lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Orde do 31 de maio de 2022 pola que se prorrogan a Orde do 16 de novembro de 2021 pola que se aproba a exixencia de determinadas medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia no que se refire aos centros hospitalarios, e a Orde do 14 de decembro de 2021 pola que se establecen medidas preventivas de seguridade sanitaria consistentes na exhibición de documentación que acredite o cumprimento de determinados requisitos para o acceso a certos establecementos, no que se refire aos centros sociosanitarios residenciais de maiores e de persoas con discapacidade.

Publicado en: DOG 106 Bis 03/06/2022

Departamento: Consellería de Sanidade

Estado: En vigor

PDF

I

Mediante a Resolución do 21 de outubro de 2021, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, dáse publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 21 de outubro de 2021, polo que se declara a finalización da situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, declarada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 13 de marzo de 2020, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19.

A finalización da aplicación dos mecanismos extraordinarios derivados da lexislación de protección civil debe entenderse, naturalmente, sen prexuízo de que continúen sendo necesarias, mentres permaneza a pandemia, medidas de prevención de acordo coa lexislación sanitaria en vigor.

Neste sentido, a Lei estatal 2/2021, do 29 de marzo, de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, prevé no seu artigo 2.3 que as medidas contidas nos seus capítulos II, III, IV, V, VI e VII e na disposición adicional quinta serán de aplicación en todo o territorio nacional ata que o Goberno declare, de maneira motivada e de acordo coa evidencia científica dispoñible, logo do informe do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, a finalización da situación de crise sanitaria ocasionada pola COVID-19. O Goberno consultará as comunidades autónomas no seo do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde con carácter previo á finalización da situación de crise sanitaria a que se refire o parágrafo anterior.

Na actualidade, como se deduce do informe da Dirección Xeral de Saúde Pública que se cita posteriormente, segue existindo unha situación de crise sanitaria que determina, por exemplo, que continúe sendo de aplicación o deber de cautela e protección establecido no artigo 4 da lei, de tal xeito que todos os cidadáns deberán adoptar as medidas necesarias para evitar a xeración de riscos de propagación da enfermidade COVID-19, así como a propia exposición aos devanditos riscos, conforme o que se establece nesta lei. Este deber de cautela e protección seralles igualmente exixible aos titulares de calquera actividade regulada nesta lei.

Deste xeito, seguen a ser de aplicación as previsións desta lei sobre o uso obrigatorio de máscaras, a regulación das distintas actividades e a distancia de seguridade interpersoal mínima. En particular, debe terse en conta que continuarán a ser aplicables os mecanismos de tutela previstos na lexislación sanitaria.

A Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública, conforma, xunto coa Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, a Lei 16/2003, do 28 de maio, de cohesión e calidade do Sistema nacional de saúde, e a Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, o corpo normativo fundamental da acción de tutela da saúde pública no ámbito estatal, ao cal se debe unir a lexislación autonómica reguladora da protección da saúde pública no marco de competencias autonómico, como é o caso, na Comunidade Autónoma galega, da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia. En efecto, recóllense nesta normativa medidas que as autoridades sanitarias poderán acordar para tutelar a saúde pública en situacións de risco, co fin de cumprir o mandato contido no artigo 43 da Constitución española que, despois de proclamar o dereito á protección da saúde, dispón que lles compete aos poderes públicos organizaren e tutelaren a saúde pública a través das medidas preventivas e das prestacións e dos servizos necesarios, e que a lei establecerá os dereitos e deberes de todos ao respecto. Este marco normativo débese completar, unha vez atendida a posible afectación que tales medidas poden ter sobre os dereitos fundamentais, coa necesidade da intervención xudicial.

Malia o anterior, a crise da COVID-19 puxo de manifesto a necesidade de contar cunha maior densidade normativa no que respecta á articulación dos mecanismos extraordinarios que recolle a lexislación sanitaria para tutelar a saúde pública ante crises sanitarias.

Neste sentido, a Lei de saúde autonómica foi modificada pola Lei 8/2021, do 25 de febreiro, no exercicio da competencia autonómica en materia de sanidade interior, recollida no artigo 33 do Estatuto de autonomía de Galicia, para introducir na lei as modificacións necesarias co fin de facer fronte á necesidade de contar cun marco normativo claro na materia que ofreza a necesaria seguridade xurídica, tanto para quen debe intervir na adopción das medidas e na súa inspección, vixilancia, control e sanción, como para as persoas destinatarias destas. En particular, unha das principais finalidades desta lei é, pois, concretar as medidas que, tendo en conta o disposto na lexislación sanitaria estatal, de rango orgánico e ordinario, poden adoptar as autoridades sanitarias galegas para a protección da saúde pública, así como regular os requisitos que se deben cumprir para a súa correcta adopción, con especial atención ás exixencias de motivación e de proporcionalidade.

Resulta necesario un comportamento social de cautela e autoprotección asentado fundamentalmente nas premisas de hixiene frecuente das mans, distancia interpersoal mínima, uso das máscaras, cando non sexa posible manter a distancia mínima interpersoal, así como cando se estea en ambientes con moita xente, especialmente en espazos pechados; de limpeza, hixiene e ventilación dos espazos utilizados e, especialmente, de adopción de medidas de illamento e comunicación cos servizos de saúde tan pronto como se teñan síntomas compatibles coa COVID-19.

II

Unha vez sentado o anterior, a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia fai necesario que as autoridades sanitarias autonómicas sigan adoptando determinadas medidas de prevención orientadas a conter a propagación da infección e dirixidas a facer fronte á crise sanitaria derivada da COVID-19.

De acordo co exposto, a persoa titular da Consellería de Sanidade, como autoridade sanitaria, debe continuar establecendo as intervencións públicas necesarias para garantir os dereitos e deberes sanitarios da cidadanía e, en particular, adoptar as medidas previstas no artigo 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, que sexan necesarias atendendo á evolución da pandemia.

Neste sentido, o Informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, do 31 de maio de 2022, indica que, na actualidade, a situación epidemiolóxica se pode resumir da seguinte forma:

A Estratexia de vixilancia e control fronte á COVID-19, tras a fase aguda da pandemia, vixente desde o 28 de marzo de 2022, indica a necesidade de focalizarse na vixilancia de situacións específicas que inclúen fundamentalmente persoas con criterios de vulnerabilidade (persoas de 60 ou máis anos, inmunodeprimidos, embarazadas, etc.) ou relacionadas con ámbitos vulnerables (centros sanitarios asistenciais, centros sociosanitarios, centros de día, etc.) e as que precisan ingreso hospitalario. Debido a esta nova adaptación da estratexia, a análise da evolución dos indicadores de seguimento da pandemia débese adaptar a esta circunstancia, co cal os casos notificados representan estes grupos e non o total de infeccións polo SARS-CoV-2.

Tendo en conta o anterior, a situación epidemiolóxica en Galicia, segundo os datos da última actualización do Ministerio de Sanidade (Actualización nº 602. Enfermidade polo coronavirus (COVID-19) con datos consolidados ás 10:00 horas do 27 de maio, é a seguinte:

O 25 de maio, as taxas de incidencia a 7 e 14 días en persoas de 60 ou máis anos presentan valores de 327,95 e 787,66 casos por 100.000 habitantes, respectivamente, valores inferiores aos observados o 11 de maio, en que eran de 563,25 e 1.251,12 casos por 100.000 habitantes. Non obstante, seguen sendo valores elevados que, ademais, superan os observados no global de España, onde a taxa a 7 días é de 312,52 casos por 100.000 habitantes e a de 14 días, de 728,22 casos por 100.000 habitantes.

En comparación cos datos do 11 de maio, a incidencia acumulada a 7 e 14 días en Galicia diminúe en todos os grupos de idade considerados vulnerables, ben que seguen a presentar valores elevados.

Entre o 17 e o 23 de maio realizáronse un total de 13.112 probas diagnósticas en persoas de 60 ou máis anos (7.106 PCR e 6.006 test de antíxenos) cunha porcentaxe de positividade do 34,21 %, valor inferior ao reflectido no Informe do 11 de maio, en que era de 38,5 %, pero que supera o 3 % establecido en Galicia como nivel deste indicador de seguimento. Nos últimos 7 días (do 18 ao 25 de maio) notificáronse un total de 2.892 casos novos da COVID-19 en persoas de 60 ou máis anos.

En canto á situación da capacidade asistencial, a taxa de ocupación de pacientes COVID-19 por 100.000 habitantes é de 19,88, valor inferior ao observado hai 14 días, en que era de 26,12 ingresos por 100.000 habitantes. Non obstante, cómpre sinalar que este valor é moi superior ao observado para o global de España, que está en 14,73 ingresos por 100.000 habitantes. Nas unidades de coidados críticos (UCI) obsérvase un lixeiro descenso da taxa, que pasa de 0,82 ingresos por 100.000 habitantes o día 11 de maio a 0,74 ingresos por 100.000 habitantes o día 25 de maio.

En comparación co informe de hai 14 días, a taxa de novos ingresos por 100.000 habitantes nos últimos 7 días descendeu de 20,74 a 12,84. Nas UCI apréciase tamén un descenso deste indicador no mesmo período, que pasa de 0,74 a 0,37 ingresos por 100.000 habitantes.

Obsérvase tamén un descenso na porcentaxe de camas ocupadas por pacientes COVID-19, que pasou de 8,33 % hai 14 días a 6,35 % na data de publicación do último informe do Ministerio de Sanidade. No entanto, este valor supera o do global de España, que se sitúa no 5,64 % de camas ocupadas por pacientes COVID-19. A porcentaxe de ocupación de camas na UCI por este tipo de pacientes tamén amosa un descenso, e pasa de 2,95 % a 2,68 % no mesmo período.

Segundo a última actualización do Ministerio de Sanidade, o número de persoas hospitalizadas en Galicia ascende a 536 e, na UCI, a 20, valores inferiores aos observados hai 14 días (704 hospitalizados e 22 na UCI).

Como resumo, ben que as taxas de incidencia a 7 e 14 días nas persoas de 60 ou máis anos, grupo poboacional considerado vulnerable, amosan unha tendencia descendente, segundo a valoración do risco do Ministerio de Sanidade, da Estratexia de vixilancia e control fronte á COVID-19 tras a fase aguda da pandemia, actualizado o 23 de marzo de 2022, ambas as dúas continúan situándose en risco medio e presentan valores que superan os observados no global de España.

Por outro lado, e aínda que os indicadores do nivel de utilización de servizos asistenciais pola COVID-19 presentan unha mellora con respecto a hai 14 días, o 25 de maio ningún dos indicadores referidos á hospitalización convencional se encontraba dentro dos límites que definen a circulación controlada. Ademais, tanto a taxa de ocupación por 100.000 habitantes como a porcentaxe de camas ocupadas por pacientes COVID-19 superan claramente os valores observados para o global de España. En canto aos indicadores relacionados co nivel de utilización das UCI, todos están no nivel de circulación controlada definido polo Ministerio de Sanidade na estratexia mencionada anteriormente (coa excepción da taxa de novos ingresos nos últimos 7 días, que se encontra en risco baixo).

Por iso, malia que a nova estratexia de vixilancia e control da COVID-19 implica aceptar un certo nivel de transmisión do SARS-CoV-2 en poboacións vacinadas e persoas novas en que a infección ten un impacto poboacional menor en termos de gravidade, é preciso continuar dirixindo as actuacións á protección das persoas e ámbitos de maior vulnerabilidade, co fin de manter e consolidar a tendencia descendente observada nos indicadores epidemiolóxicos e asistenciais.

A evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia fai necesario, polo tanto, que as autoridades sanitarias autonómicas manteñan determinadas medidas de prevención orientadas a conter a propagación da infección e dirixidas a facer fronte á crise sanitaria derivada da COVID-19.

III

Tendo en conta os antecedentes referidos, o obxecto desta orde é a prórroga da eficacia dalgunhas medidas recollidas en diversas ordes polas cales se estableceron medidas cualificadas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

O obxecto desta orde é prorrogar ata as 00.00 horas do día 18 de xuño de 2022 as seguintes ordes, na súa redacción vixente:

– A Orde do 16 de novembro de 2021 pola que se aproba a exixencia de determinadas medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia no que se refire aos centros hospitalarios.

– O punto primeiro da Orde do 14 de decembro de 2021 pola que se establecen medidas preventivas de seguridade sanitaria consistentes na exhibición de documentación que acredite o cumprimento de determinados requisitos para o acceso a certos establecementos e se prorrogan diversas ordes como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

A legalidade destas medidas foi ratificada polo Auto 127/2021, do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que tamén autorizou a súa prórroga sucesiva mediante os autos 2/2022, do 14 de xaneiro; 11/2022, do 28 de xaneiro; 18/2022, do 11 de febreiro; 25/2022, do 25 de febreiro; 29/2022, do 11 de marzo; 37/2022, do 25 de marzo; 47/2022, do 7 de abril; 53/2022, do 21 de abril; 69/2022, do 6 de maio, e 77/2022, do 19 de maio.

O mantemento das medidas cualificadas consistentes na exhibición do certificado COVID para o acceso aos centros hospitalarios das visitas e dos acompañantes dos pacientes hospitalizados, así como para o acceso de visitantes e acompañantes a centros sociosanitarios residenciais de maiores e de persoas con discapacidade, continúa a resultar necesario, adecuado e proporcionado ao fin perseguido, que non é outro que o de controlar e evitar a maior difusión dunha enfermidade como a COVID-19, altamente contaxiosa, respecto da cal a diferenza entre as persoas enfermas e sas resulta difusa, dada a posible asintomatoloxía ou levidade dos síntomas e a existencia dun período no cal non hai indicios externos da enfermidade, ben que limitando a aplicación da medida a aqueles espazos en que se encontra a poboación con patoloxías que require coidados sanitarios especializados ou en situación de especial vulnerabilidade.

Deste modo, na situación actual, ponderando a incidencia que a exixencia do certificado supón nos dereitos fundamentais coa evolución epidemiolóxica, non se considera necesario implantar de novo a eficacia da exixencia do certificado COVID noutros ámbitos e actividades nos cales viña sendo de aplicación, como nos da hostalaría e restauración, no lecer nocturno, albergues turísticos, actividades de xogo, centros ou instalacións deportivas pechadas ou en piscinas cubertas, así como para o acceso a eventos multitudinarios ou a aqueles que teñan autorizada a venda de alimentos ou bebidas para o seu consumo durante estes.

Por conseguinte, en primeiro lugar, prorrógase a Orde do 16 de novembro de 2021 pola que se aproba a exixencia de determinadas medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia no que se refire aos centros hospitalarios, que estableceu a medida preventiva de seguridade sanitaria consistente na exhibición de documentación que acredite o cumprimento de determinados requisitos para o acceso aos centros hospitalarios das visitas e dos acompañantes dos pacientes hospitalizados.

Posteriormente, mediante a Orde do 14 de decembro de 2021 estendeuse a exixencia para o acceso das visitas e dos acompañantes dos pacientes aos hoteis de pacientes e hospitais de día para tratamentos oncolóxicos ou de diálise, tanto públicos coma privados.

Esta medida de seguridade estableceuse por se tratar de espazos nos cales se poden agrupar factores que aumentan o risco de transmisión do SARS-CoV-2 e de enfermidade grave, pois son espazos pechados nos cales se establecen contactos próximos e prolongados entre as persoas, en que se realizan actividades nas cales é necesario retirar a máscara ou hai dificultade para o seu uso correcto (axuda na alimentación do enfermo, realización de procedementos xeradores de aerosois, etc.) e existe maior vulnerabilidade das persoas ingresadas (inmunodeprimidas, enfermas con patoloxías crónicas, idade avanzada ou pertenza a grupos non susceptibles de vacinación ou persoas non vacinadas). Polo tanto, o feito de non estar vacinado cando se accede a un centro hospitalario non só supón un maior risco para as persoas hospitalizadas e os traballadores, ao aumentar o risco de transmisión, senón tamén para a propia persoa que accede a el, pola posibilidade de se produciren contactos con persoas asintomáticas transmisoras.

Así mesmo, mediante a Orde do 14 de decembro de 2021 pola que se establecen medidas preventivas de seguridade sanitaria consistentes na exhibición de documentación que acredite o cumprimento de determinados requisitos para o acceso a certos establecementos e se prorrogan diversas ordes como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, prorrogouse a citada orde ata as 00.00 horas do día 18 de xaneiro de 2022; a continuación, mediante a Orde do 26 de xaneiro de 2022 estableceuse unha nova prórroga desta ata as 00.00 horas do día 12 de febreiro de 2022; mediante a Orde do 9 de febreiro de 2022 volveuse prorrogar ata as 00.00 horas do día 26 de febreiro de 2022; así mesmo, mediante a Orde do 23 de febreiro volveuse prorrogar ata as 00.00 horas do día 12 de marzo de 2022; tamén mediante a Orde do 8 de marzo volveuse prorrogar ata as 00.00 horas do día 26 de marzo de 2022; mediante a Orde do 23 de marzo volveuse prorrogar ata as 00.00 horas do día 9 de abril de 2022; mediante a Orde do 6 de abril de 2022 volveuse prorrogar ata as 00.00 horas do día 23 de abril de 2022; mediante a Orde do 20 de abril de 2022 prorrogouse ata as 00.00 horas do día 7 de maio de 2022; mediante a Orde do 4 de maio de 2022 prorrogouse ata as 00.00 horas do día 21 de maio de 2022 e, finalmente, mediante a Orde do 16 de maio de 2022, prorrogouse ata as 00.00 horas do día 4 de xuño de 2022.

Por outra parte, en segundo lugar, prorrógase a medida prevista no punto primeiro da Orde do 14 de decembro de 2021 pola que se establecen medidas preventivas de seguridade sanitaria consistentes na exhibición de documentación que acredite o cumprimento de determinados requisitos para o acceso a certos establecementos e se prorrogan diversas ordes como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

En particular, prorrógase a medida de seguridade sanitaria consistente na exhibición de documentación que acredite o cumprimento de determinados requisitos para o acceso a certos establecementos, referida ao acceso aos centros sociosanitarios residenciais de maiores e de persoas con discapacidade.

En relación cos centros sociosanitarios residenciais de maiores e persoas con discapacidade (centros sociosanitarios), o primeiro caso da COVID-19 notificouse o 15 de marzo de 2020 e, entre o período comprendido entre o 16 e o 30 de marzo, diagnosticáronse 596 casos (o 34,7 % do total de casos notificados na primeira onda), o 37,2 % deles en residentes. Tendo en conta que o 26 de marzo se estableceu a prohibición das visitas e que o período de incubación máximo da enfermidade é de 14 días é plausible que algúns dos casos que ocorreron nas residencias fosen ocasionados a partir das visitas.

Na quinta onda pandémica notificáronse 28 gromos nos centros sociosanitarios residenciais de maiores e persoas con discapacidade (centros sociosanitarios), coa afectación de 419 persoas (o 69,5 % de todos os casos). No 43 % dos gromos, o caso índice foi persoal traballador da residencia, polo que o risco de que unha persoa que se contaxia na comunidade poida ocasionar un gromo nun centro destas características é moi elevado. Exemplo disto sería o gromo ocorrido nun centro sociosanitario da provincia de Ourense, que afectou quince persoas e cuxo caso fonte foi unha persoa procedente de Madrid, ou o gromo acontecido en Vigo, que afectou seis persoas e do cal se sospeita que o caso fonte foi un familiar dun residente.

Así mesmo, a citada Orde do 14 de decembro de 2021 pola que se establecen medidas preventivas de seguridade sanitaria consistentes na exhibición de documentación que acredite o cumprimento de determinados requisitos para o acceso a certos establecementos e se prorrogan diversas ordes como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, foi obxecto de prórroga mediante a Orde do 26 de xaneiro de 2022 que estableceu unha nova prórroga desta ata as 00.00 horas do día 12 de febreiro de 2022. Posteriormente, mediante a Orde do 9 de febreiro de 2022 volveuse prorrogar ata as 00.00 horas do día 26 de febreiro de 2022; mediante a Orde do 23 de febreiro volveuse prorrogar ata as 00.00 horas do día 12 de marzo de 2022; mediante a Orde do 8 de marzo volveuse prorrogar ata as 00.00 horas do día 26 de marzo de 2022; mediante a Orde do 23 de marzo de 2022 volveuse prorrogar ata o 9 de abril de 2022; mediante a Orde do 6 de abril de 2022 prorrogouse ata as 00.00 horas do día 23 de abril de 2022; mediante a Orde do 20 de abril de 2022 prorrogouse ata as 00.00 horas do día 7 de maio de 2022; mediante a Orde do 4 de maio de 2022 prorrogouse ata as 00.00 horas do día 21 de maio de 2022 e, finalmente, mediante a Orde do 16 de maio de 2022 prorrogouse ata as 00.00 horas do día 4 de xuño de 2022.

Así mesmo, de acordo co informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, os centros hospitalarios, hospitais de día, hoteis de pacientes e centros sociosanitarios residenciais de maiores e de persoas con discapacidade preséntanse como ámbitos de elevado risco epidemiolóxico por varios motivos. Por un lado, trátase de ambientes pechados nos cales o propio nivel de dependencia das persoas ingresadas ou residentes (dificultade para a alimentación, de mobilidade, etc.) favorece o establecemento de contactos próximos e prolongados cos coidadores, o que aumenta o risco de transmisión e de contaxio. Outro factor que pode contribuír ao aumento do risco de transmisión, fundamentalmente nos centros sociosanitarios, é o feito de que, con frecuencia, os residentes presentan algún grao de discapacidade ou deterioración cognitiva, que pode dificultar o mantemento das medidas de prevención, como son a hixiene das mans e respiratoria ou o uso adecuado da máscara.

A todo o anterior é preciso engadir o feito da maior vulnerabilidade das persoas que residen ou ingresan nestes centros, por se tratar de persoas con patoloxías crónicas ou de idade avanzada (factor que aumenta a susceptibilidade ás infeccións pola propia senescencia do sistema inmune), que poden estar a tratamento con fármacos que deprimen o sistema inmune ou que pertencen a grupos non susceptibles de vacinación.

Polo tanto, o aumento da incidencia na poboación, que aumenta a probabilidade de que acudan aos hospitais persoas non vacinadas e infectadas, o contorno de alto risco de transmisión e a presenza de persoas especialmente vulnerables fan que se considere necesario establecer medidas de prevención adicionais e específicas para as persoas que visitan ou acompañan as persoas ingresadas nos centros hospitalarios, igual que se fixo en Francia, e para as que visitan os residentes dos centros sociosanitarios, como así se fixo recentemente en Cataluña.

Por outro lado, ben que a exhibición do certificado non se aplicaría aos acompañantes de pacientes que acoden ás consultas externas e ao Servizo de Urxencias Hospitalarias, si se incluirían os acompañantes das persoas que precisan atención nos hospitais de día para tratamentos oncolóxicos ou de diálise, por se tratar de pacientes cunha vulnerabilidade especial e que precisan dun tratamento intensivo e prolongado que, no caso dos hospitais de día, se realiza en réxime de hospitalización parcial.

Existe evidencia de que a vacinación diminúe o risco de transmisión da infección de enfermidade grave e de hospitalización, polo que é importante que, ademais de manter todas as medidas de prevención actualmente recomendadas (o uso da máscara, a distancia interpersoal de seguridade, a hixiene das mans e respiratoria), se considere necesaria a exixencia dos certificados COVID de forma adicional, para aumentar a seguridade nestes ámbitos. O feito de non estar vacinado cando se accede a un centro hospitalario ou sociosanitario non só supón un maior risco para as persoas alí ingresadas e para os traballadores, ao aumentar o risco de transmisión, senón tamén para a propia persoa que accede ao centro, pola posibilidade de establecer contactos con persoas asintomáticas transmisoras.

Aínda que existen estudos en relación co risco de transmisión dentro dos hospitais e dos centros sociosanitarios residenciais, estes baséanse fundamentalmente na relación entre traballadores e pacientes/residentes. O feito de que apenas exista literatura científica sobre o papel que poden desempeñar as persoas que visitan ou acompañan os pacientes e residentes de centros sociosanitarios pode ser debido, en parte, ás restricións que se estableceron nestes establecementos en canto ao réxime de visitas e acompañamento desde o inicio da pandemia. Con todo, hai algúns traballos que recollen esta cuestión, así como o risco elevado que se asocia a este tipo de establecementos.

Deste xeito, existe un estudo realizado no Complexo Hospitalario Universitario A Coruña (CHUAC) no cal describen un gromo da COVID-19 que tivo lugar no mes de marzo de 2020 nunha unidade de pacientes particularmente vulnerables. Neste gromo, no cal se viron afectadas 22 persoas (12 traballadores e 10 pacientes), identificaron dúas fontes de infección, un traballador e un acompañante dun paciente da unidade que, como mínimo, contaxiou dúas persoas que resultaron ser pacientes con neoplasias hematolóxicas.

En Galicia producíronse gromos intrahospitalarios en todas as súas áreas sanitarias, con implicación de pacientes, profesionais e coidadores ou visitantes.

A pesar da dificultade para atribuír a unha fonte concreta a orixe dun gromo, especialmente no que atinxe ás visitas/acompañantes, e que a investigación da fonte de infección nos casos intrahospitalarios é moi complexa, hai gromos nos cales a investigación puido determinar cal foi o caso índice que o orixinou. Destacariamos como exemplo un gromo na Área Sanitaria de Vigo, orixinado por un familiar dun paciente ingresado, que implicou 71 pacientes e 55 traballadores do hospital, ou dous gromos na Área Sanitaria de Santiago de Compostela, orixinados por acompañantes de persoas ingresadas, que implicaron 16 pacientes, 9 acompañantes e 13 traballadores.

Por todo o anterior, pode axudar á prevención da infección e da aparición de gromos o mantemento desta medida para as visitas e acompañantes das persoas hospitalizadas, das ingresadas nos hoteis de pacientes, das persoas residentes e usuarias de centros sociosanitarios, así como para o acompañamento a determinadas unidades hospitalarias con características especiais, como son os hospitais de día para tratamentos oncolóxicos ou de diálise. Nestes ámbitos agrúpanse factores que aumentan o risco de transmisión do SARS-CoV-2 e de enfermidade grave.

IV

Cómpre destacar que a prórroga das medidas contidas nas ordes que acabamos de citar require a necesaria garantía xudicial, conforme o disposto no artigo 10.8 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Debe insistirse en que, de acordo co establecido na Sentenza do Tribunal Supremo 719/2021, a ratificación das medidas limitativas de dereitos fundamentais debe ser previa, de tal xeito que estas medidas non producen efectos nin son aplicables mentres non sexan ratificadas xudicialmente.

Finalmente, debemos destacar que a eficacia das medidas adoptadas se estende durante un período temporal concreto, desde o día seguinte ao da data de publicación da orde, que será posterior á súa autorización xudicial, ata as 00.00 horas do día 18 de xuño de 2022, sen prexuízo de que, en cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, estas medidas sexan obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria, e de que poidan ser prorrogadas, modificadas ou levantadas por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

V

Por último, en relación co ata o de agora exposto, cabe destacar que a regulación aprobada respecto dos certificados, nas condicións en que se efectúa, cumpre os requisitos establecidos polo Tribunal Supremo para as medidas sanitarias que afectan dereitos fundamentais, tendo en conta a ponderación efectuada entre os dereitos fundamentais que o Tribunal Supremo considera na Sentenza 1112/2021, da Sección Cuarta da Sala do Contencioso- Administrativo, e que se poden ver afectados dereitos que, atendendo ao carácter tenue ou livián desa afectación, non se poden considerar prevalentes cos dereitos fundamentais e bens constitucionalmente protexidos que amparan a implantación da medida examinada.

Así, cabe lembrar que a sentenza expresada do Tribunal Supremo avala, no caso considerado, a procedencia da medida partindo da confrontación da «tenue limitación que podería ter a medida examinada sobre os dereitos fundamentais á igualdade (artigo 14) e á intimidade (artigo 18.1) co dereito fundamental á vida (artigo 15), coa protección da saúde (artigo 43) en situacións de pandemia como a COVID-19 e co interese xeral de todos por sobrevivir nestas gravísimas circunstancias».

Polo demais, o Tribunal Supremo entendeu, no caso considerado, que «a exhibición da documentación sinalada non vulnera o dereito á igualdade, pois non se produce discriminación entre aqueles que están vacinados e os que non o están. Lembremos que a documentación reviste unha tripla modalidade, que resulta accesible a todos, de xeito que quen non quere mostrar se foi ou non vacinado, tendo en conta o seu carácter voluntario, pode presentar o resultado da proba PDIA ou o test de antíxenos e, desde logo, o certificado de recuperación da COVID-19, se pasou a infección».

En definitiva, para o Tribunal Supremo concorre unha xustificación obxectiva e razoable para permitir ou non o acceso ao correspondente establecemento, segundo se cumpra tal exixencia, pois trátase da protección da saúde e da vida das persoas, mediante unha medida que evita ou restrinxe a propagación da pandemia, tendo en conta que tales diferenzas de trato, para seren discriminatorias, deben carecer desa xustificación obxectiva e razoable, de acordo con criterios xurídicos atendibles, ao se basearen en razóns que resulten xuridicamente relevantes, como é o caso de que as situacións comparables non resultan homoxéneas polos seus graves efectos con respecto á salvagarda do dereito á vida, á integridade física e á protección da saúde.

O Tribunal Supremo, en particular no caso considerado, pon en relación a idoneidade da medida coas características propias dos establecementos en que se exixe.

Por último, como exixe o Tribunal Supremo, a medida reviste tamén un carácter temporal, segundo os principios científicos, as probas científicas e a información dispoñible en cada momento. Así, recóllese expresamente este carácter temporal e establécese que, en cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, as medidas previstas serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Como consecuencia deste seguimento e avaliación, as medidas poderán ser prorrogadas, modificadas ou levantadas mediante orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Como expresa o Tribunal Supremo, «como é natural, as medidas deben adecuarse, como sinalamos, á realidade necesariamente cambiante, atendida a evolución da enfermidade e o estado da ciencia en cada momento, e deben mediar a adecuada correspondencia e a necesaria vinculación entre a realidade sobre a cal se actúa, a finalidade que se persegue e o medio adecuado para a súa consecución».

Co obxecto de reforzar a idea de temporalidade e de adecuación, establécese, respecto da medida de exixencia de exhibición de certificados, unha eficacia ata as 00.00 horas do día 18 de xuño de 2022, desde o día seguinte ao da publicación desta orde, unha vez autorizada xudicialmente a aplicación das medidas contidas nela. Isto é, débese establecer unha duración adecuada e limitada no tempo da medida de exixencia da exhibición de certificados, pola súa afectación, aínda que tenue, aos dereitos fundamentais, sen prexuízo da súa posible prórroga.

Así mesmo, a Sentenza 1412/2021, do Tribunal Supremo (Sala do Contencioso-Administrativo, Sección Cuarta), referida á exixencia de certificados no País Vasco, remítese á doutrina sentada na súa sentenza anterior e insiste en que a distinta gravidade actual da pandemia, a menor agresividade da enfermidade en moitos casos e a máis reducida ocupación hospitalaria e das unidades de coidados intensivos que en ocasións precedentes non xustifican prescindir das prevencións necesarias para evitar que se reproduzan os momentos críticos do pasado. Por outra banda, a moi elevada cifra de vacinados non está a impedir o incremento dos contaxios mentres non se coñeza durante canto tempo será efectiva a súa inmunización, e non hai dúbida da existencia dun número de non vacinados maiores de 12 anos suficiente para facilitar a propagación do virus e, polo tanto, da enfermidade non só entre eles mesmos.

A extensión territorial das medidas recollidas nesta orde refírese a todo o territorio da Comunidade Autónoma. A razón disto é a análise e a ponderación efectuada das características das diferentes actividades recollidas nesta orde, así como a especial vulnerabilidade dos pacientes e usuarios de cuxa protección se trata, no caso das medidas referidas a centros hospitalarios e sociosanitarios. Tense en conta, en particular, a existencia no momento actual dunha incidencia homoxénea da pandemia en todo o territorio da Comunidade Autónoma. Unha razón engadida consiste na inexistencia de restricións á liberdade de movemento, polo que as persoas clientes ou usuarias das actividades obxecto desta orde poden proceder de localidades e puntos de orixe moi diversos. Por isto, non se pode circunscribir o uso do certificado a localidades concretas, porque a poboación destas localidades se pode trasladar a outras con motivo das actividades mencionadas.

Neste sentido, na Sentenza 1412/2021, do Tribunal Supremo, considérase razoable, no caso que analiza, a extensión da medida a toda a Comunidade Autónoma, tendo en conta os niveis de contaxios existentes nela, a posibilidade de traslados da poboación e o incremento xeneralizado das infeccións. En concreto, os datos considerados nese caso polo Tribunal Supremo eran iguais ou superiores aos 150 casos por cada 100.000 habitantes a 14 días.

Entre o 17 e o 23 de maio realizáronse un total de 13.112 probas diagnósticas en persoas de 60 ou máis anos (7.106 PCR e 6.006 test de antíxenos) cunha porcentaxe de positividade do 34,21 %, valor inferior ao reflectido no Informe do 11 de maio, en que era de 38,5 %, pero que supera o 3 % establecido en Galicia como nivel deste indicador de seguimento. Nos últimos 7 días (do 18 ao 25 de maio) notificáronse un total de 2.892 casos novos da COVID-19 en persoas de 60 ou máis anos.

Por outro lado, e aínda que os indicadores do nivel de utilización de servizos asistenciais pola COVID-19 presentan unha mellora con respecto a hai 14 días, o 25 de maio ningún dos indicadores referidos á hospitalización convencional se encontraba dentro dos límites que definen a circulación controlada. Ademais, tanto a taxa de ocupación por 100.000 habitantes como a porcentaxe de camas ocupadas por pacientes COVID-19 superan claramente os valores observados para o global de España. En canto aos indicadores relacionados co nivel de utilización das UCI, todos están no nivel de circulación controlada definido polo Ministerio de Sanidade na estratexia mencionada anteriormente (coa excepción da taxa de novos ingresos nos últimos 7 días, que se encontra en risco baixo).

Por iso, malia que a nova estratexia de vixilancia e control da COVID-19 implica aceptar un certo nivel de transmisión do SARS-CoV-2 en poboacións vacinadas e persoas novas en que a infección ten un impacto poboacional menor en termos de gravidade, é preciso continuar dirixindo as actuacións á protección das persoas e ámbitos de maior vulnerabilidade co fin de manter e consolidar a tendencia descendente observada nos indicadores epidemiolóxicos e asistenciais.

Polo tanto, tendo en conta todo o exposto, considérase que as medidas previstas nesta orde resultan xustificadas con respecto á súa idoneidade, necesidade e proporcionalidade, nos termos recollidos na sentenza do Tribunal Supremo.

VI

As medidas previstas nesta orde teñen o seu fundamento na Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública; no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 e 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

En particular, o artigo 34 da Lei de saúde de Galicia, relativo ás intervencións públicas sobre actividades, centros e bens, expresa:

«As intervencións públicas que poderán exercer as autoridades sanitarias competentes sobre as actividades públicas e privadas que, directa ou indirectamente, poidan ter consecuencias para a saúde, son: (…) 6. Establecer, controlar e inspeccionar as condicións hixiénico-sanitarias, de funcionamento e desenvolvemento de actividades que poidan ter repercusión sobre a saúde das persoas».

Así mesmo, polo que atinxe ás medidas relativas á exhibición de certificados, o artigo 38.1, de medidas preventivas en materia de saúde pública (redactado pola Lei 8/2021), establece:

«1. Co obxecto de protexer a saúde pública, as autoridades sanitarias autonómicas e locais, dentro do ámbito das súas competencias, poderán adoptar medidas preventivas de obrigado cumprimento cando exista ou se sospeite razoablemente a existencia dun risco inminente e grave para a saúde da poboación. Estas medidas poderán consistir:

(…) g) En medidas de seguridade sanitaria e hixiene en determinados lugares e/ou para o desenvolvemento de actividades».

Do mesmo xeito, tamén ofrece base legal á medida o contido da letra k) deste artigo 38.1, dado que permite o establecemento por parte das autoridades sanitarias dunha obriga de subministración de datos necesarios para o control e a contención de riscos para a saúde pública.

Conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, a persoa titular da Consellería de Sanidade ten a condición de autoridade sanitaria, polo que é competente para adoptar as medidas de prevención específicas para facer fronte ao risco sanitario derivado da situación epidemiolóxica existente, no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, coa urxencia que a protección da saúde pública demanda.

Na súa virtude, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro

Prórroga da Orde do 16 de novembro de 2021 pola que se aproba a exixencia de determinadas medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia no que se refire aos centros hospitalarios.

Atendendo á evolución da situación epidemiolóxica, prorrógase ata as 00.00 horas do día 18 de xuño de 2022 a eficacia das medidas previstas na Orde do 16 de novembro de 2021 pola que se aproba a exixencia de determinadas medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia no que se refire aos centros hospitalarios, na súa redacción vixente.

Segundo

Prórroga da medida prevista no punto primeiro da Orde do 14 de decembro de 2021 pola que se establecen medidas preventivas de seguridade sanitaria consistentes na exhibición de documentación que acredite o cumprimento de determinados requisitos para o acceso a certos establecementos e se prorrogan diversas ordes como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

Atendendo á evolución da situación epidemiolóxica, prorrógase ata as 00.00 horas do día 18 de xuño de 2022 a eficacia da medida preventiva de seguridade sanitaria consistente na exhibición de documentación que acredite o cumprimento de determinados requisitos para o acceso aos centros sociosanitarios residenciais de maiores e de persoas con discapacidade, previsto no punto primeiro da Orde do 14 de decembro de 2021 pola que se establecen medidas preventivas de seguridade sanitaria consistentes na exhibición de documentación que acredite o cumprimento de determinados requisitos para o acceso a certos establecementos e se prorrogan diversas ordes como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, na súa redacción vixente.

Terceiro. Autorización xudicial, publicación e eficacia

1. Solicitarase a autorización xudicial respecto da prórroga das medidas consistentes na exhibición de documentación previstas nos puntos primeiro e segundo desta orde, en canto poden implicar limitación ou restrición de dereitos fundamentais, de acordo co disposto na redacción vixente do número 8 do artigo 10 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, e publicarase a orde unha vez obtida a referida autorización.

2. A prórroga das medidas previstas nesta orde producirá efectos desde as 00.00 horas do día seguinte ao da súa publicación e ata as 00.00 horas do día 18 de xuño de 2022.

3. En cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, as medidas previstas nesta orde serán obxecto de seguimento e avaliación continua, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Como consecuencia deste seguimento e avaliación, as medidas poderán ser prorrogadas, modificadas ou levantadas mediante orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2022

Julio García Comesaña

Conselleiro de Sanidade

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia