Norma Consolidada
Publicado en: DOG 165 31/08/2023
Departamento: Consellería de Medio Rural
Estado: En vigor
O Real decreto 739/2015, do 31 de xullo, sobre declaracións obrigatorias no sector vitivinícola, ten por obxecto establecer a normativa básica en materia de declaracións obrigatorias do sector vitivinícola, necesaria para dotar dunha maior transparencia o sector vitivinícola e para dispoñer de mellores informacións do seu mercado, así como para o desenvolvemento da normativa comunitaria.
O Real decreto 1054/2022, do 27 de decembro, polo que se establece e se regula o Sistema de información de explotacións agrícolas e gandeiras e da produción agraria, así como o Rexistro Autonómico de Explotacións Agrícolas e o Caderno dixital de explotación agrícola, na súa disposición derradeira terceira modificou o Real decreto 739/2015, do 31 de xullo, sobre declaracións obrigatorias no sector vitivinícola, establecendo a obriga de formalizar a declaración de colleita nos soportes informáticos que dispoñan para o efecto as respectivas comunidades autónomas.
Consonte o anterior, procede modificar o procedemento de presentación das declaracións de colleita previsto nas declaracións, anexo D: I a e anexo D: I b do Decreto 256/2011, do 7 de decembro.
A través desta norma regúlanse cuestións procedementais, co obxecto de adecualas á regulación que contén a normativa estatal básica. Este é o caso da presentación das declaración de colleita, cuxa obrigatoriedade de presentación telemática se prevé na normativa nacional.
A disposición derradeira terceira do Decreto 256/2011, do 7 de decembro, polo que se regula o potencial de produción vitícola de Galicia, faculta a persoa titular da consellería competente en materia de agricultura para ditar cantas disposicións sexan necesarias para a execución e cumprimento do disposto neste decreto e modificar os anexos, en particular de acordo coas modificacións da normativa básica estatal e comunitaria, así como para modificar as datas e os prazos contidos nel e as normas procedementais que considere oportunas. En consonancia co anterior, esta orde constitúe o instrumento xurídico axeitado para afrontar a necesaria adecuación da normativa autonómica á normativa estatal básica na necesaria acomodación das normas procedementais autonómicas aos postulados da normativa básica.
En virtude de todo o exposto e en uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,
DISPOÑO:
Artigo único. Modificación do Decreto 256/2011, do 7 de decembro, polo que se regula o potencial de produción vitícola de Galicia
O Decreto 256/2011, do 7 de decembro, polo que se regula o potencial de produción vitícola de Galicia, queda modificado como segue:
Primeiro. O artigo 26.bis queda redactado do seguinte modo:
«Artigo 26.bis. Forma e lugar de presentación da solicitude de alta, baixa ou modificación dos datos do REOVI e de declaracións e comunicacións obrigatorias do sector vitivinícola de Galicia
1. As declaracións de viño e mosto por instalación previstas na alínea a) do número 1 do artigo 24 presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos na sede electrónica do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, a través da aplicación informática que existe no Sistema de información de mercados do sector vitivinícola (INFOVI), de acordo co previsto no Real decreto 739/2015, do 31 de xullo. A URL da páxina web de acceso a esta aplicación é https://www.aica.gob.es/
A declaración de colleita prevista na alínea b) do número 1 do artigo 24. Procedementos MR441B (anexo D: I a) e MR441C (anexo D: I b) presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos na sede electrónica da Xunta de Galicia.
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta as súas solicitudes recollidas neste punto presencialmente será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.
2. Nos casos que se enumeran neste punto, a presentación será preferiblemente por vía electrónica a través dos formularios normalizados dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. A presentación electrónica será obrigatoria para as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica e persoas traballadoras autónomas e as persoas representantes dunha das anteriores. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365). Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Os supostos que se rexerán polo disposto neste número 2 son os seguintes:
a) Declaración de alta, baixa ou modificación dos datos do Rexistro Xeral de Operadores do Sector Vitivinícola (REOVI). Procedemento MR441H (anexo D: II deste decreto).
b) Comunicación da eliminación de subprodutos obtidos na transformación vinícola. Procedemento MR441D (anexo D: III).
c) Declaración de produción: provedores prevista na alínea c) do número 1 do artigo 24. Procedemento MR441E (anexos D: IV a e D: IV b).
d) A declaración de destino das producións das plantacións ilegais. Procedemento MR441G (anexo D: V deste decreto).
3. A declaración de colleita de uva presentada polo consello regulador da denominación de orixe co código de procedemento MR441I, regulada na disposición adicional cuarta desta norma, presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda. Para a presentación desta declaración poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365)».
Disposición derradeira. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 25 de agosto de 2023
José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural
Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.