lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Lei 15/1992, do 30 de decembro, pola que se modifica a Lei 8/1985, do 13 de agosto, de eleccións ó Parlamento de Galicia.

Publicado en: DOG 1 04/01/1993

Departamento: Parlamento de Galicia

Estado: En vigor

PDF

A entrada en vigor da Lei orgánica 8/1991, do 13 de marzo, de reforma da Lei electoral xeral, unida á necesaria adaptación de determinados preceptos da Lei de eleccións ó Parlamento de Galicia, aconsellada pola súa aplicación nos procesos electorais anteriores, 1985 e 1989, fai imperativo por unha banda e adecuado por outra acometer determinadas reformas na vixente lei.

Por iso, efectúanse no texto presentado unha serie de modificacións que teñen por obxecto a adaptación á Lei orgánica do réxime electoral xeral, como sería o referente ás competencias da Xunta Electoral de Galicia ou a distribución de tempos gratuítos de propaganda electoral nos medios de comunicación de titularidade pública, que experimentan un substancial aumento.

A evolución do custo da vida desde a publicación da Lei 8/1985, do 13 de agosto, aconsella actualiza-los límites de gasto electoral e mailos de subvencións de tales gastos.

Buscar unha maior dedicación e atención á res publica dos cargos electos, así como o seu axustamento ás denominacións legais vixentes, conselleiro maior do Consello de Contas, por exemplo, é o fundamento das reformas introducidas nos supostos de inelixibilidade.

Por último, unha lóxica adaptación da lei ó nivel de implantación social das forzas políticas e a procura da máxima eficacia na actuación do Parlamento fundamentan a modificación do límite mínimo para a atribución de escanos, tal como realizaron as comunidades autónomas de Valencia, País Vasco, Madrid, Extremadura, A Rioxa, Murcia e Cantabria.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo, en nome de El-Rei, a Lei pola que se modifica a Lei 8/1985, do 13 de agosto, de eleccións ó Parlamento de Galicia.

Artigo único

Os artigos que a seguir se relacionan da Lei 8/1985, do 13 de agosto, de eleccións ó Parlamento de Galicia, quedan redactados nos seguintes termos:

1º. O artigo 4 queda redactado da forma seguinte:

«1. Serán elixibles os cidadáns que, tendo a condición de electores, non estean incursos nalgunha das causas de inelixibilidade recollidas na lexislación electoral xeral.

2. Son inelixibles tamén:

a) O conselleiro maior e os conselleiros do Consello de Contas de Galicia.

b) O valedor do pobo e os seus vicevaledores.

c) Os alcaldes, presidentes de Deputación e deputados provinciais.

d) Os secretarios xerais técnicos e os directores xerais das consellerías, os directores dos gabinetes da Presidencia e das consellerías, así como os altos cargos de libre designación da Xunta de Galicia nomeados por decreto da Xunta.

e) Os presidentes e directores xerais ou asimilados dos organismos autónomos dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia, agás que a dita presidencia a exerza un membro do Consello do Goberno.

f) Os delegados xerais da Xunta, os delegados provinciais ou territoriais das consellerías e os secretarios das súas delegacións.

g) O director xeral da Compañía de Radio-Televisión de Galicia, os directores das súas sociedades e os seus delegados territoriais.

h) O delegado territorial da TVE en Galicia, así como os directores dos centros de radio e televisión que dependan de entes públicos.

i) Os membros da Policía Autónoma en activo.

j) O presidente, vicepresidente, ministros e secretarios de Estado do Goberno central.

k) Os parlamentarios das asembleas doutras comunidades autónomas.

l) Os membros dos consellos de goberno das demais comunidades autónomas, así como os cargos de libre designación dos citados consellos.

m) Os que exerzan funcións ou cargos conferidos e remunerados por un Estado estranxeiro.»

2º. O apartado 2 do artigo 6 queda redactado da forma seguinte:

«A condición de deputado do Parlamento de Galicia é incompatible coa de parlamentario europeo, deputado do Congreso e senador, salvo os senadores elixidos en representación da Comunidade Autónoma.»

Engádeselle ó apartado 3.b) o seguinte parágrafo final:

«Os cargos ós que se refire o parágrafo anterior non constituirán causa de incompatibilidade cando se posúan por representación sindical ou pola súa condición de membro do Goberno autónomo ou de Corporación local.»

Engádense uns novos apartados 4, 5, 6 e 7 co texto literal seguinte:

«4. O mandato dos deputados do Parlamento de Galicia é compatible co desempeño de actividades privadas, salvo nos supostos seguintes:

a) As actividades de xestión ou dirección ante a Administración Pública galega, os seus entes ou organismos autónomos en asuntos que teñan que resolver estes, que afecten directamente á realización dalgún servicio público ou que estean encamiñados á obtención de subvencións ou avales públicos. Exceptúanse as actividades particulares que, en exercicio dun dereito recoñecido, realicen os directamente interesados, así como as subvencións ou os avales dos que a súa concesión derive da aplicación regrada do disposto nunha norma de carácter xeral.

b) A actividade de contratista ou fiador de obras, servicios ou subministracións públicos que se paguen con fondos da Comunidade Autónoma ou o desempeño de cargos que leven anexas funcións de dirección ou representación en compañías ou empresas que se dediquen ás devanditas actividades.

c) A celebración con posterioridade á data da súa elección como deputado de concertos de prestación de servicios de asesoramento ou de calquera outra índole, con titularidade individual ou compartida, en favor da Administración pública galega.

d) A participación superior ó dez por cento, adquirida en todo ou en parte, con posterioridade á data da súa elección como deputado, agás que fose por herdanza, en empresas ou sociedades que teñan concertos de obras, servicios ou subministracións con entidades do sector público.»

«5. Os deputados que desempeñen, por si ou mediante substitución, calquera outro posto, profesión ou actividade, públicos ou privados, por conta propia ou allea, retribuídos mediante soldo, salario, arancel, honorarios ou calquera outra forma, só percibirán, con cargo ós presupostos do Parlamento de Galicia, as indemnizacións e axudas de custo que sexan correspondentes para o cumprimento da súa función.»

«6. Garantiráselle-la reserva de posto ou praza de destino, nas condicións que determinen as normas específicas de aplicación, ós deputados que, como consecuencia da súa dedicación parlamentaria, estean na situación de excedencia voluntaria ou servicios especiais.»

«7. Os deputados deberán formular declaración de tódalas actividades que poidan constituír causa de incompatibilidade conforme o establecido na lexislación vixente e de calquera outra actividade que lles proporcione ou poida proporcionar ingresos económicos, así como dos seus bens patrimoniais, tanto ó adquiriren coma ó perderen a súa condición de parlamentarios, así como cando modifiquen as súas circunstancias.

As declaracións sobre actividades e bens formularanse por separado conforme o modelo que aprobe a Mesa do Parlamento e inscribiranse nun Rexistro de Intereses, que estará baixo a dependencia directa do presidente da Cámara.

O contido do Rexistro de Intereses terá carácter público, a excepción do que se refire a bens patrimoniais.»

3º. O artigo 10 queda redactado da forma seguinte:

«A atribución de escanos en función dos resultados do escrutinio realízase de acordo coas seguintes regras:

a) Non se teñen en conta aquelas candidaturas que non obtiveron, cando menos, o cinco por cento dos votos válidos emitidos na circunscrición.

b) Ordénanse de maior a menor, nunha columna, as cifras e os votos obtidos polas restantes candidaturas.

c) Divídese o número de votos obtido por cada candidatura por 1, 2, 3, etc., ata un número igual de escanos correspondentes á circunscrición, formándose un cadro semellante ó que aparece no exemplo práctico que se recolle na correspondente disposición adicional. Os escanos atribúenselles ás candidaturas que obteñan os cocientes maiores no cadro, atendendo á súa orde decrecente.

d) Cando na relación de cocientes coincidan dous correspondentes a distintas candidaturas, o escano atribuiráselle á que obtivese maior número total de votos. De haber dous candidatos con igual número de votos, o primeiro empate resolverase por sorteo e os sucesivos de maneira alternativa.

e) Os escanos correspondentes a cada candidatura adxudícanselles ós candidatos incluídos nela, pola orde de colocación na que aparezan.»

4º. O artigo 12 queda redactado da forma seguinte:

«1. A convocatoria de eleccións ó Parlamento de Galicia realizarase mediante decreto.

2. O decreto de convocatoria sinalará a data das eleccións, que se deberán celebrar entre o quincuaxésimo cuarto e o sesaxésimo día posterior á convocatoria, a duración da campaña electoral, así como a data constitutiva do Parlamento, que terá lugar dentro do prazo de un mes, contado desde o día da celebración das eleccións.

3. Salvo no suposto de disolución anticipada, o decreto de convocatoria expedirase o vixésimo quinto día anterior á expiración do mandato do Parlamento.

4. O decreto de convocatoria publicarase o día seguinte da súa expedición no Diario Oficial de Galicia e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación.»

5º. Os apartados 1.d) e 2.b) do artigo 14 quedan redactados da forma seguinte:

«1.d) Catro vocais, profesores en activo das facultades de Dereito, de Ciencias Políticas ou de Socioloxía das universidades de Galicia.»

«2.b) Os profesores das facultades de Dereito, de Ciencias Políticas ou de Socioloxía serán designados por proposta conxunta dos partidos, federacións, coalicións ou agrupacións de electores con representación no Parlamento. Cando a proposta non teña lugar no prazo establecido no parágrafo primeiro deste apartado, a Mesa do Parlamento, oídas as forzas políticas presentes na Cámara, procederá á súa designación, en consideración á representación existente nela.»

6º. O artigo 18 queda redactado da forma seguinte:

«Ademais das competencias establecidas na lexislación vixente, correspóndelle á Xunta Electoral de Galicia:

a) Cursarlles instruccións de obrigado cumprimento ás xuntas provinciais na materia electoral obxecto desta lei.

b) Resolver, con carácter vinculante, as consultas que lle elevan as xuntas provinciais na mesma materia.

c) Revocar de oficio, en calquera momento, ou por instancia de parte interesada, dentro dos prazos previstos no artigo 21 da Lei orgánica do réxime electoral xeral, as decisións da xuntas provinciais, cando se opoñan á interpretación da normativa electoral realizada pola Xunta Electoral de Galicia.

d) Unifica-los criterios interpretativos das xuntas provinciais na aplicación da normativa electoral.

e) Aprobar, por proposta da Administración da Xunta, os modelos de actas de constitución de mesas electorais, de escrutinio, de sesión, de escrutinio xeral e de proclamación de electos. Tales modelos deberán permiti-la expedición instantánea de copias das actas, mediante documentos autocopiativos e outros procedementos análogos.

f) Resolve-las queixas, reclamacións e recursos que se lle dirixan conforme a presente lei ou calquera outra disposición que lle atribúa esa competencia.

g) Exercer potestade disciplinaria sobre tódalas persoas que interveñan con carácter oficial nas operacións electorais.

h) Corrixi-las infraccións que se produzan no proceso electoral, sempre que non sexan constitutivas de delicto, e impoñer multas ata a contía de 250.000 ptas.

i) Expedírlle-las credenciais ós deputados nos supostos de vacantes por falecemento, incapacidade e renuncia unha vez terminado o mandato das xuntas electorais provinciais.

j) Aplicar e garanti-lo dereito do uso gratuíto de espacios nos medios de comunicación de propiedade pública, no suposto previsto nos artigos 27, 28 e 29 da presente lei, e en xeral garanti-lo exercicio das liberdades públicas durante o proceso electoral.»

7º. O artigo 25 queda redactado da forma seguinte:

«1. A campaña electoral terá unha duración non inferior a quince días nin superior a vinteún.

2. Terminará, en todo caso, ás cero horas do día inmediatamente anterior ó da votación.

3. Durante a campaña electoral os poderes públicos da Comunidade Autónoma de Galicia poderán realizar unha campaña institucional destinada a informar e fomenta-la participación dos electores na votación, sen influír na orientación de voto. Queda prohibida a utilización polos partidos políticos, federacións, coalicións ou agrupacións que concorran ás eleccións dos elementos identificativos da campaña institucional, dos que serán informados con anterioridade ó inicio da mesma.

4. A propaganda e os actos de campaña electoral axustaranse ó disposto na Lei orgánica do réxime electoral xeral.»

8º. O artigo 27 queda redactado da forma seguinte:

«1. Durante a campaña electoral os partidos, federacións, coalicións ou agrupacións que concorran ás eleccións teñen dereito a espacios gratuítos de propaganda nas emisoras de televisión e radio da Compañía de RTVG, conforme o establecido neste artigo e nos seguintes.

2. A distribución dos mencionados espacios faise en función do número total de votos obtidos por cada partido, federación ou coalición nas anteriores eleccións ó Parlamento de Galicia.

3. Se as eleccións ó Parlamento de Galicia se celebran simultaneamente coas eleccións municipais, para a distribución de espacios nas emisoras da Compañía de RTVG só se teñen en conta os resultados das anteriores eleccións ó dito Parlamento».

9º. O artigo 29 queda redactado da forma seguinte:

«1. A distribución do tempo gratuíto de propaganda electoral en cada medio de comunicación da Compañía de RTVG e nos distintos ámbitos de programación que estes teñan efectuaranse conforme ó seguinte baremo:

A) Na TVG:

a) Dez minutos para os partidos, federacións e coalicións que non concorreron ou non obtiveron representación nas anteriores eleccións ó Parlamento de Galicia.

b) Vinte minutos para aqueles que, obténdoa, non acadaron o cinco por cento do total de votos válidos emitidos na Comunidade Autónoma.

c) Trinta minutos para os partidos, federacións e coalicións que obtiveron representación nas anteriores eleccións ó Parlamento de Galicia e acadaron entre o cinco e o quince por cento do total de votos a que se fai referencia no apartado precedente.

d) Corenta e cinco minutos para os partidos, federacións e coalicións que obtiveron representación nas anteriores eleccións ó Parlamento de Galicia e acadaron, polo menos, un quince por cento do total de votos a que se fai referencia no parágrafo b).

B) Na Radio Galega:

a) Trinta minutos para os partidos, federacións e coalicións que non concorreron ou non obtiveron representación nas anteriores eleccións ó Parlamento de Galicia.

b) Corenta minutos para aqueles que, obténdoa, non acadaron o cinco por cento do total de votos válidos emitidos na Comunidade Autónoma.

c) Sesenta minutos para os partidos, federacións e coalicións que obtiveron representación nas anteriores eleccións ó Parlamento de Galicia e acadaron entre o cinco e o quince por cento do total de votos a que se fai referencia no apartado precedente.

d) Oitenta minutos para os partidos, federacións e coalicións que obtiveron representación nas anteriores eleccións ó Parlamento de Galicia e acadaron, polo menos, un quince por cento do total de votos a que se fai referencia no parágrafo b).

2. O dereito ós tempos de emisión gratuíta, enumerados no apartado anterior, só lles corresponde ós partidos, federacións e coalicións que presenten candidatura, cando menos, en tres circunscricións electorais da Comunidade Autónoma.

3. As agrupacións de electores que se federen para realizar propaganda nos medios da Companía de Radio-Televisión de Galicia terán dereito a quince minutos en Televisión de Galicia e corenta minutos na Radio Galega de emisión, se cumpren o requisito de presentación de candidaturas esixido no apartado 2 precedente deste mesmo artigo.

4. Para a determinación do momento e da orde e emisión dos espacios gratuítos de propaganda electoral a que se refire este artigo, a Xunta Electoral de Galicia terá en conta as preferencias dos partidos, federacións ou coalicións en función do número de votos que obtiveron nas anteriores eleccións ó Parlamento de Galicia.»

10º. O artigo 44 queda redactado da forma seguinte:

«1. A Comunidade Autónoma subvencionará os gastos electorais de acordo coas seguintes regras:

a) Dous millóns de pesetas para cada escano obtido no Parlamento de Galicia.

b) Setenta e cinco pesetas por cada un dos votos conseguidos por cada candidatura, se un, polo menos, dos membros dela obtivo escano de deputado.

2. Ademais das subvencións ás que se refire o apartado anterior, a Comunidade Autónoma subvencionaralles ós partidos, federacións, coalicións e agrupacións de electores os gastos ocasionados polo envío directo e persoal ós electores de sobres e papeletas electorais ou de propaganda e publicidade electoral a razón de vinte pesetas por elector, sempre que a candidatura de referencia obteña representación.

3. O límite dos gastos electorais nas eleccións ó Parlamento de Galicia será o que resulte de multiplicar por sesenta pesetas o número de habitantes correspondente á poboación de dereito da circunscrición onde presente as súas candidaturas cada partido, federación, coalición ou agrupación de electores.

Non se incluirán dentro do límite dos gastos electorais as cantidades subvencionadas de acordo co disposto no apartado anterior.

4. As cantidades mencionadas nos apartados anteriores refírense a pesetas constantes. A Consellería de Economía e Facenda fixará as cantidades actualizadas nos cinco días seguintes á convocatoria de eleccións.

5. Ningún partido, federación, coalición ou agrupación poderá realizar gastos electorais que superen os límites establecidos no apartado 3 deste artigo.»

Disposición derradeira

Quedan derrogados cantos preceptos se opoñan ou contradigan o contido desta lei, que entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 1992

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia