lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Lei 5/2000, do 28 de decembro, de medidas fiscais e de réxime orzamentario e administrativo.

Publicado en: DOG 251 29/12/2000

Departamento: Parlamento de Galicia

Estado: En vigor

PDF

Inclúe a corrección de erros publicada no DOG núm. 29, do 9 de febreiro de 2001.

Como vén sendo habitual durante os últimos anos, a Lei de orzamentos compleméntase cunha norma de igual rango e de tramitación paralela que recolle un conxunto de disposicións destinadas con diferentes graos de implicación a facilita-la consecución de obxectivos que forman parte da política económica da Xunta de Galicia, dotándoas dun carácter marcadamente instrumental en relación coa execución dos programas orzamentarios e noutros casos coa dirección desa política desenvolta a través da acción de goberno.

Aínda que se orientan cara a unha mesma finalidade, as medidas previstas nesta lei están situadas en diferentes ámbitos sectoriais de actuación. Utilizando as competencias normativas existentes en materia de tributos cedidos, inclúense disposicións de carácter fiscal. Diversas modificacións que afectan o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario recóllense no apartado dedicado ás normas orzamentarias. E distintas referencias que inciden nas áreas administrativa e de xestión ocupan o espacio reservado ás disposicións adicionais.

No título I da lei, referente ás normas tributarias, e coa finalidade de mellora-lo tratamento fiscal da natalidade, actualízanse en porcentaxes que representan desde o 20 ata o 50% os importes das deduccións que nos casos de nacemento ou adopción de fillos —equiparados plenamente para estes efectos— poden efectuarse sobre o tramo autonómico do imposto sobre a renda das persoas físicas, mentres que as deduccións derivadas da posesión do título de familia numerosa se incrementan uniformemente en contía equivalente ó 50% sobre o ano anterior. Noutro sentido, son igualmente actualizadas as tarifas correspondentes á taxa fiscal que recae sobre o xogo de máquinas recreativas e de azar.

Dentro do ámbito que corresponde ó título II, a necesidade de perfecciona-lo tratamento normativo de diferentes aspectos que afectan o desenvolvemento da xestión orzamentaria fai aconsellable introducir diversas modificacións no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario.

Entre os cambios efectuados figura a variación das anualidades que poden comprometerse nos expedientes de gasto plurianual derivados de contratos de servicios e a supresión da referencia ós contratos de traballos específicos e non habituais, determinándose igualmente o número de anos ós que poden estenderse os contratos de consultoría e servicios que os substitúen. Todo iso para adaptarse ás modificacións introducidas na Lei de contratos das administracións públicas, que establece en dous anos, con carácter de normativa básica, a duración máxima dese tipo de contratos.

A posibilidade de xerar crédito no exercicio seguinte, cando o ingreso corresponda a fondos da Unión Europea ou da Administración xeral do Estado aínda que non se destinen ó cofinanciamento de gastos, e por outra parte a extensión ás obrigas derivadas de sentencias xudiciais da posibilidade de que sexan aplicadas a créditos do orzamento vixente en cada momento, son tamén consideradas neste título.

Por último, e polo que respecta ás disposicións adicionais, merece destacarse a creación, dentro do ámbito da administración institucional, da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, que se ocupará do fomento e da coordinación do desenvolvemento das áreas rurais galegas e da xestión dos recursos destinados anualmente pola Comunidade Autónoma, a través da Lei de orzamentos, a esa finalidade. As súas actuacións irán orientadas á procura da mellora de vida no medio rural, paliando desa forma o crecente proceso de despoboación que afecta sobre todo a Galicia interior.

Igualmente nesta parte da lei recóllese a creación da escala de profesores do INEF de Galicia, como paso previo para regulariza-lo réxime de impartición deses estudios nas condicións previstas para as ensinanzas universitarias; declárase a utilidade pública das obras de mellora do abastecemento e saneamento de augas, de acondicionamento de leitos fluviais e de aproveitamentos hidráulicos destinados á producción de enerxía eléctrica, realizadas polo organismo autónomo Augas de Galicia; establécese ó réxime xurídico que lles corresponde ás fundacións públicas sanitarias, e amplíase durante un ano máis a vixencia dalgunha das disposicións que xa figuraban recollidas no ano anterior.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo en nome de El-Rei a Lei de medidas fiscais e de réxime orzamentario e administrativo.

Título I Normas tributarias

Capítulo I Impostos directos

Artigo 1. Imposto sobre a renda das persoas físicas.

Un.— En exercicio das competencias atribuídas pola Lei 32/1997, do 4 de agosto, de modificación do réxime de cesión tributaria do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, e de acordo co disposto na letra b) do punto 1.º do apartado Un do artigo 13 da Lei 14/1996, do 30 de decembro, de cesión de tributos do Estado ás comunidades autónomas e de medidas fiscais complementarias, apróbanse as seguintes deduccións da cota íntegra autonómica do imposto sobre a renda das persoas físicas:

a) Por nacemento e adopción de fillos:

Por cada fillo nado ou adoptado no período impositivo que conviva co contribuínte na data do devengo do imposto:

— 20.000 ptas., cando se trate do primeiro.

— 30.000 ptas., cando se trate do segundo.

— 40.000 ptas., cando se trate do terceiro.

— 50.000 ptas., cando se trate do cuarto.

— 60.000 ptas., cando se trate do quinto e sucesivos.

Cando os fillos nados ou adoptados no período impositivo convivan con ámbolos dous proxenitores, a deducción que corresponda practicarase por partes iguais na declaración de cada un.

No caso de nacementos múltiples a deducción que corresponde a cada fillo incrementarase en 10.000 pesetas.

b) Por familia numerosa:

O contribuínte que posúa o título de familia numerosa na data do devengo do imposto poderá deduci-las seguintes cantidades:

— 30.000 ptas., cando se trate de familia numerosa de primeira categoría.

— 45.000 ptas., cando se trate de familia numerosa de segunda categoría.

— 60.000 ptas., cando se trate de familia numerosa da categoría de honra.

As condicións necesarias para a consideración de familia numerosa e a súa clasificación por categorías determinaranse conforme o establecido na Lei 25/1971, do 19 de xuño, de protección ás familias numerosas, segundo as modificacións introducidas pola disposición derradeira cuarta da Lei 42/1994, do 30 de decembro, de medidas fiscais, administrativas e de orde social, e pola Lei 8/1998, do 14 abril, de ampliación do concepto de familia numerosa.

Esta deducción practicaraa o contribuínte con quen convivan os restantes membros da familia numerosa. Cando estes convivan con máis dun contribuínte, o importe da deducción prorratearase por partes iguais na declaración de cada un deles.

c) Por coidado de fillos menores:

Aqueles contribuíntes que por motivos de traballo, xa sexa este por conta propia ou allea, teñan que deixa-los seus fillos menores ó coidado dunha persoa que teña a condición de empregada do fogar poderán deducir 30.000 ptas., sempre e cando se cumpran os seguintes requisitos:

1.— Que na data do devengo do imposto os fillos convivan co contribuínte e teñan tres ou menos anos de idade.

2.— Que ámbolos dous pais traballen fóra do domicilio familiar.

3.— Que a persoa empregada do fogar estea dada de alta no réxime especial de empregados do fogar da Seguridade Social, sendo calquera dos proxenitores o que figure como empregador.

4.— Que a suma da base liquidable xeral e da base liquidable especial non exceda de 2.500.000 ptas. en tributación individual e de 4.000.000 de ptas. en tributación conxunta.

Cando, cumprindo estes requisitos, dous contribuíntes teñan dereito á aplicación desta deducción, o seu importe prorratearase por partes iguais na declaración de cada un deles.

Dous.— A práctica das deduccións ás que se refire o punto anterior quedará condicionada á xustificación documental adecuada e suficiente do orzamento de feito e dos requisitos que determinan a súa aplicabilidade.

Capítulo II Taxas

Artigo 2. Taxa fiscal sobre o xogo.

Modifícanse as tarifas recollidas no número 2 do apartado dous do artigo 3 da Lei 2/1998, do 8 de abril, de medidas tributarias, de réxime orzamentario, función pública, patrimonio, organización e xestión, que quedan como segue:

«2.— Máquinas recreativas e de azar.

A) Máquinas tipo «B» ou recreativas con premio.

a) Cota anual: 520.000 pesetas.

b) Cando se trata de máquinas ou aparatos automáticos tipo «B» nos que poidan intervir dous ou máis xogadores de forma simultánea e sempre que o xogo de cada un deles sexa independente do realizado por outros xogadores, serán aplicables as seguintes cotas:

— Máquinas ou aparatos de dous xogadores: dúas cotas de acordo co previsto na letra a) anterior.

— Máquinas ou aparatos de tres ou máis xogadores: 1.061.200 pesetas, máis o resultado de multiplicar por 2.580 o producto do número de xogadores polo prezo autorizado para a partida.

B) Máquinas tipo «C» ou de azar. Cota anual: 759.100 pesetas.

As cotas establecidas para as máquinas recreativas e de azar serán aplicables para os supostos de modificación do prezo máximo previstos no parágrafo catro do artigo 3 do Real decreto lei 16/1997, do 25 de febreiro.»

Corrección de erros. Artigo 2 redactado conforme a corrección de erros publicada no DOG núm. 29, do 9 de febreiro de 2001.

Título II Normas de réxime orzamentario

Artigo 3. Gastos plurianuais.

Modificación do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Modifícase o punto 3 do artigo 58 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, que quedará redactado da seguinte forma:

«3. O número de exercicios ós que poden aplicarse os gastos incluídos nas letras a), b), f) e g) e os gastos en bens da letra c) do número 1 non poderá ser superior a catro, quedando reducido a dous anos nos contratos de consultoría e asistencia e nos de servicios.

O gasto que nestes casos se comprometa con cargo a exercicios futuros non poderá exceder do resultado de lle aplicar ó crédito inicial, a nivel de concepto, as seguintes porcentaxes: no exercicio inmediato seguinte o 70%, no segundo exercicio o 60% e nos exercicios terceiro e cuarto o 50%. Tampouco poderá ser inferior ó 10% do importe total do expediente de gasto, en ningún dos anos ós que se estenda a súa execución material, agás, se é o caso, no derradeiro exercicio.

O total dos importes comprometidos con cargo a exercicios futuros no conxunto dos conceptos que define un nivel de vinculación non poderá supera-las porcentaxes arriba indicadas, calculadas sobre o crédito inicial dese conxunto de conceptos.»

Artigo 4. Regulación de obrigas.

Modificación do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Modifícase o punto 2 do artigo 60 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, que quedará redactado da seguinte maneira:

«2. Sen embargo, aplicaránselles ós créditos do orzamento vixente no momento da expedición de ordes de pagamento as seguintes obrigas:

a) As que resulten do recoñecemento e da liquidación de atrasos a favor do persoal que perciba as súas retribucións con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

b) As derivadas de compromisos de gastos debidamente adquiridos en exercicios anteriores.

c) As que teñan a súa orixe en sentencias xudiciais.

Naqueles casos nos que non exista crédito adecuado no exercicio corrente, por iniciativa da consellería correspondente, o conselleiro de Economía e Facenda poderá determina-los créditos ós que se lles deberá imputa-lo pagamento destas obrigas.»

Artigo 5. Limitacións ás transferencias de crédito.

Modificación do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Modifícase o punto 3 do artigo 68 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, que quedará redactado como segue:

«3. As anteriores limitacións non afectarán as transferencias de créditos que se refiran ó programa de imprevistos e funcións non clasificadas, nin serán aplicables cando se trate de créditos modificados como consecuencia de reorganizacións administrativas, de acordos de transferencias de servicios ou que amparen gastos financiados exclusivamente ou cofinanciados con transferencias finalistas do Estado ou con fondos da Unión Europea.»

Artigo 6. Xeración de crédito.

Modificación do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Modifícase o punto 3 do artigo 69 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario, 1/1999, do 7 de outubro, que quedará redactado da seguinte forma:

«3. As xeracións de crédito efectuaranse no mesmo exercicio no que se produciu o ingreso, agás cando teña lugar no último trimestre do ano ou cando se trate de fondos procedentes da Unión Europea ou da Administración central do Estado, casos nos que se poderá xerar crédito no exercicio seguinte, sempre que se xustifique a imposibilidade de ter tramitada a xeración no mesmo exercicio no que se produciu o ingreso. Neste caso, o límite ó que se refire o punto anterior entenderase referido ó orzamento de orixe.»

Artigo 7. Intervención limitada.

Modificación do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Modifícase o punto 1 do artigo 97 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, que quedará redactado nos seguintes termos:

«1. Non estarán sometidos a intervención previa:

a) Os gastos de obras e de adquisición de bens e servicios por importe inferior ó que se é o caso se estableza na Lei de orzamentos de cada exercicio.

b) Os gastos de carácter periódico e demais de tracto sucesivo, unha vez intervido o gasto correspondente ó período inicial do acto ou contrato do que deriven, ou as súas modificacións, así como aqueloutros gastos que de acordo coa normativa vixente se fagan efectivos a través do sistema de anticipos de caixa fixa.

c) A autorización e disposición das subvencións que figuren nos orzamentos con asignación nominativa. »

Disposicións adicionais

Primeira.- Servicio Galego de Saúde. Persoal.

Correspóndelle ó Servicio Galego de Saúde a autorización das modificacións, dentro de cada centro de xestión, dos cadros de persoal estatutario, de persoal MIR e de calquera outro tipo de persoal de institucións sanitarias dependentes do organismo non incluídos nas relacións de postos de traballo, sempre que a modificación acordada non supoña un incremento dos créditos do artigo correspondente do devandito centro.

En idénticas condicións correspóndelle ó Servicio Galego de Saúde a autorización da modificación prevista no parágrafo anterior dos cadros de persoal funcionario sanitario pertencentes ás clases de médicos, practicantes e matronas titulares.

En todo caso, daráselle conta á Consellería de Economía e Facenda unha vez tramitada a correspondente modificación.

Segunda.- Profesores de corpos docentes..

Sen prexuízo do establecido con carácter xeral no artigo 68, punto 5, da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, e atendendo as peculiaridades do persoal docente, recoñecidas polo artigo 1, punto 2, da referida lei, e con carácter de transitoriedade durante o período de implantación da reforma educativa prevista pola Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, os profesores dos corpos docentes previstos no ámbito de xestión da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderán percibir ata o total das súas retribucións tanto básicas coma complementarias cando sexan autorizados para o desfrute de licencias por estudios durante o curso escolar, nos supostos, termos, prazos e condicións que determine a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, co informe favorable das consellerías de Economía e Facenda e da Presidencia e Administración Pública.

Terceira.- Declaración de utilidade pública.

Un.— Para os efectos previstos no artigo 9 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, decláranse de utilidade pública as obras do organismo autónomo Augas de Galicia necesarias para a mellora do abastecemento e saneamento de augas e as destinadas á solución de problemas de enchentes e asolagamentos e ó acondicionamento de leitos fluviais, así como as constitutivas de aproveitamentos hidráulicos outorgados con destino á producción de enerxía eléctrica.

Dous.— A declaración xenérica de utilidade pública que se desprende do punto anterior deberá ser obxecto de recoñecemento en cada caso concreto por acordo do Consello da Xunta.

Cuarta.- Alleamento de solo empresarial polo Instituto Galego da Vivenda e Solo.

Autorízase o Instituto Galego da Vivenda e Solo, nos supostos de alleamento de terreos destinados á creación de solo industrial ou de parcelas ou parques empresariais terminados que se realicen a favor das sociedades públicas maioritariamente participadas polo dito organismo, para que o alleamento se poida efectuar con pagamento aprazado non superior a dez anos e sen repercusión de intereses.

As sociedades públicas referidas ofreceranlles como mínimo esas mesmas condicións ós adquirentes finais das parcelas, sen prexuízo do réxime de garantías que deberá constituírse en favor daquelas.

Quinta.- Creación da escala de profesores do INEF de Galicia.

Un.— Créase a escala de profesores do Instituto Nacional de Educación Física (INEF) de Galicia, no corpo superior —grupo A— de Administración xeral da Xunta de Galicia, e que ten como competencias as propias da función docente establecidas para o profesorado na Lei orgánica 11/1983, do 25 de agosto, de reforma universitaria.

Dous.— En consecuencia, a relación de postos de traballo correspondente modificarase no sentido de transforma-los postos docentes do INEF de Galicia, actualmente configurados como laborais, en postos de persoal funcionario da escala de profesores do INEF de Galicia.

Tres.— Como efecto do anterior, convocarase un proceso selectivo, polo sistema de concurso oposición, para o acceso á escala de profesores do INEF de Galicia no que se ofertarán os postos ocupados por laborais fixos e no que só poderán participar estes traballadores valorándoselles como mérito preferente para cada un deles o tempo de servicios prestados nel.

Así mesmo, convocarase proceso selectivo, polo sistema de concurso oposición libre, para o acceso á dita escala no que se ofertarán aqueles postos de profesores do INEF desempeñados por persoal laboral temporal e os vacantes. Neste proceso valorarase como mérito o tempo de servicios prestados.

As convocatorias adaptaranse á normativa vixente sobre acceso do profesorado universitario.

Sexta.- Creación da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

Un.— Créase a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural como un ente de dereito público dos previstos no artigo 12.1.b) do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

A axencia será o instrumento básico de actuación da Xunta de Galicia no fomento e na coordinación do desenvolvemento do territorio rural galego, para mellora-las condicións de vida e evita-lo despoboamento dese territorio.

A axencia adscríbese á Consellería de Economía e Facenda.

Dous.— As funcións da axencia serán:

a) Elaborar estratexias e plans integrados de coordinación de actuacións de diversa natureza no medio rural, así como promover avaliacións independentes dos resultados dos ditos plans que permitan a súa revisión.

b) Difundi-las políticas e medidas de desenvolvemento rural aplicables en cada momento.

c) Dinamizar e coordina-los grupos de acción local vinculados coas políticas de desenvolvemento rural, con independencia das súas fontes de financiamento e da súa localización.

d) Impulsa-la formulación, por parte dos axentes socioeconómicos locais das zonas rurais, de iniciativas e programas de desenvolvemento.

e) Promover e incentiva-la cooperación entre os axentes públicos e privados nos que as súas actuacións incidan directa ou indirectamente no desenvolvemento das zonas rurais.

Para a execución desas funcións xestionará os recursos que a Xunta de Galicia lle destine ó Fondo Galego de Desenvolvemento Rural, que contará, como mínimo, con 30.000 millóns de pesetas para o período 2001-2006. Esta contía será obxecto de periodificación anual nas leis de orzamentos e destinarase preferentemente a:

a) Apoia-las actividades productivas, con independencia do sector e da natureza do promotor, que se localicen nas zonas consideradas como rurais.

b) Accións que en calquera caso contribúan de forma eficaz á diversificación económica e á modernización do tecido productivo rural.

c) Cofinanciar plans, programas e actuacións de entidades públicas galegas e grupos de acción local que xeren un impacto positivo sobre as zonas rurais.

d) Estender, reforzar e coordina-los grupos de acción local situados nas zonas rurais.

e) Dota-la Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

Tres.— A axencia axustará a súa actividade ó ordenamento xurídico privado salvo cando exercite potestades administrativas. Neste suposto estará sometida á Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e ás demais normas administrativas de aplicación xeral.

Nas súas actividades de contratación aplicaráselle o texto refundido da Lei de contratos das administracións públicas, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2000, do 16 de xuño.

Así mesmo, aplicaráselle a Lei 10/1996, do 5 de novembro, de actuación de entes e empresas nas que ten participación maioritaria a Xunta de Galicia, en materia de persoal e contratación.

Catro.— Os órganos de goberno da axencia serán o consello de dirección, o presidente, o vicepresidente e o director xeral. Poderá crearse un consello asesor.

O consello de dirección estará composto por un número impar de membros, cun máximo de trece. Deste han de formar parte, entre outros, representantes da Aministración autonómica con responsabilidades nas áreas de economía, política territorial, comarcas, agricultura, industria, medio ambiente, turismo, pesca e emprego. O nomeamento e o cesamento dos seus membros corresponderanlle ó Consello da Xunta de Galicia por proposta do conselleiro de Economía e Facenda. Estará presidido polo presidente ou, no seu defecto, polo vicepresidente da axencia.

O presidente da axencia será, por razón do seu cargo, o conselleiro de Economía e Facenda.

O vicepresidente será nomeado polo consello de dirección, de entre os seus membros, por proposta do presidente.

O director xeral será nomeado e separado polo consello de dirección, por proposta do seu presidente, e o seu cargo será incompatible con calquera outra actividade pública ou privada nos termos previstos na lexislación.

Cinco.— O persoal da axencia poderá ser contratado en réxime de dereito laboral ou ser funcionario, ou asimilado, ó servicio da Administración da Xunta de Galicia adscrito á axencia.

Pertencer ó consello de dirección non xerará dereitos laborais.

Seis.— Os recursos da axencia serán:

a) As consignacións orzamentarias que lle sexan asignadas cada ano ó Fondo Galego de Desenvolvemento Rural nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) As subvencións e achegas de entidades e institucións públicas ou privadas, así como de particulares.

c) Calquera outro recurso que se lle poida atribuír.

Sete.— O Consello da Xunta de Galicia, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, aprobará o regulamento da axencia e determinará o momento do inicio da súa actividade. No citado regulamento desenvolveranse, cando menos e de conformidade co previsto nesta lei, o réxime dos órganos e a composición e funcións deles, así como o réxime económico, patrimonial e de persoal da axencia.

Sétima.- Fundacións públicas sanitarias.

Un.— As fundacións sanitarias constituídas pola Comunidade Autónoma transformaranse, no prazo máximo de seis meses desde a entrada en vigor desta lei, en fundacións de titularidade e natureza pública.

Dous.— A modificación destas fundacións e dos seus correspondentes estatutos, así como a creación, modificación e extinción de novas fundacións sanitarias, serán aprobadas por decreto do Consello da Xunta, por proposta do conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais. O decreto establecerá a estructura orgánica e o réxime de funcionamento das fundacións, así como a definición dos obxectivos que deba alcanza-la entidade e dos recursos humanos, financeiros e materiais precisos para o seu funcionamento.

Tres.— O réxime de contratación respectará, en todo caso, os principios de publicidade e concorrencia, e rexerase polas previsións contidas ó respecto na lexislación de contratos das administracións públicas.

Catro.— A relación xurídica do persoal ó servicio das fundacións sanitarias será de carácter laboral, séndolles aplicable o disposto na Lei 10/1996, do 5 de novembro, de actuación de entes e empresas participadas nas que ten participación maioritaria a Xunta de Galicia.

Cinco.— As fundacións públicas sanitarias dispoñerán do seu propio patrimonio e poderán ter bens adscritos pola Administración da Comunidade Autónoma.

Seis.— Os recursos económicos das fundacións públicas sanitarias terán a consideración de ingresos de dereito público.

Sete.— En materia financeira, orzamentaria e de control, as fundacións públicas sanitarias rexeranse polo previsto para as sociedades públicas autonómicas no Decreto lexislativo 1/1999, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Oitava.- Fondo de Cooperación Local.

1. A dotación do Fondo de Cooperación Local expresarase, a partir do exercicio 2001 inclusive, nunha porcentaxe de participación na recadación líquida dos capítulos I, II e III do orzamento de ingresos da Administración xeral da Comunidade Autónoma.

2. A citada porcentaxe para o exercicio 2001 queda establecida no 3,922 %.

3. Autorízase o Consello da Xunta, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, para realiza-las modificacións orzamentarias necesarias para situar nos orzamentos do exercicio 2001 créditos equivalentes ó 96% da dotación do fondo resultante por aplicación da porcentaxe antes indicada.

4. A referida contía transferiráselles ós concellos afectados, con carácter de entrega a conta, por cuartas partes, no segundo mes de cada trimestre natural. Unha vez coñecida a liquidación dos orzamentos de ingresos da Administración xeral, efectuaráselles ós concellos a pertinente liquidación definitiva, transferindo ou retendo o importe que corresponda, na primeira entrega a conta trimestral que proceda.

5. A porcentaxe sobre os ingresos á que se refiren os apartados l e 2 desta disposición adicional deberá ser convenientemente homoxeneizada para o caso de que se produzan modificacións substanciais na actual estructura dos capítulos anteriormente citados.

6. Para os exercicios 2002, 2003 e 2004, a contía do fondo verase incrementada en 1.000 millóns de pesetas correntes de cada ano. Os incrementos anuais, que terán carácter acumulativo, modificarán na contía correspondente a porcentaxe de participación de cada exercicio.

7. A contía do fondo, na cantidade equivalente á súa dotación do exercicio 2000, distribuirase entre os concellos que viñan sendo beneficiarios del de acordo cos criterios recollidos no Decreto 215/2000, do 13 de setembro, en tanto a Comisión Galega de Cooperación Local non decida a súa modificación.

O importe restante será obxecto de distribución segundo os acordos que adopte a mesma comisión, nos que se poderá prever igualmente, se é o caso, unha partida específica con destino ós gastos de mantemento propios da Fegamp.

8. A través de certificación emitida ó remate de cada exercicio, os concellos beneficiarios xustificarán ante a Xunta de Galicia a aplicación dos fondos á realización de infraestructuras e servicios considerados básicos pola lexislación de réxime local.

Excepcionalmente, para o exercicio 2001, establécese un período transitorio coa finalidade de ultima-las programacións en curso de anualidades anteriores, que se suxeitarán ó réxime de xustificación ata agora esixido. As cantidades non afectadas pola referida programación distribuiranse e xustificaranse conforme os criterios anteriormente sinalados.

Disposicións derradeiras

Primeira.- Preceptos de vixencia temporal.

As disposicións adicionais primeira, segunda e cuarta terán vixencia exclusiva para o ano 2001.

Segunda.- Entrada en vigor da lei e desenvolvemento regulamentario.

Autorízase o Consello da Xunta para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento e a execución do disposto nesta lei, que entrará en vigor o día l de xaneiro do ano 2001.

Santiago de Compostela, vinteoito de decembro de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia