lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Decreto 72/2022, do 25 de maio, polo que se establecen os órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia.

Publicado en: DOG 101 27/05/2022

Departamento: Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

Estado: En vigor

PDF

O 16 de maio de 2022 publicouse no Diario Oficial de Galicia o Decreto 58/2022, do 15 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, fundamentada nos criterios de eficacia e economía que inspiran a actuación e a organización administrativa.

En virtude dos criterios arriba indicados, e de acordo co previsto nos artigos 23.3 e 26.5 da Lei 16/2020, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, cómpre agora establecer os órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia que, pola súa importancia e natureza, procede que queden adscritos á Presidencia da Xunta de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 4.15 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e logo de deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do día vinte e cinco de maio de dous mil vinte e dous,

DISPOÑO:

Artigo único

a) Dependerán da Presidencia da Xunta de Galicia os seguintes órganos superiores e de dirección:

1. Secretaría Xeral da Presidencia:

1.1. Dirección Xeral do Gabinete Técnico da Presidencia.

2. Secretaría Xeral de Medios:

2.1. Dirección Xeral de Comunicación.

3. Secretaría Xeral da Emigración.

4. Asesoría Xurídica Xeral, con rango de Secretaría Xeral.

b) Queda adscrita á Presidencia da Xunta de Galicia a Axencia de Turismo de Galicia, que se axustará nos seus fins, estrutura e funcionamento ao disposto na Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia; no Decreto 196/2012, do 27 de setembro, polo que se crea a Axencia de Turismo de Galicia e se aproban os seus estatutos, e demais normas de aplicación.

c) Quedan adscritas á Presidencia da Xunta de Galicia as delegacións da Xunta de Galicia no exterior.

Disposición adicional primeira. Mantemento de nomeamentos

Non será preciso un novo nomeamento e toma de posesión das persoas titulares dos órganos superiores e directivos cuxa adscrición orgánica, denominación e/ou rango varíen como consecuencia do disposto neste decreto.

Disposición adicional segunda. Oficina de Asesoramento Especial e Apoio á Presidencia e Xefatura de Comunicación

A Presidencia da Xunta de Galicia contará coa Oficina de Asesoramento Especial e Apoio á Presidencia e coa Xefatura de Comunicación, cuxas funcións se desenvolverán no decreto de estrutura orgánica da Presidencia.

Disposición adicional terceira. Delegación de competencias na Secretaría Xeral da Presidencia

A delegación de competencias outorgada a favor da Secretaría Xeral da Presidencia continuará vixente ata que sexa revogada expresamente ou novamente outorgada.

Disposición adicional cuarta. Servizo de Secretariado do Goberno, Servizo de Tradución e Apoio Técnico-Administrativo, unidades dependentes para a edición do Diario Oficial de Galicia e exercicio de determinadas funcións previstas no Decreto 111/1984, do 25 de maio, polo que se aproba o Regulamento de réxime interior da Xunta de Galicia

1. Para os efectos de instrumentar as funcións de coordinación da planificación interdepartamental que se establezan no decreto de estrutura orgánica da Presidencia da Xunta de Galicia, pasarán a integrarse na Secretaría Xeral da Presidencia o Servizo do Secretariado do Goberno e o Servizo de Tradución e Apoio Técnico-Administrativo, incluídas as unidades de apoio na edición do Diario Oficial de Galicia e de apoio técnico e administrativo.

2. Malia o previsto no punto anterior, a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes e a súa Secretaría Xeral Técnica continuarán desempeñando as funcións que corresponden á secretaría do Consello da Xunta de Galicia e presidencia e vicepresidencia da Comisión de Secretarios Xerais, previstas nos artigos 15.3, 15.4 e 18.4 do Decreto 111/1984, do 25 de maio, polo que se aproba o Regulamento de réxime interior da Xunta de Galicia.

3. De conformidade co previsto no número 1 e para os mesmos efectos, as referencias á Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, contidas nos artigos 9, 13, 15.1 e 18, números 2 e 3, do Decreto 111/1984, do 25 de maio, polo que se aproba o Regulamento de réxime interior da Xunta de Galicia, entenderanse feitas á Secretaría Xeral da Presidencia (Dirección Xeral do Gabinete Técnico da Presidencia, Servizo de Secretariado do Goberno).

Disposición adicional quinta. Referencias do Decreto 196/2012, do 27 de setembro, polo que se crea a Axencia de Turismo de Galicia e se aproban os seus estatutos

As referencias á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza contidas no Decreto 196/2012, do 27 de setembro, polo que se crea a Axencia de Turismo de Galicia e se aproban os seus estatutos, incluída a referencia realizada nos propios estatutos da Axencia, entenderanse realizadas á Presidencia da Xunta de Galicia, que exercerá a presidencia da Axencia.

Disposición transitoria primeira

Os órganos dependentes dos órganos superiores e de dirección sinalados no artigo único manterán a súa estrutura e funcións ata que se proceda ao desenvolvemento da estrutura contida neste decreto.

Disposición transitoria segunda

As referencias contidas na disposición adicional segunda do Decreto 109/2021, do 15 de xullo, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, resultan de aplicación aos órganos superiores e de dirección previstos neste decreto mentres non se regule a súa nova estrutura orgánica.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o Decreto 129/2020, do 17 de setembro, polo que se establecen os órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Habilitación á Consellería de Facenda e Administración Pública

Facúltase a persoa titular da Consellería de Facenda e Administración Pública para ditar as disposicións necesarias para a xestión dos créditos afectados pola nova estrutura administrativa.

A Consellería de Facenda e Administración Pública realizará as modificacións orzamentarias necesarias para lle dar cumprimento ao disposto neste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e cinco de maio de dous mil vinte e dous

Alfonso Rueda Valenzuela

Presidente

Diego Calvo Pouso

Vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia