lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Decreto 154/2022, do 1 de setembro, polo que se crea o Consello da Calidade do Aire de Galicia.

Publicado en: DOG 179 20/09/2022

Departamento: Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

Estado: En vacatio legis

PDF

A Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, é o organismo responsable da vixilancia, control e avaliación da calidade do aire en Galicia, co obxecto de protexer a saúde e benestar da poboación galega. Para iso, realiza o seguimento en tempo real das concentracións de contaminantes no aire ambiente mediante a Rede de Calidade do Aire de Galicia.

A Organización Mundial da Saúde (OMS), nun informe publicado no ano 2018, estima que o 91 % da poboación do mundo vive en lugares onde non se respectan as súas Directrices sobre a calidade do aire, o que provoca cada ano 4,2 millóns de defuncións prematuras, das cales o 91 % acontecen en países de ingresos baixos e medianos (rexións do sueste asiático e Pacífico occidental, principalmente).

A evidencia científica dos efectos prexudiciais da mala calidade do aire, tanto a longo como a curto prazo, está moi consolidada. A OMS estima que aproximadamente o 58 % das mortes prematuras relacionadas coa contaminación atmosférica se deberon a cardiopatías isquémicas e accidentes cerebrovasculares, mentres que o 18 % das mortes foron provocadas por enfermidade pulmonar obstrutiva crónica (EPOC) e infeccións respiratorias agudas.

Así mesmo, o 6 % das mortes prematuras relacionadas coa mala calidade do aire débense ao cancro de pulmón. Neste senso, a Axencia Internacional para a Investigación do Cancro (IARC), incluíu á contaminación atmosférica na listaxe de compostos canceríxenos (lista 1A) tras determinar que a contaminación do aire exterior é carcinóxena para o ser humano e que o aire contaminado está estreitamente relacionado coa crecente incidencia do cancro, especialmente o cancro de pulmón, aínda que tamén se observou unha relación entre a contaminación do aire exterior e o aumento do cancro de vías urinarias e vexiga (IARC, 2013).

Este menoscabo para a saúde da poboación, e a conseguinte redución da súa esperanza e calidade de vida, supuxo en 2010 que o impacto da contaminación do aire na saúde pública en España representase un custo económico estimado do 2,8 % do produto interior bruto, isto é, uns 38.000 millóns de euros (OMS, 2015).

Doutra banda, unha das principais prioridades do Pacto verde europeo é reducir ao máximo a contaminación e, para iso a Comisión Europea puxo en marcha unha folla de ruta a través do plan de acción Cara a unha contaminación cero do aire, a auga e o solo. Co gran obxectivo de neutralidade climática que marca o Pacto verde europeo para 2050, este plan de acción prevé, entre outros obxectivos, mellorar a calidade do aire para reducir nun 55 % as mortes prematuras e reducir nun 25 % os ecosistemas ameazados.

No noso país, o Real decreto 102/2011, do 28 de xaneiro, relativo á mellora da calidade do aire, modificado polo Real decreto 678/2014, do 1 de agosto, define e establece, conforme as directivas europeas, os obxectivos de calidade do aire para determinados contaminantes atmosféricos con incidencia na saúde das persoas e no ambiente. Tamén establece a información que se lle debe subministrar ao público cando se supere un limiar de alerta ou de información dos recollidos no seu anexo I, así como a obriga de adoptar medidas inmediatas por parte das administracións competentes para reverter a situación.

A monitorización da calidade do aire en Galicia, no marco do dito real decreto, pon de manifesto o cumprimento dos valores límite de contaminantes recollidos nel e nos sucesivos informes sobre a avaliación da calidade do aire de Galicia emitidos cada ano. Observamos non só o cumprimento dos ditos valores límite, senón unha importante redución da concentración de contaminantes. Polo tanto, a Xunta quere adoptar un enfoque máis ambicioso tomando como referencia os criterios aínda máis restritivos propostos pola Organización Mundial da Saúde, coa firme vontade de extremar a protección da saúde pública galega.

A adaptación do índice de calidade do aire de Galicia ao establecido pola Axencia Europea do Medio Ambiente é un dos primeiros pasos dados na liña de considerar a contaminación atmosférica como un determinante para a saúde das persoas. Este novo índice, que xa se publica na páxina web www.meteogalicia.es/Caire, utiliza un enfoque baseado nos riscos relativos asociados á exposición a curto prazo a partículas de corte 2.5 (PM2.5), ozono (O3) e dióxido de nitróxeno (NO2), de acordo co establecido pola Organización Mundial da Saúde para definir as bandas do índice de calidade do aire. Ademais, inclúense recomendacións para a saúde asociadas a cada estado de calidade do aire dirixidas á poboación en xeral e a grupos de risco e persoas sensibles.

Como resumo da evolución da concentración dos distintos contaminantes medidos en aire ambiente desde 2017 ata 2021, tendo en conta os limiares de avaliación para a protección da saúde humana, podemos destacar:

– Para o SO2 temos unha situación de mellora, ao estar toda poboación por debaixo do limiar inferior de avaliación, agás a poboación da zona Oural, que se atopa entre os limiares superior e inferior de avaliación.

– Para o NO2 observamos que se mantén a mellora xa producida en 2020, ao se encontrar o 87 % da poboación galega exposta a concentracións por debaixo do limiar inferior de avaliación, o nivel máis baixo.

– En 2021 a situación de mellora incrementouse diminuíndo a poboación exposta entre os limiares superior e inferior de avaliación: 7.

– Para PM2,5 observamos que todos os anos son semellantes. En 2021 o 72 % da poboación galega está por debaixo do limiar inferior de avaliación.

– Para o O3 observamos unha mellora en 2021, coa poboación de todas as zonas situadas no nivel máis baixo de avaliación, agás a área metropolitana da vigo e zona norte.

– Para o CO toda a poboación galega está todos os anos por debaixo do limiar inferior de avaliación.

Cómpre, por outra banda, ter en conta que o Convenio Aarhus sobre acceso á información, participación pública na toma de decisións e acceso á xustiza en materia de ambiente, así como a normativa comunitaria derivada deste, supoñen o concepto da Administración pública aberta e transparente. A cidadanía goza así do dereito a acceder á información ambiental que as autoridades posúen. Os compromisos internacionais e comunitarios obrigan á difusión de ampla información ambiental, como por exemplo información sobre a lexislación, o estado do ambiente, proxectos, plans e programas ou sobre decisións que se adopten que poidan afectar o ambiente.

Por todo iso é necesario realizar esforzos na procura da consecución dunha calidade do aire óptima en Galicia, mellora que terá un efecto positivo na saúde dos galegos e na calidade dos nosos ecosistemas.

Para acadar este obxectivo, é imprescindible fomentar o intercambio de información e de ideas, o que facilitará a comprensión por parte da cidadanía dos efectos da contaminación atmosférica na saúde das persoas e na degradación dos ecosistemas, así como das formas de mellorala. Abrir espazos tanto reais como virtuais para que quen así o desexe exprese as súas ideas e creatividade e colabore en iniciativas ambiciosas, tanto de xeito individual como colectivo, será beneficioso para o propósito exposto e servirá tamén para animar os participantes a que se comprometan con acción específicas e individuais que mellorarán a calidade do aire da súa contorna.

Destas ideas xorde a necesidade de crear o Consello da Calidade do Aire de Galicia como plataforma de intercambio de información e de comunicación en que estarán integradas todas as partes implicadas na mellora da calidade do aire (administracións, empresas, sector académico e cidadanía, a través dos colectivos que a representen).

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e tras a deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día un de setembro de dous mil vinte e dous,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Este decreto ten por obxecto crear o Consello da Calidade do Aire de Galicia, así como a regulación da súa composición, das súas funcións e réxime de funcionamento.

Artigo 2. Natureza e adscrición

1. O Consello da Calidade do Aire de Galicia adscríbese á consellería con competencias en materia de ambiente.

2. O Consello da Calidade do Aire de Galicia é un espazo transversal de diálogo para promover a participación activa e responsable da sociedade galega na prevención e control da calidade do aire, que facilite a plena aplicación das políticas de reducción da contaminación atmosférica para conseguir unha mellora na calidade do aire e, polo tanto, da saúde das persoas e na do ecosistema. Ten como finalidade e obxectivo traballar na mellora da calidade do aire de Galicia, no ámbito da actuación dos obxectivos definidos polo Real decreto 102/2011, do 28 de xaneiro, relativo á mellora da calidade do aire, ou norma que o substitúa.

Artigo 3. Réxime xurídico

O Consello da Calidade do Aire de Galicia institúese como órgano colexiado de asesoramento da Xunta de Galicia, sen personalidade xurídica propia, e rexerase polo disposto para os órganos colexiados na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e polo disposto neste decreto, sen prexuízo de poder establecer un regulamento interno de funcionamento que o desenvolva.

Artigo 4. Funcións

1. Son funcións do Consello da Calidade do Aire de Galicia, como órgano de asesoramento á consellería con competencia en ambiente na mellora da calidade do aire de Galicia:

a) Propoñer medidas para fomentar o intercambio de información de interese para a Comunidade Autónoma de Galicia relevante para o avance cara a unha calidade do aire que minimice o impacto da contaminación atmosférica na saúde das persoas e na calidade dos nosos ecosistemas, tanto entre os distintos departamentos da Comunidade Autónoma como entre a Comunidade Autónoma e a Administración local.

b) Colaborar na análise da situación da calidade do aire en Galicia e a da súa implicación na saúde das persoas e na calidade dos ecosistemas.

c) Colaborar na análise das actuacións nos casos de episodios de contaminación atmosférica para retornar a calidade do aire a niveis axeitados o máis pronto posible.

d) Propoñer medidas para fomentar a investigación e o estudo en materia de calidade do aire e a súa relación coa saúde e a conservación dos ecosistemas.

e) Emitir informe sobre as propostas lexislativas da Xunta de Galicia en materia de calidade do aire.

2. Os datos que se recompilen no desempeño destas funcións recolleranse desagregados por sexo, sempre que sexa posible.

Artigo 5. Composición

1. O Consello da Calidade do Aire de Galicia, estará formado por representantes da Administración autonómica, da administración local, do sector académico e da sociedade civil/organizacións sociais.

2. A composición do Consello será a seguinte:

a) Presidencia: correspóndelle a Presidencia do Consello á persoa titular da consellería que teña atribuídas as competencias en materia de ambiente.

b) Vicepresidencia Primeira: correspóndelle a Vicepresidencia Primeira do Consello á persoa titular da dirección xeral que teña atribuídas competencias en materia de saúde pública.

c) Vicepresidencia Segunda: correspóndelle a Vicepresidencia Segunda do Consello á persoa titular da dirección xeral que teña atribuídas competencias en materia de Administración local.

d) Vogais: serán vogais do Consello da Calidade do Aire:

1º. As persoas con rango de secretario/a xeral, director/a xeral ou equivalente, designadas polas persoas titulares das consellerías competentes nas materias que se indican a continuación, ou pola Secretaría Xeral da Presidencia cando as referidas materias sexan competencia dos órganos superiores e de dirección no ámbito da Presidencia, e poderanse nomear as persoa que as substitúan.

i. Calidade ambiental.

ii. Patrimonio natural.

iii. Medio rural.

iv. Mobilidade.

v. Xestión de emerxencias.

vi. Industria.

vii. Ordenación do territorio e urbanismo.

2º. Unha persoa representante dos concellos galegos de máis de 50.000 habitantes.

3º. Unha persoa representante dos concellos galegos de menos de 50.000 habitantes.

4º. Tres persoas representantes das universidades galegas, un/unha vogal por cada universidade, expertas en materia de calidade do aire.

5º. Dúas persoas representantes de organizacións de carácter ambiental, seleccionadas entre as entidades inscritas no rexistro regulado polo Decreto 226/2007, do 22 de novembro, polo que se crea o Rexistro de Entidades de Carácter Ambiental da Comunidade Autónoma de Galicia, mediante o procedemento que se habilite.

6º. Unha persoa representante da Confederación de Empresarios de Galicia.

As persoas que representen a Administración local, así como as súas suplentes, serán designadas pola asociación de municipios e provincias máis representativa e con maior implantación no territorio da Comunidade Autónoma.

3. A persoa titular da Secretaría será a que ocupe a subdirección xeral que teña atribuídas as competencias ou funcións en materia de calidade do aire, que actuará con voz pero sen voto.

4. En caso de ausencia ou enfermidade e, en xeral, cando concorra algunha causa xustificada, os/as vogais serán substituídos/as polas persoas suplentes designadas polas persoas titulares, que deberán ter categoría de subdirector/a, nos casos de vogais da Administración autonómica. A persoa titular da Secretaría poderá ser substituída pola persoa suplente que se designe, mediante acordo do propio Pleno, que deberá ter categoría de subdirector/a ou xefe/a de servizo.

5. No caso de que o Consello teña previsto tratar asuntos estreitamente relacionados con concellos concretos ou sectores concretos, directa ou indirectamente afectados, estes serán chamados a acudir a través dos seus representantes á sesión plenaria do Consello con voz, co obxecto de seren oídos polo Consello, para mellorar a valoración do tema e a adopción de acordos.

6. Na composición do Consello procurarase acadar unha presenza equilibrada de mulleres e homes.

Artigo 6. Presidencia

Son funcións da Presidencia do Consello:

a) Desempeñar a representación do Consello.

b) Acordar a convocatoria das sesións ordinarias e extraordinarias do Consello, presidilas, levantalas e moderar o desenvolvemento dos debates.

c) Establecer a orde do día das sesións tendo en conta, de ser o caso, as peticións dos demais membros, formuladas coa suficiente antelación.

d) Dirimir co seu voto os empates para os efectos de adoptar acordos.

e) Dar o visto e prace ás actas e certificacións dos acordos do Consello.

f) Exercer cantas funcións sexan inherentes á Presidencia do órgano colexiado.

g) Designar, entre as propostas recibidas, as persoas representantes de organizacións de carácter ambiental.

Artigo 7. Vicepresidencia Primeira

Correspóndelle á persoa que desempeñe a Vicepresidencia Primeira:

a) Substituír á persoa que desempeña a Presidencia na totalidade das súas atribucións, nos casos de vacante, enfermidade, ausencia ou outra causa legal.

b) Exercer as funcións intrínsecas á súa condición de membro do Consello, con dereito a voto.

c) Cantas outras funcións expresamente lle sexan delegadas pola Presidencia.

d) Asistir á Presidencia nas correspondentes sesións do Consello.

Artigo 8. Vicepresidencia Segunda

Correspóndelle á persoa que desempeñe a Vicepresidencia Segunda:

a) Substituír a persoa que desempeña a Vicepresidencia Primeira na totalidade das súas atribucións, nos casos de vacante, enfermidade, ausencia ou outra causa legal.

b) Exercer as funcións intrínsecas á súa condición de membro do Consello, con dereito a voto.

c) Cantas outras funcións expresamente lle sexan delegadas pola Presidencia.

d) Asistir a Presidencia nas correspondentes sesións do Consello.

Artigo 9. Vogais

Correspóndelles ás persoas que desempeñen as vogalías:

a) Asistir ás reunións e participar nos debates, expoñendo a súa opinión e formulando as propostas que consideren pertinentes.

b) Exercer o seu dereito ao voto e formular o seu voto particular, así como expresar o sentido do seu voto e os motivos que o xustifican.

c) Propoñerlle á Presidencia, a través da Secretaría do Consello, a inclusión de puntos na orde do día das sesións ordinarias.

d) Solicitarlle á Presidencia, a través da Secretaría do Consello, a convocatoria dunha reunión extraordinaria con motivación da dita solicitude.

e) Solicitar e obter a información necesaria para cumprir debidamente as funcións asignadas ao Consello. Para os efectos anteriores deberán formular, por escrito, a petición correspondente dirixida á Secretaría do Consello.

f) Formular suxestións, rogos e preguntas.

g) Cantas outras funcións sexan inherentes á súa condición de vogais.

Artigo 10. Secretaría

Son funcións da persoa titular da Secretaría do Consello:

a) Asistir ás reunións con voz e sen voto.

b) Efectuar a convocatoria das sesións do Consello por orde da persoa que desempeñe a Presidencia, así como as citacións aos membros desta.

c) Recibir os actos de comunicación dos membros co órgano e, polo tanto, as notificacións, peticións de datos, rectificacións ou calquera outra clase de escritos dos cales deba ter coñecemento.

d) Preparar o despacho dos asuntos, levantar a acta das sesións do Pleno e dispoñer o necesario para a posta á disposición do público na internet.

e) Expedir certificacións das consultas, ditames e acordos aprobados.

f) Aquelas que sexan inherentes á Secretaría do Consello.

Artigo 11. Funcionamento

1. O Consello da Calidade do Aire de Galicia funcionará en pleno.

2. Para a válida constitución do Consello da Calidade do Aire de Galicia, para os efectos da realización de sesións e toma de acordos, requirirase a presenza da persoa que desempeñe a Presidencia e da persoa que desempeñe a Secretaría ou das persoas que as substitúan, e da metade, polo menos, dos seus membros, en primeira convocatoria, e dunha terceira parte dos seus membros en segunda convocatoria.

3. O Consello poderá constituír grupos técnicos de traballo por sectores ou por temas, que poderán ser permanentes ou específicos e estarán formados polos membros que o Consello designe para o efecto.

4. As reunións do Consello poderán ser telemáticas.

5. Para os efectos de dotar de axilidade as actuacións ante episodios de contaminación atmosférica, poderá constituírse unha comisión permanente.

Artigo 12. Pleno

1. Ao Pleno do Consello da Calidade do Aire, corresponderanlle as funcións propias do Consello establecidas no artigo 4.

2. O Consello reunirase en pleno unha vez ao ano con carácter ordinario e con carácter extraordinario cantas veces sexa convocado pola súa Presidencia, por iniciativa propia ou por proposta polo menos da metade dos seus vogais.

3. Ademais dos membros do Consello, poderán asistir ás sesións do Pleno, por proposta dos membros do Consello e logo do acordo de convite da persoa que desempeñe a Presidencia, con voz pero sen voto, outras persoas de recoñecida competencia profesional que, polos seus coñecementos técnicos e científicos, presten o asesoramento necesario nos asuntos que vaian tratarse.

4. Os acordos adoptaranse por maioría simple de votos emitidos polas persoas presentes. A persoa que desempeñe a Presidencia, en caso de empate, terá voto de calidade.

5. As convocatorias ordinarias do Pleno realizaranse, polo menos, con dez días de antelación. Coa convocatoria achegarase a orde do día dos temas que se van tratar e a documentación necesaria.

6. Non poderá ser obxecto de deliberación ou acordo no Pleno ningún asunto que non figure incluído na orde do día, salvo que estean presentes todos os membros e sexa declarada a urxencia do asunto polo voto favorable da maioría.

Artigo 13. Duración da membresía

A membresía do consello terá unha duración de dous anos, salvo renuncia, excepto no caso das persoas integrantes do Consello pertencentes á Administración autonómica, que manterán a condición de persoa integrante por razón do cargo con base no cal foron designadas, sen prexuízo da facultade de revogación da designación, que poderá ser efectuada en calquera momento pola persoa titular da consellería que as nomeou, e no caso das persoas representantes das organizacións de carácter ambiental, que perderán a condición de integrante por substitución ou revogación efectuada polas organizacións que as representan.

Artigo 14. Retribucións

As persoas integrantes do Consello non percibirán retribucións económicas por esta causa e tampouco as que asistan ás súas sesións na súa condición de persoal convidado en virtude do disposto no artigo 11.

Disposición adicional primeira. Gastos de funcionamento

As actuacións do Consello da Calidade do Aire non xerarán incremento das consignacións orzamentarias da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Disposición adicional segunda. Constitución do Consello

No prazo máximo de tres meses desde a entrada en vigor deste decreto constituirase o Consello da Calidade do Aire, conforme a composición que neste decreto se determina.

Disposición transitoria primeira. Selección de representantes das organizacións de carácter ambiental

Mentres non se habilite o procedemento para a cobertura das vogalías representantes de entidades de carácter ambiental, segundo prevé o artigo 5, número 2, letra d), ordinal 5º, a súa designación farase mediante sorteo entre as entidades inscritas no rexistro regulado polo Decreto 226/2007, do 22 de novembro, polo que se crea o Rexistro de Entidades de Carácter Ambiental da Comunidade Autónoma de Galicia, e darase preferencia ás entidades cuxa actividade teña relación coa calidade do aire.

Disposición derrogatoria única. Derogación normativa

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposición derradeira primeira. Modificación do Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

Engádese o parágrafo p) ao número 2 do artigo 3 do Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, coa seguinte redacción:

«p) O Consello da Calidade do Aire de Galicia, regulado polo Decreto 154/2022, do 1 de setembro».

Disposición derradeira segunda. Habilitación normativa

Facúltase a persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para ditar cantas disposicións sexan necesarias para a execución e desenvolvemento do presente decreto.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor aos 20 días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, un de setembro de dous mil vinte e dous

Alfonso Rueda Valenzuela

Presidente

Ángeles Vázquez Mejuto

Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia