lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Orde do 10 de outubro de 2022 pola que se modifica a Orde do 18 de abril de 1996 pola que se desenvolve o Decreto 243/1995, do 28 de xullo, no relativo á regulación das condicións e requisitos específicos que deben cumprir os centros de atención a persoas maiores.

Publicado en: DOG 201 21/10/2022

Departamento: Consellería de Política Social e Xuventude

Estado: En vigor

PDF

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23, asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, recolle, no seu artigo 3 como obxectivos do Sistema galego de servizos sociais garantir a vida independente e a autonomía persoal das persoas en situación de dependencia, así como prever a aparición de calquera situación de dependencia, exclusión, desigualdade ou desprotección.

O Decreto 124/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Xuventude, establece que lle corresponde á dita consellería propoñer e executar as directrices xerais do Goberno no dito ámbito do benestar, que engloban as competencias en materia de servizos sociais.

Nos últimos anos está xurdindo en distintos países europeos un modo de vida en comunidade para fomentar o apoio mutuo entre persoas que deciden vivir xuntas. No eido das persoas maiores este tipo de comunidades dotadas de servizos asistenciais estase a desenvolver como unha alternativa ao modelo residencial tradicional de persoas maiores.

Esta alternativa de convivencia con cabida no ámbito dos servizos sociais pode materializarse a través de vivendas colaborativas, dotadas de servizos para a promoción dunha vida social activa e colaborativa, que contribuirán ao benestar das persoas maiores paliando situacións de illamento social que sofre gran parte deste colectivo.

No ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia os servizos de promoción da autonomía persoal e atención á dependencia están relacionados no Decreto 149/2013, do 5 de setembro, polo que se define a carteira de servizos sociais para a promoción da autonomía persoal e a atención ás persoas en situación de dependencia e se determina o sistema de participación das persoas usuarias no financiamento do seu custo.

De conformidade coa disposición transitoria terceira do Decreto 149/2013, do 5 de setembro, ata a entrada en vigor da regulación dos requisitos materiais, funcionais ou de persoal precisos para a autorización dos servizos, que se dite no desenvolvemento deste decreto, será de aplicación a Orde do 18 de abril de 1996 pola que se desenvolve o Decreto 243/1995, do 28 de xullo, no relativo á regulación das condicións e requisitos específicos que deben cumprir os centros de atención a persoas maiores.

A referida Orde do 18 de abril de 1996 ten como finalidade garantir a adecuación das instalacións, as condicións arquitectónicas, materiais, de equipamento e distribución de espazos.

Na actualidade e no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia están a xurdir diferentes iniciativas alternativas aos actuais modelos de recursos residenciais, concretamente os proxectos de vivendas colaborativas destinadas ás persoas maiores que requiran de servizos de promoción da autonomía persoal e atención á dependencia, polo que cómpre definir e regular as condicións materiais, arquitectónicas e de persoal en que se vai desenvolver este novo recurso.

Constitúe unha obriga dos poderes públicos facilitar os medios necesarios para que as persoas dispoñan das condicións máis adecuadas e dos apoios precisos para desenvolver os seus proxectos vitais, dentro da unidade de convivencia que desexen.

Por todo isto, a necesidade de regular esta nova tipoloxía determina abordar a modificación da Orde do 18 de abril de 1996 que establece as condicións e requisitos específicos que deben cumprir os centros de atención a persoas maiores, incorporando o novo recurso residencial para a prestación dos servizos de promoción da autonomía persoal e atención á dependencia establecidos no Decreto 149/2013, do 5 de setembro, dos que se doten estas vivendas colaborativas, como un tipo de recurso de atención a persoas maiores que apostan por unha convivencia en común, cos coidados e apoios necesarios que as situacións sobrevidas requiran.

De acordo co que establece o artigo 129.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a tramitación desta disposición axústase ao cumprimento dos principios de necesidade, eficacia, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia e eficiencia. Durante a súa tramitación deuse audiencia e información ás entidades que puideran resultar afectadas por ela. Así mesmo, solicitáronse os informes preceptivos en cumprimento do disposto na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

En consecuencia, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta de Galicia e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo único. Modificación da Orde do 18 de abril de 1996 pola que se desenvolve o Decreto 243/1995, do 28 de xullo, no relativo á regulación das condicións e requisitos específicos que deben cumprir os centros de atención a persoas maiores

A Orde do 18 de abril de 1996 pola que se desenvolve o Decreto 243/1995, do 28 de xullo, no relativo á regulación das condicións e requisitos específicos que deben cumprir os centros de atención a persoas maiores, queda modificada como segue:

Un. O número 2 do artigo 2 queda redactado como segue:

«2. Son centros de atención os seguintes:

a) Residencias.

b) Fogares residenciais.

c) Vivendas comunitarias.

d) Apartamentos tutelados.

e) Centros de día.

f) Fogares e clubs.

g) Vivendas colaborativas».

Dous. Engádese un número 8 no anexo I sobre requisitos específicos dos centros de atención ás persoas maiores.

«8. Vivendas colaborativas.

As vivendas colaborativas configúranse como unha modalidade residencial organizada en espazos de uso privativo e zonas comunitarias coa finalidade de desenvolver unha convivencia entre as persoas que deciden vivir xuntas nun mesmo lugar para os efectos de promoción da súa autonomía e a atención ante situacións de dependencia, baseándose nos principios de colaboración, autoxestión e axuda mutua, e nunhas condicións de igualdade e non discriminación.

O número de persoas residentes será como máximo de 150.

Poderán residir no equipamento as persoas cunha idade igual ou superior a 55 anos. Así mesmo, poderán ser residentes deste equipamento as persoas cunha idade inferior aos 55 anos, sempre que convivan na mesma vivenda colaborativa con, polo menos, unha persoa residente de idade igual ou superior aos 55 anos. Neste caso, o número de persoas residentes con idade inferior aos 55 anos non pode superar o cincuenta por cento do total de residentes.

A) Condicións materiais e arquitectónicas.

As vivendas colaborativas non poden contar con barreiras arquitectónicas, deben cumprir a normativa vixente en materia de accesibilidade e deberán estar adaptadas a persoas con mobilidade reducida segundo estableza a normativa de aplicación.

No non previsto nesta orde, as vivendas colaborativas deberán cumprir co establecido na normativa galega de habitabilidade de vivendas.

Estes recursos contarán con espazos privados e zonas de uso común.

a) Os espazos privados deberá dispoñer polo menos das seguintes estancias:

– Cuarto individual ou dobre cunha superficie mínima útil, sen computar o cuarto de baño, de 12 m².

– Cuarto de baño, accesible ou cunha dimensión mínima que, de ser o caso, se poida converter en accesible, dotado como mínimo de lavabo, inodoro e ducha.

– Rocho, dentro ou fóra do apartamento.

– Salón

– Cociña, podendo estar integrada no salón.

b) As zonas de uso común deberán contar, como mínimo, coas seguintes instalacións:

– Unha zona de recepción á entrada.

– Baños ou aseos: mínimo dous, equipados como mínimo con lavabo e inodoro. Polo menos un deles debe ser accesible.

– Unha ou máis salas polivalentes para a convivencia e realización de actividades. Disporán en total, polo menos, dunha superficie mínima de 2 m² por residente. De ser o caso, tamén poderá/n ser utilizada/s como área de comedor común.

– Unha sala ou espazo para a atención sociosanitaria, con toma de auga.

– Cuartos para a atención de persoas residentes que, polo seu grao de dependencia ou dependencia sobrevida, requiran atención ou coidados persoais, cunha capacidade mínima dun 5 % das prazas, que deberán ser reservadas para o posible coidado diúrno ou nocturno destas persoas. Estes cuartos deberán cumprir as mesmas exixencias que os cuartos das residencias de maiores recollidas na letra A) do número 1. Estes cuartos poderán ser utilizados para outras finalidades, como cuartos para persoas invitadas, se non son precisas para as persoas residentes, pero nunca ser ocupados por novas persoas residentes de xeito permanente.

Así mesmo, as zonas de uso común deberán contar con:

– Zona de descanso de profesionais, no caso de dispor deste persoal.

– Zona axardinada ou zona exterior, agás a existencia de espazos públicos adxacentes ao centro con estas características ou cando, pola súa localización, sexa imposible dispoñer destas zonas.

– Unha zona para o aparcadoiro de vehículos, que dispoña, polo menos, dunha (1) praza reservada para persoas con mobilidade reducida.

– Un espazo para almacén.

B) Requisitos funcionais e de persoal.

a) O centro deberá contar cun plan de organización, planificación dos servizos de mantemento e un programa de actividades comúns, co seguinte contido mínimo:

– O modelo de organización, limpeza e mantemento dos espazos de uso común.

– Actividades que se realicen relativas á promoción da autonomía persoal e a atención ás persoas en situación de dependencia, tanto no interior do centro como no súa relación coa contorna.

– Plan de atención ás persoas residentes que pola súa situación de dependencia requiran coidados persoais. Esta atención poderá prestarse a través dos seguintes sistemas:

1) Mediante as prestacións ou servizos que lle correspondan ás persoas dependentes das recollidas no sistema para a promoción da autonomía persoal e a atención á dependencia.

2) A través de profesionais vinculados ao centro para atender as necesidades das persoas con dependencia.

As persoas con dependencia contarán cun plan de atención individual en que se recollerán os coidados, as atencións e as intensidades que se lles prestan.

Non obstante, no caso de que o número de persoas con dependencia recoñecida no grao II ou III sexa igual ou superior ao 25 % do número total de residentes, a modalidade de atención deberá ser a recollida no número 2.

b) O recurso deberá contar cunha persoa responsable que deberá ter titulación universitaria e formación complementaria en dependencia, discapacidade, xeriatría, xerontoloxía, dirección de centros residenciais ou outras áreas de coñecemento relacionadas co ámbito de atención á dependencia.

Esta persoa pode ser unha persoa usuaria do recurso ou ben unha persoa externa a el.

No caso de que o número de persoas con dependencia recoñecida, grao II ou III, sexa igual ou superior ao 25 % do número total de residentes, requirirase para atender estas persoas usuarias a mesma ratio de persoal de atención directa que a exixida para as residencias de maiores, segundo o disposto na letra B) do número 1».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2022

A conselleira de Política Social e Xuventude

P.S. (Decreto 153/2022, do 13 de setembro; DOG núm. 175, do 14 de setembro)

Francisco José Conde López

Vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia