lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Resolución do 1 de xuño de 2022 pola que se regulan os termos e os requisitos para admitir o xiro postal como medio de pagamento das débedas cuxa xestión recadatoria ten encomendada esta axencia.

Publicado en: DOG 105 02/06/2022

Departamento: Axencia Tributaria de Galicia

Estado: En vigor

PDF

A Orde do 12 de abril de 2022 pola que se regula o pagamento, mediante transferencia bancaria e xiro postal, de débedas cuxa xestión recadatoria ten encomendada a Axencia Tributaria de Galicia (en diante, Atriga) establece no seu artigo 3 que o pagamento mediante xiro postal poderá ser realizado nos termos que se establezan por resolución da persoa titular da dirección da Atriga.

Sinala, ademais, que o libramento ou o xustificante do xiro postal que se emita non constitúe un xustificante de pagamento da débeda tributaria ou de dereito público que posúa a persoa obrigada ao pagamento fronte á Atriga e que o xustificante de pagamento será emitido por esta por solicitude daquela nos termos que se establezan.

Con data do 1 de xuño de 2022 subscríbese convenio de colaboración entre a Atriga e a Sociedad Estatal Correos y Telégrafos, S.A., S.M.E. (en diante, Correos), para facilitar o ingreso nas contas restrinxidas mediante xiros postais empregados nas distintas oficinas de Correos para o pagamento de débedas tributarias e outras de dereito público.

A citada orde, na súa disposición derradeira primeira, habilita a persoa titular da dirección da Atriga para ditar, no ámbito da xestión recadatoria, as resolucións e instrucións que sexan precisas para a execución do disposto nela.

En consecuencia, unha vez asinado o convenio e para dar cumprimento ao disposto no artigo 3 da citada orde, para os efectos de que este medio de pagamento poida ser utilizado pola cidadanía, faise necesario concretar varios aspectos como son os requisitos para o uso desta vía, así como dos xustificantes de pagamento e os modelos de documentos que poderán ser obxecto de pagamento mediante xiro postal.

En uso da habilitación sinalada na disposición derradeira primeira da citada Orde do 12 de abril de 2022,

RESOLVO:

Primeiro. Obxecto e ámbito de aplicación

A presente resolución ten por obxecto establecer os requisitos para que as persoas obrigadas a realizar pagamentos de débedas cuxa xestión recadatoria teña encomendada a Atriga poidan empregar o medio de pagamento por xiro postal a través de Correos. Regúlanse, ademais, para estes casos os xustificantes de pagamento que se emitirán e sinálanse os modelos de documentos que poden ser ingresados mediante xiro postal. Todo iso sen prexuízo do disposto na normativa recadatoria aplicable.

Segundo. Requisitos para o pagamento mediante xiro postal

Sen prexuízo dos requisitos que sexan exixidos pola entidade Correos en aplicación da súa normativa propia, para a utilización deste medio de pagamento deberán cumprirse as seguintes condicións:

a) Con carácter previo, a persoa obrigada ao pagamento deberá dispoñer dalgún dos documentos de pagamento emitidos por esta Administración e autorizados para a súa cobranza a través deste medio de pagamento previstos no anexo I.

b) As tarifas ou demais cantidades que Correos poida cobrar aos seus clientes pola prestación do servizo non se considerarán importes pagados a esta Administración e quedan excluídas da relación xurídica existente entre a persoa obrigada ao pagamento e a Atriga.

Terceiro. Xustificantes de pagamento

Unha vez recibida e validada a información remitida por Correos, así como a transferencia do seu importe, os interesados poderán obter o xustificante acreditativo do pagamento realizado a que se refire o artigo 3 da Orde do 12 de abril de 2022 na Oficina Virtual Tributaria da Atriga a través do servizo «Xustificante de pagamento por xiro postal».

O xustificante de pagamento emitido pola Administración conterá, como mínimo, os seguintes datos:

a) Número de xustificante da carta de pagamento aboada.

b) Concepto e denominación da débeda aboada.

c) NIF da persoa obrigada ao pagamento.

d) Apelidos e nome ou razón social.

e) Data do ingreso realizado.

f) Importe da operación.

Cuarto. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2022

Mª Victoria González Vázquez

Directora da Axencia Tributaria de Galicia

ANEXO I

Modelos de documentos que poden ser ingresados mediante xiro postal

600. Imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados

620. Imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados. Transmisión de determinados medios de transporte usados.

650. Imposto sobre sucesións e doazóns. Autoliquidación-sucesións.

651. Imposto sobre sucesións e doazóns. Autoliquidación-doazóns.

706. Liquidacións telemáticas ou con NRC.

707. Liquidacións notificadas pola Administración.

708. Pagamentos aprazados ou fraccionados.

717. Autoliquidacións telemáticas ou con NRC.

731. Taxas e prezos e sancións.

739. Taxas e prezos e sancións vía telemática

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia