lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Lei 2/2023, do 14 de marzo, pola que se modifica a Lei 3/2014, do 24 de abril, do Consello Consultivo de Galicia.

Publicado en: DOG 55 20/03/2023

Departamento: Parlamento de Galicia

Estado: En vigor

PDF

Exposición de motivos

A experiencia estatutaria de funcionamento do Consello Consultivo de Galicia e a evolución normativa levada a cabo nas distintas administracións públicas aconsellan, por razóns de eficiencia institucional, a actualización de certos aspectos instrumentais referidos ao réxime xurídico do persoal que integra este órgano consultivo.

Coa finalidade expresada, resulta aconsellable a tramitación da reforma da lei reguladora da citada institución, a Lei 3/2014, do 24 de abril, do Consello Consultivo de Galicia.

Este texto legal estrutúrase nun artigo único e nunha disposición derradeira.

Esta modificación introduce cambios na composición da Sección de Estudos e Informes do Consello Consultivo de Galicia, co obxecto singular de recoller as regras aplicables para a cobertura da ausencia entre as persoas designadas como conselleiras e conselleiros natos, entre elas as persoas que exerceron a presidencia do Goberno da Xunta de Galicia, tendo en conta que, na actualidade, ningunha delas forma parte da institución.

Tamén introduce novidades no ámbito da transparencia, como é a necesidade de dar publicidade dos informes elaborados pola Sección de Estudos e Informes, que na actualidade non son obxecto de publicación, coa única excepción daqueles casos en que a Administración solicite o seu carácter confidencial ou reservado.

Por outra banda, modifícase a normativa para outorgar preferencia ao uso de medios electrónicos e para prever a posibilidade da comparecencia para formular alegacións a través da sede electrónica, dando un recoñecemento específico a esta posibilidade que xa está prevista na normativa básica e no procedemento administrativo común e que ademais constitúe, co avance das novas tecnoloxías, un dos medios máis habituais de relacionarse coa Administración.

No relativo ao persoal ao servizo do Consello, prevese a posibilidade de aprobar un sistema transitorio de carreira profesional, cunha previsión similar á establecida para o persoal doutros órganos autonómicos como o Consello de Contas, o Valedor do Pobo ou o Parlamento de Galicia. Finalmente, cómpre adaptar a lei ás modificacións operadas pola Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación, pola que se suprime o corpo de letrados do Consello Consultivo, en liña coa integración do persoal funcionario do corpo de letrados do Consello Consultivo de Galicia na escala de letrados da Xunta de Galicia.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de Autonomía de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome do rei a Lei pola que se modifica a Lei 3/2014, do 24 de abril, do Consello Consultivo de Galicia.

Artigo único. Modificación da Lei 3/2014, do 24 de abril, do Consello Consultivo de Galicia

A Lei 3/2014, do 24 de abril, do Consello Consultivo de Galicia, queda modificada como segue:

Un. O número 1 do artigo 21 queda coa seguinte redacción:

«1. A Sección de Estudos e Informes estará composta pola persoa titular da Presidencia do Consello, quen a presidirá, por unha conselleira ou conselleiro electivo, que será designado/a anualmente polo Pleno por proposta da Presidencia do Consello, e polas conselleiras ou conselleiros natos.

No caso de non existiren conselleiras ou conselleiros natos, a Sección de Estudos e Informes estará composta pola persoal titular da Presidencia do Consello, que a presidirá, e por dúas/dous conselleiras ou conselleiros electivas/os, cuxa designación a fará anualmente o Pleno por proposta da Presidencia do Consello. Se durante o mandato da Sección de Estudos e Informes así constituída se produce un nomeamento de conselleiras ou conselleiros natos, pasarán a formar parte dela de xeito automático, sen que este nomeamento determine o cesamento dunha conselleira ou conselleiro electivos.

Unha vez finalizado o mandato anual, procederase á renovación da Sección na forma prevista no parágrafo primeiro deste artigo, no caso de existiren conselleiras ou conselleiros natos, e na forma prevista no parágrafo segundo, no caso contrario».

Dous. Engádese un número 5 ao artigo 21 coa seguinte redacción:

«5. Os informes publicaranse transcorrido un mes desde a súa aprobación, agás cando a Administración que formule a consulta solicite expresamente que non sexan obxecto de publicación».

Tres. O artigo 26 queda coa seguinte redacción:

«Artigo 26. Audiencias

As persoas ou as entidades directamente interesadas nos asuntos motivadores das consultas poden formular alegacións ante o Consello, por acordo deste, adoptado de oficio ou por petición daquelas, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. O trámite de alegacións verificarase preferentemente a través de medios electrónicos e, en todo caso, cando se trate de persoas obrigadas a se relacionaren electronicamente coas administracións públicas».

Catro. O artigo 27 queda coa seguinte redacción:

«Artigo 27. Medios electrónicos

A comunicación e a remisión de informes, propostas normativas e ditames elaborados polo Consello Consultivo de Galicia realizaranse a través de medios electrónicos, en cumprimento das prescricións da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público; e do Real decreto 203/2021, do 30 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de actuación e funcionamento do sector público por medios electrónicos, ademais de cumprir neste caso co obxectivo de minimizar o gasto en papel, impulsar as novas tecnoloxías e axilizar o funcionamento deste órgano».

Cinco. O número 1 do artigo 30 queda coa seguinte redacción:

«Artigo 30. Persoal letrado

1. O Consello Consultivo está asistido por persoal letrado, dependente orgánica e funcionalmente deste, ao que corresponde, baixo a dirección e responsabilidade da Presidencia ou das conselleiras e conselleiros, as funcións do estudo dos asuntos sometidos á consulta do Consello, a preparación e a redacción dos correspondentes proxectos de ditames, informes ou propostas e as demais funcións adecuadas á súa condición que lle atribúa o Regulamento de organización e funcionamento do Consello. O número de prazas de persoal letrado determinarase na relación de postos de traballo».

Seis. Engádese unha disposición transitoria cuarta, coa seguinte redacción:

«Disposición transitoria cuarta. Sistema transitorio de recoñecemento da progresión na carreira administrativa

En tanto non se implante un sistema de carreira profesional no Consello Consultivo de Galicia, establecerase, para todo o persoal que preste servizos no órgano, un sistema transitorio de recoñecemento de progresión na carreira administrativa que permita ao persoal progresar de maneira voluntaria e individualizada e que promova a súa actualización e o perfeccionamento da súa cualificación profesional.

O Consello Consultivo de Galicia establecerá os criterios necesarios para a aplicación do sistema transitorio previsto nesta disposición, incluídos, entre outros, o procedemento e os requisitos para o acceso ao dito sistema e para o cobramento da retribución adicional. Cando se implante o sistema de carreira profesional no Consello Consultivo, terase en conta o desenvolvemento profesional acadado en aplicación desta disposición».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta lei entrará en vigor aos quince días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catorce de marzo de dous mil vinte e tres

Alfonso Rueda Valenzuela

Presidente

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia