lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Decreto 41/2023, do 20 de abril, polo que se modifica o Decreto 172/2015, do 29 de outubro, polo que se establece o plan de estudos das ensinanzas artísticas superiores de Deseño na Comunidade Autónoma de Galicia.

Publicado en: DOG 89 10/05/2023

Departamento: Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

Estado: En vigor

PDF

O Decreto 172/2015, do 29 de outubro (DOG do 23 de novembro), estableceu o plan de estudos das ensinanzas artísticas superiores de Deseño na Comunidade Autónoma de Galicia nas especialidades de Gráfico, Interiores, Moda e Produto. Estudos que, ao abeiro da Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, pola que se modifica a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, (BOE do 30 de decembro), conducen ao título de grao en Ensinanzas Artísticas Superiores de Deseño na especialidade que corresponda.

A Orde do 21 de novembro de 2016 (DOG do 1 de decembro) regula a ordenación das ensinanzas artísticas superiores de Deseño en desenvolvemento do Decreto 172/2015, do 29 de outubro, polo que se establece o plan de estudos das ensinanzas artísticas superiores de Deseño na Comunidade Autónoma de Galicia.

A experiencia acumulada ao longo destes anos amosa a necesidade de atender á formación do alumnado da especialidade de Produto de xeito máis especializado, introducindo no seu plan de estudos a formación nas novas tecnoloxías inherentes ao proceso proxectual e produtivo, atendendo a máis dun eido da produción industrial de obxectos e mellorando, ao mesmo tempo, a súa especialización e as súas posibilidades de inserción no ámbito produtivo.

En consecuencia, ao abeiro do disposto no artigo 7.3 do Real decreto 633/2010, do 14 de maio, polo que se regula o contido básico das ensinanzas artísticas superiores de grao en Deseño establecidas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, vista a proposta achegada pola Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo de Santiago de Compostela, único centro que imparte a especialidade de Produto das ensinanzas artísticas superiores de Deseño na Comunidade Autónoma de Galicia, cómpre modificar o Decreto 172/2015, do 29 de outubro, para establecer no plan de estudos correspondente á especialidade de Produto dous itinerarios académicos diferenciados, aínda que conducentes ao único título de grao en Ensinanzas Artísticas Superiores de Deseño, especialidade Produto.

Os citados itinerarios para a titulación de grao en Ensinanzas Artísticas Superiores de Deseño, especialidade de Produto, son:

– Xeral (Xe.).

– Xoiaría e complementos (XC).

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34.5 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, das normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, logo dos ditames do Consello Escolar de Galicia e do Consello Galego de Ensinanzas Artísticas Superiores, de acordo co Consello Consultivo, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte de abril dous mil vinte e tres,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. Este decreto ten por obxecto:

a) Modificar o plan de estudos das ensinanzas artísticas superiores de Deseño, unicamente na especialidade de Produto, ao abeiro do disposto no Real decreto 633/2010, do 14 de maio, polo que se regula o contido básico das ensinanzas artísticas superiores de Deseño establecidas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

b) Adecuar a denominación do título a que conducen os estudos superiores de Deseño, en calquera das súas especialidades, cuxo plan de estudos foi establecido polo Decreto 172/2015, do 29 de outubro (DOG do 23 de novembro), ao establecido no artigo 57.4 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

2. Este decreto será de aplicación no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2. Natureza e alcance da modificación

1. Modifícanse as denominacións dos títulos a que conducen os estudos superiores de Deseño, cuxo plan de estudos foi establecido polo Decreto 172/2015, do 29 de outubro (DOG do 23 de novembro), polas seguintes:

– Estudos superiores de Deseño na especialidade de Gráfico: conducen ao título de grao en Ensinanzas Artísticas Superiores de Deseño na especialidade de Gráfico.

– Estudos superiores de Deseño na especialidade de Interiores: conducen ao título de grao en Ensinanzas Artísticas Superiores de Deseño na especialidade de Interiores.

– Estudos superiores de Deseño na especialidade de Moda: conducen ao título de grao en Ensinanzas Artísticas Superiores de Deseño na especialidade de Moda.

– Estudos superiores de Deseño na especialidade de Produto: conducen ao título de grao en Ensinanzas Artísticas Superiores de Deseño na especialidade de Produto.

2. Establécense no plan de estudos dos estudos superiores de Deseño, na especialidade de Produto, os itinerarios académicos denominados:

– Xeral (Xe.).

– Xoiaría e complementos (XC).

3. Modifícase a totalidade do anexo V ao Decreto 172/2015, do 29 de outubro, que será substituído polo anexo a este decreto.

4. A consellería competente en materia de educación determinará as disciplinas de tipo práctico (P.) ou teórico-práctico (T.P.) das que integran os dous itinerarios académicos do plan de estudos establecido neste decreto que, en razón dos seus contidos e desenvolvemento, poderán ser impartidos entre a Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo de Santiago de Compostela e as empresas, estudos ou obradoiros do sector do deseño, a xoiaría e os complementos, que reúnan as condicións que se establezan para o efecto.

Disposición adicional única. Incorporación do alumnado procedente de plans de estudos anteriores

A consellería competente en materia de educación, a través do órgano superior ou directivo que corresponda, establecerá:

– O sistema de recoñecemento de créditos ECTS ao alumnado procedente de plans de estudos anteriores da mesma especialidade de Produto.

– O sistema de recoñecemento de créditos ECTS ao alumnado procedente doutras especialidades das ensinanzas superiores de Deseño.

– O sistema de recoñecemento de créditos ECTS ao alumnado que teña parcial ou totalmente superado un ciclo formativo de grao superior de Artes Plásticas e Deseño.

– O calendario de implantación do plan de estudos establecido neste decreto e a incorporación do alumnado a el.

Disposición derradeira primeira. Habilitación

Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de educación para ditar cantas normas sexan precisas para o desenvolvemento do establecido neste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor aos vinte días naturais da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte de abril de dous mil vinte e tres

Alfonso Rueda Valenzuela

Presidente

Román Rodríguez González

Conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ANEXO Competencias específicas, perfil profesional, cadro lectivo, descritores/contidos e competencias das disciplinas do título de grao en Ensinanzas Artísticas Superiores de Deseño, especialidade Produto Competencias específicas, perfil profesional, cadro lectivo, descritores/contidos e competencias das disciplinas do título de grao en Ensinanzas Artísticas Superiores de Deseño, especialidade Produto

Ao remataren os seus estudos, as persoas co título de grao en Ensinanzas Artísticas Superiores de Deseño na especialidade de Produto deben posuír as seguintes competencias específicas:

EP1. Determinar as características finais dos produtos, servizos e sistemas coherentes cos requisitos e coas relacións estruturais, organizativas, funcionais, expresivas e económicas definidas no proxecto.

EP2. Resolver problemas proxectuais mediante a metodoloxía, destrezas e procedementos adecuados.

EP3. Propoñer, avaliar e determinar solucións alternativas a problemas complexos de deseño de produtos e sistemas.

EP4. Valorar e integrar a dimensión estética en relación co uso e coa funcionalidade do produto.

EP5. Analizar modelos e sistemas naturais e as súas aplicacións no deseño de produtos e sistemas.

EP6. Determinar as solucións construtivas, os materiais e os principios de produción adecuados en cada caso.

EP7. Coñecer as características, propiedades físicas e químicas e comportamento dos materiais utilizados no deseño de produtos, servizos e sistemas.

EP8. Coñecer os procesos para a produción e o desenvolvemento de produtos, servizos e sistemas.

EP9. Dominar os recursos gráfico-plásticos da representación bidimensional e tridimensional.

EP10. Producir e comunicar a información adecuada relativa á produción.

EP11. Coñecer os recursos tecnolóxicos da comunicación e as súas aplicacións ao deseño de produto.

EP12. Dominar a tecnoloxía dixital específica vinculada ao desenvolvemento e á execución de proxectos de deseño de produto.

EP13. Coñecer o contexto económico, social, cultural e histórico en que se desenvolve o deseño de produto.

EP14. Comprender o marco legal e regulamentario que regula a actividade profesional, a seguridade e saúde laboral e a propiedade intelectual e industrial.

EP15. Reflexionar sobre a influencia social positiva do deseño, a súa incidencia na mellora da calidade de vida e do ambiente e a súa capacidade para xerar identidade, innovación e calidade na produción.

Perfil profesional do título de grao en Ensinanzas Artísticas Superiores de Deseño, especialidade Produto O/a deseñador/a de produto é un/unha profesional capaz de proxectar, analizar, investigar e determinar as propiedades e calidades físicas, así como os valores simbólicos e comunicativos que caracterizarán as súas producións, definindo a forma, a configuración, a calidade, o funcionamento, o valor e a significación estética, social e ambiental destas. Os ámbitos principais onde desenvolve a súa actividade profesional son:

Deseño de envases e embalaxes.

Deseño de calzado.

Deseño de xoguetes.

Deseño de electrodomésticos.

Deseño de mobiliario para o hábitat.

Deseño de mobiliario de oficina.

Deseño de elementos urbanos.

Deseño de iluminación e luminarias.

Deseño no ámbito da automoción.

Deseño de ferramentas e accesorios.

Deseño de produto cerámico.

Deseño de sanitarios e billas.

Deseño para a artesanía.

Deseño de xoias e bixutería.

Deseño de complementos da indumentaria.

Colaboración no deseño de obxectos ortopédicos.

Deseño para condicións especiais.

Deseño téxtil e enxoval.

Deseño de sistemas.

Xestión do deseño.

Desenvolvemento de produto.

Deseño, investigación e desenvolvemento de novos conceptos, materiais, aplicacións e produtos.

Ecodeseño.

Deseño sustentable.

Investigación e docencia.

Cadro lectivo do título de grao en Ensinanzas Artísticas Superiores de Deseño, especialidade Produto

Para os efectos deste decreto, as abreviaturas que figuran nos cadros lectivos do título de grao en Deseño na especialidade de Produto teñen o seguinte significado:

Itin.: itinerario académico dentro da especialidade de Produto: (Xe.: xeral, XC: xoiaría e complementos).

Carácter: carácter da disciplina (F.B.: formación básica, O.E.: obrigatoria na especialidade, Op.: disciplina optativa).

Tipo: T.: teórica, T.P.: teórico-práctica, P.: práctica.

Horas clase/semana: horas de clase programadas semanalmente coa presenza do/da profesor/a.

Horas clase/curso: horas totais de clase coa presenza do/da profesor/a, que unha disciplina debe ter ao longo do ano académico.

Créditos ECTS: créditos ECTS asociados a unha disciplina e que se lle recoñecerán ao alumnado logo de superala.

O plan de estudos conducente ao título de grao en Deseño na especialidade de Produto esténdese ao longo de 38 semanas lectivas completas para cada un dos cursos académicos en que se desenvolve.

Cadro lectivo: 1º curso de Produto

Itin.: común (Xe./XC)

[figura]

Descritores/contidos e competencias das disciplinas do 1º curso do plan de estudos conducente ao título de grao en Deseño na especialidade de Produto

[Táboa]

[figura]

[Táboa]

[Táboa]

[Táboa]

[Táboa]

[figura]

[Táboa]

Cadro lectivo: 2º curso de Produto

[figura]

Descritores/contidos e competencias das disciplinas do 2º curso do plan de estudos conducente ao título de grao en Deseño na especialidade de Produto

[Táboa]

[Táboa]

[Táboa]

[Táboa]

[Táboa]

[Táboa]

[Táboa]

[Táboa]

Cadro lectivo: 3º curso de Produto

[figura]

Descritores/contidos e competencias das disciplinas do 3º curso do plan de estudos conducente ao título de grao en Deseño na especialidade de Produto

[figura]

[Táboa]

[Táboa]

[Táboa]

[Táboa]

[Táboa]

[Táboa]

[Táboa]

[figura]

[Táboa]

[Táboa]

Cadro lectivo: 4º curso de Produto

[figura]

Descritores/contidos e competencias das disciplinas do 4º curso do plan de estudos conducente ao título de grao en Deseño na especialidade de Produto

[figura]

[Táboa]

[Táboa]

[Táboa]

[Táboa]

[Táboa]

[figura]

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia