lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Decreto 86/2022, do 19 de maio, polo que se establecen a creación e o marco normativo regulador das actividades da Escola Galega de Saúde Pública.

Publicado en: DOG 107 06/06/2022

Departamento: Consellería de Sanidade

Estado: En vigor

PDF

I

A Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, establece, no seu artigo 3, que os medios e actuacións do sistema sanitario estarán orientados prioritariamente á promoción da saúde e á prevención das enfermidades.

Pola súa banda, a Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, ten por obxecto establecer as bases para que a poboación alcance e manteña o maior nivel de saúde posible a través das políticas, programas, servizos e, en xeral, actuacións de toda índole desenvolvidas polos poderes públicos, empresas e organizacións cidadás coa finalidade de actuar sobre os procesos e factores que máis inflúen na saúde, e así previr a enfermidade e protexer e promover a saúde das persoas, tanto na esfera individual como na colectiva.

A dita lei establece no título II as actuacións en materia de saúde pública (vixilancia e promoción da saúde, prevención dos problemas de saúde e protección da saúde da poboación, entre outras).

O seu título IV fai referencia aos principios de formación e desenvolvemento profesional no ámbito da saúde pública, así como á investigación no desenvolvemento das políticas de saúde.

No ámbito autonómico, a Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, centra o modelo de saúde na cidadanía e sinala como unha das principais funcións da consellería competente en materia de sanidade a acreditación e avaliación continua dos servizos de saúde prestados na Comunidade Autónoma. A mesma lei, no artigo 49 do capítulo V do seu título II, dedicado á prestación sanitaria de saúde pública, inclúe o fomento da formación e investigación científica nesta materia. No artigo 107 do título VII cita a promoción da docencia e investigación en saúde pública como función da Consellería de Sanidade.

A Lei 8/2008, do 10 de xullo, modificouse pola Lei 8/2021, do 25 de febreiro, unha das principais finalidades da reforma foi concretar as medidas que poden ser adoptadas polas autoridades sanitarias galegas para a protección da saúde pública, así como regular os requisitos que se deben cumprir para a súa correcta adopción, con especial atención ás exixencias de motivación e de proporcionalidade.

O Decreto 136/2019, do 10 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade, sinala que a Dirección Xeral de Saúde Pública é o órgano encargado do desenvolvemento de programas sanitarios en materia de saúde pública, facilitando a implantación e verificación do cumprimento dos estándares sanitarios.

II

Neste marco, as autoridades sanitarias e o persoal profesional de saúde pública de diferentes ámbitos, entre os que se atopan a Asociación de Escolas de Saúde Pública da Rexión Europea (ASPHER) e a Asociación Europea de Saúde Pública (EUPHA), recoñecen desde sempre que un liderado sólido en saúde pública é de vital importancia para preservar a calidade de vida da poboación.

Ademais, a importancia dese liderado no proceso de prevención, promoción e protección da saúde, fíxose máis evidente desde que o 11 de marzo de 2020 a Organización Mundial da Saúde (OMS) declarou como pandemia internacional a orixinada polo virus SARS-CoV-2.

Esta pandemia, que alterou o xeito de vivir a nivel mundial, puxo de manifesto que os eixos estratéxicos que nos permiten ofrecer solucións a futuro que preveñan e resolvan as crises que poidan xurdir, son a formulación de políticas sanitarias sustentables, o coñecemento e sensibilización da poboación sobre a saúde, a actualización permanente da competencia profesional -tanto no ámbito sanitario como noutros alleos ás ciencias da saúde- e o fomento da investigación, especialmente en materia de saúde pública.

Neste senso, a estratexia de saúde en todas as políticas (SeTP) é un enfoque de mellora que supón identificar e actuar sobre os determinantes da saúde presentes en ámbitos non sanitarios tales como a educación, o mercado laboral, o urbanismo, a vivenda ou as políticas de inmigración, entre outros, nos cales se xeran ou transmiten desigualdades sociais. A aplicación e mantemento deste enfoque require da capacitación de profesionais tanto do ámbito sanitario como non sanitario.

A saúde pública deberá liderar a xeración de coñecemento neste ámbito, planificando a formación, fomentando a investigación e innovando nas fórmulas de xestión empregadas na relación cos diferentes axentes sanitarios, económicos e sociais. Todo isto determinará a capacidade de resposta á demanda de servizos de saúde pública por parte dos sistemas sanitarios e sociais, da Administración local e do conxunto da cidadanía.

Neste escenario, a formación en competencias e a formación continuada de profesionais que desenvolven actividades no ámbito da saúde pública deberán proporcionarlles un perfil de alta capacidade técnico-científica. Isto permitirá anticipar as necesidades futuras e dar unha rápida resposta de actualización ás xa existentes.

O outro piar fundamental da xeración de coñecemento é a investigación. Para favorecela é necesario crear unha contorna que contribúa a definir, fomentar e difundir actividades de investigación, desenvolvemento e innovación (I+D+i) no ámbito da saúde pública, que sexa, así mesmo, unha ferramenta facilitadora de captación e retención do talento.

Todo este esforzo de formación e investigación resultará de utilidade para a sociedade se se realiza unha correcta transferencia de coñecemento entre as persoas que o xeran e as persoas que o necesitan.

Os recentes acontecementos acaban de demostrarnos que compartir as experiencias investigadoras dun xeito aberto, colaborativo e global facilita a transferencia de coñecemento e a consecución de resultados en saúde que benefician a sociedade no seu conxunto.

Por iso, un dos retos que ten que afrontar a Administración sanitaria no futuro máis inmediato é construír un espazo de intercambio de información veraz, apoiado en redes de aprendizaxe e investigación áxiles e flexibles, capaz de dar visibilidade á evidencia científica en materia de saúde pública e baseado nunha aprendizaxe centrada no que se necesita aprender e en quen o necesita aprender e que abarque os diferentes ámbitos profesionais e sociais.

Na actualidade existen diferentes escolas en Galicia que prestan os seus servizos a colectivos profesionais específicos. Neste senso, a Escola Galega de Administración Pública (EGAP) dirixe a súa oferta formativa ao persoal ao servizo da Administración xeral. A Escola Galega de Saúde para Cidadáns, pola súa banda, ten como finalidade prover de información, coñecementos e habilidades en procesos de saúde e de enfermidade a pacientes, coidadores e cidadanía. Por último, a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (ACIS) actúa como un instrumento de xestión da formación no Sistema público de saúde de Galicia.

Neste contexto é necesario dispor dunha escola galega de saúde pública que permita formar profesionais con capacidades multidisciplinares, persoas expertas nos diferentes campos que abrangue a saúde pública, con elevada cualificación técnica e científica, capaces de liderar a xestión do coñecemento e que, polo tanto, atraian a excelencia, para así devolver a cidadanía os resultados en saúde que demanda.

Tamén poderá facilitar contidos formativos específicos en función das necesidades de formación detectadas en persoal das administracións local e autonómica, en persoal de entidades ou empresas públicas e privadas, en axentes sociais e na cidadanía, que na actualidade non contan cun espazo específico de formación no campo da saúde pública.

E por último, facilitar as actividades investigadoras desenvolvidas polos profesionais do Sistema público de saúde de Galicia e de diferentes organismos públicos e privados de distintos ámbitos profesionais e sociais, impulsando e formalizando as relacións con outros departamentos ou organizacións que teñen impacto na saúde.

III

O presente decreto tramitouse de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e publicouse no Portal de transparencia e goberno aberto da Xunta de Galicia. Así mesmo, foi sometido a informe económico-financieiro da consellería competente en materia de facenda, informe sobre impacto de xénero, informe de impacto demográfico, informe da Axencia Galega de Innovación, informe da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, informe da Dirección Xeral da Función Pública e informe da Asesoría Xurídica da Consellería de Sanidade.

En prol da mellora da calidade normativa, esta Administración actuou de conformidade cos principios de boa regulación, en concreto, os de necesidade, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia, accesibilidade, simplicidade, eficacia e eficiencia recollidos no artigo 37.1 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, así como no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro. O contido do decreto responde aos obxectivos do programa Galicia Transfire e as actuacións incluídas nel encaixan na Estratexia de especialización intelixente de Galicia (RIS3).

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Sanidade, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezanove de maio de dous mil vinte e dous,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Este decreto ten por obxecto establecer un marco normativo para o desenvolvemento do conxunto de actividades que integran a Escola Galega de Saúde Pública.

2. Créase a Escola Galega de Saúde Pública como unha iniciativa orientada a fomentar a formación e investigación científica en materia de saúde pública necesaria para dar resposta aos desafíos e perigos para a saúde da poboación e ante ameazas sanitarias globais.

A Escola Galega de Saúde Pública configúrase como un instrumento de participación, intercambio de coñecementos, experiencias e aprendizaxe compartido en materia de saúde pública. As actividades que a conforman serán deseñadas e planificadas pola consellería competente en materia de sanidade a través do órgano directivo competente en materia de saúde pública.

Artigo 2. Finalidades

1. As actividades que integran a Escola Galega de Saúde Pública levaranse a cabo coas seguintes finalidades:

a) Desenvolver un proceso continuo de innovación e actualización do coñecemento en saúde pública, que dea resposta ás variacións nas demandas e necesidades da sociedade e á evolución dos sistemas sanitarios e sociais; todo iso mediante a utilización de estratexias innovadoras e facilitadoras da captación de talento, no ámbito da formación e da investigación en materia de saúde pública.

b) Crear novos espazos de intercambio e circulación da información, fomentando a construción de redes intersectoriais que faciliten a transferencia de coñecemento entre as persoas que o necesitan e as que o xeran, apoiándose nas novas tecnoloxías da información.

c) Apostar pola calidade dos servizos que se ofrecen, na busca da mellora continua da saúde pública galega.

2. As finalidades sinaladas no número anterior levaranse a cabo tendo en conta, de maneira transversal, o enfoque de xénero.

Artigo 3. Actividades que integran a Escola Galega de Saúde Pública

1. As actividades que integran a Escola Galega de Saúde Pública consistirán en:

a) Desenvolver estratexias innovadoras de capacitación profesional que permitan dotar, actualizar e fortalecer coñecementos, habilidades, actitudes e valores a todas as persoas que actúan e interveñen no proceso de prevención, promoción e protección da saúde, garantindo que todo o persoal de saúde pública desenvolva as competencias actualizadas e apropiadas para o desempeño das súas funcións e responsabilidades, tanto profesionais da organización como todos aqueles outros/as profesionais externos cun labor ineludible na materia.

b) Identificar as necesidades de formación en saúde pública dos/as profesionais do sistema sanitario, persoal das administracións local e autonómica, persoal de entidades ou empresas, axentes sociais e cidadanía para o desenvolvemento das estratexias de saúde pública.

c) Establecer un plan de formación para os/as profesionais de saúde pública das diferentes unidades da Administración sanitaria que conteña os itinerarios formativos de capacitación e de formación continuada en cada ámbito.

d) Establecer diferentes contidos de formación en saúde pública para o persoal das administracións local e autonómica, persoal de entidades ou empresas, axentes sociais e cidadanía.

e) Definir e fomentar a investigación en saúde pública pola súa capacidade innegable para poñer en valor as actuacións que se realizan ou para identificar novas estratexias a levar a cabo, creando unha rede de investigación en saúde pública que favoreza a xeración e transferencia de coñecementos, preste apoio aos profesionais, promova o traballo en equipo e cree alianzas entre os diferentes organismos implicados na saúde.

f) Promover colaboracións coas universidades e con outras escolas ou entidades de formación e/ou investigación.

g) Fomentar a colaboración coas diferentes administracións, institucións, organismos, sociedades científicas ou empresas en relación coa formación e investigación en saúde pública, con base nos correspondentes acordos ou convenios de colaboración que se establezan.

h) Crear un espazo de transferencia do coñecemento en materia de saúde pública de xeito que se facilite o establecemento de redes de aprendizaxe e investigación áxiles e flexibles.

i) Calquera outra que se lle poida encomendar nun futuro dentro das súas finalidades.

2. Para o desenvolvemento destas actividades incorporarase na capacitación, planificación e formación o enfoque de xénero segundo o previsto no artigo 18 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade.

Artigo 4. Persoas destinatarias

As actividades que integran a Escola Galega de Saúde Pública poderán estar dirixidas ás seguintes persoas destinatarias:

a) Á cidadanía.

b) Aos/ás profesionais da saúde, dentro e fóra da Administración sanitaria, con especial énfase aos que desenvolven as súas funcións no ámbito da saúde pública.

c) A profesionais de entidades e empresas públicas e privadas, así como a axentes sociais, nos temas relacionados co desenvolvemento das estratexias de saúde pública.

d) E a aqueles profesionais externos á organización cun labor ineludible na prevención, promoción e protección da saúde.

Artigo 5. Grupos de traballo

1. No seo do órgano directivo competente en materia de saúde pública da consellería competente en materia de sanidade poderán organizarse grupos de traballo para o estudo, análise e preparación de aspectos técnicos en determinadas áreas de coñecemento das actividades que integren a escola.

2. Poderá participar nestes grupos de traballo persoal dos órganos ou unidades administrativas relacionadas coa materia de que se trate, así como profesionais con coñecemento e experiencia relativa aos temas específicos que se van valorar.

3. Os grupos de traballo que se organicen deberán establecer un plan básico de traballo, en que se recollerán as conclusións esenciais a que se chegase, as cales servirán de fundamento nos procesos de toma de decisións, planificación e desenvolvemento das actividades da escola.

4. Na composición dos grupos de traballo que se organicen, sempre que sexa posible, procurarase acadar unha presencia equilibrada de homes e mulleres.

Artigo 6. Colaboración con outras entidades

Para levar a cabo as actividades que a integran, e para lograr fins previstos neste decreto, a Consellería de Sanidade poderá establecer encomendas, acordos ou convenios de colaboración con calquera entidade pública ou privada.

Artigo 7. Publicacións e difusión da información

O órgano directivo competente en materia de saúde pública publicará na web da consellería competente en materia de sanidade e do Servizo Galego de Saúde e/ou naquela que se cree ou estableza para tal efecto, unha axenda de actividades da Escola Galega de Saúde Pública.

Así mesmo, facilitarase que por distintos medios de comunicación e/ou redes sociais sexa difundida a información da Escola.

Artigo 8. Persoal

As actividades que integran a Escola Galega de Saúde Pública levaraas a cabo por persoal do órgano directivo competente en materia de saúde pública da consellería competente en materia de sanidade, sen prexuízo da colaboración que presten outras entidades para a realización daquelas actividades, consonte o sinalado no artigo 6.

Artigo 9. Protección de datos de carácter persoal

No tratamento dos datos de carácter persoal a que se teña acceso en virtude das actividades recollidas neste decreto será de aplicación o establecido no Regulamento (UE) nº 2016/679, do 27 de abril de 2016, do Parlamento Europeo e do Consello, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos, e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos), na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, ou na normativa que os desenvolva e modifique.

De acordo con estas normas e cos principios de garantía que nelas se conteñen, procederase á pseudonimización e anonimización dos datos persoais en función da súa natureza e da finalidade a que se dirixa o seu tratamento.

O deber de segredo e as limitacións no seu uso marcadas pola normativa de aplicación estenderanse a calquera información a que se teña acceso, agás aquela información que deba ser pública segundo o establecido na Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, e a Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Disposición transitoria única. Adscrición da Escola Galega de Saúde Pública

A Escola Galega de Saúde Pública adscribirase á Dirección Xeral de Saúde Pública, de acordo co disposto no Decreto 136/2019, do 10 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao disposto no presente decreto e, en particular, as disposicións do Decreto 112/2015, do 31 de xullo, polo que se crea a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde e se aproban os seus estatutos, que en materia de formación en saúde pública contradigan o establecido nesta norma.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo

Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto e, en particular, para aprobar mediante orde o réxime de organización e funcionamento da Escola Galega de Saúde Pública.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

O presente decreto entrará en vigor aos 20 días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezanove de maio de dous mil vinte e dous

Alfonso Rueda Valenzuela

Presidente da Xunta

Julio García Comesaña

Conselleiro de Sanidade

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia