lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Decreto 126/2023, do 20 de xullo, polo que se establece o currículo do ámbito de Comunicación e Ciencias Sociais e do ámbito de Ciencias Aplicadas dos ciclos formativos de grao básico de formación profesional na Comunidade Autónoma de Galicia.

Publicado en: DOG 157 21/08/2023

Departamento: Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

Estado: En vigor

PDF

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, determina que é competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e a administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que, conforme o punto primeiro do seu artigo 81, a desenvolvan.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece no seu capítulo III do título preliminar que se entende por currículo o conxunto de obxectivos, competencias, contidos, métodos pedagóxicos e criterios de avaliación e, no caso da formación profesional, tamén se considerarán parte do currículo os resultados de aprendizaxe.

A Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa, modificou a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, e entre outros aspectos creou os ciclos de formación profesional básica, conducentes ao título profesional básico. Estes ciclos incorporaron, ademais dos módulos asociados a unidades de competencia do Catálogo nacional de cualificacións profesionais, módulos relacionados cos bloques comúns de Ciencias Aplicadas, e de Comunicación e Sociedade.

O Real decreto 127/2014, do 28 de febreiro, polo que se regulan aspectos específicos da formación profesional básica das ensinanzas de formación profesional do sistema educativo, se aproban catorce títulos profesionais básicos, se fixan os seus currículos básicos e se modifica o Real decreto 1850/2009, do 4 de decembro, sobre expedición de títulos académicos e profesionais correspondentes ás ensinanzas establecidas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, estableceu o currículo básico de catorce títulos de formación profesional básica.

Adicionalmente, publicáronse o Real decreto 356/2014, do 16 de maio, polo que se establecen sete títulos de formación profesional básica do catálogo de títulos das ensinanzas de formación profesional, e o Real decreto 774/2015, do 28 de agosto, polo que se establecen outros seis títulos de formación profesional básica do catálogo de títulos das ensinanzas de formación profesional.

No ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, publicouse o Decreto 107/2014, do 4 de setembro, polo que se regulan aspectos específicos da formación profesional básica das ensinanzas de formación profesional do sistema educativo en Galicia e se establecen vinte e un currículos de títulos profesionais básicos. Este decreto desenvolve o currículo dos títulos incluídos no Real decreto 127/2014, do 28 de febreiro, e no Real decreto 356/2014, do 16 de maio, anteriormente citados.

Posteriormente publicouse o Decreto 71/2017, do 24 de maio, polo que se establecen seis currículos de títulos profesionais básicos, os incluídos no Real decreto 774/2015, do 28 de agosto.

No artigo 8 do Decreto 107/2014, do 4 de setembro, indícase que os ciclos formativos de formación profesional básica incluirán, entre outros, os módulos asociados aos bloques comúns regulados no artigo 42.4 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de acordo coa redacción dada pola Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa: os módulos de Comunicación e Sociedade I e II, e os módulos de Ciencias Aplicadas I e II.

Coa publicación da Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, pola que se modifica a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, créanse os ciclos formativos de grao básico que dan lugar a un novo título do sistema educativo, o título de técnico básico na especialidade correspondente.

De conformidade co artigo 3.3 da nova redacción da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, os ciclos formativos de grao básico, xunto á educación primaria e á educación secundaria obrigatoria, constitúen o ensino básico.

No artigo 30.2 establécese que os ciclos formativos de grao básico facilitarán a adquisición das competencias da educación secundaria obrigatoria e a través de ensinanzas organizadas nos seguintes ámbitos:

a) Ámbito de Comunicación e Ciencias Sociais, que incluirá as seguintes materias: 1º Lingua castelá, 2º Lingua estranxeira de iniciación profesional, 3º Ciencias sociais, 4º Lingua cooficial, se for o caso.

b) Ámbito de Ciencias Aplicadas, que incluirá as seguintes materias: 1º Matemáticas aplicadas, 2.º Ciencias aplicadas.

c) Ámbito Profesional, que incluirá, polo menos, a formación necesaria para obter unha cualificación de nivel 1 do Catálogo nacional das cualificacións profesionais a que se refire o artigo 7 da Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e da formación profesional.

No anexo I do Real decreto 217/2022, do 29 de marzo, polo que se establecen a ordenación e as ensinanzas mínimas da educación secundaria obrigatoria, establécese o perfil de saída do alumnado ao termo do ensino básico, as competencias clave da etapa, xunto cos descritores operativos das competencias clave. Este perfil de saída é único e o mesmo para todo o territorio do Estado. O perfil de saída identifica e fixa as competencias clave que o alumnado debe adquirir e desenvolver ao finalizar o ensino básico, e constitúe o referente último sobre o nivel de desempeño competencial esperado, tanto na avaliación como para a titulación en educación secundaria obrigatoria a través dos correspondentes descritores operativos.

Na Comunidade Autónoma de Galicia, o perfil de saída figura no anexo I do Decreto 156/2022, do 15 de setembro, polo que se establece a ordenación e o currículo da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia.

Adicionalmente, no anexo V do Real decreto 217/2022, do 29 de marzo, fíxanse as competencias específicas, os criterios de avaliación e os contidos, para os ámbitos de Comunicación e Ciencias Sociais, e de Ciencias Aplicadas. Estes ámbitos veñen substituír os módulos asociados cos bloques comúns de Comunicación e Sociedade, e de Ciencias Aplicadas da anterior ordenación de formación profesional básica.

De conformidade co establecido polo artigo 25.2 do Real decreto 217/2022, do 29 de marzo, os ciclos formativos de grao básico irán dirixidos preferentemente a quen presente maiores posibilidades de aprendizaxe e de alcanzar as competencias da educación secundaria obrigatoria nunha contorna vinculada ao mundo profesional, velando para evitar a segregación do alumnado por razóns socioeconómicas ou doutra natureza, co obxectivo de preparalo para a continuación da súa formación. Adicionalmente, de acordo co establecido no punto 7 do mesmo artigo, a superación da totalidade dos ámbitos incluídos nun ciclo de grao básico conducirá á obtención do título de graduado en educación secundaria obrigatoria. Para favorecer a xustificación no ámbito laboral das competencias profesionais adquiridas, o alumnado a que se refire este apartado recibirá, así mesmo, o título de técnico básico na especialidade correspondente.

Para dar cumprimento á obriga establecida na normativa estatal, e de acordo co establecido na disposición derradeira terceira do Real decreto 217/2022, do 29 de marzo, no curso 2022-2023 foi anticipada, para o primeiro curso dos ciclos formativos de grao básico, a aplicación dos novos elementos curriculares dos ámbitos de Comunicación e Ciencias Sociais I e de Ciencias Aplicadas I, polo que de feito se produciu unha aplicación retroactiva deste decreto.

Consonte o anterior, este decreto desenvolve e establece o currículo do ámbito de Comunicación e Ciencias Sociais, e do ámbito de Ciencias Aplicadas na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co disposto no artigo 6 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, e nos artigos 13 e 25.4 do Real decreto 217/2022, do 29 de marzo.

O Ministerio de Educación e Formación Profesional ten pendente o establecemento da ordenación académica dos ciclos de grao básico.

Desde o punto de vista formal, o decreto consta de tres artigos, dúas disposicións adicionais, unha disposición transitoria, unha disposición derrogatoria e tres disposicións derradeiras.

No articulado deste decreto establécese o obxecto e o ámbito de aplicación, e regúlase o currículo do ámbito de Comunicación e Ciencias Sociais, e do ámbito de Ciencias Aplicadas dos novos ciclos de grao básico.

Nas disposicións adicionais abórdanse a preferencia na incorporación do alumnado a un ciclo de grao básico e as titulacións que acadará o alumnado que supere estas ensinanzas.

Na disposición transitoria regúlase a carga horaria destes ámbitos, e a avaliación e a titoría do alumnado.

Desde o punto de vista da mellora da calidade normativa, este decreto adecúase aos principios de boa regulación previstos no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, así como aos principios de necesidade, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia, accesibilidade, simplicidade e eficacia, que se recollen no artigo 37 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico.

No que se refire aos principios de necesidade e eficacia, trátase dunha norma necesaria para a regulación do currículo do ámbito de Comunicación e Ciencias Sociais, e do ámbito de Ciencias Aplicadas na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co disposto na nova redacción do artigo 6 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, e no artigo 25 do Real decreto 217/2022, do 29 de marzo, polo que se establecen a ordenación e as ensinanzas mínimas da educación secundaria obrigatoria.

De acordo co principio de proporcionalidade e de simplicidade, contén a regulación imprescindible da estrutura desta ensinanza, ao non existir ningunha alternativa regulatoria menos restritiva de dereitos.

Conforme os principios de seguridade xurídica e eficiencia, resulta coherente co ordenamento xurídico e permite unha xestión máis eficiente dos recursos públicos.

Cumpre tamén o principio de transparencia e accesibilidade, xa que se identifica claramente o seu propósito e durante o procedemento de tramitación da norma permitiuse a participación activa das persoas potenciais destinatarias a través do trámite de audiencia e información pública no portal de transparencia e goberno aberto da Xunta de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, en exercicio das facultades outorgadas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, consultado o Consello Escolar de Galicia, de acordo co Consello Consultivo de Galicia, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do vinte de xullo de dous mil vinte e tres,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Este decreto ten por obxecto establecer o currículo do ámbito de Comunicación e Ciencias Sociais, e do ámbito de Ciencias Aplicadas dos ciclos formativos de grao básico de formación profesional na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co disposto no artigo 6 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, e no artigo 25 do Real decreto 217/2022, do 29 de marzo, polo que se establecen a ordenación e as ensinanzas mínimas da educación secundaria obrigatoria.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

Este decreto será de aplicación nos centros docentes correspondentes ao ámbito de xestión da Comunidade Autónoma de Galicia que impartan ciclos formativos de grao básico.

Artigo 3. Currículo dos ámbitos de Comunicación e Ciencias Sociais, e de Ciencias Aplicadas

1. De conformidade co establecido no artigo 6.1 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, enténdese por currículo o conxunto de obxectivos, competencias, contidos, métodos pedagóxicos e criterios de avaliación de cada unha das ensinanzas reguladas na citada lei. No caso da formación profesional, tamén se considerarán parte do currículo os resultados de aprendizaxe.

2. O currículo dos ámbitos de Comunicación e Ciencias Sociais I e II, e de Ciencias Aplicadas I e II, para cada un dos cursos dos ciclos de grao básico, 1º e 2º, será o establecido no anexo deste decreto.

Será de aplicación desde o curso 2022/23 o currículo para os ámbitos de Comunicación e Ciencias Sociais I, e de Ciencias Aplicadas I e desde o curso 2023/24 o currículo para os ámbitos de Comunicación e Ciencias Sociais II, e de Ciencias Aplicadas II correspondente aos primeiros e segundos cursos dos ciclos de grao básico.

3. O perfil de saída do alumnado ao finalizar o ensino básico, xunto ás competencias clave e os descritores operativos das competencias clave, é o establecido no anexo I do Decreto 156/2022, do 15 de setembro, polo que se establece a ordenación e o currículo da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia.

4. De conformidade co punto terceiro do artigo 30 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, os criterios pedagóxicos con que se desenvolverán os programas formativos dos ciclos de grao básico adaptaranse ás características específicas do alumnado, adoptando unha organización do currículo desde unha perspectiva aplicada, e fomentarán o desenvolvemento de habilidades sociais e emocionais, o traballo en equipo e a utilización das tecnoloxías da información e a comunicación.

Disposición adicional primeira. Incorporación aos ciclos de grao básico

De acordo co inciso final do artigo 30.1 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, os ciclos formativos de grao básico irán dirixidos preferentemente a quen presente maiores posibilidades de aprendizaxe e de alcanzar as competencias da educación secundaria obrigatoria nunha contorna vinculada co mundo profesional, velando para evitar a segregación do alumnado por razóns socioeconómicas ou doutra natureza, co obxectivo de o preparar para a continuación da súa formación.

Disposición adicional segunda. Titulación

De conformidade co artigo 25.7 do Real decreto 217/2022, do 29 de marzo, a superación da totalidade dos ámbitos incluídos nun ciclo de grao básico conducirá á obtención do título de graduado en educación secundaria obrigatoria. Para favorecer a xustificación no ámbito laboral das competencias profesionais adquiridas, o alumnado a que se refire este punto recibirá, así mesmo, o título de técnico básico na especialidade correspondente.

Disposición adicional terceira. Currículo dos ciclos de grao básico da formación profesional básica

O currículo de cada un dos ciclos de grao básico será o establecido no Decreto 107/2014 e no Decreto 71/2017, salvo no referente aos elementos curriculares dos módulos profesionais dos bloques comúns, que serán substituídos. En concreto:

Os elementos curriculares dos módulos profesionais de Comunicación e Sociedade I e II serán substituídos polos correspondentes aos ámbitos de Comunicación e Ciencias Sociais I e II, respectivamente, establecidos neste decreto.

Os elementos curriculares dos módulos profesionais de Ciencias Aplicadas I e II serán substituídos polos correspondentes aos ámbitos de Ciencias Aplicadas I e II, respectivamente, establecidos neste decreto.

Disposición transitoria única. Ordenación académica nos ciclos de grao básico da formación profesional básica

1. A carga horaria dos novos ciclos de grao básico será a seguinte:

a) Para o ámbito de Comunicación e Ciencias Sociais I, a establecida para o módulo profesional de Comunicación e Sociedade I no Decreto 107/2014, do 4 de setembro, polo que se regulan aspectos específicos da formación profesional básica das ensinanzas de formación profesional do sistema educativo en Galicia e se establecen vinte e un currículos de títulos profesionais básicos.

b) Para o ámbito de Comunicación e Ciencias Sociais II, a establecida para o módulo profesional de Comunicación e Sociedade II no Decreto 107/2014, do 4 de setembro.

c) Para o ámbito de Ciencias Aplicadas I, a establecida para o módulo profesional de Ciencias Aplicadas I no Decreto 107/2014, do 4 de setembro.

d) Para o ámbito de Ciencias Aplicadas II, a establecida para o módulo profesional de Ciencias Aplicadas II no Decreto 107/2014, do 4 de setembro.

e) Para o resto de módulos profesionais, incluíndo o módulo de Formación en centros de traballo, a establecida no Decreto 107/2014, do 4 de setembro.

f) Para titoría semanal, a establecida no Decreto 107/2014, do 4 de setembro.

2. A avaliación, segundo o caso, realizarase por módulos profesionais ou por ámbitos profesionais.

3. A titoría e a orientación educativa e profesional terán unha especial consideración, realizando un acompañamento socioeducativo personalizado.

4. O establecido no artigo 30 do Decreto 107/2014, do 4 de setembro, relativo ás condicións que debe cumprir o profesorado para impartir os módulos profesionais de Comunicación e Sociedade I e II, e de Ciencias Aplicadas I e II, seralle de aplicación ao profesorado que imparte nos ámbitos de Comunicación e Ciencias Sociais I e II, e de Ciencias Aplicadas I e II.

5. A consellería con competencias en materia de educación promoverá medidas metodolóxicas de atención á diversidade que permitan aos centros docentes, no exercicio da súa autonomía, unha organización das ensinanzas adecuada ás características dos alumnos e as alumnas, con especial atención no relativo á adquisición das competencias lingüísticas contidas no ámbito de Comunicación e Ciencias Sociais para os alumnos e as alumnas que presenten dificultades na súa expresión oral, sen que as medidas adoptadas supoñan unha minoración da avaliación das súas aprendizaxes.

6. Será de aplicación aos ciclos de grao básico, cando non se opoñan ao establecido neste decreto ou en normas de rango superior, os aspectos específicos da formación profesional básica regulados no Decreto 107/2014, do 4 de setembro, e a normativa que o desenvolve, así como a normativa do resto das ensinanzas de formación profesional do sistema educativo de Galicia.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas todas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao disposto neste decreto.

Disposición derradeira primeira. Modificación do Decreto 107/2014, do 4 de setembro, polo que se regulan aspectos específicos da formación profesional básica das ensinanzas de formación profesional do sistema educativo en Galicia e se establecen vinte e un currículos de títulos profesionais básicos

O artigo 15.1 do Decreto 107/2014, do 4 de setembro, queda redactado do seguinte xeito:

1. De conformidade co artigo 41.1 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, o acceso aos ciclos formativos de grao básico requirirá o cumprimento simultáneo das seguintes condicións:

a) Ter feitos quince anos, ou facelos durante o ano natural en curso.

b) Ter cursado o terceiro curso de educación secundaria obrigatoria ou, excepcionalmente, ter cursado o segundo curso.

c) Ter proposto o equipo docente ao pai, á nai ou aos titores ou ás titoras legais a incorporación do alumno ou da alumna a un ciclo formativo de grao básico.

Disposición derradeira segunda. Desenvolvemento normativo

1. A consellería con competencias en materia de educación establecerá:

a) A oferta de ciclos de grao básico.

b) O procedemento de incorporación do alumnado nestas ensinanzas, que incluirá, de acordo co artigo 30.1 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, a intervención do propio alumnado, das súas familias e dos equipos ou servizos de orientación neste proceso.

2. Facúltase a persoa titular da consellería con competencias en materia de educación para ditar cantas outras disposicións sexan precisas, no ámbito das súas competencias, para a execución e o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte de xullo de dous mil vinte e tres

Alfonso Rueda Valenzuela

Presidente

Román Rodríguez González

Conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ANEXO

Segundo o artigo 25.3 do Real decreto 217/2022, do 29 de marzo, polo que se establecen a ordenación e as ensinanzas mínimas da educación secundaria obrigatoria, o currículo dos ámbitos de Comunicación e Ciencias Sociais, e de Ciencias Aplicadas dos ciclos formativos de grao básico contribúe a alcanzar as competencias do perfil de saída do alumnado ao finalizar o ensino básico.

Na comunidade Autónoma de Galicia, o perfil de saída do alumnado ao finalizar o ensino básico, xunto ás competencias clave e os descritores operativos das competencias clave, é o establecido no anexo I do Decreto 156/2022, do 15 de setembro, polo que se establece a ordenación e o currículo da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia.

O perfil de saída é a ferramenta en que se concretan os principios e os fins do sistema educativo referidos á educación básica que fundamenta o resto de decisións curriculares, así como as estratexias e as orientacións metodolóxicas na práctica lectiva. O perfil de saída identifica e fixa as competencias clave que o alumnado debe adquirir e desenvolver ao finalizar a educación básica, e constitúe o referente último sobre o nivel de desempeño competencial esperado, a través dos correspondentes descritores operativos, tanto na avaliación das distintas etapas e modalidades da formación básica (incluíndo os ciclos de grao básico de formación profesional), como na obtención da titulación en educación secundaria obrigatoria, sexa cursando a ensino secundario obrigatorio ou sexa cursando un ciclo de grao básico de formación profesional.

As competencias clave que aparecen recollidas no perfil de saída son a adaptación ao sistema educativo das competencias clave establecidas na Recomendación do Consello da Unión Europea do 22 de maio de 2018 relativa ás competencias clave para a aprendizaxe permanente. Constitúen os desempeños que se consideran imprescindibles para que o alumnado poida progresar con garantías de éxito no seu itinerario formativo e afrontar os principais retos e desafíos globais e locais. Así mesmo, eses desempeños evidéncianse nas capacidades para aplicar de forma integrada os contidos propios de cada ensinanza e etapa educativa, co fin de lograr a realización axeitada de actividades e a resolución eficaz de problemas complexos.

Nas seguintes epígrafes deste anexo establécese o currículo dos ámbitos de Comunicación e Ciencias Sociais, e de Ciencias Aplicadas dos ciclos formativos de grao básico para o primeiro e o segundo cursos destas ensinanzas, e defínense os obxectivos de cada ámbito, os criterios de avaliación, os contidos, os resultados de aprendizaxe e as orientacións pedagóxicas.

Por obxectivos de ámbito enténdese os desempeños que o alumnado debe poder despregar en actividades ou en situacións cuxa abordaxe requira as aprendizaxes asociadas aos contidos de cada ámbito. Estes obxectivos constitúen un elemento de conexión entre, por unha banda, o perfil de saída do alumnado e, por outra, os criterios de avaliación e os contidos dos ámbitos.

Os criterios de avaliación son os referentes que indican os niveis de desempeño e/ ou o grao de consecución esperados no alumnado nas situacións ou actividades ás que se refiren os obxectivos de cada ámbito nun momento determinado do seu proceso de aprendizaxe. Nese sentido, actúan como unha ponte de conexión entre os contidos e os obxectivos do ámbito, polo que son o referente específico para avaliar a aprendizaxe do alumnado, e describen aquilo que se quere valorar e que o alumnado debe lograr, tanto en coñecementos como en competencias.

Na súa formulación competencial, formúlanse enunciando o proceso ou a capacidade que o alumnado debe adquirir, xunto co contexto ou o modo de aplicación e uso do devandito proceso ou da capacidade. O establecemento dos criterios de avaliación vén determinado de xeito gradual polo nivel de madureza e o desenvolvemento psicoevolutivo do alumnado, e deberá garantir sempre a adecuación ás súas experiencias, así como ás súas circunstancias e ás súas características específicas.

Os contidos xuntan os coñecementos (saber), as destrezas (saber facer) e as actitudes (saber ser) que se precisan para a adquisición dos obxectivos propios dun ámbito e cuxa aprendizaxe é necesaria para adquirir o nivel de desempeño indicado nos criterios de avaliación. Así mesmo, os contidos favorecen a avaliación das aprendizaxes a través dos criterios de avaliación.

Os criterios de avaliación e os contidos correspondentes agrúpanse de forma coherente en bloques, e por cada bloque defínese un resultado de aprendizaxe.

Como resultado do proceso de ensino e aprendizaxe de cada bloque, o resultado de aprendizaxe representa o conxunto de obxectivos acadados polo alumnado nese bloque. O conxunto de resultados de aprendizaxe dun ámbito constitúe a evidencia suficiente que permite inferir que se acadan os obxectivos dese ámbito.

As orientacións pedagóxicas son indicacións para orientar o profesorado no deseño e na planificación das estratexias, os procedementos e as accións docentes, de xeito consciente e reflexivo, coa finalidade de posibilitar a aprendizaxe do alumnado que lle permita o logro dos obxectivos e a adquisición das competencias.

1. Comunicación e Ciencias Sociais.

1.1. Introdución.

A rápida evolución das sociedades actuais e as súas múltiples interconexións exixen o desenvolvemento das competencias que axuden aos individuos a exercer unha cidadanía democrática, independente, activa e comprometida coa realidade contemporánea. As competencias clave, que forman parte do perfil de saída do alumnado ao termo do ensino básico, abranguen todos os coñecementos, as destrezas e as actitudes que os individuos necesitan para a súa realización e o seu desenvolvemento persoais, para mellorar as súas capacidades e facilitar a súa inclusión social, para poder desenvolver un estilo de vida responsable, sustentable e saudable e, fundamentalmente, para preparar o alumnado para a súa saída ao mundo laboral. Estas competencias permitirán poder afrontar de maneira satisfactoria os retos e os desafíos do século XXI que, no caso dos ciclos formativos de grao básico, estarán máis conectados coa realidade laboral e ofrecerán ao alumnado a oportunidade de se converter en persoal cualificado e especializado nos distintos sectores da actividade profesional.

O eixe do currículo do ámbito de Comunicación e Ciencias Sociais aborda de maneira directa as dimensións comunicativas, interculturais, cidadás e cívicas necesarias para desenvolver esa cidadanía democrática, independente, activa e comprometida, así como para exercer profesións cualificadas. Os obxectivos do ámbito de Comunicación e Ciencias Sociais supoñen unha progresión con respecto aos adquiridos polo alumnado durante os anos de escolarización previa, que serán o punto de partida para esta nova etapa en que se deberán ter en conta tanto as características específicas do alumnado como os seus repertorios e as súas experiencias, co fin de garantir a súa inclusión social e profesional.

Os obxectivos deste ámbito, relacionados cos descritores das competencias clave do perfil de saída e cos retos do século XXI, permítenlle ao alumnado asumir responsablemente os seus deberes, e coñecer e exercer os seus dereitos a partir da aprendizaxe da orixe e a evolución das sociedades, a construción europea, os valores democráticos e a cidadanía activa. En combinación cos aspectos máis intimamente vinculados coas ciencias sociais, a dimensión comunicativa deste currículo implica comunicarse eficazmente e con corrección nas linguas galega e castelá, tanto no nivel oral como no escrito, así como comprender e expresarse adecuadamente nunha lingua estranxeira, de modo que o alumnado poida ampliar o seu repertorio lingüístico individual aproveitando as experiencias propias para mellorar as súas destrezas comunicativas. Así mesmo, ocupan un lugar importante a procura da satisfacción coa lectura, para o que se fomentará unha lectura guiada e compartida na aula de obras que presenten unha certa resistencia para o alumnado, mais que permitan, coa mediación docente, non só a satisfacción, senón tamén a apropiación dos seus elementos relevantes. Ademais disto, é relevante a aceptación e a adecuación á diversidade lingüística e cultural, así como o respecto polo diálogo intercultural e pola situación bilingüe en que vivimos na nosa comunidade autónoma.

Este ámbito, ademais, permítelle ao alumnado desenvolverse mellor nas contornas informacionais, pois abrangue aspectos relacionados coas destrezas básicas para a procura e a selección de información como medio para adquirir novos coñecementos. Iso leva consigo, tamén, adquirir as ferramentas necesarias para enfrontar os riscos de manipulación e desinformación, e abordar a información e a comunicación cun sentido crítico e adecuado ás propias necesidades do alumnado. Neste sentido, as ferramentas dixitais posúen un potencial indispensable para a aprendizaxe, o ensino e a avaliación deste ámbito. Xa que logo, o desenvolvemento do pensamento crítico, a alfabetización mediática e informacional e o uso adecuado, seguro, ético e responsable das tecnoloxías da información e da comunicación supoñen un elemento de aprendizaxe sumamente relevante.

Os criterios de avaliación e os contidos estrutúranse en tres bloques, que se corresponden coas materias de Ciencias sociais, de Lingua castelá e de Lingua galega (nun só bloque), e de Lingua estranxeira de iniciación profesional.

O bloque «Ciencias Sociais» abrangue os saberes que é necesario mobilizar para o desenvolvemento do pensamento histórico, a comprensión da integración europea e os valores democráticos, así como fomentar os valores da tolerancia, o respecto ás ideas das demais persoas e a igualdade de xénero, co fin de permitir que o alumnado poida exercer unha cidadanía activa e responsable. Preténdese substituír a acumulación enumerativa enciclopedista baseada na memorización de datos polo esencial. Focalízase cara aos feitos históricos máis relevantes nun sentido xeral coa intención de que o alumnado chegue a comprender a súa incidencia no presente e a súa proxección no futuro. Todo iso débese formular maiormente desde unha aplicación práctica da aprendizaxe e o desenvolvemento de competencias para que o alumnado amose e potencie todas as súas capacidades.

O bloque «Comunicación en Lingua Castelá e en Lingua Galega» integra os saberes relacionados coa capacidade de comunicarse en ambas as linguas de xeito eficaz e correcto, así como os saberes necesarios para acceder á información de forma crítica e respectuosa coa propiedade intelectual e o desenvolvemento e o fomento do hábito de lectura no alumnado.

Por último, no bloque «Comunicación en Lingua Estranxeira» agrúpanse os contidos que permiten a comprensión e a expresión na lingua estudada, orientada ás necesidades específicas de cada ámbito profesional, así como un achegamento ao plurilingüismo e á interculturalidade como formas de abordar a aprendizaxe da lingua e a cultura estranxeiras, partindo dos coñecementos e das experiencias propias, e dos repertorios individuais.

O enfoque, a gradación e a distribución dos contidos, e a definición dos elementos do currículo están formulados a partir da concepción da aprendizaxe como un proceso dinámico e continuado, flexible e aberto, que debe adecuarse ás circunstancias, ás necesidades e aos intereses do alumnado. Espérase que este sexa quen de empregar convenientemente todos os contidos no seo de situacións comunicativas propias dos diferentes ámbitos: persoal, social, educativo e profesional. A finalidade última desta concepción educativa radica na necesidade de que o alumnado logre enriquecer e ampliar os coñecementos e as aptitudes que se relacionan con temas cotiáns e próximos, de relevancia persoal ou profesional para el ou de interese público próximo á súa experiencia, que inclúan os vinculados cos obxectivos de desenvolvemento sustentable e os retos e desafíos do século XXI. O carácter competencial deste currículo invita o profesorado a fomentar a aprendizaxe construtiva, a crear tarefas interdisciplinarias, contextualizadas, significativas e relevantes, e a desenvolver situacións de aprendizaxe onde se considere o alumnado como axente social progresivamente autónomo e gradualmente responsable do seu propio proceso de aprendizaxe. Para iso, é necesario involucralo en tarefas que lle permitan traballar de maneira colaborativa e que culminen en resultados reais e creativos xerados polo propio alumnado, fomentando así a súa motivación. Este currículo promove a interacción do alumno ou da alumna con outras persoas, especialmente cun mentor ou unha mentora, ou guía, o que redundará, en termos de Vygotsky, nunha potenciación da zona de desenvolvemento próximo, favorecendo a aprendizaxe de novas competencias e o desenvolvemento cognitivo das persoas. Isto implica ter en conta os seus repertorios, os seus intereses e as súas emocións, así como as súas circunstancias específicas, co fin de sentar as bases para a aprendizaxe ao longo de toda a vida.

1.2. Obxectivos.

[Táboa]

1.3. Criterios de avaliación e contidos.

1º curso.

[Táboa]

2º curso.

[Táboa]

1.4. Orientacións pedagóxicas.

A intervención educativa no ámbito de Comunicación e Ciencias Sociais desenvolverá o seu currículo e tratará de asentar de xeito gradual e progresivo as aprendizaxes que lle faciliten ao alumnado o logro dos obxectivos do ámbito e, en combinación co ámbito de Ciencias Aplicadas, unha adecuada adquisición das competencias clave e, por tanto, acadar o perfil de saída.

Neste sentido, no deseño das actividades, o profesorado terá que considerar a relación entre os obxectivos do ámbito e as competencias clave a través dos descritores operativos do perfil de saída e as liñas de actuación no proceso de ensino e aprendizaxe, que se presentan nas epígrafes seguintes, e seleccionar os criterios de avaliación do currículo que se axusten á finalidade procurada, así como empregalos para verificar as aprendizaxes do alumnado e o seu nivel de desempeño.

Relación entre os obxectivos do ámbito de Comunicación e Ciencias Sociais e as competencias clave a través dos descritores operativos do perfil de saída

No anexo I do Decreto 156/2022, do 15 de setembro, polo que se establece a ordenación e o currículo da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia, figuran as competencias clave e os seus descritores operativos do perfil de saída.

A relación establecida neste currículo entre os obxectivos do ámbito de Comunicación e Ciencias Sociais e as competencias clave a través dos descritores operativos do perfil de saída é a seguinte

[figura]

(*) CCL: competencia en comunicación lingüística; CP: competencia plurilingüe; STEM: competencia matemática e competencia en ciencia e tecnoloxía; CD: competencia dixital; CPSAA: competencia persoal, social e de aprender a aprender; CC: competencia cidadá; CE: competencia emprendedora; CCEC: competencia en conciencia e expresión culturais.

O contido das celas fai referencia ao número de descritor operativo das competencias clave, ao completar o ensino básico.

Por exemplo, o primeiro obxectivo deste ámbito (OBX1) está relacionado coa competencia plurilingüe a través do descritor operativo CP3: «Coñece, valora e respecta a diversidade lingüística e cultural presente na sociedade, integrándoa no seu desenvolvemento persoal como factor de diálogo, para fomentar a cohesión social”.

Liñas de actuación no proceso de ensino e aprendizaxe.

– Concepción do proceso de ensino e aprendizaxe dun xeito global e unitario, combinando, cunha metodoloxía aberta e flexible, os contidos de Comunicación e Ciencias Sociais para abordar as materias que conforman o ámbito. Convén fomentar, na medida do posible, o deseño de actividades interdisciplinarias que traballen de maneira transversal os contidos do ámbito para que o alumnado lles poida sacar a máxima produtividade aos coñecementos impartidos en cada unha das materias, por exemplo aproveitar o vocabulario propio do ámbito das Ciencias Sociais ou relacionar os contidos das tres linguas.

– Coordinación con outros departamentos e equipos do centro, especialmente co equipo de Dinamización da Lingua Galega e co equipo de Biblioteca. Así mesmo, as actividades interdepartamentais tamén poden ser instrumentos útiles para a adquisición, a produción e o intercambio de contidos relacionados con distintas disciplinas.

– Elaboración dun plan personalizado de formación que promova a integración do alumnado nas situacións de aprendizaxe propostas, mediante a aplicación de estratexias motivadoras e próximas aos seus intereses profesionais e persoais.

– Disposición dos contidos de xeito práctico, esquemático e visual. Deberase priorizar a disposición esquemático-visual dos contidos impartidos, aínda que posteriormente estes se desenvolvan con máis profundidade. A disposición debe ser visualmente atractiva (gráficos, debuxos, esquemas, etc.).

– Necesidade de incentivar a autonomía persoal e a autosuficiencia do alumnado, que lle permitirá aumentar a súa motivación e a confianza en si mesmo, e prepararse para a saída ao ámbito laboral e profesional.

– Emprego responsable dos recursos e as fontes de información que proporcionan as TIC que contribúan á reflexión arredor da pertinencia e a fiabilidade dos datos obtidos, para construír explicacións coherentes e estruturadas da realidade que rodea o alumnado. O emprego destas ferramentas reforza a autonomía no proceso de ensino e, sen dúbida, aumentan a motivación do alumnado, o que lle axudará, unha vez máis, a conseguir os obxectivos propostos para esta etapa.

– Fomento da aprendizaxe baseada en proxectos ou similares, nos cales o/a docente adquire o papel de guía pero é o alumnado quen toma as decisións e o emprego de dinámicas e traballos cooperativos como ferramenta de ensino.

– O remate de cada unidade, das que compoñen a programación, debe conter unha epígrafe de «Lembra», en que se aborden novamente os contidos máis importantes da unidade. Tamén deberán figurar actividades de reforzo para o alumnado que precise consolidar coñecementos e outras de ampliación para cando se requira aumentar contidos.

– Creación de situacións de comunicación relacionadas co ámbito profesional, reais ou supostas, entre o alumnado que contribúan a pór en práctica, desde unha perspectiva de xénero, o uso da lingua estranxeira. O uso de actividades lúdico-pedagóxicas en diferentes formatos, soportes e modalidades preséntase como un recurso eficaz para a adquisición da lingua.

– Énfase na comunicación non verbal e na comunicación emocional, que proporcionarán estratexias comunicativas para preparar a saída ao mundo laboral. É fundamental o traballo coa vertente oral (simulación de entrevistas de traballo, debates orais e expresións de opinións, exposicións orais e obxectivas, etc.), sen deixar de lado o traballo coas destrezas escritas.

– Procura de estratexias para o fomento do hábito de lectura. É necesario que os alumnos e as alumnas comprendan que a lectura é unha fonte de pracer e, para conseguir isto, ademais da lectura e a interpretación de fragmentos de obras clásicas e do patrimonio literario galego, castelán e universal que se abordan nos contidos de Educación Literaria, é imprescindible buscar textos ou fragmentos de obras que teñan en conta as súas motivacións persoais e as súas experiencias, os gustos, as necesidades e os intereses, e fomentar as obras de banda deseñada que permiten, ademais, o traballo conxunto da comunicación verbal e a non verbal. Para o lograr, sería necesario familiarizar o alumnado con mecanismos como a aclaración dos propósitos de lectura, a activación do seu coñecemento base, a atención aos contidos principais do texto ou a formulación de predicións de lectura.

2. Ciencias Aplicadas.

2.1 Introdución.

A formación integral do alumnado require a comprensión de conceptos e procedementos científicos que lle permitan desenvolverse persoal e profesionalmente, involucrarse en cuestións relacionadas coa ciencia e reflexionar sobre estas, tomar decisións fundamentadas e desenvolverse nun mundo en continuo desenvolvemento científico, tecnolóxico, económico e social, co obxectivo de se poder integrar na sociedade democrática como cidadás e cidadáns comprometidos.

O desenvolvemento curricular do ámbito das Ciencias Aplicadas nos ciclos formativos de grao básico responde aos propósitos pedagóxicos destas ensinanzas: en primeiro lugar, facilitar a adquisición das competencias da educación secundaria obrigatoria a través da integración dos obxectivos, os criterios de avaliación e os contidos das materias relativas ás Matemáticas aplicadas e Ciencias aplicadas (bioloxía, xeoloxía, física e química) nun mesmo ámbito; en segundo lugar, contribuír ao desenvolvemento de competencias para a aprendizaxe permanente ao longo da vida, co fin de que o alumnado poida proseguir os seus estudos en etapas postobrigatorias. No desenvolvemento deste ámbito, tamén deberá favorecerse o establecemento de conexións coas competencias asociadas ao título profesional correspondente.

Os obxectivos do ámbito vincúlanse directamente cos descritores das oito competencias clave definidas no perfil de saída do alumnado ao termo do ensino básico. Os devanditos obxectivos están intimamente relacionados e fomentan que o alumnado observe o mundo cunha curiosidade científica que o conduza á formulación de preguntas sobre os fenómenos que ocorren ao seu arredor, á interpretación destes desde o punto de vista científico, á resolución de problemas e á análise crítica sobre a validez das solucións, e, en definitiva, ao desenvolvemento de razoamentos propios do pensamento científico para o emprendemento de accións que minimicen o impacto ambiental e preserven a saúde. Así mesmo, cobran especial relevancia a comunicación e o traballo en equipo, de xeito integrador e con respecto pola diversidade, pois son destrezas que lle permitirán ao alumnado desenvolverse na sociedade da información. Por último, as competencias socioafectivas constitúen un elemento esencial para a consecución dos obxectivos, polo que no currículo se dedica especial atención á mellora das devanditas destrezas.

O grao de consecución dos obxectivos valorarase mediante os criterios de avaliación, que, deseñados cunha vinculación directa con eles e estes pola súa vez coas competencias clave, confiren un enfoque plenamente competencial ao ámbito. Os contidos proporcionan o conxunto de coñecementos, destrezas e actitudes que contribuirán á adquisición dos obxectivos. Non existe unha vinculación unívoca e directa entre criterios de avaliación e contidos, senón que os obxectivos se poderán avaliar mediante a mobilización de diferentes contidos, proporcionando a flexibilidade necesaria para establecer conexións entre os bloques e con aspectos relacionados coa familia profesional correspondente.

Os contidos da materia de Matemáticas aplicadas agrúpanse nos mesmos sentidos nos que se articula a materia de Matemáticas na educación secundaria obrigatoria: o sentido numérico caracterízase pola aplicación do coñecemento sobre numeración e cálculo en distintos contextos, especialmente profesionais; o sentido da medida céntrase na comprensión e na comparación de atributos dos obxectos; o sentido espacial aborda a comprensión dos aspectos xeométricos do noso mundo; o sentido alxébrico proporciona a linguaxe en que se comunican as matemáticas e as ciencias, e por último, o sentido estocástico abrangue a análise e a interpretación dos datos e a comprensión de fenómenos aleatorios para fundamentar a toma de decisións a nivel laboral e, en xeral, nun mundo cheo de incerteza.

Os contidos relacionados coa materia de Ciencias aplicadas agrúpanse en bloques que abranguen coñecementos, destrezas e actitudes relativos ás catro ciencias básicas (bioloxía, xeoloxía, física e química), coa finalidade de lle achegar ao alumnado unhas aprendizaxes esenciais sobre a ciencia, as súas metodoloxías e as súas aplicacións laborais para configurar o seu perfil persoal, social e profesional. Os contidos deste ámbito permitiranlle ao alumnado analizar a anatomía e a fisioloxía do seu organismo, e adoptar hábitos saudables para o coidar; establecer un compromiso social coa saúde pública; examinar o funcionamento dos sistemas biolóxicos e xeolóxicos, e valorar a importancia do desenvolvemento sustentable; explicar a estrutura da materia e as súas transformacións; analizar as interaccións entre os sistemas fisicoquímicos, e valorar a relevancia da enerxía na sociedade.

Inclúense, ademais, dous bloques que constitúen eixes metodolóxicos do ámbito, cuxos contidos deberán traballarse simultaneamente con cada un dos bloques de ciencias restantes: no bloque de destrezas científicas básicas inclúense as estratexias e formas de pensamento propias das ciencias. O bloque de sentido socioafectivo oriéntase cara á adquisición e a aplicación de estratexias para entender e manexar as emocións, establecer e alcanzar metas, sentir e amosar empatía, a solidariedade, o respecto polas minorías e a igualdade efectiva entre homes e mulleres na actividade científica e profesional. Deste modo, increméntanse as destrezas para tomar decisións responsables e informadas, o que se dirixe á mellora do rendemento do alumnado en ciencias, á diminución de actitudes negativas cara a elas, á promoción dunha aprendizaxe activa na resolución de problemas e ao desenvolvemento de estratexias de traballo colaborativo.

Cómpre ter en conta que a presentación dos contidos non implica ningunha orde cronolóxica, xa que o currículo se deseñou como un todo integrado, configurando así un ámbito científico.

Para a consecución dos obxectivos, proponse o uso de metodoloxías propias da ciencia e das tecnoloxías dixitais, abordadas cun enfoque interdisciplinario, coeducativo e conectado coa realidade do alumnado. Preténdese con iso que a aprendizaxe adquira un carácter significativo a través da formulación de situacións de aprendizaxe preferentemente vinculadas ao seu contexto persoal e á súa contorna social e profesional, especialmente á familia profesional elixida. Todo iso para contribuír á formación dun alumnado comprometido cos desafíos e os retos do mundo actual, e cos obxectivos de desenvolvemento sustentable, facilitando a súa integración profesional e a súa plena participación na sociedade democrática e plural.

2.2. Obxectivos.

[Táboa]

2.3. Criterios de avaliación e contidos.

1º curso.

[Táboa]

2º curso.

[Táboa]

2.4. Orientacións pedagóxicas.

A intervención educativa no ámbito de Ciencias Aplicadas desenvolverá o seu currículo e tratará de asentar de xeito gradual e progresivo as aprendizaxes que lle faciliten ao alumnado o logro dos obxectivos do ámbito e, en combinación co ámbito de Comunicación e Ciencias Sociais, unha adecuada adquisición das competencias clave e, por tanto, acadar o perfil de saída.

Neste sentido, no deseño das actividades, o profesorado terá que considerar a relación entre os obxectivos do ámbito e as competencias clave a través dos descritores operativos do perfil de saída e as liñas de actuación no proceso de ensino e aprendizaxe, que se presentan nas epígrafes seguintes, e seleccionar os criterios de avaliación do currículo que se axusten á finalidade procurada, así como empregalos para verificar as aprendizaxes do alumnado e o seu nivel de desempeño.

Relación entre os obxectivos do ámbito de Ciencias Aplicadas e as competencias clave a través dos descritores operativos do perfil de saída

No anexo I do Decreto 156/2022, do 15 de setembro, polo que se establece a ordenación e o currículo da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia, figuran as competencias clave e os seus descritores operativos do perfil de saída.

A relación establecida neste currículo entre os obxectivos do ámbito de Ciencias Aplicadas e as competencias clave a través dos descritores operativos do perfil de saída é a seguinte:

[figura]

(*) CCL: competencia en comunicación lingüística; CP: competencia plurilingüe; STEM: competencia matemática e competencia en ciencia e tecnoloxía; CD: competencia dixital; CPSAA: competencia persoal, social e de aprender a aprender; CC: competencia cidadá; CE: competencia emprendedora; CCEC: competencia en conciencia e expresión culturais.

O contido das celas fai referencia ao número de descritor operativo das competencias clave, ao completar o ensino básico.

Por exemplo, o primeiro obxectivo deste ámbito (OBX1) está relacionado coa competencia en comunicación lingüística a través do descritor operativo CCL1: «Exprésase de forma oral, escrita, signada ou multimodal con coherencia, corrección e adecuación aos diferentes contextos sociais, e participa en interaccións comunicativas con actitude cooperativa e respectuosa tanto para intercambiar información, crear coñecemento e transmitir opinións como para construír vínculos persoais».

Liñas de actuación no proceso de ensino e aprendizaxe.

– O primeiro bloque (BC1. Destrezas científicas básicas) e o derradeiro bloque (BC9. Sentido socioafectivo) son de carácter transversal e deberanse traballar en combinación co resto dos bloques ao longo de todo o curso.

– Enfoque na construción da ciencia e o desenvolvemento do pensamento científico. Para isto, entre as posibles liñas de actuación están a formulación de hipóteses ou de problemas, ou a selección e o tratamento da información, utilizando fontes fiables en diferentes formatos. Outras liñas posibles son a planificación e o desenvolvemento de investigacións, ou a realización de observacións, ensaios pertinentes ou probas; tamén o rexistro, a análise e a interpretación de datos, así como a ordenación das ideas, a comparación, a xerarquización, a explicación, a xustificación e a argumentación científica dun acontecemento; e do mesmo xeito a comunicación da información de forma clara e ordenada, e respectando outras ideas, e a relación dos contidos aprendidos nas distintas materias, recomendando por tanto un traballo interdisciplinario como medio para os conectar coa realidade.

– Uso de distintas estratexias metodolóxicas que teñan en conta os diferentes ritmos de aprendizaxe do alumnado, que favorezan a capacidade de aprender por si mesmo e que promovan tanto o traballo individual como o cooperativo e o colaborativo, permitindo así o desenvolvemento das habilidades necesarias para as poder aplicar a novas situacións, tanto na súa futura vida académica como na profesional e persoal, favorecendo así unha aprendizaxe ao longo da vida.

– Deseño de situacións de aprendizaxe atractivas e estimulantes para o alumnado, que conecte as novas aprendizaxes coas experiencias previas, relacionadas estreitamente co seu contexto persoal e social, e co seu perfil profesional, que integren actividades educativas con garantía de éxito e que contribúan a reforzar a súa autoestima e a identificar o seu propio papel na sociedade na que vive.

– Fomento do traballo en equipo con perspectiva de xénero, que permitirá ao alumnado desenvolver diversas competencias tanto no eido intelectual como no social. O traballo en equipo vai incrementar a motivación, reforzar a autoestima, estimular a creatividade, aumentar a autonomía, promover a reflexión, fomentar a responsabilidade, intercambiar experiencias e favorecer as habilidades sociais. Así mesmo, o traballo en equipo poderase realizar por medio de actividades de aprendizaxe realizadas en grupo, de forma que cando no ámbito profesional se integren en equipos de traballo poidan manter relacións fluídas cos seus membros, colaborando na consecución dos obxectivos asignados ao grupo, respectando o traballo das demais persoas, participando activamente na organización e no desenvolvemento de tarefas colectivas, cooperando na superación das dificultades que se presenten cunha actitude tolerante cara ás ideas dos compañeiros e das compañeiras, e respectando as normas e os métodos establecidos.

– O traballo por proxectos, como metodoloxía que axuda ao alumnado para organizar o seu pensamento, favorece a reflexión, a crítica, a elaboración de hipóteses e a tarefa investigadora a través dun proceso en que cadaquén aplica, de forma activa, os seus coñecementos e as súas habilidades a proxectos reais, favorecendo unha aprendizaxe orientada á acción cun importante carácter interdisciplinario na cal o alumnado conxuga coñecementos, habilidades e actitudes para levar a bo fin o proxecto proposto.

– Proposta de proxectos variados baseada na resolución de problemas, de investigación, innovación e actividades indagativas que incentiven o desenvolvemento das competencias, das habilidades e das actitudes, tratando de evitar a acumulación e a memorización dos contidos científicos, e que permitan a análise crítica dos problemas sociais actuais.

– Énfase na atención á diversidade do alumnado, na atención individualizada, na prevención das dificultades de aprendizaxe e na posta en práctica de mecanismos de reforzo, tan pronto como se detecten estas dificultades.

– Uso de estratexias que permitan traballar transversalmente a comprensión de lectura, a expresión oral e escrita, a comunicación audiovisual, as tecnoloxías da información e da comunicación, o emprendemento, a educación cívica e constitucional, o fomento do espírito crítico, a educación emocional e en valores, e a igualdade de xénero. A transversalidade resulta fundamental para mellorar a aprendizaxe e promover o desenvolvemento de actitudes críticas e reflexivas no alumnado. Deste xeito, facilítase que o alumnado descubra a importancia e a utilidade do aprendido, favorecendo un ambiente máis motivador. Na formación integral do alumnado será fundamental integrar contidos de distintas áreas de coñecemento nos cales se deberá mobilizar todo tipo de destrezas e ferramentas.

– Traballo práctico no laboratorio, por ser unha actividade específica da ensinanza das ciencias que lle proporciona ao alumnado un campo de probas onde se poden ampliar as súas experiencias e modificar as súas ideas e interpretacións, facéndoas máis coherentes co coñecemento científico, e que posibilite a súa conexión coa realidade.

– Estímulo dunha avaliación autorreguladora, que se realice de forma continua ao longo de todo o proceso de ensino e aprendizaxe, permitindo a modificación e a readaptación da dinámica e das actividades de aula en función das necesidades do alumnado e do contexto. Isto resultará unha ferramenta de seguimento que proporcionará unha información moi importante para poder intervir sobre todos os elementos que forman parte dos procesos de ensino e de aprendizaxe. Esta información permitirá tomar decisións encamiñadas a garantir a adquisición das competencias necesarias para continuar o proceso formativo.

– Contribución a formar cidadáns e cidadás competentes social e emocionalmente, presentando a ciencia e a tecnoloxía desde unha perspectiva socioafectiva e promovendo o desenvolvemento de destrezas que lle permitan ao alumnado autoxestionar as súas emocións, aumentar a capacidade de tomar decisións de forma crítica, valorar opinións distintas ás propias, recoñecer o erro como un elemento enriquecedor e dinamizador da aprendizaxe, diminuír as actitudes negativas cara á materia e erradicar calquera sentimento de desigualdade por razón de xénero.

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia