lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Lei 12/1989, do 4 de outubro, de derrogación da disposición transitoria terceira da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente.

Publicado en: DOG 195 10/10/1989

Departamento: Parlamento de Galicia

Estado: En vigor

PDF

A Lei 11/1988, do 20 de outubro, de reforma da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu Presidente, introduciu a facultade do Presidente para disolve-lo Parlamento, se ben, no seu dereito transitorio, estableceu que a citada facultade só se podería exercitar en futuras lexislaturas.

A Lei Orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do réxime electoral xeral, no seu artigo 42, aplicable ás eleccións ó Parlamento de Galicia, fixa uns estrictos e rigorosos cómputos para o establecemento da data das eleccións con tan só seis días de marxe, o que supón que as vindeiras eleccións ó Parlamento de Galicia deberían celebrarse necesariamente entre Nadal e Aninovo.

Ante as previsibles dificultades que lle poida orixinar a un importante sector da poboación galega a coincidencia do día da votación coas festas de Nadal, e co obxecto de preserva-lo establecido no artigo 9.2 da Constitución, segundo o cal lles corresponde ós poderes públicos facilita-la participación de tódolos cidadáns na vida política, faise necesario derroga-la citada disposición transitoria, para lle permitir ó Presidente da Xunta exerce-la facultade disolutoria oportuna.

De acordo co previsto no artigo 13.2 do Estatuto de Autonomía de Galicia e 24 da Lei reguladora da Xunta e do seu Presidente, sanciono e promulgo, en nome de El-Rei, a Lei de derrogación da disposición transitoria terceira da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu Presidente.

Artigo único

Queda derrogada a disposición transitoria terceira da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu Presidente, que fora incorporada á mesma polo artigo duodécimo da Lei 11/1988, do 20 de outubro.

Disposición derradeira

A presente Lei entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de outubro de 1989

Fernando Ignacio González Laxe

Presidente

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia