lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Decreto 210/2022, do 1 de decembro, polo que se modifica o Decreto 50/2021, do 11 de marzo, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Mar.

Publicado en: DOG 239 19/12/2022

Departamento: Consellería do Mar

Estado: En vigor

PDF

O Decreto 50/2021, do 11 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Mar, recolle o marco de distribución de competencias entre os diferentes órganos da consellería, atendendo aos principios de eficacia, suficiencia e racionalización que debe presidir a actuación administrativa.

Tal e como consta na exposición de motivos, a través deste decreto creouse a Subdirección Xeral de Planificación, Seguimento e Verificación do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, a que lle corresponden fundamentalmente as funcións de verificación das operacións financiadas co Fondo Europeo Marítimo e da Pesca.

Para o desenvolvemento das súas funcións, a Subdirección Xeral conta co Servizo de Verificación do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, a que lle corresponden as funcións que se indican no número 2.1 do artigo 6.

É preciso modificar a función sinalada na letra e), xa que se lle atribúe a función de corrixir as irregularidades e incidencias observadas nos informes de control e informar a autoridade de xestión dos resultados desta corrección. Esta competencia, en realidade, correspóndelle aos órganos encargados da xestión, dado que o Servizo de Verificación do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca unicamente propón a corrección das irregularidades e incidencias observadas nos informes de control para que o organismo intermedio encargado da xestión informe a autoridade de xestión dos resultados desta corrección.

Ademais disto, durante o tempo de vixencia do decreto de estrutura vense apreciando a necesidade de adecuar a carga de traballo xerada no ámbito competencial e de xestión da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, así como de adaptar a terminoloxía que defina de maneira máis axeitada as súas funcións e relacións co sector.

A evolución da importancia económica da actividade marítimo-pesqueira en Galicia fai que a chamada cadea mar-industria tome cada vez máis forza, impulsada pola xeración de novos produtos do mar transformados e pola obtención de maior valor engadido mediante este proceso. Este peso social e económico debe estar reflectido na propia denominación das subdireccións xerais.

Cómpre modificar, polo tanto, a denominación da actual Subdirección Xeral de Innovación Tecnolóxica, que pasa a denominarse Subdirección Xeral de Competitividade da Cadea Mar-Industria, precisamente para deixar plasmados os obxectivos que presiden a súa actuación, que non son outros que acadar unha competitividade plena das estruturas produtivas e transformadoras dentro dos mercados globais, mediante a crecente incorporación e avance da tecnoloxía.

Esta competitividade, auspiciada tanto na política común de pesca coma na organización común dos mercados da pesca e da acuicultura, atinxe tanto as propias industrias de transformación coma a propia frota pesqueira, e ten tamén como obxectivo a adecuación progresiva das estruturas para incorporar xente moza á actividade, mantendo a calidade e a seguridade hixiénico-sanitaria da produción, así como a seguridade e habitabilidade a bordo dos buques de pesca.

Por outra banda, a crecente carga de traballo da Subdirección Xeral de Pesca e Mercados da Pesca e a súa vinculación con novas liñas de gobernanza pesqueira, así como a importancia e volume de actividade xerada pola cadea mar-industria e a derivada comercial desta estrutura, fan recomendable a súa escisión e a creación dunha nova subdirección que lles permita aos seus titulares unha máis axeitada e asumible xestión da actividade diaria e unha formulación e desenvolvemento de tarefas de gobernanza co sector.

Como consecuencia, configúranse dúas subdireccións: a Subdirección Xeral de Pesca, na que se integran o Servizo de Pesca e o Servizo de Análises e Rexistros, e a Subdirección Xeral de Valorización dos Produtos do Mar, na cal se integra o Servizo de Mercados.

No caso da Subdirección Xeral de Pesca, a súa creación implica un reforzo da capacidade de seguimento e información na xestión e ordenación da actividade pesqueira de altura e grande altura e das súas implicacións e relacións, especialmente no relativo ás relacións e normativa emanadas da Unión Europea, da Administración xeral do Estado e das organizacións rexionais de pesca.

No relativo á Subdirección Xeral de Valorización dos Produtos do Mar, responde a súa creación á vontade de atender a importancia crecente da necesidade de xerar valor engadido para os produtos do mar, entendendo que a rendibilidade económica é clave para manter a sustentabilidade da actividade.

En consecuencia, procede agora aprobar a modificación da estrutura orgánica da Consellería do Mar, tendo en conta o disposto no capítulo II do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Na súa virtude, por proposta da conselleira do Mar e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do un de decembro de dous mil vinte e dous,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 50/2021, do 11 de marzo, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Mar

O Decreto 50/2021, do 11 de marzo, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Mar, queda modificado como segue:

Un. A letra e) do número 2.1 do artigo 6 queda redactada como segue:

«e) Propoñer a corrección das irregularidades e incidencias observadas nos informes de control para que o organismo intermedio encargado da xestión informe a autoridade de xestión dos resultados desta corrección».

Dous. O artigo 11 queda redactado como segue:

«Artigo 11. Funcións e estrutura

1. Á Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica correspóndelle exercer as seguintes funcións:

a) A dirección e coordinación das competencias e funcións en materia de ordenación pesqueira en augas interiores e acuicultura.

b) A dirección e coordinación das competencias e funcións en materia das industrias de transformación, comercialización e almacenamento dos produtos da pesca, o marisqueo e a acuicultura.

c) A elaboración de estatísticas e rexistros en materia de pesca, marisqueo e acuicultura.

d) A promoción da competitividade dos produtos pesqueiros, marisqueiros e da acuicultura e o fomento da súa calidade.

e) A conservación, protección e xestión sustentable dos recursos mariños.

f) A coordinación da sanidade dos animais acuáticos e dos establecementos de acuicultura.

g) A cooperación pesqueira interinstitucional e co exterior, de acordo coa política pesqueira galega e mais as regulamentacións básicas da Unión Europea e da Administración xeral do Estado.

2. Para o desenvolvemento das anteditas funcións, esta dirección xeral estrutúrase nas seguintes unidades:

2.1. Subdirección Xeral de Competitividade da Cadea Mar-Industria.

Correspóndenlle a esta subdirección xeral as seguintes funcións:

a) A execución de todas as accións desenvolvidas no eido da innovación tecnolóxica das estruturas pesqueiras galegas, especialmente no relativo á súa modernización e adecuación aos mercados globalizados e, en particular, ao desenvolvemento da frota pesqueira galega e da industria de transformación dos produtos da pesca, do marisqueo e da acuicultura.

b) A coordinación administrativa, execución e seguimento do orzamento das actuacións transversais da Dirección Xeral.

Para o desenvolvemento das súas funcións, esta subdirección xeral estrutúrase nas seguintes unidades administrativas, con nivel orgánico de servizo:

2.1.1. Servizo de Innovación Tecnolóxica da Frota.

Corresponderanlle a este servizo as seguintes funcións

a) A planificación e xestión das diferentes liñas de axudas destinadas á frota galega.

b) A xestión das diferentes medidas orientadas a favorecer a innovación e a competitividade da frota pesqueira galega mediante accións encamiñadas á súa reestruturación, renovación e modernización.

c) A tramitación das autorizacións para construír, modernizar e reconverter buques.

d) O control do esforzo pesqueiro a través das modificacións na composición da frota pesqueira galega.

e) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados, en razón da súa competencia, pola Dirección Xeral.

2.1.2. Servizo de Innovación Tecnolóxica das Industrias.

Corresponderanlle a este servizo as seguintes funcións: a) A planificación e xestión das diferentes liñas de axudas destinadas ás empresas de transformación de produtos da pesca, marisqueo e acuicultura.

b) A xestión das diferentes medidas dedicadas á creación, renovación, modernización e innovación tecnolóxica das empresas de transformación e comercialización dos produtos da pesca, do marisqueo e da acuicultura.

c) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados, en razón da súa competencia, pola Dirección Xeral.

2.2. Subdirección Xeral de Valorización dos Produtos do Mar.

Corresponderanlle a esta subdirección xeral as seguintes funcións:

a) Fomentar todas aquelas accións encamiñadas a incrementar a competitividade das empresas da pesca, o marisqueo e a acuicultura nun contexto globalizado, mediante o reforzamento da súas capacidades de innovación e adaptación ás demandas do mercado e, especialmente, no eido da regulación dos mercados pesqueiros, na mellora das canles de comercialización, na adopción de novos mecanismos de comercialización e na promoción dos produtos da pesca, o marisqueo e a acuicultura.

b) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados, en razón da súa competencia, pola Dirección Xeral.

Para o desenvolvemento das súas funcións, esta subdirección xeral estrutúrase nas seguintes unidades administrativas, con nivel orgánico de servizo:

2.2.1. Servizo de Mercados.

Correspóndenlle a este servizo as seguintes funcións:

a) A xestión e desenvolvemento dos instrumentos de planificación e ordenación da comercialización en orixe dos produtos pesqueiros, en particular, a regulación en primeira venda dos produtos da pesca nas lonxas pesqueiras e en establecementos autorizados.

b) O estudo, a avaliación e o fomento de propostas de implantación de novos mecanismos de comercialización, en particular, daquelas innovacións que favorezan a competitividade das empresas.

c) A realización de accións de promoción dos produtos da pesca, o marisqueo e a acuicultura.

d) A realización de accións que fomenten as denominacións de orixe e os distintivos de calidade no sector da pesca, o marisqueo e a acuicultura.

e) O fomento da creación e o control da actividade das organizacións de produtores pesqueiros e outras entidades representativas do sector, recoñecidas no marco da organización común de mercados.

f) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados, en razón da súa competencia, pola Dirección Xeral.

2.3. Subdirección Xeral de Acuicultura.

Correspóndenlle a esta subdirección xeral as seguintes funcións:

a) A elaboración e o desenvolvemento dos instrumentos de planificación territorial para o exercicio da actividade da acuicultura.

b) A ordenación, o fomento e o control da acuicultura, así como o establecemento das condicións para o seu exercicio.

Para o desenvolvemento das súas funcións, esta subdirección xeral estrutúrase nas seguintes unidades administrativas, con nivel orgánico de servizo:

2.3.1. Servizo de Innovación Tecnolóxica da Acuicultura.

Correspóndenlle a este servizo as seguintes funcións:

a) A planificación, a coordinación, a execución e o control das medidas e actuacións en materia de acuicultura.

b) A xestión e o desenvolvemento dos instrumentos de planificación e ordenación da actividade da acuicultura.

c) O seguimento e control da actividade da acuicultura.

d) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados, en razón da súa competencia, pola Dirección Xeral.

2.3.2. Servizo de Planificación e Xestión da Acuicultura.

Correspóndenlle a este servizo as seguintes funcións:

a) A planificación e xestión das diferentes liñas de axuda destinadas á creación, renovación, modernización e innovación tecnolóxica das empresas da acuicultura.

b) A xestión dos títulos administrativos habilitantes para a acuicultura.

c) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados, en razón da súa competencia, pola Dirección Xeral.

2.4. Subdirección Xeral de Pesca.

Corresponderanlle a esta subdirección xeral as seguintes funcións:

a) Programar, coordinar e efectuar o seguimento das actuacións en materia de ordenación das actividades da pesca.

b) Velar pola aplicación da normativa sobre a actividade pesqueira e colaborar na defensa e promoción dos intereses galegos en materia de pesca.

c) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados, en razón da súa competencia, pola Dirección Xeral.

Para o desenvolvemento das súas funcións, esta subdirección xeral estrutúrase nas seguintes unidades administrativas, con nivel orgánico de servizo:

2.4.1. Servizo de Pesca.

Correspóndenlle a este servizo as seguintes funcións:

a) A planificación, a coordinación, a execución e o control das medidas e actuacións en materia de pesca profesional e recreativa.

b) A xestión dos instrumentos de planificación da actividade pesqueira.

c) A xestión dos títulos administrativos habilitantes para o exercicio da actividade pesqueira, tanto profesional como recreativa.

d) O seguimento da actividade pesqueira.

e) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados, en razón da súa competencia, pola Dirección Xeral.

2.4.2. Servizo de Análise e de Rexistros.

Correspóndenlle a este servizo as seguintes funcións:

a) A recollida e avaliación dos datos para a elaboración das estatísticas da actividade de aproveitamento dos recursos mariños.

b) A elaboración das estatísticas no ámbito competencial da Dirección Xeral.

c) O estudo e elaboración de informes con base nas estatísticas e nos datos recollidos.

d) A formulación de liñas de actuación con base nos datos estatísticos, encamiñadas ao incremento da produtividade, do control ou da competitividade das actividades da pesca, do marisqueo e da acuicultura.

e) A elaboración e xestión dos rexistros existentes que sexan da súa competencia e a dos que, no sucesivo, se creen.

f) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados, en razón da súa competencia, pola Dirección Xeral».

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

Autorízase a persoa titular da Consellería do Mar para ditar as disposicións precisas para o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, un de decembro de dous mil vinte e dous

Alfonso Rueda Valenzuela

Presidente

Rosa María Quintana Carballo

Conselleira do Mar

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia