Norma Consolidada
Publicado en: DOG 171 08/09/2023
Departamento: Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Estado: En vigor
O plan de estudos das ensinanzas artísticas superiores de Deseño na Comunidade Autónoma de Galicia foi establecido polo Decreto 172/2015, do 29 de outubro, en desenvolvemento do Real decreto 633/2010, do 14 de maio, polo que se regula o contido básico das ensinanzas artísticas superiores de grao en Deseño establecidas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.
O dito plan de estudos regula a estrutura das ensinanzas, así como as condicións de acceso, matrícula, organización e avaliación, en consonancia co disposto no Real decreto 1614/2009, do 26 de outubro, modificado polo Real decreto 21/2015, do 23 de xaneiro, polo que se establece a ordenación das ensinanzas artísticas superiores, e prevé o recoñecemento e transferencia de créditos nas ensinanzas superiores de Deseño; e modificado tamén polo Real decreto 628/2022, do 26 de xullo, polo que se modifican varios reais decretos para a aplicación da Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, pola que se modifica a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, ás ensinanzas artísticas e ás ensinanzas deportivas, e a adecuación de determinados aspectos da ordenación xeral das ditas ensinanzas. Así mesmo, o Real decreto 1618/2011, do 14 de novembro, sobre recoñecemento de estudos no ámbito da educación superior, establece o réxime de recoñecemento entre as diferentes ensinanzas que constitúen a educación superior.
Por outra banda, o Decreto 61/2011, do 24 de marzo, establece o Regulamento orgánico das escolas de arte e superiores de deseño da Comunidade Autónoma de Galicia, desenvolvido pola Orde do 8 de agosto de 2011.
A Orde do 21 de novembro de 2016 regula a ordenación das ensinanzas superiores de Deseño, en desenvolvemento do Decreto 172/2015, do 29 de outubro, polo que se establece o plan de estudos das ensinanzas artísticas superiores de Deseño na Comunidade Autónoma de Galicia.
O Decreto 41/2023, do 20 de abril, modifica o Decreto 172/2015, do 29 de outubro, establecendo dous itinerarios académicos no plan de estudos correspondente á especialidade Produto dos estudos superiores de Deseño na Comunidade Autónoma de Galicia.
En consecuencia, procede modificar os anexos á Orde do 21 de novembro de 2016, regular a incorporación do alumnado procedente de plans de estudos anteriores e/ou diferentes ao novo plan de estudos superiores de Deseño, para a especialidade Produto, desenvolver o xa citado Decreto 41/2023, do 20 de abril, e establecer o seu calendario de aplicación.
De conformidade co exposto, ao abeiro do establecido no artigo 2 do citado Decreto 41/2023, do 20 de abril, e na súa disposición derradeira primeira,
DISPOÑO:
Artigo 1. Obxecto
A presente orde ten por obxecto:
1. Modificar os anexos I e II da Orde do 21 de novembro de 2016 pola que se regula a ordenación das ensinanzas artísticas superiores de Deseño en desenvolvemento do Decreto 172/2015, do 29 de outubro, polo que se establece o plan de estudos das ensinanzas artísticas superiores de Deseño na Comunidade Autónoma de Galicia.
2. Establecer o recoñecemento de créditos ECTS ao alumnado procedente dos estudos superiores de Deseño na especialidade Produto, cursados segundo plans de estudos anteriores, ou procedente doutras especialidades dos estudos superiores de Deseño.
3. Regular o recoñecemento de créditos ECTS ao alumnado que superase parcial ou totalmente un ciclo formativo de grao superior das ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño da familia profesional artística de Xoiaría da Arte.
4. Establecer o calendario de implantación do novo plan de estudos na especialidade Produto, e a extinción do plan dos estudos establecido polo Decreto 172/2015, do 29 de outubro, para esta mesma especialidade.
5. Establecer a relación de disciplinas do novo plan dos estudos superiores de Deseño na especialidade Produto que teñen o carácter de progresivas para os efectos académicos, e as disciplinas que poderán ser impartidas polo centro en colaboración con empresas, estudios e/ou obradoiros.
Artigo 2. Ámbito de aplicación
A presente orde será de aplicación nos centros públicos e privados autorizados do ámbito territorial de competencia da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades en que se impartan as ensinanzas artísticas superiores de deseño, en calquera das súas especialidades.
Artigo 3. Modificación do anexo I e do anexo II da Orde do 21 de novembro de 2016
Substitúense os anexos I e II da Orde do 21 de novembro de 2016 polos anexos I e II desta orde.
Artigo 4. Recoñecemento de créditos ECTS ao alumnado procedente doutras especialidades dos estudos superiores de Deseño
Para o recoñecemento de créditos asociados ás disciplinas que integran o plan de estudos establecido polo Decreto 41/2023, do 20 de abril, que modifica o Decreto 172/2015, do 29 de outubro, na especialidade Produto, ao alumnado que iniciase ou rematase estudos superiores de Deseño noutra especialidade, cursados segundo plans de estudos establecidos pola Comunidade Autónoma de Galicia, ou por outras administracións educativas do Espazo Europeo de Educación Superior, aplicaráselle o establecido no capítulo IV da Orde do 21 de novembro de 2016 e o disposto no anexo II desta orde.
Artigo 5. Recoñecemento de créditos ECTS ao alumnado que superase parcial ou totalmente un ciclo formativo de grao superior das ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño
1. Ao alumnado que curse o plan de estudos establecido polo Decreto 41/2023, do 20 de abril, que modifica o Decreto 172/2015, do 29 de outubro, na especialidade Produto, e superase parcial ou totalmente o ciclo formativo de grao superior de artes plásticas e deseño en Xoiaría Artística, cursado segundo o currículo establecido polo Decreto 124/2002, do 7 de marzo, poderánselle recoñecer os créditos ECTS asociados ás disciplinas dos estudos superiores de Deseño, na especialidade Produto, regulados na presente orde, segundo o seu anexo III.
2. Ao alumnado que curse o plan de estudos establecido polo Decreto 41/2023, do 20 de abril, que modifica o Decreto 172/2015, do 29 de outubro, na especialidade Produto, e superase parcial ou totalmente un ciclo formativo de grao superior de artes plásticas e deseño, cursado segundo plans de estudos establecidos pola Comunidade Autónoma de Galicia, ou por outras administracións educativas do Espazo Común Europeo de Educación Superior, aplicaráselle o establecido no capítulo IV da Orde do 21 de novembro de 2016.
Artigo 6. Disciplinas que poderán ser impartidas polos centros en colaboración coas empresas, estudios e/ou obradoiros
1. As disciplinas de tipo práctico (P.) ou teórico-práctico (T.P.), que integran os dous itinerarios académicos do plan de estudos establecido polo Decreto 41/2023, do 20 de abril, polo que modifica o Decreto 172/2015, do 29 de outubro, na especialidade Produto que, en razón dos seus contidos e desenvolvemento, poderán ser impartidos entre a Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo de Santiago de Compostela e as empresas, estudios ou obradoiros do sector do deseño, a xoiaría e os complementos, son as relacionadas no anexo IV da presente orde.
2. O título de grao en Ensinanzas Artísticas Superiores de Deseño na especialidade que corresponda é equivalente, para todos os efectos, ao título universitario de grao, segundo o artigo 57.4 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación. Tendo en conta que determinados estudos universitarios de grao ofrecen xa formación dual, habilítase a que os centros educativos que imparten ensinanzas artísticas superiores de deseño tamén poidan impartir con carácter dual as disciplinas a que se refire o punto anterior, así como outras das distintas especialidades das ensinanzas artísticas superiores de deseño que pola súa especificidade, sexan susceptibles de ser impartidas entre os centros educativos e empresas, estudios ou obradoiros dos sectores correspondentes. Para tal fin, requirirase autorización previa da dirección xeral competente en materia de ensinanzas artísticas superiores.
3. Para as ensinanzas que se vaian impartir de acordo co punto 2 deste artigo, deberanse informar as persoas inscritas no proceso de acceso e admisión das condicións específicas de acceso para cada caso.
Artigo 7. Calendario de implantación do plan de estudos establecido polo Decreto 41/2023, do 20 de abril, para a especialidade Produto
1. Implantación do novo plan de estudos:
Atendendo á necesidade dunha implantación ordenada do novo plan de estudos que substitúa gradualmente o anterior, o plan de estudos establecido polo Decreto 41/2023, do 20 de abril, para a especialidade Produto, implantarase no ano académico 2023/24, segundo o seguinte calendario:
a) No ano académico 2023/24, o alumnado de novo ingreso matricularase no 1º curso dos estudos superiores de Deseño na especialidade Produto, segundo o plan establecido polo Decreto 41/2023, do 20 de abril, polo que se modifica o Decreto 172/2015, do 29 de outubro, na especialidade Produto.
b) No ano académico 2024/25 impartirase o 2º curso dos devanditos estudos segundo o novo plan de estudos.
c) No ano académico 2025/26 impartirase o 3º curso dos devanditos estudos segundo o novo plan de estudos.
d) No ano académico 2026/27 impartirase o 4º curso dos devanditos estudos segundo o novo plan de estudos.
2. Extinción do plan de estudos establecido polo Decreto 172/2015, do 29 de outubro, para a especialidade Produto:
Co propósito de garantir o dereito do alumnado que iniciase os seus estudos superiores de Deseño na especialidade Produto conforme o plan de estudos establecido polo Decreto 172/2015, do 29 de outubro, a que poida rematalos segundo este mesmo plan, os estudos superiores de Deseño na especialidade de Produto establecidos polo Decreto 172/2015, do 29 de outubro, deixarán de impartirse segundo o seguinte calendario:
a) No ano académico 2023/24 non se impartirá o 1º curso dos ditos estudos.
b) No ano académico 2024/25 non se impartirá o 2º curso dos ditos estudos.
c) No ano académico 2025/26 non se impartirá o 3º curso dos ditos estudos.
d) No ano académico 2026-27 non se impartirá o 4º curso dos ditos estudos.
e) No ano académico 2027/28 poderanse realizar, por derradeira vez, as prácticas externas e o traballo de fin de grao correspondente ao plan de estudos establecido polo Decreto 172/2015, do 29 de outubro.
3. O alumnado que iniciase ou rematase os estudos superiores de Deseño cursados segundo o plan de estudos establecido polo Decreto 172/2015, do 29 de outubro, en calquera das súas especialidades, poderase incorporar ao novo plan de estudos establecido polo Decreto 41/2023, do 20 de abril, sen prexuízo da dispoñibilidade de prazas e da normativa en vigor relativa á admisión a estes, solicitando e acadando o recoñecemento de créditos ECTS correspondentes.
Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa
Facúltanse as persoas titulares das direccións xerais de Centros e Recursos Humanos, e de Formación Profesional, para ditaren cantas normas sexan precisas para o desenvolvemento do establecido nesta orde.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor ao día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 29 de agosto de 2023
Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Relación de disciplinas de contido progresivo nas ensinanzas artísticas superiores de Deseño
Créditos ECTS asociados ás disciplinas das ensinanzas artísticas superiores de Deseño establecidas polo Decreto 41/2023, do 20 de abril, que se poderán recoñecer ao alumnado que iniciase ou rematase as ensinanzas superiores de Deseño segundo o plan de estudos establecido polo Decreto 233/2005, do 14 de xullo, ou iniciase ou rematase as ensinanzas superiores de Deseño na especialidade Produto segundo o plan de estudos establecido polo Decreto 172/2015, do 29 de outubro
Relación de créditos ECTS que se lle poderán recoñecer ao alumnado que curse os estudos superiores de Deseño, na especialidade Produto regulados nesta orde, que superase total ou parcialmente o ciclo formativo de grao superior de artes plásticas e deseño en Xoiaría Artística, cursado segundo o currículo establecido polo Decreto 124/2002, do 7 de marzo
Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.