lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Decreto 73/2022, do 25 de maio, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia.

Publicado en: DOG 101 27/05/2022

Estado: En vigor

PDF

O 16 de maio de 2022 publicouse no Diario Oficial de Galicia o Decreto 58/2022, do 15 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia tendo en conta os criterios de eficacia e economía que deben inspirar a actuación e a organización administrativa.

A optimización dos recursos públicos, a eficacia na xestión, a racionalización, o logro da máxima coordinación das distintas unidades administrativas e a mellora continua son principios básicos que guían a actuación da Xunta de Galicia.

O Decreto 58/2022, do 16 de maio, establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia. Non obstante, cómpre establecer un segundo nivel organizativo, en distintos órganos superiores e de dirección e en diversas entidades do sector público, coa finalidade de acadar un maior grao de racionalización e eficacia consonte os criterios de mellora continua reflectidos na Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico.

Neste marco, procede agora aprobar a estrutura orgánica superior das vicepresidencias e das respectivas consellerías, e é compromiso da Xunta de Galicia afondar no camiño xa iniciado de racionalización das súas estruturas administrativas consolidando pautas de mellora continua na procura dunha maior eficacia e eficiencia no seu funcionamento.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, de acordo co artigo 25.5 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e no exercicio da facultade outorgada polo artigo 4.15 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e cinco de maio de dous mil vinte e dous,

DISPOÑO:

Artigo 1

a) A Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación estrutúrase nos seguintes órganos superiores e de dirección:

1. Secretaría Xeral Técnica.

2. Secretaría Xeral de Industria.

3. Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais.

4. Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

b) Quedan adscritos a esta consellería:

1. O organismo autónomo Instituto Galego do Consumo e da Competencia.

2. O ente público Instituto Galego de Promoción Económica.

3. A Axencia Galega de Innovación.

4. A Axencia Instituto Enerxético de Galicia.

Artigo 2

a) A Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes estrutúrase nos seguintes órganos superiores e de dirección:

1. Secretaría Xeral Técnica.

2. Secretaría Xeral para o Deporte.

3. Dirección Xeral de Xustiza.

4. Dirección Xeral de Administración Local.

5. Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias.

6. Dirección Xeral de Emerxencias e Interior.

7. Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea.

b) Quedan adscritas organicamente á consellería as delegacións territoriais da Xunta de Galicia. As delegacións territoriais, configuradas como órganos de dirección, terán nivel orgánico de dirección xeral.

c) Quedan adscritos a esta consellería:

1. O organismo autónomo Academia Galega de Seguridade Pública.

2. A Axencia Galega de Emerxencias.

Artigo 3

a) A Consellería de Facenda e Administración Pública estrutúrase nos seguintes órganos de dirección:

1. Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio.

2. Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

3. Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos.

4. Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro.

5. Dirección Xeral de Política de Cohesión e Fondos Europeos.

6. Dirección Xeral da Función Pública.

7. Dirección Xeral de Simplificación Administrativa.

b) Quedan adscritos a esta consellería:

1. O organismo autónomo Instituto Galego de Estatística.

2. O organismo autónomo Escola Galega de Administración Pública.

3. A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

4. A Axencia Tributaria de Galicia.

5. O Consello Económico e Social, ente institucional de dereito público, órgano consultivo, creado pola Lei 6/1995, do 28 de xuño.

6. O Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia, creado pola disposición derradeira segunda da Lei 1/2015, do 1 de abril, de garantía da calidade dos servizos públicos e da boa administración.

Artigo 4

a) A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda estrutúrase nos seguintes órganos de dirección:

1. Secretaría Xeral Técnica.

2. Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático.

3. Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

4. Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

b) Quedan adscritos a esta consellería:

1. O organismo autónomo Instituto de Estudos do Territorio.

2. O organismo autónomo Instituto Galego da Vivenda e Solo.

3. O ente público de natureza consorcial Axencia de Protección da Legalidade Urbanística.

Artigo 5

a) A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade estrutúrase nos seguintes órganos de dirección:

1. Secretaría Xeral Técnica.

2. Dirección Xeral de Mobilidade.

b) Quedan adscritos a esta consellería:

1. A Axencia Galega de Infraestruturas.

2. A entidade pública empresarial Augas de Galicia.

3. O Xurado de Expropiación de Galicia, creado pola Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Artigo 6

a) A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades estrutúrase nos seguintes órganos superiores e de dirección:

1. Secretaría Xeral Técnica.

2. Secretaría Xeral de Política Lingüística.

3. Secretaría Xeral de Universidades.

4. Dirección Xeral de Cultura.

5. Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

6. Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa.

7. Dirección Xeral de Formación Profesional.

8. Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos.

b) Quedan adscritos a esta consellería:

1. A Axencia Galega das Industrias Culturais.

2. A Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia.

Artigo 7

a) A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade estrutúrase nos seguintes órganos superiores e de dirección:

1. Secretaría Xeral Técnica.

2. Secretaría Xeral da Igualdade.

3. Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social.

3.1. Dirección Xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego.

4. Dirección Xeral de Relacións Laborais.

5. Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación.

b) Quedan adscritos a esta consellería:

1. O organismo autónomo Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia.

2. O ente público Consello Galego de Relacións Laborais.

Artigo 8

a) A Consellería de Sanidade estrutúrase nos seguintes órganos de dirección:

1. Secretaría Xeral Técnica.

2. Dirección Xeral de Saúde Pública.

3. Dirección Xeral de Planificación e Reforma Sanitaria.

b) Quedan adscritos a esta consellería:

1. O organismo autónomo Servizo Galego de Saúde.

2. A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde.

3. A Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos.

Artigo 9

a) A Consellería de Política Social e Xuventude estrutúrase nos seguintes órganos de dirección:

1. Secretaría Xeral Técnica.

2. Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica.

3. Dirección Xeral de Inclusión Social.

4. Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade.

5. Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria.

6. Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

b) Queda adscrita a esta consellería a Axencia Galega de Servizos Sociais, creada polo Decreto 40/2014, do 20 de marzo.

Artigo 10

a) A Consellería do Medio Rural estrutúrase nos seguintes órganos de dirección:

1. Secretaría Xeral Técnica.

2. Dirección Xeral de Defensa do Monte.

3. Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal.

4. Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias.

5. Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural.

b) Quedan adscritos a esta consellería:

1. O organismo autónomo Fondo Galego de Garantía Agraria.

2. O ente público Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

3. A Axencia Galega de Calidade Alimentaria.

4. A Axencia Galega da Industria Forestal.

Artigo 11

a) A Consellería do Mar estrutúrase nos seguintes órganos de dirección:

1. Secretaría Xeral Técnica.

2. Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica.

3. Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

b) Quedan adscritos a esta consellería:

1. O ente público Portos de Galicia.

2. O ente público Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño.

Disposición adicional primeira. Mantemento de nomeamentos

Non será preciso un novo nomeamento e toma de posesión das persoas titulares dos órganos superiores e directivos cuxa adscrición orgánica, denominación e/ou rango varíen como consecuencia do disposto neste decreto.

Disposición adicional segunda. Delegación de competencias

1. As delegacións de competencias outorgadas polos distintos órganos superiores e de dirección afectados por este decreto continuarán vixentes ata que sexan expresamente revogadas ou novamente outorgadas.

2. Cando as delegacións de competencias que manteñan os seus efectos se outorgasen en favor de órganos suprimidos ou modificados na súa denominación por este decreto, as ditas delegacións entenderanse vixentes en favor dos órganos en cuxo ámbito de actuación se incardine a correspondente competencia.

3. En particular, as delegacións de competencias outorgadas en favor das secretarías xerais técnicas das consellerías correspondentes á anterior estrutura orgánica entenderanse outorgadas en favor das secretarías xerais técnicas das consellerías resultantes da nova organización.

Disposición adicional terceira. Referencia aos órganos suprimidos ou que varíen a súa denominación

As referencias aos órganos suprimidos ou que varíen a súa denominación por este decreto entenderanse realizadas aos que os substitúen ou asumen as súas competencias.

Disposición adicional cuarta. Rango orgánico da Presidencia do Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia

O rango orgánico e nivel retributivo da Presidencia do Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia será o equivalente ao de dirección xeral.

Disposición adicional quinta. Adscrición do Instituto de Estudos do Territorio

1. O Instituto de Estudos do Territorio, organismo autónomo dos regulados na sección segunda do capítulo II do título III da Lei de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, adscríbese directamente á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

2. O seu órgano executivo, responsable da súa dirección e xestión ordinaria, percibirá as retribucións correspondentes a unha subdirección xeral.

Disposición transitoria primeira. Adscrición dos órganos das secretarías xerais e direccións xerais

Mediante as resolucións oportunas das persoas titulares das consellerías determinarase a adscrición dos órganos dependentes das secretarías xerais e direccións xerais suprimidas ou que varíen de denominación ou rango, como consecuencia da estrutura orgánica que se fixa neste decreto, aos órganos superiores ou directivos correspondentes, mentres non se regule por decreto a nova estrutura orgánica da consellería.

Disposición transitoria segunda. Subsistencia da estrutura e das funcións dos órganos superiores e de dirección previstos neste decreto

Os órganos superiores e de dirección e os seus órganos dependentes manterán a súa estrutura e funcións, reguladas nos correspondentes decretos de estrutura orgánica, ata que se proceda ao desenvolvemento da estrutura contida neste decreto.

Disposición transitoria terceira. Aforro de custos no material impreso

1. As existencias de material impreso anteriores á entrada en vigor deste decreto en que se faga referencia á anterior estrutura orgánica seguirán utilizándose ata que se esgoten, sen prexuízo da correcta identificación nos actos administrativos da dependencia orgánica da autoridade de procedencia.

2. Con independencia do establecido no número anterior, cando se proceda á adquisición, reposición ou reedición de novo material, aplicaránselle as novas denominacións.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o Decreto 130/2020, do 17 de setembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia. Así mesmo, quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto neste decreto.

Disposición derradeira primeira. Habilitación á Consellería de Facenda e Administración Pública

Facúltase a persoa titular da Consellería de Facenda e Administración Pública para ditar as disposicións necesarias para a xestión dos créditos afectados pola nova estrutura administrativa.

A Consellería de Facenda e Administración Pública realizará as modificacións orzamentarias necesarias para lle dar cumprimento ao disposto neste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e cinco de maio de dous mil vinte e dous

Alfonso Rueda Valenzuela

Presidente

Diego Calvo Pouso

Vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia