lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Orde do 19 de outubro de 2022 pola que se crean as comisións provinciais e a Comisión autonómica de seguimento do benestar e a convivencia nos centros educativos sostidos con fondos públicos.

Publicado en: DOG 206 28/10/2022

Departamento: Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

Estado: En vigor

PDF

O artigo 31 do Estatuto de autonomía de Galicia establece que «é da competencia plena da Comunidade Autónoma galega o regulamento e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias, sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que, conforme o punto primeiro do artigo 81 daquela, o desenvolvan, das facultades que lle atribúe ao Estado o número 30 do punto 1 do artigo 149 da Constitución e da alta inspección precisa para o seu cumprimento e garantía».

De acordo co previsto na Lei orgánica 8/1985, do 3 de xullo, reguladora do dereito á educación, a actividade educativa, guiada polos principios e declaracións da Constitución española, terá entre os seus fins o pleno desenvolvemento da personalidade do alumnado e a formación no respecto aos dereitos e liberdades fundamentais, na igualdade entre homes e mulleres e no exercicio da tolerancia e a liberdade dentro dos principios democráticos de convivencia.

O benestar emocional é un concepto amplo vinculado coa nosa experiencia subxectiva. Non se limita a unha sensación de harmonía e tranquilidade, senón que abrangue tamén a experiencia persoal de satisfacción por ser quen de afrontar as dificultades e incertezas, así como de superar as contrariedades que se presentan na nosa vida dun xeito positivo ou adaptativo.

A Organización Mundial da Saúde (OMS), no seu Plan de acción integral sobre a saúde mental 2013-2020, define o benestar emocional como o «estado de ánimo no cal a persoa se dá de conta das súas propias aptitudes, pode afrontar as presións normais da vida, pode traballar de xeito máis produtivo e pode facer unha contribución á comunidade».

Así, o benestar emocional afecta todas as esferas da vida das persoas e é unha tarefa da sociedade no seu conxunto contribuír a unha convivencia e clima social que o favoreza. Os centros educativos, especialmente en idades de escolarización obrigatoria, teñen un papel relevante neste senso. A función titorial e orientadora, a atención á diversidade e a convivencia escolar son os piares sobre os cales se constrúe o clima de benestar e convivencia en que se deben desenvolver as comunidades educativas.

Porén, os centros educativos non poden nin deben actuar sos. O benestar afecta diferentes esferas da vida das persoas, entre as cales é importante destacar o ámbito da saúde e o sociocomunitario. Naqueles casos en que se atopen implicadas persoas menores de idade, deberase contar tamén coas instancias responsables de velar polo seu interese superior.

Por este motivo, a consellería competente en materia educativa vén colaborando de xeito sostido con estas institucións a través de plans e protocolos que se atopan, pola súa parte, sometidos a constante revisión e actualización. É o caso do Protocolo de coordinación, intervención e derivación interinstitucional en atención temperá ou o Protocolo de prevención, detección e intervención do risco suicida no ámbito educativo, entre outros.

No ano 2019 creouse a Comisión Interdepartamental en Materia de Educación e Saúde (CIES) para a coordinación e seguimento daquelas cuestións que afectan a saúde das comunidades educativas en todos os seus ámbitos, desde alimentación e estilos de vida saudables ata o coidado da saúde mental ou a atención a urxencias sanitarias.

No ano 2021, por instancia do Comité Educativo de Persoas Expertas para afrontar a emerxencia sanitaria derivada da pandemia da COVID-19, creado pola Orde do 18 de setembro de 2020, ponse en marcha un plan de benestar emocional que inclúe propostas de intervención en todos os ámbitos da esfera educativa, tanto na formación permanente coma no deseño e implementación de accións específicas adaptadas á realidade de cada centro docente.

O consenso científico actual indica que a situación derivada da pandemia pola COVID-19 está a xerar un aumento do sufrimento psicolóxico e emocional de todas as persoas, con especial afectación da infancia e adolescencia. Cómpre, por tanto, tomar medidas paliativas e de apoio e seguimento que minoren os efectos negativos desta situación sanitaria extraordinaria, reducindo os niveis de ansiedade, estrés e sufrimento e os seus efectos persoais e sociais.

Os centros educativos, no marco da súa autonomía, son, xunto cos servizos sociosanitarios, a primeira liña de intervención e, por isto, os que mellor poden deseñar estratexias e accións de afrontamento e superación de conflito e sufrimento. Non obstante, precisan do apoio institucional e de marcos estables e consolidados de colaboración interinstitucional que lles permitan executar accións que exceden a súa esfera de decisión e intervención e que garantan unha atención ao benestar e a convivencia estable e sostida no tempo.

A presente orde ten por obxecto crear as comisións provinciais e a Comisión autonómica de seguimento do benestar que, con carácter multidisciplinar e multinivel, permitan unha abordaxe integral e unha adecuada formación de criterio na valoración dos casos que afecten gravemente o benestar do alumnado no seo das comunidades educativas, proporcionando unha perspectiva social, psicosanitaria e de protección da infancia e da adolescencia, de xeito que complementen as accións educativas.

Por este motivo, logo da análise do Comité Educativo de Persoas Expertas para afrontar a emerxencia sanitaria derivada da pandemia, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

1. Créanse as comisións provinciais de seguimento do benestar nos centros educativos sostidos con fondos públicos da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra (en diante, comisións provinciais de seguimento), e a Comisión autonómica de seguimento do benestar nos centros educativos sostidos con fondos públicos (en diante, Comisión autonómica de seguimento), co obxectivo prioritario de coñecer aqueles casos que excedan as capacidades de actuación dos centros educativos por si mesmos ou cando a problemática implique a comunidade educativa como parte interesada.

2. As comisións achegarán pautas de actuación encamiñadas a restablecer o benestar psicosocial e emocional das persoas afectadas no nivel educativo, logo de analizadas as circunstancias concorrentes tanto educativas como familiares, sanitarias e socioemocionais.

3. As comisións adscríbense á consellería con competencias en materia de educación, cada unha delas como un órgano colexiado dos previstos na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 2. Principios de actuación

1. Na súa actuación as comisións de seguimento sempre primarán o interese superior do menor de modo que sexa valorado e considerado como primordial en todas as accións e decisións que lle atinxan, que se protexan os seus dereitos fundamentais e a satisfacción das súas necesidades básicas e, de xeito explícito, o dereito á educación básica.

2. Na valoración dos casos adoptarase unha visión integral das circunstancias concorrentes baseada nas evidencias achegadas, ponderando os dereitos e liberdades, así como os deberes e obrigas de toda a comunidade educativa.

3. As comisións de seguimento poderán actuar ante casuísticas concretas ou de modo proactivo para a mellora do benestar no seu ámbito de actuación. Para tal efecto, poderán recoller información, analizar boas prácticas e propoñer accións tanto preventivas como restaurativas.

CAPÍTULO II Comisións provinciais de seguimento

Artigo 3. Funcións das comisións provinciais de seguimento

1. As comisións provinciais de seguimento valorarán os casos de sufrimento psicosocial, entendendo por tales os derivados polas xefaturas territoriais con competencias en materia de educación, por proposta dos centros educativos. Para seren remitidos, os casos deben ter esgotado as vías ordinarias de resolución no marco do propio centro, logo de seren tramitados os correspondentes protocolos, de ser o caso, e co informe previo da Inspección educativa.

2. Para determinar os casos que, excepcionalmente, deben ser elevados ás comisións provinciais de seguimento valorarase a situación particular dos membros da comunidade educativa implicados, en especial dos/das menores, ponderando a súa situación de saúde e social, así como a da súa contorna.

3. As comisións provinciais de seguimento elaborarán ditames en relación cos casos derivados polas xefaturas territoriais con competencias en materia de educación. Estes ditames serán, en todo caso, motivados e terán o carácter de facultativos e vinculantes para os centros educativos adoptaren as medidas que resulten axeitadas aos ditos casos.

Artigo 4. Composición das comisións provinciais de seguimento

1. As comisións provinciais de seguimento estarán compostas:

– Pola persoa titular da xefatura territorial con competencias en educación, ou persoa en quen delegue, que a presidirá.

– Pola/o xefa/e da Inspección educativa da provincia.

– Pola persoa titular da xefatura territorial con competencias en materia de sanidade, ou persoa en quen delegue.

– Por unha persoa designada pola persoa titular da xefatura territorial con competencias en materia de menores.

– Por unha persoa membro dos equipos de orientación específicos, designada pola persoa titular da xefatura territorial con competencias en materia de educación.

– Por unha persoa representante dos servizos sociais dos concellos da provincia, designada por proposta da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

2. Exercerá as funcións da secretaría do órgano, con voz e sen voto, unha persoa funcionaria da xefatura territorial con competencias en educación, designada pola persoa titular da presidencia da comisión.

3. As comisións provinciais de seguimento poderán, para unha mellor valoración dos casos e formación de xuízo, solicitar a participación de representantes doutros órganos, institucións ou administracións públicas, cando poidan achegar elementos de xuízo relevantes na valoración dos casos; neste suposto, poderán participar nas reunións con voz e sen voto.

Artigo 5. Funcionamento das comisións provinciais de seguimento

1. As comisións provinciais de seguimento poderán aprobar as súas propias normas de funcionamento e réxime interno para o mellor exercicio das súas funcións, tendo en conta o disposto no artigo 21 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, en relación co uso de medios electrónicos.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións, as comisións provinciais de seguimento poderán solicitar os informes complementarios que consideren necesarios.

3. As comisións provinciais de seguimento reuniranse coa periodicidade que a prevalencia de casos ou a situación no seu ámbito territorial faga necesario ou aconsellable, logo de convocatoria da súa presidencia e, cando menos, unha vez ao trimestre.

4. De cada reunión redactará acta a persoa que exerza as funcións de secretaría, na cal se especificarán os asistentes, a orde do día da reunión e os puntos principais das deliberacións, así como o contido dos acordos adoptados e a súa fundamentación.

5. Sen prexuízo do anterior, o funcionamento das comisións axustarase ao establecido nos artigos 15 ao 18 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e nos artigos 16 ao 21 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

CAPÍTULO III Comisión autonómica de seguimento

Artigo 6. Funcións da Comisión autonómica de seguimento

A Comisión autonómica de seguimento realizará o seguimento e a coordinación das actuacións das comisións provinciais de seguimento. Tamén coñecerá aqueles casos que afecten máis dunha provincia ou que, pola súa relevancia ou especiais circunstancias, lle sexan trasladados desde as comisións provinciais de seguimento, sobre os que elaborará ditames que serán, en todo caso, motivados e terán o carácter de facultativos e vinculantes para os centros educativos adoptaren as medidas educativas que resulten axeitadas aos ditos casos.

Artigo 7. Composición da Comisión autonómica de seguimento

1. A Comisión autonómica de seguimento estará composta:

– Pola persoa titular da consellería con competencias en materia de educación, ou persoa en quen delegue, que a presidirá.

– Pola persoa titular da secretaría xeral técnica da consellería con competencias en materia de educación, ou persoa en quen delegue.

– Pola persoa titular do órgano directivo con competencias en materia de orientación educativa, convivencia e atención á diversidade, ou persoa en quen delegue.

– Pola persoa titular do órgano directivo con competencias en materia de centros e recursos humanos, ou persoa en quen delegue.

– Pola persoa titular da subdirección competente en inspección educativa.

– Por unha persoa designada pola persoa titular da consellería con competencias en materia de menores.

– Por dúas persoas designadas pola persoa titular da consellería con competencias en materia de sanidade.

– Por unha persoa membro dos equipos de orientación específicos, designada pola persoa titular da consellería con competencias en materia de educación.

– Por dúas persoas representantes dos servizos sociais dos concellos, designadas por proposta da Fegamp.

– Polas persoas titulares da xefatura territorial de cada provincia con competencias en materia de educación.

2. Exercerá as funcións da secretaría do órgano, con voz e sen voto, unha persoa funcionaria da consellería con competencias en materia de educación, designada pola persoa titular da presidencia da comisión.

3. A Comisión autonómica de seguimento poderá, para un mellor exercicio do seu labor, solicitar a participación de representantes doutros órganos, institucións ou administracións públicas, cando poidan achegar elementos de xuízo e outra información relevantes; neste suposto, poderán participar nas reunións con voz e sen voto.

Artigo 8. Funcionamento da Comisión autonómica de seguimento

1. A Comisión autonómica de seguimento poderá aprobar as súas propias normas de funcionamento e réxime interno para o mellor exercicio das súas funcións, tendo en conta o disposto no artigo 21 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, en relación co uso de medios electrónicos.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións, a Comisión autonómica de seguimento poderá solicitar os informes complementarios que considere necesarios. Así mesmo, poderá promover a realización dos estudos, informes e propostas de actuación que considere de interese para a mellora do benestar e a convivencia.

3. A Comisión autonómica de seguimento reunirase coa periodicidade que a situación faga necesario ou aconsellable, logo de convocatoria da súa presidencia e, cando menos, unha vez en cada curso escolar.

4. De cada reunión redactará acta a persoa que exerza as funcións de secretaría, na cal se especificarán os asistentes, a orde do día da reunión, os puntos principais das deliberacións e os acordos debidamente fundamentados.

5. Sen prexuízo do anterior, o funcionamento da Comisión axustarase ao establecido nos artigos 15 ao 18 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e nos artigos 16 ao 21 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Disposición adicional primeira. Non incremento do gasto

A constitución e o funcionamento dos órganos colexiados previstos nesta orde non suporán en ningún caso un incremento do gasto público e non xerarán aumento dos créditos orzamentarios asignados á Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

A pertenza a estes órganos e a asistencia ás reunións non terá carácter retribuído.

Disposición adicional segunda. Confidencialidade

Os membros das comisións autonómica e provinciais de seguimento e toda aquela persoa que participe nelas están obrigados a respectar o dereito á intimidade e á confidencialidade da información que, se é o caso, poidan coñecer no desempeño da súa actividade, de conformidade coa Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, así como o Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e o Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE.

Disposición adicional terceira. Presenza equilibrada de mulleres e homes

Na composición das comisións autonómica e provinciais de seguimento atenderase ao principio de presenza equilibrada de mulleres e homes na medida do posible. A comunicación que se realice para a designación de representantes lembrará a importancia social de tender a este obxectivo de igualdade.

Disposición adicional cuarta. Constitución

As sesións constitutivas das comisións autonómica e provinciais de seguimento terán lugar no prazo máximo dun mes a partir da entrada en vigor desta orde.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2022

Román Rodríguez González

Conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia