lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Orde do 22 de abril de 2020 de delegación de competencias en órganos centrais e periféricos da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde e na Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde.

Publicado en: DOG 82 29/04/2020

Departamento: Consellería de Sanidade

Estado: En vigor

PDF

En virtude dos decretos 136/2019 e 137/2019, do 10 de outubro, estableceuse a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde, respectivamente.

Por outra banda, a entrada en vigor do Decreto 134/2019, do 10 de outubro, polo que se regulan as áreas sanitarias e os distritos sanitarios do Sistema público de saúde de Galicia, tamén debe considerarse para os efectos de establecer as oportunas delegacións competenciais, no que atinxe á organización territorial dos dispositivos sanitarios e ao seu funcionamento eficaz.

As ditas circunstancias obrigan a axustar as delegacións existentes ás necesidades derivadas da nova organización administrativa.

Por medio da presente disposición inclúense nun único texto as delegacións de competencias efectuadas nos distintos órganos da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde, en que intervén a persoa titular da consellería como órgano delegante en tanto que desempeña a competencia xerárquica sobre os órganos delegados, centrais e periféricos, aos cales encomenda o exercicio das funcións e competencias que se detallan nesta orde.

Para tal efecto, o artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e o artigo 9 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, regulan o mecanismo da delegación competencial admitindo que o exercicio das competencias cuxa titularidade corresponda a órganos da Administración autonómica poida ser delegado noutros órganos da mesma Administración ou dalgunha entidade integrante do sector público autonómico, como é o caso do Servizo Galego de Saúde, cumprindo cos requisitos de publicación que o citado artigo 6 establece.

O texto consta de 10 artigos, que conteñen as delegacións concretas a prol de órganos determinados, tanto a nivel central coma periférico, da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde.

Completan o texto unha disposición adicional, unha disposición transitoria, unha disposición derrogatoria e unha disposición derradeira.

En consecuencia, en virtude das facultades que me confiren os artigos 38, 43.3 e 44 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, o artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, o artigo 9 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, os decretos 136/2019 e 137/2019, do 10 de outubro, polos que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde, respectivamente, o Decreto 112/2015, do 31 de xullo, polo que se crea a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, e demais disposicións de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1. Delegacións na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade Deléganse na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica as seguintes competencias:

a) O despacho e resolución dos expedientes de índole administrativa que lle estean atribuídos á persoa titular da Consellería.

b) As facultades que como órgano de contratación lle corresponden á persoa titular da Consellería, para o exercicio das funcións e competencias atribuídas á Secretaría Xeral Técnica, agás cando se trate de contratos menores de obras, servizos ou subministración licitados polas xefaturas territoriais. Quedan exceptuados desta delegación os expedientes competencia da Dirección Xeral de Saúde Pública e da Dirección Xeral de Planificación e Reforma Sanitaria.

c) En relación coa delegación prevista no parágrafo precedente, a autorización e disposición dos gastos, ata o límite dos créditos autorizados e non reservados á aprobación do Consello da Xunta de Galicia, o recoñecemento das obrigas de gasto e propostas de pagamento dos diferentes capítulos do orzamento, así como propoñer e aprobar as modificacións orzamentarias que correspondan.

d) A execución dos acordos de carácter xeral do Consello de Dirección da Consellería.

e) A disposición de todo canto atinxe ao réxime interno da Consellería, agás o reservado legalmente á competencia exclusiva da persoa titular da Consellería ou que estea atribuído expresamente a outros órganos.

f) As que derivan do exercicio do protectorado das fundacións de interese galego adscritas á Consellería.

g) O exercicio das que en materia de persoal lle corresponden á persoa titular da Consellería segundo o establecido na Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, no ámbito da Consellería e dos servizos centrais do Servizo Galego de Saúde, agás a provisión de postos de traballo clasificados como de libre designación, o nomeamento de persoal eventual e os que correspondan a outros órganos.

En particular, deléganse as seguintes funcións:

1ª. A resolución dos recursos administrativos interpostos contra actos e resolucións das persoas titulares dos órganos da Consellería, salvo as ditadas en expedientes sancionadores non disciplinarios, a suspensión dos actos impugnados en vía administrativa, así como a resolución das reclamacións en materia de responsabilidade patrimonial e os procedementos de revisión de oficio que lle correspondan á persoa titular da Consellería, nos casos en que non estean expresamente delegados noutros órganos, e sempre que non ditase o acto obxecto do recurso ou reclamación.

2ª. As que en materia de persoal lle corresponden á persoa titular da Consellería respecto do persoal funcionario e laboral da Consellería de Sanidade e do adscrito aos servizos centrais do Servizo Galego de Saúde, incluíndo nestes casos o persoal regulado na Lei 17/1989, do 23 de outubro, de creación de escalas do persoal sanitario ao servizo da Comunidade Autónoma.

3ª. As autorizacións:

Un. Das comisións de servizo con dereito á indemnización prevista no artigo 4 do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia, das persoas titulares das xefaturas territoriais e do persoal dependente da Secretaría Xeral Técnica da Consellería.

Dous. As relativas a asistencia a cursos e actividades de formación e/ou perfeccionamento, e as vacacións anuais, permisos e licenzas do persoal baixo a súa dependencia dos servizos centrais da Consellería e das persoas titulares das xefaturas territoriais da Consellería.

g) O exercicio das tarefas de responsable de tratamento, nos termos definidos na lexislación en materia de protección de datos das persoas físicas. Estas tarefas aplicaranse a todos aqueles tratamentos que conteñan datos de carácter persoal dentro do Sistema público de saúde de Galicia.

Orde do 25 de maio de 2020.

Artigo modificado:Artigo 1 nova redacción por artigo único apartado un.

Orde do 13 de maio de 2022.

Artigo modificado:Artigo 1 nova redacción por artigo único apartado un.

Artigo 2. Delegación na persoa titular da Dirección Xeral de Saúde Pública

Deléganse na persoa titular da Dirección Xeral de Saúde Pública as autorizacións das comisións de servizo con dereito a indemnización do persoal integrado nas unidades administrativas que estean baixo a súa dependencia directa, así como as relacionadas coa asistencia a cursos e actividades de formación e/ou perfeccionamento.

Artigo 3. Delegacións nas persoas titulares das xefaturas territoriais

Deléganse nas persoas titulares das xefaturas territoriais da Consellería de Sanidade as seguintes competencias:

a) A autorización das comisións de servizo con dereito a indemnización do persoal con destino na xefatura territorial.

b) Respecto dos créditos que sexan obxecto de desconcentración, a aprobación dos actos de autorización e disposición, o recoñecemento das obrigas e a proposta de ordenación dos pagamentos.

c) Respecto dos créditos do capítulo II, a autorización e disposición de gastos ata o límite dos créditos que para tal fin sexan distribuídos pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da consellería, e que non deban someterse á aprobación do Consello da Xunta de Galicia, así como recoñecer as obrigas de gasto e propoñer os pagamentos correspondentes aos créditos distribuídos.

d) As que correspondan ao órgano de contratación nos contratos menores de obras, servizos ou subministración.

e) A resolución das solicitudes de autorización de funcionamento nos expedientes de instalación, cambio de localización, transmisión e reforma de locais de oficinas de farmacia.

Artigo 4. Delegacións na persoa titular da Xerencia do Servizo Galego de Saúde

Deléganse na persoa titular da Xerencia do Servizo Galego de Saúde as seguintes competencias:

a) A execución dos acordos do Consello de Dirección e do Comité Executivo do Servizo Galego de Saúde.

b) O despacho e resolución dos expedientes que estean atribuídos á persoa titular da Presidencia do organismo autónomo.

c) A resolución na vía administrativa dos recursos interpostos contra as resolucións ditadas por outros órganos do Servizo Galego de Saúde sobre materias ou asuntos cuxa resolución non estea atribuída expresamente a aqueles.

d) A resolución de recursos correspondentes a expedientes disciplinarios.

e) A autorización das comisións de servizo con dereito á indemnización prevista no artigo 4 do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, ao persoal con destino na xerencia, así como das persoas titulares das direccións xerais de servizos centrais do organismo autónomo e das persoas titulares dos órganos unipersoais das áreas sanitarias, así como a asistencia a cursos e actividades de formación e/ou perfeccionamento.

f) A autorización de permisos ou licenzas que non teñan repercusión no capítulo I dos orzamentos e a autorización das vacacións anuais ao persoal dos servizos centrais do organismo, por proposta da correspondente dirección xeral.

g) A autorización de permisos ou licenzas que non teñan repercusión no capítulo I dos orzamentos de gasto, a autorización para a asistencia a cursos, xornadas e actos de capacitación e/ou perfeccionamento, e a autorización das vacacións respecto das persoas titulares dos órganos unipersoais e directivos das áreas e distritos sanitarios.

h) A actuación como órgano de contratación nos contratos de concesión e servizos relativos á prestación de servizos de asistencia sanitaria (agás o transporte sanitario non urxente) e sociosanitaria.

i) As autorizacións do uso temporal de centros e servizos sanitarios non concertados.

j) A formalización dos contratos-programa, contratos plurianuais ou acordos de xestión con entidades públicas dotadas de personalidade xurídica propia.

Artigo 5. Delegacións na persoa titular da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde

Deléganse na persoa titular da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde as seguintes competencias:

a) A resolución dos expedientes de reintegro de gastos ás persoas beneficiarias da asistencia sanitaria con cargo a fondos públicos, en contía superior a 30.000 €, fóra dos supostos regulados na Orde do 12 de marzo de 2014 pola que se regula o procedemento dos reintegros de gastos de asistencia sanitaria con medios alleos.

b) As autorizacións das comisións de servizo con dereito a indemnización do persoal integrado nas unidades administrativas que estean baixo a súa dependencia directa, así como as relacionadas coa asistencia a cursos e actividades de formación e/ou perfeccionamento.

Artigo 6. Delegacións na persoa titular da Dirección Xeral de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde

Deléganse na persoa titular da Dirección Xeral de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde as seguintes competencias:

1. En materia de contratación:

a) A xestión e resolución dos expedientes de natureza patrimonial e a representación para a formalización dos actos de adquisición e disposición sobre bens e dereitos de contido patrimonial.

b) As que lle correspondan como órgano de contratación ao Servizo Galego de Saúde e á Consellería de Sanidade, agás no previsto no parágrafo b) do artigo 1 respecto da persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, incluída a tramitación de expedientes de contratación centralizados ou que afecten a unha pluralidade de áreas sanitarias ou centros de gasto, sen prexuízo do disposto nesta orde sobre contratos menores.

2. En materia orzamentaria:

a) A proposta, autorización e disposición dos gastos e a proposta de pagamento, non atribuídos legal ou regulamentariamente a outros órganos.

b) Os actos de autorización e de disposición de créditos de contratos centralizados e dos expedientes de gasto que afecten máis dunha área sanitaria ou centro de gasto. Non obstante, a retención de crédito, a autorización e disposición do gasto, o recoñecemento das obrigas, a proposta de pagamentos e a contabilización das diferentes fases continuará realizándose nas respectivas áreas sanitarias e/ou centros de gasto.

c) A proposta e aprobación das modificacións orzamentarias e a proposta de recoñecemento de ingresos.

d) A xestión e resolución das actuacións e procedementos financeiros derivados de regulamentos, contratos, acordos ou convenios, que non sexan competencia da Xerencia do Servizo Galego de Saúde.

e) O establecemento dos créditos orzamentarios desconcentrados ou redistribuídos nas xefaturas territoriais da Consellería de Sanidade.

f) A autorización e disposición dos gastos da consellería, ata o límite dos créditos autorizados e non reservados á aprobación do Consello da Xunta de Galicia, o recoñecemento das obrigas de gasto e propostas de pagamento dos diferentes capítulos do orzamento, así como propoñer e aprobar as modificacións orzamentarias que correspondan á consellería.

3. En materia de persoal:

O exercicio da competencia para a designación das comisións de servizo con dereito a indemnización do persoal integrado nas unidades administrativas que estean baixo a súa dependencia directa, así como autorizalo para a asistencia a cursos, xornadas e actividades de formación e/ou perfeccionamento.

Orde do 25 de maio de 2020.

Artigo modificado:Artigo 6 apartado 2 nova redacción por artigo único apartado dous.

Orde do 13 de maio de 2022.

Artigo modificado:Artigo 6 apartado 1 letra b) nova redacción por artigo único apartado dous.

Artigo 7. Delegacións na persoa titular da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde

Deléganse na persoa titular da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde as seguintes competencias:

a) A convocatoria e resolución dos procesos de selección para o acceso á condición de persoal estatutario fixo.

b) A selección de aspirantes, polo procedemento de listas, para a cobertura temporal de postos de persoal estatutario.

c) A tramitación do concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario do Sistema público de saúde de Galicia.

d) A resolución dos asuntos relacionados co réxime retributivo do persoal estatutario, así como do persoal funcionario e laboral propio do organismo non incluído nas relacións de postos de traballo.

e) A resolución dos procedementos de recoñecemento e homologación de grao de carreira profesional e de grao persoal do persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde e das entidades adscritas á Consellería de Sanidade e ao dito organismo.

f) A concesión de comisións de servizo entre o Servizo Galego de Saúde e outros servizos de saúde, entre áreas sanitarias do Sistema público de saúde de Galicia ou outras institucións e servizos sanitarios, así como a adscrición do persoal estatutario aos servizos centrais.

g) O exercicio da competencia para a designación das comisións de servizo con dereito a indemnización do persoal integrado nas unidades administrativas que estean baixo a súa dependencia directa, así como autorizalo para a asistencia a cursos, xornadas e actividades de formación e/ou perfeccionamento.

h) A concesión de anticipos á conta ao persoal estatutario.

i) A declaración da situación administrativa de servizos especiais do persoal estatutario agás a situación de servizos especiais por acceder a prazas de formación sanitaria especializada mediante residencia.

j) A resolución dos recursos e reclamacións en materia de persoal estatutario interpostos contra actos das autoridades e órganos do Sistema sanitario público de Galicia, con exclusión dos expedientes disciplinarios.

k) A determinación dos criterios de actuación na adopción de medidas que favorezan a protección das/dos profesionais do Servizo Galego de Saúde e das entidades adscritas á Consellería de Sanidade e ao dito organismo, vítimas da violencia de xénero.

l) Os actos da administración e xestión común do persoal propio do Servizo Galego de Saúde.

Artigo 8. Delegacións nas persoas titulares das xerencias das áreas sanitarias do Sistema público de saúde de Galicia

1. Deléganse nas persoas titulares das xerencias das áreas sanitarias do Sistema público de saúde de Galicia as seguintes competencias:

a) A convocatoria e resolución dos procesos selectivos que se desenvolvan de forma descentralizada, logo da autorización da Dirección Xeral de Recursos Humanos.

b) A selección de persoal temporal e a provisión de postos das institucións, centros e servizos sanitarios do seu ámbito territorial, non atribuídas á competencia da Dirección Xeral de Recursos Humanos. Para a provisión de postos de xefatura e coordinación, e só para os efectos de verificar a existencia de vacante, requirirase autorización da Dirección Xeral de Recursos Humanos.

c) A xestión de chamamentos, o nomeamento ou a contratación do persoal temporal das institucións e servizos delas dependentes.

d) A expedición de dilixencias de posesión, incorporación ou cesamento.

e) A concesión de comisións de servizo entre institucións sanitarias do seu ámbito territorial, así como as comisións de servizos a postos de xefatura, supervisión e/ou coordinación no ámbito territorial correspondente, logo da autorización da Dirección Xeral de Recursos Humanos.

f) A concesión e prórroga de permisos e licenzas, así como a concesión das vacacións anuais ao persoal da respectiva área sanitaria que non teña carácter directivo.

g) A resolución das solicitudes de redución de xornada.

h) O recoñecemento da antigüidade para efectos retributivos.

i) A autorización de comisións de servizo con dereito a indemnización do persoal dependente dos centros da área sanitaria e a autorización para a asistencia a cursos, xornadas e, en xeral, actos de capacitación ou perfeccionamento do seu persoal non directivo.

j) A declaración de calquera situación administrativa distinta á de activo do persoal dependente dos centros do seu ámbito territorial, agás no caso da declaración da situación de servizos especiais, que lle corresponderá exclusivamente naquelas que teñan como causa o acceso a unha praza de formación sanitaria especializada mediante residencia.

k) A resolución do reingreso provisional do persoal dependente dos centros do seu ámbito territorial, logo da autorización da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, sen prexuízo das competencias atribuídas a outros órganos.

l) A declaración correspondente á xubilación forzosa e voluntaria, a resolución das solicitudes de prórroga e prolongación da permanencia no servizo activo, así como, cando proceda, a recuperación ou rehabilitación da condición de empregado público.

m) O control do horario, da asistencia e presenza física do persoal.

n) A ordenación da retención de crédito, os actos de autorización, os actos de disposición de créditos, o recoñecemento de obrigas e as propostas de pagamento, con cargo aos orzamentos da área sanitaria.

ñ) A actuación como órgano de contratación naqueles contratos de obras en que non se requira informe da oficina de supervisión de proxectos, nos contratos de subministración, nos contratos de servizos, nos contratos mixtos que conteñan prestacións correspondentes a algúns dos contratos anteriores e nos contratos que teñan natureza administrativa especial da área sanitaria, agás no suposto previsto no número 1.c) do artigo 6 para os expedientes de contratación centralizados.

o) A actuación como órgano de contratación nos contratos de prestación de servizos de transporte sanitario non urxente, así como nas contratacións menores relativas aos contratos de servizos de asistencia sanitaria da área sanitaria.

p) A actuación como órgano de contratación nos contratos patrimoniais de concesión da ocupación do dominio público nos cales se perciba un canon, e que afecten os edificios públicos dos centros que formen parte da área sanitaria, logo de informe da xerencia do organismo.

q) A actuación como órgano de contratación nos contratos privados da área sanitaria, logo da autorización da Dirección Xeral de Recursos Económicos.

r) A tramitación e resolución dos expedientes de reintegro de gastos ás persoas beneficiarias da asistencia sanitaria e prestación farmacéutica con cargo a fondos públicos ata 30.000 euros, fóra dos supostos regulados na Orde do 12 de marzo de 2014 pola que se regula o procedemento dos reintegros de gastos de asistencia sanitaria con medios alleos.

s) A concesión de prestacións referidas á acción social do persoal dependente dos centros do seu ámbito territorial.

2. As facultades delegadas neste artigo en materia de persoal enténdense referidas á relación de emprego de todo o persoal estatutario, funcionario ou laboral adscrito aos centros da respectiva área sanitaria, e exerceranse sen prexuízo das facultades expresamente atribuídas a outros órganos.

Artigo 9. Delegacións na persoa titular da Xerencia da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde

Delégase na persoa titular da Xerencia da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde o exercicio das facultades e actuacións conferidas ao órgano de contratación da axencia, incluídos os actos de xestión administrativa, económica e execución orzamentaria, adxudicación e formalización do contrato, que estean vinculados aos procedementos de contratación, calquera que sexa a súa imputación e programa orzamentario, de acordo co previsto no artigo 40 do Decreto 112/2015, do 31 de xullo, polo que se crea a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde e se aproban os seus estatutos.

Artigo 10. Réxime xurídico das delegacións

1. As delegacións efectuadas rexeranse polo disposto nos artigos 6 e 7 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e nos artigos 9 e 10 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

2. No suposto de cambios nas persoas titulares dos órganos referidos na presente orde, entenderase a pervivencia das delegacións, agás revogación expresa efectuada polo órgano delegante.

3. Nos supostos de vacante, ausencia ou enfermidade das persoas titulares dos órganos delegados, estes substituiranse entre si no exercicio das competencias delegadas, seguindo a orde de prelación establecida nos decretos polos que se establecen as estruturas orgánicas da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde.

Disposición adicional única. Expedientes en materia económica e orzamentaria

Delégase na persoa titular da Dirección Xeral de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde a xestión e tramitación dos expedientes que lle corresponden á Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, en materia económica e orzamentaria, e contractual.

Disposición transitoria única. Réxime transitorio dos expedientes en materia económica, orzamentaria e de persoal

Os expedientes en materia económica, orzamentaria e de persoal correspondentes á Consellería de Sanidade, que se atopen en tramitación no período comprendido entre a entrada en vigor do Decreto 136/2019, do 10 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade, e a entrada en vigor da presente orde, tramitaranse de conformidade co previsto na normativa vixente no momento en que os ditos expedientes se iniciaron.

Disposición derrogatoria. Derrogación normativa

Quedan derrogadas e sen efecto as disposicións de igual ou inferior rango en canto se opoñan ao establecido na presente orde e, especialmente, as seguintes:

a) Orde do 9 de febreiro de 1996 de delegación de competencias no director de Recursos Humanos e Relacións Laborais do Complexo Hospitalario de Santiago de Compostela.

b) Orde do 23 de xaneiro de 1997 de delegación de competencias en órganos periféricos da Consellería de Sanidade.

c) Orde do 15 de xuño de 2009 de delegación de competencias en órganos centrais e periféricos da Consellería de Sanidade.

d) Orde do 5 de xullo de 2012 de delegación de competencias en órganos centrais e periféricos do Servizo Galego de Saúde.

e) Resolución do 29 de setembro de 2014 de delegación de sinatura das resolucións de responsabilidade patrimonial na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade.

f) Artigo 2 da Orde do 13 de decembro de 2013 pola que se regula o procedemento de autorización da prolongación da permanencia no servizo activo do persoal funcionario público pertencente á escala de saúde pública e Administración sanitaria. En consecuencia, a atribución competencial quedará fixada segundo o previsto na presente orde e mantense vixente o procedemento para a súa solicitude e resolución.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2020

Jesús Vázquez Almuíña

Conselleiro de Sanidade e presidente do Servizo Galego de Saúde

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia