lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Decreto 178/2022, do 15 de setembro, polo que se regula o procedemento para a cualificación das empresas de inserción de Galicia e o seu rexistro administrativo.

Publicado en: DOG 209 03/11/2022

Departamento: Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

Estado: En vigor

PDF

I

A Lei 44/2007, do 13 de decembro, para a regulación do réxime das empresas de inserción, define esta figura como aquela sociedade mercantil ou sociedade cooperativa legalmente constituída que, debidamente cualificada polos organismos autonómicos competentes na materia, realice calquera actividade económica de produción de bens e servizos, e cuxo obxecto social teña como fin a integración e formación sociolaboral de persoas en situación de exclusión social como tránsito ao emprego ordinario. Trátase de iniciativas que, mediante a actividade empresarial, acompañadas de actuacións sociais e de inserción social, fan posible a inclusión sociolaboral de persoas excluídas para a súa posterior colocación en empresas convencionais ou en proxectos de autoemprego.

Coa regulación desta modalidade de empresa social preténdese contribuír ao cumprimento do mandato recollido no artigo 9.2 da Constitución española, que ordena aos poderes públicos facilitar a participación de todos os cidadáns na vida política, económica, cultural e social do noso país. Ao mesmo tempo, constitúe unha ferramenta fundamental para acadar o pleno exercicio do dereito e deber de traballar consagrado no artigo 35 do citado texto.

As empresas de inserción forman parte da economía social, tal como se establece na Lei 6/2016, do 4 de maio, de economía social de Galicia, que, recollendo o testemuño da Lei estatal 5/2011, do 29 de marzo, de economía social, define este sector como o conxunto das actividades económicas e empresariais que, no ámbito privado, levan a cabo aquelas entidades que se rexen polos principios previstos no artigo 5 da lei, e que perseguen o interese colectivo das persoas que as integran, o interese xeral económico ou social, ou ambos.

Esta norma recoñece como tarefa de interese xeral a promoción, o estímulo e o desenvolvemento das entidades que conforman a economía social e sinala os obxectivos que os poderes públicos deben ter presentes á hora de abordaren a súa política de promoción. Entre estes obxectivos podemos salientar os de facilitar as iniciativas de economía social, especialmente mediante a creación dunha contorna que fomente o seu desenvolvemento nos planos económico e social; a remoción de obstáculos que impidan o inicio e o desenvolvemento de actividades económicas por parte das entidades da economía social; ou a simplificación de trámites administrativos para a creación de entidades de economía social, en particular incorporando solucións baseadas nas tecnoloxías da información e as comunicacións.

En cumprimento do disposto na disposición adicional quinta da Lei 6/2016, do 4 de maio, da economía social de Galicia, a Xunta de Galicia impulsou a Estratexia de economía social de Galicia, que define tres grandes áreas de actuación focalizadas á consecución doutros tantos retos para o trienio 2019-2021: sumar capacidades, sumar sustentabilidade e sumar identidade. Con orientación ao segundo deles, e polo que respecta ás empresas de inserción, recóllese a necesidade de reformar o marco legal, elaborando unha nova norma que outorgue seguridade e facilite a súa constitución.

A principal norma legal sobre a materia é a xa citada Lei 44/2007, do 13 de decembro, para a regulación do réxime das empresas de inserción. Esta norma, de carácter estatal, foi ditada ao abeiro da competencia exclusiva do Estado, atribuída polo artigo 149.1.7ª da Constitución, en materias de lexislación laboral, e sen prexuízo das competencias das comunidades autónomas en materia de asistencia social. Recolle os requisitos para a súa constitución e funcionamento; delimita o colectivo de persoas destinatarias dos procesos e medidas para a inserción sociolaboral; regula as relacións entre as empresas de inserción e as persoas traballadoras en exclusión, e delimita as competencias das distintas administracións nos aspectos mencionados.

Así, este texto legal atribúelles ás comunidades autónomas a competencia para cualificar as empresas como empresas de inserción e para xestionar os correspondentes rexistros administrativos; así mesmo, regula a participación dos servizos sociais públicos e dos servizos públicos de emprego competentes en distintos aspectos do funcionamento das empresas de inserción.

Neste sentido, cómpre lembrar que o Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23, atribúelle á Comunidade Autónoma a competencia exclusiva en materia de asistencia social; no seu artigo 29.1 outórgalle a competencia para a execución da lexislación do Estado en materia laboral; e no artigo 30 I.1, a relativa ao fomento e planificación da actividade económica en Galicia conforme as bases e a ordenación da actuación económica xeral, competencias que comprenden a execución por parte da Comunidade Autónoma das políticas activas de emprego.

En exercicio destas competencias ditáronse as disposicións normativas que regulan esta materia en Galicia.

Por unha banda, a Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia, logo de definir as empresas de inserción nos termos establecidos pola Lei 44/2007, do 13 de decembro, dispón que a Xunta de Galicia, no marco da lexislación básica sobre esta materia, promoverá as empresas de inserción como recurso para facilitar a incorporación efectiva ao mercado laboral ordinario das persoas en situación ou risco de exclusión social. Así mesmo, establece que as empresas de inserción se deberán cualificar de acordo co procedemento establecido na normativa de aplicación e rexistrar como tales no Rexistro Administrativo de Empresas de Inserción de Galicia. Canto aos procedementos para a acreditación, remite ao desenvolvemento regulamentario posterior, así como para a coordinación entre os servizos sociais públicos competentes e o Servizo Público de Emprego de Galicia na incorporación das persoas ás empresas de inserción.

Esta lei resultou modificada no seu artigo 66 pola Lei 7/2019, do 23 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, co fin de flexibilizar o proceso de elaboración e aprobación dos itinerarios de inserción, elemento fundamental para a efectiva e áxil incorporación á actividade laboral das persoas en exclusión.

Por outra banda, o procedemento para a acreditación das empresas de inserción, o proceso de incorporación a estas das persoas en exclusión e a participación dos distintos organismos implicados recóllense no Decreto 156/2007, do 19 de xullo, polo que se regula o procedemento para a cualificación das empresas de inserción laboral, se crea o seu rexistro administrativo e se establecen as medidas para o fomento da inserción sociolaboral, desenvolvido pola Orde do 29 de decembro de 2008 pola que se regula o procedemento de cualificación das empresas de inserción laboral e a organización e o funcionamento do seu rexistro administrativo.

No tempo transcorrido desde a aprobación do decreto puidéronse apreciar certas dificultades prácticas xurdidas na súa aplicación, que afectan tanto a cualificación e inscrición das empresas de inserción para que poidan empezar a operar como tales, como o proceso de incorporación a elas das persoas destinatarias finais dos seus servizos, que en definitiva supoñen atrancos para a efectiva inserción sociolaboral das persoas en situación de exclusión, que deben ser removidos. Así pois, unha vez constatada a necesidade de actualizar as previsións do Decreto 156/2007, do 19 de xullo, polo que se regula o procedemento para a cualificación das empresas de inserción laboral, se crea o seu rexistro administrativo e se establecen as medidas para o fomento da inserción sociolaboral, e da Orde do 29 de decembro de 2008, pola que se regula o procedemento de cualificación das empresas de inserción laboral e a organización e funcionamento do seu rexistro administrativo, cómpre agora aprobar unha nova norma que regule estes aspectos, de conformidade co disposto na Lei 44/2007, do 13 de decembro, para a regulación do réxime das empresas de inserción; na Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia, e na execución do compromiso recollido na Estratexia de economía social de Galicia.

II

Este decreto estrutúrase en catro capítulos, que abranguen vinte e oito artigos, tres disposicións adicionais, unha disposición transitoria, unha derrogatoria e dúas derradeiras.

O primeiro capítulo, referido ás disposicións xerais, logo de delimitar o obxecto e ámbito de aplicación do decreto, regula certos aspectos relativos ás persoas beneficiarias do proceso de inserción, das propias empresas de inserción e das súas entidades promotoras.

Cómpre destacar, en primeiro lugar, que con esta norma se adapta a denominación das empresas de inserción á Lei 44/2007, do 13 de decembro, para a regulación do réxime das empresas de inserción, perdendo o cualificativo de «laboral» que se recollía no decreto anterior.

Polo que respecta ás persoas beneficiarias, esta norma recolle dúas previsións coas que se pretende facilitar e axilizar a súa incorporación á empresa, tendo en conta que, en aplicación das normas legais citadas, se require que os servizos sociais competentes valoren previamente a súa situación de exclusión. Estas dúas medidas son, por un lado, outorgarlle validez –para os únicos efectos do previsto no decreto– ás valoracións xa realizadas, sempre que non transcorresen máis de seis meses, sen prexuízo de que poidan ser desvirtuadas por un informe posterior; e por outro lado, considerar acreditada a situación de exclusión cando a persoa beneficiaria sexa perceptora da renda de inserción social de Galicia ou forme parte da unidade de convivencia dunha persoa perceptora, por entender que, neste caso, segue vixente a valoración social que deu lugar a esta percepción.

Polo que respecta ás entidades promotoras, concrétase a porcentaxe mínima de participación na empresa en función da tipoloxía desta, en aplicación das distintas normas aplicables ás cooperativas, ás sociedades laborais e ao resto das sociedades mercantís.

Tamén se establecen limitacións para a cualificación das empresas que cometesen delitos ou infraccións que se consideran incompatibles coa adecuada prestación dos servizos que lles son propios, tendo en conta a especial vulnerabilidade da poboación a que van dirixidos.

No capítulo II regúlanse os procedementos de cualificación e descualificación das empresas de inserción, que se tramitarán de forma electrónica na súa integridade.

Como novidade, incorpórase a diferenciación do procedemento en dúas fases, que determinan a cualificación provisional e definitiva, respectivamente. Deste xeito posibilítase que as empresas que reúnen as condicións para ser empresa de inserción poidan obter esta cualificación, de forma provisional, antes de contratar as persoas en inserción, o que reduce os tempos de tramitación (ao ter que revisar e comprobar menos condicións), facilita a operatividade das empresas e, sobre todo, reduce a inseguridade xurídica que supoñía ter que contratar persoal como empresa de inserción sen ter asegurada a súa cualificación como tal.

No capítulo III regúlase o funcionamento do Rexistro Administrativo de Empresas de Inserción de Galicia. Das súas disposicións cómpre destacar as referidas á publicidade e constancia rexistral, tanto desde o punto de vista das empresas inscritas, para as cales se establecen obrigas de presentación de información, como desde a vertente do público interesado, recollendo que datos e en que circunstancias serán públicos.

O capítulo IV contén as disposicións relativas á relación entre as persoas en situación de exclusión e as empresas de inserción, desde o momento en que se incorporan ata a finalización da súa relación laboral, regulando a intervención dos servizos sociais e do Servizo Público de Emprego nas distintas fases do proceso e fixando prazos para cada unha delas. En virtude da modificación operada no artigo 66 da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia, a elaboración do itinerario de inserción pode agora partir de calquera das partes implicadas (servizos sociais públicos competentes, Servizo Público de Emprego ou empresa de inserción). Non se require unha sinatura conxunta do documento, senón a simple aceptación ou conformidade, se é o caso, que ademais se entenderá tácita no caso dos servizos sociais públicos competentes e do Servizo Público de Emprego se non efectúan indicacións, o que facilitará e simplificará o proceso.

Finalmente, nas disposicións adicionais establécense as normas aplicables en materia de protección de datos persoais, a utilización do termo «empresa de inserción» e a obriga de fomento e promoción das empresas de inserción por parte da Xunta de Galicia. Na disposición transitoria recóllese o prazo para a adaptación das empresas existentes ao establecido neste decreto.

O presente decreto tramitouse de conformidade cos principios de necesidade, eficacia, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia e eficiencia, que constitúen os principios de boa regulación establecidos no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

O presente decreto formula unha regulación que atende as necesidades que se queren satisfacer. Cumpre así co principio de proporcionalidade, sempre mantendo a coherencia co resto do ordenamento xurídico, e garante a seguridade xurídica para desenvolver un marco normativo estable, predicible, integrado, claro e de certeza, que facilite o seu coñecemento e comprensión e, en consecuencia, a actuación e toma de decisións da cidadanía, empresas e institucións.

A norma preséntase como unha iniciativa necesaria e eficaz, ao encontrarse xustificada por unha razón de interese social, basearse nunha identificación clara dos fins perseguidos e ser un instrumento axeitado para garantir a seguridade xurídica e evitar cargas administrativas innecesarias á cidadanía. Ademais, é eficiente, ao non supor incremento de custo, actuando de xeito proactivo, previndo conflitos e racionalizando, na súa aplicación, a xestión dos recursos públicos.

De acordo co previsto nos artigos 41.5 e 42.3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, esta iniciativa normativa publicouse no Portal de Transparencia e Goberno Aberto e someteuse ao trámite de audiencia. Ademais, someteuse a informe de sostibilidade financeira da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos; de impacto de xénero da Secretaría Xeral de Igualdade; informe do Consello Galego de Relacións Laborais; informe conxunto da Dirección Xeral de Simplificación Administrativa e a Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia, e ao informe da Asesoría Xurídica Xeral. Ademais, en cumprimento do artigo 21 da Lei 16/2021, do 20 de decembro, do Plan galego de estatística 2022-2026, consultouse, con carácter previo, o Instituto Galego de Estatística.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, en uso das facultades atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, de acordo co Consello Consultivo de Galicia, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día quince de setembro de dous mil vinte e dous,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. Este decreto ten por obxecto:

a) Regular o procedemento de cualificación das empresas de inserción na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Establecer a organización e funcionamento do Rexistro Administrativo de Empresas de Inserción de Galicia.

c) Determinar o procedemento para incorporar as persoas afectadas polas situacións de exclusión social ás empresas de inserción e realizar o seu seguimento.

2. Este decreto será de aplicación ás empresas de inserción que teñan centros de traballo radicados no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, con independencia da súa sede social.

Artigo 2. Persoas beneficiarias dun proceso de inserción a través dunha empresa de inserción

1. A inserción sociolaboral a través das empresas de inserción vai dirixida ás persoas en situación ou en risco de exclusión social, con especiais dificultades para a súa integración no mercado de traballo, desempregadas e inscritas nos servizos públicos de emprego.

2. Para os efectos do previsto neste decreto, enténdese que unha persoa está en situación ou en risco de exclusión social cando se aprecie que concorre nela algunha das situacións previstas no artigo 3.1 da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia.

Correspóndelle ao Sistema galego de servizos sociais a acreditación destas circunstancias, de acordo co establecido no artigo 3 da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia. Presumirase que estas persisten cando entre a data de emisión do informe por parte dos servizos sociais públicos competentes e a data de alta na empresa non transcorresen máis de seis meses. Non obstante, esta presunción quedará desvirtuada se existe un informe posterior en sentido contrario.

Para todos os efectos previstos neste decreto, considerarase que unha persoa se encontra en situación ou risco de exclusión cando sexa perceptora da renda de inclusión social de Galicia ou forme parte da unidade de convivencia dunha persoa perceptora.

3. Para a incorporación a unha empresa de inserción, as persoas en situación ou risco de exclusión deberán aceptar o itinerario de inserción sociolaboral, nos termos regulados no artigo 3 da Lei 44/2007, do 13 de decembro, para a regulación do réxime das empresas de inserción; no artigo 66 da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia, e neste decreto.

Artigo 3. Requisitos das empresas de inserción e das súas entidades promotoras

1. Poden cualificarse como empresas de inserción na Comunidade Autónoma de Galicia aquelas sociedades mercantís ou cooperativas que cumpran as condicións establecidas nos artigos 4 e 5 da Lei 44/2007, do 13 de decembro, para a regulación do réxime das empresas de inserción, e conten cun centro de traballo no territorio desta comunidade autónoma.

2. As empresas de inserción deben estar promovidas e participadas por algunha das entidades previstas nos artigos 5.a) e 6 da Lei 44/2007, do 13 de decembro, para a regulación do réxime das empresas de inserción. A participación será polo menos dun cincuenta e un por cento do capital social para as sociedades mercantís. No caso de sociedades cooperativas e sociedades laborais, a dita participación deberá situarse nos límites máximos recollidos nas diferentes lexislacións que lles sexan de aplicación aos socios colaboradores ou asociados.

3. Non poderán obter a cualificación como empresas de inserción as empresas que fosen condenadas por sentenza xudicial firme por delitos contra os dereitos dos traballadores ou sancionadas por resolución administrativa firme por infracción moi grave no ámbito laboral ou no ámbito dos servizos sociais públicos competentes, nin as promovidas por algunha entidade en que concorra algunha destas circunstancias.

Tampouco poderán obter esta cualificación as entidades que estean cualificadas como centros especiais de emprego.

CAPÍTULO II Procedementos de cualificación e descualificación das empresas de inserción

Sección 1ª. Normas xerais de tramitación

Artigo 4. Forma de presentación das solicitudes e da documentación complementaria

1. As solicitudes e a documentación complementaria presentaranse unicamente por medios electrónicos. Se se presentasen presencialmente, a entidade interesada será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

2. Para presentar as solicitudes e a documentación complementaria poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/ chave365).

3. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados con anterioridade. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

4. Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

5. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

7. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos no procedemento, con indicación do código e do órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

8. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos accedendo á carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 5. Instrución dos procedementos

1. O órgano instrutor dos procedementos de cualificación e descualificación das empresas de inserción é a unidade administrativa de que depende o Rexistro Administrativo de Empresas de Inserción de Galicia.

2. Se as solicitudes presentadas non se cubrisen en todos os seus termos ou non se acompañasen da documentación que se recolle neste decreto, requirirase a entidade interesada para que, no prazo de 10 días hábiles, emende a falta ou acompañe os documentos preceptivos, de acordo co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, con indicación de que, se así non o fixese, se terá por desistida da súa petición, logo de resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da antedita lei.

3. O órgano instrutor poderá requirir calquera outra documentación, ademais da sinalada neste decreto, así como os informes que sexan necesarios para acreditar o cumprimento dos requisitos exixidos e para resolver o procedemento.

Para a petición e realización de informes observarase o disposto nos artigos 79 e 80 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Recibida toda a documentación, o órgano instrutor formulará unha proposta de resolución, que elevará á persoa competente para resolver.

Artigo 6. Resolución

1. É competente para resolver sobre os procedementos de cualificación e descualificación de empresas de inserción a persoa titular do órgano de dirección competente en materia de economía social.

2. Nos procedementos iniciados por solicitude da persoa interesada, o prazo para resolver e notificar será de tres meses, contados desde a data de entrada da solicitude. Para estes efectos, no caso de que a persoa interesada presentase a solicitude presencialmente, considerarase como data de entrada da solicitude aquela en que sexa realizada a súa emenda a través da súa presentación electrónica, segundo o establecido no artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase resolución expresa, entenderase estimada a solicitude.

3. Nos procedementos iniciados de oficio, o prazo para resolver e notificar será de tres meses, contados desde a data de rexistro electrónico da solicitude.

Artigo 7. Recursos

Contra as resolucións ditadas nos procedementos de cualificación e descualificación poderase interpor recurso de alzada no prazo dun mes, desde a súa notificación, ante a persoa titular da consellería competente en materia de economía social.

Sección 2ª. Cualificación provisional

Artigo 8. Solicitude de cualificación provisional como empresa de inserción

Para obter a cualificación provisional como empresa de inserción e a consecuente inscrición no Rexistro Administrativo de Empresas de Inserción de Galicia, a entidade interesada deberá presentar unha solicitude a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, que se inclúe como anexo I.

Artigo 9. Documentación complementaria á solicitude de cualificación provisional

Xunto coa solicitude deberá presentarse a seguinte documentación:

a) Xustificante do pagamento de taxa por servizos administrativos.

b) Documentación acreditativa do poder de representación da persoa que actúa en nome da empresa e asina a solicitude.

c) Certificación expedida polo rexistro en que estea inscrita a empresa obxecto de cualificación, acreditativa da dita inscrición.

d) Copia dos estatutos vixentes da empresa obxecto de cualificación.

e) Certificación acerca da titularidade do capital social, expedida polo Rexistro Mercantil ou, se se trata dunha sociedade cooperativa, polo órgano de goberno desta.

f) Anexo II de autorización para a comprobación de datos.

g) Certificación rexistral das entidades promotoras que participen no capital social da empresa obxecto de cualificación nas porcentaxes establecidas no artigo 3.2 deste decreto. Esta certificación non será necesaria no caso de entidades inscritas no Rexistro de Asociacións da Comunidade Autónoma de Galicia.

h) Copia dos estatutos vixentes das entidades promotoras a que se refire a letra anterior. No seu obxecto social deberá figurar a inserción social das persoas especialmente desfavorecidas.

i) Memoria que acredite a viabilidade económica, técnica e financeira do proxecto empresarial, detallando os aspectos técnicos de produción e comercialización, así como o plan de investimentos e valoración das distintas fontes de financiamento con que conta o proxecto.

j) Descrición dos medios con que conta a empresa para cumprir os compromisos derivados dos itinerarios de inserción sociolaboral.

Artigo 10. Comprobación de datos para a cualificación provisional

Para os efectos de tramitar a solicitude de cualificación provisional, consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas, segundo proceda:

a) Número de identificación fiscal da entidade solicitante e das entidades promotoras.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) Inscrición da entidade promotora no Rexistro de Asociacións da Comunidade Autónoma de Galicia, se é o caso.

Artigo 11. Cualificación provisional

1. Cando se consideren acreditados os requisitos recollidos nas letras a), b), d) e g) do artigo 5 da Lei 44/2007, do 13 de decembro, o órgano competente emitirá resolución de cualificación provisional como empresa de inserción. Na resolución acordarase a inscrición da empresa no Rexistro Administrativo de Empresas de Inserción de Galicia e asignaráselle o número de rexistro que corresponda, cun indicativo de provisionalidade.

2. Unha vez obtida a cualificación provisional, a empresa poderá incorporar á súa denominación os termos «empresa de inserción» ou as siglas «EI».

3. A cualificación provisional quedará automaticamente sen efecto unha vez transcorrido un ano sen que se solicitase a cualificación definitiva. Neste suposto procederase de oficio á baixa no rexistro, que se lle notificará á interesada.

Sección 3ª. Cualificación definitiva

Artigo 12. Solicitude de cualificación definitiva

Para obter a cualificación definitiva, a empresa de inserción deberá presentar, no prazo máximo dun ano desde a cualificación provisional, unha solicitude a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, que se inclúe como anexo I.

Artigo 13. Documentación complementaria á solicitude de cualificación definitiva

Xunto coa solicitude deberá presentarse a seguinte documentación:

a) Xustificante do pagamento da taxa por servizos administrativos.

b) Documentación acreditativa do poder de representación da persoa que actúa en nome da empresa e asina a solicitude.

c) Informe de traballadores en alta das contas de cotización da empresa, correspondente aos meses comprendidos entre a data de cualificación inicial e o mes anterior á solicitude de cualificación definitiva, ambos incluídos.

d) Certificación expedida polos servizos sociais públicos competentes acerca do risco ou situación de exclusión social das persoas en proceso de inserción que formasen parte do cadro de persoal da empresa en calquera momento desde a data de cualificación inicial. Esta certificación non será necesaria no caso de que as ditas persoas fosen perceptoras ou membros de unidades familiares perceptoras da Risga.

e) Certificado de contar cos preceptivos servizos de prevención, con indicación das especialidades contratadas.

f) Descrición dos medios empregados pola empresa para cumprir os compromisos derivados dos itinerarios de inserción sociolaboral. Se o persoal técnico dedicado á prestación dos servizos de orientación e acompañamento á inserción forma parte da propia empresa de inserción ou das entidades promotoras, deberá indicarse esta circunstancia e xuntar o currículo profesional do citado persoal.

g) Certificación do órgano de administración da sociedade acerca da aplicación dos excedentes, cando desde a obtención da cualificación provisional se produza o peche dun exercicio económico.

h) Balance social anual da actividade da empresa que inclúa a memoria económica e social, a composición do cadro de persoal, a información sobre as tarefas de inserción realizadas, o grao de inserción no mercado laboral ordinario e as previsións para o próximo exercicio.

i) Anexo III de autorización para a comprobación de datos, asinada por todas as persoas traballadoras en inserción do último ano.

Artigo 14. Comprobación de datos para a cualificación definitiva

Para os efectos de tramitar a solicitude de cualificación definitiva, consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas, segundo proceda:

a) Número de identificación fiscal da entidade solicitante e das entidades promotoras.

b) DNI ou NIE da persoa representante e das persoas en inserción.

c) Informe das contas de cotización asociadas ao NIF da entidade solicitante.

d) Inscrición no Servizo Público de Emprego das persoas traballadoras en inserción.

e) Informe da vida laboral das persoas traballadoras en inserción.

f) Certificado de percepción da renda de integración social de Galicia das persoas traballadoras en inserción.

Artigo 15. Petición de informes

O instrutor poderá solicitar os informes que considere necesarios para acreditar o correcto funcionamento da empresa e da entidade promotora e, en particular, do órgano competente en materia de servizos sociais.

No procedemento de descualificación dunha empresa de inserción solicitará informe previo preceptivo da Inspección de Traballo e Seguridade Social, segundo o establecido no artigo 8.2 da Lei 44/2007, do 13 de decembro, para a regulación do réxime das empresas de inserción.

Artigo 16. Cualificación definitiva

1. Procederá a cualificación definitiva da empresa de inserción cando esta acredite o cumprimento dos requisitos sinalados nas letras c), e) e f) do artigo 5 da Lei 44/2007, do 13 de decembro.

Para acreditar a porcentaxe de persoas traballadoras en inserción recollida no artigo 5.c) da Lei 44/2007, do 13 de decembro, teranse en conta tanto as persoas traballadoras por conta allea como, no caso de cooperativas, as persoas socias traballadoras, en ambos os casos en cómputo anual.

2. Se a resolución é favorable, a cualificación retrotraerá os seus efectos á data da cualificación provisional. A empresa manterá o número de inscrición, do cal se suprimirá o indicativo de provisionalidade. Se é desfavorable, comportará a baixa no rexistro.

Sección 4ª. Descualificación

Artigo 17. Causas de perda da cualificación da empresa de inserción

Sen prexuízo do disposto no artigo 11.3, serán causas de descualificación como empresa de inserción:

a) O incumprimento da finalidade primordial de integración sociolaboral de persoas en situación ou en risco de exclusión social.

Considérase que existe incumprimento desta finalidade, entre outras circunstancias:

– Cando a empresa incumpra as obrigas derivadas dos contratos de traballo de inserción ou dos itinerarios de inserción sociolaboral.

– Cando a empresa incumpra as obrigas en materia de constancia rexistral.

– Cando se produza o cesamento da actividade económica durante máis dun ano.

– Cando non preste a colaboración adecuada co Servizo Público de Emprego e cos servizos sociais públicos competentes para os efectos de facilitar o seguimento dos servizos de intervención e de acompañamento e dos itinerarios de inserción.

b) O incumprimento ou perda por parte da empresa ou da entidade promotora dalgún dos requisitos exixidos para a cualificación como empresa de inserción.

c) A extinción da sociedade.

d) A vontade expresa de descualificación manifestada pola empresa de inserción, sempre que non comporte prexuízos para as persoas en proceso de inserción.

Artigo 18. Procedemento de descualificación

1. O órgano competente acordará o inicio do procedemento de descualificación cando aprecie a concorrencia dalgunha das circunstancias sinaladas no número anterior.

2. O órgano instrutor solicitará informe preceptivo da Inspección de Traballo e Seguridade Social. Ademais, poderá requirir da entidade interesada a documentación que considere precisa para acreditar as circunstancias concorrentes, así como solicitar os informes que considere necesarios con esta finalidade. En particular, no suposto de descualificación por solicitude da interesada, solicitarase informe dos servizos sociais públicos competentes acerca da situación das persoas en proceso de inserción que poidan verse afectadas.

Así mesmo, daralle audiencia á entidade interesada previamente a formular proposta de resolución, agás que o procedemento se iniciase por solicitude da interesada.

Non será necesario efectuar os trámites previstos neste número cando a causa da descualificación sexa a extinción da sociedade e exista constancia certa dela.

3. A descualificación, unha vez firme na vía administrativa, producirá de oficio efectos de baixa rexistral e non implicará necesariamente a disolución da sociedade

CAPÍTULO III Rexistro Administrativo de Empresas de Inserción de Galicia

Artigo 19. Obxecto e adscrición

1. O Rexistro Administrativo de Empresas de Inserción de Galicia ten por obxecto a inscrición das empresas que obtivesen a cualificación de empresas de inserción, así como dos actos rexistrais que se determinen neste decreto.

2. Este rexistro adscríbese ao órgano de dirección da consellería competente en materia de economía social.

3. O Rexistro Administrativo de Empresas de Inserción de Galicia é un rexistro público, gratuíto, autonómico e único.

Artigo 20. Efectos da inscrición rexistral

1. A inscrición rexistral producirá o efecto de publicidade dos datos consignados.

2. A inscrición non terá efectos constitutivos das entidades cualificadas e non lles conferirá máis dereitos que a constancia dos actos e datos de que deriva.

Artigo 21. Funcionamento do rexistro

1. O Rexistro Administrativo de Empresas de Inserción de Galicia funcionará por medios telemáticos.

2. O Rexistro Administrativo de Empresas de Inserción de Galicia levará un libro de inscrición de empresas de inserción, no cal abrirá unha folla rexistral por cada empresa que se cualifique e nela faranse constar os seguintes datos:

a) Número de rexistro que se lle asigna.

b) Razón social da empresa.

c) Número de identificación fiscal.

d) Forma xurídica.

e) Identificación da persoa representante.

f) Sector da actividade económica principal e código relativo á Clasificación nacional de actividades económicas (CNAE).

g) Domicilio social.

h) Razón social das entidades promotoras, a súa identificación fiscal e a súa porcentaxe no capital social.

i) Data da resolución de cualificación.

j) Data e causa da resolución de descualificación, se é o caso.

k) Datos da actividade socioeconómica.

k.1) Domicilio do centro ou centros de traballo con que conta a empresa en Galicia.

k.2) Data de presentación dos documentos a que se refire o punto 1 do artigo 22 deste decreto.

k.3 ) Número de persoas traballadoras que se atopen en procesos de inserción e o total do cadro de persoal, desagregadas por sexo, referidas á última relación anual presentada.

3. A persoa encargada do rexistro realizará de oficio a inscrición ou a baixa das empresas de inserción, logo de ditadas as resolucións nos termos sinalados neste decreto. Así mesmo, realizará de oficio a anotación das circunstancias comunicadas polas empresas que, sen constituíren causa de descualificación, supoñan alteración dalgún dos datos sinalados no punto anterior.

4. As inscricións numeraranse correlativamente e constarán de nove caracteres, dos cales os tres primeiros expresarán a orde secuencial; os catro seguintes indicarán o ano en que se cualifica e se inscribe a empresa de inserción; e finalmente incluiranse as siglas EI. Adicionalmente, os números de rexistro correspondentes a empresas con cualificación provisional irán precedidas da letra P.

Artigo 22. Datos obxecto de constancia rexistral

1. As empresas de inserción están obrigadas a presentar no Rexistro Administrativo de Empresas de Inserción de Galicia a seguinte documentación:

a) A documentación acreditativa das modificacións estatutarias que afecten a súa composición social, o seu obxecto social, o destino previsto para os beneficios ou calquera outra que poida afectar a súa cualificación, no prazo dun mes desde a súa inscrición no rexistro correspondente á súa forma xurídica.

b) O plan de actividades e o orzamento estimativo anual, con anterioridade ao inicio do exercicio económico correspondente.

c) As contas anuais e o informe de xestión de cada exercicio económico, debidamente aprobados, xunto coa xustificación de telas presentado no rexistro correspondente, dentro do prazo establecido para a súa presentación.

d) Un balance social anual que inclúa a memoria económica e social, o grao de inserción no mercado laboral ordinario das persoas contratadas, a información sobre as tarefas de inserción realizadas e as previsións para o exercicio, no primeiro trimestre de cada ano.

e) A relación nominal do cadro de persoal da empresa, con indicación daquelas persoas traballadoras que se encontren en procesos de inserción, así como as variacións producidas durante o ano anterior, no primeiro trimestre de cada ano, segundo o modelo do anexo IV.

f) Informe de traballadores en alta das contas de cotización da empresa, correspondentes ao ano anterior, no primeiro trimestre de cada ano.

g) Anexo III de autorización para a comprobación de datos, asinado por todas as persoas traballadoras en inserción do último ano.

2. Para os efectos de comprobar o mantemento das obrigas por parte da empresa de inserción, consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas, segundo proceda:

a) DNI ou NIE da persoa representante e das persoas en inserción.

b) Informe das contas de cotización asociadas ao NIF da entidade solicitante.

c) Inscrición no Servizo Público de Emprego das persoas traballadoras en inserción.

d) Informe de vida laboral das persoas traballadoras en inserción.

e) Certificado de percepción da renda de integración social de Galicia das persoas traballadoras en inserción.

O rexistro poderá requirir calquera outra documentación e solicitar os informes que sexan necesarios para acreditar que se manteñen as condicións para a cualificación.

Artigo 23. Publicidade e información rexistral

1. Quen manifeste interese lexítimo na súa consulta poderá solicitar do Rexistro Administrativo de Empresas de Inserción de Galicia a expedición de certificacións relativas ao contido da folla rexistral das empresas de inserción, que poderá comprender calquera das circunstancias sinaladas nas letras a) á j) do parágrafo 2 do artigo 21, garantindo en todo caso o dereito á protección dos datos persoais.

2. O Rexistro Administrativo de Empresas de Inserción de Galicia proporcionaralle periodicamente os datos que regulamentariamente se determinen ao Rexistro Administrativo de Empresas de Inserción do ministerio competente en materia de economía social, para os efectos de coordinación e intercambio de información.

3. O órgano a que está adscrito o Rexistro Administrativo de Empresas de Inserción de Galicia facilitará a consulta dos datos públicos das empresas de inserción inscritas no rexistro mediante a súa publicación na páxina web da consellería.

CAPITULO IV Incorporación a unha empresa de inserción e seguimento do itinerario

Artigo 24. Inicio do proceso para a incorporación a unha empresa de inserción

1. Para a incorporación dunha persoa a unha empresa de inserción deberá acreditarse que concorren as seguintes circunstancias:

– Que se atopa en situación ou risco de exclusión social.

– Que está desempregada e inscrita no Servizo Público de Emprego.

– Que non prestou servizos na mesma ou noutra empresa de inserción nos dous anos anteriores, agás no suposto recollido no número 5.b) deste artigo.

2. O proceso para a incorporación dunha persoa en situación ou risco de exclusión social a unha empresa de inserción poderán inicialo os servizos sociais públicos competentes, o Servizo Público de Emprego de Galicia ou unha empresa de inserción.

3. Cando o proceso de incorporación o inicien o Servizo Público de Emprego ou os servizos sociais públicos, o órgano competente consultará se a persoa candidata reúne as condicións sinaladas no número 1.

Unha vez comprobados os requisitos, o órgano que iniciase o proceso derivará a persoa candidata á empresa de inserción, e remitiralle, se é o caso, o itinerario de inserción a que se refire o artigo 26.

4. Se é a empresa de inserción quen inicia o proceso, dirixirase ao Servizo Público de Emprego para obter a acreditación das circunstancias da persoa que se pretende contratar. Este, logo de comprobar os requisitos, se é o caso, emitirá o informe sobre se a persoa cumpre cos requisitos de incorporación, no prazo de cinco días hábiles desde a recepción da solicitude.

No caso de que o Servizo Público de Emprego non tivese acceso á información relativa á situación ou risco de exclusión social, o seu informe limitarase á información dispoñible e a empresa terá que completala solicitando aos servizos sociais públicos competentes o informe sobre este aspecto.

O Servizo Público de Emprego e os servizos sociais públicos competentes, de ser o caso, remitirán, xunto co seu informe, o itinerario de inserción a que se refire o artigo 26.

5. A empresa de inserción solicitará informe dos servizos sociais públicos competentes sobre a conveniencia de formalizar o contrato cando se dea algún dos supostos seguintes:

a) No caso de que se pretenda subscribir un contrato formativo de duración inferior a 12 meses. Os servizos sociais públicos competentes poderán emitir informe favorable en función das circunstancias concorrentes, sen que en ningún caso a dita duración poida ser inferior a seis meses.

b) No caso de que a persoa candidata xa prestase servizos nunha empresa de inserción nos dous últimos anos. Os servizos sociais públicos competentes poderán emitir informe favorable cando consideren que fracasou o proceso previo de inserción ou que se produciu unha recaída en novas situacións de exclusión. Non obstante, presumirase que as circunstancias da persoa traballadora aconsellan a formalización do contrato, e polo tanto non se requirirá informe expreso, cando o tempo traballado nos dous anos anteriores non supere en conxunto os seis meses.

Os informes a que se refire este punto serán emitidos no prazo de 10 días hábiles desde a recepción da solicitude. Transcorrido o dito prazo sen que se emitise informe, a empresa de inserción poderá formalizar o contrato respectando, en todo caso, o establecido na lexislación laboral.

Artigo 25. Formalización e comunicación do contrato de traballo

1. Unha vez formalizado o contrato de traballo, a empresa de inserción deberá comunicarllo debidamente ao Servizo Público de Emprego. Así mesmo, deberá remitir unha copia do contrato aos servizos sociais públicos competentes no prazo de vinte días, para o seguimento do proceso de inserción.

2. Cando o proceso o iniciasen os servizos sociais públicos competentes ou o Servizo Público de Emprego, se o contrato non se formaliza a empresa deberá comunicarlle as causas que o motivaron ao órgano correspondente.

Artigo 26. Itinerario de inserción

1. O itinerario de inserción é o marco de traballo no cal as partes intervenientes establecen de mutuo acordo as actuacións necesarias para lograr unha plena participación social e laboral da persoa traballadora.

Conforme as previsións do Decreto 61/2016, do 11 de febreiro, polo que se define a Carteira de servizos sociais de inclusión, deberán conter como mínimo as prestacións obrigatorias contidas no anexo V.

2. A empresa de inserción deberá aplicar o itinerario de inserción da persoa traballadora que, se é o caso, lle sexa proporcionado polo servizo público de emprego ou polo equipo técnico de inclusión sociolaboral.

No caso de que a persoa sexa perceptora da Risga no seu tramo de inserción, o itinerario axustarase ao que figure no convenio de inclusión sociolaboral con compromiso de actividade previsto no artigo 56 da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia.

Se non lle é proporcionado, a empresa deberá elaborar un itinerario personalizado de inserción sociolaboral da persoa traballadora, tendo en conta, se é o caso, o contido doutros posibles itinerarios en que estea participando a persoa como usuaria dun programa de intervención social ou laboral.

3. Será necesario que o itinerario sexa aceptado pola empresa e o traballador no prazo dos quince días seguintes á formalización do contrato de traballo. A empresa remitirá copia do itinerario aceptado aos servizos sociais públicos competentes e ao Servizo Público de Emprego, no prazo de vinte días desde a formalización do contrato.

4. No caso de que o itinerario fose elaborado pola empresa, os servizos sociais públicos competentes e o Servizo Público de Emprego poderán efectuar as indicacións que consideren oportunas no prazo de dez días desde a súa recepción. A empresa deberá adecuar o itinerario a estas indicacións e proceder conforme o sinalado no punto anterior.

Artigo 27. Obrigas derivadas do contrato de traballo dunha persoa en proceso de inserción

1. A empresa de inserción e a persoa en proceso de inserción, polo feito de subscribiren un contrato de traballo, deben asumir as obrigas que establece a normativa laboral vixente.

2. En particular, a empresa de inserción queda obrigada a:

a) Proporcionarlle á persoa traballadora a actividade profesional adecuada para o cumprimento do obxecto do contrato e facilitarlle os medios para a adquisición de hábitos sociais e laborais que lle permitan acceder a medidas de acompañamento social.

b) Responsabilizarse de proporcionarlle unha formación á persoa traballadora en proceso de inserción dirixida á aprendizaxe dunha determinada actividade profesional e á adecuación do nivel formativo ou das competencias profesionais ás exixencias do mercado laboral.

c) Proporcionarlle á persoa traballadora en proceso de inserción un servizo de intervención e acompañamento para a inserción sociolaboral que faciliten a súa posterior incorporación ao mercado de traballo ordinario.

d) Prestar un servizo de acompañamento social, encamiñado a satisfacer ou resolver problemáticas persoais e de convivencia que impidan ou dificulten o normal desenvolvemento do proceso de adaptación laboral.

e) Facilitar e colaborar no seguimento do itinerario de inserción por parte dos servizos sociais públicos competentes.

3. A persoa traballadora en proceso de inserción queda obrigada a:

a) Levar a cabo a actividade pactada como obxecto do contrato.

b) Recibir a formación teórica e práctica necesaria para levar a cabo a actividade.

c) Cumprir as condicións e compromisos contidos no itinerario, participando de forma responsable na súa execución.

d) Participar activamente no desenvolvemento das medidas de acompañamento que se establezan no itinerario de inserción.

e) Colaborar no seguimento do proceso de inserción.

Artigo 28. Seguimento dos itinerarios de inserción

1. As empresas de inserción deben emitir e trasladarlle aos servizos sociais públicos competentes un informe de seguimento do itinerario cunha periodicidade mínima de seis meses, agás que os servizos sociais públicos competentes establezan unha inferior.

Cando a persoa traballadora sexa perceptora da renda de inclusión social de Galicia no tramo de inserción, o dito informe debe conter a información suficiente para avaliar o nivel de cumprimento dos compromisos adquiridos para os efectos previstos no Decreto 14/2019, do 31 de xaneiro, de desenvolvemento da Lei 10/2013, do 27 de novembro, no relativo a tramitación da renda de inclusión social de Galicia e das axudas de inclusión social.

Sen prexuízo do anterior, deben comunicar coa maior brevidade calquera circunstancia relevante que imposibilite ou dificulte gravemente a execución do itinerario previsto, ou aconselle a súa modificación.

2. As empresas de inserción deben comunicarlles aos servizos sociais públicos competentes as seguintes circunstancias relativas aos contratos de traballo:

a) Con carácter previo, as prórrogas e modificacións do contrato, así como a súa extinción, calquera que sexa a súa causa.

b) As ausencias ou faltas de puntualidade das persoas en proceso de inserción motivadas pola situación física ou psicolóxica derivada da súa situación de exclusión social, cando sexa necesario determinar se están ou non xustificadas.

c) As situacións de embriaguez habitual ou toxicomanía das persoas en proceso de inserción, cando sexa necesario determinar se son causa de suspensión do contrato de traballo e se procede proporlle á persoa traballadora un proceso de deshabituación ou desintoxicación.

3. Os servizos sociais públicos competentes emitirán informe sobre as circunstancias sinaladas no punto anterior, no prazo máximo de 10 días hábiles contados desde a recepción da solicitude.

Transcorrido o dito prazo sen que se emitise o informe, no caso do punto 2.a) deste artigo, a empresa de inserción poderá prorrogar o contrato, modificalo ou extinguilo, calquera que fose a súa causa, respectando en todo caso o establecido na lexislación laboral.

Transcorrido o dito prazo sen que se emitise o informe, no caso do punto 2.b) deste artigo, a empresa de inserción poderá determinar se están ou non xustificadas as ausencias ou as faltas de puntualidade das persoas en proceso de inserción motivadas pola situación física ou psicolóxica derivada da súa situación de exclusión social, respectando en todo caso o establecido na lexislación laboral.

Transcorrido o dito prazo sen que se emitise o informe, no caso do punto 2.c) deste artigo, a empresa de inserción poderá suspender o contrato de traballo das persoas en proceso de inserción que protagonicen situacións de embriaguez habitual ou toxicomanía e poderá proporlle á persoa traballadora un proceso de deshabituación ou desintoxicación, respectando en todo caso o establecido na lexislación laboral.

4. Unha vez finalizada a execución do itinerario de inserción sociolaboral, a empresa de inserción deberá remitirlles aos servizos sociais públicos competentes un informe final en que se describan as actuacións realizadas, as circunstancias relevantes no seu desenvolvemento e, en especial, os obstáculos detectados, a situación actual da persoa en proceso de inserción e as recomendacións de futuro, se é o caso.

Disposición adicional primeira. Datos de carácter persoal

1. Os datos persoais recollidos nestes procedementos serán tratados na súa condición de responsable do tratamento pola Xunta de Galicia –Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade–, coa finalidade de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión destes procedementos e a de garantir a publicidade rexistral.

2. O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, derivada dunha competencia legalmente atribuída ao responsable do tratamento, así como o cumprimento de obrigas legais impostas ao dito responsable (artigo 6.1, letras c) e e) do RXPD, e 8 da Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais). En concreto, a competencia e obrigas previstas nos preceptos básicos da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, así como na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e na Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, circunstancia que se reflectirá no formulario anexo.

3. Os destinatarios dos datos serán as administracións públicas no exercicio das súas competencias.

4. As persoas interesadas poderán solicitar o acceso, rectificación, oposición, limitación, portabilidade e supresión dos seus datos ou retirar, de ser o caso, o consentimento outorgado a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se recolle en https://www.xunta.gal/exercicio-de-dereitos. Tamén poderán contactar coa persoa delegada de protección de datos e obter máis información en:

https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos

Disposición adicional segunda. Utilización do termo «empresa de inserción»

1. As entidades que non estean cualificadas como empresas de inserción non poderán empregar na súa denominación o termo «empresa de inserción» nin as siglas «EI», ou calquera outra que leve a confusión con esta cualificación.

2. As empresas cualificadas e inscritas como empresas de inserción que teñan na súa denominación o termo «empresa de inserción laboral» ou as siglas «EIL» poderán seguir empregándoos ou substituílos pola expresión «empresa de inserción» ou as siglas «EI», respectivamente.

Disposición adicional terceira. Fomento das empresas de inserción

A Administración autonómica, a través da consellería con competencias en materia de emprego, promoverá a creación, o mantemento e a ampliación das empresas de inserción en Galicia, en atención ao seu labor social de apoio á incorporación ao mercado de traballo das persoas en situación ou risco de exclusión social.

Disposición transitoria única

As empresas de inserción cualificadas con anterioridade á entrada en vigor deste decreto terán o prazo dun ano para cumprir as previsións deste decreto.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas todas aquelas normas de igual ou inferior rango que se opoñan ao presente decreto e quedan derrogadas expresamente as seguintes normas:

– O Decreto 156/2007, do 19 de xullo, polo que se regula o procedemento para a cualificación das empresas de inserción laboral, se crea o seu rexistro administrativo e se establecen as medidas para o fomento da inserción sociolaboral.

– A Orde do 29 de decembro de 2008 pola que se regula o procedemento de cualificación das empresas de inserción laboral e a organización e funcionamento do seu rexistro administrativo.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

1. Facúltanse as persoas titulares das consellerías da Xunta de Galicia con competencias en materia de economía social e de servizos sociais para ditar cantas disposicións sexan precisas para o desenvolvemento e execución do disposto neste decreto.

2. De conformidade coa disposición adicional sexta da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, o/s modelo/s normalizado/s aplicable/s na tramitación do/s procedemento/s regulado/s neste decreto nos anexos I, II, III e IV poderá/n ser actualizado/s co fin de mantelo/s adaptado/s á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a súa aprobación polo órgano de dirección competente en materia de economía social e a posterior publicación do/s modelo/s actualizado/s na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estará/n permanentemente accesible/s para todas as persoas interesadas, sen que sexa necesaria unha nova publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, quince de setembro de dous mil vinte e dous

Alfonso Rueda Valenzuela

Presidente

María Jesús Lorenzana Somoza

Conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade

ANEXO I

[Documento]

ANEXO II

[Documento]

ANEXO III

[Documento]

ANEXO IV

[Documento]

ANEXO V

Contido mínimo dos itinerarios de inserción

A Carteira de servizos sociais de inclusión, definida no Decreto 61/2016, do 11 de febreiro, define o servizo de apoio á inclusión sociolaboral como aquel servizo orientado a reverter procesos de exclusión social, incluíndo a exclusión severa, mediante o apoio socioeducativo e psicosocial, así como, de ser o caso, o fortalecemento das competencias precisas para posibilitar o acceso ao emprego. As prestacións e a súa intensidade variarán en función do establecido no correspondente proxecto de inclusión sociolaboral.

Entre as prestacións que obrigatoriamente debe incorporar este servizo, encóntrase a diagnose, co obxecto de determinar o proxecto de inclusión sociolaboral e o deseño, seguimento e avaliación do proxecto de inclusión social e/ou laboral, co que se establecen as actuacións necesarias para lograr unha plena participación social e laboral e cuxo desenvolvemento adopta unha metodoloxía baseada en itinerarios.

Logo destas dúas prestacións, unha que é previa ao inicio da intervención (diagnose) e outra que se traduce na elaboración e execución do itinerario de inserción, atópanse outras que necesariamente deben terse en conta para determinar o contido deste, e que son as seguintes:

a) De carácter obrigatorio:

1. Acompañamento social: prestación en que a persoa participa, en interacción cun/ cunha profesional cualificado/a, nunha relación de axuda que contribúe a mellorar o seu desenvolvemento autónomo e integración social. Permítelle á persoa contrastar a súa situación, detallar os seus obxectivos en relación co mantemento ou desenvolvemento da súa autonomía persoal e integración social, e contar, para alcanzalos, cunha persoa de referencia que, ao longo do proxecto de inclusión sociolaboral, sexa capaz de ofrecerlle apoio. O desenvolvemento desta prestación realizarase en coordinación cos dispositivos implicados no proceso de inclusión pertencentes ao Sistema público de protección social.

2. Accións de adquisición e/ou fortalecemento das capacidades persoais e sociais: actuacións que contribúen aos procesos de axuste persoal e social, a través da motivación, do desenvolvemento de habilidades persoais e relacionais e do apoio psicolóxico, e todas aquelas que promovan o devandito axuste.

3. Accións promotoras do acceso e permanencia no mercado laboral: actuacións de formación prelaboral, orientación laboral, formación ocupacional, acompañamento laboral e todas aquelas que promovan a mellora da empregabilidade.

b) De carácter opcional:

1. Mediación social e/ou intercultural: situación en que se atopan as persoas que presentan déficits graves de tipo persoal e relacional e/ou en áreas vitais clave e que precisan, por iso, unha maior intensificación e/ou especificidade dos apoios dirixidos a reverter as súas circunstancias.

2. Mediación laboral: actividades no marco dun proceso individual de inclusión sociolaboral dirixidas a evitar que xurdan conflitos entre partes na contorna laboral ou a resolver os que se produzan.

3. Prospección e intermediación laboral activa: accións de carácter técnico dirixidas, por unha banda, a identificar viveiros de emprego que determinen contidos formativos de cualificación para o emprego; e, pola outra, a establecer canles de colaboración co empresariado para dispoñer de información e desenvolver accións conxuntas que permitan conseguir ou favorecer os obxectivos de inclusión sociolaboral.

4. Apoio á conciliación: posta ao dispor dos medios para a atención de menores e/ou persoas dependentes das persoas con proxecto de inclusión sociolaboral, de forma que se facilite a súa participación nel.

5. Reforzo socioeducativo para menores: intervención socioeducativa que inclúe o reforzo, orientación e apoio ao alumnado para reforzar a importancia da educación, evitar o abandono prematuro da etapa de escolarización obrigatoria, reducir o absentismo escolar e facilitar a transición entre a educación primaria e a secundaria.

6. Apoio socioeducativo para a adhesión a tratamentos de prescrición facultativa.

Tendo en conta o anterior, os itinerarios de inserción deben recoller, como mínimo, o seguinte contido:

1. Accións tendentes á consecución do obxectivo de inserción sociolaboral, que necesariamente incluirán as prestacións sinaladas como obrigatorias na Carteira de servizos de inclusión dentro do Servizo de apoio á inclusión sociolaboral.

2. Obrigas que as partes asumen no seu desenvolvemento e seguimento.

3. Distribución no tempo das actividades de produción, de formación no posto de traballo e de intervención ou acompañamento social que sexa necesario realizar.

4. Mecanismos e periodicidade para o seu seguimento e avaliación.

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia