lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Decreto 225/2022, do 29 de decembro, polo que se modifica o Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación e se aproban os seus estatutos.

Publicado en: DOG 12 18/01/2023

Departamento: Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

Estado: En vigor

PDF

A Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, autorizou na súa disposición adicional segunda a creación da Axencia Galega de Innovación (Gain), adscrita á Consellería de Economía, Emprego e Industria. A finalidade da Gain é apoiar e impulsar a innovación das empresas galegas e fomentar e vertebrar as políticas de I+D+i nas administracións públicas galegas. No ano 2012 aprobouse o Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación e se aproban os seus estatutos (DOG núm. 19, do 27 de xaneiro).

Para o cumprimento dos obxectivos sinalados, na actualidade, a estrutura orgánica da Axencia é a establecida no Decreto 105/2021, do 1 de xullo (DOG núm. 133, do 14 de xullo), polo que se modifica o Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación e se aproban os seus estatutos, que determina a existencia dunha dirección con rango de director/a xeral, catro áreas e dous departamentos:

a) Área de Xestión.

b) Área de Programas.

c) Área de Servizos.

d) Área de Centros.

e) Departamento de Coordinación do Polo Aeroespacial de Rozas.

f) Departamento de Apoio á Comisión Interdepartamental de I+D+i.

A Axencia Galega de Innovación está a promover o desenvolvemento dun polo tecnolóxico e industrial arredor dos sistemas non tripulados en Galicia coa finalidade de facer da Comunidade galega un referente a nivel internacional nesta materia e posicionar Galicia nun dos sectores de maior potencial de mercado no futuro.

A consolidación do Polo Aeroespacial de Rozas como iniciativa estratéxica da Xunta de Galicia para o desenvolvemento dun novo sector de alta tecnoloxía na rexión mobiliza recursos a nivel autonómico, nacional e internacional públicos e privados.

Este investimento canalízase a través de diversos programas e proxectos, executados por parte de Gain mediante instrumentos innovadores de colaboración público-privada enfocados a mellorar a eficacia, eficiencia e a seguridade dos servizos da Xunta. A iniciativa finánciase con fondos propios, Feder, MRR e fondos achegados por empresas privadas.

A iniciativa ten carácter estratéxico non só por afectar a totalidade das consellerías da Xunta e por involucrar outros entes financiadores da Administración xeral do Estado, senón por supoñer unha transformación económica e social na contorna do aeródromo de Rozas, en Lugo, e, en sentido máis amplo, en toda Galicia.

A atracción das grandes empresas do sector aeroespacial como Airbus, Boeing, Telespazio, Indra ou Babcock supón unha oportunidade para as pemes galegas de consolidarse nun sector de alta tecnoloxía con alto crecemento, así como a creación de emprego de alta calidade en Galicia.

O 20 de maio de 2021 o Consello da Xunta aprobou o Plan Estratéxico do Polo Aeroespacial de Galicia 21-25 (Civil UAVs Initiative-CUI) sustentado en 7 programas e 30 actuacións, que prevé un investimento público e privado de 540 millóns de euros.

Neste contexto, resulta aconsellable dotar a estrutura da Axencia dunha unidade dedicada de maneira exclusiva á xestión desta iniciativa.

Polo que antecede, cómpre modificar a estrutura organizativa da Axencia Galega de Innovación para adaptala as novas necesidades e funcións asignadas para outorgarlle a máxima eficacia no seu exercicio.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e nove de decembro de dous mil vinte e dous,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación e se aproban os seus estatutos

Os estatutos da Axencia Galega de Innovación, aprobados polo Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, e modificados polo Decreto 15/2014, do 6 de febreiro; o Decreto 125/2016,do 1 de setembro; o Decreto 85/2019, do 4 de xullo, e o Decreto 105/2021, do 1 de xullo, quedan modificados como segue:

Un. Modifícase o artigo 20 dos estatutos, que queda redactado como segue:

«Artigo 20. Estrutura organizativa

1. A Axencia Galega de Innovación quedará estruturada en unidades orgánicas dependentes directamente da Dirección da Axencia.

2. As unidades orgánicas en que se estruturará a Axencia serán cinco áreas e un departamento:

a) Área de Xestión.

b) Área de Programas.

c) Área de Servizos.

d) Área de Centros.

e) Área de Coordinación do Polo Aeroespacial de Rozas.

f) Departamento de Apoio á Comisión Interdepartamental de I+D+i».

Dous. Modifícase o artigo 22 quater dos estatutos, que queda redactado como segue:

«Artigo 22 quater. Área de Coordinación do Polo Aeroespacial de Rozas

Con nivel orgánico de subdirección xeral, correspóndelle a esta unidade a coordinación co CIAR (Centro de Investigación Aerotransportada de Rozas) promovendo a utilización do Parque Industrial de Rozas (Lugo), así como das súas infraestruturas como espazo tecnolóxico orientado á innovación, e terá atribuídas as seguintes funcións:

1. En relación co CIAR, como centro de investigación mixto creado entre a Axencia Galega de Innovación, o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e o Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial Esteban Terradas (INTA):

a) Seguimento do cumprimento das obrigas derivadas do convenio de creación do CIAR e coordinación das súas actividades.

b) Promoción do CIAR: promoción das súas infraestruturas, programación e organización de visitas, e as relacións con empresas interesadas nos seus servizos e no uso das súas instalacións e equipamentos.

c) Todas aquelas tarefas que lle asigne a Dirección relacionadas co CIAR.

2. En relación co Parque Industrial de Rozas:

a) En coordinación co Igape, a xestión e seguimento das convocatorias e procedementos orientados á implantación de empresas e entidades privadas.

b) A xestión e seguimento dos contratos que se asinen coas empresas que se implanten nel.

c) A promoción e difusión das actividades que se desenvolvan no Parque.

d) Calquera outra que se lle encomende no ámbito das súas competencias.

3. En relación coa Civil UAVs Initiative:

a) Apoio á Área de Xestión nas seguintes materias:

– Xestión económico-administrativa de todos os programas da Civil UAVs Initiative.

– Licitación dos contratos pertencentes ao ámbito da Civil UAVs Initiative.

b) O seguimento, monitorización e coordinación das actividades de difusión e comunicación da CUI».

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e nove de decembro de dous mil vinte e dous

Alfonso Rueda Valenzuela

Presidente

Francisco José Conde López

Vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia