lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Decreto 48/2023, do 20 de abril, de ordenación do sistema de formación sanitaria especializada na Comunidade Autónoma de Galicia.

Publicado en: DOG 94 19/05/2023

Departamento: Consellería de Sanidade

Estado: En vigor

PDF

I

A formación dos/das profesionais sanitarios/as representa un piar básico no desenvolvemento do sistema sanitario; dentro dela, a formación sanitaria especializada adquiriu unha singular importancia na súa consolidación e calidade.

A formación de especialistas en Ciencias da Saúde é un obxectivo prioritario da Administración sanitaria. Para acadalo é necesario establecer as medidas e os mecanismos precisos, garantindo as estruturas docentes idóneas para o proceso de aprendizaxe das persoas especialistas en formación ou persoas residentes.

A importancia desta formación maniféstase coa previsión contida na Lei 16/2003, do 28 de maio, de cohesión e calidade do Sistema nacional de saúde, que, no seu artigo 34, require a disposición de toda a estrutura asistencial do sistema sanitario para ser utilizada na docencia pregraduada, posgraduada e continuada dos/das profesionais.

O persoal residente en formación constitúe o centro do sistema de formación sanitaria especializada. Esta ten como obxectivo que aquel poida acadar o nivel óptimo de coñecementos, habilidades e aptitudes profesionais a prol dunha mellora continua na atención sanitaria á cidadanía.

O sistema de formación especializada en réxime de residencia implica para os/as especialistas en formación o desenvolvemento das actividades previstas no programa de formación, correspondente á súa especialidade, de forma tutelada e suxeita ás avaliacións que se determinen.

II

Os/as profesionais que no ámbito da Administración sanitaria se responsabilizan da formación sanitaria especializada constitúen un elemento esencial para a calidade desta. Deste xeito, as persoas titoras das persoas residentes e outras figuras docentes que participan na súa formación, xunto coas estruturas en que esta se desenvolve, serán obxecto de tratamento desta norma.

A necesidade destas figuras vén determinada pola complexidade organizativa, o volume de persoas titoras e residentes, a coexistencia con outros tipos de formación e a necesidade de optimización e adecuación dos recursos. As figuras da titoría e coordinación e as súas funcións deben estar definidas documentalmente dentro da estrutura docente do centro ou unidade.

III

A Lei 44/2003, do 21 de novembro, de ordenación das profesións sanitarias, establece no seu artigo 15.2 que a formación especializada en Ciencias da Saúde ten como obxecto dotar os/as profesionais dos coñecementos, técnicas, habilidades e actitudes propios da correspondente especialidade, de forma simultánea á progresiva asunción polo interesado da responsabilidade inherente ao exercicio autónomo dela.

Así mesmo, no seu artigo 27 regula as comisións de docencia, órganos esenciais na formación de especialistas en Ciencias da Saúde, ás cales atribúe funcións de organización e supervisión nesta materia, así como a de facilitar a integración das actividades formativas e das persoas residentes coa actividade asistencial e ordinaria do centro, e a de planificar a súa actividade profesional no centro conxuntamente cos órganos de dirección deste.

De acordo co previsto no número 2 do dito artigo 27, serán as comunidades autónomas as que determinarán a dependencia funcional, a composición e as funcións das comisións de docencia dentro dos criterios xerais que, para os ditos efectos, determine a Comisión de Recursos Humanos do Sistema nacional de saúde.

IV

Posteriormente á aprobación da Lei 44/2003, do 21 de novembro, no ámbito estatal, aprobouse o Real decreto 183/2008, do 8 de febreiro, polo que se determinan e clasifican as especialidades en Ciencias da Saúde e se desenvolven determinados aspectos do sistema de formación sanitaria especializada. Este real decreto, que desenvolve a citada lei, constitúe un paso máis no proceso de reforma da formación especializada en Ciencias da Saúde, ao regular aspectos básicos na materia, entre outros os referidos á figura do titor ou titora, ás unidades docentes e ás comisións de docencia.

O Real decreto 183/2008, do 8 de febreiro, prevé que sexan as comunidades autónomas as que desenvolvan determinados contidos en relación coas unidades docentes, comisións docentes, persoas titoras e outras figuras implicadas na formación de especialistas en Ciencias da Saúde.

Así mesmo, na súa disposición derradeira cuarta prevese que as comunidades autónomas velarán, no ámbito das súas respectivas competencias, pola calidade da formación especializada en Ciencias da Saúde e polo seu desenvolvemento conforme o establecido no citado real decreto.

Como complemento do Real decreto 183/2008, do 8 de febreiro, aprobouse a Orde SCO/581/2008, do 22 de febreiro, pola que se publica o Acordo da Comisión de Recursos Humanos do Sistema Nacional de Saúde polo que se fixan criterios xerais relativos á composición e as funcións das comisións de docencia, á figura do xefe de estudos de formación especializada e ao nomeamento do titor ou titora. Nesta orde tamén se prevé que sexan as comunidades autónomas as que integren estes criterios e, de ser o caso, os desenvolvan.

V

A Lei 44/2003, do 21 de novembro, incorporou importantes modificacións en materia de formación especializada e sinala que «durante a residencia establecerase unha relación laboral especial entre o servizo de saúde ou o centro e o especialista en formación». De acordo con iso, aprobouse o Real decreto 1146/2006, do 6 de outubro, polo que se regula a relación laboral especial de residencia para a formación de especialistas en Ciencias da Saúde, se establecen os dereitos e deberes dos especialistas en formación e se regulan determinados aspectos que deben ser tidos en conta para efectos de regular a formación sanitaria especializada. Así, por exemplo, no seu artigo 4, relativo aos dereitos e deberes dos residentes, establécese que, ademais dos establecidos con carácter xeral no Estatuto dos traballadores, os residentes terán, entre outros dereitos, o dereito á designación dunha persoa titora que os asistirá durante o desenvolvemento das actividades previstas no programa de formación.

VI

Finalmente, o Real decreto 589/2022, do 19 de xullo, regulou a formación transversal das especialidades en Ciencias da Saúde, o procedemento e os criterios para a proposta dun novo título de especialista en Ciencias da Saúde ou diploma de área de capacitación específica, e a revisión dos establecidos, e o acceso e a formación das áreas de capacitación específica, ademais de establecer as normas aplicables ás probas anuais de acceso a prazas de formación en especialidades en Ciencias da Saúde.

VII

No ámbito autonómico, a Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, no artigo 118, relativo á Carreira profesional, prevé que, en atención aos obxectivos da organización, se poderá outorgar especial recoñecemento, entre outros, a determinadas actividades formativas, docentes e de investigación.

Pola súa banda, o artigo 125.5, inserido no título IX, capítulo I (Docencia e formación), sinala que «A consellería competente en materia de sanidade establecerá os mecanismos necesarios para garantir o recoñecemento do exercicio das titorías e demais actividades docentes dos profesionais e das profesionais do Sistema público de saúde de Galicia». E recolle tamén, neste mesmo artigo, que «A consellería competente en materia de sanidade adoptará as medidas necesarias para cumprir co mandato da normativa estatal de disposición do Sistema público sanitario de Galicia para a súa utilización na docencia especializada dos profesionais. Entre tales medidas, poderá incluír a relativa a que en cada centro docente acreditado existan postos para cuxa cobertura se requira a correspondente acreditación como titor ou titora de formación sanitaria especializada, sen prexuízo da posibilidade de que calquera profesional dos citados centros poida acceder ás funcións de titoría de acordo coa normativa aplicable.».

VIII

Mención especial debe realizarse tamén á necesidade de incorporar a perspectiva de xénero en todas as políticas públicas, o que queda xa patente no Tratado da Comunidade Europea, que recoñece a igualdade entre mulleres e homes como un dereito de alcance transversal a todo o ordenamento e políticas, considerando como misión da Comunidade Europea a consecución da igualdade de xénero, e no Decreto 70/2017, do 13 de xullo, polo que se regula a formación en igualdade e prevención e loita contra a violencia de xénero do persoal ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, que ten por obxecto promover a formación dos/das profesionais e reforzar as súas competencias nestas materias e fortalecer a introdución da perspectiva de xénero en todas as áreas de xestión, a través dun novo modelo formativo máis intensivo e específico.

IX

Finalmente, na Resolución conxunta do 17 de abril de 2007, da Secretaría Xeral do Servizo Galego de Saúde e da División de Asistencia Sanitaria, ordénase a publicación do acordo subscrito pola Administración sanitaria e as organizacións sindicais CIG, CEMSATSE, CC.OO., CSI-CSIF e UGT polo que se melloran as condicións de traballo e retributivas do persoal residente en formación deste organismo.

X

Tendo en conta este marco normativo, neste decreto establécense distintos mecanismos para o nomeamento, a avaliación e o recoñecemento das funcións desempeñadas polo persoal implicado na formación sanitaria especializada.

De conformidade co establecido no número 1 do artigo 33 do Estatuto de autonomía de Galicia, correspóndenlle á Comunidade Autónoma de Galicia o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en materia de sanidade interior. Así mesmo, no seu número 4 sinala que esta poderá organizar e administrar para tales fins e dentro do seu territorio todos os servizos relacionados con esta materia. Por outra banda, segundo o establecido no artigo 17.3.c) do Decreto 112/2015, do 31 de xullo, polo que se crea a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde e se aproban os seus estatutos, corresponden a esta axencia a coordinación, o desenvolvemento e o exercicio das funcións relacionadas coa formación sanitaria especializada.

O decreto consta dun total de 67 artigos, divididos en oito capítulos.

O capítulo primeiro dedícase ás disposicións xerais, o capítulo segundo define as estruturas sanitarias docentes, o capítulo terceiro establece e regula os órganos docentes colexiados e unipersoais, o capítulo cuarto refírese ás competencias transversais, o capítulo quinto regula o procedemento para autorizar as rotacións externas, o capítulo sexto regula a supervisión dos especialistas en formación, o capítulo sétimo, a calidade da docencia e o capítulo oitavo refírese ao funcionamento da Rede de comisións de docencia de Galicia (Redega).

Completan o texto tres disposicións adicionais, que prevén a creación de novas unidades docentes, a aplicación dunha medida para o acceso aos graos de carreira profesional de médico/a de familia e a necesidade de realizar a xestión da formación sanitaria especializada con perspectiva de xénero, e tres disposicións transitorias, relativas ao mantemento das comisións, xefaturas de estudos e persoas titoras existentes no momento da entrada en vigor deste decreto.

A disposición derrogatoria única establece aquelas disposicións normativas precedentes que resultan derrogadas pola entrada en vigor da nova regulación, e as disposicións derradeiras refírense ás facultades de desenvolvemento atribuídas á persoa titular da consellería con competencias en materia de sanidade e á entrada en vigor da nova norma.

Este decreto dítase tras a preceptiva negociación na Mesa Sectorial coas organizacións sindicais representadas nela.

Esta norma elaborouse tendo en conta os principios que conforman a boa regulación, á cal se refire o artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Cúmprense os principios de necesidade e eficacia ao considerarse que a aprobación deste decreto é o instrumento necesario para conseguir o obxectivo de levar a cabo unha regulación da ordenación do sistema de formación sanitaria especializada no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

O principio de proporcionalidade considérase cumprido, xa que o decreto contén a regulación imprescindible para atender á súa finalidade.

O principio de seguridade xurídica garántese, xa que esta norma é coherente co resto do ordenamento xurídico e se pretende que sexa clara e que facilite o emprego do conxunto de recursos persoais e materiais pertencentes aos dispositivos asistenciais, docentes, de investigación ou de calquera outro carácter, con independencia da súa titularidade, para impartir formación regrada en especialidades en Ciencias da Saúde.

O principio de transparencia cúmprese, xa que no proceso de elaboración da norma se solicitaron todos os informes preceptivos e se publicou no Portal de transparencia e goberno aberto da Xunta de Galicia.

Por último, con respecto ao principio de eficiencia, a norma non impón cargas administrativas innecesarias ou accesorias.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Sanidade, oído o Consello Consultivo, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte de abril de dous mil vinte e tres,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

Este decreto ten por obxecto a ordenación do sistema de formación sanitaria especializada no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia de conformidade coa normativa básica estatal.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

Este decreto será de aplicación a todos os centros e unidades docentes da Comunidade Autónoma de Galicia, sexan de titularidade pública ou privada, aos cales o ministerio competente en materia de sanidade concedese a correspondente acreditación para a formación de especialistas en Ciencias da Saúde.

Artigo 3. Competencias en materia de formación sanitaria especializada

Corresponde á Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde a competencia en materia de planificación, coordinación e, en xeral, o desenvolvemento de todas as funcións relacionadas coa formación sanitaria especializada, consonte os obxectivos e criterios de planificación estratéxica establecidos pola consellería con competencias en materia de sanidade e polo Servizo Galego de Saúde, e sen prexuízo das competencias expresamente atribuídas a outros órganos.

CAPÍTULO II Estruturas sanitarias docentes

Artigo 4. Unidade docente

1. De conformidade co artigo 4 do Real decreto 183/2008, do 8 de febreiro, polo que se determinan e clasifican as especialidades en Ciencias da Saúde e se desenvolven determinados aspectos do sistema de formación sanitaria especializada, a unidade docente defínese como o conxunto de recursos persoais e materiais, pertencentes aos dispositivos asistenciais, docentes, de investigación ou de calquera outro carácter que, con independencia da súa titularidade, se consideren necesarios para impartir formación regrada en especialidades en Ciencias da Saúde polo sistema de residencia, de acordo co establecido nos programas oficiais das distintas especialidades.

2. O programa formativo levarase a cabo na mesma unidade docente acreditada en que a persoa en formación obtivese praza. Con todo, en caso de suspensión temporal da acreditación, poderá procederse, segundo as circunstancias de cada caso, á redistribución total ou parcial do persoal residente noutras unidades docentes acreditadas da Comunidade Autónoma de Galicia ou, excepcionalmente, de fóra dela. Nos supostos de desacreditación definitiva procederase á redistribución do persoal residente noutras unidades docentes acreditadas da Comunidade Autónoma de Galicia ou, excepcionalmente, doutra comunidade autónoma.

Artigo 5. Centro sanitario docente

De conformidade co artigo 9 do Real decreto 183/2008, do 8 de febreiro, enténdese por centro sanitario docente o hospital, agrupación de hospitais, centros de saúde, agrupacións funcionais de unidades docentes, agrupacións territoriais docentes de recursos sanitarios ou outras entidades, creadas por iniciativa da Comunidade Autónoma de Galicia para a formación de especialistas en Ciencias da Saúde.

Artigo 6. Acreditación de centros sanitarios docentes e de unidades docentes

1. As solicitudes de acreditación de centros sanitarios docentes ou unidades docentes presentaraas a entidade titular destes, sexa de carácter público ou privado, perante a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde para o seu informe, previamente a dar traslado ao ministerio competente en materia de sanidade para a súa resolución.

2. O mesmo procedemento previsto no punto anterior será de aplicación ás solicitudes de modificación da acreditación inicial e da desacreditación das ditas estruturas.

Artigo 7. Unidades docentes e centros sanitarios docentes, dependencia e adscrición

1. Cada unidade docente dependerá da entidade titular do centro sanitario docente onde se sitúe, segundo sexa a entidade a que se concedeu a correspondente acreditación docente para a formación na especialidade en Ciencias da Saúde.

2. Por resolución da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, as unidades docentes estarán adscritas a unha comisión de docencia, xa sexa do centro sanitario docente onde estean situadas ou da propia unidade cando se trate de unidades de ámbito rexional ou multiprofesionais, de ser o caso, en función das súas características, do número das persoas residentes que se formen nelas e do ámbito asistencial en que se realice maioritariamente a formación.

3. De conformidade co artigo 7.1 do Real decreto 183/2008, do 8 de febreiro, existirá unha unidade docente multidisciplinar para cada unha das especialidades citadas no número 5 do anexo I da citada norma, na cal se formarán as persoas tituladas que accedesen a prazas en formación da especialidade de que se trate.

4. De conformidade co artigo 7.2 do Real decreto 183/2008, do 8 de febreiro, existirán unidades docentes multiprofesionais nas especialidades referidas no anexo II da citada norma, onde se desenvolverán os programas formativos das especialidades en Ciencias da Saúde que, incidindo en campos asistenciais afíns, requiran para cada especialidade distinta titulación universitaria. Estas unidades docentes multiprofesionais cumprirán os requisitos de acreditación comúns e os específicos das especialidades que se formen nelas. Cada especialidade terá as súas propias persoas titoras que planificarán a execución do correspondente programa formativo, sen prexuízo da colaboración doutras figuras docentes.

5. Os centros sanitarios docentes manterán a dependencia da súa entidade titular, de acordo co seu organigrama.

Artigo 8. Recursos para a estabilidade da actividade docente

1. A Comunidade Autónoma de Galicia disporá dunha rede estable de centros sanitarios docentes acreditados nos cales se garantirá a existencia dos recursos humanos, materiais e organizativos necesarios para o desenvolvemento da actividade docente.

A formación e o desenvolvemento da competencia técnica dos/das profesionais deben orientarse á mellora da calidade do Sistema de saúde de Galicia. Para iso, de conformidade co establecido no artigo 34.b) da Lei 16/2003, do 28 de maio, de cohesión e calidade do Sistema nacional de saúde, requírese a disposición de toda a estrutura asistencial do sistema sanitario para ser utilizada na docencia pregraduada, posgraduada e continuada dos e das profesionais.

2. Cada centro sanitario docente atenderá, con cargo aos seus medios persoais e materiais, a constitución e o funcionamento dos órganos docentes regulados neste decreto.

3. De conformidade co previsto no artigo 125.5 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, a consellería con competencias en materia de sanidade adoptará as medidas necesarias para cumprir co mandato da normativa estatal de disposición do Sistema público de saúde de Galicia para a súa utilización na docencia especializada dos/das profesionais. Entre tales medidas, poderá incluír a relativa a que en cada centro docente acreditado existan postos para cuxa cobertura se requira a correspondente acreditación como titor ou titora de formación sanitaria especializada, sen prexuízo da posibilidade de que calquera profesional dos citados centros poida acceder ás funcións de titoría de acordo coa normativa aplicable.

O/a profesional que opte a prazas con requisito de docencia deberá estar acreditado/a como titor ou titora no prazo máximo dun ano desde a súa toma de posesión, e exercer como tal unha vez acreditado/a. De non contar coa dita acreditación que permita o exercicio como persoa titora nese período, perderá o destino definitivo e deberá participar no seguinte concurso de traslados, e a praza con titoría docente será ofertada de novo no ciclo anual correspondente.

CAPÍTULO III Órganos docentes

Sección 1ª. Disposicións xerais

Artigo 9. Órganos docentes

1. A formación sanitaria especializada xestiónase a través dos seguintes órganos docentes de carácter colexiado ou unipersoal:

a) Órganos docentes de carácter colexiado: comisións de docencia, subcomisións de docencia e comités de avaliación.

b) Órganos docentes de carácter unipersoal: xefe ou xefa de estudos, titor ou titora, titor ou titora de apoio, colaborador ou colaboradora docente, coordinador ou coordinadora docente e outros órganos de apoio á formación.

2. Todos os órganos docentes de carácter colexiado que se constitúan procurarán acadar, sempre que sexa posible en atención á dispoñibilidade dos e das profesionais que os poden formar, unha composición equilibrada de mulleres e homes, tanto polo que se refire aos membros natos como ás persoas convocadas con voz e sen voto para o estudo de temas puntuais.

Sección 2ª. Órganos docentes de carácter colexiado

Subsección 1ª. Comisións de docencia

Artigo 10. Concepto, ámbito de actuación, fins e implantación das comisións de docencia

1. De conformidade co artigo 8 do Real decreto 183/2008, do 8 de febreiro, as comisións de docencia son os órganos colexiados aos cales lles corresponde organizar a formación, supervisar a súa aplicación práctica e controlar o cumprimento dos obxectivos previstos nos programas formativos das distintas especialidades en Ciencias da Saúde. Corresponde, así mesmo, ás comisións de docencia facilitar a integración das actividades formativas e do persoal residente coa actividade asistencial e ordinaria do centro sanitario docente, planificando a súa actividade profesional no centro conxuntamente cos órganos de dirección deste.

2. De conformidade co artigo 9 do Real decreto 183/2008, do 8 de febreiro, as comisións de docencia estenderán o seu ámbito de actuación a un centro sanitario docente ou unidade docente. Con carácter xeral constituiranse comisións de docencia de centro sanitario docente que agrupen as unidades docentes das diferentes especialidades en que se formen no seu ámbito, sen prexuízo daqueles supostos en que resulte aconsellable a creación dunha comisión de docencia de unidade pola súa especial natureza. En calquera caso, en cada área sanitaria contarase, cando menos, cunha comisión de docencia da unidade docente multiprofesional de Atención Familiar e Comunitaria e cunha comisión de docencia das especialidades acreditadas nos centros hospitalarios da dita área.

3. A creación, modificación ou extinción das comisións de docencia levarase a cabo por resolución da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde.

Artigo 11. Dependencia funcional das comisións de docencia

A dependencia funcional de cada comisión de docencia fixarase na resolución da súa creación. Con carácter xeral, dependerán funcionalmente da Xerencia da área sanitaria do Servizo Galego de Saúde de que formen parte ou, de ser o caso, do órgano directivo equivalente da entidade titular do centro sanitario docente ou da unidade docente de que se trate.

Artigo 12. Composición das comisións de docencia

1. A Comisión de Docencia estará composta por unha persoa que exercerá a presidencia e vinte (20) vogais.

2. O nomeamento das persoas que forman parte da Comisión de Docencia corresponderá á Xerencia da área sanitaria do Servizo Galego de Saúde de que dependan ou, no caso de non depender dela, ao órgano de que dependa funcionalmente o centro sanitario docente ou á unidade docente correspondente.

3. A Presidencia da Comisión de Docencia corresponderá á persoa que exerza a xefatura de estudos de formación sanitaria especializada do centro sanitario docente ou unidade docente correspondente, e dirimirá co seu voto os empates que se poidan producir na adopción de acordos.

4. As vogalías conformaranse do seguinte modo:

a) Será vogal nato da Comisión de Docencia, cando o centro sanitario docente sexa un centro hospitalario, a persoa que exerza a presidencia da Comisión de Docencia de cada unidade docente multiprofesional de Atención Familiar e Comunitaria e, no caso da Comisión de Docencia da unidade docente multiprofesional de Atención Familiar e Comunitaria, será vogal nato a persoa que exerza a presidencia da Comisión de Docencia do centro hospitalario. A persoa á cal lle corresponda esta vogalía exercerá, ademais, a vicepresidencia da Comisión, e substituirá a persoa titular da Presidencia nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade, así como nos casos en que sexa declarada a súa abstención ou recusación.

b) Serán vogais natos as persoas que exerzan a presidencia da Subcomisión de Especialidades de Enfermaría, no caso de existir esta subcomisión.

c) Unha vogalía, en representación da Comunidade Autónoma de Galicia, designada pola Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde.

d) Unha vogalía, en representación da Comunidade Autónoma de Galicia, designada pola Dirección Xeral do Servizo Galego de Saúde con competencias en materia de asistencia sanitaria.

e) Seis vogalías en representación das persoas que exercen a titoría, que serán elixidas entre todas as persoas titoras dependentes da Comisión de Docencia correspondente, mediante sufraxio, por un período de catro anos de carácter renovable. Nas comisións de docencia, cando o centro sanitario docente sexa un centro hospitalario, tres delas deberán pertencer, preferentemente, a cada unha das áreas hospitalarias de servizos médicos, cirúrxicos e centrais, e outra ás especialidades de Enfermaría. Nas comisións de docencia da unidade docente multiprofesional de Atención Familiar e Comunitaria, unha delas deberá pertencer, preferentemente, ás especialidades de Enfermaría.

f) Catro vogalías en representación do persoal especialista en formación, que elixirá as persoas que as ocupen entre todas as persoas residentes dependentes da Comisión de Docencia correspondente, mediante sufraxio, por un período de dous anos de carácter non renovable. Unha delas será elixida entre as que formen parte da Comisión de Docencia que represente o outro nivel asistencial. Nas comisións de docencia, cando o centro sanitario docente sexa un centro hospitalario, tres das vogalías corresponderán, preferentemente, a cada unha das áreas hospitalarias de servizos médicos, cirúrxicos e centrais, e outra ás especialidades de Enfermaría. Nas comisións de docencia da unidade docente multiprofesional de Atención Familiar e Comunitaria, unha delas deberá pertencer, preferentemente, á especialidade de Enfermaría Familiar e Comunitaria. No caso doutras unidades docentes multiprofesionais, procurarase a representación de todas as titulacións existentes nela de forma proporcional ao número de persoas residentes de cada unha.

g) O resto das vogalías, sen superar o número máximo, serán elixidas, como órgano de dirección coordinador da infraestrutura asistencial, pola Xerencia da área sanitaria do Servizo Galego de Saúde da que dependa a Comisión de Docencia de que se trate ou, no caso de non depender dela, polo órgano do que dependa funcionalmente o centro sanitario docente ou a unidade docente correspondente, procurando incorporar entre as elixidas persoas que exerzan a presidencia doutras subcomisións de especialidades que, de ser o caso, se constitúan dentro da Comisión de Docencia, ou que poidan representar a área de urxencias, os servizos de calidade e investigación e o persoal técnico de apoio da formación, e cando menos, unha delas terá que ser titora dependente da Comisión de Docencia correspondente.

5. A Comisión contará cunha Secretaría, con voz pero sen voto, que será ocupada pola persoa que designe o órgano do que dependa funcionalmente o centro sanitario docente ou a unidade docente entre o persoal estatutario da función administrativa ou funcionario. En caso de ausencia, vacante ou enfermidade, así como nos casos en que sexa declarada a súa abstención ou recusación, seguirase o mesmo procedemento para a designación da persoa que a substitúa, de modo que quede garantido o adecuado funcionamento da Comisión.

6. O órgano de que dependa funcionalmente a Comisión de Docencia poderá acordar o cesamento dalgún dos seus membros no caso de que concorra algunha das seguintes causas:

a) Pola finalización do período para o cal foi designado.

b) Por renuncia expresa.

c) Pola perda da condición habilitante para o seu nomeamento.

d) Por remoción motivada por causa de incumprimento ou deixamento no exercicio das súas funcións, acordada no marco dun procedemento contraditorio, logo de informe da Comisión de Docencia de que forme parte.

e) Por calquera outra causa que impida o exercicio das funcións propias da condición de membro da Comisión.

7. Para o tratamento de temas concretos ou actuacións específicas, como no caso dos procedementos de revisión das avaliacións, poderanse incorporar á Comisión de Docencia outros/as profesionais, só para os efectos dos ditos procedementos, e por invitación da súa presidencia, con voz pero sen voto.

Artigo 13. Funcións das comisións de docencia

Corresponde ás comisións de docencia o exercicio das seguintes funcións:

a) Promover a actividade docente e a acreditación de centros sanitarios docentes e unidades docentes e de profesionais para o exercicio da titoría das distintas especialidades.

b) Emitir informe sobre as solicitudes de acreditación docente de centros sanitarios docentes e unidades docentes que lles correspondan no seu ámbito.

c) Propor, cando se considere necesario, a creación das subcomisións de docencia e as persoas que ocupen a presidencia das subcomisións que se constitúan no seu ámbito.

d) Aprobar, por proposta das correspondentes persoas titoras, as guías ou itinerarios formativos tipo de cada unha das especialidades que se formen no seu ámbito. As ditas guías adaptaranse ás características específicas de cada centro sanitario docente ou unidade docente tendo en conta os obxectivos e contidos do programa oficial da especialidade.

e) Establecer as competencias transversais que se deban incorporar nos plans individuais de formación e que cada especialista en formación deba adquirir en cada ano de formación.

f) Garantir que cada unha das persoas residentes das especialidades que se formen no centro sanitario docente ou unidade docente dispón do correspondente plan individual de formación, verificando a súa adecuación á guía ou itinerario formativo tipo, en colaboración coas persoas titoras da especialidade de que se trate.

g) Facilitar a integración das actividades formativas e das persoas residentes coa actividade asistencial e ordinaria do centro sanitario docente, así como planificar a súa actividade profesional no centro conxuntamente cos órganos de dirección.

h) Facilitar a adecuada coordinación docente entre niveis asistenciais.

i) Elaborar e aprobar os protocolos escritos de actuación para graduar a supervisión das actividades que leven a cabo as persoas residentes en áreas asistenciais significativas, con especial referencia á área de urxencias ou a calquera outra que se considere de interese, así como velar polo cumprimento dos protocolos de supervisión establecidos e propor a actualización periódica destes cando se considere necesario.

j) Acordar a creación de comités de avaliación de cada unha das especialidades acreditadas no seu ámbito de actuación, así como nomear as correspondentes vogalías.

k) Valorar as propostas de rotacións externas realizadas polas persoas titoras en función dos obxectivos que se pretenden acadar, referidos á ampliación de coñecemento ou á aprendizaxe de técnicas non practicadas no centro sanitario docente ou unidade docente, e que non estean explicitamente previstas, e solicitar a súa autorización á Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde.

l) Organizar as actividades formativas das persoas residentes, especialmente as que afectan temas transversais ou comúns a varias especialidades.

m) Aprobar e fomentar a participación das persoas residentes en cursos, congresos, seminarios ou reunións científicas, relacionados co programa da especialidade de que se trate, logo de informe da unidade de apoio á formación/investigación que en cada caso corresponda, oídas a persoa titora e a persoa responsable da unidade asistencial de que se trate.

n) Elaborar e aprobar o plan de xestión da calidade docente do centro sanitario docente ou da unidade docente, de acordo cos criterios xerais establecidos pola Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, supervisar o seu cumprimento e establecer estratexias de mellora cando os resultados das avaliacións sobre calidade docente o indiquen. Para estes efectos, a Comisión solicitará a información necesaria das unidades asistenciais e dos correspondentes órganos de dirección e xestión.

ñ) Promover e facilitar a formación continua das persoas titoras en metodoloxía docente e outros aspectos relacionados cos programas formativos, así como nas competencias necesarias para o desenvolvemento das súas funcións.

o) Participar na acreditación e reacreditación que habilita para o desempeño das funcións de titoría nos termos que estableza a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, así como propor ao órgano directivo do centro sanitario docente ou unidade docente o nomeamento das persoas titoras que corresponda.

p) Aprobar a participación de dispositivos propios en unidades docentes externas.

q) Elaborar unha memoria anual das actividades de formación sanitaria especializada realizadas no centro sanitario docente ou na unidade docente.

r) Procurar que nos dispositivos de carácter universitario que se integren no centro sanitario docente ou na unidade docente exista unha adecuada coordinación entre os ensinos universitarios de grao e posgrao e a formación especializada en Ciencias da Saúde.

s) Remitir ao Rexistro Nacional de Especialistas en Formación, a través da súa presidencia, as avaliacións finais e anuais, así como os resultados das súas revisións e os períodos de recuperación que, de ser o caso, correspondan, nos termos previstos na lexislación vixente.

Así mesmo, as comisións de docencia notificarán ao Rexistro Nacional de Especialistas en Formación as excedencias e demais situacións que repercutan na duración do período formativo, segundo as instrucións que dite o mencionado rexistro.

t) Comunicarlles por escrito ás persoas residentes o lugar en que se situarán o taboleiro ou os taboleiros oficiais de anuncios da Comisión, onde se publicarán os seus avisos e resolucións.

De conformidade co previsto no artigo 23.1 do Real decreto 183/2008, do 8 de febreiro, o mencionado taboleiro será o medio oficial de notificación das resolucións relativas ás avaliacións, polo que a data de inserción no mencionado taboleiro implicará o inicio do cómputo dos prazos que en cada caso correspondan. A inserción no taboleiro de anuncios requirirá a inclusión na resolución de que se trate dunha dilixencia específica da persoa que presida a Comisión de Docencia para facer constar a data exacta da súa publicación.

Todo iso sen prexuízo da utilización doutros medios engadidos, incluídos os telemáticos, que faciliten a divulgación dos citados anuncios.

u) Analizar a capacidade para a docencia do centro sanitario docente e de cada unha das súas unidades docentes, e informar diso, polo menos anualmente, á Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde e ao órgano de que dependa funcionalmente a dita unidade docente.

v) Coñecer a proposta anual de oferta de prazas de formación sanitaria especializada para o centro sanitario docente ou unidade docente correspondente.

w) Coordinar a ocupación das diferentes unidades, con fins de aprendizaxe, por estudantes e profesionais de calquera dos niveis formativos.

x) Emitir informe sobre as solicitudes de autorización de estadías formativas de profesionais ou especialistas en formación estranxeiros, facendo constar se interfiren ou non na capacidade para a docencia do centro sanitario docente.

y) Emitir informe sobre as solicitudes de cambio excepcional de especialidade das persoas residentes e tamén de recoñecemento de períodos formativos previos, para a súa tramitación ante a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, que emitirá o informe correspondente e o trasladará ante o ministerio competente en materia de sanidade.

z) Propor aos órganos competentes na materia a realización de auditorías docentes e analizar os resultados das auditorías docentes realizadas no centro sanitario docente e nas unidades docentes, establecendo as accións de mellora que resulten oportunas.

aa) Participar activamente nos procedementos de avaliación e mellora internos do plan de xestión da calidade docente do centro sanitario docente ou unidade docente.

ab) Colaborar e participar activamente en todas aquelas tarefas que lles asigne a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde ou nas que lles atribúan as disposicións reguladoras da formación sanitaria especializada.

ac) Informar sobre as cuestións relacionadas cos procedementos disciplinarios que lles sexan solicitadas polo órgano competente da institución de que dependa a unidade docente, nos supostos previstos no artigo 15.2 do Real decreto 1146/2006, do 6 de outubro, polo que se regula a relación laboral especial de residencia para a formación de especialistas en Ciencias da Saúde.

ad) Velar polo bo funcionamento das unidades docentes, procurando que nos diferentes dispositivos que as compoñen se dean as condicións necesarias para impartiralles unha adecuada formación ás persoas residentes, así como para levar a cabo a avaliación das actividades que realicen.

Artigo 14. Réxime de funcionamento das comisións de docencia

1. Cada comisión de docencia elaborará e aprobará un regulamento interno de funcionamento no cal, como mínimo, se recollerán os seguintes aspectos:

a) Calendario de sesións.

b) Réxime de convocatorias, de adopción de acordos e actas.

2. En todo caso, a Comisión de Docencia reunirase, como mínimo, unha vez ao trimestre e, de forma extraordinaria, cantas veces o crea necesario o/a presidente/a ou a maioría dos membros. A citación para as reunións deberá especificar a orde do día, a cal deberá estar en poder dos membros da Comisión polo menos con corenta e oito horas de antelación á súa realización. Para a válida constitución da Comisión de Docencia requirirase, en primeira convocatoria, a asistencia do presidente ou presidenta, do secretario ou secretaria, ou de quen os substitúa, e da metade, polo menos, dos seus integrantes, e en segunda convocatoria, se esta está prevista na citación, será suficiente a asistencia do presidente ou presidenta, do secretario ou secretaria, ou de quen os substitúa, e dun terzo dos/das vogais.

3. A Comisión de Docencia adecuará o seu funcionamento ao establecido respecto dos órganos colexiados na lexislación básica sobre réxime xurídico das administracións públicas, na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, neste decreto e, de ser o caso, no seu regulamento de réxime interior.

Subsección 2ª. Subcomisións de docencia

Artigo 15. Composición e actuación das subcomisións de docencia

1. Cando así o aconsellen as condicións particulares, as características formativas, a diferente titulación, a diversa natureza ou a dispersión xeográfica dos dispositivos que se consideren necesarios para a formación das persoas residentes, constituiranse subcomisións de docencia específicas dunha comisión de docencia.

En calquera caso, nas comisións de docencia de centro sanitario docente ou unidades docentes onde se forme persoal de Enfermaría especialista, e con obxecto de coordinar esta formación, deberá constituírse unha subcomisión de docencia, que agrupará as persoas que exercen a titoría das especialidades de Enfermaría.

A creación, modificación ou extinción das subcomisións de docencia corresponderalle ao órgano de que dependa funcionalmente a unidade docente correspondente, por proposta da Comisión de Docencia.

2. As subcomisións de docencia estarán constituídas por unha persoa, que exercerá a presidencia, e vinte (20) vogalías, que serán ocupadas polas persoas elixidas pola Comisión de que dependan entre aquelas que exercen a titoría e o persoal especialista en formación das especialidades que formen parte da Subcomisión, e as persoas que se considere conveniente, de acordo co obxecto da Subcomisión.

3. A Subcomisión contará cunha Secretaría, que será ocupada pola persoa que designe o órgano de que dependa funcionalmente a unidade docente correspondente entre o persoal estatutario da función administrativa ou funcionario e que, no caso de non ser membro da Subcomisión, contará unicamente con voz, pero non terá voto. En caso de ausencia, vacante ou enfermidade, así como nos casos en que sexa declarada a súa abstención ou recusación, seguirase o mesmo procedemento para a designación da persoa que a substitúa, de modo que quede garantido o adecuado funcionamento da Subcomisión.

4. A Subcomisión de Docencia adecuará o seu funcionamento ao establecido respecto dos órganos colexiados na lexislación básica sobre réxime xurídico das administracións públicas, na Lei 16/2010, do 17 de decembro, neste decreto e, de ser o caso, no seu regulamento de réxime interior.

Artigo 16. Funcións das subcomisións de docencia

Correspóndelles ás subcomisións de docencia que, de ser o caso, sexan constituídas, o exercicio das seguintes funcións:

a) Promover a actividade docente e a acreditación de centros sanitarios docentes, unidades docentes e de profesionais para o exercicio da titoría das especialidades que lles correspondan no seu ámbito.

b) Facilitar a integración das actividades formativas e a adecuada coordinación docente entre niveis asistenciais.

c) Fomentar a participación das persoas residentes en cursos, congresos, seminarios ou reunións científicas, relacionados co programa da especialidade de que se trate.

d) Promover a formación continua das persoas titoras en metodoloxía docente e outros aspectos relacionados cos programas formativos, e nas competencias necesarias para o desenvolvemento das súas funcións.

e) Participar na acreditación e reacreditación de persoas titoras nos termos que estableza a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde.

f) Colaborar e participar activamente en todas aquelas tarefas que lles asigne a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde ou nas que lles atribúan as disposicións reguladoras da formación sanitaria especializada.

g) Velar polo bo funcionamento das unidades docentes, procurando que nos diferentes dispositivos que as compoñen se dean as condicións necesarias para impartirlles unha adecuada formación ás persoas residentes, así como para levar a cabo a avaliación das actividades que realicen.

h) Coordinar a ocupación das diferentes unidades asistenciais por estudantes e profesionais en prácticas das unidades docentes ás cales pertenzan.

i) Calquera outra función que lles sexa delegada pola Comisión de Docencia a que pertenzan.

Artigo 17. Presidencia das subcomisións de docencia

1. O presidente ou presidenta de cada unha das subcomisións docentes que se constitúan é unha persoa xestora da formación sanitaria especializada, que dirixe as actividades de planificación, organización, xestión e supervisión da formación sanitaria especializada e o resto da actividade docente das persoas residentes das especialidades incluídas dentro do seu ámbito.

Depende funcionalmente da Xefatura de Estudos e será vogal nato/a da Comisión de Docencia.

2. A persoa que exerza a presidencia dunha subcomisión docente será nomeada, entre os seus membros, polo órgano de que dependa funcionalmente a unidade docente correspondente, por proposta da Comisión de Docencia, entre aqueles ou aquelas profesionais do centro sanitario docente ou unidade docente a que pertenzan as especialidades que se vaian agrupar na subcomisión de que se trate.

3. Corresponde ao presidente ou presidenta das subcomisións docentes presidir a Subcomisión de Docencia, dirimindo co seu voto os empates que se produzan na adopción dos acordos, asumir a súa representación e o exercicio das seguintes funcións:

a) Dirixir e coordinar as actividades docentes das persoas titoras e realizar a interlocución coas persoas responsables asistenciais dos dispositivos da unidade ou centro sanitario docente, co fin de garantir unha adecuada coordinación.

b) Coordinar a ocupación das diferentes unidades asistenciais por estudantes e profesionais en prácticas de calquera nivel formativo, velando por que non se exceda a capacidade para a docencia do centro sanitario docente e de cada unha das súas unidades docentes.

c) Asesorar as persoas titoras e residentes sobre aspectos legais e formais da formación.

d) Organizar, difundir e apoiar a formación continuada para persoas residentes dentro da súa especialidade.

e) Organizar e coordinar o proceso de acreditación de dispositivos para a unidade docente que atinxen á especialidade correspondente.

f) Participar nos comités de avaliación das especialidades acreditadas no centro sanitario docente ou unidade docente que lle correspondan polo seu ámbito.

4. Disporá, para a adecuada realización das súas funcións, dunha dedicación específica dentro da súa xornada laboral, que será fixada polo órgano de que dependa funcionalmente a unidade docente de que se trate en relación co número de persoas residentes do centro sanitario docente ou unidade docente. Para iso, deberán terse en conta a estrutura do centro, unidades acreditadas, número de dispositivos docentes que o integran, a existencia ou non doutras figuras docentes e tipo de comisión de docencia.

Artigo 18. Recoñecemento e incentivación do labor da Presidencia das subcomisións de docencia

1. No ámbito público, o exercicio das funcións de presidente ou de presidenta dunha subcomisión docente en formación sanitaria especializada será recoñecido e incentivado mediante:

a) A expedición de certificados, emitidos pola comisión de docencia de que se trate, acreditativos do nomeamento e do tempo de desempeño das súas funcións.

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde será a responsable de establecer os modelos de certificados comúns para toda a Comunidade Autónoma.

b) O recoñecemento profesional do desempeño das funcións de coordinación na carreira profesional, dentro da categoría que teña cada presidente ou presidenta.

c) A oferta de actividades de formación.

Coa finalidade de facilitar a mellora da súa competencia na práctica clínica e nas metodoloxías docentes, a Administración sanitaria promoverá que os presidentes ou presidentas das subcomisións de docencia en formación sanitaria especializada realicen actividades de formación continuada sobre aspectos relacionados co coñecemento e a aprendizaxe de métodos educativos, avaliación, técnicas de comunicación, metodoloxía da investigación, xestión de calidade, motivación, aspectos éticos da profesión ou aspectos relacionados cos contidos do programa formativo.

d) O recoñecemento das funcións da Presidencia das subcomisións de docencia en formación sanitaria especializada, como mérito específico, nas correspondentes convocatorias de provisión de prazas e postos de traballo en centros sanitarios docentes e unidades acreditados para a formación sanitaria especializada do Sistema público de saúde de Galicia. Considerarase, entre outros, o tempo exercido como presidente ou presidenta dunha subcomisión de docencia en formación sanitaria especializada.

2. No ámbito privado, este recoñecemento das funcións da Presidencia das subcomisións de docencia en formación sanitaria especializada reflectirase, como mínimo, no desenvolvemento profesional previsto polo centro ou entidade privada de que se trate.

Subsección 3ª. Comités de avaliación

Artigo 19. Constitución e finalidade dos comités de avaliación

1. De conformidade co previsto no artigo 19.1 do Real decreto 183/2008, do 8 de febreiro, por cada unha das especialidades acreditadas no centro sanitario docente ou unidade docente constituirase un comité de avaliación, que terá carácter de órgano colexiado, coa función de realizar as avaliacións anuais e finais dos especialistas en formación, que deberán constar nas súas correspondentes actas.

2. Os comités de avaliación establecerán o procedemento interno de traballo polo cal se levarán a cabo os procesos de avaliación anual e final, axustándose, en todo caso, ás previsións recollidas no artigo 19 e seguintes do Real decreto 183/2008, do 8 de febreiro, e demais normativa que resulte de aplicación.

Artigo 20. Composición dos comités de avaliación

1. Os comités de avaliación estarán integrados por:

a) A persoa que exerza a xefatura de estudos do centro sanitario docente e da unidade docente correspondente, que presidirá o Comité e dirimirá co seu voto os empates que se poidan producir.

b) A persoa titular da Presidencia da Subcomisión que, de ser ocaso, corresponda.

c) A persoa titora da persoa residente.

d) Un profesional que preste servizos no centro sanitario docente e unidade de que se trate, co título da especialidade obxecto de avaliación, e que será designado pola Comisión de Docencia.

e) O vogal ou a vogal da Comisión de Docencia que designe a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde.

2. Actuará como secretario/a do Comité de Avaliación a persoa que exerza a secretaría da comisión de docencia correspondente.

Sección 3ª. Órganos docentes de carácter unipersoal

Subsección 1ª. Xefatura de Estudos de formación sanitaria especializada

Artigo 21. Concepto e dependencia funcional da Xefatura de Estudos de formación sanitaria especializada

1. A persoa titular da Xefatura de Estudos de formación sanitaria especializada é un xestor ou xestora da formación sanitaria especializada. É unha persoa especialista en Ciencias da Saúde, que dirixe as actividades de planificación, organización, xestión e supervisión da formación sanitaria especializada e do resto da actividade docente dentro do seu ámbito, sexa este un centro sanitario docente ou unha unidade docente acreditada.

2. As persoas que ocupen as xefaturas de estudos de formación sanitaria especializada dependerán funcionalmente do órgano de que dependan as unidades docentes correspondentes, e formarán parte dos seus órganos de dirección, co fin de asegurar e garantir a incardinación da docencia na actividade asistencial ordinaria, continuada e de urxencias.

Terán autonomía de xestión e independencia das xefaturas asistenciais, e exercerán o seu labor en coordinación coas liñas estratéxicas de xestión asistencial e investigación da entidade titular de que se trate, de acordo coas directrices ditadas pola Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde.

Artigo 22. Sistema de acceso e nomeamento da Xefatura de Estudos de formación sanitaria especializada

1. No ámbito público, accederase mediante convocatoria pública, realizada polo órgano de que dependa funcionalmente a unidade docente correspondente, publicada no Diario Oficial de Galicia.

2. No ámbito privado, o órgano directivo do centro sanitario docente de que se trate designará o xefe ou xefa de Estudos, por proposta da Comisión de Docencia, logo de convocatoria pública interna entre profesionais do centro que cumpran os requisitos exixidos.

3. Para poder acceder á Xefatura de Estudos debe acreditarse a titulación de especialista en Ciencias da Saúde nunha das especialidades incluídas na comisión de docencia de que se trate.

4. En cada convocatoria estableceranse os criterios de valoración, que deberán recoller como mínimo:

a) A traxectoria profesional asistencial, docente e de investigación.

b) A experiencia en formación especializada: o desenvolvemento de funcións de xefatura de estudos, de titorías en formación especializada, de labores de coordinación, de colaboración docente ou participación nun centro sanitario docente acreditado para a formación especializada.

c) A experiencia e formación en liderado e xestión de equipos humanos, en metodoloxía docente e avaliativa, planificación, organización e xestión de recursos e calidade.

d) A presentación dun proxecto de actividade con obxectivos e liñas de acción que conteñan indicadores dirixidos á promoción da docencia e ao exercicio das funcións de titoría.

Así mesmo, poderá establecerse calquera outro criterio obxectivo de valoración, debidamente xustificado, en función das características propias da entidade titular do centro sanitario docente ou unidade docente.

5. O órgano de que dependa funcionalmente a unidade docente correspondente realizará o nomeamento da persoa responsable da Xefatura de Estudos, oída a comisión de docencia correspondente, que, no caso de entidades públicas, se publicará no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 23. Causas de cesamento da Xefatura de Estudos de formación sanitaria especializada

A persoa responsable da Xefatura de Estudos perderá a súa condición por algunha ou algunhas das seguintes causas:

a) A suspensión da acreditación docente do centro sanitario docente ou unidade docente, nos cales exerce a función como persoa responsable da Xefatura de Estudos, por parte do ministerio competente en materia de sanidade.

b) A avaliación desfavorable no desempeño do cargo.

c) A desvinculación laboral do centro sanitario docente onde se desempeñan as funcións de persoa responsable da Xefatura de Estudos.

d) Calquera outro motivo obxectivo que impida ou imposibilite o desempeño do cargo.

Artigo 24. Funcións da Xefatura de Estudos de formación sanitaria especializada

As persoas que ocupen as xefaturas de estudos de formación sanitaria especializada asumirán a representación das comisións de docencia correspondentes e corresponderalles o exercicio das seguintes funcións:

a) Dirixir e coordinar as actividades docentes das persoas titoras e realizar a interlocución cos responsables asistenciais de todos os dispositivos da unidade ou centro sanitario docente, co fin de garantir unha adecuada coordinación.

b) Coordinarse cos presidentes e presidentas doutras comisións de docencia que teñan dispositivos docentes no propio centro sanitario docente e, de ser o caso, con outros niveis docentes.

c) Coordinar a ocupación das diferentes unidades asistenciais por estudantes e profesionais en prácticas de calquera nivel formativo, velando por que non se exceda a capacidade para a docencia do centro sanitario docente e de cada unha das súas unidades docentes.

d) Supervisar a aplicación práctica dos programas formativos das diferentes especialidades, e promover e supervisar a formación das persoas residentes en competencias comúns.

e) Acordar e subscribir cos correspondentes órganos de dirección do centro sanitario docente, en representación da Comisión de Docencia, o protocolo de supervisión das persoas residentes, segundo a normativa vixente, coordinando a súa aplicación e revisión periódica.

f) Promover, potenciar e supervisar o cumprimento do proceso de avaliación global da docencia, das persoas residentes, das persoas titoras e da estrutura docente.

g) Convocar e presidir os comités de avaliación anual, dirimindo co seu voto os empates que se produzan.

h) Supervisar o plan de xestión da calidade docente do centro sanitario docente ou da unidade docente e coordinar cos correspondentes órganos de dirección o seu seguimento e cumprimento.

i) Xestionar os recursos persoais e materiais asignados á Comisión de Docencia, elaborando o plan anual de necesidades.

j) Aprobar a resolución de acreditación ou reacreditación que habilita para o desempeño das funcións de titoría.

k) Supervisar o cumprimento dos obxectivos docentes aprobados pola Dirección do centro sanitario docente e a elaboración da memoria anual de actividades docentes.

l) Promover, fomentar e definir liñas e actividades de investigación, relacionadas coas especialidades en consonancia cos plans de saúde da Comunidade Autónoma e programas I+D, relacionados coa formación sanitaria especializada.

m) Ordenar a inserción no taboleiro de anuncios dos avisos e resolucións da Comisión de Docencia que requiran publicación e inserir a dilixencia relativa á data de publicación que en cada caso corresponda.

n) Garantir a correcta remisión, en tempo e forma, das avaliacións e demais documentación que se deba trasladar ao Rexistro de Especialistas en Formación do ministerio competente en materia de sanidade.

ñ) Fomentar a formación continuada das persoas titoras, participando na elaboración de programas formativos para ese efecto.

o) Realizar os informes que solicite a consellería con competencias en materia de sanidade e o ministerio competente en materia de sanidade.

p) Programar e desenvolver, anualmente, as actividades de formación definidas no programa común ou no programa de formación teórica das especialidades que o recollan.

q) Promover e fomentar actividades relacionadas con metodoloxías docentes e educativas para a formación especializada en Ciencias da Saúde.

r) Todas aquelas funcións que lles asigne a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde ou lles atribúan as disposicións en materia de formación sanitaria especializada.

Artigo 25. Dedicación á Xefatura de Estudos de formación sanitaria especializada

A persoa responsable da Xefatura de Estudos disporá, para a adecuada realización das súas funcións, dunha dedicación específica dentro da súa xornada laboral, que estará en relación co número de persoas residentes do centro sanitario docente ou unidade docente; deberán terse en conta a estrutura do centro, unidades acreditadas, número de dispositivos docentes que o integran, a existencia ou non doutras figuras docentes e tipo de comisión de docencia.

Establécese unha dedicación mínima do 20% da xornada laboral. Segundo os criterios anteriores, o tempo de traballo oscilará entre o mínimo establecido e a dedicación completa, de acordo co que se estableza nas bases da correspondente convocatoria. En todo caso, o tempo de dedicación poderá acumularse de forma que, en función das necesidades, poidan resultar porcentaxes maiores nuns períodos que noutros.

Artigo 26. Avaliación das xefaturas de estudos de formación sanitaria especializada

1. De conformidade co establecido no artigo 10 da Lei 44/2003, do 21 de novembro, as funcións relativas á xefatura ou coordinación de unidades e equipos sanitarios e asistenciais, as de titorías e organización de formación sanitaria especializada teñen a consideración de funcións de xestión clínica, e o seu exercicio estará sometido á avaliación periódica do desempeño e dos resultados.

2. A avaliación será realizada, cada catro anos, polo órgano de que dependa funcionalmente a unidade docente de que se trate e deberá documentarse adecuadamente. Para tal fin, designará unha comisión avaliadora.

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde poderá fixar períodos de avaliación menores, tendo en conta, entre outros factores, os avances ou cambios en materia de xestión da docencia no ámbito sanitario.

O resultado da avaliación poderá determinar, de ser o caso, a confirmación ou remoción do posto.

3. Para a avaliación teranse en conta:

a) O adecuado cumprimento das súas funcións.

b) O cumprimento dos obxectivos establecidos. Singularmente, daqueles establecidos nos plans estratéxicos e no plan de xestión da calidade docente do centro sanitario docente ou unidade docente de que se trate.

c) O resultado de auditorías, internas ou externas, que, de ser o caso, se realicen.

d) O resultado das enquisas de satisfacción realizadas entre especialistas en formación.

Artigo 27. Recoñecemento e incentivación do labor de Xefatura de Estudos de formación sanitaria especializada

1. De conformidade co establecido no artigo 10 da Lei 44/2003, do 21 de novembro, o exercicio das funcións da Xefatura de Estudos será obxecto do oportuno recoñecemento por parte do centro sanitario docente ou unidade docente do Servizo Galego de Saúde e do conxunto do sistema sanitario.

2. No ámbito público, o exercicio das funcións correspondentes ás xefaturas de estudos de formación sanitaria especializada será recoñecido e incentivado mediante:

a) A expedición de certificados, emitidos polo órgano de que dependa funcionalmente a unidade docente de que se trate, acreditativos do nomeamento, do tempo de desempeño das súas funcións e, de ser o caso, dos resultados da avaliación ou avaliacións realizadas.

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde será a responsable de establecer os modelos de certificados comúns para toda a Comunidade Autónoma.

b) O recoñecemento profesional do desempeño das funcións da Xefatura de Estudos na carreira profesional, dentro da categoría que teña cada persoa responsable da Xefatura de Estudos.

c) A oferta de actividades de formación.

Coa finalidade de facilitar a mellora da súa competencia na práctica clínica e nas metodoloxías docentes, a Administración sanitaria promoverá que as persoas que ocupen as xefaturas de estudos realicen actividades de formación continuada sobre aspectos relacionados co coñecemento e aprendizaxe de métodos educativos, avaliación, técnicas de comunicación, metodoloxía da investigación, xestión de calidade, motivación, aspectos éticos da profesión ou aspectos relacionados cos contidos do programa formativo.

d) O recoñecemento das funcións da Xefatura de Estudos, como mérito específico, nas correspondentes convocatorias de provisión de prazas e postos de traballo en centros e unidades acreditados para a formación sanitaria especializada do Sistema público de saúde de Galicia. Considerarase, entre outros, o tempo exercido como persoa responsable da Xefatura de Estudos.

3. No caso das xefaturas de estudos de formación sanitaria especializada que dependan funcionalmente da Xerencia dun centro sanitario do Servizo Galego de Saúde, terán a consideración de xefatura de servizo de carácter docente, non asistencial, cun complemento retributivo vinculado ao ámbito, peculiaridades e desempeño das súas funcións docentes.

4. No ámbito privado, este recoñecemento do labor desenvolvido pola persoa responsable da Xefatura de Estudos de formación sanitaria especializada reflectirase, como mínimo, no desenvolvemento profesional previsto polo centro ou entidade privada de que se trate.

Subsección 2ª. Titoría

Artigo 28. Concepto de titoría de formación sanitaria especializada

1. De conformidade co artigo 11.1. do Real decreto 183/2008, do 8 de febreiro, o/a titor/a é o/a profesional especialista en servizo activo que, estando acreditado/a como tal, ten a misión de planificar e colaborar activamente na aprendizaxe dos coñecementos, habilidades e actitudes da persoa residente co fin de garantir o cumprimento do programa formativo da especialidade de que se trate. Para iso, asume a responsabilidade do proceso de ensino e aprendizaxe da persoa residente da súa especialidade, mantendo con esta unha relación continua e estruturada ao longo de todo o período formativo. Así mesmo, manterá un contacto periódico co resto de persoas que exercen a titoría e con outros/as profesionais que interveñan na formación do persoal residente, para analizar o proceso continuado de aprendizaxe e elaborar os correspondentes informes de avaliación formativa.

2. De conformidade co artigo 11.3. do Real decreto 183/2008, do 8 de febreiro, a persoa encargada da titoría de formación sanitaria especializada, salvo causa xustificada ou situacións específicas derivadas da incorporación de criterios de troncalidade na formación de especialistas, será a mesma durante todo o período formativo e terá asignados ata un máximo de cinco residentes.

Artigo 29. Funcións das titorías de formación sanitaria especializada

Correspóndelle á persoa encargada da titoría de formación sanitaria especializada o exercicio das seguintes funcións:

a) Identificar as necesidades de formación e os obxectivos de aprendizaxe da persoa especialista en formación.

b) Propor á Comisión de Docencia, de acordo coas outras persoas titoras da especialidade e coa persoa responsable do dispositivo asistencial, a guía ou itinerario formativo tipo de acordo co programa oficial da especialidade, que será aplicable a todas as persoas residentes que se formen na unidade docente.

c) Elaborar o plan individual de formación de cada persoa residente da unidade docente, adaptando a guía ou itinerario formativo tipo, en coordinación coas persoas responsables dos dispositivos asistenciais e co resto dos/das docentes que interveñan no proceso formativo. Así mesmo, poderá propor as adaptacións da mencionada guía ao plan de formación individual de cada persoa residente.

d) Organizar, coordinar, dirixir e controlar o desenvolvemento do programa docente de cada persoa residente ao seu cargo, así como o seu programa formativo individual. Todo iso en estreita relación co responsable asistencial da unidade docente, co fin de lograr os obxectivos propostos para o seu período de formación.

e) Orientar a persoa residente durante todo o período formativo, establecendo un sistema de seguimento periódico, documentado e continuado da aprendizaxe a través de entrevistas persoa titora-persoa residente. Así mesmo, supervisará que a persoa residente cubra o libro da persoa especialista en formación ou calquera instrumento autorizado que o substitúa.

f) Fomentar a actividade docente e de investigación da persoa residente, asesorando e supervisando, se procede, os seus traballos na materia.

g) Favorecer a asunción progresiva por parte da persoa residente de responsabilidades na tarefa asistencial, e impartir as instrucións específicas sobre o grao de responsabilidade asumible das persoas residentes ao seu cargo, e do resto de profesionais que participen no seu proceso formativo, segundo a valoración individual do proceso de adquisición de competencias.

h) Ser o referente e o interlocutor da persoa residente, resolvendo as incidencias que se poidan producir coa organización e velando polos seus intereses docentes e formativos.

i) Propor as rotacións externas do programa formativo á Comisión de Docencia, especificando os seus obxectivos.

j) Aplicar, de acordo cos criterios establecidos pola Comisión de Docencia, o protocolo de supervisión das persoas residentes da unidade docente, seguindo a súa evolución nos diferentes dispositivos onde se formen.

k) Informar a Comisión de Docencia das actividades docentes da persoa especialista en formación que impliquen a solicitude de permisos, así como de todas aquelas que realice no ámbito da organización sanitaria e que complementen o seu proceso de aprendizaxe.

l) Asesorar a Comisión de Docencia en relación co programa formativo da unidade e propor as actividades de mellora da calidade docente na súa unidade, participando no seu desenvolvemento.

m) Asistir, colaborar e participar en actividades non asistenciais do centro sanitario docente ou unidade docente en relación coa formación de persoas residentes, así como nas organizadas especificamente para persoas titoras sobre as competencias que lles son propias.

n) Servir de enlace con profesionais doutros servizos onde realiza a formación a persoa residente, concertando sesións específicas de titoría ou mantendo entrevistas periódicas para analizar o proceso continuado de aprendizaxe e os correspondentes informes de avaliación formativa que incluirán os das rotacións realizadas.

ñ) Realizar entrevistas periódicas estruturadas e pactadas co persoal residente asignado, e utilizar outros instrumentos de seguimento do progreso na adquisición de competencias por parte da persoa residente, definidos no programa da especialidade correspondente.

o) Revisar en tempo e forma as avaliacións das rotacións, cursos e outras actividades docentes realizadas pola persoa residente.

p) Verificar que o/a especialista en formación vai adquirindo as competencias profesionais recollidas no programa oficial da especialidade de que se trate.

q) Elaborar o informe anual de avaliación da persoa residente.

r) Participar no Comité de Avaliación da persoa residente e, de ser o caso, acompañala no acto de revisión despois dunha avaliación anual negativa non recuperable.

s) Fomentar a actividade docente e de investigación da persoa residente, asesorando e supervisando, se procede, os seus traballos na materia.

t) Calquera outra función destinada á planificación, xestión, supervisión, asesoramento e avaliación de todo o proceso de formación da persoa residente, no contexto da organización sanitaria e da revisión das guías ou itinerarios formativos da especialidade.

Artigo 30. Acreditación das titorías de formación sanitaria especializada

1. A resolución de acreditación que habilita para o desempeño das funcións de titoría corresponderalle á persoa responsable da Xefatura de Estudos de formación sanitaria especializada correspondente.

2. Para garantir a axilidade do procedemento de acreditación de persoas titoras, manterase un proceso aberto e permanente para a presentación de solicitudes de acreditación como titor ou titora de formación especializada polo sistema de residencia, e establecerase o perfil competencial da función titorial que, en todo caso, adecuarase ao perfil profesional de cada especialidade, no cal se valorarán, entre outros criterios, a actividade asistencial, docente e investigadora, e a relativa a competencias xenéricas.

3. A valoración dos méritos que acrediten os coñecementos necesarios e a adecuada capacitación dos/das profesionais que soliciten a acreditación que habilita para o desempeño das funcións de titoría de especialistas en Ciencias da Saúde realizaraa a Comisión de Docencia do centro sanitario docente a que pertenza a unidade docente ou a Comisión de Docencia da unidade docente correspondente ou, de ser o caso, un comité de valoración dependente dalgunha delas, entre profesionais que, cando menos, cumpran os seguintes requisitos:

a) Estar en posesión do título oficial de especialista na especialidade convocada.

b) Estar en situación de servizo activo.

c) Xustificar unha experiencia profesional previa dun ano, como mínimo, desenvolvendo unha actividade asistencial específica da especialidade de que se trate.

4. A Comisión de Docencia deberá remitir a relación de persoas titoras acreditadas, así como as correspondentes actualizacións, á Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde.

Artigo 31. Nomeamento das titorías de formación sanitaria especializada

1. De conformidade coa epígrafe V do Acordo da Comisión de Recursos Humanos do Sistema Nacional de Saúde polo que se fixan criterios xerais relativos á composición e funcións das comisións de docencia, á figura do xefe de estudos de formación especializada e ao nomeamento do titor, publicado mediante a Orde SCO/581/2008, do 22 de febreiro, o nomeamento da persoa titora efectuarao o órgano directivo da entidade titular da unidade docente, por proposta da Comisión de Docencia e logo de informe do xefe da unidade asistencial da especialidade correspondente ou, de ser o caso, de Enfermaría, entre profesionais previamente acreditados, que presten servizos nos distintos dispositivos integrados no centro sanitario docente ou unidade docente e que teñan o título de especialista que proceda.

2. A proposta da Comisión de Docencia levarase a cabo tendo en conta a capacidade e as necesidades de formación na especialidade correspondente no centro sanitario docente ou unidade docente e a dispoñibilidade de profesionais acreditados nos ditos dispositivos.

3. O nomeamento comunicarase á Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde no prazo máximo dun mes.

Artigo 32. Substitución das titorías de formación sanitaria especializada

1. En caso de ausencia da persoa titora, derivada de permisos, vacacións, baixas médicas, horas sindicais ou outras situacións asimiladas, será a propia persoa titora, sempre que sexa posible, quen dea as indicacións oportunas para que non se resinta o desenvolvemento da actividade docente. De non ser posible, será a persoa responsable da Xefatura de Estudos do centro sanitario docente ou unidade docente de que se trate quen o faga.

2. Malia o anterior, cando as condicións da ausencia da persoa que exerce a titoría así o aconsellen, o órgano directivo da entidade titular do centro sanitario docente ou unidade docente, por proposta da persoa responsable da Xefatura de Estudos, adscribirá temporalmente ás persoas residentes a outra persoa titora da mesma unidade docente. De non ser posible, logo de informe da comisión de docencia correspondente, con carácter excepcional e provisionalmente durante o período de ausencia dunha persoa titora acreditada, adscribiranse a unha persoa especialista da unidade docente que reúna os requisitos para poder exercer as funcións de titoría, con todos os dereitos e deberes que por iso lle correspondan.

Artigo 33. Avaliación das titorías de formación sanitaria especializada

1. O desempeño da función de titoría será avaliado anualmente pola Comisión de Docencia, que emitirá un informe dirixido ao órgano directivo titular do centro sanitario docente ou da unidade docente, no cal se analice o cumprimento no exercicio das funcións establecidas e dos obxectivos docentes aprobados, de ser o caso, pola Dirección do centro sanitario docente.

Co obxecto de facilitar a dita avaliación, cada persoa titora deberá elaborar unha memoria anual sobre os labores desempeñados na súa titoría e, de ser o caso, o nivel de cumprimento dos obxectivos docentes aprobados pola Dirección do centro sanitario docente.

Os contidos mínimos da memoria, así como outros aspectos que cómpre valorar, comúns a todas as titorías, serán fixados pola Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde.

2. O resultado da avaliación anual será positivo ou negativo, en función de se se valida ou non o cumprimento no exercicio das súas funcións.

Artigo 34. Revogación da acreditación que habilita para o desempeño das funcións de titoría de formación sanitaria especializada

1. A persoa responsable da Xefatura de Estudos de formación sanitaria especializada correspondente, logo de informe da Comisión de Docencia, poderá acordar a revogación da acreditación dun titor ou titora nos seguintes supostos:

a) O incumprimento manifesto das súas funcións.

b) As reiteradas avaliacións negativas das persoas residentes suxeitas á súa titoría.

c) Avaliación anual negativa do desempeño da titoría.

d) Calquera outra causa grave que, por imprudencia, neglixencia ou dolo, lle sexa imputable e que o/a imposibilite ou inhabilite para o desenvolvemento da titoría.

2. Con carácter previo á remisión da proposta de revogación, darase traslado desta ao interesado ou interesada para que, no prazo de quince (15) días, formule as alegacións e presente a documentación que, de ser o caso, considere oportuna para a defensa dos seus intereses.

3. Finalizado o trámite de audiencia, e á vista das alegacións e da documentación que, de ser o caso, presente o interesado ou interesada, a persoa responsable da Xefatura de Estudos poderá resolver a aceptación das alegacións e o arquivamento do expediente ou ditar a resolución de revogación, e notificarallo ao interesado ou interesada.

4. Contra esta resolución cabe presentar recurso de alzada ante o órgano superior xerárquico do que o ditou.

5. A revogación da acreditación como titor ou titora comportará, de modo automático, a revogación do nomeamento e a finalización do exercicio das súas funcións e dos recoñecementos asociados a el.

6. No caso de revogación da acreditación como titor ou titora, para reincorporarse ás ditas funcións será necesario superar de novo o proceso de acreditación.

Artigo 35. Cesamento nas funcións de titoría de formación sanitaria especializada

1. Son causas de cesamento do exercicio das funcións de titoría as seguintes:

a) A suspensión da acreditación docente ou a desacreditación do centro sanitario docente ou unidade docente en que se exerce a función de titoría, por parte do ministerio con competencias en materia de formación sanitaria especializada.

b) A desvinculación laboral do posto de traballo desde o cal se exercen as funcións de titoría, que impida a continuidade destas.

c) A revogación da acreditación para as funcións de titoría.

c) Calquera outra circunstancia que, obxectivamente, imposibilite o exercicio das funcións.

Artigo 36. Formación e dedicación á titoría de formación sanitaria especializada

1. O departamento da Comunidade Autónoma con competencias en materia de sanidade facilitará a participación das persoas titoras e de todos/as os/as profesionais implicados na formación sanitaria especializada en programas específicos de formación. Principalmente nos relacionados coa mellora da competencia en áreas de práctica clínica e naquelas áreas competenciais propias da acción titorial, tales como planificación, coñecemento e desenvolvemento de métodos de aprendizaxe, avaliación, técnicas de comunicación, procura de información e xestión da docencia.

As persoas titoras terán preferencia na participación nas ditas actividades formativas realizadas polas entidades públicas encargadas da formación continuada, así como nas relacionadas coa súa especialidade.

2. Así mesmo, os órganos de que dependan as distintas unidades docentes adoptarán as medidas necesarias para asegurar que a persoa titora poida dispor dunha dedicación específica de tres horas por persoa residente e mes para o exercicio das funcións administrativas de titoría dentro do seu tempo de traballo. Esta medida producirá efecto desde a data do seu nomeamento como titor ou titora e terase en conta dentro do plan de traballo do/da profesional que exerce a titoría e da súa unidade asistencial correspondente.

Artigo 37. Recoñecemento e incentivación do labor de titoría de formación sanitaria especializada

1. De conformidade co establecido no artigo 10 da Lei 44/2003, do 21 de novembro, as funcións de titor ou titora terán a consideración de funcións de xestión clínica e serán obxecto do oportuno recoñecemento por parte do centro, do Servizo Galego de Saúde e do conxunto do sistema sanitario, na forma prevista neste artigo.

2. No ámbito público, o exercicio das titorías de formación sanitaria especializada será recoñecido e incentivado mediante:

a) A expedición de certificados, emitidos polo órgano de que dependa funcionalmente a unidade docente de que se trate, acreditativos do nomeamento, do tempo de desempeño das súas funcións e, de ser o caso, dos resultados da avaliación ou avaliacións realizadas.

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde será a responsable de establecer os modelos de certificados comúns para toda a Comunidade Autónoma.

b) O recoñecemento profesional do desempeño das funcións de titoría na carreira profesional, dentro da categoría que teña cada persoa titora.

c) A oferta de actividades de formación.

Coa finalidade de facilitar a mellora da súa competencia na práctica clínica e nas metodoloxías docentes, a Administración sanitaria promoverá que as persoas titoras realicen actividades de formación continuada sobre aspectos relacionados co coñecemento e aprendizaxe de métodos educativos, avaliación, técnicas de comunicación, metodoloxía da investigación, xestión de calidade, motivación, aspectos éticos da profesión ou aspectos relacionados cos contidos do programa formativo.

d) O recoñecemento das funcións de titoría, como mérito específico, nas correspondentes convocatorias de provisión de prazas e postos de traballo en centros sanitarios docentes e unidades docentes acreditados para a formación sanitaria especializada do Sistema público de saúde de Galicia. Considerarase, entre outros, o tempo exercido como titor ou titora.

3. No ámbito privado, este recoñecemento das funcións de titoría reflectirase, como mínimo, no desenvolvemento profesional previsto polo centro ou entidade privada de que se trate.

Subsección 3ª. Titoría de apoio

Artigo 38. Definición e funcións da titoría de apoio

1. As persoas titoras de apoio son profesionais especialistas en servizo activo que contribúen ao proceso de ensino e aprendizaxe dos/das residentes segundo o contido estruturado do seu programa formativo, asumindo a orientación, coordinación, supervisión e control das actividades realizadas pola persoa residente durante as rotacións obrigatorias establecidas nos programas formativos das diferentes especialidades e participando activamente na súa avaliación, en coordinación coa persoa titora principal.

Poderán ser á vez persoas titoras doutras persoas residentes da unidade docente ou colaboradores/as docentes doutras especialidades.

2. De ser o caso, as persoas titoras de apoio participarán activamente na supervisión e avaliación da persoa residente durante o período formativo de que se trate. A dita actividade levarase a cabo en coordinación co titor ou titora da persoa residente e trasladaralle os informes de rotación e as suxestións que considere necesarias para a adecuada formación dos/das residentes nas facetas que lle incumben.

3. Naqueles períodos en que a persoa titora de apoio exerza funcións efectivas de titoría, adoptaranse as medidas necesarias para asegurar que poida dispor dun tempo de dedicación adecuado para o exercicio destas funcións.

Artigo 39. Nomeamento das titorías de apoio

1. O nomeamento do titor ou titora de apoio efectuarao, cando o número de persoas residentes que roten pola unidade asistencial así o aconselle, o órgano directivo da entidade titular do centro sanitario docente ou unidade docente, por proposta da persoa responsable da Xefatura da unidade asistencial correspondente ou, de ser o caso, da Xefatura ou mando intermedio de Enfermaría, e co visto e prace da persoa responsable da Xefatura de Estudos de formación sanitaria especializada, entre profesionais en servizo activo coa titulación de especialista na especialidade correspondente á unidade de que se trate.

Os nomeamentos comunicaranse á Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde no prazo máximo dun mes.

As funcións asignadas deben constar no plan de xestión da calidade docente do centro sanitario docente ou unidade docente correspondente.

Artigo 40. Recoñecemento e incentivación do labor de titoría de apoio

1. No ámbito público, o exercicio das funcións das persoas titoras de apoio en formación sanitaria especializada será recoñecido e incentivado mediante:

a) A expedición de certificados, emitidos pola Comisión de Docencia de que se trate, acreditativos do nomeamento e do tempo de desempeño das súas funcións. A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde será a responsable de establecer os modelos de certificado comúns para toda a Comunidade Autónoma.

b) O recoñecemento profesional do desempeño das funcións de docencia na carreira profesional, dentro da categoría que teña cada persoa titora de apoio.

c) A oferta de actividades de formación.

Co fin de facilitar a mellora da súa competencia na práctica clínica e nas metodoloxías docentes, a Administración sanitaria promoverá que as persoas titoras de apoio realicen actividades de formación continuada sobre aspectos relacionados co coñecemento e aprendizaxe de métodos educativos, avaliación, técnicas de comunicación, metodoloxía da investigación, xestión de calidade, motivación, aspectos éticos da profesión ou aspectos relacionados cos contidos do programa formativo. As persoas titoras de apoio terán preferencia na participación nas ditas actividades formativas realizadas polas entidades públicas encargadas da formación continuada, así como nas relacionadas coa súa especialidade.

d) O recoñecemento das funcións de docencia, como mérito específico, nas correspondentes convocatorias de provisión de prazas e postos de traballo en centros sanitarios docentes e unidades docentes acreditados para a formación sanitaria especializada do Sistema público de saúde de Galicia. Considerarase, entre outros, o tempo exercido como persoa titora de apoio.

2. No ámbito privado, este recoñecemento das funcións de persoas titoras de apoio reflectirase, como mínimo, no desenvolvemento profesional previsto polo centro ou entidade privada de que se trate.

Subsección 4ª. Colaboración docente

Artigo 41. Concepto e funcións da colaboración docente

1. O colaborador ou colaboradora docente é o/a profesional en servizo activo, pertencente aos diferentes dispositivos da unidade docente en que o/a especialista en formación realiza as rotacións establecidas no programa da correspondente especialidade, que participa no proceso de adquisición de competencias incluídas no programa correspondente, asumindo a orientación, a supervisión e o control das actividades que realiza durante as ditas rotacións.

2. Os colaboradores ou colaboradoras docentes poderán participar na avaliación da aprendizaxe e das competencias adquiridas polo persoal especialista en formación durante a rotación, de forma coordinada coa súa persoa titora, no caso de que na correspondente unidade non se conte cunha persoa titora de apoio nomeada.

Así mesmo, tamén desenvolven tarefas de colaboración docente os/as profesionais que participen activamente en actividades formativas específicas das persoas residentes, como cursos, obradoiros e outras actividades análogas.

Artigo 42. Nomeamento na colaboración docente

1. O nomeamento do colaborador ou da colaboradora efectuarao o órgano directivo da entidade titular do centro sanitario docente ou unidade docente entre profesionais que se encontren en servizo activo, por proposta da persoa responsable da Xefatura da unidade asistencial correspondente ou, de ser o caso, da Xefatura ou mando intermedio de Enfermaría.

Os nomeamentos comunicaranse á Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde.

As funcións asignadas deben constar no plan de xestión da calidade docente do centro sanitario docente ou unidade docente correspondente.

Artigo 43. Recoñecemento e incentivación do labor de colaboración docente

1. No ámbito público, o exercicio das funcións de colaboración en formación sanitaria especializada será recoñecido e incentivado mediante:

a) A expedición de certificados, emitidos pola Comisión de Docencia de que se trate, acreditativos do nomeamento e do tempo de desempeño das súas funcións. A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde será a responsable de establecer os modelos de certificado comúns para toda a Comunidade Autónoma.

b) O recoñecemento profesional do desempeño das funcións de docencia na carreira profesional, dentro da categoría que teña cada colaborador/a docente.

c) A oferta de actividades de formación.

Co fin de facilitar a mellora da súa competencia na práctica clínica e nas metodoloxías docentes, a Administración sanitaria promoverá que os/as colaboradores docentes realicen actividades de formación continuada sobre aspectos relacionados co coñecemento e aprendizaxe de métodos educativos, avaliación, técnicas de comunicación, metodoloxía da investigación, xestión de calidade, motivación, aspectos éticos da profesión ou aspectos relacionados cos contidos do programa formativo.

d) O recoñecemento das funcións de docencia, como mérito específico, nas correspondentes convocatorias de provisión de prazas e postos de traballo en centros sanitarios docentes e unidades docentes acreditados para a formación sanitaria especializada do Sistema público de saúde de Galicia. Considerarase, entre outros, o tempo exercido como colaborador/a docente.

2. No ámbito privado, este recoñecemento das funcións de colaboración reflectirase, como mínimo, no desenvolvemento profesional previsto polo centro ou entidade privada de que se trate.

Subsección 5ª. Coordinación docente

Artigo 44. Concepto e funcións da coordinación docente

1. O coordinador ou coordinadora docente é un profesional dun centro sanitario docente ou unidade docente, acreditado para a formación de persoas residentes, que, con independencia das tarefas de titoría ou colaboración que poida ter encomendadas, desenvolve funcións de coordinación tanto de grupos de persoas titoras como de residentes, co obxecto de facilitar un adecuado desenvolvemento da actividade docente.

2. Son coordinadores ou coordinadoras docentes:

a) O coordinador ou coordinadora hospitalario de atención familiar e comunitaria, que coordina e supervisa as rotacións das persoas residentes nos dispositivos hospitalarios e actúa como enlace entre a Comisión de Docencia do hospital e a Comisión de Docencia da unidade de familia.

b) O coordinador ou coordinadora de áreas asistenciais de grande afluencia de persoas residentes, como poden ser as urxencias, que coordina e supervisa a distribución por elas de persoas residentes e outros/as profesionais en formación.

c) O coordinador ou coordinadora das persoas que exercen a titoría.

Artigo 45. Nomeamento das persoas coordinadoras docentes

As persoas coordinadoras docentes serán nomeadas polo órgano de que dependa funcionalmente a unidade docente de que se trate, por proposta da persoa responsable da Xefatura de Estudos de formación sanitaria especializada correspondente.

Artigo 46. Recoñecemento e incentivación do labor de coordinación docente

1. No ámbito público, o exercicio das funcións de coordinación en formación sanitaria especializada será recoñecido e incentivado mediante:

a) A expedición de certificados, emitidos pola Comisión de Docencia de que se trate, acreditativos do nomeamento e do tempo de desempeño das súas funcións.

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde será a responsable de establecer os modelos de certificados comúns para toda a Comunidade Autónoma.

b) O recoñecemento profesional do desempeño das funcións de coordinación na carreira profesional, dentro da categoría que teña cada coordinador ou coordinadora.

c) A oferta de actividades de formación.

Coa finalidade de facilitar a mellora da súa competencia na práctica clínica e nas metodoloxías docentes, a Administración sanitaria promoverá que os coordinadores e as coordinadoras docentes realicen actividades de formación continuada sobre aspectos relacionados co coñecemento e aprendizaxe de métodos educativos, avaliación, técnicas de comunicación, metodoloxía da investigación, xestión de calidade, motivación, aspectos éticos da profesión ou aspectos relacionados cos contidos do programa formativo.

d) O recoñecemento das funcións de coordinación, como mérito específico, nas correspondentes convocatorias de provisión de prazas e postos de traballo en centros sanitarios docentes e unidades docentes acreditados para a formación sanitaria especializada do Sistema público de saúde de Galicia. Considerarase, entre outros, o tempo exercido como coordinador ou coordinadora.

2. No ámbito privado, este recoñecemento das funcións de coordinación reflectirase, como mínimo, no desenvolvemento profesional previsto polo centro ou entidade privada de que se trate.

Subsección 6ª. Outras figuras docentes

Artigo 47. Xefatura da unidade asistencial. Concepto e funcións

1. A persoa que exerza a xefatura da unidade asistencial correspondente é a responsable da organización e asignación de tarefas asistenciais e docentes no seu ámbito de competencia, de modo que se asegure e garanta o adecuado desenvolvemento de ambas.

2. As xefaturas das unidades asistenciais realizan, neste ámbito, as seguintes funcións:

a) A elaboración do acordo anual de xestión docente da súa unidade, que incluirá a asignación de tarefas docentes concretas ao persoal sanitario ao seu cargo e, logo do visto e prace da Comisión de Docencia, a súa elevación á Xerencia ou ao órgano directivo da entidade titular do centro a que a unidade docente estea adscrito, para a súa aprobación.

b) Supervisar a guía ou itinerario formativo tipo da especialidade proposto pola persoa titora de acordo co programa da especialidade e aplicable ás persoas residentes da especialidade que se formen na unidade docente. Aínda que non asume persoalmente funcións de titoría, debe velar por facilitar o desenvolvemento da guía, tras a súa aprobación por parte da Comisión de Docencia.

c) Facilitar o desenvolvemento do programa docente de cada persoa residente en formación na súa unidade, en estreita colaboración coas persoas titoras e colaboradoras docentes, co fin de acadar os obxectivos propostos para todas as persoas residentes que, en cumprimento dos programas formativos, teñan que rotar polo seu ámbito de actuación.

3. As persoas responsables das xefaturas das unidades asistenciais de que dependan as persoas residentes que se formen en unidades docentes multiprofesionais establecerán de común acordo os criterios de colaboración docente, co fin de acadar os obxectivos propostos nos correspondentes programas formativos.

Artigo 48. Persoal técnico de apoio á formación

1. É o profesional ou a profesional con titulación superior que, sen ser titor ou titora de persoas residentes, leva a cabo tarefas encomendadas pola Comisión de Docencia en materia de calidade da docencia, estatística, investigación, xestión de fondos e recursos documentais, así como calquera outra necesaria para a execución dos programas das distintas especialidades.

2. O persoal técnico de apoio á formación debe dispor dunha dedicación específica a estas tarefas dentro do seu tempo de traballo, que será establecido en función das características de cada centro sanitario docente ou unidade docente.

O número de persoal técnico e a súa dedicación ao centro sanitario docente ou unidade docente dependerá do número de persoas residentes en formación e das peculiaridades locais, tales como a dispersión xeográfica, os centros adscritos, as actividades programadas, etc.

3. No caso das comisións de docencia cun importante número de especialidades e persoas residentes, determinarase cando menos un posto de xefatura de sección, responsable das tarefas administrativas que deriven da xestión da formación especializada.

Artigo 49. Estrutura de apoio á formación especializada

1. A estrutura formativa dos centros sanitarios docentes e unidades docentes deberá dispor dos recursos humanos, materiais e organizativos exixidos en cada caso para a acreditación docente e para atender o funcionamento administrativo de todos os órganos colexiados e unipersoais docentes.

2. Cada centro sanitario docente atenderá, con cargo aos seus medios persoais e materiais, a constitución e o funcionamento dos órganos docentes regulados nesta disposición, e a dedicación deste persoal será establecida pola Dirección do centro por proposta da Comisión de Docencia, garantíndose así o cumprimento das funcións propias que ten encomendadas.

CAPÍTULO IV Competencias transversais

Artigo 50. Competencias transversais

1. A adquisición de competencias transversais por parte dos especialistas en formación ten carácter obrigatorio.

2. As persoas titoras establecerán no plan individual de formación as competencias transversais que cada especialista en formación deba adquirir en cada ano de formación en materias como o compromiso cos principios e valores do Sistema nacional de saúde, a bioética e o profesionalismo, os principios legais do exercicio das especialidades en Ciencias da Saúde, a equidade e os determinantes sociais, a práctica baseada na evidencia e na toma de decisións compartidas, a seguridade de pacientes e de profesionais, a comunicación clínica, o traballo en equipo, a metodoloxía da investigación, o uso racional dos recursos diagnósticos, terapéuticos e de coidados, a capacitación dixital das persoas especialistas, o desenvolvemento de competencias persoais, a formación en igualdade entre mulleres e homes e en prevención e loita contra a violencia de xénero, ou outras que se consideren de interese, tendo en conta as propostas, de ser o caso, da Comisión de Docencia de que dependa.

3. Será requisito indispensable para recibir unha avaliación positiva ao finalizar cada ano do seu período de formación que a persoa especialista en formación acredite que adquiriu, como mínimo, as competencias transversais fixadas no dito plan.

De acordo co previsto no artigo 22 do Real decreto 183/2008, do 8 de febreiro, no suposto de que non se obteña a avaliación positiva anual por esta causa, o Comité de Avaliación establecerá unha recuperación específica programada que a persoa especialista en formación deberá realizar dentro dos tres primeiros meses do seguinte ano formativo, conxuntamente coas actividades programadas deste. O seguimento do programa e a prórroga anual do correspondente contrato polo restantes nove meses quedarán supeditados á avaliación positiva do mencionado período de recuperación.

CAPÍTULO V Rotacións externas

Artigo 51. Concepto de rotacións externas

1. De conformidade co previsto no artigo 21 do Real decreto 183/2008, do 8 de febreiro, considéranse rotacións externas os períodos formativos que se leven a cabo en centros ou dispositivos non previstos no programa de formación nin na acreditación outorgada ao centro sanitario docente ou unidade docente.

2. Teñen como obxectivo a ampliación de coñecementos ou a aprendizaxe de técnicas que non se practican no centro sanitario docente ou unidade docente e que, segundo o propio programa de formación, son necesarias ou complementarias a este.

3. As rotacións previstas no programa de formación ou na acreditación outorgada ao centro sanitario docente ou unidade docente en que se desenvolva terán a condición de rotacións internas ou de programa e non precisarán da autorización que se recolle neste capítulo.

Artigo 52. Requisitos das rotacións externas

1. De conformidade co previsto no artigo 21.2 do Real decreto 183/2008, do 8 de febreiro, para a autorización das rotacións externas será necesario:

a) Que sexan propostas pola persoa titora á Comisión de Docencia, establecendo os obxectivos que se pretenden conseguir, que deben referirse á ampliación de coñecementos ou á aprendizaxe de técnicas non practicadas no centro sanitario docente ou unidade docente e que, segundo o programa de formación, son necesarias ou complementarias deste.

b) Que se realicen, preferentemente, en centros acreditados para a docencia ou en centros nacionais ou estranxeiros de recoñecido prestixio.

c) Que conten coa conformidade da Xerencia da área sanitaria ou da unidade ou centro sanitario docente de orixe, que se comprometerá expresamente a continuar aboando á persoa residente a totalidade das súas retribucións, incluídas as que deriven da atención continuada que realice durante a rotación externa.

d) Que conten coa conformidade expresa da Comisión de Docencia de destino; para estes efectos teranse en conta as posibilidades docentes do dispositivo onde se realice a rotación.

2. No caso das rotacións externas en centros ou unidades non acreditados para a formación especializada, ou en centros estranxeiros, será preciso que se recolla unha xustificación da elección efectuada, en detrimento dun centro sanitario docente ou unidade docente acreditado, en relación co valor engadido que representan para a formación da persoa residente e sobre o grao de excelencia que debe garantir o período formativo.

3. De conformidade co previsto no artigo 21.2 do Real decreto 183/2008, do 8 de febreiro, nas especialidades cuxa duración sexa de catro anos ou máis, as rotacións externas non poderán superar os catro meses continuados en cada período de avaliación anual, nin os doce meses no conxunto do período formativo da respectiva especialidade. Nas especialidades cuxa duración sexa un, dous ou tres anos, o período de rotación non poderá superar os dous, catro ou sete meses, respectivamente, no conxunto do período formativo da correspondente especialidade.

4. Non se autorizarán rotacións externas no primeiro ano de formación, excepto nas especialidades dun ou dous anos de duración, nin nos períodos que coincidan co período de avaliación anual da persoa especialista en formación.

5. Non se autorizarán rotacións externas de ningunha especialidade nos últimos tres meses previos á finalización da formación sanitaria especializada.

Artigo 53. Autorización das rotacións externas

1. A autorización das rotacións externas das persoas residentes en formación nos centros sanitarios docentes e nas unidades docentes da Comunidade Autónoma de Galicia corresponderalle á Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde.

2. A Comisión de Docencia correspondente presentará a proposta de rotación externa á Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, cunha antelación mínima de dous meses ao inicio da súa realización, xuntando a esta a documentación recollida no artigo anterior e especificando os motivos que imposibilitan ou desaconsellan a aprendizaxe no propio centro sanitario docente e que xustifican a necesidade da rotación externa para dar cumprimento ao programa formativo da persoa especialista en formación.

3. A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde deberá valorar a proposta de rotación externa e resolverá no prazo máximo de dous meses desde a data da súa entrada. A dita resolución será comunicada á Comisión de Docencia de orixe e con copia á Comisión de Docencia de destino no caso de autorización da proposta.

Artigo 54. Rotacións externas sistemáticas

1. Naqueles casos en que as rotacións externas se repitan habitualmente desde o mesmo centro sanitario docente e unidade docente de orixe e cara ao mesmo centro e unidade docente de destino, para o mesmo ano de residencia e cos mesmos obxectivos, entenderase que se trata de rotacións externas sistemáticas e poderase formalizar un convenio de colaboración entre o centro de orixe e o centro de destino, en que se establezan os obxectivos que se pretenden conseguir, que deben referirse á ampliación de coñecementos ou á aprendizaxe de técnicas non practicadas no centro ou unidade e que, segundo o programa de formación, son necesarias ou complementarias deste.

2. A competencia para á formalización destes convenios corresponderalle á Xerencia da área sanitaria do Servizo Galego de Saúde ou órgano directivo equivalente da entidade titular do centro sanitario docente ou da unidade docente de que se trate.

3. Incorporaranse de forma preceptiva á tramitación destes convenios de colaboración os seguintes informes:

a) O compromiso expreso da Xerencia do centro sanitario docente ou unidade docente de orixe de continuar aboando a totalidade das retribucións das persoas residentes que realicen estas rotacións externas.

b) A conformidade, tamén expresa, da Comisión de Docencia de destino.

4. Cando nos ditos convenios de colaboración participen centros sanitarios docentes ou unidades docentes da Comunidade Autónoma de Galicia, deberán ser autorizados pola Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, previamente á súa formalización.

5. As persoas titoras poderán proporlle á Comisión de Docencia correspondente a realización de rotacións das persoas residentes ao seu cargo, sen que sexa necesaria a autorización individual das rotacións externas que se leven a cabo en execución destes convenios.

6. Anualmente, as comisións de docencia deberán de comunicar á Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde a relación nominal do persoal residente afectado polas rotacións externas de carácter sistemático, así como calquera cambio que se produza neste sentido.

Artigo 55. Avaliación das rotacións externas

1. De conformidade co previsto no artigo 21.3 do Real decreto 183/2008, do 8 de febreiro, o centro onde se realizou a rotación externa emitirá o correspondente informe de avaliación seguindo os mesmos parámetros que nas rotacións internas previstas no programa formativo, e será responsabilidade da persoa residente o traslado do dito informe á Secretaría da Comisión de Docencia de orixe para a súa avaliación en tempo e forma.

2. A persoa residente deberá difundir os coñecementos adquiridos na rotación externa, no caso de considerarse de interese por parte da persoa titora correspondente tendo en conta as súas circunstancias concretas, a través dunha sesión formativa determinada pola dita persoa titora.

CAPÍTULO VI Supervisión de especialistas en formación

Artigo 56. Deber xeral de supervisión

Todas as obrigas e funcións asumidas polos órganos colexiados e unipersoais de carácter docente regulados neste decreto se entenden, de acordo co artigo 14 do Real decreto 183/2008, do 8 de febreiro, sen prexuízo do deber xeral de supervisión inherente a todos/as os/as profesionais que presten servizos nas distintas unidades asistenciais de atención primaria e hospitalaria onde se formen as persoas residentes. Os/as ditos/as profesionais estarán obrigados/as a informar as persoas titoras sobre as actividades realizadas polas persoas especialistas en formación.

Artigo 57. Supervisión e responsabilidade progresiva da persoa residente

1. De conformidade co artigo 15.1 do Real decreto 183/2008, do 8 de febreiro, o sistema formativo de residencia implicará e promoverá a asunción progresiva de responsabilidades na especialidade que se estea cursando e un nivel decrecente de supervisión, a medida que avanza na adquisición das competencias previstas no programa formativo, ata acadar o grao de responsabilidade inherente ao exercicio autónomo da profesión sanitaria de especialista.

2. Para graduar a supervisión das actividades que realicen as persoas especialistas en formación durante o seu período formativo elaboraranse os correspondentes protocolos de supervisión, que deberán ter en conta o establecido no capítulo V do Real decreto 183/2008, do 8 de febreiro.

Artigo 58. Protocolos de supervisión

1. Os protocolos de supervisión son os documentos que recollen as políticas e os procedementos aprobados polas comisións de docencia para graduar a supervisión das actividades que leve a cabo o persoal especialista en formación nas diferentes áreas asistenciais, promovendo a incorporación progresiva da persoa residente á actividade asistencial de forma autónoma e a participación activa en todas as actividades do seu centro sanitario docente ou unidade docente.

2. Corresponderalle á persoa que asuma a presidencia da Comisión de Docencia acordar e subscribir cos correspondentes órganos de dirección do centro sanitario docente ou unidade docente os protocolos de supervisión das persoas residentes. Tamén lle corresponderá levar a cabo a adecuada difusión destes protocolos entre o persoal especialista en formación, persoas titoras, colaboradores docentes e outras figuras docentes.

3. Corresponderalle á Comisión de Docencia velar polo cumprimento dos protocolos de supervisión establecidos e propor a actualización periódica destes cando se considere necesario.

Artigo 59. Niveis de supervisión

Os protocolos recollerán tres niveis de supervisión:

a) Supervisión a demanda. A dita supervisión está asociada a unha responsabilidade máxima. As habilidades adquiridas permiten á persoa residente levar a cabo actuacións de maneira independente, sen necesidade de titorización directa. A persoa residente executa as actividades e informa o profesional responsable, e solicita supervisión se o considera necesario.

b) Supervisión directa. A dita supervisión está asociada a unha responsabilidade media. A persoa residente dispón de suficientes coñecementos, pero aínda non acada a suficiente experiencia para realizar unha determinada actividade de forma independente. As actividades son realizadas directamente pola persoa residente baixo a supervisión directa dunha persoa titora ou dun profesional da unidade asistencial correspondente.

c) Supervisión máxima. A dita supervisión está asociada a unha responsabilidade mínima. A persoa residente só ten un coñecemento teórico de determinadas actuacións, sen ningunha experiencia, polo que observa e asiste á actuación da persoa titora ou do profesional da unidade asistencial correspondente, que é quen realiza o procedemento.

CAPÍTULO VII Calidade da docencia

Artigo 60. Control da calidade na formación sanitaria especializada

1. A Administración sanitaria debe participar activamente no desenvolvemento da calidade docente dos centros sanitarios docentes e unidades docentes que imparten formación sanitaria especializada en Ciencias da Saúde.

2. De conformidade co artigo 29.1 do Real decreto 183/2008, do 8 de febreiro, as unidades e centros sanitarios docentes acreditados someteranse a medidas de control de calidade e avaliación, co fin de comprobar a súa adecuación aos requisitos xerais de acreditación, ao correcto cumprimento dos programas formativos e ao previsto nas normas que regulan a formación sanitaria especializada.

3. A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde colaborará coa Axencia de Calidade do Sistema Nacional de Saúde na auditoría de unidades e centros sanitarios docentes e na avaliación do funcionamento e da calidade do sistema de formación.

Artigo 61. Plans de xestión da calidade docente

1. Os plans de xestión da calidade docente, elaborados polas comisións de docencia, teñen por obxecto definir os elementos estruturais e as actividades necesarias dirixidas á mellora continua da calidade nos procesos que integran a formación sanitaria especializada.

2. Os/as responsables de calidade da entidade titular do centro sanitario docente ou unidade docente colaborarán no impulso e desenvolvemento das actividades de mellora da calidade definidas no plan.

3. De conformidade co artigo 29.3 do Real decreto 183/2008, do 8 de febreiro, corresponde á Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde establecer os criterios a que deben axustarse os plans de xestión da calidade, sen prexuízo dos elaborados pola Axencia de Calidade do Sistema Nacional de Saúde.

4. Para o seguimento da calidade da formación sanitaria especializada, a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde efectuará unha enquisa anual e anónima a todo o persoal especialista en formación da Comunidade Autónoma, para comprobar o seu grao de satisfacción en canto á formación recibida.

Artigo 62. Contido dos plans de xestión da calidade docente

1. Sen prexuízo das disposicións que aprobe a Axencia de Calidade do Sistema Nacional de Saúde, os plans recollerán, como mínimo, os seguintes aspectos:

a) Ámbito de aplicación da formación de especialistas en Ciencias da Saúde.

b) Política docente do centro sanitario docente: planificación estratéxica da docencia, misión, visión e valores en relación coa docencia.

c) Organización e recursos: organigrama do centro sanitario docente, estrutura organizativa da docencia e recursos para a docencia.

d) Carteira de servizos docentes.

e) Responsabilidade da Dirección do centro sanitario docente, recollendo o expreso compromiso da Dirección coa calidade na formación de especialistas.

f) Definición do mapa de procesos.

g) Obxectivos estratéxicos para a mellora da calidade, con indicadores para valorar o seu grao de cumprimento.

h) Control de documentos e rexistros aplicables, coa súa definición, revisión, aprobación, distribución, custodia e eliminación.

i) Sistema de avaliación, seguimento e medición a través do cal se obterá a evidencia obxectiva do nivel de calidade acadado, que comprende a avaliación interna e externa que se realice, indicadores, que deberán ter en conta a perspectiva de xénero, o seu seguimento e medida, xestión de non conformidades e áreas de mellora.

2. De conformidade co artigo 29.3 do Real decreto 183/2008, do 8 de febreiro, nos plans de xestión da calidade docente contarase coa necesaria participación do persoal residente, que anualmente avaliará, a través de enquisas ou doutros instrumentos que garantan o anonimato, o funcionamento e a adecuación dos recursos humanos, materiais e organizativos da unidade en que se estea formando, así como o funcionamento, desde o punto de vista docente, das distintas unidades asistenciais e dispositivos polos cales rote durante o seu período formativo.

CAPÍTULO VIII Rede de comisións de docencia de Galicia (Redega)

Artigo 63. Concepto e natureza xurídica da Redega

1. A Rede de comisións de docencia de Galicia (Redega) é un órgano colexiado asesor adscrito á Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde como órgano competente en materia de formación sanitaria especializada.

2. A súa finalidade é promover e impulsar actividades relacionadas coa formación de especialistas en Ciencias da Saúde, propondo criterios de actuación e medidas de mellora neste ámbito.

Artigo 64. Composición da Rede de comisións de docencia de Galicia

1. Para o desenvolvemento das súas funcións, a Redega estará composta polos seguintes membros:

a) As persoas que exerzan a presidencia das comisións de docencia da formación sanitaria especializada da Comunidade Autónoma, como representantes delas, ou a persoa que se designe en cada comisión, para tal efecto, de ser o caso.

b) Dous representantes dos especialistas en formación, un do ámbito hospitalario e outro do ámbito de atención primaria, elixidos polos que formen parte das comisións de docencia da formación sanitaria especializada da Comunidade Autónoma, de acordo co artigo 12.3.f), entre eles.

c) Unha persoa en representación das que exerzan a presidencia das subcomisións de especialidades de Enfermaría, elixida por elas.

d) Catro representantes propostos pola consellería con competencias en materia de formación sanitaria especializada, elixidos entre persoas que formen parte das comisións de docencia de formación sanitaria especializada da Comunidade Autónoma.

2. A presidencia da Redega será exercida por un dos seus membros, elixido por eles, por un período máximo de dous anos non renovable.

3. Actuará como secretario ou secretaria da Redega unha persoa designada pola Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, que terá voz pero non voto.

Artigo 65. Funcións da Redega

Corresponden á Redega as seguintes funcións:

a) Facilitar a coordinación das actuacións das comisións de docencia dos centros sanitarios docentes e unidades docentes acreditados para a formación de especialistas en en Galicia.

b) Favorecer o intercambio de información entre as comisións de docencia e entre estas e o Servizo Galego de Saúde.

c) Realizar propostas de mellora no proceso de formación do persoal especialista en Galicia e no desenvolvemento dos programas de formación especializada.

d) Propor medidas para incentivar o traballo dos/das profesionais implicados na formación sanitaria especializada.

e) Propor o desenvolvemento de ferramentas de información e formación para os/as profesionais implicados na formación sanitaria especializada.

f) O impulso e a elaboración de estudos e informes en materia de formación sanitaria especializada.

g) Impulsar a investigación de aspectos relacionados coa metodoloxía docente e de avaliación.

h) Elaborar un informe anual de xestión en que propoña os obxectivos e as actividades que cómpre desenvolver de acordo coas propostas das distintas comisións de docencia.

Artigo 66. Réxime de funcionamento da Redega

1. A Redega adecuará o seu funcionamento ao establecido respecto dos órganos colexiados na lexislación básica sobre réxime xurídico das administracións públicas, na Lei 16/2010, do 17 de decembro, e, de ser o caso, no seu regulamento de réxime interior.

2. En todo caso reunirase, polo menos, dúas veces ao ano.

Artigo 67. Axudas de custo e indemnizacións das persoas que forman parte da Redega

As persoas que formen parte da Redega poderán recibir as axudas de custo e indemnizacións que lles correspondan de acordo coa normativa vixente.

Disposición adicional primeira. Creación de novas unidades docentes

No caso de que se constitúan novas unidades docentes, deberán contar con persoas titoras propias, que exercitarán a titoría de conformidade co previsto neste decreto.

Disposición adicional segunda. Carreira profesional na categoría de médico/a de familia

1. O persoal da categoría de médico/a de familia, co grao III de carreira profesional recoñecido, poderá solicitar o grao IV no caso de que, no seu período de permanencia no grao III, acredite cinco anos de exercicio efectivo da titoría na especialidade.

2. O persoal da categoría de médico/a de familia, co grao inicial de carreira profesional recoñecido, poderá solicitar o grao I no caso de que, no seu período de permanencia no grao inicial, acredite dous anos de titoría na especialidade.

3. Esta medida excepcional aplicarase ata a convocatoria de acceso aos graos de carreira profesional do ano 2027.

Disposición adicional terceira. Perspectiva de xénero

A xestión da formación sanitaria especializada realizarase con perspectiva de xénero transversal no que respecta ás estruturas sanitarias, aos órganos docentes, á planificación da formación, á calidade da docencia e á xestión da Redega.

Disposición transitoria primeira. Recoñecemento das comisións existentes

1. Con posterioridade á entrada en vigor deste decreto, a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde ditará unha resolución en que se recoñezan as comisións de docencia existentes.

2. As comisións de docencia así recoñecidas disporán dun prazo de doce meses para adaptaren a súa composición ás disposicións deste decreto.

Disposición transitoria segunda. Mantemento das xefaturas de estudos

As persoas que no momento da entrada en vigor deste decreto estean a desempeñar as xefaturas de estudo de formación especializada quedarán confirmadas nas ditas funcións, cos dereitos e obrigacións que establece este decreto, ata que se leve a cabo o proceso de cobertura de conformidade co regulado nel e por un período máximo de catro anos.

Disposición transitoria terceira. Mantemento de persoas titoras

Para garantir a continuidade da actividade docente, todas as persoas titoras que no momento da entrada en vigor deste decreto estean a desempeñar este labor, con nomeamento e persoal residente ao seu cargo, se considerarán, de oficio, acreditadas para continuaren exercendo as súas funcións. Para estes efectos, a persoa responsable da Xefatura de Estudos daralles traslado de oficio, confirmando a dita acreditación e nomeamento. Así mesmo, deberá remitir á Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde a relación de persoas titoras acreditadas e nomeadas.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

1. Quedan derrogadas as seguintes disposicións normativas:

a) A Orde do 23 de decembro de 1999 pola que se regula a constitución e o funcionamento das unidades docentes para a formación de especialistas en Medicina Familiar e Comunitaria.

b) A Orde do 25 de outubro de 2000 que modifica a do 23 de decembro de 1999 pola que se regula a constitución e o funcionamento das unidades docentes para a formación de especialistas en Medicina Familiar e Comunitaria.

c) A Orde do 24 de marzo de 2004 pola que se crea a Rede de comisións de docencia e comisións asesoras de Galicia.

2. Así mesmo, quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto neste decreto.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento regulamentario

Habilítase a persoa titular da consellería con competencias en materia de sanidade para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e a execución deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte de abril de dous mil vinte e tres

Alfonso Rueda Valenzuela

Presidente

Julio García Comesaña

Conselleiro de Sanidade

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia