lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Orde do 9 de agosto de 2023 pola que se amplía a relación de materias optativas da educación secundaria obrigatoria e se establece o seu currículo.

Publicado en: DOG 161 25/08/2023

Departamento: Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

Estado: En vigor

PDF

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, dispón que é competencia plena da Comunidade Autónoma galega o regulamento e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que, conforme o punto primeiro do seu artigo 81, o desenvolvan, e das facultades que lle atribúe ao Estado o artigo 149.1º.30 da Constitución.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, na redacción dada pola Lei orgánica 3/2020, do 20 de decembro, establece no seu artigo 34.7 que lles corresponde ás administracións educativas a ordenación das materias optativas. Así mesmo, o Real decreto 217/2022, do 29 de marzo, polo que se establece a ordenación e as ensinanzas mínimas da educación secundaria obrigatoria, determina no seu artigo 8.4 que lles corresponde ás administracións educativas regular a oferta destas materias optativas para o terceiro curso, que deberá incluír, polo menos, a materia de Cultura Clásica, unha materia para o desenvolvemento da competencia dixital e unha segunda lingua estranxeira.

O Decreto 156/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia, determina no seu artigo 9.3.l) que as alumnas e os alumnos cursarán no terceiro curso unha materia optativa de entre as materias de Cultura Clásica, Educación Dixital, Oratoria e Segunda Lingua Estranxeira. Tamén recolle no seu artigo 10.1.h) que as alumnas e os alumnos cursarán no cuarto curso unha materia optativa de entre as materias de Cultura Clásica, Filosofía, Oratoria ou unha materia de opción non cursada das enumeradas na letra g) do mesmo número.

Con posterioridade, o Decreto 117/2023, do 27 de xullo, polo que se modifica o Decreto 156/2022, do 15 de setembro, establece a posibilidade de ampliar a oferta de materias optativas a que se refiren os citados artigos, así como de establecer os seus currículos.

Aproveitar a oportunidade de situarse un paso por diante das necesidades, tanto presentes como futuras, que demanda a sociedade, así como das directrices establecidas polos organismos internacionais debe ser un dos principios da educación. Nesa liña, cómpre sinalar que a Comisión Europea (CE) e a Rede Internacional de Educación Financeira (INFE) da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos (OCDE) veñen traballando nun marco de competencia financeira, e a UNESCO vén desenvolvendo un importante esforzo na procura da introdución da intelixencia artificial no ámbito da educación.

Así, o sistema educativo galego non pode permanecer alleo a esta realidade e propón a incorporación de dúas novas materias optativas na educación secundaria obrigatoria que dean resposta a eses ámbitos fundamentais da formación integral da mocidade galega: Cultura Financeira no terceiro curso e Intelixencia Artificial para a Sociedade no cuarto curso.

Polo tanto, é preciso ampliar a oferta de materias na educación secundaria obrigatoria coas ditas materias optativas e establecer os seus currículos.

Esta orde respecta os principios de boa regulación establecidos nos artigos 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e 37 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, que dispón que en todas as iniciativas normativas se xustificará a adecuación aos principios de necesidade, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia, accesibilidade, simplicidade e eficacia.

No que se refire aos principios de necesidade e eficacia, trátase dunha norma necesaria para ampliar a oferta actual de materias optativas e establecer os seus currículos. De acordo co principio de proporcionalidade, contén a regulación imprescindible para cumprir co seu obxecto ao non existir ningunha alternativa reguladora menos restritiva de dereitos. Conforme o principio de seguridade xurídica, resulta coherente co ordenamento xurídico actual. Cumpre cos principios de transparencia e accesibilidade, que se garantiron a través da exposición do proxecto no Portal de transparencia e Goberno aberto da Xunta de Galicia, ao abeiro do disposto no artigo 41.5 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, así como o seu tratamento na mesa sectorial docente non universitaria. Así mesmo, respéctanse os principios de eficiencia e simplicidade ao permitir unha xestión máis eficiente dos recursos públicos.

En consecuencia, de conformidade co exposto e en uso da habilitación normativa que figura na disposición derradeira segunda do Decreto 156/2022, do 15 de setembro, como conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades,

ACORDO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. Esta orde ten por obxecto ampliar a relación de materias optativas da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia e establecer o seu currículo.

2. Esta orde será de aplicación nos centros docentes correspondentes ao ámbito de xestión da Comunidade Autónoma de Galicia que impartan as ensinanzas de educación secundaria obrigatoria.

Artigo 2. Novas materias optativas

1. A oferta de materias optativas na etapa de educación secundaria obrigatoria amplíase coa incorporación das materias de Cultura Financeira no terceiro curso e de Intelixencia Artificial para a Sociedade no cuarto curso.

2. A oferta da materia de Cultura Financeira realizarase nas mesmas condicións que o resto de materias optativas para o terceiro curso da educación secundaria obrigatoria, segundo o que se indica no artigo 9.5 do Decreto 156/2022, do 15 de setembro.

A oferta da materia de Intelixencia Artificial para a Sociedade realizarase nas mesmas condicións que o resto de materias optativas para o cuarto curso da educación secundaria obrigatoria, segundo o que se indica no artigo 10.4 do Decreto 156/2022, do 15 de setembro.

3. O currículo destas materias é o que se establece no anexo I.

Artigo 3. Profesorado

A atribución docente das materias de Cultura Financeira e Intelixencia Artificial para a Sociedade correspóndelle ao profesorado do corpo de catedráticas e catedráticos de ensino secundario ou do corpo de profesorado de ensino secundario das especialidades establecidas no anexo II.

Disposición derradeira primeira. Calendario de implantación

O disposto na presente orde implantarase no curso 2023/24.

Disposición derradeira segunda. Desenvolvemento normativo

Autorízase a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa para ditar as disposicións que sexan necesarias para a aplicación e o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de agosto de 2023

Román Rodríguez González

Conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ANEXO I

Currículo das materias

1. Cultura Financeira.

1.1. Introdución.

A educación financeira e a mellora da capacitación financeira das cidadás e dos cidadáns son un dos grandes retos sociais e educativos da actualidade e un elemento esencial para o logro dos obxectivos de desenvolvemento sustentable da Axenda 2030, establecidos pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas, orientados a acadar un futuro mellor e máis sustentable para o conxunto da sociedade. Conscientes da importancia de que a poboación mellore os seus coñecementos, as súas habilidades, as súas actitudes e teña comportamentos adecuados sobre finanzas, a Comisión Europea e a Rede Internacional de Educación Financeira (INFE) da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos (OCDE) estableceron un marco de competencias financeiras cuxos temas prioritarios son o diñeiro e as súas transaccións, a planificación e a xestión das finanzas, os riscos e os beneficios, e o coñecemento da contorna financeira actual.

Ademais, neste marco de competencias financeiras destacan tres aspectos transversais. En primeiro lugar, a constante e crecente dixitalización dos servizos, bens, ferramentas e informacións relacionados coas finanzas, que obriga a ter presente a importancia de desenvolver unha competencia financeira dixital. Como segundo aspecto transversal, a preocupación que a sociedade actual amosa por cuestións estreitamente ligadas coa economía, como son o deterioración do ambiente, a necesidade dunha xestión responsable dos recursos ou o incremento das desigualdades, que suxiren a conveniencia de desenvolver competencias en finanzas sustentables. Por último, a resiliencia financeira, entendida como a capacidade das persoas ou dos fogares para facer fronte e recuperarse de situacións financeiras adversas, é outro dos aspectos que se deben considerar.

O Plan de educación financeira 2022-2025, promovido desde o Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, en colaboración co Banco de España e a Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV), supón unha estratexia destinada a mellorar a cultura financeira en todos os segmentos de poboación, e reforza a importancia de desenvolver un proxecto de vida saudable onde as finanzas sexan un piar básico e esencial para lograr o benestar.

A materia Cultura Financeira xorde coa finalidade de dar resposta a estas necesidades a través da alfabetización financeira, e adopta un enfoque baseado na sostibilidade e a xestión responsable dos recursos individuais e colectivos, co fin de conciencias o alumnado das consecuencias que na sociedade xeran os actos individuais e favorecendo que este adopte unha actitude solidaria. Partindo do coñecemento e da comprensión dos conceptos e riscos financeiros, buscarase desenvolver as habilidades, a motivación e a confianza necesarias para tomar decisións financeiras responsables e racionais que, aínda que nun principio estean encamiñadas a mellorar a situación financeira do individuo, sexan capaces tamén de lograr o benestar financeiro da sociedade a través do fomento de patróns de consumo sostibles no tempo e dunha actitude crítica ante o individualismo económico.

O currículo desta materia organízase ao redor de catro obxectivos, que constitúen a concreción dos descritores das competencias clave definidos no perfil de saída do alumnado ao terminar o ensino básico e que pretenden contribuír a acadar os obxectivos da etapa, incidindo especialmente no desenvolvemento no alumnado da iniciativa persoal e da capacidade para planificar, tomar decisións e asumir responsablemente os seus deberes, así como coñecer e exercer con respecto os seus dereitos, practicando a cooperación e a solidariedade entre as persoas e preparándose para o exercicio da cidadanía democrática, contribuíndo á conservación e á mellora do ambiente a través da valoración crítica dos hábitos sociais relacionados co consumo.

A materia estrutúrase en catro bloques temáticos. O primeiro, «Diñeiro e transaccións», xira ao redor do diñeiro e as súas formas e usos e do recoñecemento de que parte dos ingresos se destinan ás necesidades colectivas a través dos impostos. O segundo, «Planificación e orzamento», introduce o alumnado no manexo das ferramentas básicas, tanto manuais como dixitais, para elaborar de orzamentos sinxelos, familiarizándoo coas diferentes opcións de aforro e endebedamento. O terceiro, «A xestión bancaria das finanzas persoais. Riscos e rendemento na xestión do diñeiro», pon o foco nos produtos financeiros e no recoñecemento de estafas, fraudes e riscos cibernéticos. O cuarto e último bloque temático, «Educación para o consumo» preséntalle ao alumnado a normativa de protección da persoa consumidora e os dereitos e obrigas que dela emanan, cun enfoque centrado nun consumo sostible, responsable e seguro.

En conclusión, esta materia optativa persegue, por unha banda, que o alumnado se inicie na adquisición de competencias económicas e financeiras básicas que toda cidadá ou todo cidadán necesita e, por outra, espertar nela ou nel unha conciencia sostible e solidaria a respecto das consecuencias derivadas do crecemento económico sobre o ambiente e a sociedade, xerando un ecosistema que favoreza tamén a iniciativa emprendedora en todas as etapas da vida.

1.2. Obxectivos.

[Táboa]

1.3. Criterios de avaliación e contidos.

3º curso.

[Táboa]

1.4. Orientacións pedagóxicas.

A intervención educativa na materia de Cultura Financeira desenvolverá o seu currículo e tratará de asentar de xeito gradual e progresivo as aprendizaxes que lle faciliten ao alumnado o logro dos obxectivos da materia e, en combinación co resto das materias, unha adecuada adquisición das competencias clave e o logro dos obxectivos da etapa.

Neste sentido, no deseño das actividades, o profesorado terá que considerar a relación existente entre os obxectivos da materia e as competencias clave a través dos descritores operativos do perfil de saída e as liñas de actuación no proceso de ensino e aprendizaxe que se presentan nos puntos seguintes, e seleccionar aqueles criterios de avaliación do currículo que se axusten á finalidade buscada, así como empregalos para verificar as aprendizaxes do alumnado e o seu nivel de desempeño.

Relación entre os obxectivos da materia de Cultura Financeira e as competencias clave a través dos descritores operativos establecidos no anexo I do Decreto 156/2022, do 15 de setembro.

[figura]

Liñas de actuación no proceso de ensino e aprendizaxe.

– O deseño de tarefas e proxectos de traballo basearase en contextos significativos, actuais e adecuados ás vivencias do alumnado, tendo en conta especialmente a dixitalización de procesos, os continuos avances tecnolóxicos e os cambios sociais nos hábitos de consumo e nas transaccións do diñeiro.

– O emprego de recursos variados, tanto en formato papel como en formato en liña, que permitan un coñecemento amplo das opcións de que dispón unha persoa para resolver distintas situacións relacionadas coa xestión e a seguridade financeira.

– O uso de diferentes tecnoloxías dixitais como ferramenta de traballo para a busca, a selección, a almacenaxe e a presentación de información de diferente tipoloxía.

– O uso de estratexias para traballar transversalmente a comprensión lectora, a expresión oral e escrita, a comunicación audiovisual, a competencia dixital, a creatividade, o espírito crítico ou o emprendemento, entre outros aspectos. Neste sentido, a proposta de proxectos ou traballos prácticos, tanto individuais como en equipo, será variada e baseada na resolución de problemas que incentiven o desenvolvemento das competencias, habilidades e actitudes necesarias para que o alumnado estableza unha contorna segura no manexo das súas finanzas e que lle permita a análise crítica dos problemas sociais actuais.

– A planificación de traballos interdisciplinarios e colaborativos con outras materias, como poden ser: as materias de linguas, especialmente ante o emprego de idiomas estranxeiros no uso de novos vocábulos asociados á ciberdelincuencia, á ciberseguridade e aos avances tecnolóxicos; a materia de Educación en Valores Cívicos e Éticos, no contexto de concienciar sobre a importancia da toma de decisións no consumo de bens e servizos; ou mesmo a materia de Matemáticas na creación de orzamentos ou respecto a outros conceptos de interese para a materia de Cultura Financeira vinculados á competencia matemática.

– A énfase na atención á diversidade do alumnado, na atención individualizada, na prevención das dificultades de aprendizaxe e na posta en práctica de mecanismos de reforzo tan pronto como se detecten estas dificultades.

– O uso de distintos métodos que teñan en conta os diferentes ritmos de aprendizaxe do alumnado, que favorezan a capacidade de aprender por si mesmo e promovan o traballo en equipo con perspectiva de xénero.

– O emprego de estratexias como a autoavaliación, a avaliación entre iguais ou a coavaliación para favorecer a aprendizaxe desde unha reflexión activa e desde a posta en práctica das dificultades e as fortalezas do alumnado.

2. Intelixencia Artificial para a Sociedade.

2.1. Introdución.

A educación en intelixencia artificial implica competencias para que toda a cidadanía, incluído o profesorado e o alumnado, se relacionen con confianza, de forma crítica e segura, cos sistemas de intelixencia artificial, a fin de proporcionarlles os coñecementos, habilidades e actitudes necesarios para vivir nun mundo rodeado e moldeado pola intelixencia artificial. As e os estudantes fórmanse como persoas usuarias da intelixencia artificial, pero conscientes dos seus fundamentos e das súas limitacións, e non son necesarios coñecementos técnicos específicos para esta aprendizaxe (como programación ou estatística, entre outros). Coñecer o impacto da intelixencia artificial a partir da análise e da comprensión de aplicacións reais dela é un obxectivo fundamental deste enfoque.

A Unión Europea (UE) adoptou o Plan de acción da educación dixital (2021-2027). Este plan ofrece unha visión estratéxica a longo prazo dunha educación dixital europea de calidade, inclusiva e accesible, e presenta oportunidades nas cales se inclúen, entre outras, a mellora da calidade e da cantidade do ensino relacionado coas tecnoloxías dixitais.

Esta materia dá resposta á medida 4 da Estratexia galega de intelixencia artificial 2030 (EGIA): «Implementación da intelixencia artificial en todas as etapas do ensino, abordando a súa docencia cun enfoque transversal, desde a base do sistema en educación primaria ata a educación universitaria, incorporando contidos curriculares específicos nos plans de estudo das distintas etapas formativas»; e ao eixe prioritario 2: «Talento e competencias en intelixencia artificial ao longo da vida».

A Estratexia galega de educación dixital 2030 (EGED 2030) propón como un dos retos para afrontar a progresiva e imparable dixitalización do mundo que nos rodea: internet das cousas (IoT), cultura e ocio dixital, dixitalización dos postos de traballo etc. A dita estratexia, no seu eixe 2, «Perfeccionar as competencias e capacidades dixitais para unha verdadeira transformación dixital», lembra que as accións coordinadas que actúen sobre o alumnado, o profesorado, as familias e a comunidade educativa teñen implicacións sobre as persoas ao longo de toda a súa vida e tamén, entre outros, sobre a normativa educativa e os diferentes ámbitos educativos, tanto no formal como no non formal e o informal.

Así mesmo, a acción de impacto 3 desta estratexia, «Intelixencia artificial, STEM, robótica e tecnoloxías intensivas», prevé entre as súas accións específicas:

– A integración curricular dos contidos e competencias vinculados á intelixencia artificial en todos os niveis educativos e o desenvolvemento de materias específicas e de especialización, cando proceda.

– O desenvolvemento de propostas curriculares completas para a integración da intelixencia artificial en todos os niveis educativos.

Para ensinar sobre o uso da intelixencia artificial na sociedade débense introducir, por unha banda, principios básicos para ter en conta cando se interactúa con aplicacións comúns de intelixencia artificial (como asistentes virtuais e sistemas de recomendación) co fin de mitigar os riscos relacionados coa seguridade, os datos persoais, a privacidade e o benestar. Por outra banda, tamén se trata de tomar conciencia de como se utiliza a intelixencia artificial en sectores chave da nosa sociedade (como o transporte e os vehículos autónomos, a medicina, a industria, a agricultura) e tamén de ter expectativas realistas sobre o que fan e o que non fan os sistemas de intelixencia artificial.

Á hora de crear situacións de aprendizaxe para incorporar a intelixencia artificial ao mundo educativo, entendendo o seu papel na sociedade, a comprensión do impacto da intelixencia artificial na información, os datos e a alfabetización mediática son cruciais debido ao alto impacto da modificación da información e da desinformación nos medios de comunicación e novas canles relacionadas co emprego das redes sociais, onde o contido automatizado e non verificado é de fácil acceso.

A alfabetización e a cidadanía dixitais son temas esenciais que deben incluír exemplos de uso responsable da intelixencia artificial e as tecnoloxías baseadas en datos, cunha mentalidade crítica, analítica e reflexiva para ser conscientes dos posibles rumbos e limitacións destes sistemas. Un obxectivo importante neste sentido é axudar as persoas no emprego ético, con autonomía e madurez, da grande cantidade de ferramentas dixitais de uso cotián.

É importante incluír tamén temas legais relativos á protección de datos persoais e á privacidade (como a Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais), e consideracións éticas na recompilación, o almacenamento e o uso de datos, así como o rumbo e a equidade nos algoritmos de intelixencia artificial. Tamén podería ser útil incluír exemplos sobre aplicacións de intelixencia artificial en ferramentas e servizos, incluído o uso de ferramentas impulsadas por intelixencia artificial para a produtividade, a comunicación e o entretemento, a integración de servizos de intelixencia artificial en aplicacións personalizadas mediante interfaces de programación de aplicacións (API) e a avaliación dos servizos de intelixencia artificial en relación coa privacidade e a seguridade dos datos.

Do mesmo xeito, tamén é importante introducir as e os estudantes en métodos de análise exploratoria de datos mediante estatísticas descritivas e distribucións, técnicas e ferramentas de visualización (como gráficos de barras, circulares e de dispersión), e toma de decisións baseadas en datos a partir de análises e visualizacións. O ensino da intelixencia artificial tamén pode incluír aspectos como a comprensión da natureza dos diferentes tipos de datos (estruturados, non estruturados e semiestructurados), formatos de datos (texto, imaxes, audio e vídeo) e fontes de datos (conxuntos de datos públicos, API e web scraping), e conceptos básicos máis técnicos de intelixencia artificial como a aprendizaxe automática.

En conclusión, esta materia optativa está orientada á adquisición dunhas habilidades e coñecementos básicos a nivel de persoa usuaria para un emprego responsable da intelixencia artificial e dos seus sistemas na sociedade actual e do futuro.

2.2. Obxectivos.

[Táboa]

2.3. Criterios de avaliación e contidos.

4º curso.

[Táboa]

2.4. Orientacións pedagóxicas.

A intervención educativa na materia de Intelixencia Artificial para a Sociedade desenvolverá o seu currículo e tratará de asentar de xeito gradual e progresivo as aprendizaxes que lle faciliten ao alumnado o logro dos obxectivos da materia e, en combinación co resto das materias, unha adecuada adquisición das competencias clave e o logro dos obxectivos da etapa.

Neste sentido, no deseño das actividades, o profesorado terá que considerar a relación existente entre os obxectivos da materia e as competencias clave a través dos descritores operativos do perfil de saída e as liñas de actuación no proceso de ensino e aprendizaxe que se presentan nos puntos seguintes e seleccionar aqueles criterios de avaliación do currículo que se axusten á finalidade buscada, así como empregalos para verificar as aprendizaxes do alumnado e o seu nivel de desempeño.

Relación entre os obxectivos da materia de Intelixencia Artificial para a Sociedade e as competencias clave a través dos descritores operativos establecidos no anexo I do Decreto 156/2022, do 15 de setembro.

[figura]

Liñas de actuación no proceso de ensino e aprendizaxe.

– Nos bloques 1 e 2, «Que é a intelixencia artificial» e «O impacto da intelixencia artificial », o alumnado poderá buscar información, empregar casos reais e valorar as implicacións éticas, podendo empregar unha metodoloxía baseada en desafíos e problemas relacionados coa intelixencia artificial.

– En canto aos bloques 3 e 4, «Fundamentos da intelixencia artificial» e «Aplicacións da intelixencia artificial na sociedade», poderanse deseñar situacións de aprendizaxe con actividades baseadas nunha selección de ferramentas de intelixencia artificial sinxelas e seguras coas cales o alumnado sexa quen de crear, compartir e valorar un produto final relevante para a sociedade.

– O emprego de aplicacións en liña ou programas residentes con instalación local que promovan a análise de casos de usos reais, especialmente aqueles onde xorde o debate e o interese social.

– A realización de proxectos, baixo unha perspectiva de persoa usuaria, nos cales o alumnado incluirá o desenvolvemento de programacións básicas cunha linguaxe de bloques ou superior, dependendo da progresión e das destrezas amosadas.

ANEXO II

Especialidades do profesorado con atribución docente nas materias optativas de Cultura Financeira e de Intelixencia Artificial para a Sociedade

[figura]

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia