lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Orde do 23 de decembro de 2022 pola que se crea a Rede de centros de simulación clínica avanzada do Sistema Público de Saúde de Galicia e o seu Consello Técnico Asesor.

Publicado en: DOG 6 10/01/2023

Departamento: Consellería de Sanidade

Estado: En vigor

PDF

O impulso da xestión do coñecemento e da formación dos/das profesionais do Sistema Público de Saúde de Galicia constitúe un obxectivo fundamental da Consellería de Sanidade. Para iso é preciso traballar baixo un prisma de aprendizaxe adaptativo, coa finalidade de permitir modificar os contidos e metodoloxías de formación e adaptalos ás necesidades do sistema de saúde, de acordo cos medios que podan existir en cada momento.

A simulación permite reproducir experiencias reais de pacientes a través de escenarios guiados e controlados, creando un contexto que imita algún aspecto da realidade e que establece situacións ou problemas similares aos que se enfronta o persoal profesional durante as diferentes prácticas clínicas ou cirúrxicas.

A formación baseada na simulación é unha ferramenta docente cada vez máis importante que permite incrementar os niveis de capacitación e as competencias, especialmente nas habilidades clínicas, dos/das profesionais sanitarios/as dentro dunha contorna segura. Nos últimos anos vénse producindo a nivel mundial unha aceleración no uso da simulación na formación, dada, precisamente, a importancia para os sistemas sanitarios de crear unha cultura de seguridade para as/os pacientes.

Doutra banda, os avances tecnolóxicos permiten o desenvolvemento de modalidades cada vez máis sofisticadas de simulación, e na actualidade disponse de modelos complexos de alta tecnoloxía e altamente realistas.

A formación –ou o adestramento– baseados na simulación son ferramentas que permiten diminuír a curva de aprendizaxe, pois permiten repetir as técnicas todas as veces que sexa necesario. Permiten, ademais, a aprendizaxe a través do erro, moi importante para poder reflexionar sobre el e poder corrixir os fallos clínicos ou de coordinación, simulando distintas experiencias prácticas, en distintas contornas, con maior ou menor complexidade. Do mesmo xeito, permiten o desenvolvemento de capacidades superiores, como as competencias en comunicación grupal, discusión e xustificación de accións, traballo baseado en evidencia, xestión do estrés ou do razoamento clínico.

O desenvolvemento do coñecemento da simulación clínica require, cada vez máis, da cooperación e do traballo en rede que permita compartir os recursos dispoñibles e facilite a súa especialización.

Por iso, para proporcionar o apoio necesario para que o persoal profesional sanitario dispoña de recursos que faciliten a mellora da calidade asistencial, docente e de investigación, a través da simulación clínica, créase a Rede de centros de simulación clínica avanzada do Sistema Público de Saúde de Galicia.

Para seguir avanzando neste proceso de consolidación, considérase necesario crear, ademais, un consello de carácter técnico, no cal se incorporen as persoas responsables das distintas áreas e centros sanitarios, que se encargarán de asesorar no desenvolvemento da rede e da súa actividade, así como de organizar e difundir o acceso aos recursos dispoñibles.

En consecuencia, de conformidade coas facultades que me confiren os artigos 34.6 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

ACORDO:

Artigo 1. Obxecto

1. O obxecto da presente orde é crear a Rede de centros de simulación clínica avanzada do Sistema Público de Saúde de Galicia, constituída polo conxunto de recursos de simulación á disposición da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde, e que traballará na posta en común de medios e programas para a formación en simulación das/dos profesionais do Sistema Público de Saúde de Galicia.

2. Asemade, créase o Consello Técnico Asesor da Rede de centros de simulación clínica avanzada do Sistema Público de Saúde de Galicia, que terá como finalidade o desenvolvemento e mellora continua dos programas formativos en simulación no ámbito do Sistema Público de Saúde de Galicia.

Artigo 2. Obxectivo da Rede de centros de simulación clínica avanzada do Sistema Público de Saúde de Galicia

O obxectivo da Rede de centros de simulación clínica avanzada do Sistema Público de Saúde de Galicia é facilitarlle ao seu persoal programas formativos en simulación de relevancia para o seu labor na práctica clínica, compartindo recursos e favorecendo a unificación de criterios de formación.

Artigo 3. Finalidade

As principais finalidades da Rede de centros de simulación clínica avanzada do Sistema Público de Saúde de Galicia son:

a) Facilitar o desenvolvemento dos plans de formación a través do emprego da simulación como ferramenta docente e de aprendizaxe.

b) Favorecer, no proceso de formación sanitaria especializada, o acceso das persoas residentes en formación aos recursos da rede.

c) Promover a organización conxunta dos recursos de simulación á disposición do Sistema Público de Saúde de Galicia, unificando criterios de formación e favorecendo a especialización e as sinerxías do traballo conxunto.

d) Fomentar o uso da simulación como ferramenta para a formación e investigación na seguridade do/da paciente.

e) Facilitar o intercambio de coñecemento entre o persoal instrutor e as persoas expertas en técnicas de simulación, actuando como foro de intercambio de información e experiencias entre os membros do grupo.

Na procura destas finalidades, terase en conta a perspectiva de xénero.

Artigo 4. Coordinadores/as de simulación clínica avanzada das áreas sanitarias do Servizo Galego de Saúde

1. En cada área sanitaria designará a súa respectiva xerencia unha persoa coordinadora de simulación clínica avanzada, que será a responsable de asesorar o seu equipo directivo sobre as necesidades neste ámbito, así como de establecer os criterios para o uso destes recursos.

2. Cada área sanitaria do Servizo Galego de Saúde será responsable do mantemento dos recursos de simulación dispoñibles e das actualizacións que considere necesario efectuar neles.

Artigo 5. Funcións do Consello Técnico Asesor

O Consello Técnico Asesor desenvolverá as seguintes funcións:

a) Asesorar no desenvolvemento e consolidación dunha política de formación en simulación clínica avanzada para todos os centros sanitarios do Sistema Público de Saúde de Galicia, coa finalidade de garantir a equidade e o acceso ao coñecemento dos/das seus/súas profesionais.

b) Promover a relación e coordinación de todos os recursos de simulación clínica dos centros do Sistema Público de Saúde de Galicia.

c) Prestar asesoramento sobre equipamentos e medios nos centros do Sistema Público de Saúde de Galicia.

d) Realizar propostas concretas de actuacións para a mellora dos recursos de simulación clínica avanzada no Sistema Público de Saúde de Galicia.

e) Organizar e difundir o acceso aos recursos dispoñibles, así como organizar actividades e promover o coñecemento das accións formativas programadas, en coordinación coas distintas áreas sanitarias.

f) Coñecer as propostas de formación en simulación clínica avanzada no ámbito do Sistema Público de Saúde de Galicia, promovendo a participación do persoal profesional.

g) Aquelas outras funcións que lle sexan encomendadas.

No desenvolvemento das súas funcións, o Consello Técnico Asesor terá en conta a perspectiva de xénero.

Artigo 6. Adscrición e composición do Consello Técnico Asesor

1. O Consello Técnico Asesor da Rede de centros de simulación clínica avanzada do Sistema Público de Saúde de Galicia está adscrito á Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde.

2. O Consello Técnico Asesor estará composto por un/unha presidente/a e 14 vogais.

A Presidencia do consello corresponderalle á persoa titular da Xerencia da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde ou persoa en quen aquela delegue.

Serán vogais natos/as as persoas que, no ámbito de cada área sanitaria, sexan designadas para desenvolver as funcións de coordinación das distintas actuacións en materia de simulación clínica avanzada, así como a persoa titular da dirección da área encargada da docencia e formación da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde.

As/os demais vogais, ata o número máximo establecido, serán designados/as pola Presidencia da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde. Dos/das ditos/as vogais, unha persoa será proposta pola dirección xeral con competencias en materia de asistencia sanitaria do Servizo Galego de Saúde, outra será proposta pola dirección xeral con competencias en materia de recursos humanos do Servizo Galego de Saúde, outra será proposta pola dirección xeral con competencias en saúde pública da consellería competente en materia de sanidade e outra será proposta pola Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

3. O/a secretario/a do Consello Técnico Asesor será designado/a pola Xerencia da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde. No caso de non ser membro do consello, actuará con voz, pero sen voto.

Artigo 7. Principio de presenza equilibrada

Na composición do consello, sempre que sexa posible en atención á dispoñibilidade dos/das profesionais que o poden conformar, procurarase acadar unha presenza equilibrada de homes e mulleres.

Artigo 8. Funcións do/da presidente/a do Consello Técnico Asesor

A persoa que exerza a presidencia do Consello Técnico Asesor da Rede de centros de simulación clínica avanzada do Sistema Público de Saúde de Galicia desempeñará as seguintes funcións:

a) Exercer a súa representación.

b) Manter a continuidade do consello, coordinar as súas actividades e executar os acordos que se adopten.

c) Acordar a convocatoria das reunións ordinarias e extraordinarias e a fixación da orde do día.

d) Exercer cantas outras funcións sexan inherentes á súa condición de presidenta/e, de acordo co disposto no artigo 16 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 9. Funcionamento

1. O Consello Técnico Asesor da Rede de centros de simulación clínica avanzada do Sistema Público de Saúde de Galicia reunirase, con carácter ordinario, cada seis meses. Con carácter extraordinario poderá reunirse a iniciativa da súa Presidencia ou por iniciativa da terceira parte dos seus membros.

2. O Consello quedará validamente constituído coa asistencia das persoas que exerzan a Presidencia e a Secretaría e, como mínimo, da metade dos seus membros. O/a secretario/a poderá ser substituído/a por unha persoa suplente, de existir, ou por outro membro, designado para o acto de que se trate polos membros do consello.

3. De cada reunión que se realice elaborarase unha acta en que deberá constar o lugar, data e hora de comezo e finalización da reunión, identificación das persoas asistentes, indicación dos asuntos tratados, dos acordos adoptados e, de ser o caso, o senso dos votos emitidos.

4. Ás sesións do consello poderán asistir, con voz e sen voto, as persoas que se consideren necesarias por razón da súa especialidade, por iniciativa da Presidencia ou por acordo maioritario do propio consello.

5. A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde facilitará os medios necesarios para a realización das reunións.

Artigo 10. Subcomisións

1. O Consello Técnico Asesor da Rede de centros de simulación clínica avanzada do Sistema Público de Saúde de Galicia poderá contar coas subcomisións sectoriais que sexan necesarias para o desenvolvemento dos seus fins. A composición e funcionamento destas subcomisións serán acordados polo Pleno do Consello Técnico Asesor.

2. Na composición destas subcomisións, sempre que sexa posible en atención á dispoñibilidade dos/das profesionais que as poden conformar, procurarase acadar unha presenza equilibrada de homes e mulleres.

Artigo 11. Réxime supletorio

En todo o non previsto nesta orde aplicarase o disposto nos preceptos básicos sobre órganos colexiados da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e na sección 3ª do capítulo I do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro.

Disposición adicional única. Crédito orzamentario

A posta en marcha e o funcionamento da Rede de centros de simulación clínica avanzada do Sistema Público de Saúde de Galicia e do seu Consello Técnico Asesor, de conformidade co regulado nesta orde, non xerarán aumento dos créditos orzamentarios asignados á Consellería de Sanidade, ao Servizo Galego de Saúde nin á Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde.

Disposición derradeira primeira. Execución

Facúltase a Xerencia da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde para adoptar as medidas necesarias co fin de aplicar o disposto nesta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2022

Julio García Comesaña

Conselleiro de Sanidade

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia