lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Decreto 76/2018, do 19 de xullo, polo que se modifica o Decreto 52/2014, do 16 de abril, polo que se regulan as instrucións xerais de ordenación e de xestión de montes de Galicia.

Publicado en: DOG 147 02/08/2018

Departamento: Consellería de Medio Rural

Estado: En vigor

PDF

De acordo co artigo 27.10 do Estatuto de autonomía de Galicia, corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva en materia de montes, aproveitamentos forestais, vías pecuarias e pastos, sen prexuízo do disposto no artigo 149.1.23 da Constitución.

O Decreto 52/2014, do 16 de abril, polo que se regulan as instrucións xerais de ordenación e de xestión de montes de Galicia, na súa disposición transitoria segunda, previu que calquera persoa propietaria ou titular dun monte, independentemente da súa titularidade, condición ou superficie en couto redondo e só para os efectos previstos en materia de obtención de beneficios, tales como axudas relativas ao desenvolvemento rural, poderá, durante un prazo máximo de catro anos desde a entrada en vigor do decreto, comunicar a súa adhesión aos referentes de boas prácticas e modelos silvícolas ou de xestión forestal, da forma e maneira disposta na dita norma, para considerarse que dispoñen dun instrumento equivalente que é compatible cunha xestión forestal sustentable de acordo coa definición da Conferencia Ministerial sobre a Protección de Bosques en Europa de 1993. O dito prazo máximo de catro anos remata o 8 de agosto de 2018.

Na medida en que a disposición transitoria oitava da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, prevé como data límite para a percepción das axudas, as subvencións ou os beneficios fiscais regulados pola normativa vixente en materia forestal, a fixada na súa disposición transitoria sexta para dispoñer do instrumento de ordenación ou xestión forestal obrigatorio, a través do presente decreto modifícase o número 1 da disposición transitoria segunda do Decreto 52/2014, do 16 de abril, co fin de que a data límite nela prevista coincida coa recollida nas disposicións transitorias citadas da Lei 7/2012, do 28 de xuño.

Outras modificacións realizadas neste decreto veñen dadas ben por modificacións da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, no relativo ao prazo máximo para dispoñer dun instrumento de ordenación ou xestión forestal, ou ben para adaptalo ás disposicións previstas na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Xustifícase así o cumprimento do artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, e da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, no que se refire ao exercicio da potestade regulamentaria e a súa adecuación aos principios de necesidade, eficacia, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia e eficiencia.

Esta norma estrutúrase nun artigo, unha disposición transitoria e unha disposición derradeira.

Durante a súa tramitación, a proposta de decreto púxose en coñecemento do Consello Forestal durante a sesión que tivo lugar o día 17 de febreiro de 2017. Tamén se someteu ao trámite de información pública entre os días 18 de maio e 6 de xuño de 2017 no Portal de transparencia (transparencia.xunta.gal).

Na súa virtude e en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta de Galicia e da súa Presidencia, por proposta da conselleira do Medio Rural, de acordo co Consello Consultivo de Galicia e despois de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezanove de xullo de dous mil dezaoito,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 52/2014, do 16 de abril, polo que se regulan as instrucións xerais de ordenación e de xestión de montes de Galicia

O Decreto 52/2014, do 16 de abril, polo que se regulan as instrucións xerais de ordenación e de xestión de montes de Galicia, queda modificado como segue:

Un. Modifícase o número 2 do artigo 1, que queda coa seguinte redacción:

«2. Así mesmo, o presente decreto ten por obxecto regular:

a) A elaboración dos instrumentos de ordenación e xestión forestal.

b) Os procedementos de aprobación de proxectos de ordenación (MR627A), de documentos simples de xestión (MR627B) e de documentos compartidos de xestión (MR627C).

c) A comunicación de documentos de adhesión expresa a referentes de boas prácticas e aos modelos silvícolas ou de xestión forestal orientativos (MR627D)».

Dous. O artigo 14 queda redactado como segue:

«Artigo 14. Da presentación e tramitación das solicitudes de aprobación de proxectos de ordenación, documentos simples de xestión e documentos compartidos de xestión

1. As solicitudes de aprobación de proxectos de ordenación (procedemento MR627A), documentos simples de xestión (MR627B) e documentos compartidos de xestión (MR627C) deberán efectuarse obrigatoriamente por medios electrónicos, empregando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Se algún dos suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude, ou de calquera outro trámite, efectúa a súa solicitude presencialmente, será requirido para que a emende a través da súa presentación electrónica nun prazo de 10 días e indicaráselle que, de non o facer así, se terá por desistido da súa solicitude. Neste suposto, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas físicas non comprendidas no artigo 14.2 da LPAC poderán presentar as súas solicitudes, opcionalmente, por medios electrónicos ou presencialmente en calquera dos organismos e oficinas relacionados no artigo 16.4 da LPAC, utilizando o documento normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Para a presentación das solicitudes poderá utilizarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. Na solicitude de aprobación do proxecto de ordenación ou do documento simple ou compartido de xestión forestal deberá sinalarse o número de expediente obtido polo persoal técnico competente en materia forestal tal como dispón o artigo 12.

3. De acordo co artigo 81.1 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, a solicitude de aprobación será presentada polas persoas propietarias ou titulares dos dereitos sobre o monte. Se é o caso, a persoa responsable da xestión do predio ou da coordinación do instrumento, cando se trate dun documento compartido de xestión, actuará en representación daquelas. Coa solicitude deberase achegar, segundo corresponda, a seguinte documentación:

a) Documentos que acrediten a capacidade para instar a elaboración do instrumento, de acordo co artigo 10.1, segundo corresponda:

1º. Documentos acreditativos da propiedade sobre o monte.

2º. Documentos acreditativos da titularidade de dereitos sobre o monte.

3º. Documentos acreditativos de que a persoa, física ou xurídica, ten a responsabilidade da xestión do monte.

4º. Documentos acreditativos de que a persoa, física ou xurídica, ten a calidade de coordinador, no caso de documentos compartidos de xestión forestal.

b) Acreditación da condición de representante e das facultades que ten recoñecidas para poder actuar en nome da persoa solicitante, se é o caso. Cando se trate de xestores e coordinadores, a condición de representante acreditarase mediante a documentación sinalada na letra anterior.

c) Informe resumo a que se refire o artigo 12.6, asinado pola persoa solicitante ou o seu representante.

d) Cando a persoa solicitante actúe por medio de representante, documento en que quede constancia da conformidade expresa da persoa propietaria ou titular dos dereitos sobre o monte.

e) No caso de montes veciñais en man común, acordo da asemblea xeral da comunidade propietaria, que se acreditará por medio de certificación expedida polo/a secretario/a da comunidade.

f) Listaxe completa de persoas solicitantes cando se trate dunha pluralidade de persoas, segundo o modelo específico dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

4. Os solicitantes non estarán obrigados a achegar documentos elaborados por calquera Administración, sempre que expresen o seu consentimento a que sexan consultados ou recadados da Administración competente. Presumirase que a consulta ou obtención dos documentos está autorizada polos interesados sempre que non conste no procedemento a súa oposición expresa.

Os solicitantes non terán a obriga de presentar documentos que xa achegaron anteriormente ante calquera Administración, sempre que indiquen en que momento e ante que órgano administrativo os presentaron. Presumirase que a obtención dos documentos está autorizada polos interesados, excepto no caso de que conste a súa oposición expresa no procedemento. Excepcionalmente, se non se poden recadar os citados documentos, poderase solicitar novamente ao interesado a súa achega.

5. Os solicitantes obrigados á presentación electrónica da solicitude deberán presentar a documentación complementaria tamén por vía electrónica. No suposto de que a presentasen presencialmente, serán requiridos para que a presenten por vía electrónica, considerándose neste caso como data de presentación a do día da súa remisión por vía electrónica.

Os solicitantes non obrigados á presentación electrónica da solicitude presentarán a documentación complementaria, preferentemente, por vía electrónica. De optar pola súa presentación presencialmente, poderán efectualo en calquera dos lugares e rexistros relacionados no artigo 16.4 da LPAC.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir, de maneira motivada, para o cotexo das copias achegadas polo interesado, a exhibición do documento ou da información orixinal para comparalo coa copia electrónica presentada.

6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

7. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior.

8. Para a tramitación destes procedementos consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Os documentos de identificación das persoas solicitantes (DNI ou NIE).

b) O documento de identificación da persoa representante (DNI ou NIE).

c) O NIF da entidade solicitante.

9. As notificacións practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando o interesado resulte obrigado a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicarse por medios electrónicos.

As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal (https://notifica.xunta.gal/), dispoñible no portal web institucional da Xunta de Galicia (www.xunta.gal), e a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións ao dispositivo electrónico e/ou á dirección de correo electrónico que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel).

As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

10. A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

11. As pretensións dunha pluralidade de persoas de contido e fundamento idéntico ou substancialmente similar poderán formularse nunha única solicitude. Neste suposto, deberá xuntarse ao formulario de solicitude a listaxe completa de persoas solicitantes segundo o modelo específico dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. As actuacións efectuaranse co representante ou coa persoa interesada que expresamente sinalen e, na súa falta, coa que figure en primeiro termo».

Tres. Engádese o artigo 14 bis:

«Artigo 14 bis. Da presentación de comunicacións de documentos de adhesión expresa a referentes de boas prácticas e aos modelos silvícolas ou de xestión forestal orientativos

1. As comunicacións de documentos de adhesión expresa a referentes de boas prácticas e aos modelos silvícolas ou de xestión forestal orientativos (procedemento MR627D) presentaranse de conformidade e cos requisitos xenéricos establecidos no artigo 14 que lle sexan de aplicación, coas peculiaridades que se expresan nos números seguintes.

2. No caso de querer adherir un elevado número de referencias catastrais de montes ou terreos forestais dun único propietario ou titular poderase realizar unha precarga a través do programa Xorfor, dispoñible no seguinte enderezo: http://mediorural.xunta.gal/ es/institucional/oficina_virtual/servizos_de_montes/.

Este programa permite que a persoa interesada cargue unha folla de cálculo (segundo o modelo dispoñible en Xorfor) en que se asocien os modelos silvícolas orientativos que correspondan a cada unha das referencias catastrais que se pretenden adherir.

Esta precarga dará como resultado un número de expediente que deberá introducirse no formulario MR627D que se utilice para realizar a comunicación.

3. No caso de varias comunicacións do mesmo titular que afecten unha referencia catastral, só será válida a última, debendo incluír nesta todos os modelos silvícolas ou de xestión forestal orientativos a que se quere adherir. Esta última comunicacion substituirá as realizadas con anterioridade.

4. A comunicación implica o compromiso do propietario ou do titular de dereitos, así como da persoa xestora, se é o caso, de realizar as actuacións programadas nos modelos silvícolas ou de xestión forestal orientativos a que expresamente se adheriron, aplicándoas de acordo cos referentes de boas prácticas forestais establecidos por orde da consellería competente en materia forestal ou ao contido no plan de ordenación dos recursos forestais de aplicación, de existir este».

Catro. Modifícase o número 4 do artigo 15, que queda coa seguinte redacción:

«4. Aprobado o proxecto de ordenación ou documento simple ou compartido de xestión, as actuacións previstas nel consideraranse autorizadas cando fose preceptiva a dita autorización. Para os aproveitamentos que se fagan de acordo co instrumento de ordenación ou de xestión aprobado bastará a presentación dunha declaración responsable ao órgano inferior competente en materia forestal por razón do territorio con carácter previo ao comezo dos traballos.

Cando os aproveitamentos non se axusten ao previsto no instrumento de ordenación ou de xestión, aplicarase o réxime xeral previsto na Lei 7/2012, do 28 de xuño, e a Administración forestal poderá exixir a modificación do instrumento de ordenación ou de xestión con posterioridade ao aproveitamento».

Cinco. A disposición adicional terceira queda redactada como segue:

«Disposición adicional terceira. Actualización de formularios

De conformidade co artigo 33 da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación, os modelos normalizados aplicables na tramitación dos procedementos regulados na presente disposición poderán ser modificados co obxecto de mantelos actualizados e adaptados á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación destes modelos adaptados ou actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas».

Seis. Engádese unha disposición adicional cuarta coa seguinte redacción:

«Disposición adicional cuarta. Datos de carácter persoal

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería do Medio Rural, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta do cidadán. O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/ informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais».

Sete. A disposición transitoria segunda queda redactada como segue:

«Disposición transitoria segunda. Prazos para a ordenación dos montes

1. Calquera persoa propietaria ou titular dun monte, independentemente da súa titularidade, condición ou superficie en couto redondo e só para os efectos previstos en materia de obtención de subvencións, tales como axudas relativas ao desenvolvemento rural, poderá comunicar a súa adhesión aos referentes de boas prácticas e modelos silvícolas ou de xestión forestal, da forma e maneira disposta na presente norma, para considerarse que dispoñen dun instrumento equivalente que é compatible cunha xestión forestal sustentable de acordo coa definición da Conferencia Ministerial sobre a Protección de Bosques en Europa de 1993.

Este réxime transitorio só será aplicable a aquelas subvencións cuxo prazo de outorgamento, xustificación, comprobación e pagamento finalice antes da data establecida na disposición transitoria sexta da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

2. Os montes ou terreos forestais deberán dispoñer dun instrumento de ordenación ou de xestión forestal obrigatorio e vixente antes do final do prazo estipulado na disposición transitoria sexta da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia; transcorrido ese prazo, non se autorizarán aproveitamentos forestais nos devanditos montes».

Oito. Modificanse os anexos I, II, III e IV, que quedan substituídos polos que figuran como anexos no presente decreto.

Nove. Suprímese o anexo V.

Dez. A letra d) da alínea a) do número 1 da epígrafe B do número 2 do anexo VI queda redactada como segue:

«d. Servidumes, ocupacións, cesións, dereitos de superficie, contratos de xestión ou outras posibles afeccións. En particular, describirase o alcance de todos aqueles dereitos asociados ao funcionamento das instalacións enerxéticas e mineiras, os cales se terán en consideración na redacción do proxecto de ordenación de modo que se garanta que o aproveitamento do monte é compatible co seu normal funcionamento».

Once. A letra c) da alínea a) do número 1 da epígrafe B do número 2 do anexo VII queda redactada como segue:

«c. Servidumes, ocupacións, cesións, dereitos de superficie, contratos de xestión ou outras posibles afeccións. En particular, describirase o alcance de todos aqueles dereitos asociados ao funcionamento das instalacións enerxéticas e mineiras, os cales se terán en consideración na redacción do documento simple ou compartido de xestión forestal de modo que se garanta que o aproveitamento do monte é compatible co seu normal funcionamento ».

Disposición transitoria. Procedementos en tramitación

Única.-

Os procedementos iniciados con anterioridade á entrada en vigor do presente decreto, tramitaranse de conformidade coas normas contidas neste decreto.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Única.-

Este decreto entrará en vigor aos vinte días naturais da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezanove de xullo de dous mil dezaoito

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Ángeles Vázquez Mejuto

Conselleira do Medio Rural

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia