lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Decreto 12/2023, do 19 de xaneiro, polo que se crea e regula o Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia.

Publicado en: DOG 25 06/02/2023

Departamento: Consellería de Política Social e Xuventude

Estado: En vigor

PDF

O mellor síntoma dunha comunidade democrática e avanzada é contemplar como as persoas menores de idade se involucran nas decisións que as afectan e como estas decisións teñen impacto nas súas vidas. Para iso cómpre crear itinerarios e ferramentas que lles provexan da posibilidade de expresar libre e adecuadamente os seus puntos de vista. Así, a participación infantil é un principio reitor da Convención sobre os Dereitos do Neno, aprobada o 20 de novembro de 1989 e ratificada por España o 30 de novembro de 1990, e representa un cambio na consideración xurídica do/da neno/a, quen deixa de ser considerado/a como un obxecto de protección para converterse en titular de dereitos, o que implica consideralo/a como un cidadán/cidadá pleno/a, cos seus dereitos e coas súas obrigas.

Neste sentido, o obxectivo 16 da Axenda 2030 do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030 establece a participación cidadá como medio para a consecución de sociedades xustas, inclusivas e representativas que respondan ás necesidades; por iso considera que o Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia resulta ser un órgano promotor deste modelo de sociedade avanzado.

A Recomendación Rec (2006) 19, do Comité de Ministros da Unión Europea, establece como obxectivo recoñecer a importancia da responsabilidade parental e a necesidade de que os pais e as nais teñan suficientes apoios para cumprir coas súas responsabilidades na educación dos seus fillos e fillas: é necesario fomentar familias eficaces e comprometidas, que favorezan o desenvolvemento de relacións paterno-familiares beneficiosas e potencien o desenvolvemento adecuado de nenas, nenos e adolescentes.

A propia Recomendación insta a que pais, nais ou outros/as titores/as provexan protección e bo trato, sen violencia, amor, afecto e seguridade, sen esquecer o chamamento para que as persoas menores sexan vistas, escoitadas e valoradas, o que debe redundar no aumento da confianza en si mesmos/as, das súas competencias e da capacidade para o seu control persoal.

En canto á normativa e lexislación estatal, a Constitución española, no seu artigo 48, establece que os poderes públicos promoverán as condicións para a participación libre e eficaz da mocidade no desenvolvemento político, social, económico e cultural. Así mesmo, no seu artigo 23 establece o recoñecemento do dereito dos cidadáns «a participar nos asuntos públicos directamente ou por medio de representantes libremente elixidos». No artigo 9.2 da Constitución española establécese tamén que corresponde aos poderes públicos facilitar a participación de todos os cidadáns na vida política, económica, cultural e social.

No referente ao exercicio da participación infantil e adolescente, hai que destacar a Lei orgánica 8/2015, do 22 de xullo, de modificación do sistema de protección á infancia e a adolescencia, e a Lei 26/2015, do 28 de xullo, de modificación do sistema de protección á infancia e á adolescencia, que modifica a Lei orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, de protección xurídica do menor. A modificación do artigo 9 da dita Lei orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, reforza o dereito das persoas menores de idade a seren escoitadas sen discriminación ningunha por idade, discapacidade ou calquera outra razón, tanto no ámbito familiar como en procedementos administrativos e xudiciais.

A promulgación da Lei orgánica 8/2021, do 4 de xuño, de protección integral contra a adolescencia fronte á violencia, significa a reafirmación da necesidade de establecer mecanismos de protección da infancia e da promoción de accións preventivas que favorezan a súa visibilidade, a sensibilización contra calquera forma de violencia que se puider exercer sobre ela e, conseguintemente, o compromiso da sociedade de velar polo seu pleno desenvolvemento físico, social, emocional e/ou psicolóxico; é unha chamada á necesaria cooperación e colaboración entre as administracións públicas para a disposición da súa protección integral.

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social e Xuventude, en virtude do Decreto 124/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Xuventude, asume a protección e tutela das persoas menores en situación de risco ou desamparo en aplicación da dita normativa, a execución das medidas ditadas polos xulgados de menores, ao abeiro da Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores, e o exercicio das políticas autonómicas en materia de acción social de apoio á familia, á infancia e á adolescencia, segundo o disposto na Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, na Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, e na Lei 4/2001, do 31 de maio, reguladora da mediación familiar.

No dito marco competencial, a Xunta de Galicia, a través da creación do Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia, contribúe de xeito importante a continuar coa posta en marcha dos obxectivos da Estratexia do Consello de Europa para os dereitos dos nenos e das nenas (2016-2021), instrumento que serviu de guía aos Estados membros en cuestións relativas á participación, tendo en conta que concibe a participación infantil como unha das súas esferas prioritarias de actuación.

Así mesmo, a dita Lei 3/2011, do 30 de xuño, no artigo 38, recolle entre os principios reitores de actuación dos poderes públicos de Galicia no exercicio das funcións de atención e protección á infancia e a adolescencia:

«a) A primacía do interese da ou do menor sobre calquera outro interese que inspirase as actuacións públicas ou privadas de quen se encargue da súa protección, por lexítimo que este sexa.

Para a determinación dese interese atenderase en primeiro termo ás necesidades e aos dereitos dos nenos, nenas e adolescentes, teranse en conta as súas opinións e desexos manifestados con xuízo suficiente e considerarase a súa individualidade no marco familiar e social.

b) A promoción, respecto e defensa dos dereitos individuais e colectivos recoñecidos aos nenos, ás nenas e aos e ás adolescentes coas garantías e nas condicións establecidas polo ordenamento xurídico e máis a remoción dos obstáculos que impidan ou dificulten o seu exercicio».

«f) O fomento da solidariedade e a sensibilidade social perante as dificultades que afecten a infancia e a adolescencia, co obxecto de previr a marxinación e explotación infantil, así como calquera manifestación de abuso, acoso e malos tratos físicos, psíquico ou emocional, e impulsar o papel da sociedade civil en defensa dos dereitos e liberdades das e dos menores».

En canto aos dereitos de especial protección da infancia e da adolescencia, igualmente, no seu artigo 42 recoñece, entre outros, os dereitos das persoas menores de idade a participaren plenamente, en función do seu desenvolvemento e capacidade na vida social, cultural, artística e recreativa da súa contorna, así como a unha incorporación progresiva á cidadanía activa, a expresarse libremente e a expresarse na súa lingua propia, de orixe ou de libre elección, a non ser discriminado pola súa causa e á promoción da autonomía persoal potenciando as súas capacidades.

En tal sentido e froito do compromiso político, aprobouse a Estratexia galega para a infancia e a adolescencia 2018-2020 (en diante, EGIA), coa que se pretendeu establecer o impulso e o desenvolvemento efectivo da participación infantil, ao considerar entre os seus principios orientadores a non discriminación, o principio de interese superior de nenos, nenas e adolescentes, a transversalidade e o principio de participación da poboación infantil e adolescente.

A súa liña estratéxica 1, dedicada á participación infantil e adolescente, concretouse no impulso do papel da infancia e da adolescencia na sociedade, na súa visualización como cidadanía activa e na promoción do seu dereito á libre expresión.

Na dita liña estratéxica recolleuse como obxectivo estratéxico a promoción dunha cultura e sensibilidade social a favor dos dereitos e deberes da infancia e da adolescencia, así como a súa participación activa na comunidade e en calquera proceso que as afecte, tendo en conta as súas inquietudes, opinións, demandas e propostas e as diferenzas por motivos de xénero, culturais e de capacidade.

Para a súa consecución estableceuse un conxunto de obxectivos de carácter operativo e distintas actuacións, que implican un maior protagonismo da infancia e da adolescencia, co fin de lograr un maior recoñecemento do seu papel, a súa visualización como cidadanía activa e o fomento da súa intervención en diferentes ámbitos sociais:

– Obxectivo operativo 1.4. Promover iniciativas que impliquen un maior protagonismo e presenza da infancia e da adolescencia na sociedade co fin de lograr o recoñecemento do seu papel, visualizala como cidadanía activa e de pleno dereito e garantir a súa educación para a participación, así como que sexa escoitada en todos os asuntos que a afectan, fomentando a súa intervención en diversos ámbitos da vida social e comunitaria.

– -Actuación 1.4.5. Deseño e posta en marcha de iniciativas de participación presencial para que nenos, nenas e adolescentes trasladen as súas demandas, necesidades e inquietudes ás distintas administracións públicas, como os consellos municipais de participación infantil e adolescente.

– Actuación 1.4.13. Creación do Consello Autonómico de Infancia como órgano de representación infantil.

Esta última, a creación do Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia, como órgano de participación infantil, constitúe o obxecto deste decreto e, igualmente, é unha das accións relevantes previstas na EGIA.

A EGIA, así mesmo, serviu de marco para desenvolver experiencias de participación social protagonizadas pola infancia e a adolescencia da nosa comunidade; foi clave o traballo cos consellos municipais de participación infantil e adolescente, desenvolvendo a democracia participativa e a acción pública, fomentando a vida asociativa na sociedade e canalizando a participación infantil nos diferentes sectores ou áreas de actuación municipal.

Pero o compromiso da Xunta da Galicia cos dereitos de nenas, nenos e adolescentes vai máis aló, promovendo a transversalidade da perspectiva da infancia e da adolescencia nas distintas políticas públicas que permiten situar o interese superior da persoa menor de idade no deseño e aplicación destas. Igualmente, preocúpase da realización dun conxunto de actuacións destinadas á poboación infantil e adolescente para lle facilitar o coñecemento sobre os seus dereitos e deberes, así como sobre os seus recursos, o que terá tradución global no fomento da participación da poboación infantil e adolescente e se concretará no impulso do papel da infancia e da adolescencia na sociedade, na súa visualización como cidadanía activa e na promoción do seu dereito á libre expresión.

Por outra banda, a incorporación de Galicia ao programa Cidades amigas da infancia, a través do convenio de colaboración coa Fegamp e Unicef, do 5 de novembro de 2018, e a obtención do selo Cidade amiga da infancia outorgado por Unicef a diferentes 10 municipios e cidades galegas desde 2016 ata a actualidade, enmarcan a forte aposta que a Xunta de Galicia realizou en favor da participación da poboación máis nova que, tomando como marco a EGIA, consolidou unha metodoloxía participativa que garante o compromiso autonómico para o cumprimento dos dereitos da infancia na nosa comunidade.

A constitución de distintos consellos locais de infancia como Ames, Burela, Cabanas, Carnota, Castrelo de Miño, Moaña, Moeche, Nigrán, Ponteareas, O Barco de Valdeorras, O Porriño, Ourense, Redondela, Teo, Tomiño e Viveiro implican a participación activa de nenos, nenas e adolescentes na vida pública autonómica, como cidadáns con voz propia que, dentro dos límites e posibilidades do seu desenvolvemento evolutivo, teñen dereito a ser informados/as e escoitados/as en relación cos asuntos que lles concirnen.

Por todo o exposto e co fin de avanzar no recoñecemento dos dereitos dos nenos e nenas no ámbito autonómico, cómpre impulsar políticas públicas que integren a perspectiva de infancia e faciliten as canles formais de participación democrática naqueles asuntos que afectan directamente a infancia. Para ese efecto, créase un órgano de participación e representación da infancia de carácter autonómico cumprindo así os obxectivos da EGIA.

A Xunta de Galicia establecerá, a través da consellería con competencia en materia de infancia, os mecanismos necesarios para que o Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia contribúa a facer realidade o dereito á participación social dos nenos, nenas e adolescentes, para que estes, en recoñecemento da súa condición de cidadanía activa, poidan expoñer as súas opinións, ideas e inquietudes sobre aqueles asuntos do seu interese e, deste xeito, participar na toma de decisións e no deseño de políticas públicas.

Respecto da súa estrutura, este decreto consta de 18 artigos, agrupados en dous capítulos, tres disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.

O capítulo I, que leva por rúbrica Disposicións xerais, regula cuestións de carácter xeral: o obxecto, a natureza xurídica e as funcións do Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia.

O capítulo II, denominado Normas de organización e funcionamento, está dedicado á composición do Consello, e regula nos seus artigos as funcións da Presidencia, a Presidencia honorífica, a Vicepresidencia, as vogalías ou consellerías e a Secretaría; a duración do mandato, nomeamento e cesamento dos nenos, nenas e adolescentes membros do Consello, e o réxime de funcionamento do Consello a través do Pleno, das comisións e do equipo dinamizador.

A disposición adicional primeira refírese ao uso dunha linguaxe integradora, inclusiva e non sexista na documentación que xere o Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia.

A disposición adicional segunda refírese ao réxime económico.

A disposición adicional terceira establece o prazo de constitución do Consello.

Nas disposicións derradeiras, a primeira establece o mandato de habilitación para o desenvolvemento normativo e a segunda establece a entrada en vigor deste decreto.

De acordo co que establece o artigo 129.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a tramitación desta disposición axústase ao cumprimento dos principios de necesidade, eficacia, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia e eficiencia. A súa tramitación vén precedida da consulta á cidadanía e durante a instrución deuse audiencia e información ás entidades que puideren resultar afectadas por ela. Así mesmo, solicitáronse os informes preceptivos en cumprimento do disposto na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

A optimización dos recursos públicos e a eficacia na xestión son principios básicos que guían a actuación da Xunta de Galicia, segundo se establece na Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico. A existencia dun consello único da infancia e da adolescencia, como institución de promoción e apoio á infancia e á adolescencia, permite unha actuación integral neses ámbitos en prol dunha maior eficiencia e eficacia na protección e promoción dos seus dereitos e intereses.

Na súa virtude, por proposta da persoa titular da Consellería de Política Social e Xuventude, en uso das facultades atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezanove de xaneiro de dous mil vinte e tres,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

Este decreto ten por obxecto a creación do Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia, así como a regulación da súa composición, funcións e réxime de funcionamento.

Artigo 2. Natureza, adscrición e finalidade

1. O Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia é un órgano colexiado consultivo e de participación, cuxo fin é articular a intervención dos nenos, nenas e adolescentes, facilitándolles un espazo para que expresen, propoñan ideas e tomen decisións no ámbito autonómico sobre aquelas cuestións que os afecten directa ou indirectamente.

2. O Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia está adscrito á consellería competente en materia de infancia.

3. O obxectivo que se persegue é crear un órgano específico para a participación activa da infancia e adolescencia onde os nenos, nenas e adolescentes adquiran un protagonismo real, colaborativo e voluntario, fomentando o desenvolvemento das súas capacidades e a asunción de responsabilidades, para a promoción do diálogo entre o Consello e a Administración pública.

Pola súa vez, ten como finalidade a consulta, o asesoramento, a proposta e o seguimento de todos os asuntos que, conforme o presente regulamento, constitúen os seus obxectivos.

Artigo 3. Réxime xurídico

1. O Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia rexerase polo disposto no presente decreto, así como polo seu regulamento de funcionamento interno.

2. En todo o non previsto nas normas anteriores aplicaranse as normas establecidas para os órganos colexiados na sección 3ª do capítulo II, título preliminar, da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e no capítulo I, título I, da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 4. Ámbito de actuación

O Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia terá como ámbito de actuación o territorio galego.

Artigo 5. Principios reitores de actuación

A participación de nenos, nenas e adolescentes neste consello debe fundamentarse nos seguintes principios:

a) Respecto ás diferentes formas de expresión dos nenos, nenas e adolescentes: incluirase sempre o dereito á diferenza e a autonomía progresiva, derivada do desenvolvemento das súas capacidades e posibilidades.

b) Participación real e significativa: debe impulsarse unha participación conectada coas súas contornas, a partir de realidades concretas que están ao seu alcance. Debe implicar transformacións que se perciban e transcendan.

c) Participación equitativa e representativa: aínda que o exercicio da participación se exerce de maneira individual, os/as representantes no consello autonómico actúan en representación doutros nenos, nenas ou adolescentes e non en representación propia.

d) Participación inclusiva: cómpre facilitar ferramentas de participación aos/ás nenos/as e adolescentes máis vulnerables ou con dificultades. Isto inclúe a formación transversal para que todos teñan as mesmas oportunidades para dar a súa opinión e ampliar os espazos de participación a diferentes franxas de idade e colectivos.

e) Participación permanente e continuada: os/as nenos/as e os/as adolescentes deben tomar parte en múltiples e variadas experiencias participativas con diferentes graos de intensidade e complexidade, na de forma cotiá e con continuidade, para que poidan reflexionar sobre a súa contorna e a maneira de dar resposta ás cuestións que os afectan.

f) Participación autónoma: os/as nenos/as e os/as adolescentes deben poder xestionar as decisións relacionadas cos procesos participativos.

g) Participación avaliable: débese impulsar unha proposta rigorosa de avaliación que integre indicadores sobre as competencias para exercer, promover e propiciar a participación efectiva e, ao mesmo tempo, indicadores que recollan as relacións que promoven esta participación efectiva dos/das nenos/as e os/as adolescentes en Galicia.

Artigo 6. Funcións

As funcións do Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia son as seguintes:

a) Exercer de órgano de participación de todas as persoas menores de idade residentes en Galicia.

b) Representar os intereses e puntos de vista de nenos, nenas e adolescentes da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Involucrar a infancia e a adolescencia na toma de decisións que as afecten, promovendo a súa participación.

d) Recibir e escoitar todas aquelas demandas, propostas e queixas que lle fagan chegar os nenos, nenas e adolescentes e canalizalas a través dos seus representantes no Consello.

e) Trasladar as opinións, as necesidades, os intereses e as inquietudes da infancia e adolescencia á Xunta de Galicia.

f) Ser receptor, dinamizador e xerador de opinións e propostas entre os nenos, nenas e adolescentes, exercendo de canle de comunicación entre as nenas e os nenos de Galicia e as autoridades locais, velando para que as súas achegas sexan valoradas e tidas en conta á hora de facelas chegar ao Goberno autonómico.

g) Solicitar información e ser consultado sobre as actuacións da Xunta de Galicia relativas a temas de interese para a infancia e a adolescencia. Os informes emitidos terán carácter facultativo e non vinculante.

h) Realizar propostas aos organismos competentes en materia de infancia e adolescencia sobre cuestións que afectan nenos, nenas e adolescentes e para mellorar as súas condicións de vida. As propostas, en forma de recomendacións, recollerán a pluralidade dos/das participantes, tendo en conta a equidade, a diversidade e a perspectiva de xénero.

i) Manter canles de comunicación directa co Observatorio Galego da Familia e da Infancia e coa Administración pública.

j) Realizar o seguimento da execución das propostas recomendadas que fosen aprobadas pola Xunta de Galicia.

k) Favorecer a visión positiva dos nenos, nenas e adolescentes e contribuír á sensibilización social cara á súa capacidade e os seus dereitos de cidadanía, en especial a súa participación democrática.

l) Velar polo cumprimento e despregamento da Convención sobre os Dereitos do Neno.

m) Propoñer informes e estudos propios sobre materias relacionadas coa infancia e a adolescencia. Favorecer especialmente estudos de impacto das actuacións que se realicen a favor da participación infantil nos diversos ámbitos como da protección á infancia, da diversidade funcional, de xénero, entre outras do seu interese.

n) Propoñer a realización de actividades, xornadas, seminarios e campañas que fagan visibles as achegas de nenos, nenas e adolescentes na sociedade.

ñ) Promover o asociacionismo infantil e adolescente e, en xeral, a participación democrática, así como as relacións, a coordinación e o dinamismo entre as entidades infantís como as asociacións, os consellos locais de infancia, entre outros, e as dirixidas á infancia.

o) Facilitar a participación de nenos, nenas e adolescentes noutros órganos consultivos da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

p) Difundir o seu traballo e garantir a representación de nenos, nenas e adolescentes noutras plataformas, organismos do ámbito local, autonómico, estatal e internacional.

q) Promover a creación dos consellos de participación local e doutros consellos para dar a oportunidade aos nenos, nenas e adolescentes de participaren activamente e plenamente nos seus núcleos de convivencia máis inmediatos e na vida social, política, cultural, artística e recreativa da súa contorna.

r) Participar na elaboración, seguimento e avaliación das políticas públicas promovidas pola Xunta de Galicia e dirixidas á infancia e a adolescencia e noutras que a poidan afectar.

s) Reflexionar sobre os mecanismos de participación ao alcance dos nenos e nenas e propoñer os cambios e melloras pertinentes, se é necesario.

t) Fomentar a aprendizaxe mutua entre os axentes que toman parte no proceso de participación.

u) Promover consultas dirixidas a outros órganos de participación infantil de ámbito municipal, nacional e europeo.

v) Elaborar e/ou modificar o seu regulamento de réxime interior.

x) Outros aspectos que poidan propoñer os propios nenos, nenas e adolescentes.

CAPÍTULO II Normas de organización e funcionamento

Artigo 7. Composición do Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia

O Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia terá a seguinte composición:

a) Presidencia.

b) Presidencia honorífica.

c) Vicepresidencia.

d) Secretaría.

e) Vogalías.

Artigo 8. A Presidencia

1. A Presidencia do Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia correspóndelle á persoa titular do órgano de dirección competente en materia de infancia.

2. Nos casos de vacante, ausencia, enfermidade ou calquera outra causa legal que impida o desenvolvemento das súas funcións, a persoa titular da Presidencia será substituída pola persoa titular da Vicepresidencia.

3. Á persoa titular da Presidencia correspóndelle as seguintes funcións:

a) Dirixir, promover e coordinar a actuación do Consello.

b) Exercer a representación do Consello, de acordo co establecido no Regulamento de réxime interno.

c) Nomear os nenos, nenas e adolescentes membros do Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia, por proposta da persoa titular da subdirección xeral competente en materia de infancia.

d) Acordar a convocatoria das sesións ordinarias e extraordinarias do Pleno. e) Presidir as sesións do Pleno, moderar os debates e suspendelos por causas xustificadas.

f) Fixar a orde do día das sesións do Pleno tendo en conta as propostas e peticións dos seus membros.

g) Visar as actas e certificacións dos acordos do Consello.

h) Dirimir co seu voto os empates, para os efectos de adoptar acordos.

i) Cantas outras sexan inherentes á súa condición de presidente/a que lle atribúa o Regulamento de réxime interno do Consello.

Artigo 9. A Presidencia honorífica

1. A Presidencia honorífica recaerá na persoa titular da consellería que teña atribuídas as competencias en materia de infancia.

2. Nos casos de vacante, ausencia, enfermidade ou calquera outra causa legal que impida o desenvolvemento das súas funcións, a persoa titular da Presidencia honorífica será substituída pola persoa en que asuma a Presidencia deste órgano.

3. Correspóndenlle á Presidencia honorífica as seguintes funcións:

a) Asistir ao Pleno, con voz e voto.

b) Ser unha canle de comunicación entre os órganos do Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia e as persoas responsables de institucións e entidades de ámbito local, autonómico e estatal.

Artigo 10. A Vicepresidencia

1. A Vicepresidencia do Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia correspóndelle á persoa titular da subdirección xeral competente en materia de infancia.

2. Nos casos de vacante, ausencia, enfermidade ou calquera outra causa legal que impida o desenvolvemento das súas funcións, a persoa titular da Vicepresidencia será substituída pola persoa funcionaria que expresamente designe a persoa titular da Presidencia.

3. Correspóndenlle á Vicepresidencia as seguintes funcións:

a) Asistir a persoa titular da Presidencia nas sesións do Consello.

b) Exercer as funcións atribuídas á persoa titular da Presidencia en caso de ausencia, vacante, enfermidade ou outra causa legal.

c) Exercer aquelas funcións que lle sexan delegadas pola persoa titular da Presidencia do Consello.

Artigo 11. A Secretaría

1. A Secretaría do Consello Galego de Infancia e Adolescencia será exercida por unha persoa funcionaria da consellería competente en materia de infancia designada pola persoa titular da dita consellería.

2. Nos casos de vacante, ausencia, enfermidade ou calquera outra causa legal que impida o desenvolvemento das súas funcións, a persoa titular da Secretaría será substituída pola persoa funcionaria que expresamente designe a persoa titular da consellería.

3. Correspóndenlle á Secretaría as seguintes funcións:

a) Asistir ás reunións do Pleno, con voz e voto.

b) Efectuar a convocatoria das sesións do Pleno do Consello por orde da Presidencia.

c) Preparar o despacho de asuntos e redactar e autorizar as actas para a súa aprobación.

d) Expedir, co visto e prace da persoa titular da Presidencia, certificacións das consultas, ditames e acordos aprobados.

e) Recibir os actos de comunicación dos membros co órgano e, polo tanto, as notificacións, peticións de datos, rectificacións ou calquera outra clase de escritos dos cales deba ter coñecemento.

f) Cantas outras funcións sexan inherentes á súa condición.

Artigo 12. As vogalías

1. Serán vogais do Consello os nenos, nenas e adolescentes de idades comprendidas entre 8 e 17 anos, no momento da súa designación, que permanecerán como membros ata a finalización do seu mandato, salvo que expresamente manifesten o contrario. O Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia estará integrado por un grupo de 30 nenos, nenas e adolescentes representantes das entidades indicadas a seguir:

a) 15 nenos, nenas e adolescentes en representación dos consellos locais de participación infantil daquelas entidades locais que así o teñan creado e en funcionamento, por proposta de Unicef.

Para favorecer a representatividade territorial mediante os consellos locais, o número máximo de nenos, nenas e adolescentes portavoces dun mesmo consello non poderá ser superior a 3.

b) 10 nenos, nenas e adolescentes procedentes do grupo de participación infantil e adolescente da Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia.

c) 5 nenos, nenas e adolescentes en representación do Sistema de protección de menores da Xunta de Galicia, que serán propostos pola persoa titular do órgano da subdirección xeral competente en materia de infancia.

2. As nenas, nenos e adolescentes participantes formalizarán a súa candidatura a través da proposta do colectivo que representan, que garanta a súa idoneidade para representar un interese colectivo, así como unha presentación individual que poderá ser por escrito ou a través doutra forma de expresión, tamén audiovisual, en que expliquen os motivos polos que queren formar parte deste Consello, que intereses colectivos en materia de dereitos da infancia representarán durante a súa permanencia e como vehiculizarán a participación do resto de nenas, nenos e adolescentes que forman parte da estrutura, organización ou colectivo que os/as avalou na súa candidatura.

As nenas, nenos e adolescentes participantes deberán presentar un documento asinado, co visto e prace dos seus proxenitores, titores ou gardadores legais, en que manifesten que coñecen a súa vontade de ser membro e o seu desexo de participar no Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia.

A convocatoria, os criterios que se apliquen, a selección das candidaturas, así como unha listaxe de suplentes, canalizarase a través dun/dunha técnico/a con titulación de psicólogo/a, pedagogo/a , traballador/a social ou educador/a social dependente do servizo con competencias en materia de protección de menores.

3. Na designación de vogais procurarase que teña unha composición de xénero equilibrada, segundo o previsto no Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade.

4. Correspóndenlles ás vogalías as seguintes funcións:

a) Asistir ás reunións do Pleno.

b) Participar nos debates e elevar recomendacións ao Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia nos asuntos relacionados coas materias que afectan a infancia e a adolescencia.

c) Participar nos informes nos termos que acorde o Pleno do Consello e informar das actuacións desenvoltas polas entidades e institucións que representan.

d) Efectuar propostas á Presidencia do Consello Galego de Infancia e Adolescencia para a súa inclusión na orde do día das reunións do Pleno e das comisións.

e) Exercer o seu dereito a voto, e formular o seu voto particular, así como expresar o sentido do seu voto e os motivos que o xustifican.

f) Obter información precisa para cumprir as funcións asignadas.

g) Formular rogos e preguntas.

h) Cantas outras funcións sexan inherentes á súa condición de membros do Consello.

5. Os/as vogais cesarán nas súas funcións por algunha das causas seguintes:

a) Finalización do mandato.

b) Por proposta das entidades, asociacións ou consellos que representan, comunicada á Presidencia e aceptada por ela.

c) Renuncia expresa, manifestada por escrito, que deberá ser aceptada pola Presidencia do Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia.

d) Por deixaren de concorrer os requisitos que determinaron a súa designación.

e) Por teren cesado como membros da estrutura, organización, asociación, entidade ou colectivo que representan.

f) Incumprimento grave das obrigas, por proposta do Pleno, aprobada por maioría cualificada de dous terzos.

g) Falecemento.

Producida unha vacante, procederase á súa cobertura coa proposta do colectivo que representa, de acordo co previsto no artigo 12.1.

Artigo 13. Duración do mandato

1. Os membros do Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia que teñan a dita condición por razón do seu cargo desempeñarán as súas funcións polo tempo que dure o exercicio deste.

2. O mandato da persoa titular da Secretaría será de catro anos a partir da data da sesión constitutiva, sen prexuízo da súa posible reelección.

3. Transcorrido o período de mandato, continuarán na súa respectiva representación e funcións ata que se produzan os novos nomeamentos e renovacións.

4. Realizarase unha renovación das nenas, nenos e adolescentes membros do Consello cada dous anos. A duración máxima do mandato de cada representante non poderá exceder os 4 anos.

No caso de que unha das persoas membro do Consello fixese os 18 anos durante o seu mandato, non poderá optar a renovalo por outro período de 2 anos ata o máximo de 4.

Artigo 14. Funcionamento

O Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia actuará en Pleno e en comisións.

No seu funcionamento o Consello contará cun equipo dinamizador de asesoramento, auxiliar e de apoio, nos termos recollidos no artigo 17.

O desenvolvemento sobre a súa organización, composición e funcionamento recóllese no regulamento de funcionamento citado no artigo 2.

Artigo 15. O Pleno

1. O Pleno é o órgano supremo de decisión e de formación da vontade do Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia e estará integrado por todos os membros previstos no artigo 7.

2. Correspóndenlle ao Pleno o exercicio das funcións sinaladas no artigo 6, así como a elaboración dun regulamento de réxime interno.

3. O Pleno reunirase en sesión ordinaria, polo menos cada seis meses, e con carácter extraordinario cando sexa convocado pola Presidencia, ben por iniciativa propia ou por solicitude da metade dos seus membros.

Con carácter xeral, procurarase alcanzar o consenso nos acordos ou recomendacións que adopte o Pleno. Con todo, as decisións do Pleno adoptaranse co voto favorable da maioría simple dos membros presentes. O voto da Presidencia será dirimente en caso de empate.

4. O Pleno do Consello entenderase validamente constituído, para efectos da realización de sesións, deliberacións e adopción de acordos, cando concorran quen exerza a Presidencia e a Secretaría ou, de ser o caso, quen os substitúa, e polo menos a metade dos seus membros.

5. As propostas e acordos do Consello serán remitidos aos órganos de goberno, a estudo de servizos interesados, a través da secretaria. Así mesmo, publicaranse na web de participación, co fin de procurar a maior difusión posible ao conxunto da infancia e adolescencia galegas.

Artigo 16. As comisións

1. O Pleno do Consello poderá crear, cando o considere necesario, comisións de traballo, con carácter permanente ou temporal, para o exame das materias obxecto da súa competencia, ás que encomendará o estudo e análise de temas específicos, co fin de dinamizar o seu funcionamento e dotalo de maior operatividade.

2. O Pleno determinará na constitución das comisións de traballo o obxecto, a finalidade, a composición e o funcionamento de cada unha delas.

En todo caso, nas ditas comisións terá que estar presente persoal técnico como informadores cualificados en función da temática que se aborde. A presenza de grupos dinamizadores formados en enfoque de dereitos garantirá a preparación, o seguimento e o impulso das reunións e servirá de soporte á comunicación entre os integrantes.

3. Son funcións das comisións de traballo:

a) Propoñer actuacións que involucren a infancia nas políticas autonómicas.

b) Asesorar o Pleno do Consello nos asuntos que lle sexan sometidos.

c) Estudar e investigar temas de importancia e relevancia para a infancia en Galicia.

d) Elevar informes dos diferentes estudos e investigacións, así como das súas conclusións ao Pleno do Consello.

e) Realizar propostas alternativas.

Artigo 17. Equipo dinamizador

1. O equipo dinamizador estará composto por dous/dúas empregados/as públicos/as de perfil técnico cualificado, con coñecementos no enfoque dos dereitos da infancia e con experiencia no traballo con nenos, nenas e adolescentes, adscritos/as ao órgano de dirección competente en materia de infancia, designados/as pola persoa titular do dito órgano de dirección.

2. O equipo dinamizador terá, entre outras, as seguintes funcións:

a) Proporcionar soporte técnico, asesoramento, acompañamento e control dos recursos materiais e persoais para o funcionamento do Consello.

b) Dar traslado aos membros do Pleno de calquera proposta que se lles presente.

c) Actualizar a documentación que sirva de soporte para as actuacións do Consello.

d) Dinamizar o Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia.

e) Acompañar os procesos de traballo das comisións, propoñendo metodoloxías concretas e adaptadas ás necesidades e á realidade dos nenos, nenas e adolescentes.

3. Os adultos dinamizadores e acompañantes dos membros do Consello terán voz, pero non voto.

4. O equipo dinamizador absterase, en todo caso, de influír na actuación do Consello, sen prexuízo das aclaracións e as suxestións que deriven das súas funcións de apoio técnico e asesoramento.

Artigo 18. Protección de datos persoais

A organización e o funcionamento do Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia respectará, en todo momento, os dereitos dos menores e, en concreto, a protección dos seus datos persoais e o dereito á súa intimidade, honra e á súa imaxe, conforme o Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos; a Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, e a Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, de protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.

Disposición adicional primeira. Uso de linguaxe non sexista

O Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia deberá facer un uso non sexista de todo tipo de linguaxe nos documentos e soportes que se produzan, e fomentará a implantación dunha linguaxe integradora, inclusiva e non sexista, así como a promoción de imaxes non estereotipadas.

Disposición adicional segunda. Réxime económico

As persoas que compoñen o Consello non percibirán ningún tipo de contraprestación nin remuneración, nin polo exercicio das súas funcións nin pola súa asistencia.

O financiamento do Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia realizarase a través das consignacións correspondentes ao departamento da Administración autonómica competente en materia de familia e infancia nos orzamentos xerais da Xunta de Galicia. A constitución e posta en funcionamento destes órganos non xerará aumento dos créditos orzamentarios asignados ao dito departamento.

Disposición adicional terceira. Constitución do Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia

O Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia constituirase dentro dos seis meses seguintes á entrada en vigor deste decreto.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo

Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de infancia para ditar as disposicións necesarias para facilitar o correcto funcionamento do Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia, así como para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

O presente decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezanove de xaneiro de dous mil vinte e tres

Alfonso Rueda Valenzuela

Presidente

Fabiola García Martínez

Conselleira de Política Social e Xuventude

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia