lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Decreto 201/2022, do 17 de novembro, polo que se modifica o Decreto 74/2006, do 30 de marzo, polo que se regula o Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.

Publicado en: DOG 230 02/12/2022

Departamento: Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

Estado: En vigor

PDF

O artigo 45 da Constitución configura o ambiente como un ben xurídico de cuxo goce é titular toda a cidadanía e cuxa conservación é unha obriga que comparten os poderes públicos e a sociedade no seu conxunto. As persoas teñen o dereito para exixirlles aos poderes públicos que adopten as medidas necesarias para garantir a adecuada protección do ambiente, para gozar do dereito para vivir nun ambiente san. Correlativamente, impón á cidadanía a obriga de preservar e respectar ese mesmo ambiente.

Para que as persoas, individual ou colectivamente, poidan participar nesa tarefa de protección de forma real e efectiva, resulta necesario dispor dos medios instrumentais adecuados e hoxe cobra especial significación a participación das persoas particulares no proceso de toma de decisións públicas, pois a participación, que con carácter xeral consagra o artigo 9.2 da Constitución, e para o ámbito administrativo, o artigo 105, garante o funcionamento democrático das sociedades e introduce maior transparencia na xestión dos asuntos públicos. A definición xurídica desta participación e a súa instrumentación a través de ferramentas legais que a fagan realmente efectiva constitúen na actualidade un dos terreos en que con maior intensidade progresou o dereito ambiental.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.30, atribúelle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva sobre normas adicionais sobre protección do ambiente e da paisaxe nos termos do artigo 149.1.23.

De conformidade co Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, correspóndenlle a esta as competencias e funcións en materia de ambiente, ordenación do territorio e urbanismo, conservación do patrimonio natural, paisaxe e vivenda, conforme o establecido no Estatuto de autonomía para Galicia e segundo os termos sinalados na Constitución española e no propio Estatuto.

O artigo 28 da Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia, crea, como órgano consultivo da Administración ambiental, o Consello Galego de Medio Ambiente, co fin de cumprir o principio de participación pública e de establecer unha vía de participación dos estamentos interesados da sociedade galega e da súa comunidade científica. Este órgano desenvolveuse mediante o Decreto 155/1995, do 3 de xuño, e foi posteriormente adaptándose ás variacións da estrutura administrativa da Xunta de Galicia, ata o Decreto 74/2006, do 30 de marzo, que regula o Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, que foi modificado polos decretos 137/2006, do 27 de xullo; 387/2009, do 24 de setembro; 77/2012, do 9 de febreiro, e 54/2013, do 21 de marzo.

A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, de conformidade co Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, exerce as competencias e funcións en materia de avaliación e control da incidencia que sobre o ambiente provoque a actividade humana; o fomento de sistemas e estratexias de corrección da dita incidencia; a avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente; a xestión dos sistemas de observación ambiental e predición meteorolóxica de Galicia, e o impulso da investigación ambiental e o desenvolvemento tecnolóxico para o logro da adecuada protección ambiental. O labor que desempeña esta dirección xeral coa tramitación dos expedientes derivados da aplicación da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, e o impulso da integración do referente ambiental nas distintas políticas sectoriais, xustifica que a Vicepresidencia do Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible a desenvolva a directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e tras a deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezasete de novembro de dous mil vinte e dous,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 74/2006, do 30 de marzo, polo que se regula o Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible

O número 2 do artigo 3 do Decreto 74/2006, do 30 de marzo, polo que se regula o Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, queda redactado da seguinte maneira:

«2º. Vicepresidencia. Correspóndelle á persoa titular da dirección xeral da Xunta de Galicia competente en materia de calidade ambiental, sostibilidade e cambio climático, que desempeñará as funcións atribuídas á presidencia nos casos de ausencia, vacante, enfermidade, así coma nos casos en que se teña declarado a súa abstención ou recusación».

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Facúltaselle a persoa titular da consellería competente en materia de ambiente para ditar cantas disposicións sexan necesarias para a execución e desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezasete de novembro de dous mil vinte e dous

Alfonso Rueda Valenzuela

Presidente

Ángeles Vázquez Mejuto

Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia