lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Decreto 175/2022, do 13 de outubro, sobre vixilancia sanitaria das augas de baño de Galicia.

Publicado en: DOG 205 27/10/2022

Departamento: Consellería de Política Social e Xuventude

Estado: En vigor

PDF

Inclúe a corrección de erros publicada no DOG núm. 215, do 11 de novembro de 2022.

I

A Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, establece a obriga das administracións públicas sanitarias de orientar as súas actuacións, prioritariamente, á promoción da saúde e á prevención das enfermidades. A citada lei prevé que as actividades e produtos que, directa ou indirectamente, poidan ter consecuencias negativas para a saúde, sexan sometidos a control polas administracións públicas. Unha destas actividades é o uso recreativo da auga, en concreto, das augas de baño naturais.

A nivel autonómico, a Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, considera dentro das prestacións sanitarias as de saúde pública, que comprenden o establecemento de estándares de produción e medidas de protección da saúde fronte a riscos ambientais, como os derivados do uso das augas de baño, entre outros.

Pola súa banda, a Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora de bases de réxime local, no seu artigo 25, establece que o municipio exercerá, en todo caso, como competencias propias, nos termos da lexislación do Estado e das comunidades autónomas, entre outras, en materia de protección da salubridade pública, policía local e promoción do deporte e instalacións deportivas e de ocupación do tempo libre. Cómpre salientar neste sentido que o número 3 deste precepto prevé que as competencias municipais nas materias enunciadas no número 2 deste serán determinadas por lei. Este precepto debe poñerse necesariamente en relación co establecido nas xa citadas Lei 14/1986, do 25 de abril, e na Lei 8/2008, do 10 de xullo, nas que se recollen expresamente as competencias municipais nesta materia.

Así, o artigo 42.3.a) da Lei 14/1986, do 25 de abril, establece que os concellos, sen prexuízo das competencias das demais administracións públicas, terán, entre outras, a responsabilidade mínima de control sanitario do medio ambiente: contaminación atmosférica, abastecemento de augas, saneamento de augas residuais, residuos urbanos e industriais.

Pola súa banda, o artigo 80.3 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, indica que os municipios, sen prexuízo das competencias das demais administracións públicas, terán en relación ao obrigado cumprimento das normas e plans sanitarios, unha serie de obrigas, derivadas das súas competencias, entre as que se atopan as de control sanitario do medio natural e, en especial, a contaminación atmosférica, ruídos e vibracións, abastecemento e saneamento de augas, residuos urbanos; e o control sanitario de edificios e lugares de vivenda e convivencia humana, especialmente, e para o caso que aquí nos ocupa, das áreas de actividade física, deportiva e de recreo.

A Directiva 2006/7/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de febreiro de 2006, relativa á xestión da calidade das augas de baño e pola que se derroga a Directiva 76/160/ CEE ten por obxecto a conservación, protección e mellora da calidade do medio natural e a protección da saúde humana, en complemento á Directiva 2000/60/CE. A Directiva establece disposicións para o control e a clasificación da calidade das augas de baño, a xestión da calidade das augas de baño e a subministración de información ao público sobre a calidade destas.

A dita directiva foi incorporada ao ordenamento xurídico español coa aprobación do Real decreto 1341/2007, do 11 de outubro, sobre a xestión da calidade das augas de baño, actualizando o marco regulamentario nesta materia, incluíndo novidades de carácter científico e técnico, entre as que cómpre salientar un novo sistema de cálculo da clasificación sanitaria das augas de baño e a creación dun censo de zonas de baño. Este real decreto ditouse ao abeiro do disposto nas regras 16ª e 23ª do artigo 149.1. da Constitución española, que reservan ao Estado, respectivamente, a competencia sobre bases e coordinación xeral da sanidade e sobre a lexislación básica de protección do ambiente, sen prexuízo das facultades das comunidades autónomas de establecer normas adicionais de protección.

De conformidade co disposto no artigo 33.1 do Estatuto de autonomía para Galicia, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en materia de sanidade interior.

Na actualidade, o Decreto 240/2000, do 13 de setembro, polo que se regula a declaración de zonas de baño habilitadas na Comunidade Autónoma de Galicia, establece un procedemento de declaración de zonas de baño habilitadas na Comunidad Autónoma de Galicia. Coa entrada en vigor do Real decreto 1341/2007, do 11 de outubro, deixou de ter efecto a habilitación anual das zonas de baño prevista no Decreto 240/2000, do 13 de setembro, polo que procede a derrogación deste.

A Consellería de Sanidade, a través da Dirección Xeral de Saúde Pública, executa o Programa de vixilancia sanitaria das zonas de baño que, no ámbito territorial autonómico, vén funcionando na nosa comunidade desde mediados da década dos oitenta.

II

O presente decreto establece como novidade principal a creación do Rexistro de Augas de Baño de Galicia, co fin de dispor da información básica das aguas de baño e que sirva como instrumento para o exercicio das facultades de inspección e control que teñen atribuídas as autoridades sanitarias e de coordinación no exercicio das funcións administrativas de control, así como de difundir a información ao público sobre as augas de baño. No decreto regúlanse os procedementos de alta e baixa dos datos das augas de baño do rexistro.

Tendo en conta que o Real decreto 1341/2007, do 1 de outubro, define pero non concreta o concepto de autoridade competente, o presente decreto establece cales son en Galicia as autoridades sanitarias autonómicas e locais para tal efecto e as competencias específicas de cada unha delas.

Por último, incorpórase á normativa autonómica a Decisión de execución da Comisión do 27 de maio de 2011 que establece, en virtude da Directiva 2006/7/CE do Parlamento Europeo e do Consello, un símbolo para informar o público da clasificación das augas de baño e de calquera prohibición ou recomendación que afecte este, así como outros requisitos para garantir que o público reciba información suficiente e oportuna sobre a calidade das augas de baño e as medidas correctoras e preventivas que van ser adoptadas por parte dos concellos.

III

A regulación que se recolle no presente decreto dá resposta aos principios aos que deben adecuarse todas as iniciativas normativas. Cúmprese o principio de eficacia, por canto as medidas propostas unicamente poden ser introducidas mediante unha norma con rango de decreto, ben por afectar materias que están reservadas a este tipo de norma, ben por requirir a modificación integrada e coordinada doutras normas.

Respéctase o principio de proporcionalidade, xa que, para acadar os obxectivos do decreto, non se impoñen con carácter xeral novas obrigas ou cargas administrativas, senón que se realiza un esforzo de simplificación e integración da normativa vixente.

Préstase especial atención á efectividade dos principios de seguridade xurídica e transparencia, promovendo a máis ampla participación da cidadanía en xeral e, en particular, dos operadores técnicos e xurídicos implicados na materia, tanto na elaboración do propio decreto como dos instrumentos de ordenación previstos neste.

Finalmente, en virtude do principio de eficiencia e dentro do obxectivo de simplificación administrativa e normativa aplicable, evítanse as cargas administrativas innecesarias ou accesorias, o que supón a racionalización dos recursos públicos asociados á tramitación dos procedementos administrativos relacionados con estas.

Por outra banda, dáse tamén cumprimento aos principios de transparencia e accesibilidade, que rexeron todo o procedemento de elaboración e tramitación do decreto, promovendo a máis ampla participación pública.

O decreto componse de 24 artigos, divididos en cinco capítulos, dúas disposicións adicionais, unha disposición transitoria, unha disposición derrogatoria e dúas disposicións derradeiras.

O capítulo I de disposicións xerais recolle o obxecto do decreto e o ámbito de aplicación.

No capítulo II créase o Rexistro de Augas de Baño de Galicia e establécese o procedemento para as altas e baixas dos datos inscritos neste, sendo a tramitación exclusivamente por medios telemáticos.

O capítulo III sinala as competencias correspondentes ás autoridades sanitarias.

No capítulo IV, referido ao control da calidade sanitaria das augas de baño, establécense os contidos do Programa de vixilancia sanitaria das augas de baño de Galicia, a duración da tempada de baño oficial e o calendario de control, os laboratorios acreditados para a realización de análise das mostras de auga, así como os criterios para a cualificación como aptas da calidade das augas de baño, as prohibicións e recomendacións de absterse do baño e a avaliación da calidade e clasificación anual das augas de baño.

O capítulo V regula a información ao público.

Tamén forman parte integrante da disposición normativa un total de cinco anexos.

O anexo I contén o modelo de solicitude de alta ou modificación no Rexistro de Augas de Baño de Galicia.

O anexo II contén o modelo de solicitude de baixa no Rexistro de Augas de Baño de Galicia.

O anexo III recolle os símbolos e información ao público sobre a clasificación sanitaria das augas de baño.

O anexo IV recolle os símbolos e información ao público sobre a prohibición do baño ou recomendación de non bañarse pola contaminación das augas de baño.

O anexo V recolle a información ao público sobre prohibición ou recomendación de abstención do baño pola proliferación de cianobacterias nas augas de baño.

O presente decreto tramitouse de conformidade coa Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas e a Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, sendo exposto a información pública no Portal de transparencia e goberno aberto da Xunta de Galicia e sometido a audiencia dos grupos ou sectores con dereitos e intereses lexítimos na materia. Así mesmo, foi sometido a informe económicofinanceiro da consellería competente en materia de facenda, informe sobre impacto de xénero, informe conxunto da Dirección Xeral de Simplificación Administrativa e Axencia para a Modernización Tecnolóxica, informe do Consello Reitor de Augas de Galicia e da Asesoría Xurídica Xeral e informe do Instituto Galego de Estatística.

Na súa virtude, en exercicio das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, por proposta da persoa titular da Consellería de Sanidade, e acordo co Consello Consultivo e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día trece de outubro de dous mil vinte e dous,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

O presente decreto ten por obxecto:

a) A creación e regulación do Rexistro de Augas de Baño de Galicia, no que se inscribirán as zonas de augas de baño, de conformidade co disposto no artigo 6.

b) O establecemento dos seguintes procedementos:

1. Procedementos de alta ou modificación no Rexistro de Augas de Baño de Galicia (código do procedemento SA704A).

2. Procedementos de baixa no Rexistro de Augas de Baño de Galicia (código do procedemento SA704B).

c) O desenvolvemento dos criterios sanitarios que deben cumprir as augas de baño que teñan a súa localización na Comunidade Autónoma de Galicia para garantir a súa calidade, co fin de protexer a saúde humana dos efectos adversos derivados de calquera tipo de contaminación.

d) O establecemento das medidas de vixilancia da calidade sanitaria das augas de baño.

e) A determinación das obrigas derivadas das competencias autonómicas e municipais en materia de calidade das augas de baño.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

1º. Este decreto aplicarase ás augas de baño que deban incluírse no Rexistro de Augas de Baño de Galicia e as súas praias, tal e como se definen no artigo 3.i) do Real decreto 1341/2007, do 11 de outubro, que estean localizadas na Comunidade Autónoma de Galicia.

2º. De conformidade co disposto no artigo 2 do Real decreto 1341/2007, do 11 de outubro, quedan excluídas do ámbito de aplicación deste decreto:

a) As piscinas de natación e de augas termais de estacións balnearias e de balnearios urbanos.

b) As augas confinadas de forma natural ou artificial, suxeitas a un tratamento ou empregadas con fins terapéuticos.

c) As augas confinadas artificialmente e separadas das augas superficiais e das augas subterráneas, excepto as piscinas fluviais ou similares.

Artigo 3. Definicións

Para os efectos deste decreto entenderase por:

1. Augas de baño: de acordo co disposto no artigo 3 do Real decreto 1341/2007, do 11 de outubro, enténdese por augas de baño calquera elemento de augas superficiais onde se prevexa que poidan bañarse un número importante de persoas ou exista unha actividade próxima relacionada directamente co baño e no que non exista una prohibición permanente de baño nin se teña formulado unha recomendación permanente de absterse del e onde non exista perigo obxectivo para o público.

2. Calendario de control: datas nas que, ao longo da tempada de baño, se realizará a toma de mostras en cada un dos puntos de mostraxe das augas de baño incluídas na sección I e II do Rexistro de Augas de Baño de Galicia.

3. Código da Entidade Inspeccionable (en diante, CEI): código numérico que identifica a cada punto de mostraxe.

4. Augas de baño con características especiais: aquelas augas de baño continentais nas que a tempada de baño pode verse reducida debido ao pouco caudal existente en función das condicións meteorolóxicas, ou aquelas piscinas fluviais ou similares que poden estar en funcionamento durante períodos de tempo inferiores á tempada de baño oficial.

5. Código de punto de mostraxe Eurostat: código único de punto de mostraxe, que xera o Sistema de información nacional de augas de baño para cada punto de mostraxe, segundo se define no artigo 3 do Real decreto 1341/2007, do 11 de outubro.

6. Código de zona Eurostat: código único de zona de baño que xera o Sistema de información nacional de augas de baño para cada zona de augas de baño, segundo se define no artigo 3 do Real decreto 1341/2007, do 11 de outubro.

CAPÍTULO II Rexistro de Augas de Baño de Galicia

Artigo 4. Rexistro de Augas de Baño de Galicia

1. Créase o Rexistro de Augas de Baño de Galicia.

2. O Rexistro de Augas de Baño de Galicia, que ten natureza administrativa, quedará adscrito ao órgano directivo competente en materia de saúde pública da consellería competente en materia de sanidade.

3. Os datos do Rexistro de Augas de Baño de Galicia terán carácter público e poderán consultarse na páxina web da consellería competente en materia de sanidade.

Artigo 5. Organización do Rexistro de Augas de Baño de Galicia

O Rexistro de Augas de Baño de Galicia estrutúrase nas seccións seguintes:

a) Sección I: augas de baño incluídas no Censo de Zonas de Augas de Baño. Inclúense nesta sección aquelas augas de baño procedentes da sección II que, unha vez avaliadas, cumpren os requisitos para ser incluídas no Censo de zonas de augas de baño elaborado conforme ao disposto no artigo 4 do Real decreto 1341/2007, do 11 de outubro.

A inscrición dunha auga de baño na sección I do Rexistro de Augas de Baño de Galicia terá validez indefinida sempre que se manteñan as circunstancias que motivaron a súa inscrición na devandita sección. A vixilancia e control sanitario dela levarase a cabo nas tempadas posteriores sen necesidade de efectuar unha nova solicitude.

b) Sección II: augas de baño en avaliación. Inclúense nesta sección aquelas augas de baño que serán sometidas a avaliación con carácter previo á súa inclusión na sección I do rexistro e que conten cos informes favorables establecidos nos números 3 e 5 do artigo 8.

c) Sección III: augas con prohibición permanente do baño. Inclúense nesta sección aquelas augas de baño procedentes das seccións I ou II do rexistro nas que existe prohibición permanente do baño.

Artigo 6. Datos do Rexistro de Augas de Baño de Galicia

1. Serán obxecto de inscrición no Rexistro de Augas de Baño de Galicia os seguintes datos das augas de baño:

a) A denominación dos puntos de mostraxe da auga de baño con indicación do concello e provincia na que se localizan, o tipo de auga de baño (marítima ou continental, indicando, se é o caso, o nome do río ou encoro), a xeorreferenciación da auga de baño (con indicación dos puntos esquerdo e dereito) e dos puntos de mostraxe. Ademais, no suposto das augas de baño inscritas na sección I do rexistro, inscribiranse os códigos relativos á zona Eurostat e punto de mostraxe Eurostat.

b) A clasificación da calidade das augas de baño segundo o establecido no Real decreto 1341/2007, do 11 de outubro.

c) Os resultados dos controis efectuados na auga de baño desde a súa alta no Rexistro de Augas de Baño de Galicia.

2. O órgano directivo con competencia en materia de saúde pública da consellería competente en materia de sanidade poderá rectificar de oficio os erros ou inexactitudes detectadas nos datos do Rexistro de Augas de Baño de Galicia a través dos controis oficiais levados a cabo.

Artigo 7. Número de asento da inscrición no Rexistro de Augas de Baño de Galicia

No momento da inscrición asignaráselle a cada auga de baño un código alfanumérico coa seguinte estrutura AABCCCCCCE e co seguinte significado:

a) AA: dúas letras maiúsculas correspondentes á provincia na que estea situada a auga de baño: A Coruña (CO), Lugo (LU), Ourense (OU) ou Pontevedra (PO).

b) B: unha letra maiúscula que identifica o tipo de auga: marítima (M) ou continental (C).

c) CCCCCC: seis díxitos correspondentes ao CEI do punto de mostraxe da auga de baño.

d) E: un díxito correspondente á sección do rexistro na que estea incluída a zona de augas de baño, de acordo coa seguinte lenda:

1º. (1): Sección de augas de baño incluídas no Censo de zonas de augas de baño.

2º. (2): Sección de augas de baño en avaliación.

3º. (3): Sección de praias con prohibición permanente do baño.

Este último díxito será o único que pode variar ao longo do tempo en función da sección na que se encadre a auga de baño en cada momento. O resto do número de asento permanecerá invariable e identificará de forma inequívoca ao punto de mostraxe desa auga de baño.

Artigo 8. Procedementos de alta ou modificación no Rexistro de Augas de Baño de Galicia

1. Os concellos deberán presentar unha solicitude de alta no Rexistro de Augas de Baño de Galicia das augas de baño existentes na súa delimitación territorial segundo o artigo 3 do real decreto e, segundo o formulario recollido no anexo I xunto coa documentación sinalada no artigo 11.1.

2. No caso de que a solicitude non reúna os requisitos exixidos, requirirase o concello para que proceda á súa emenda no prazo de 10 días, con indicación de que, se así non o fixese, se lle terá por desistido da súa petición, logo de resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. A xefatura territorial correspondente da consellería competente en materia de sanidade, logo de inspección das condicións da auga de baño, emitirá no prazo dun mes un informe no que se pronunciará sobre o seu axuste á definición de auga de baño conforme o disposto no artigo 3 do Real decreto 1341/2007, do 11 de outubro, así como sobre a procedencia, ou non, de incorporación no correspondente rexistro. Así mesmo, proporá, de ser o caso, o punto ou os puntos de mostraxe máis representativos da zona de baño indicando as súas coordenadas.

4. A xefatura territorial enviará ao órgano directivo con competencia en materia de saúde pública da consellería competente en materia de sanidade o informe xunto coa copia da solicitude e a documentación achegada polo concello.

5. O órgano directivo con competencia en materia de saúde pública da consellería competente en materia de sanidade solicitará informe previo ao órgano ambiental competente sobre o cumprimento dos requisitos ambientais e hidráulicos do Real decreto 1341/2007, do 11 de outubro.

6. Á vista dos informes previstos nos números 3 e 5, o órgano directivo competente en materia de saúde pública da consellería competente en materia de sanidade deberá resolver a solicitude e notificar a resolución no prazo máximo de tres meses, podendo:

a) Acordar a inscrición da auga de baño na sección II do Rexistro de Augas de Baño de Galicia. A dita inscrición levaría aparellada a inclusión dos puntos de mostraxe da auga de baño no Programa de vixilancia sanitaria das augas de baño de Galicia e o inicio dos controis analíticos de acordo co calendario de control que se estableza.

b) Denegar a solicitude de alta no Rexistro de Augas de Baño de Galicia por incorrer nalgún dos supostos do artigo 9 do Real decreto 1341/2007, do 11 de outubro.

A dita resolución deberá ser notificada ao concello e á xefatura territorial da consellería competente en materia de sanidade correspondente. O vencemento do prazo máximo para resolver sen terse notificado a resolución expresa lexitima o concello para entender estimada a súa solicitude por silencio administrativo.

7. As augas de baño inscritas na sección III do Rexistro de Augas de Baño de Galicia poderán volver formar parte da sección II cando o concello onde estea situada a auga de baño afectada achegue un informe que xustifique a adopción de medidas destinadas á mellora da calidade da auga, xunto con resultados analíticos favorables da auga de baño, os cales deberán ser realizados por un laboratorio que cumpra coas determinacións recollidas no artigo 19. Este informe xunto cos resultados analíticos achegarase a través da presentación da solicitude de modificación no Rexistro de Augas de Baño de Galicia recollida no anexo I.

Unha vez recibida a dita solicitude, seguirase o procedemento previsto para o caso de novas altas.

8. As augas de baño causarán alta de oficio no Rexistro de Augas de Baño de Galicia nos seguintes casos:

a) Na sección I: as augas de baño incluídas na sección II cando, á vista dos resultados analíticos de, polo menos, dúas tempadas completas consecutivas, acaden unha clasificación sanitaria de, como mínimo, «boa».

b) Na sección II: cando, desde a xefatura territorial da consellería competente en materia de sanidade, se detecte a existencia dalgunha auga de baño que cumpra co disposto no artigo 3 do Real decreto 1341/2007, do 11 de outubro, e o concello correspondente non solicitase a alta no Rexistro de Augas de Baño de Galicia.

c) Na sección III: as augas de baño incluídas nas seccións I e II que causen baixa na correspondente sección por petición do concello ou de oficio segundo o establecido no artigo 9.1, 9.3.a) e 9.3.b).1º.

9. As altas de oficio das aguas de baño na correspondente sección do Rexistro de Augas de Baño de Galicia realizaranse por resolución motivada do órgano directivo con competencia en materia de saúde pública da consellería competente en materia de sanidade, logo de audiencia do concello afectado, ao cal será notificada aquela. A inscrición será realizada de oficio polo citado órgano directivo.

10. O órgano directivo con competencia en materia de saúde pública da consellería competente en materia de sanidade notificaralles aos organismos ambientais competentes as altas no Rexistro de Augas de Baño de Galicia.

Artigo 9. Procedemento de baixa no Rexistro de Augas de Baño de Galicia

1. Os concellos que consideren que algunha auga de baño das inscritas na seccións I ou II do Rexistro de Augas de Baño de Galicia incorre nalgún dos supostos previstos no artigo 4.7 do Real decreto 1341/2007, do 11 de outubro, deberán solicitar a súa baixa á xefatura territorial correspondente da consellería competente en materia de sanidade, presentando o formulario recollido no anexo II acompañado da documentación complementaria indicada no artigo 11.3.

2. O órgano directivo con competencia en materia de saúde pública, logo de informe da xefatura territorial correspondente da consellería competente en materia de sanidade, procederá á valoración da solicitude e, se procede, a inscribir a súa baixa na sección correspondente do Rexistro de Augas de Baño de Galicia.

3. As augas de baño causarán baixa de oficio na correspondente sección no Rexistro de Augas de Baño de Galicia nos seguintes casos:

a) Na sección I:

1º. As augas de baño que obteñan unha clasificación sanitaria insuficiente durante cinco anos consecutivos. A obtención destes resultados leva implícita a prohibición permanente de baño.

2º. As augas de baño sobre as que se dite unha prohibición permanente do baño ou recomendación de absterse deste ao remate do segundo ano con calidade «insuficiente», cando se considere que as medidas necesarias para acadar a calidade «suficiente» son inviables ou desproporcionadamente custosas.

b) Na sección II:

1º. As augas de baño que, tras catro tempadas consecutivas, non acaden unha clasificación sanitaria de, como mínimo, «boa».

2º. As augas de baño recollidas no artigo 8.8.a).

c) Na sección III: aquelas augas de baño recollidas no artigo 8.7.

4. A baixa dunha agua de baño na correspondente sección do Rexistro de Augas de Baño de Galicia realizarase por resolución do órgano directivo con competencia en materia de saúde pública da consellería con competencia en materia de sanidade, e deberá ser debidamente motivada e notificada ao concello afectado.

A inscrición será realizada polo órgano directivo con competencia en materia de saúde pública da consellería con competencia en materia de sanidade.

5. O órgano directivo con competencia en materia de saúde pública da consellería competente en materia de sanidade notificará aos organismos ambientais competentes as baixas no Rexistro de Augas de Baño de Galicia.

Corrección de erros. Artigo 9 apartado 1 redactado conforme a corrección de erros publicada no DOG núm. 215, do 11 de novembro de 2022.

Artigo 10. Presentación de solicitudes de alta ou baixa no Rexistro de Augas de Baño de Galicia

As solicitudes de alta ou baixa no Rexistro de Augas de Baño de Galicia presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se algún dos concellos interesados presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 11. Documentación complementaria

1. Os concellos deberán achegar coa solicitude de alta un plano de situación da auga de baño.

2. O concellos deberán achegar coa solicitude de modificación:

a) Informe que xustifique a adopción de medidas destinadas á mellora da calidade da auga.

b) Resultados analíticos favorables da auga de baño.

3. Os concellos deberán achegar coa solicitude de baixa a seguinte documentación:

a) Informe que explique e documente a/s causa/as que motivan a súa solicitude.

b) Probas gráficas, como fotografías ou outras, que apoien os motivos da solicitude de baixa.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente polo concello ante calquera Administración. Neste caso, o concello deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recabados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para os efectos, agás que conste no procedemento a oposición expresa do concello.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente ao concello a súa achega.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algún dos concellos interesados presenta a documentación complementaria de forma presencial, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica.

Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas polo concello, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se vaian presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 12. Comprobación de datos

1. Para a tramitación dos procedementos regulados neste decreto consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que o concello a se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

2. No caso de que os concellos se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Cando así o esixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso do concello para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar aos concellos a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 13. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 14. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que os concellos interesados deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

CAPÍTULO III Competencias

Artigo 15. Competencias autonómicas

Sen prexuízo do establecido na Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, e na Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde pública de Galicia, as autoridades sanitarias autonómicas exercerán as seguintes obrigas derivadas das competencias autonómicas en materia de calidade das augas de baño:

a) O órgano directivo competente en materia de saúde pública da consellería competente en materia de sanidade:

1º. Elaborar a listaxe provisional das zonas de augas de baño segundo o artigo 4.1 do Real decreto 1341/2007, do 11 de outubro.

2º. Publicar anualmente mediante resolución a listaxe de augas de baño incluídas no Rexistro de Augas de Baño de Galicia.

3º. Comunicar a resolución das solicitudes de alta e baixa no Rexistro de Augas de Baño de Galicia aos organismos ambientais implicados.

4º. Determinar e modificar a tempada oficial de baño, de conformidade co disposto no Real decreto 1341/2007, do 11 de outubro.

5º. Determinar a localización dos puntos de mostraxe, de conformidade co disposto no Real decreto 1341/2007, do 11 de outubro.

6º. Establecer o calendario de control das augas de baño, de conformidade co disposto no Real decreto 1341/2007, do 11 de outubro.

7º. Establecer o procedemento de toma de mostras para análise das aguas de baño.

8º. Realizar as análises das mostras de augas de baño nun laboratorio que reúna os requisitos establecidos no artigo 19.

9º. Avaliar e clasificar anualmente a calidade das augas de baño das seccións I e II do Rexistro de Augas de Baño de Galicia e reavaliar as da sección III que soliciten o seu paso á sección II.

10º. Declarar as situacións de incidencia e os episodios de contaminación de curta duración da calidade da auga de baño.

11º. Elaborar un Programa de vixilancia sanitaria das zonas de baño de Galicia.

12º. Dar de alta ou de baixa de oficio unha auga de baño.

13º. O uso e actualización dos datos de calidade sanitaria de augas de baño do Sistema de información nacional de augas de baño.

14º. Incorporar a través do Sistema de información nacional de augas de baño as altas e baixas no Censo de zonas de augas de baño.

b) A xefatura territorial da consellería competente en materia de sanidade:

1º. Cando no desenvolvemento do Programa de vixilancia sanitaria das zonas de baño de Galicia se sospeiten ou detecten os supostos recollidos no artigo 9 do Real decreto 1341/2007, do 11 de outubro, a xefatura territorial correspondente deberá comunicar ao órgano ambiental e ao concello estes feitos, que poderán dar lugar a que estes organismos prohiban ou recomenden absterse do baño.

2º. Realizar un informe no que se pronunciará sobre a inscrición no Rexistro de Augas de Baño de Galicia e propor, de ser o caso, o punto ou os puntos de mostraxe máis representativos da auga de baño indicando as súas coordenadas.

3º. Comunicar a resolución das solicitudes de alta e baixa no Rexistro de Augas de Baño de Galicia aos concellos.

4º. Levar a cabo as inspeccións das zonas de augas de baño para avaliar os posibles riscos para a saúde das persoas bañistas.

5º Aquelas outras actuacións que para o axeitado desenvolvemento do Programa de vixilancia sanitaria das augas de baño de Galicia lle podan ser asignadas polo órgano directivo competente en materia de saúde pública.

Artigo 16. Competencias municipais

Sen prexuízo do establecido na Lei 14/1986, do 25 de abril, na Lei 8/2008, do 10 de xullo, e na Lei 7/1985, do 2 de abril, as autoridades sanitarias locais, en concreto os concellos nos que estea situada cada auga de baño, exercerán as seguintes obrigas derivadas das competencias locais en materia de calidade das augas de baño:

1º. Establecer as medidas oportunas dentro das competencias municipais para garantir a salubridade da auga de baño e manter as debidas condicións de limpeza, hixiene e salubridade das praias, durante a tempada de baño.

2º. Vixiar os posibles puntos de vertedura próximos á praia producidos por suxeitos non conectados á rede de saneamento municipal nos concellos nos que exista ordenanza municipal que obrigue á conexión á citada rede, para que non faciliten en ningún momento unha posible contaminación das augas de baño ou supoñan riscos para as persoas usuarias que se atopen nelas.

3º. Instalar carteis nun lugar de fácil acceso de cada zona de baño, en lugares claramente visibles con información sobre a aptitude da auga para o baño, sobre a calidade das augas de baño, prohibición expresa de bañarse ou recomendación de absterse do baño ou calquera outra que poida ser de utilidade para preservar a saúde dos bañistas, consonte os anexos III, IV e V.

4º. Comunicar ás xefaturas territoriais da consellería competente en materia de sanidade calquera anomalía ou alteración que se produza na calidade das augas, das que teña coñecemento.

5º. Solicitar as altas e baixas das augas de baño ao Rexistro de aguas de baño de Galicia.

6º. O uso e actualización dos datos de características da praia do Sistema de información nacional de augas de baño.

7º. Aquelas competencias de control sanitario previstas nas ordenanzas ou regulamentos municipais.

CAPÍTULO IV Control da calidade sanitaria das augas de baño

Artigo 17. Tempada de baño e calendario de control

1. Con carácter xeral a tempada de baño abarcará desde o 1 de xuño ata o 30 de setembro de cada ano. Nas augas de baño con acceso limitado ou con características especiais a tempada de baño poderá verse reducida.

2. A duración da tempada de baño prevista no punto anterior poderá ser modificada por resolución do órgano directivo con competencia en materia de saúde pública da consellería competente en materia de sanidade, con base na circunstancias debidamente xustificadas, segundo o establecido no anexo IV do Real decreto 1341/2007, do 11 de outubro.

3. O órgano directivo con competencia en materia de saúde pública da consellería competente en materia de sanidade establecerá o calendario de control das aguas de baño para cada tempada, de conformidade co disposto no Real decreto 1341/2007, do 11 de outubro.

Artigo 18. Programa de vixilancia sanitaria das augas de baño de Galicia

1. O órgano directivo con competencia en materia de saúde pública da consellería competente en materia de sanidade elaborará un Programa de vixilancia sanitaria das augas de baño de Galicia que recollerá os aspectos relativos a determinación da tempada de baño, á planificación e programación da inspección e mostraxe de augas de baño, á análise das mostras, ás actuacións ante non conformidades, aos criterios de aptitude microbiolóxica das augas, aos sistemas de información e todos aqueles aspectos do presente decreto que requiran un posterior desenvolvemento.

2. O Programa de vixilancia sanitaria das augas de baño de Galicia estará á disposición da poboación na páxina web da consellería competente en materia de sanidade (www. sergas.es).

Artigo 19. Laboratorios para os controis analíticos

1. A determinación dos parámetros incluídos no anexo I do Real decreto 1341/2007, do 11 do outubro, realizarase polo Laboratorio de Saúde Pública de Galicia.

2. O órgano directivo con competencia en materia de saúde pública da consellería competente en materia de sanidade poderá designar laboratorios de entre aqueles que conten coa acreditación necesaria para a realización deste tipo de controis, para a determinación de calquera outro parámetro non incluído no anexo I do Real decreto 1341/2007, do 11 do outubro, que se considere necesario co fin de levar a cabo a vixilancia sanitaria, ou, se non fose posible a realización dos parámetros incluídos no citado anexo I, no Laboratorio de Saúde Pública de Galicia.

Artigo 20. Aptitude das aguas de baño durante a tempada de baño

A aptitude das aguas de baño durante a tempada de baño virá determinada, en cada momento, polos seguintes criterios:

a) Polo cumprimento dos valores paramétricos de enterococos intestinais e de Escherichia coli fixados polo órgano directivo con competencia en materia de saúde pública da consellería competente en materia de sanidade en función dos riscos para a saúde das persoas bañistas recollidos no Programa de vixilancia sanitaria das augas de baño de Galicia.

b) Polo cumprimento dos valores paramétricos establecidos polo órgano directivo con competencia en materia de saúde pública da consellería con competencia en materia de sanidade no referente á proliferación de cianobacterias recollidos no Programa de vixilancia sanitaria das augas de baño de Galicia.

c) Se é o caso, pola valoración da inspección visual sobre a transparencia da auga, a presenza de medusas, de residuos de alcatrán, de cristal, de plástico, de caucho, de madeira, materias flotantes, substancias tensioactivas, restos orgánicos, proliferación de macroalgas ou de fitoplancto mariño, e calquera outro residuo ou organismo que poida supoñer un risco para a saúde das persoas bañistas.

Artigo 21. Prohibicións do baño ou recomendacións de absterse do baño

Cando como consecuencia do control da calidade das augas de baño que realiza a consellería competente en materia de sanidade se tivese coñecemento dalgúns dos supostos recollidos no artigo 9 do Real decreto 1341/2007, do 11 de outubro, informarase da situación o órgano ambiental e os concellos afectados, concretando, como mínimo, a falta de aptitude da auga para o baño e a prohibición do baño ou a recomendación de absterse temporalmente deste, indicando os motivos, para os efectos de que se adopten as medidas de xestión desta.

Artigo 22. Avaliación da calidade e clasificación anual provisional das augas de baño

1. Ao remate da tempada de baño, e mentres non se fai pública a clasificación anual das augas de baño o ministerio competente en materia de sanidade, o órgano directivo con competencia en materia de saúde pública da consellería competente en materia de sanidade procederá á avaliación anual provisional da calidade das augas de baño para cada un dos puntos de mostraxe das augas de baño, co obxecto de facilitar as medidas de xestión daquelas augas de baño que resulten con calidade insuficiente. A dita avaliación levarase a cabo en función da serie de datos sobre a calidade das augas recompilados en relación coa tempada de baño considerada e as tres tempadas anteriores e seguindo os criterios recollidos no artigo 11 e os anexos I e II do Real decreto 1341/2007, do 11 de outubro.

2. En función dos resultados da avaliación establecida no punto anterior, o órgano directivo con competencia en materia de saúde pública da consellería competente en materia de sanidade clasificará anualmente e para un período non menor a unha tempada completa as augas de baño como de calidade:

a) Insuficiente.

b) Suficiente.

c) Boa.

d) Excelente.

3. A avaliación da calidade das augas de baño poderá efectuarse sobre a base dunha serie de datos sobre a calidade das augas de baño relativos á tempada de baño considerada e ás tres tempadas anteriores se se produciron cambios que poidan afectar a clasificación das augas de baño de conformidade co número anterior. Nese caso, a avaliación efectuarase sobre a base dunha serie de datos sobre a calidade das augas de baño que consistirá unicamente nos resultados correspondentes ás mostras recollidas desde que se produciron os citados cambios. O órgano directivo con competencia en materia de saúde pública da consellería competente en materia de sanidade poderá establecer as medidas pertinentes para comprobar que os cambios introducidos dan lugar a unha mellora efectiva da calidade das augas.

CAPÍTULO V Información ao público

Artigo 23. Difusión da información

1. Durante a tempada de baño, os concellos colocarán nun lugar visible nas inmediacións dos distintos puntos de acceso de cada praia carteis que conteñan a información recollida no artigo 13.2 do Real decreto 1341/2007, do 11 de outubro, de acordo dos seguintes criterios:

a) A información deberá colocarse en todos os accesos principais da zona de augas de baño, e de existir, no panel destinado á información xeral da zona de augas de baño.

b) Establécese o punto de vixilancia do servizo de socorrismo como centro de información, polo que se na zona de augas de baño hai este servizo, deberá colocarse tamén neste punto.

2. A consellería competente en materia de sanidade manterá actualizada na súa páxina web (www.sergas.es) a seguinte información relativa á calidade das augas de baño:

a) Os resultados dos controis analíticos.

b) A prohibición ou recomendación de absterse do baño debida á contaminación microbiolóxica ou á proliferación de cianobacterias.

c) As praias con prohibición permanente do baño ou recomendación permanente de absterse deste.

Artigo 24. Símbolos de información ao público

1. Os símbolos para informar o público da clasificación das augas de baño, así como calquera outra prohibición ou recomendación que lles afecte, son os establecidos na Decisión de execución da Comisión do 27 de maio de 2011, e recóllense no anexo III («Símbolos e información ao público sobre clasificación sanitaria das augas de baño») e no anexo IV («Símbolos e información ao público sobre prohibición ou recomendación de non bañarse pola contaminación de augas de baño»).

2. Para a información ao público sobre a proliferación de cianobacterias nas augas de baño utilizaranse os modelos de carteis recollidos no anexo V («Modelo de cartel de información ao público sobre prohibición ou recomendación de abstención do baño pola proliferación de cianobacterias nas augas de baño») .

3. Os carteis que recollan os devanditos símbolos terán unhas dimensións mínimas de 210 × 297 mm.

Disposición adicional primeira. Actualización dos modelos normalizados

De conformidade coa disposición adicional sexta da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, os modelos normalizados aplicables na tramitación dos procedementos regulados nesta disposición, poderán ser actualizados co fin de mantelos adaptados á normativa vixente. Para estes efectos será suficiente a publicación na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas, sen que sexa necesaria unha nova publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional segunda. Inscrición de oficio das augas de baño no Rexistro de Augas de Baño de Galicia

O órgano directivo competente en materia de saúde pública da consellería competente en materia de sanidade fará públicas mediante resolución as augas de baño de Galicia que pasarán a formar parte e se inscribirán de oficio no Rexistro de Augas de Baño de Galicia correspondentes á tempada seguinte á entrada en vigor do presente decreto.

Disposición transitoria única. Procedementos en tramitación

As augas de baño que, na data de entrada en vigor deste decreto, se atopen en avaliación inscribiranse de oficio na sección do Rexistro de Augas de Baño de Galicia correspondente (seccións I e II) con base nos resultados dos controis analíticos obtidos pola autoridade sanitaria.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Queda derrogado o Decreto 240/2000, do 13 de setembro, polo que se regula a declaración de zonas de baño habilitadas na Comunidade Autónoma de Galicia e cantas disposicións de igual o inferior rango se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo

Autorízase a persoa titular da consellería con competencia en materia de sanidade para ditar, no eido das súas competencias, cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor aos vinte días naturais da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trece de outubro de dous mil vinte e dous

O presidente

P.S. (Artigo 33 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro)

Francisco José Conde López

Vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e InnovaciónJulio

García Comesaña

Conselleiro de Sanidade

ANEXO I

[Documento]

ANEXO II

[Documento]

ANEXO III

Símbolos e información ao público sobre clasificación sanitaria das augas de baño

[Documento]

ANEXO IV

Símbolos e información ao público sobre prohibición ou recomendación de non bañarse pola contaminación das augas de baño

[Documento]

ANEXO V

Modelo de cartel de información ao público sobre prohibición ou recomendación de absterse do baño pola proliferación de cianobacterias nas augas de baño

[Documento]

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia