lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Decreto 16/2018, do 15 de febreiro, polo que se establecen as bases e os criterios para a elaboración dos regulamentos electorais que deben rexer a realización dos procesos electorais nas federacións deportivas galegas.

Publicado en: DOG 34 16/02/2018

Departamento: Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

Estado: En vigor

PDF

Modificacións

A Lei 11/1997, do 22 de agosto, xeral do deporte de Galicia, e a Orde do 8 de setembro de 2010 pola que se establecen os criterios para a elaboración de regulamentos e a realización dos procesos electorais nas federacións deportivas galegas, regulan os procesos electorais que se celebren nas federacións deportivas galegas para a renovación dos seus órganos de goberno.

A aprobación da Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, estableceu un novo marco xurídico para o desenvolvemento da política deportiva da Comunidade Autónoma de Galicia e derrogou a normativa anterior.

O número 6 do artigo 58 da Lei do deporte de Galicia preveu que o mandato dos membros da asemblea xeral e da presidencia das federacións deportivas galegas fose de catro anos, período que se establece con carácter xeral para a renovación dos órganos de gobernos colexiados, e estableceu a previsión de que esa renovación se debe levar a cabo nos anos en que teñan lugar os Xogos Olímpicos de Inverno.

Disponse tamén que as federacións deportivas galegas desenvolverán os procesos electorais para a elección dos seus órganos de goberno e de representación de acordo cos seus respectivos regulamentos electorais, que se deberán axustar ao disposto na normativa que para tal efecto estableza a Administración autonómica.

Este decreto estrutúrase en doce capítulos, cun total de 54 artigos, catro disposicións adicionais, unha disposición derrogatoria e dúas disposicións derradeiras.

O capítulo I «Das disposicións xerais» establece o obxecto e o ámbito de aplicación da presente norma, que pretende regular tanto o proceso electoral do ano 2018 como as futuras eleccións das federacións deportivas galegas.

O capítulo II «Dos órganos electorais» regula os órganos federativos que interveñen no proceso electoral. Por unha banda, a comisión xestora da federación, como órgano encargado de administrar e xestionar a federación durante o proceso electoral que ten a obriga de transparencia na súa actuación e neutralidade ante as distintas candidaturas. Por outra, a Xunta Electoral Única, que se configura como o órgano de ordenación e de control das eleccións e cuxo mandato se estende ata o seguinte proceso electoral.

O capítulo III «Das persoas electoras e elixibles» establece as condicións exixidas para ser persoa electora e elixible. A principal condición é a de ter licenza federativa desde o primeiro semestre do ano anterior ao ano da elección, no caso dos clubs dous anos, e ter participado nunha competición oficial, co obxecto de facilitar o voto ao maior número de electores. Poderá presentarse á presidencia dunha federación deportiva calquera persoa sempre que veña avalada polo 10 % dos membros da asemblea xeral.

No capítulo IV «Dos censos electorais» regúlanse os tipos e o proceso de elaboración, aprobación e publicación dos censos electorais. Establécense tres clases de censos: o provisional, o definitivo e, como novidade, o inicial que permitirá, tanto á federación deportiva como ás persoas electoras, corrixir os posibles fallos que poidan existir no censo electoral e minimizar as posibles reclamacións a este.

O capítulo V «Do proceso electoral» describe o proceso electoral que comeza coa publicación da súa convocatoria que é potestade da presidencia da federación, e que debe realizarse, ineludiblemente, no ano electoral co obxecto de que todos os procesos electorais estean rematados no mesmo ano natural en que se inicien. En caso de que non se convoquen as eleccións, a Secretaría Xeral para o Deporte procederá de oficio a convocalas. O regulamento electoral que aproba a asemblea xeral constitúe a norma que vai regular o proceso electoral de cada federación. Para unha mellor análise do regulamento electoral, as federacións deberán expor o regulamento electoral aos asembleístas e remitir á Secretaría Xeral para o Deporte o texto do regulamento electoral e as alegacións feitas polos asembleístas. O regulamento electoral deberá ser aprobado previamente á súa aplicación pola Secretaría Xeral para o Deporte e a súa aprobación non poderá impugnarse ante o Comité Galego de Xustiza Deportiva.

No capítulo VI «Das mesas electorais» regúlanse os tres tipos de mesas electorais que van existir neste proceso electoral. A mesa electoral para a votación a persoas candidatas á asemblea xeral; a mesa electoral de voto por correo que, para todas as federacións, terá a súa sede na Secretaría Xeral para o Deporte e da cal formará parte como membro dela unha persoa empregada publica designada pola persoa responsable da Secretaría Xeral para o Deporte; e a mesa electoral para a votación á presidencia de cada federación que se ten que constituír no día de votación.

O capítulo VII «Do sistema de elección a membros da asemblea xeral» define o sistema de elección a membros da asemblea xeral; o sistema de votación elixido é o de listas abertas. Tamén se regula a composición da asemblea xeral na cal deben estar representados todos os estamentos deportivos da federación e todas as especialidades deportivas recoñecidas nos seus estatutos federativos e respectando a proporcionalidade de acordo cunhas porcentaxes e daráselles máis peso aos clubs deportivos pola súa maior implicación nos aspectos organizativos e federativos. A novidade nesta materia é que por primeira vez se reserva unha porcentaxe mínima do 10 % ás persoas deportistas galegas de alto nivel de cada federación. A xunta electoral, aprobado o censo definitivo, fixará o número concreto de persoas membros de cada estamento.

O capítulo VIII «Da elección da presidencia da federación» regula a elección á presidencia da federación e establece que poderán ser candidatas aqueles persoas que presenten avais do 10 % das persoas asembleístas.

No capítulo IX «Da xornada electoral» establécense as condicións e as formalidades que se deben cumprir no desenvolvemento da xornada electoral, na constitución das mesas electorais, nas votacións, no escrutinio dos votos, así como a documentación electoral e o voto por correspondencia.

No capítulo X «Da moción de censura» regúlase a moción de censura como un proceso electoral específico de elección do presidente ou presidenta dunha federación deportiva galega que pode ter lugar durante o mandato electoral. Trátase dunha moción de censura construtiva que require para a súa aprobación que sexa votada favorablemente pola maioría absoluta das persoas asembleístas.

No capítulo XI «Da comisión delegada» defínense as peculiaridades da elección das persoas integrantes da comisión delegada para aquelas federacións deportivas galegas que as teñan previstas nos seus estatutos.

O capítulo XII «Do réxime de reclamacións e recursos» regula o réxime de reclamacións e recursos que poden ter lugar no proceso electoral distinguindo entre as reclamacións ante a xunta electoral e o recurso ante o Comité Galego de Xustiza Deportiva.

Na súa virtude, por proposta do titular da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, de acordo co ditame do Consello Consultivo e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do quince de febreiro de dous mil dezaoito,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I Das disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. Este decreto ten como obxecto regular o procedemento electoral para a renovación dos órganos de goberno das federacións deportivas galegas.

2. As disposicións contidas neste decreto serán de aplicación ás federacións deportivas galegas inscritas no Rexistro de Entidades Deportivas Galegas no desenvolvemento dos seus procesos electorais para a elección dos seus órganos de goberno e representación de acordo cos seus respectivos regulamentos electorais, que deberán axustarse ao disposto nesta normativa.

CAPÍTULO II Dos órganos electorais

Sección 1ª. Da comisión xestora

Artigo 2. Comisión xestora

Unha vez convocadas as novas eleccións, a xunta directiva da federación deportiva entenderase disolta e asumirá as súas funcións unha comisión xestora.

Artigo 3. Da composición e duración da comisión xestora

1. A comisión xestora estará conformada por un máximo de oito vogalías e unha persoa que representará a presidencia. A designación das persoas que ocupen as vogalías corresponderá á comisión delegada, ou, de non existir esta, á asemblea xeral e á xunta directiva antes da súa disolución, o número de persoas designadas pola comisión delegada ou pola asemblea xeral e pola xunta directiva debe ser igual.

As vogalías designadas pola comisión delegada ou, de non existir esta, pola asemblea xeral, deberán representar, seguindo esta orde, os estamentos de entidades deportivas, deportistas, de persoas que posúan a condición de xuíces e adestradoras. Esta regra de representatividade deberá observarse tanto na designación das persoas titulares como das suplentes.

Entre as persoas designadas pola xunta directiva deberán incluírse as que exerzan as funcións de secretaría e tesouraría da correspondente federación.

A presidencia da comisión xestora corresponderá a quen presida a federación ou, no caso de cesar nesta condición por finalizar o seu mandato, por renuncia ou por presentar a candidatura a persoa integrante da asemblea ou á presidencia da federación, a quen sexa elixido ou elixida para tal función por e entre as persoas que integren a comisión xestora.

2. As persoas que presenten a súa candidatura para formar parte dos órganos de goberno e representación da correspondente federación non poderán pertencer á comisión xestora e deberán cesar na dita condición ao presentar a candidatura en cuestión.

3. A comisión xestora entenderase extinguida unha vez que tomen posesión todas as persoas membros dos órganos de goberno da federación deportiva.

Decreto 171/2021, do 23 de decembro.

Artigo modificado:Artigo 3 apartado 1 nova redacción por artigo único apartado un.

Artigo 4. Das funcións da comisión xestora

1. A comisión xestora será o órgano encargado de administrar e xestionar a federación durante o proceso electoral. Non poderá realizar actos que directa ou indirectamente, mediata ou inmediatamente, induzan ou condicionen o sentido do voto dos electores, e deberán observar os principios de obxectividade, transparencia do proceso electoral e igualdade entre os actores electorais. Estas previsións serán aplicables á actividade desenvolvida polo persoal da federación e polos restantes órganos federativos durante o proceso electoral.

2. Se por circunstancias ou incidencias xurdidas durante o proceso electoral a súa finalización se demorase en exceso, dificultando, comprometendo ou poñendo en risco o desenvolvemento ordinario da actividade deportiva da federación deportiva galega, a comisión xestora, coa supervisión e autorización da Secretaría Xeral para o Deporte, poderá adoptar as medidas imprescindibles para evitar a dita situación.

Sección 2ª. Da xunta electoral

Artigo 5. A xunta electoral

Constituirase unha única xunta electoral en cada federación deportiva galega que será o órgano de ordenación e de control das eleccións. Deberá resolver en primeira instancia as reclamacións que se presenten contra toda decisión adoptada no proceso electoral, agás a convocatoria das eleccións e a adopción do acordo polo que se aproba o regulamento electoral que unicamente poderá ser obxecto de recurso directamente ante o Comité Galego de Xustiza Deportiva.

Artigo 6. Da composición e duración da xunta electoral

1. A xunta electoral estará integrada por tres persoas titulares e tres suplentes.

2. Serán elixidas e designadas pola asemblea xeral na mesma sesión en que se aproba o regulamento electoral, e na forma prevista nos estatutos, entre as persoas que presenten a súa candidatura a membros da xunta electoral. De non existir candidaturas, serán designadas pola comisión delegada, e de non existir esta, pola persoa titular da presidencia da federación no prazo de tres días hábiles desde a celebración da dita asemblea.

3. O regulamento electoral determinará o seu réxime de incompatibilidades, a súa forma de constitución, competencias, regras de funcionamento, sede e réxime de publicidade dos acordos que adopte.

4. As candidaturas a membros da xunta electoral deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Ser maior de 18 anos.

b) Ter, cando menos, o título de bacharelato ou equivalente.

c) Non formar parte dos órganos de goberno da federación, nin da comisión xestora nin desempeñar postos directivos na federación. No suposto de presentarse como candidato a membro da asemblea xeral ou á presidencia da federación cesará no seu posto na xunta electoral e será substituído polo suplente.

d) Non estar cumprindo sanción disciplinaria firme ou sanción administrativa firme en materia deportiva que comporte sanción de inhabilitación para ocupar cargos nunha organización deportiva.

e) Aceptar expresamente o cargo de membro da xunta electoral.

5. Poderán ser candidatas a membros da xunta electoral as persoas que non teñan a condición de federada ou de asembleístas.

6. No caso de non presentarse candidaturas a membros da xunta electoral, actuarase de conformidade co disposto no punto 2 deste artigo.

7. As persoas integrantes da xunta electoral elixirán entre elas as persoas que desempeñarán a presidencia e a secretaría desta. Na súa falta, desempeñará a presidencia da xunta electoral a persoa de maior idade e a secretaría a de menor idade.

8. A xunta electoral constituirase no prazo máximo de dous días desde a data da convocatoria do proceso electoral.

9. Ao día seguinte da constitución da xunta electoral, a persoa que ocupe a secretaría desta enviará á Secretaría Xeral para o Deporte a relación de persoas que constitúen a xunta electoral.

10. O mandato das persoas membros da xunta electoral será ata a convocatoria do seguinte proceso electoral, e as eventuais vacantes que se produzan serán cubertas polo mesmo procedemento e cunha duración polo tempo restante ata a convocatoria do seguinte proceso electoral.

Artigo 7. Das funcións da xunta electoral

1. Son funcións da xunta electoral:

a) Velar por que se axuste a dereito o proceso electoral dos órganos de goberno e representación federativos.

b) Organizar o proceso electoral para a asemblea xeral e a presidencia da federación, segundo o disposto no regulamento electoral.

c) Designar as mesas electorais de conformidade co previsto no regulamento electoral.

d) Proclamar as candidaturas a membros da asemblea xeral e da presidencia que reúnan os requisitos exixidos.

e) Garantir a exposición dos censos, candidaturas e outros documentos segundo se estableza no regulamento electoral.

f) Coñecer e pronunciarse, en primeira instancia, sobre as reclamacións que se presenten en materia electoral. A xunta electoral está obrigada a resolver expresamente e no prazo concedido para o efecto todas as reclamacións que se formulen.

g) Custodiar a documentación correspondente a todo o proceso electoral, excepto o que non lle corresponda do procedemento do voto por correo, ata a súa finalización, que será cando remate o prazo para a impugnación da toma de posesión da presidencia da federación.

h) En xeral, cantas facultades lle sexan atribuídas polo presente decreto e polo regulamento electoral de aplicación.

2. As decisións da xunta electoral tomaranse por maioría de votos e non será admisible a abstención.

3. A asistencia á xunta electoral é obrigatoria salvo ausencia xustificada.

CAPÍTULO III Das persoas electoras e elixibles

Artigo 8. Das persoas electoras e elixibles á asemblea xeral

1. Poderán ser persoas electoras e elixibles a membros da asemblea xeral:

a) Nos estamentos constituídos por persoas deportistas, persoas que teñan a condición de xuíces/árbitros e de técnicos/adestradores, as persoas que reúnan os seguintes requisitos:

1º. Ser maior de idade na data de realización das votacións.

2º. Ter licenza federativa en vigor pola correspondente federación deportiva galega na data de convocatoria das eleccións e nas dúas tempadas anteriores á da realización das eleccións.

3º. Ter participado nas dúas tempadas anteriores á de realización das eleccións nunha competición deportiva oficial celebrada en cada tempada. Este requisito non será exixido para o caso das persoas que teñan a condición de xuíces e árbitros. No caso de que, por causa de forza maior, non se tivesen realizado competicións deportivas oficiais no período indicado anteriormente, abondará con ter participado nunha competición deportiva oficial na tempada do último calendario oficial desenvolvido.

4º. Nas modalidades ou especialidades deportivas en que a actividade deportiva non ten carácter competitivo, será suficiente con ser maior de idade na data de realización das votacións e ter licenza federativa en vigor pola correspondente federación deportiva galega na data de convocatoria das eleccións e desde xaneiro do ano anterior ao da realización das eleccións.

Ademais dos anteriores requisitos, comúns para ser elector e elixible, constitúe requisito específico de elixibilidade nestes estamentos que se trate de persoas que non estean inhabilitadas para ocupar cargos directivos ou de representación no ámbito deportivo por resolución firme na vía administrativa ditada polo órgano disciplinario competente, nin estar inhabilitadas para o desempeño de cargo público ou de representación por sentenza xudicial firme.

b) No estamento de entidades deportivas, as entidades que reúnan os seguintes requisitos:

1º. Inscrición desde o mes de xaneiro dos dous anos anteriores ao de realización das eleccións na federación correspondente e no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia.

2º. Participación desde o mes de xaneiro dos dous anos anteriores ao de realización das eleccións, polo menos, nunha competición deportiva oficial por cada tempada. No caso de que, por causa de forza maior, non se tivesen realizado competicións deportivas oficiais no período indicado anteriormente, abondará con ter participado nunha competición deportiva oficial na tempada do último calendario oficial desenvolvido.

Ademais dos anteriores requisitos, comúns para ser elector e elixible, non serán elixibles as entidades deportivas filiais ou dependentes que teñan esta consideración segundo os estatutos ou as normas da federación correspondente. Para efectos electorais equipararanse a estas entidades as que, a pesar de teren estruturas independentes, compartan ao menos un 50 % das súas licenzas.

2. Para os efectos do número anterior, entenderase como competición deportiva oficial a incluída como tal no calendario oficial da respectiva federación deportiva de Galicia ou a así cualificada polo órgano superior da Administración autonómica competente en materia de deporte. Tamén terán esta consideración as competicións estatais e internacionais oficiais da respectiva federación española ou internacional ás cales a federación deportiva galega estea adscrita.

3. As persoas membros de cada federación que pertenzan a dous ou máis estamentos ou a dúas ou máis especialidades deportivas, deberán optar por unha delas mediante escrito dirixido á xunta electoral, que deberá cursarse no período de reclamacións ao censo provisional. O regulamento electoral deberá especificar os criterios para identificar as persoas electoras nun único estamento no caso de non exercerse a opción individual.

4. Poderán ter a condición de elixibles aquelas persoas físicas e xurídicas que atopándose sancionadas por un procedemento disciplinario deportivo, a sanción non comporte a inhabilitación da condición de elixibles.

5. Para os efectos do presente decreto, a licenza federativa única expedida por unha federación galega terá a mesma validez que a licenza federativa galega. No caso de persoas electoras que, cumprindo os requisitos establecidos no presente artigo, dispoñan dunha licenza federativa única expedida por unha federación distinta dunha galega, deberán solicitar por escrito, dirixido á xunta electoral, a súa intención de participar no proceso electoral no prazo establecido no artigo 12.2.

Decreto 171/2021, do 23 de decembro.

Artigo modificado:Artigo 8 apartados 1 e 2 nova redacción por artigo único apartado dous.

Artigo 9. Das persoas electoras e elixibles á presidencia da federación e á comisión delegada

1. Poderán ser electoras á presidencia da federación e á comisión delegada as persoas asembleístas elixidas en cada proceso electoral.

2. Poderán ser elixibles para a presidencia da federación as persoas que cumpran, na data de realización da elección, os seguintes requisitos:

a) Ser maior de idade e presentar unha candidatura avalada, como mínimo, polo 10 % dos membros da asemblea; non será necesario que a persoa que presente a candidatura teña a condición de asembleísta nin de afiliada á federación deportiva correspondente.

b) Non estar inhabilitada para ocupar cargos directivos ou de representación no ámbito deportivo por resolución firme na vía administrativa ditada polo órgano disciplinario competente, nin estar inhabilitadas para o desempeño de cargo público ou de representación por sentenza xudicial firme.

c) Non ter sido condenado por delitos contra á facenda pública estatal ou autonómica galega nin contra a Seguridade Social, o que acreditará a persoa interesada mediante a presentación da correspondente declaración.

3. Poderán ser elixibles para a comisión delegada as persoas que teñan a condición de asembleístas na data de celebración da elección.

Decreto 171/2021, do 23 de decembro.

Artigo modificado:Artigo 9 apartado 2 nova redacción por artigo único apartado tres.

CAPÍTULO IV Dos censos electorais

Artigo 10. Das clases de censos electorais

1. No proceso electoral de renovación dos órganos de goberno das federacións deportiva galegas elaboraranse tres censos electorais:

a) Censo inicial.

b) Censo provisional.

c) Censo definitivo.

2. Os censos electorais deberán ser elaborados e aprobados por cada federación.

Artigo 11. Do contido do censo electoral

1. O censo electoral estará ordenado alfabeticamente por apelidos e nome e, de ser o caso, en listas separadas por especialidades deportivas, polos distintos estamentos deportivos de cada federación e por circunscrición electoral.

2. No censo electoral incluiranse os seguintes datos:

a) No caso de persoas deportistas, persoas que teñan a condición de adestradoras/técnicas, árbitros/xuíces: nome, apelidos, sexo, enderezo, correo electrónico, número de licenza federativa, número de DNI, pasaporte ou, se é o caso, de autorización de residencia (só aparecerán os catro últimos números), club e, de ser o caso, sección deportiva de pertenza e consideración de deportistas de alto nivel e, cando así proceda, especialidade deportiva. No caso das persoas deportistas e técnicas, o enderezo e o correo electrónico para estes efectos será o do seu club ou o que estas indiquen expresamente para o efecto.

b) No caso das entidades deportivas: nome, denominación ou razón social, enderezo, número de inscrición no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia, correo electrónico, identificación e sexo da persoa representante legal que exercerá o dereito a voto e, cando así proceda, especialidade deportiva. No censo figurará como representante a persoa que desempeñe a presidencia da entidade deportiva, agás que esta representación recaia nunha persoa da xunta directiva, o que se acreditará mediante certificado expedido polo Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia.

c) En relación con outros colectivos interesados, se os houber, aplicaranse as regras previstas nas alíneas anteriores segundo sexan persoas físicas ou xurídicas, respectivamente.

3. O tratamento e publicación dos datos contidos no censo terá por exclusiva finalidade garantir o exercicio polos electores do seu dereito de sufraxio, e garantir a transparencia do proceso electoral; non será posible a súa utilización nin cesión para ningunha finalidade distinta daquela. Queda prohibida calquera información particularizada sobre os datos persoais contidos no censo electoral. En todo caso, será de aplicación o previsto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Decreto 171/2021, do 23 de decembro.

Artigo modificado:Artigo 11 apartados 1 e 2 nova redacción por artigo único apartado catro.

Artigo 12. Do censo electoral inicial

1. Cada federación elaborará, nos dous primeiros meses do ano electoral, un censo electoral inicial por cada estamento: clubs, deportistas, técnicos, xuíces e árbitros e, se é o caso, outros colectivos previstos nos seus estatutos.

2. Este censo será exposto publicamente no taboleiro de anuncios da federación e nas súas delegacións, así como na páxina web da federación nunha sección denominada “procesos electorais”, durante catorce días hábiles para os efectos de que as posibles persoas electoras poidan presentar aclaracións, rectificacións ou reclamacións dentro do mesmo prazo, mediante escrito remitido á xunta directiva, que valorará os escritos presentados e procederá, se é o caso, á emenda ou corrección do censo electoral inicial no prazo de cinco días hábiles.

No citado prazo as entidades poderán solicitar que figure como representante delas no censo e como votante na elección de membros da asemblea xeral unha persoa distinta á presidencia, sempre que sexa membro da xunta directiva da entidade, condición que deberá acreditar mediante certificado expedido polo Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia.

3. Rematados os prazos indicados no número anterior, remitirase o censo electoral inicial xunto coas aclaracións, rectificacións ou reclamacións ao órgano superior da Administración autonómica competente en materia de deporte, no prazo de dez días hábiles e en soporte informático apto para tratamento de textos e datos, e irá xunto cunha relación das competicións oficiais de acordo cos calendarios deportivos oficiais aprobados da tempada do ano en que se realizan as eleccións e as dos dous anos anteriores. No caso de que, por causa de forza maior, non se tivesen realizado competicións deportivas oficiais nos períodos indicados anteriormente, remitirase a relación de competicións oficiais na tempada do último calendario oficial desenvolvido.

4. A Secretaría Xeral para o Deporte, recibida a documentación anterior, comprobará que as entidades deportivas figuran inscritas no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia e que as competicións oficiais están incluídas no calendario deportivo oficial. No caso de que as entidades non figuren inscritas ou as competicións non estean incluídas no calendario deportivo oficial, emitirá un certificado no prazo de dez (10) días facendo constar esta circunstancia.

Decreto 171/2021, do 23 de decembro.

Artigo modificado:Artigo 12 apartados 2 e 3 nova redacción por artigo único apartado cinco.

Artigo 13. Do censo electoral provisional

1. A xunta directiva, á vista do certificado da Secretaría Xeral para o Deporte, deberá dar de baixa no censo electoral inicial as entidades deportivas galegas non inscritas e non terá en consideración as competicións non incluídas no calendario deportivo oficial, formulando un censo electoral provisional.

2. O censo electoral provisional publicarase simultaneamente coa convocatoria electoral e deberá ser remitido pola secretaría da federación á xunta electoral no prazo máximo de catro (4) días desde a convocatoria.

3. O censo electoral provisional será exposto publicamente no taboleiro de anuncios da federación e das delegacións territoriais, de habelas, así como na páxina web da federación nunha sección denominada «procesos electorais» ou, de non tela, na da Secretaría Xeral para o Deporte por un prazo mínimo de dez (10) días, dentro do cal se poderán presentar as reclamacións que se consideren oportunas ante a xunta electoral.

4. Rematado o prazo de exposición pública, a xunta electoral resolverá as reclamacións expresamente no prazo de cinco días hábiles. Transcorrido ese prazo sen resolución expresa, entenderase rexeitada a reclamación formulada. Co obxecto de facilitar á xunta electoral a resolución das reclamacións electorais fronte ao censo electoral provisional, a Secretaría da federación remitirá á xunta electoral, xunto co censo electoral provisional, a lista das competicións oficiais que se tiveron en conta para a súa elaboración e os resultados das devanditas competicións; para o caso de que exista estamento de organizadores, a lista incluirá, de ser o caso, o nome do organizador da competición se non for a propia federación deportiva galega. Este lista será obxecto de publicación nas páxinas web da respectiva federación, tanto na principal como na sección “procesos electorais”, ou do órgano superior da Administración autonómica competente en materia de deporte, no caso de que a federación non dispoña dela.

5. Contra a resolución das reclamacións ao censo electoral provisional poderá interporse, no prazo establecido no artigo 51.3, recurso ante o Comité Galego de Xustiza Deportiva, que deberá resolvelo nun prazo de cinco días hábiles.

Decreto 171/2021, do 23 de decembro.

Artigo modificado:Artigo 13 apartados 4 e 5 nova redacción por artigo único apartado seis.

Artigo 14. Do censo electoral definitivo

1. Resoltas as impugnacións, de ser o caso, contra o censo electoral provisional, o censo definitivo será aprobado pola xunta electoral, publicado na páxina web da federación e remitido ao órgano superior da Administración autonómica competente en materia de deporte.

2. O censo definitivo será exposto nos mesmos lugares e da mesma forma que os censos provisionais e será exposto ata o día da votación á asemblea xeral.

3. De conformidade co previsto no artigo 34.4, correspóndelle á xunta electoral aprobar os cambios que se deban facer na distribución inicial do número de representantes asignado a cada circunscrición por especialidade e por estamento, cando tales cambios veñan impostos polas variacións ou modificacións do censo electoral provisional. Contra a resolución da xunta electoral poderá interporse, no prazo establecido no artigo 51.3, recurso ante o Comité Galego de Xustiza Deportiva, que deberá resolver no prazo de cinco días hábiles.

Decreto 171/2021, do 23 de decembro.

Artigo modificado:Artigo 14 apartados 1 e 3 nova redacción, e apartado 4 suprimido por artigo único apartados sete, oito e nove.

CAPÍTULO V Do proceso electoral

Sección 1ª. Da convocatoria

Artigo 15. Convocatoria

1. Por medio de acordo da persoa titular da presidencia de cada federación deportiva galega, realizarase a convocatoria para a renovación dos órganos de goberno da federación.

2. A convocatoria de eleccións e o calendario electoral estimado comunicaránselle á Secretaría Xeral para o Deporte.

3. A convocatoria de eleccións deberá realizarse no ano que teñan lugar os Xogos Olímpicos de Inverno e deberá establecer como data límite de toma de posesión dos novos membros electos dos órganos de representación e goberno de cada federación deportiva o 31 de decembro dese ano; respectaranse, en todo caso, os catro (4) anos máximos de mandato establecidos no artigo 58.6 da Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia.

4. A convocatoria do proceso electoral publicarase no taboleiro de anuncios da sede da federación e nas delegacións territoriais, se as houber, así como nas páxinas web da respectiva federación, tanto na principal como na sección “procesos electorais”, ou do órgano superior da Administración autonómica competente en materia de deporte, no caso de que a federación non dispoña dela. O acceso ás seccións referidas non precisará de solicitude, pero será necesaria a identificación previa, e restrinxirase ás persoas físicas e xurídicas integrantes da federación. A convocatoria deberá conter cantos datos se precisen para o desenvolvemento correcto do proceso electoral e, en todo caso:

a) O calendario electoral.

b) O censo electoral provisional.

c) A distribución do número de persoas membro da asemblea xeral por especialidades, estamentos e circunscricións electorais que deberá reflectir a distribución inicial establecida no Regulamento electoral do número de representantes asignado a cada circunscrición por especialidade e por estamento.

d) A data de realización e o horario das votacións.

e) Os modelos oficiais de sobres e papeletas, de acordo co anexo I.

f) O Regulamento electoral.

g) O procedemento e os prazos para o exercicio do voto por correo.

h) A forma de remisión da documentación á xunta electoral.

i) A composición nominal da xunta electoral e os prazos para a recusación das persoas membro, así como os enderezos postal e electrónico da xunta electoral. Este último deberá ser independente de calquera outro correo electrónico da federación.

5. A convocatoria deberá ser obxecto da máxima publicidade e difusión posibles, utilizando todos os medios electrónicos, telemáticos e informáticos dos que dispoña a federación deportiva galega. En calquera comunicación que se faga por este medio deixarase constancia, mediante os procedementos que procedan, da data da exposición ou comunicación.

Esta publicación será avalada, mediante certificación da persoa que ocupe a secretaría xeral da federación deportiva galega e será exposta xunto coa documentación anterior.

6. O acto da convocatoria poderá ser impugnado ante o Comité Galego de Xustiza Deportiva nun prazo de tres días hábiles desde a data da súa completa publicación.

7. No suposto de que unha federación deportiva galega non proceda á convocatoria de eleccións, a Secretaría Xeral para o Deporte procederá a convocar eleccións aos órganos de goberno e representación da dita federación e nomeará unha comisión xestora específica para organizar e dirixir o proceso electoral.

Decreto 171/2021, do 23 de decembro.

Artigo modificado:Artigo 15 apartados 4 e 6 nova redacción por artigo único apartados dez e once.

Sección 2ª. Do regulamento electoral

Artigo 16. Do regulamento electoral

O regulamento electoral é o conxunto de normas que regula a celebración do proceso electoral de cada federación deportiva galega.

O regulamento electoral elaborarase conforme o procedemento previsto nos estatutos de cada federación e o seu contido axustarase ao disposto na presente norma.

Artigo 17. Da aprobación do regulamento electoral

1. O Regulamento electoral deberá ser aprobado pola asemblea xeral convocada para o efecto. Esta asemblea xeral deberá ser convocada cun prazo de antelación mínimo de dez días hábiles e o proxecto de regulamento electoral notificaráselles a todas as persoas asembleístas con esa antelación e será publicado de xeito destacado na páxina web da federación deportiva, na sección “procesos electorais”, coa finalidade de que poidan formular as alegacións que consideren convenientes.

2. Unha vez aprobado o regulamento electoral pola asemblea xeral, deberá ser remitido no prazo de dous días, xunto coa acta da asemblea en que se recollan as alegacións formuladas e unha proposta de calendario electoral que indicará as datas estimadas de inicio e remate do proceso electoral, á Secretaría Xeral para o Deporte para a súa análise e a súa aprobación definitiva. Esta remisión realizarase cunha antelación mínima de corenta e cinco (45) días á data prevista para o inicio do proceso electoral.

3. A Secretaría Xeral para o Deporte resolverá, no prazo máximo dun mes, desde a entrada do regulamento no seu rexistro, sobre a súa aprobación ou a súa devolución para a emenda daquelas normas do regulamento que non se axusten ao disposto no presente decreto. Neste último suposto, indicaranse estas e concederanse dez (10) días hábiles para proceder á dita emenda. Transcorrido un mes sen que a Secretaría Xeral para o Deporte dite ningunha resolución entenderase aprobado o regulamento.

4. No suposto de que sexa necesario facer á emenda do regulamento electoral, é potestativo de cada federación, e sempre que así se acorde expresamente na asemblea xeral que aprobe o regulamento electoral, a convocatoria dunha nova asemblea xeral para a aprobación do regulamento electoral coas modificacións indicadas pola Secretaría Xeral para o Deporte, ou ben a delegación na xunta directiva ou na presidencia da federación deportiva da facultade de realización e aprobación das modificacións indicadas sen necesidade de novo sometemento á aprobación da asemblea xeral. Realizadas as modificacións, o novo regulamento remitirase á Secretaría Xeral para o Deporte para a súa aprobación definitiva.

5. A resolución aprobatoria do regulamento electoral pola Secretaría Xeral para o Deporte esgotará a vía administrativa e unicamente poderá ser obxecto de recurso contencioso- administrativo. Non obstante, poderase impugnar ante o Comité Galego de Xustiza Deportiva a convocatoria da asemblea xeral e a adopción do acordo polo que se aproba o regulamento electoral segundo os seus respectivos estatutos. En ningún caso se poderá impugnar ante o Comité Galego de Xustiza Deportiva o contido do regulamento.

Decreto 171/2021, do 23 de decembro.

Artigo modificado:Artigo 17 apartado 1 nova redacción por artigo único apartado doce.

Artigo 18. Do contido do regulamento electoral

1. O regulamento electoral regulará, como mínimo, as seguintes cuestións:

a) O calendario electoral e os prazos do proceso electoral.

b) Os requisitos, os prazos, a forma de presentación e de proclamación das candidaturas electorais.

c) Os procedementos de desempate.

d) O horario de apertura para as persoas electoras da sede federativa e daquelas outras sedes habilitadas para o efecto.

e) A localización e o horario da mesa ou mesas electorais, incluída a do voto por correo.

f) As competencias e o funcionamento da xunta electoral e da mesa ou mesas electorais; así como o lugar, a data e a hora de realización do sorteo, que será público, para a constitución destas últimas.

g) A regulación do voto por correo.

h) O número concreto de membros da asemblea xeral e, de ser o caso, as circunscricións electorais e os criterios de distribución entre elas para elixir os membros da asemblea xeral; deberase efectuar unha distribución inicial do número de representantes asignado a cada circunscrición por especialidade deportiva e por estamento. Esta distribución inicial poderá ser modificada pola xunta electoral unha vez aprobado definitivamente o censo electoral.

i) O sistema de elección das persoas membros da asemblea xeral.

j) O sistema de elección da presidencia da federación e as normas relativas ao desenvolvemento da moción de censura.

k) O número de membros e o sistema de elección da comisión delegada, de estar prevista nos estatutos da respectiva federación.

l) O procedemento de resolución das reclamacións electorais: lexitimación, prazo de interposición e prazo de resolución.

m) O sistema, o procedemento e os prazos para a substitución das persoas membros da asemblea xeral que perdan a condición pola que foron elixidas.

n) De ser o caso, a forma e as condicións de realización de eleccións parciais para cubrir as posibles vacantes que se produzan na asemblea xeral.

ñ) Os modelos de sobres e papeletas.

2. A secretaría da federación deportiva e/ou a secretaría da xunta electoral garantirán a exposición do regulamento electoral aprobado pola Secretaría Xeral para o Deporte no taboleiro de anuncios da federación e as súas delegacións, durante o desenvolvemento de todo o proceso electoral.

Decreto 171/2021, do 23 de decembro.

Artigo modificado:Artigo 18 apartado 1 nova redacción por artigo único apartado trece.

Sección 3ª. Do calendario electoral

Artigo 19. Calendario electoral

1. O calendario electoral para a elección das persoas membros dos órganos reitores das federacións respectará os prazos, obrigas e prohibicións establecidos no presente decreto.

2. O calendario electoral publicarase como anexo ao acordo da convocatoria do proceso electoral.

3. Os prazos deste calendario para a presentación de escritos, reclamacións e recursos, cando estean sinalados por días, entenderanse días hábiles e rematarán ás 14.00 horas do derradeiro día de prazo, salvo disposición en contrario. Se o día final do prazo coincide con día inhábil de carácter autonómico ou estatal, ou cun día en que non estean abertas as dependencias da federación en aplicación do convenio colectivo dos traballadores da entidade, entenderase que remata o día hábil inmediato seguinte.

Decreto 171/2021, do 23 de decembro.

Artigo modificado:Artigo 19 apartado 3 nova redacción por artigo único apartado catorce.

Sección 4ª. Das circunscricións electorais

Artigo 20. Circunscricións electorais

1. A circunscrición electoral poderá ser de ámbito territorial autonómico ou de ámbito territorial provincial.

2. A circunscrición electoral para elixir as persoas representantes das entidades deportivas na asemblea xeral poderá ser a autonómica ou provincial.

3. A circunscrición electoral para elixir as persoas membros do estamento de deportistas será a autonómica ou provincial.

4. A circunscrición electoral para técnicos, xuíces e árbitros e, se é o caso, outros colectivos interesados será a autonómica.

5. Excepcionalmente, cando unha federación teña unha organización territorial distinta á provincia, poderán establecerse circunscricións electorais con ese ámbito territorial.

6. En ningún proceso electoral se admitirán tres niveis de circunscrición electoral.

Sección 5ª. Da campaña electoral

Artigo 21. Da campaña electoral

1. Para os efectos deste decreto, enténdese por campaña electoral o conxunto de actividades lícitas levadas a cabo polas persoas candidatas encamiñadas á captación de sufraxios.

2. A campaña electoral iniciarase ás 00.00 horas do día posterior á proclamación definitiva de candidaturas e rematará ás 00.00 horas do día inmediatamente anterior á data fixada para a votación; desde este momento non se poderá realizar propaganda ningunha en favor de ningunha candidatura.

Artigo 22. Papeletas e sobres

1. As papeletas das candidaturas e os sobres de votación serán facilitados, en número suficiente, pola xunta electoral de cada federación á mesa electoral correspondente.

2. As papeletas confeccionaranse en cores diferentes para cada estamento que vaia obter representación na asemblea xeral.

CAPÍTULO VI Das mesas electorais

Sección 1ª. Das mesas electorais

Artigo 23. Dos tipos de mesas electorais

Para a celebración das votacións constituiranse tres tipos de mesa electoral:

a) Mesa electoral para a votación a candidaturas da asemblea xeral de cada federación deportiva.

b) Mesa electoral de voto por correo.

c) Mesa electoral para a votación á presidencia de cada federación.

Sección 2ª. Da mesa electoral para a votación a persoas candidatas da asemblea xeral

Artigo 24. Da mesa electoral para a votación a persoas candidatas da asemblea xeral

1. A mesa electoral, para a votación das candidaturas da asemblea xeral, constituirase en cada circunscrición electoral e no lugar que se determine no Regulamento electoral. No suposto en que a circunscrición electoral sexa autonómica, constituiranse como mínimo dúas mesas electorais, unha das cales deberá localizarse na provincia con maior número de persoas electoras conforme o censo electoral e a outra na provincia que ocupe o segundo lugar en canto ao número de persoas electoras.

2. A mesa electoral de cada circunscrición está composta por tres persoas titulares: unha presidencia, unha secretaría e unha vogalía, e tres suplentes destas. Estas serán elixidas por sorteo pola xunta electoral entre as integrantes do censo definitivo, conforme o disposto no regulamento electoral.

3. Ocuparán a presidencia e a secretaría da mesa electoral as persoas de maior e menor idade, respectivamente.

4. A asistencia á mesa electoral é obrigatoria salvo causa xustificada que deberá ser autorizada pola xunta electoral.

5. A designación das persoas titulares e suplentes da mesa electoral realizarase nos dous días seguintes ao da proclamación definitiva das candidaturas. As persoas propostas deberán aceptar esta designación no prazo dos dous días seguintes, agás causa xustificada e documentada que lles impida a aceptación do cargo.

6. Non poderán formar parte da mesa electoral as persoas candidatas á elección de persoas membros da asemblea xeral.

7. Unha vez constituídos todos os órganos reitores da federación entenderanse disoltas as mesas electorais.

Decreto 171/2021, do 23 de decembro.

Artigo modificado:Artigo 24 apartado 1 nova redacción por artigo único apartado quince.

Artigo 25. Das funcións da mesa electoral

As funcións das mesas electorais para a votación das candidaturas da asemblea xeral serán as seguintes:

– Comprobar a identidade das persoas votantes.

– Recoller a papeleta de voto e depositala na urna pechada e preparada para os efectos.

– Proceder ao reconto de votos.

– Levantar acta dos votos emitidos, dos resultados e de calquera outra incidencia, así como das reclamacións, se as houber, facendo constar o número de votos obtidos por cada candidato.

– Remitir á xunta electoral e á Secretaría Xeral para o Deporte a documentación exixida no presente decreto e no regulamento electoral.

Artigo 26. Das persoas interventoras

1. Para cada mesa electoral, as candidaturas poden nomear interventores a calquera persoa maior de idade, que será identificada ante a xunta electoral cunha antelación non inferior a tres días do día de realización das respectivas votacións. Correspóndelle á xunta electoral expedir a correspondente acreditación como interventor.

2. As persoas interventoras poderán participar nas deliberacións da mesa, con voz pero sen voto, así como solicitarlle certificacións e formularlle protestas, todo iso sen prexuízo da lexitimación que lles corresponde conforme os artigos 49 e 51 deste decreto.

3. A Secretaría Xeral para o Deporte poderá designar, entre o seu persoal, observadores nas mesas electorais coa función de comprobar o desenvolvemento das votacións, que deberán emitir un informe do observado na xornada de votación.

Sección 3ª. Da mesa electoral de voto por correo

Artigo 27. Mesa electoral de voto por correo

A xunta electoral de cada federación deportiva designará unha mesa electoral do voto por correo que adecuará o seu funcionamento e as obrigas ao disposto nos artigos 24 e 25, coas seguintes peculiaridades:

a) A súa sede será a do órgano superior da Administración autonómica competente en materia de deporte.

b) Constituirase ás 16.00 horas do segundo día hábil seguinte á data de realización da votación presencial. A persoa que asuma as funcións de secretario da xunta electoral deberá achegar a esta mesa electoral o censo definitivo coa indicación das persoas que exerceran o voto presencialmente, coa finalidade de garantir que non se computen os votos por correo que puidesen emitir estas persoas.

c) Formará parte da mesa como vogal, ademais, unha persoa que teña a condición de empregada pública designada pola persoa titular do órgano superior da Administración autonómica competente en materia de deporte.

Decreto 171/2021, do 23 de decembro.

Artigo modificado:Artigo 27 nova redacción por artigo único apartado dezaseis.

Sección 4ª. Da mesa electoral para a votación á presidencia de cada federación

Artigo 28. Da mesa electoral para a votación á presidencia de cada federación

1. A mesa electoral para a votación á presidencia de cada federación constituirase o día da votación e na sede da federación ou lugar que se determine no regulamento electoral.

2. A mesa electoral estará composta por tres persoas: unha presidencia, unha secretaría e unha vogalía, elixidas por sorteo entre as persoas asembleístas, conforme o disposto no regulamento electoral.

3. Exercerán a presidencia e a secretaría os membros de maior e menor idade desta mesa electoral, respectivamente. Así mesmo, e ata que conclúa a elección da presidencia da federación deportiva, exercerán as funcións da presidencia e secretaría da asemblea xeral da federación.

4. Non poderán formar parte da mesa electoral regulada neste artigo as persoas candidatas á presidencia da federación deportiva.

5. Unha vez constituídos todos os órganos reitores da federación entenderanse disoltas as mesas electorais.

Decreto 171/2021, do 23 de decembro.

Artigo modificado:Artigo 28 apartado 4 nova redacción por artigo único apartado dezasete.

Artigo 29. Das funcións da mesa electoral

As funcións da mesa electoral para a votación á presidencia de cada federación serán as seguintes:

– Comprobar a identidade das persoas votantes.

– Recoller a papeleta de voto e depositala na urna pechada e preparada para os efectos.

– Proceder ao reconto de votos.

– Levantar acta dos votos emitidos, resultados e calquera outra incidencia, así como das reclamacións, se as houber, facendo constar o número de votos obtidos por cada candidatura.

Sección 5ª. Das actas das mesas electorais

Artigo 30. Das actas da mesa electoral

1. A acta será subscrita por todas as persoas integrantes da mesa electoral, así como polas persoas interventoras, se as houber, e será remitida pola secretaría ao día seguinte das votacións á xunta electoral, quen deberá garantir a súa exposición pública mediante a publicación no taboleiro de anuncios e na páxina web da federación.

2. Tamén será remitida pola secretaría e no citado prazo unha copia da acta das votacións á Secretaría Xeral para o Deporte que as publicará na súa páxina web.

CAPÍTULO VII Do sistema de elección a membros da asemblea xeral

Sección 1ª. Da votación a membros da asemblea xeral

Artigo 31. Das listas abertas

O sistema de votación para participar no proceso electoral a membros da asemblea xeral responderá ao sistema de listas abertas.

Artigo 32. Da votación

1. A votación realizarase en urnas separadas por estamentos e especialidades.

2. A data da votación deberá ser un sábado, domingo ou un día festivo. Non obstante o anterior, poderá autorizarse a realización da votación noutro día no caso de que concorra causa xustificada. Neste suposto, deberá achegarse a correspondente memoria xustificativa xunto co Regulamento electoral e a decisión sobre a autorización do cambio adoptaraa o órgano superior da Administración autonómica competente en materia de deporte, tendo en conta a causa alegada e a afectación ou non ao correcto desenvolvemento do proceso electoral. A votación desenvolverase sen interrupcións durante o horario que se fixe na convocatoria do proceso electoral, que non poderá ser inferior a catro horas ininterrompidas. Soamente por causa de forza maior poderán non iniciarse ou interromperse as votacións. En caso de suspensión da votación, non se terán en conta os votos emitidos nin se procederá ao seu escrutinio. Neste suposto, a xunta electoral fixará unha data para a nova votación.

3. O dereito a votar será acreditado pola inscrición no censo electoral definitivo. Para a súa identificación, a persoa electora deberá presentar documento acreditativo da súa personalidade (DNI, pasaporte, tarxeta de residencia ou permiso de conducir con fotografía do titular). No caso das persoas xurídicas, a representación corresponde exclusivamente á persoa que figura no censo electoral definitivo.

4. As persoas electoras poderán marcar na súa papeleta ata unha persoa candidata máis das que lles corresponde elixir ao estamento e/ou circunscrición electoral a que pertence.

5. Se unha persoa membro electa da asemblea xeral perde a condición pola cal foi elixida, causará baixa automaticamente naquela, e procederase á súa substitución coa persoa candidata non electa máis votada no seu estamento e circunscrición electoral.

Decreto 171/2021, do 23 de decembro.

Artigo modificado:Artigo 32 apartado 2 nova redacción por artigo único apartado dezaoito.

Sección 2ª. Das persoas membros da asemblea xeral

Artigo 33. Composición da asemblea xeral

1. O número de membros da asemblea xeral fixarase no regulamento electoral da federación respectando o disposto nos estatutos federativos.

2. Estas persoas serán elixidas cada catro anos mediante sufraxio libre, igual, directo e secreto, salvo a singularidade prevista para o estamento de entidades deportivas, por e entre as persoas compoñentes de cada estamento de conformidade co número e as porcentaxes de representación que se establecen neste decreto e que deberán singularizarse unha vez elaborado o censo electoral definitivo por estamentos.

3. Na asemblea xeral estarán representados todos os estamentos recoñecidos nos estatutos e integrados na federación e, cando menos, as entidades deportivas, as persoas deportistas, técnicas, adestradoras, xuízas e árbitros e, cando así estea previsto nos respectivos estatutos federativos, outros colectivos interesados no ámbito deportivo.

4. A representación das entidades deportivas na asemblea xeral corresponde á presidencia ou á persoa que conforme os estatutos de cada entidade lle corresponda. Esta representación acreditarase fidedignamente mediante certificación do Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia en que figuren expresamente as persoas que teñan a condición de representantes legais da entidade.

5. Non cabe a representación das persoas físicas.

6. Ningunha persoa membro da asemblea poderá desempeñar unha dobre representación nesta.

7. A persoa titular da presidencia da federación deportiva será membro nato da asemblea xeral.

8. As federacións deportivas galegas axustarán, no posible, as súas actuacións ás recomendacións feitas pola Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes.

Artigo 34. Proporcionalidade na composición da asemblea xeral

1. O número de membros da asemblea xeral determinarase, respectando o establecido nos estatutos, tendo en conta a necesidade de cumprimento dos criterios de composición contidos neste decreto.

2. As federacións con diferentes especialidades recoñecidas nos seus correspondentes estatutos deberán fixar dentro de cada especialidade a porcentaxe de representantes que corresponderá a cada unha delas, conforme os seguintes criterios:

a) A representación de cada especialidade responderá a criterios de proporcionalidade ao número de clubs e ao número de licenzas. En calquera caso, todas e cada unha das especialidades recoñecidas terán, cando menos, unha persoa representante na asemblea xeral en cada estamento, sempre que o número establecido de membros de cada unha delas permita esta opción. Se non for posible, aquelas especialidades cun número de licenzas de deportistas inferior ao 5 % do total da federación só terán unha persoa representante na asemblea xeral que corresponderá ao estamento de clubs deportivos e, na súa falta, ao das persoas deportistas, sempre que conten polo menos con algunha licenza

b) Á modalidade deportiva que fundamentou o recoñecemento como federación deportiva galega deberá garantírselle un mínimo do 51 % de cada un dos estamentos que teña a federación correspondente. Nestes casos o número de compoñentes dos respectivos estamentos adecuarase a este criterio.

3. A porcentaxe de cada estamento fixarase de acordo coas seguintes proporcións:

a) Representantes de entidades deportivas: entre 40 % e 70 %.

b) Representantes de deportistas: entre 20 % e 40 %. Unha porcentaxe mínima do 10 % das persoas representantes do estamento de deportistas deberá ser elixido por e de entre quen teña a consideración de deportista galego ou galega de alto nivel na data de aprobación do censo provisional. Os e as deportistas de alto nivel que non desexen ser adscritos/as a esta cota deberán comunicalo expresamente á xunta electoral, e de non facelo serán encadrados na cota reservada a deportistas de alto nivel. Cando o número ou a porcentaxe de deportistas de alto nivel nunha federación non permita cubrir as vacantes correspondentes ao dito colectivo, estas serán cubertas polas restantes persoas membros do estamento de deportistas.

c) Representantes de adestradores e adestradoras e técnicos e técnicas: entre 5 % e 20 %.

d) Representantes de árbitros/as, xuízas e xuíces: entre 5 % e 10 %.

e) Outros colectivos, se os houber: ata o 5 %.

4. Unha vez aprobados os censos electorais definitivos de cada un dos estamentos da respectiva federación, e tendo en conta o número de membros do estamento de entidades deportivas, a xunta electoral fixará o número concreto de membros de cada estamento, segundo as porcentaxes e os criterios establecidos no regulamento electoral. Esta decisión da xunta electoral non é impugnable e deberá ser notificada, no prazo de dous días, á Secretaría Xeral para o Deporte para a súa autorización ou modificación. A resolución da Secretaría Xeral para o Deporte porá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo.

5. A conformación do estamento de clubs deberá seguir os seguintes criterios:

a) Nas federacións en que o censo definitivo de entidades deportivas sexa inferior ou igual a 100, estarán representados no estamento de clubs un mínimo do 50 % deles.

b) Nas federacións en que o censo definitivo de entidades deportivas sexa superior a 100, estarán representados no estamento de clubs un mínimo de 50.

6. Cando debido ás peculiaridades dunha federación ou dunha especialidade deportiva non existan nela os estamentos de persoas adestradoras, técnicas, xuízas e árbitras, a totalidade da representación de cada un deles atribuirase aos demais estamentos en proporción á súa respectiva participación na asemblea xeral, efectuando a repartición de modo que non superen a porcentaxe máxima establecida.

7. As porcentaxes xerais atribuídas a cada un dos estamentos serán distribuídas proporcionalmente entre as distintas circunscricións electorais, de existiren estas, en función do número de clubs (para o estamento de clubs) ou de persoas físicas (para o resto de estamentos) incluídos no censo electoral definitivo, tendo en conta que cada circunscrición electoral deberá ter como mínimo un representante para cada estamento, sempre que o número de membros establecido para cada un deles o permita.

8. Cando o número de persoas candidatas de calquera estamento coincida ou sexa inferior ao número de persoas membros que hai que elixir non será necesaria a realización de eleccións polo que a ese estamento se refire, dando continuidade ao procedemento electoral.

Non obstante, no caso de que nalgún estamento da asemblea, e tras proceder como se establece no artigo 32.5 deste decreto, houbese máis dun 20 % de vacantes, a presidencia procederá, no prazo máximo de tres meses desde que se produza a dita situación, á convocatoria parcial de eleccións para cubrir as vacantes, sen que esta nova convocatoria parcial afecte os xa elixidos.

Sección 3ª. Das candidaturas

Artigo 35. Das persoas candidatas a asemblea xeral

1. Poderá ser candidata a membro da asemblea xeral toda persoa física ou xurídica incluída no censo definitivo que o solicite persoalmente, por correo certificado ou por calquera outro medio que acredite fidedignamente en dereito á devandita solicitude, ante a xunta electoral. Para a solicitude establecerase un prazo que non será inferior a tres días nin superior a sete días hábiles contados desde a publicación do censo definitivo.

2. Unha vez presentadas as candidaturas, a xunta electoral proclamará a lista provisional de candidatas e faraa pública no taboleiro de anuncios das federacións e das delegacións provinciais, de ser o caso, na páxina web da federación na sección «procesos electorais » ou, no caso de que non a tivese, na páxina web da Secretaría Xeral para o Deporte.

3. Poderán formularse reclamacións contra a lista provisional de persoas candidatas, nun prazo non inferior a tres días nin superior a cinco días hábiles, ante a xunta electoral, que disporá de idéntico prazo para resolver.

4. Contra a resolución da xunta electoral poderá interporse, no prazo de tres días hábiles, recurso ante o Comité Galego de Xustiza Deportiva, que deberá resolver no prazo de sete días hábiles.

5. A proclamación definitiva de persoas candidatas efectuarase de conformidade co procedemento e os prazos que se establezan no regulamento electoral, e contra ela non caberá recurso.

Decreto 171/2021, do 23 de decembro.

Artigo modificado:Artigo 35 apartados 1, 3 e 4 nova redacción por artigo único apartados dezanove e vinte.

Artigo 36. Das candidaturas á presidencia dunha federación deportiva galega

1. Poderá presentar candidatura á presidencia dunha federación deportiva galega aquelas persoas que reúnan os requisitos establecidos no artigo 9.2.

2. O prazo para presentar as candidaturas será de cinco días hábiles contados desde a proclamación definitiva das persoas membro da asemblea xeral.

3. As persoas candidatas á presidencia deberán presentar as súas candidaturas no prazo establecido no regulamento electoral e deberán ir avaladas polo 10 % das persoas membros da asemblea xeral; unha persoa membro poderá avalar cantos candidatos considere oportunos.

4. A xunta electoral procederá a comprobar a validez dos avais presentados por cada candidata e, a continuación proclamará as candidaturas que cumpran os requisitos para ser elixible.

5. Unha vez presentadas as candidaturas, a xunta electoral proclamará a lista provisional de persoas candidatas e faraa pública no taboleiro de anuncios da federación e das delegacións provinciais, de ser o caso, na páxina web da federación na sección «procesos electorais» ou, no caso de que non a tivese, na páxina web da Secretaría Xeral para o Deporte.

6. Poderán formularse reclamacións contra a lista provisional de persoas candidatas, nun prazo non inferior a tres días hábiles nin superior a cinco días hábiles, ante a xunta electoral, que disporá de idéntico prazo para resolver.

7. Contra a resolución da xunta electoral poderá interporse, no prazo de tres días hábiles, recurso ante o Comité Galego de Xustiza Deportiva, que deberá resolver no prazo de sete días hábiles.

8. A proclamación definitiva de persoas candidatas á presidencia efectuarase de conformidade co procedemento e prazos que se establezan no regulamento electoral, e contra ela non caberá recurso.

Decreto 171/2021, do 23 de decembro.

Artigo modificado:Artigo 36 apartados 2, 6 e 7 nova redacción por artigo único apartados vinte e un e vinte e dous.

Sección 4ª. Proclamación de persoas membros da asemblea xeral

Artigo 37. Proclamación das persoas electas

1. Unha vez realizado o escrutinio do voto por correo, este remitirase á xunta electoral que proclamará provisionalmente as persoas que formarán parte da asemblea xeral.

2. Contra o acordo de proclamación provisional efectuado pola xunta electoral poderá presentarse, no prazo de tres días hábiles, recurso ante o Comité Galego de Xustiza Deportiva, que deberá resolver nun prazo de sete días hábiles.

3. Finalizado o prazo para a interposición dos recursos ou, se é o caso, resoltos estes recursos administrativos, a proclamación de persoas candidatas electas elevarase a definitiva.

4. As persoas candidatas que non resultasen electas conformarán unha lista ordenada de maior a menor número de votos por circunscricións e estamentos e cubrirán as vacantes que se produzan na asemblea xeral durante o mandato electoral.

5. No caso de renuncia ou vacante da metade máis un das persoas membros da asemblea xeral, constituirase unha comisión xestora conforme a composición establecida neste decreto, que asumirá as funcións da asemblea xeral ata o remate do mandato electoral.

Decreto 171/2021, do 23 de decembro.

Artigo modificado:Artigo 37 apartado 2 nova redacción por artigo único apartado vinte e tres.

CAPÍTULO VIII Elección da presidencia da federación

Artigo 38. Constitución da asemblea xeral

1. As persoas electas como membros da asemblea xeral tomarán posesión do seu cargo antes da súa sesión constitutiva, na forma establecida no Regulamento electoral e no prazo máximo de cinco días hábiles desde a súa proclamación definitiva. A sesión constitutiva terá lugar na sede federativa ou no lugar establecido para o efecto polo Regulamento electoral. Entre a data da proclamación definitiva de persoas membro da asemblea xeral e a data da sesión constitutiva da asemblea xeral para a elección da presidencia da federación deberá transcorrer, como mínimo, o prazo de dez días hábiles.

2. A sesión constitutiva da asemblea xeral será presidida pola mesa que se constitúa conforme o disposto no artigo 28 deste decreto.

Decreto 171/2021, do 23 de decembro.

Artigo modificado:Artigo 38 apartado 1 nova redacción por artigo único apartado vinte e catro.

Artigo 39. Elección da presidencia da federación

1. Na sesión constitutiva da asemblea xeral procederase á elección da presidencia da federación.

2. O voto das persoas membros da asemblea xeral será único, persoal, directo e secreto; non se admitirá o voto por correo nin a delegación de voto.

3. As persoas candidatas á presidencia deberán presentar as súas candidaturas expoñendo o seu programa ao pleno da asemblea xeral e disporán dun tempo suficiente para a súa defensa. No caso de que se presente unha soa candidatura, non se efectuará votación.

4. Se non se presentase ningunha candidatura ou non for válida ningunha das presentadas, a comisión xestora realizará unha nova convocatoria da asemblea xeral nun prazo non inferior a sete días nin superior a catorce días hábiles.

5. Unha vez presentadas a totalidade das candidaturas iniciarase o proceso de votación.

6. Na primeira votación son elixibles todas as persoas candidatas da lista definitiva. Aquelas que obteñan un mínimo do 10 % dos votos das persoas membro presentes pasarán á seguinte votación. No suposto de que ningunha candidatura acade o 10 % dos votos das persoas membro presentes, pasarán á seguinte votación aquelas dúas candidaturas que conten cun maior número de votos. No suposto en que soamente sexa unha candidatura a que obteña o 10 % dos votos das persoas membro presentes, pasará tamén á seguinte votación a seguinte ou seguintes, en caso de empates, candidaturas en número de votos. Se algunha candidatura acada a maioría absoluta dos votos nesta primeira votación, será proclamada presidenta da federación.

7. Na segunda votación será elixida presidenta da federación a candidatura que nesta fase obteña a maioría absoluta dos votos.

8. No caso de que na votación anterior ningunha candidatura obteña a maioría absoluta dos votos emitidos, procederase a unha terceira nova votación entre as dúas candidaturas máis votadas na segunda votación, e resultará elixida a que obteña a maioría de votos emitidos. Para o caso de empate, resolverase a favor da candidatura que obtiver maior número de votos na segunda votación e, de persistir o empate, a candidatura que obtiver maior número de votos na primeira votación e, no caso de persistir o empate, a favor da persoa candidata de maior idade.

9. Unha vez rematada a elección, a Secretaría da mesa electoral redactará a acta correspondente, que se exporá ao día seguinte no taboleiro de anuncios da federación, así como na páxina web da federación, nunha sección denominada “procesos electorais”, xunto coa resolución da xunta electoral da proclamación provisional da persoa elixida presidenta da federación deportiva, ou na páxina web do órgano superior da Administración autonómica competente en materia de deporte para o caso de federacións que non teñan páxina web. Contra a resolución da xunta electoral caberá interpor, no prazo de tres días hábiles, recurso ante o Comité Galego de Xustiza Deportiva.

10. Finalizado o prazo de reclamacións, recursos e da súa resolución, a xunta electoral procederá á proclamación definitiva do cargo de presidente ou presidenta da federación deportiva.

11. Ao día seguinte da proclamación definitiva do cargo de presidente ou presidenta da federación deportiva, procederase á toma de posesión no seu cargo, da cal levantará acta a secretaría da xunta electoral. Unha copia desta acta será remitida á Secretaría Xeral para o Deporte no prazo de dous días.

Decreto 171/2021, do 23 de decembro.

Artigo modificado:Artigo 39 apartados 4, 6, 7, 8 e 9 nova redacción por artigo único apartados vinte e cinco e vinte e seis.

CAPÍTULO IX Da xornada electoral

Sección 1ª. Do exercicio do voto presencial

Artigo 40. Constitución da mesa electoral

1. As persoas designadas como membros da mesa electoral para a votación a persoas asembleístas e as súas suplentes e da mesa electoral para a votación á presidencia de cada federación, reuniranse o día das votacións unha hora antes da apertura do colexio electoral e constituirán a dita mesa.

2. Se a presidencia ou as persoas vogais non acoden, serán substituídas polas súas suplentes.

3. En ningún caso se poderá constituír a mesa electoral sen a presenza da presidencia e a secretaría da mesa.

4. No caso de ausencia da presidencia e a secretaría, as persoas membros da mesa presentes e as suplentes que acudan, redactarán e asinarán unha declaración dos feitos acontecidos, e asumirán a función de presidencia ou secretaría, completando a mesa, se é o caso, coas persoas electoras que estean presentes no local.

5. Transcorrida media hora desde a constitución da mesa electoral, a secretaría redactará a acta de constitución, que será asinada pola presidencia e polas persoas vogais.

6. A mesa electoral deberá dispor dun censo electoral definitivo para cada unha das persoas integrantes da mesa.

Decreto 171/2021, do 23 de decembro.

Artigo modificado:Artigo 40 apartado 6 nova redacción por artigo único apartado vinte e sete.

Artigo 41. Das votacións

1. Constituída a mesa electoral e na hora prevista, a presidencia da mesa electoral anunciará publicamente o inicio das votacións.

2. Unha vez iniciado o acto de votación non se poderá suspender, agás causa de forza maior e sempre baixo a responsabilidade da presidencia da mesa electoral. No caso de suspensión, levantarase a correspondente acta, que será remitida no prazo das vinte e catro (24) horas seguintes á xunta electoral, co fin de que sinale a data en que se repetirá o acto de votación.

3. O dereito a votar será acreditado pola inscrición da persoa electora no censo electoral.

4. A secretaría da mesa electoral anotará as persoas que voten, con indicación do número co cal figuran no censo, así como o seu DNI, pasaporte ou carné de conducir xunto coa representación con que exerce o seu dereito a voto, se se trata dunha persoa xurídica.

5. O voto será secreto e as persoas electoras depositarán o seu voto na urna correspondente mediante unha papeleta introducida nun sobre.

6. A presidencia da mesa electoral será a encargada de velar para que a entrada ao local das votacións sexa libre, de manter a orde nel durante a votación e escrutinio e de asegurar a liberdade das persoas electoras no colexio electoral.

7. A presidencia da mesa electoral, logo de consulta co resto das compoñentes da mesa, poderá expulsar do colexio electoral calquera persoa que interfira a boa marcha das votacións.

8. Rematado o período sinalado para a votación, a presidencia da mesa electoral anunciará que vai rematar e preguntará se algunha das persoas electoras presentes non votou, admitíndose os votos que se dean a continuación e non se permitirá a ningunha persoa máis a entrada no local.

9. Acto seguido, votarán as persoas integrantes da mesa, sempre que teñan dereito, e declararase pechada a votación.

10. No caso de rematar o exercicio do voto da totalidade das persoas electoras que figuren no censo, a presidencia da mesa electoral dará por finalizada a xornada electoral e poderá iniciar o proceso de escrutinio de votos.

Decreto 171/2021, do 23 de decembro.

Artigo modificado:Artigo 41 apartado 3 nova redacción por artigo único apartado vinte e oito.

Artigo 42. Escrutinio

1. Declarada pechada a votación comezará inmediatamente o escrutinio, función que corresponde exclusivamente á mesa electoral.

2. A presidencia procederá ao escrutinio das papeletas en voz alta, unha a unha, exhibindo cada papeleta ás persoas presentes e anotándose o voto correspondente a cada persoa candidata.

3. Concluído o escrutinio, que non poderá ser interrompido, redactarase a oportuna acta asinada por todos os compoñentes da mesa electoral.

4. Son nulos os votos emitidos en papeleta ou sobre de modelos distintos dos facilitados pola xunta electoral; as papeletas que teñan riscadas; os votos en que, por calquera razón, non se poida determinar inequivocamente a candidatura elixida; aqueles votos en que se marquen máis nomes dos establecidos no regulamento electoral para cada estamento ou inclúan o nome de persoas non candidatas. No caso de conter máis dunha papeleta coas mesmas candidaturas marcadas, computarase como un só voto válido, para este caso se as candidaturas marcadas son diferentes deberá computarse como voto nulo. As papeletas deberán conservarse para o caso de que se faga algunha reclamación sobre elas.

5. Consideraranse votos en branco aqueles sobres que non conteñan ningunha papeleta e aqueles sobres que conteñan papeletas que non presenten ningunha marca.

6. Feito o reconto de votos segundo as operacións anteriores, quen exerza a presidencia preguntará se hai algunha protesta que facer contra o escrutinio. Se non se formulan, ou despois de resoltas pola maioría da mesa, a presidencia anunciará en voz alta o resultado, especificando o número de votantes, o de votos válidos, nulos, de votos en branco e de votos obtidos por cada candidatura.

7. Concluídas as operacións, as persoas integrantes da mesa asinarán a acta da sesión, na cal figurarán, obrigatoriamente, os seguintes datos:

a) Número de persoas electoras inscritas no censo.

b) Número de votos emitidos.

c) Votos declarados nulos, en branco e válidos.

d) Número de votos válidos obtidos por cada candidatura.

e) Observacións presentadas ante a mesa electoral sobre a votación e o escrutinio polas persoas candidatas, interventoras e electoras.

f) Resolucións motivadas da mesa electoral sobre as observacións presentadas e votos particulares.

8. As actas correspondentes aos resultados das votacións e o censo electoral en que consten as persoas que exerceron o seu dereito a voto, serán remitidas pola secretaría á xunta electoral e á Secretaría Xeral para o Deporte antes da 16.00 horas do día hábil seguinte ao da votación.

9. As actas de escrutinio serán expostas no taboleiro de anuncios da federación, así como na páxina web da federación, nunha sección denominada “procesos electorais”, desde o día seguinte ao das votacións e durante dous días hábiles.

Decreto 171/2021, do 23 de decembro.

Artigo modificado:Artigo 42 apartado 9 nova redacción por artigo único apartado vinte e nove.

Artigo 43. Documentación electoral

1. A mesa electoral preparará a documentación electoral que distribuirá en dous sobres.

2. O primeiro sobre conterá o expediente electoral, composto polos seguintes documentos:

a) Orixinal da acta de constitución da mesa electoral.

b) Lista do censo electoral.

c) Lista numerada de votantes e das papeletas ás cales se lles negase validez ou fosen obxecto dalgunha reclamación.

d) Acta de escrutinio.

3. O segundo sobre conterá copia da documentación anteriormente citada.

4. Unha vez pechados os sobres, a presidencia e os integrantes da mesa asinaranos por riba das lapelas que os pechan e serán remitidos, dentro das vinte e catro (24) horas seguintes, á xunta electoral, e a Secretaría Xeral para o Deporte.

Sección 2ª. Do exercicio do voto por correspondencia

Artigo 44. Do voto por correspondencia

1. Poderá exercerse o voto por correo nas votacións que, cada catro anos, se convoquen para a elección de membros da asemblea xeral. O voto presencial prevalecerá sobre o emitido por correo no caso de concorrencia de ambos.

2. As persoas electoras poderán exercer o seu dereito de voto por correo de acordo co seguinte procedemento:

a) As solicitudes de voto por correo poderán presentarse a partir do día seguinte ao da convocatoria das eleccións e ata cinco días hábiles despois da publicación do censo definitivo. Presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal, dirixida ao órgano superior da Administración autonómica competente en materia de deporte, conforme o modelo do anexo II (código do procedemento DE200A).

A presentación electrónica será obrigatoria para as entidades deportivas e outras persoas electoras que estean obrigadas a relacionarse electronicamente coa Administración. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que for realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

No caso das persoas xurídicas, deberá solicitar o voto por correo a persoa que apareza no censo como representante.

As persoas interesadas que non estean obrigadas á presentación electrónica das solicitudes, opcionalmente poderán presentalas nos servizos provinciais do órgano superior da Administración autonómica competente en materia de deporte ou en calquera dos lugares e rexistros previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

b) Unha vez recibida a solicitude, a Administración deportiva comprobará a inscrición da persoa solicitante no censo electoral e enviaralle por correo certificado os sobres electorais e as papeletas de todas as candidaturas, así como a documentación necesaria, ao domicilio indicado na súa solicitude ou, na súa falta, ao que figure no censo.

c) A persoa electora introducirá a papeleta no sobre de votación do estamento e, se é o caso, da especialidade deportiva e circunscrición a que pertenza. Posteriormente, este sobre introducirase dentro do que vai dirixido á mesa electoral do voto por correo, xunto coa fotocopia do DNI ou documento identificativo equivalente.

d) O envío deberá realizarse nalgunha das oficinas de Correos, antes do sexto día hábil previo á data de realización das eleccións, e deberá dirixirse ao enderezo do órgano superior da Administración autonómica competente en materia de deporte, que custodiará a documentación ata o día da votación.

3. O prazo límite para recibir os votos por correo finalizará vinte e catro horas antes das votacións presenciais.

4. Unha vez rematado o período para solicitar o exercicio de voto por correo, e sendo definitivas as persoas electoras que foron autorizadas para exercer o voto por correo, o censo definitivo dividirase en dúas seccións, unha en que figuren as persoas electoras que non solicitaron o voto por correo e outra nun censo especial de voto por correo. En ningún caso poderá figurar unha persoa nas dúas seccións do censo electoral definitivo.

Decreto 171/2021, do 23 de decembro.

Artigo modificado:Artigo 44 nova redacción por artigo único apartado trinta.

Artigo 44 bis. Notificacións, trámites posteriores á presentación das solicitudes e comprobación de datos (código de procedemento DE200A)

1. As notificacións efectuaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se efectúen ou deixen de efectuar por medios electrónicos.

A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario. No caso de optar pola notificación en papel, efectuarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia‑Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións na conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos, deberán optar, en todo caso, no formulario, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou for expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. A sede electrónica da Xunta de Galicia permitiralles ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta cidadá da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica, tamén poderán realizarse estes trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) Datos incluídos no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia previsto na Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, e regulado conforme o Decreto 85/2014, do 3 de xullo, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de solicitude e achegar unha copia dos documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dunha copia dos documentos correspondentes.

Decreto 171/2021, do 23 de decembro.

Artigo engadido:Artigo 44 bis engadido por artigo único apartado trinta e un.

Artigo 45. Escrutinio do voto por correo

1. Constituída a mesa nas condicións establecidas nos artigos 27 e 40, a presidencia procederá a desprecintar as sacas e comprobar a correspondencia entre os sobres e o censo electoral. Non se admitirán os sobres e votos daquelas persoas electoras que consten no censo electoral que votaron de forma presencial.

2. Unha vez comprobado, as persoas membros da mesa abrirán o sobre principal e clasificarán os sobres por estamentos e circunscricións; de seguido a presidencia introduciraos na urna correspondente.

3. Unha vez finalizada a introdución dos sobres nas urnas, comezará inmediatamente o escrutinio, función que corresponde exclusivamente á mesa electoral.

4. A presidencia procederá ao escrutinio das papeletas en voz alta, unha a unha, exhibindo cada papeleta ás persoas presentes e anotándose o voto correspondente a cada persoa candidata.

5. Concluído o escrutinio, que non poderá ser interrompido, redactarase a oportuna acta asinada por todas as persoas que compoñen a mesa electoral.

6. Son nulos os votos emitidos en papeleta ou sobre de modelos distintos dos facilitados pola xunta electoral; as papeletas que teñan riscadas; os votos en que, por calquera razón, non se poida determinar inequivocamente a candidatura elixida; aqueles votos en que se marquen máis nomes dos establecidos no regulamento electoral para cada estamento ou inclúan o nome de persoas non candidatas. No caso de conter máis dunha papeleta coas mesmas candidaturas marcadas, computarase como un só voto válido, para este caso se as candidaturas marcadas son diferentes deberá computarse como voto nulo. As papeletas deberán conservarse para o caso de que se faga algunha reclamación sobre elas.

7. Consideraranse votos en branco aqueles sobres que non conteñan ningunha papeleta e aqueles sobres que conteñan papeletas que non presenten ningunha marca.

8. Feito o reconto de votos segundo as operacións anteriores, quen exerza a presidencia preguntará se hai algunha protesta que facer contra o escrutinio. Se non se formulan, ou despois de resoltas pola maioría da mesa, a presidencia anunciará en voz alta o resultado, especificando o número de votantes, o de votos válidos, nulos, de votos en branco e de votos obtidos por cada candidatura.

9. Concluídas as operacións, as persoas compoñentes da mesa asinarán a acta da sesión, na cal figurarán, obrigatoriamente, os seguintes datos:

a) Número de persoas electoras a quen se admitiu e notificou o seu dereito a exercer o voto por correo.

b) Número de votos emitidos.

c) Votos declarados nulos, en branco e válidos.

d) Número de votos válidos obtidos por cada persoa candidata.

e) Observacións presentadas polas persoas candidatas ou interventoras ante a mesa electoral sobre a votación e o escrutinio.

f) Resolucións motivadas da mesa electoral sobre as observacións presentadas e votos particulares.

10. As actas correspondentes aos resultados das votacións e o censo electoral en que consten os electores que exerceron o seu dereito a voto por correo, serán remitidas pola secretaría á xunta electoral e á Secretaría Xeral para o Deporte antes da 16.00 horas do primeiro día hábil seguinte ao da votación.

11. As actas de escrutinio serán expostas no taboleiro de anuncios da federación, así como na paxina web da federación, nunha sección denominada “procesos electorais”, ou na páxina do órgano superior competente da Administración autonómica en materia de deporte para o caso de federacións que non dispoñan de web, desde o día seguinte ao das votacións e durante dous días hábiles.

Decreto 171/2021, do 23 de decembro.

Artigo modificado:Artigo 45 apartados 1, 9 e 11 nova redacción por artigo único apartados trinta e dous, trinta e tres, trinta e catro.

Artigo 46. Documentación electoral

1. A mesa electoral preparará a documentación electoral que distribuirá en dous sobres.

2. O primeiro sobre conterá o expediente electoral, composto polos seguintes documentos:

a) Orixinal da acta de constitución da mesa electoral.

b) Lista do censo electoral de voto por correspondencia.

c) Lista numerada das persoas votantes e das papeletas ás cales se lles negase validez ou fosen obxecto dalgunha reclamación.

d) Acta de escrutinio.

3. O segundo sobre conterá copia da documentación anteriormente citada.

4. Unha vez pechados os sobres, a presidencia e as persoas que teñan a condición de vogais asinaranos por riba das lapelas que os pechan e serán remitidos, dentro das vinte e catro (24) horas seguintes, á xunta electoral, e a Secretaría Xeral para o Deporte.

CAPÍTULO X Da moción de censura

Artigo 47. Moción de censura

A presentación dunha moción de censura contra a presidencia dunha federación deportiva galega axustarase aos seguintes criterios:

a) Non poderá presentarse durante os seis (6) primeiros meses de mandato, nin cando resten entre seis (6) meses e un ano ata a data a partir da cal se poida realizar a convocatoria de eleccións, circunstancia que determinarán as normas da federación.

b) A moción de censura deberá ser proposta e presentada, polo menos, pola terceira parte das persoas membros da asemblea xeral e incluirá necesariamente unha persoa candidata á presidencia da federación.

c) A presentación da moción de censura dirixirase á xunta electoral federativa, que deberá resolver o que proceda no prazo de dous días hábiles.

d) Cando se acorde a admisión a trámite da moción de censura, a presidencia da federación deberá convocar a asemblea xeral nun prazo non superior a corenta e oito (48) horas, contados desde que lle sexa notificada a admisión. A asemblea xeral que debata sobre a moción de censura deberá celebrarse nun prazo non inferior a quince (15) días nin superior a trinta (30) días, contados desde que fora convocada.

e) Unha vez convocada a asemblea extraordinaria para o debate e votación da moción de censura, e dentro dos dez (10) primeiros días seguintes a esa convocatoria, poderán presentarse mocións alternativas. En ningún caso a moción de censura alternativa poderá ser subscrita por quen promova a inicial.

f) A votación, que deberá ser secreta, seguirá o mesmo sistema que o previsto para a elección da presidencia. Para que a moción de censura prospere e cese de forma automática a persoa que ocupa a presidencia, requirirase que, sometida a votación, sexa aprobada pola maioría absoluta das persoas membros da asemblea xeral.

Se a moción de censura fose aprobada, a persoa candidata que resulte elixida permanecerá no cargo polo tempo que reste ata a finalización do período de mandato da anterior presidencia.

g) Se a moción é rexeitada pola asemblea xeral, as persoas signatarias non poderán presentar outra ata transcorrido un ano, contado desde o día da súa votación e rexeitamento.

h) Informarase a través da páxina web da federación da presentación da moción de censura e da data da convocatoria da asemblea xeral, así como do resultado.

i) Contra as decisións que adopten os órganos federativos en relación coa presentación, admisión, tramitación e votación de mocións de censura, ou de mocións alternativas, poderá recorrer ante o Comité Galego de Xustiza Deportiva no prazo de cinco días hábiles.

CAPÍTULO XI Da comisión delegada

Artigo 48. Elección da comisión delegada

1. No caso de estar prevista nos estatutos, o regulamento electoral deberá regular expresamente o sistema de elección de persoas membros deste órgano respectando o disposto nos seguintes puntos.

2. As persoas integrantes da comisión delegada elíxense por e entre as que compoñen a asemblea xeral, mediante sufraxio igual, libre, directo y secreto; poderán substituírse anualmente, polo mesmo procedemento, as vacantes que se produzan. O voto por correo non poderá utilizarse en ningún caso para a elección da comisión delegada.

3. O número máximo de persoas integrantes da comisión delegada será de 12, máis a presidencia, que pertence a ela como membro nato. En todo caso, deberá gardarse a seguinte proporción:

• Un terzo da comisión delegada debe ser designado pola persoa titular da presidencia da federación.

• Un terzo debe corresponder ás entidades deportivas, elixíndose esta representación por e de entre elas.

• Un terzo corresponderá aos demais estamentos, en proporción á súa respectiva representación na asemblea xeral.

CAPÍTULO XII Do réxime de reclamacións e recursos

Artigo 49. Reclamacións ante a xunta electoral

1. O coñecemento de todas as reclamacións previstas neste decreto e que se poidan formular na materia electoral corresponde á xunta electoral, e serán todas as súas resolucións impugnables ante o Comité Galego de Xustiza Deportiva.

2. Están lexitimados para interpoñer estas reclamacións as persoas representantes das candidaturas ou as persoas ou entidades afectadas polos acordos da xunta electoral.

3. As reclamacións ante a xunta electoral serán presentadas, persoalmente ou por calquera medio que acredite fidedignamente en dereito a presentación do escrito (burofax, correo certificado, telegrama…), na sede federativa mediante escrito dirixido á presidencia da xunta electoral.

4. Os prazos para a presentación destes recursos, así como os de resolución da xunta electoral, serán os fixados no regulamento electoral, e respectaranse, en todo caso, os establecidos nesta norma.

Artigo 50. Comité Galego de Xustiza Deportiva

De acordo co disposto no artigo 88 da Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, correspóndelle ao Comité Galego de Xustiza Deportiva o coñecemento e a resolución dos recursos que nos seus procesos electorais adopten as federacións deportivas, e poderá adoptar, no ámbito das súas competencias, as medidas que sexan necesarias para garantir a legalidade dos procesos electorais.

Artigo 51. Recurso ante o Comité Galego de Xustiza Deportiva

1. Contra os acordos e resolucións das xuntas electorais procederá recurso electoral ante o Comité Galego de Xustiza Deportiva e as súas resolucións poñerán fin á vía administrativa.

2. Están lexitimadas para interpoñer este recurso electoral as persoas que fosen parte na impugnación ante a xunta electoral federativa ou as persoas interesadas directamente polo seu acordo ou resolución.

3. O prazo para a interposición do recurso electoral ante o Comité Galego de Xustiza Deportiva será de tres días hábiles contados desde o seguinte ao da notificación da resolución ou acordo obxecto de recurso ou, se for o caso, desde o momento en que se produza a desestimación tácita da reclamación electoral presentada.

4. O escrito de interposición do recurso deberá expresar:

a) O nome, DNI ou NIE, enderezo electrónico e domicilio da persoa física ou denominación, CIF, enderezo electrónico e enderezo da persoa xurídica.

b) Se é o caso, o nome, DNI e enderezo da persoa representante da interesada, que poderá acreditar a súa representación, ademais de polos medios legais procedentes, a través de comparecencia ante a Secretaría do Comité Galego de Xustiza Deportiva.

c) A lexitimación para interpoñer o recurso.

d) O acto contra o cal se recorre e a razón da súa impugnación.

e) As consideracións de feito e de dereito en que baseen as súas pretensións, así como as propostas de proba que ofrezan en relación con aquelas.

f) As pretensións que deduzan de tales consideracións.

g) Lugar, data e sinatura.

5. O Comité Galego de Xustiza Deportiva será competente para coñecer, en última instancia administrativa, dos recursos interpostos contra:

a) O acordo de convocatoria das eleccións, así como contra o calendario electoral e fronte á composición da xunta electoral.

b) As resolucións que se adopten en relación co censo electoral provisional e definitivo.

c) As resolucións adoptadas durante o proceso electoral polas comisións xestoras e as xuntas electorais das federacións deportivas en relación co proceso electoral e as restantes cuestións previstas no presente decreto.

Decreto 171/2021, do 23 de decembro.

Artigo modificado:Artigo 51 apartado 4 nova redacción por artigo único apartado trinta e cinco.

Artigo 52. Interposición dos recursos

Os recursos dirixidos ao Comité Galego de Xustiza Deportiva deberán presentarse nos órganos federativos ou xuntas electorais que, se é o caso, adoptasen as actuacións, acordos ou resolucións que se pretenden impugnar. Transcorrido o prazo correspondente sen que se interpoña o recurso, os acordos ou resolucións serán firmes.

Decreto 171/2021, do 23 de decembro.

Artigo modificado:Artigo 52 nova redacción por artigo único apartado trinta e seis.

Artigo 53. Tramitación dos recursos

Á tramitación dos recursos atribuídos ao coñecemento do Comité Galego de Xustiza Deportiva aplicaráselle a lexislación sobre o procedemento administrativo común e o Decreto 120/2013, do 24 de xullo, polo que se aproba o Regulamento do Comité Galego de Xustiza Deportiva, agás os prazos dos distintos trámites, que se axustarán ao disposto no presente decreto e aos acordos do Comité Galego de Xustiza Deportiva.

Decreto 171/2021, do 23 de decembro.

Artigo modificado:Artigo 53 nova redacción por artigo único apartado trinta e sete.

Artigo 54. Incumprimento das disposicións do decreto

O incumprimento das disposicións establecidas neste decreto dará lugar á aplicación das sancións establecidas no título VII da Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia.

Disposición adicional primeira. Período inhábil para eleccións

Para os únicos efectos da celebración de votacións considerarase o mes de agosto como período inhábil.

Disposición adicional segunda. Incompatibilidade de celebración de eleccións e de competicións

1. O día de celebración das votacións a persoas membros da asemblea xeral, á comisión delegada e á presidencia da federación serán inhábiles para efectos de celebración de probas ou competicións deportivas de carácter oficial con participación de clubs e/ou as persoas deportistas galegas, na modalidade deportiva correspondente.

2. Non se poderá determinar como día de eleccións aquel en que no momento de elaboración do calendario electoral se teña constancia da celebración dunha proba de carácter nacional ou internacional na Comunidade Autónoma.

3. Co obxecto de facilitar a participación nos procesos electorais, os clubs e as federacións deportivas procurarán non planificar adestramentos no horario de votación. En ningún caso poderá ser obxecto de sanción nin polo club nin pola federación aquela persoa deportista, adestradora ou xuíza que faltase ao adestramento por exercer o seu dereito ao voto.

Disposición adicional terceira. Uso de medios electrónicos

As persoas integrantes da xunta electoral poderán ser validamente convocadas para que a sesión se celebre en varios lugares simultaneamente sempre que os medios técnicos permitan o normal desenvolvemento da sesión e o respecto dos dereitos das persoas membros. Unha vez constituído o órgano, a persoa que exerza a súa presidencia designará, para cada un dos lugares onde non se atope fisicamente a persoa que ocupe a secretaría, unha das persoas membros asistentes para que a auxilie nas súas funcións.

Disposición adicional cuarta. Da interpretación e das excepcións

Excepcionalmente, e logo de solicitude fundada dalgunha federación deportiva galega, e sempre a prol dunha democratización e participación maioritaria, a Secretaría Xeral para o Deporte poderá aprobar, logo de informe do Comité Galego de Xustiza Deportiva, cambios nalgún dos criterios contidos no presente decreto cando se aprecie imposibilidade ou grave dificultade do seu cumprimento. Esta solicitude de cambio de criterios deberá ser aprobada pola asemblea xeral da federación deportiva galega e virá acompañada dunha memoria xustificativa dos cambios de criterios.

Disposición adicional quinta. Regras especiais aplicables aos procesos electorais que teñan lugar durante o ano 2022

1. Na realización das eleccións das federacións deportivas galegas que se van desenvolver durante o ano 2022, e dadas as excepcionais circunstancias ocasionadas pola evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma, a referencia ás participacións nas competicións oficiais nas dúas tempadas anteriores á da realización das eleccións do artigo 8.1.a), entenderase realizada ás tempadas 2018/2019 e/ou 2019/2020, no caso das persoas deportistas ou técnicas/adestradoras que non puidesen competir, polas circunstancias excepcionais da pandemia, nas tempadas 2019/2020 e/ou 2020/2021. Pola súa parte, e para o caso do estamento de entidades deportivas, a referencia do artigo 8.1.b) á participación desde o mes de xaneiro dos dous anos anteriores ao de realización das eleccións, entenderase realizada aos anos 2018 e/ou 2019, no lugar de aos anos 2020 e/ou 2021, nos mesmos termos ca os sinalados para o caso das persoas físicas.

2. O sistema de acceso ao censo electoral regulado no artigo 15.4 deberá garantir o seu acceso a todos os integrantes dos distintos estamentos da federación deportiva galega dos anos 2018, 2019, 2020 e 2021 e/ou tempadas que abrangan estas anualidades.

Decreto 171/2021, do 23 de decembro.

Artigo engadido:Diposición adicional quinta engadida por artigo único apartado trinta e oito.

Disposición adicional sexta. Actualización do modelo normalizado do anexo II

De conformidade coa disposición adicional sexta da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, o modelo normalizado aplicable na tramitación do procedemento regulado nesta disposición e recollido no anexo II poderá ser actualizado, co fin de mantelo adaptado á normativa vixente, polo órgano superior da Administración autonómica competente en materia de deporte. A estes efectos será suficiente a aprobación dos modelos actualizados e a súa publicación na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas, sen que sexa necesaria unha nova publicación no Diario Oficial de Galicia.

Decreto 171/2021, do 23 de decembro.

Artigo engadido:Diposición adicional sexta engadida por artigo único apartado trinta e nove.

Disposición derrogatoria única. Cláusula derrogatoria xeral

Quedan derrogadas cantas normas de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido no presente decreto.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento deste decreto

Facúltase a Secretaría Xeral para o Deporte para adoptar os acordos e ditar as resolucións precisas para a aplicación deste decreto.

Por medio de resolución da Secretaría Xeral para o Deporte poderá modificarse o anexo I do presente decreto.

Disposición derradeira segunda. Publicación e entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, quince de febreiro de dous mil dezaoito

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela

Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO I

Modelo de papeletas e sobres de votación

[Documento: dec_VICPREAPX_00016_2018_20180215]

Modificación. Anexo I nova redacción

a) Sobre de votación.

Eleccións á asemblea xeral da Federación Galega............

Estamento de............................

Especialidade de (se é o caso)...............................

Circunscrición.......................

Mesa electoral..............................

Indíquese, cando corresponda, se a persoa electora está incluída nalgún dos seguintes supostos:

 Estamento de deportistas: deportista cualificado como deportista (galego/estatal) de alto nivel.

b) Sobre para a remisión do voto por correo.

Anverso:

Federación Deportiva Galega de ......

Enderezo:

Eleccións á asemblea xeral da Federación Galega ............…

Reverso:

Nome e apelidos/razón social: .......................

Estamento de: ...........................

Circunscrición: ......................................

Especialidade de (se é o caso): ...........................

Deportista de alto nivel: ..............................

c) Papeleta de votación.

Votación para a elección das persoas representantes na asemblea xeral da Federación Galega de .........................................

Especialidade (se é o caso): ................................

Circunscrición: ....................................

Estamento: .............................................

Dou o meu voto ás seguintes candidaturas:

[figura]

Decreto 171/2021, do 23 de decembro.

Artigo modificado:Anexo I nova redacción por artigo único apartado corenta.

ANEXO II

Anexo II nova redacción.

Véxase a ligazón ao decreto 171/2021

Decreto 171/2021, do 23 de decembro.

Artigo engadido:Anexo II engadido por artigo único apartado corenta e un.

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia