lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Orde do 27 de decembro de 2022 pola que se modifica a Orde da Consellería de Facenda, do 20 de decembro de 2012, pola que se establece a organización e se atribúen determinadas funcións no ámbito de competencias das áreas de Xestión e de Colaboración Social, Información e Asistencia da Axencia Tributaria de Galicia.

Publicado en: DOG 248 30/12/2022

Departamento: Consellería de Facenda e Administración Pública

Estado: En vigor

PDF

Inclúe a corrección de erros publicada no DOG núm. 9, do 13 de xaneiro de 2023.

O Estatuto da Axencia Tributaria de Galicia inclúese como anexo do Decreto 202/2012, do 18 de outubro, polo que se crea a Axencia Tributaria de Galicia e se aproba o seu estatuto, e estrutúrase en 44 artigos, agrupados en cinco títulos. No devandito estatuto delimítanse as funcións que, con carácter xeral, corresponden á persoa titular da Dirección da Axencia Tributaria de Galicia e ás diferentes áreas e departamentos que integrarán a estrutura da Axencia, así como as funcións dos órganos de goberno, do órgano de apoio e do órgano de control.

A este respecto, a Orde da Consellería de Facenda, do 20 de decembro de 2012, pola que se establece a organización e se atribúen determinadas funcións no ámbito de competencias das áreas de Xestión e de Colaboración Social, Información e Asistencia da Axencia Tributaria de Galicia, desenvolve o disposto no Estatuto da Axencia Tributaria de Galicia en canto á determinación da estrutura e as funcións de xestión tributaria, do exercicio da potestade sancionadora en materia tributaria e de revisión administrativa dos órganos de xestión tributaria.

A Lei 7/2022, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, modifica, entre outros, os artigos 22 e 23 do Estatuto da Axencia Tributaria de Galicia con efectos desde o 1 de xaneiro de 2023.

Así, por unha banda, o artigo 22 modifícase coa finalidade de reordenar as funcións asignadas aos departamentos que compoñen a Área de Colaboración Social, Información e Asistencia e, pola outra, o artigo 23 modifícase de xeito que a formulación das súas funcións se homoxeneiza coa establecida para o resto de órganos ou unidades da Axencia Tributaria de Galicia con funcións de xestión, de recadación ou de inspección tributarias.

Deste xeito, o Estatuto da Axencia Tributaria de Galicia dispón que os órganos de xestión tributaria da Axencia Tributaria de Galicia exercerán as funcións de xestión tributaria previstas no artigo 117 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, de imposición de sancións e de revisión en vía administrativa, que se lles atribúan mediante orde da consellería competente en materia de facenda.

Por tanto, cómpre, por unha banda, adaptar o artigo 2 da referida Orde da Consellería de Facenda, do 20 de decembro de 2012, á modificación do estatuto e, pola outra, concretar nos artigos 3 e 4 da dita norma o ámbito material de actuacións do Departamento de Tributos de Xestión Centralizada.

A disposición derradeira terceira do Decreto 202/2012, do 18 de outubro, faculta a persoa titular da consellería competente en materia de facenda para ditar cantos actos e disposicións sexan necesarios para o desenvolvemento e a execución do previsto no decreto.

En consecuencia, e conforme sinala o artigo 54.3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, por iniciativa e por proposta da consellería competente en materia de facenda, no exercicio das facultades outorgadas polo Decreto 202/2012, do 18 de outubro, nos artigos 23 e 31 e na disposición derradeira terceira e mais no artigo 34.4 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, cos preceptivos informes favorables,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde da Consellería de Facenda, do 20 de decembro de 2012, pola que se establece a organización e se atribúen determinadas funcións no ámbito de competencias das áreas de Xestión e de Colaboración Social, Información e Asistencia da Axencia Tributaria de Galicia

Modifícase a Orde da Consellería de Facenda, do 20 de decembro de 2012, pola que se establece a organización e se atribúen determinadas funcións no ámbito de competencias das áreas de Xestión e de Colaboración Social, Información e Asistencia da Axencia Tributaria de Galicia, da forma que se indica a continuación:

Un. Modifícase a letra A) do número 4 do artigo 2 da orde, que queda coa seguinte redacción:

«A) O Departamento Central de Estudos, Información e Asistencia, que exercerá, entre outras, as seguintes funcións:

a) A coordinación dos departamentos de Información e Asistencia Tributaria das delegacións, outros órganos de xestión e de calquera outra organización que preste servizos propios da Axencia, en materia de información e asistencia tributaria.

b) A planificación e coordinación das campañas de información e asistencia tributaria, atendendo principalmente aos cambios normativos de especial transcendencia.

c) A xestión, mantemento e actualización do contido da páxina web e da sede electrónica da Axencia.

d) A elaboración e o mantemento dos modelos oficiais de declaracións, autoliquidacións, comunicacións ou solicitudes tributarias e de calquera documento normalizado.

e) O mantemento da base de datos de coñecemento, a recompilación e a publicación dos textos actualizados das normas tributarias, de doutrina administrativa de maior transcendencia, de manuais, guías e calquera outra publicación dirixida a facilitar tanto a aplicación dos tributos por parte dos órganos e unidades da Administración tributaria como o cumprimento das obrigacións tributarias por parte da cidadanía.

f) A xestión dos programas a través dos cales se canalicen as consultas dos órganos e unidades administrativas da Axenciae a emisión de informes en materia técnico-tributaria que non corresponda a outras áreas, con criterios xerais que aseguren o tratamento homoxéneo e coordinado dos obrigados tributarios.

g) A xestión dos programas e aplicacións informáticas a través dos cales se canalicen as solicitudes de información dos obrigados tributarios e a emisión de respostas automatizadas a estas.

h) A emisión de certificados tributarios, no ámbito das súas competencias.

i) A dirección da prestación do servizo de atención telefónica da Axencia e a coordinación das súas persoas operadoras tanto na esfera central como nas esferas territoriais.

j) A elaboración de estudos e informes sobre as distintas actuacións e procedementos desenvoltos pola Axencia.

k) O estudo, deseño e proposta dos sistemas e procedementos que se vaian utilizar no ámbito das súas competencias.

l) A proposta de instrucións ou circulares no seu ámbito de competencias.

m) As demais que lle encomende a persoa titular da área ou se lle deleguen».

Dous. Modifícase a letra B) do número 4 do artigo 2 da orde, que queda coa seguinte redacción:

«B) O Departamento de Colaboración Social e Administrativa, que exercerá, entre outras, as seguintes funcións:

a) A tramitación e supervisión dos acordos de colaboración social con outras administracións públicas, con entidades privadas ou con institucións ou organizacións representativas de sectores ou intereses sociais, laborais, empresariais ou profesionais.

b) A colaboración e intercambio de datos e información necesaria cos órganos de control e inspección autonómicos e doutras administracións públicas e, en particular, co Consello de Contas de Galicia, a Inspección de Servizos do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, co Consello Superior para a Dirección e Coordinación da Xestión Tributaria e co Consello Territorial para a Dirección e Coordinación da Xestión Tributaria.

c) Canalizar as relacións entre os órganos da Axencia e os órganos económico-administrativos e os xuíces e tribunais da orde xurisdicional contencioso-administrativa.

d) A elaboración de informes para a proposta de interposición de recursos contenciosoadministrativos, o seguimento e control en materia de medidas cautelares e de execución de resolucións, autos e sentenzas, canalizando a relación coa Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia.

e) O estudo, deseño e proposta dos sistemas e procedementos que se vaian utilizar no ámbito das súas competencias.

f) A proposta de instrucións ou circulares no seu ámbito de competencias.

g) A tramitación dos procedementos de revogación e dos procedementos especiais de revisión de actos nulos de pleno dereito e de declaración de lesividade de actos anulables, cando a resolución ou a súa proposta corresponda á Dirección da Axencia.

h) As demais que lle encomende a persoa titular da área ou se lle deleguen».

Tres. Modifícase a letra a) do número 2 do artigo 3 da orde, que queda coa seguinte redacción:

«a) A xestión centralizada dos tributos relacionados na letra A) do número 1 do artigo 4, así como o exercicio da potestade sancionadora en materia tributaria no devandito ámbito material e a revisión en vía administrativa dos actos correspondentes, a través do departamento a que se refire o artigo 4».

Catro. Modifícase o parágrafo primeiro da letra A) do número 1 do artigo 4 da orde, que queda coa seguinte redacción:

«A) No ámbito material dos impostos propios, dos tributos sobre o xogo, do imposto sobre o patrimonio e do imposto sobre o depósito de residuos en vertedoiros, a incineración e a coincineración de residuos que lle corresponde á Axencia».

Corrección de erros. Artigo único redactado conforme a correción de erros publicada no DOG núm. 9, do 13 de xaneiro de 2023.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2023.

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2022

Miguel Corgos López-Prado

Conselleiro de Facenda e Administración Pública

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia