazo previsto na letra g) do punto 1 do mesmo artigo prorrogarán o dereito a esa prestación, ata o momento no que se aprobe a modificación da lei referida.

En calquera caso ese dereito estará condicionado ó mantemento das restantes condicións esixidas para a percepción da risga.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Preceptos de vixencia temporal.

Terán vixencia exclusiva para o ano 2003 o artigo 17 e as disposicións adicionais primeira e segunda desta lei.

Segunda.-Entrada en vigor da lei e desenvolvemento regulamentario.

Autorízase o Consello da Xunta para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento e a execución do disposto nesta lei, que entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintesete de decembro de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia