lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Orde do 14 de decembro de 2021 pola que se establecen medidas preventivas de seguridade sanitaria consistentes na exhibición de documentación que acredite o cumprimento de determinados requisitos para o acceso a certos establecementos e se prorrogan diversas ordes como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia.

Publicado en: DOG 241 17/12/2021

Departamento: Consellería de Sanidade

Estado: En vigor

PDF

As medidas previstas nesta orde terán efectos desde as 00.00 horas do 18 de decembro de 2021 ata as 00.00 horas do día 18 de xaneiro de 2022
Conforme ao artigo quinto prorrógase ata as 00.00 horas do día 18 de xaneiro de 2022 a eficacia das medidas previstas na Orde do 29 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de lecer nocturno da Comunidade Autónoma de Galicia, na súa redacción vixente.
Conforme ao artigo sexto prorrógase ata as 00.00 horas do día 18 de xaneiro de 2022 a eficacia das medidas previstas na Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia, na súa redacción vixente.
Conforme ao artigo sétimo prorrógase ata as 00.00 horas do día 18 de xaneiro de 2022 a eficacia das medidas previstas na Orde do 6 de outubro de 2021 pola que se aproba a exixencia de determinadas medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, no que se refire á actividade dos albergues turísticos, na súa redacción vixente.

I

Mediante a Resolución do 21 de outubro de 2021, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, dáse publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 21 de outubro de 2021, polo que se declara a finalización da situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, declarada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19.

A finalización da aplicación dos mecanismos extraordinarios derivados da lexislación de protección civil debe entenderse, naturalmente, sen prexuízo de que continúen sendo necesarias, mentres permaneza a pandemia, medidas de prevención de acordo coa lexislación sanitaria en vigor.

Neste sentido, a Lei estatal 2/2021, do 29 de marzo, de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, prevé no seu artigo 2.3 que «as medidas contidas nos seus capítulos II, III, IV, V, VI e VII e na disposición adicional quinta serán de aplicación en todo o territorio nacional ata que o Goberno declare de maneira motivada e de acordo coa evidencia científica dispoñible, logo do informe do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, a finalización da situación de crise sanitaria ocasionada pola COVID-19. O Goberno consultará as comunidades autónomas no seo do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde con carácter previo á finalización da situación de crise sanitaria a que se refire o parágrafo anterior».

Na actualidade, como se deduce do informe da Dirección Xeral de Saúde Pública que se cita posteriormente, segue existindo unha situación de crise sanitaria que determina, por exemplo, que siga sendo de aplicación o deber de cautela e protección establecido no artigo 4 da lei, de tal xeito que «todos os cidadáns deberán adoptar as medidas necesarias para evitar a xeración de riscos de propagación da enfermidade COVID-19, así como a propia exposición aos ditos riscos, conforme o que se establece nesta lei». O dito deber de cautela e protección será igualmente exixible aos titulares de calquera actividade regulada nesta lei.

Deste modo, seguen sendo de aplicación as previsións desta lei sobre o uso obrigatorio de máscaras, a regulación das distintas actividades e a distancia de seguridade interpersoal mínima.

En particular, debe terse en conta que seguirán sendo de aplicación os mecanismos de tutela previstos na lexislación sanitaria.

A Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública, conforma, xunto coa Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; a Lei 16/2003, do 28 de maio, de cohesión e calidade do Sistema nacional de saúde, e a Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, o corpo normativo fundamental da acción de tutela da saúde pública no ámbito estatal, ao cal se debe unir a lexislación autonómica reguladora da protección da saúde pública no marco de competencias autonómico, como é o caso, na Comunidade Autónoma galega, da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia. En efecto, recóllense na dita normativa medidas que as autoridades sanitarias poderán acordar para tutelar a saúde pública en situacións de risco, co fin de cumprir o mandato contido no artigo 43 da Constitución española, que, despois de proclamar o dereito á protección da saúde, dispón que lles compete aos poderes públicos organizaren e tutelaren a saúde pública a través de medidas preventivas e das prestacións e servizos necesarios, e que a lei establecerá os dereitos e deberes de todos ao respecto. O dito marco normativo débese completar, atendida a posible afectación que tales medidas poden ter sobre os dereitos fundamentais, coa necesidade da intervención xudicial.

Malia o anterior, a crise da COVID-19 puxo de manifesto a necesidade de contar cunha maior densidade normativa no que respecta á articulación dos mecanismos extraordinarios que recolle a lexislación sanitaria para tutelar a saúde pública ante crises sanitarias.

Neste sentido, a Lei de saúde autonómica foi modificada pola Lei 8/2021, do 25 de febreiro, no exercicio da competencia autonómica en materia de sanidade interior, recollida no artigo 33 do Estatuto de autonomía de Galicia, para introducir na lei as modificacións necesarias co fin de facer fronte á necesidade de contar cun marco normativo claro na materia que ofreza a necesaria seguridade xurídica, tanto para quen debe intervir na adopción das medidas e na súa inspección, vixilancia, control e sanción, como para as persoas destinatarias destas. En particular, unha das principais finalidades desta lei é, así, concretar as medidas que, tendo en conta o disposto na lexislación sanitaria estatal, de rango orgánico e ordinario, poden ser adoptadas polas autoridades sanitarias galegas para a protección da saúde pública, así como regular os requisitos que se deben cumprir para a súa correcta adopción, con especial atención ás exixencias de motivación e de proporcionalidade.

Resulta necesario un comportamento social de cautela e autoprotección asentado fundamentalmente nas premisas de hixiene frecuente das mans; distancia interpersoal mínima; uso de máscaras cando non sexa posible manter a distancia mínima interpersoal, así como cando se estea en contornos con moita xente, especialmente en espazos pechados; limpeza, hixiene e ventilación dos espazos utilizados e, especialmente, adopción de medidas de illamento e comunicación cos servizos de saúde tan pronto como se teñan síntomas compatibles coa COVID-19.

II

Con data do 13 de agosto de 2021, a Administración autonómica solicitoulle ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia autorización xudicial para adoptar medidas referidas á obriga de exhibición de determinada documentación como requisito previo ao acceso a certos establecementos.

Mediante o Auto 97/2021, da Sección Terceira da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, denegouse a autorización das medidas consistentes na exhibición de documentación para o acceso a determinados establecementos, previstas na orde sometida a autorización.

Cómpre indicar que a Sentenza 1112/2021, da Sección Cuarta da Sala do Contencioso‑Administrativo do Tribunal Supremo, estimou o recurso de casación presentado pola Administración autonómica fronte ao Auto 97/2021, da Sección Terceira da Sala do Contencioso- Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

A dita sentenza sinala que a ratificación ou autorización xudicial unicamente se pode obviar cando a falta de restrición ou limitación dos dereitos fundamentais é manifesta, evidente, ostensible e indiscutible, polo que a medida de exhibición de determinada documentación para o acceso a certos establecementos require a autorización xudicial previa, aínda que se indica que no caso examinado esta incidencia nos dereitos fundamentais é tenue.

Tamén se salienta a existencia de cobertura xurídica para a adopción das medidas axuizadas lembrando, neste sentido, que a Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública, en coherencia coas demais leis sanitarias, é suficiente como norma de cobertura das medidas sanitarias que comporten algunha restrición de dereitos fundamentais que, ademais, neste caso, é liviá.

O Tribunal Supremo recoñece que os dereitos fundamentais, como calquera dereito subxectivo, non son absolutos nin ilimitados e que a limitación resulta precisa para permitir a súa pacífica coexistencia cos demais dereitos fundamentais e cos bens constitucionalmente protexidos, que se traducen, neste caso, nunha potente presenza do dereito á vida e á integridade física, e á defensa e protección da saúde da cidadanía. Nesta liña, a sentenza expresa: «É o que sucede neste caso, ao confrontar a tenue limitación que podería ter a medida examinada sobre os dereitos fundamentais á igualdade (artigo 14) e á intimidade (artigo 18.1) co dereito fundamental á vida (artigo 15), coa protección da saúde (artigo 43) en situacións de pandemia como a COVID-19, e co interese xeral de todos por sobrevivir nestas gravísimas circunstancias, que avalan a procedencia da medida que se pretende».

Nese sentido, a autoridade sanitaria vén adoptando medidas preventivas de seguridade sanitaria consistentes na posesión de documentación que acredite o cumprimento de determinados requisitos para o acceso a determinados establecementos ou para a realización de actividades concretas cando, polas súas características ou pola concorrencia dun risco de especial consideración, sexa necesario para a protección da saúde das persoas, contando coa preceptiva autorización xudicial.

Así, mediante a Orde do 29 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de lecer nocturno da Comunidade Autónoma de Galicia, estableceuse a medida preventiva de seguridade sanitaria consistente na exhibición, para acceder a determinados establecementos de lecer nocturno, de documentación que acredite, nos termos que se establecen na citada orde, que o titular recibiu a pauta completa dunha vacina contra a COVID-19 para a cal se concedeu unha autorización de comercialización de conformidade co Regulamento (CE) nº 726/2004, ou ben que dispón dunha proba diagnóstica negativa realizada nas últimas 72 horas no caso das PCR e 48 horas no caso dos test de antíxenos, ou ben que se recuperou dunha infección polo SARS-CoV-2 nos últimos 6 meses.

A continuación, mediante a Orde do 21 de outubro de 2021 prorrogouse e modificouse a citada Orde do 29 de setembro de 2021, coa finalidade de estender a obriga de exhibición do certificado, que pasou de exixirse unicamente para o acceso aos establecementos de lecer nocturno aos cales se lles aplicaba o nivel 2.c, previsto no número 4.2 do anexo da referida orde, a configurarse como un requisito necesario para o acceso a todos os establecementos de lecer nocturno, independentemente do nivel (1.c ou 2.c) que se lles aplique. Tamén se incrementou o horario de peche dos citados establecementos.

A exixencia do certificado para o acceso a todos os establecementos de lecer nocturno veu dada polo incremento das capacidades máximas permitidas nos citados establecementos. Este incremento acordouse tendo en conta a situación epidemiolóxica, tal e como se recollía no correspondente informe da Dirección Xeral de Saúde Pública. Debe salientarse que o aumento das capacidades máximas permitidas determinaba o aumento do risco de transmisión da COVID, polo que era necesario adoptar medidas que o contrarrestasen. Por este motivo impúxose a exixencia do certificado para a entrada en todos os establecementos de lecer nocturno. Mantivéronse, non obstante, os dous niveis (1.c e 2.c) recollidos no punto 4 do anexo da Orde do 29 de setembro de 2021, que a partir da entrada en vigor da Orde do 21 de outubro pasaron a ter como obxecto subministrarlles información aos usuarios do grao de compromiso do establecemento fronte á COVID, xa que os ditos niveis seguen baseándose nas boas prácticas levadas a cabo nos establecementos e na aplicación de medidas sanitarias adicionais que fomenten espazos máis seguros e que ofrezan as maiores garantías posibles. Tamén se mantivo a posibilidade de aplicar o nivel de seguridade previsto no punto 4.3 en situacións extraordinarias, en función da gravidade da situación epidemiolóxica e da situación asistencial.

Segundo se recollía na exposición de motivos da Orde do 29 de setembro de 2021, a exixencia de exhibición de documentación para o acceso aos establecementos de lecer nocturno débese a que neste sector concorren unhas características peculiares que pasamos a expor detidamente:

– Neles prodúcese a retirada da máscara por parte dos clientes para o consumo de bebida ou, nos casos en que resulta posible segundo o título habilitante do establecemento, servizos de restauración.

– Resulta posible nestes establecementos a permanencia e o consumo de pé, ademais de sentado, o que presenta problemas particulares de maior risco de existencia de aglomeracións de persoas e fai moi dificultoso, na práctica, o mantemento da distancia de seguridade interpersoal, ao estaren os usuarios circulando polo establecemento.

– As condicións de desenvolvemento da actividade comportan a existencia de música alta, o que fai que as persoas levanten a voz e se acheguen para falaren, o que supón a emisión de máis pingas e aerosois respiratorios con maior risco de contaxio da COVID-19.

– O feito de que se trata dunha actividade de lecer e recreativa en que se produce consumo de bebidas alcohólicas e o horario nocturno en que esta se realiza determinan unha relaxación por parte dos usuarios das medidas de seguridade aplicables, o que xoga en contra do desenvolvemento ordenado e seguro da actividade.

Neste sentido, a Sentenza 1112/2021, da Sección Cuarta da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo, destaca, con carácter xeral, as características que son propias destes establecementos: «A idoneidade da medida que se postula, sobre a exhibición da documentación xa citada, gana en concreción cando descendemos ás características propias dos establecementos nos cales se exixe. Así é que estes lugares de lecer, pola súa propia natureza, a diferenza doutros establecementos abertos ao público, non permiten o uso constante e permanente da máscara, que debe necesariamente retirarse para comer e para beber, do mesmo xeito que resulta difícil manter neles a distancia de seguridade, se adoita conversar cun ton de voz máis alto, ou mesmo cantar, o que favorece a «inhalación de pingas e aerosois respiratorios emitidos por un contaxiado», que é «a principal vía de transmisión do SARS-CoV-2, segundo sinala o informe do Servizo de Epidemioloxía da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, avalado polos membros do Subcomité de Control de Gromos do Comité Clínico, que asesora a citada consellería». Tamén destaca a sentenza citada o carácter destes establecementos como de lecer e non esenciais e nos cales «se produce unha grande afluencia de persoas», e indica que «se refire a locais onde a entrada é voluntaria e onde non se realizan actividades esenciais ás cales se teña a obriga de acudir».

As medidas recollidas na citada Orde do 21 de outubro de 2021 pola que se prorrogaba e se modificaba a Orde do 29 de setembro de 2021 foron autorizadas polo Tribunal de Xustiza de Galicia mediante o Auto número 113/2021, do 22 de outubro. Mediante a Orde do 9 de novembro de 2021 prorrogouse a Orde do 29 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de lecer nocturno da Comunidade Autónoma de Galicia. A prórroga das medidas prevista na Orde do 29 de setembro mediante a referida Orde do 9 de novembro foi autorizada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia mediante o Auto 122/2021, ditado no procedemento de protección de dereitos fundamentais número 7725/2021.

Mediante a Orde do 1 de decembro de 2021, co obxecto de insistir na máxima garantía da intimidade das persoas, modifícase tamén a Orde do 29 de setembro de 2021 no que respecta á comprobación da validez dos certificados presentados, tanto en formato papel como en formato dixital, que só poderá ser efectuada polos centros a través da lectura do código QR que figura en cada un dos certificados, empregando para tal fin a aplicación Passcovid da Comunidade Autónoma de Galicia, dispoñible nas plataformas Android e Ios.Tamén se prorrogou a eficacia das medidas contidas na Orde do 29 de setembro ata as 00.00 horas do día 18 de decembro. As medidas contidas nesta orde foron ratificadas polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

No que atinxe ao sector da hostalaría e restauración, cómpre indicar que mediante a Orde do 14 de setembro de 2021 se aprobou o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia, coa natureza de medidas preventivas de acordo co disposto no artigo 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, e de plan sanitario para os efectos do previsto no artigo 80 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

A Xunta de Galicia, consciente da importancia do sector e da necesidade de manter a súa viabilidade, acordou cos representantes do sector hostaleiro de Galicia o compromiso de seguir apostando por unha hostalaría segura. Co obxectivo de seguir garantindo a máxima seguridade tanto para as persoas traballadoras coma para as persoas usuarias, foi necesario incidir no control dos niveis de ocupación e na necesidade de manter en todo momento as normas hixiénico-sanitarias básicas de limpeza das mans e superficies, nas distancias de seguridade interpersoal, no uso da máscara, nas medidas de ventilación dos espazos e na limitación dos tempos de contacto. Na parte expositiva desta orde sinalábase que os establecementos de hostalaría e restauración son ambientes que favorecen os encontros entre persoas que comparten un mesmo espazo con proximidade, e durante os cales se produce o consumo de alimentos ou bebidas e a consecuente necesidade de retirar a máscara nese instante. Así, fíxose necesario continuar velando polo cumprimento das medidas na totalidade dos locais de hostalaría da nosa Comunidade, dado o seu carácter de lugares de convivencia e interacción social, e seguir establecendo controis por parte dos corpos de inspección sanitarios e polos corpos e forzas de seguridade que operan en Galicia. Todo isto se completou tamén coa necesaria información que debe transmitirse ás persoas usuarias, lembrándolles en todo momento a necesidade de observar as medidas básicas de prevención. Este plan permitiu acadar unha estabilidade nas condicións de apertura dos establecementos de hostalaría con independencia dos niveis de restrición de cada concello.

Cómpre indicar que a citada orde foi obxecto de varias modificacións. A primeira modificación, realizada mediante a Orde do 23 de setembro de 2021, consistiu na habilitación dun prazo de dous meses para que o persoal do sector puidese acreditar a formación necesaria, cuxo contido se incorporou como un novo anexo II á xa citada Orde do 14 de setembro. Posteriormente, realizouse unha segunda modificación que tivo lugar mediante a Orde do 7 de outubro de 2021 pola que se estableceron medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e se modificaron a Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aprobou o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia, e a Orde do 29 de setembro de 2021 pola que se aprobou o novo Plan de lecer nocturno da Comunidade Autónoma de Galicia. O obxecto desta segunda modificación referiuse a aspectos da sinalética dos establecementos e ás zonas ou espazos de autoservizo. Finalmente, a terceira modificación realizouse mediante a Orde do 22 de outubro de 2021 pola que se estableceron medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e se modificou a Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aprobaba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia. Esta terceira modificación tivo por obxecto ampliar a ocupación e os horarios aplicables en función dos tipos de establecementos, así como habilitar novamente o uso das barras.

Mediante a Orde do 25 de novembro de 2021 modificouse a Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia introducindo determinadas medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, consistentes na exhibición de determinada documentación para o acceso ao interior dos establecementos da hostalaría (restaurantes, bares, cafetarías, furanchos...), así como para o acceso ao interior dos establecementos de xogo que conten con servizos de hostalaría e restauración, coa finalidade de que a actividade se poida desenvolver en condicións de seguridade, tanto para o persoal traballador coma para os clientes.

A referida Orde do 25 de novembro tamén modificaba a do 14 de setembro, ao indicar que a comprobación da validez dos certificados presentados só poderá ser efectuada polos establecementos a través da lectura do código QR que figura en cada un dos certificados, empregando para tal fin a aplicación Passcovid da Comunidade Autónoma de Galicia, dispoñible nas plataformas Android e Ios. Tamén sinala que non se poderán conservar os datos persoais ou crear ficheiros con eles nin realizar operacións de tratamento sobre datos persoais.

A eficacia das medidas contidas na citada orde, que foi ratificada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, estendíase ata as 00.00 horas do día 18 de decembro de 2021.

Por outra banda, mediante a Orde do 6 de outubro de 2021 aprobouse a exixencia de determinadas medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia no que se refire á actividade dos albergues turísticos.

Esta orde foi modificada pola Orde do 26 de outubro de 2021, que habilitou a posibilidade de ocupar ata o 100 % da capacidade máxima das prazas dos espazos de aloxamento de uso compartido dos albergues, sempre que todas as persoas maiores de 12 anos exhiban un certificado que acredite que o seu titular recibiu a pauta completa dunha vacina contra a COVID-19 para a cal se concedeu autorización de comercialización conforme o Regulamento (CE) 726/2004, ou ben que dispón dunha proba diagnóstica negativa ou que se recuperou dunha infección polo SARS-CoV-2 nos últimos seis meses. Por outra banda, mantívose a ocupación do 50 % da capacidade máxima permitida nos espazos de uso compartido dos albergues, que resultará de aplicación naqueles casos en que o aloxamento compartido non sexa ocupado por un grupo de convivencia estable e o titular do albergue non opte por chegar ao 100 % da capacidade máxima; neste último caso, sería obrigado o cumprimento do requisito de exhibición do certificado consonte o previsto na citada orde.

Cómpre salientar que a medida de exhibición do certificado como requisito necesario para incrementar a capacidade máxima permitida foi ratificada inicialmente polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia mediante o Auto do 8 de outubro de 2021, ditado no procedemento de protección de dereitos fundamentais 7652/2021. Así mesmo, posteriormente, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, mediante o Auto 115/2021, do 29 de outubro, autorizou a Orde do 26 de outubro de 2021 pola que se prorrogaba e se modificaba a Orde do 6 de outubro de 2021. A autorización xudicial referíase á ratificación da medida sanitaria consistente na exixencia do certificado COVID ás persoas usuarias, como requisito para que os albergues puidesen manter unha ocupación do 100 % das prazas en réxime de aloxamento compartido.

Seguidamente, mediante a Orde do 16 de novembro de 2021 prorrogouse ata as 00.00 horas do día 18 de decembro de 2021 a eficacia das medidas previstas na Orde do 6 de outubro de 2021 na súa redacción vixente. As medidas contidas neste orde foron ratificadas polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

No caso dos centros hospitalarios, cómpre indicar que mediante a Orde do 16 de novembro de 2021 se estableceu a medida preventiva de seguridade sanitaria consistente na exhibición de documentación que acredite o cumprimento de determinados requisitos para o acceso aos centros hospitalarios das visitas e dos acompañantes dos pacientes hospitalizados, que foi ratificada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia mediante o Auto 127/2021, do 19 de novembro, ditado en autos de procedemento de protección de dereitos fundamentais 7733/2021.

Debe destacarse que na parte expositiva da referida orde se salientaba que o punto 3.16 do anexo da Orde do 22 de outubro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e se modifica a Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia, prevé que os titulares ou directores dos distintos centros, servizos e establecementos sanitarios, de natureza pública ou privada, deberán adoptar as medidas organizativas, de prevención e hixiene necesarias do seu persoal traballador e dos pacientes, co obxecto de aplicar as recomendacións emitidas nesta materia, relativas á distancia de seguridade interpersoal, ao uso de máscaras en sitios pechados de uso público, á capacidade, hixiene das mans e respiratoria, así como calquera outra medida que establezan as autoridades competentes.

Estas medidas deberán aplicarse na xestión dos espazos do centro, nos accesos, nas zonas de espera e na xestión das citas dos pacientes, así como na regulación de acompañantes ou visitas, tendo en conta a situación e actividade de cada centro. En todo caso, permitirase a presenza dunha persoa acompañante por usuario/a. Tamén se permitirá unha visita por paciente na UCI non COVID. Así mesmo, adoptarán as medidas necesarias para garantir a protección da seguridade e saúde do seu persoal traballador, a limpeza e a desinfección das áreas utilizadas e a eliminación de residuos, así como o mantemento adecuado dos equipamentos e instalacións. Estarán obrigados a colaborar coas autoridades sanitarias e de política social nos labores de vixilancia, prevención e control da COVID-19.

Pola súa banda, a Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, regula no seu artigo 7 os «Dereitos relacionados co acompañamento do ou da paciente» e no seu número 1 expresa o seguinte:

«1. Serán dereitos relacionados co acompañamento do ou da paciente os seguintes:

1. Dereito a ser acompañado ou acompañada, polo menos, por unha persoa que manteña vínculos familiares ou de feito co ou coa paciente ou por unha persoa da súa confianza.

2. Dereito de toda muller a que se lle facilite o acceso ao proceso do parto a aquela persoa designada por ela para tal efecto.

3. Dereito das persoas menores a estaren acompañadas polos seus pais, titores ou gardadores.

4. Dereito das persoas incapacitadas a estaren acompañadas polos responsables legais da súa garda e protección».

Porén, estes dereitos non son absolutos ou incondicionados, dado que o número 2 do precepto expresa: «os dereitos anteriormente citados limitaranse, e mesmo se exceptuarán, nos casos en que esas presenzas sexan desaconselladas ou incompatibles coa prestación sanitaria conforme criterios clínicos. En todo caso, esas circunstancias seranlles explicadas aos afectados e ás afectadas de xeito comprensible».

Así mesmo, os dereitos relacionados co acompañamento do ou da paciente deben entenderse no marco legal dos deberes sanitarios da cidadanía, recollidos no artigo 15 da lei. Así, segundo o número 12 deste precepto, tamén estarán suxeitas a determinados deberes as persoas familiares ou acompañantes dos usuarios e das usuarias do sistema sanitario. Entre estes deberes encóntranse os seguintes:

«1. Cumprir as prescricións xerais de natureza sanitaria comúns a toda a poboación, así como as específicas determinadas polos servizos sanitarios. (...)

4. Usar axeitadamente os recursos, os servizos e as prestacións ofrecidos polo sistema sanitario.

5. Manter a debida observancia das normas establecidas en cada centro. (...)

7. Cooperar coas autoridades sanitarias na protección da saúde e na prevención das enfermidades. (...)

10. Cumprir as normas e os procedementos de uso e acceso aos dereitos que se lles outorguen a través desta lei. (...)».

Mediante a Orde do 1 de decembro de 2021 prorrogouse a Orde do 16 de novembro de 2021 pola que se aproba a exixencia de determinadas medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, no que se refire aos centros hospitalarios, e estendeuse a eficacia das medidas contidas nela ata as 00.00 horas do día 18 de decembro de 2021. A referida orde foi ratificada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

A citada Orde do 1 de decembro tamén modificou a do 16 de novembro ao establecer que a comprobación da validez dos certificados presentados, tanto en formato papel como en formato dixital, só poderá ser efectuada polos centros a través da lectura do código QR que figura en cada un dos certificados, empregando para tal fin a aplicación Passcovid da Comunidade Autónoma de Galicia, dispoñible nas plataformas Android e Ios.

Ademais da exixencia do certificado para o acceso aos establecementos indicados anteriormente, téñense identificado outros ámbitos nos cales existen motivos obxectivos para estender a exixencia de presentación dos certificados de vacinación, proba diagnóstica negativa ou superación da enfermidade, como sucede coa práctica da actividade física e deportiva non federada en instalacións e en centros deportivos pechados, así como en piscinas cubertas; o acceso de visitantes e acompañantes a centros sociosanitarios residenciais de maiores e de persoas con discapacidade; o acceso de visitantes e acompañantes a hoteis de pacientes e hospitais de día para tratamentos oncolóxicos ou de diálise, e para o acceso a eventos multitudinarios realizados ou a aqueles que teñan autorizada a venda de alimentos e bebida para o seu consumo durante eles.

Con base no exposto e atendendo á evolución da situación epiodemiolóxica no territorio da Comunidade Autónoma, faise necesario manter a obriga de exhibición do certificado como requisito para o acceso a aqueles establecementos en que xa está prevista, así como implantalala para acceder ou desenvolver as actividades enunciadas no parágrafo anterior. O obxecto da presente orde é, polo tanto, prorrogar ata as 00.00 horas do día 18 de xaneiro de 2022 as seguintes ordes:

– Orde do 29 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de lecer nocturno da Comunidade Autónoma de Galicia, na súa redacción modificada pola Orde do 1 de decembro de 2021.

– Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia, modificada pola Orde do 25 de novembro de 2021.

– Orde do 6 de outubro de 2021 pola que se aproba a exixencia de determinadas medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia no que se refire á actividade dos albergues turísticos.

– Orde do 16 de novembro de 2021 pola que se aproba a exixencia de determinadas medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia no que se refire aos centros hospitalarios.

Tamén se establece mediante esta orde, segundo o xa exposto, a obriga de exhibición de determinada documentación para a práctica da actividade física e deportiva non federada en instalacións e en centros deportivos pechados, así como en piscinas cubertas; o acceso de visitantes e acompañantes a centros sociosanitarios residenciais de maiores e de persoas con discapacidade; o acceso de visitantes e acompañantes a hoteis de pacientes e hospitais de día para tratamentos oncolóxicos ou de diálise, e para o acceso a eventos multitudinarios realizados ou a aqueles que teñan autorizada a venda de alimentos e bebida para o seu consumo durante eles.

Modifícase finalmente, mediante esta orde, a Orde do 6 de outubro de 2021 pola que se aproba a exixencia de determinadas medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia no que se refire á actividade dos albergues turísticos, no que respecta á comprobación da validez dos certificados presentados, tanto en formato papel como en formato dixital, que só poderá ser efectuada polos centros a través da lectura do código QR que figura en cada un dos certificados, empregando para tal fin a aplicación Passcovid da Comunidade Autónoma de Galicia, dispoñible nas plataformas Android e Ios. Esta modificación, como se indicou anteriormente, ten por obxecto insistir na máxima garantía da intimidade das persoas.

Ademais, modifícase a Orde de 16 de novembro de 2021 pola que se aproba a exixencia de determinadas medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia no que se refire aos centros hospitalarios, de tal xeito que a obriga de exhibir o certificado COVID se estende, expresamente, ás visitas e aos acompañantes dos pacientes, como requisito previo ao acceso aos servizos de hotel de pacientes, ou de hospital de día para tratamentos oncolóxicos ou de diálise.

III

Na actualidade, a situación epidemiolóxica, de acordo co informe da Dirección Xeral de Saúde Pública do 14 de decembro de 2021, pódese resumir do seguinte xeito:

A análise da tendencia diaria mostra, desde o 21 de xullo, catro tramos con diferente tendencia. Nos tres primeiros esta tendencia é decrecente, aínda que con diferentes velocidades de decrecemento. Non obstante, desde o 21 de outubro, obsérvase un claro cambio na tendencia, que pasa a ser crecente cunha porcentaxe de cambio diaria de 8,2 %.

A incidencia acumulada a 14 días, o 11 de decembro está en 419,7 casos por 100.000 habitantes. Se a comparamos coa incidencia do día 29 de outubro, de 18,17 casos por 100.000 habitantes, ao inicio da sexta onda, supón un incremento do 2.209 %. A porcentaxe de positividade das probas diagnósticas superou o 3 % establecido en Galicia como nivel deste indicador de seguimento e, o 11 de decembro, está no 8,5 % en 7 días.

En canto á incidencia por grupos de idade de Galicia, o grupo de 0 a 11 anos, onde o proceso de vacinación aínda non está implantado, é o que presenta a incidencia máis elevada, seguido dos grupos de 40 a 49 anos, ao igual que ocorre no global de España.

En canto á taxa de hospitalización en unidades de agudos, aumentou e pasou de 5,18 ingresos por 100.000 habitantes o 1 de decembro a 6,81 o día 11 de decembro. Non obstante, e no que atinxe ás unidades de críticos, observouse un descenso con respecto á semana anterior, xa que o 1 de decembro a taxa de ingresos por 100.000 habitantes era de 0,93 e o día 11 de decembro foi de 0,85.

En particular, segundo a última actualización do Ministerio de Sanidade (Actualización nº 521. Enfermidade polo coronavirus (COVID-19)), con datos consolidados ás 18.30 horas do 13 de decembro, o número de persoas hospitalizadas en planta en Galicia ascende a 299 e na UCI a 46.

Como resumo, o informe conclúe que os indicadores epidemiolóxicos seguen a amosar un aumento, especialmente na taxa de incidencia. Polo tanto, hai que ter en consideración o risco de que siga a aumentar, xa que o virus está a ter unha circulación cada vez maior, tanto en España coma nos países da nosa contorna e no resto do mundo.

IV

Desde o inicio da pandemia, a Consellería de Sanidade, os seus órganos asesores (o Comité Clínico e o Subcomité de Gromos) e o Servizo Galego de Saúde, de acordo coas súas funcións, estableceron as medidas preventivas e de control da pandemia que a evidencia científica dispoñible en cada momento recomendaba para a prevención e o control da infección polo SARS-CoV-2. E, neste sentido, a posta en marcha da medida baseada na exixencia de presentar un certificado de vacinación, de recuperación ou de proba COVID negativa para acceder ao interior de determinados establecementos (hostalaría, restauración, lecer nocturno e de xogo) non foi unha excepción.

É importante ter en conta que a adopción de calquera medida debe adecuarse, ademais de á situación epidemiolóxica existente, ao risco de transmisión que poida ocasionar unha determinada actividade, ben sexa polo establecemento en que esta se desenvolve ou ben pola vulnerabilidade das persoas a que vai dirixida esa actividade.

Coa evidencia científica acumulada, considérase que a principal vía de transmisión do SARS-CoV-2 é o contacto e a inhalación das pingas e dos aerosois respiratorios emitidos por un infectado que conteñen virus con capacidade de xerar infección, sobre todo en determinadas circunstancias: en proximidade ao caso índice durante tempo prolongado e en espazos pechados e mal ventilados.

Respecto dos riscos específicos segundo os supostos a que se refire esta orde, no informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, do 14 de decembro de 2021, establécese o seguinte:

No que atinxe ao risco asociado á actividade dos establecementos de restauración, hostalaría, lecer nocturno e de xogo que contan con servizos de hostalaría e restauración, o informe destaca que son espazos en que se poden agrupar factores que aumentan o risco de transmisión do SARS- CoV-2: espazos pechados en que se establecen contactos próximos e prolongados entre persoas, con escasa renovación de aire no interior, nalgúns casos, e realización de actividades en que é necesaria a retirada de máscara (ao comer ou beber) e de accións que ocasionan unha maior xeración de aerosois (falar, en ocasións cun ton de voz maior do normal, ou cantar). Ademais, trátase de espazos de socialización que favorecen a relaxación da atención necesaria para manter as medidas individuais de prevención (uso de máscara e mantemento da distancia de seguridade interpersoal), ao cal pode contribuír o consumo de alcol.

Pola súa banda, os establecementos de lecer nocturno, a diferenza doutros locais da hostalaría, teñen con frecuencia a complicación engadida de non realizaren unha renovación de aire de xeito natural, o que provoca que se poida facilitar a transmisión vía aeróxena de xeito máis doado, tal como poñen de manifesto diversos estudos realizados sobre a transmisión aeróxena ligada a determinados ambientes interiores e os gromos que se relacionaron con estes ambientes en que a ventilación se ve dificultada. Nestes ambientes, como o do lecer nocturno, é onde máis gromos se produciron, xa que, á dificultade de realizar unha boa ventilación, se xunta unha maior eliminación de partículas virais debido á forma de falar, por exemplo, e, en determinados espazos, un número máis elevado de persoas.

Estas circunstancias, que non se dan noutras actividades mercantís, en que o uso da máscara se mantén en todo momento e, xeralmente, os contactos non son prolongados nin próximos, fan necesaria a adopción de medidas como a que nos ocupa, que estaría avalada pola evidencia científica dispoñible en relación co papel que teñen a hostalaría e o lecer nocturno na transmisión da infección polo SARS-CoV-2 e na orixe de gromos.

O informe salienta que a obriga de exhibición do certificado COVID está implantada para o acceso ao interior de todos os locais de lecer nocturno. No caso da hostalaría, no entanto, esta obriga é exixible para o acceso aos establecementos que teñan título habilitante de restaurante e salóns de banquetes. No caso dos establecementos que conten con título habilitante de cafetarías, bares e furanchos, a exixencia da obriga de exhibición de determinada documentación unicamente se produce a partir das 21.00 horas. En canto aos establecementos de xogo que conten con servizos de hostalaría e restauración, aplicaránselles as regras anteriores de acordo coa natureza dos indicados servizos. Estarán excluídas da exixencia de certificados as actividades que se desenvolvan nas terrazas, dado que nelas as actividades se realizan en exteriores e non existe o mesmo risco de contaxio, xa que hai evidencia de que o risco de contaxio é menor en espazos abertos.

Nestes establecementos, atendendo á evolución e á situación actual da pandemia e, especificamente, á alta porcentaxe de poboación vacinada en Galicia, deben valorarse e ponderarse a natureza e o alcance das medidas que cómpre adoptar neste momento para o control da transmisión, buscando, entre as medidas posibles en abstracto, sempre as medidas máis proporcionadas e menos disruptivas da vida social e económica e que impliquen un menor sacrificio de dereitos. Así, neste momento, non se considera adecuado acudir a novas limitacións da capacidade máxima ou dos horarios dos establecementos de hostalaría, lecer nocturno ou xogo, xa que existen outras medidas que poden ter un efecto equivalente sobre o control da transmisión da infección nestes establecementos, sobre todo tendo en conta as medidas específicas que xa son aplicables neles de acordo cos seus respectivos plans.

A medida de exixencia de certificado resulta menos disruptiva da vida social e económica que outras medidas de redución de capacidades e de redución de horarios. En efecto, para a poboación vacinada (un 94 por cento en Galicia), mostrar os certificados resulta indubidablemente unha carga ou molestia, pero ten un claro compoñente sanitario e de interese xeral, ademais de que se pode basear no deber de cooperación coas autoridades sanitarias nunha situación de pandemia. Resulta claro que a medida ten unha afectación á intimidade, pero que se pode cualificar de tenue ou liviá, dado que, en particular, chega coa mera exhibición do certificado, sen que se poida facer un tratamento de datos persoais.

En relación co risco asociado aos albergues turísticos, o informe destaca que teñen unha serie de particularidades que supoñen un maior risco de transmisión do SARS-CoV-2, xa que son establecementos nos cales se aloxan persoas que poden non estar ligadas por unha relación de convivencia e que, ademais, poden proceder de moi diversos países e destinos con diferente cobertura vacinal, o que incrementa o risco de exposición ás diversas variantes do virus. Por outra banda, neles realízanse pernoitas en cuartos de uso compartido, o que sen dúbida incrementa a exposición aos aerosois respiratorios durante tempo prolongado e, polo tanto, o risco de contaxio e, ademais, existe dificultade para o usar a máscara no momento de durmir, no cal non é obrigatoria esta medida.

Saliéntase que o feito de compartir un espazo interior pechado, onde ás veces a ventilación non é a axeitada, aumentaría o risco de transmisión de existir unha persoa infectada compartindo ese espazo con outros usuarios.

O informe destaca que nestes establecementos, onde se poden dar eventos de supertransmisión, a exhibición do certificado COVID se presenta como unha medida de seguridade exixible para permitir capacidades máximas do 100 % nos espazos de aloxamento compartido, por existir nestes casos un maior risco de transmisión.

Desta maneira, estes establecementos terían unha garantía engadida na seguridade da súa actividade no tocante á transmisión do virus, dado que presentan un risco adicional, debido á confluencia de persoas procedentes de puntos xeográficos con diferente cobertura vacinal, á falta de uso de máscara á hora de durmir e ao elevado risco de mala ventilación do espazo, en parte debido a que, aínda que os usuarios teñen os lectores á vista e indicacións de abrir as ventás, na práctica non se fai de maneira que se asegura unha boa ventilación, cuestión que se complica durante a noite.

Ademais, cómpre ter en conta que esta mestura de persoas de diferentes procedencias, de lugares con coberturas vacinais menores que as de Galicia, determina que se considere que a exixencia dos certificados COVID-19 é unha ferramenta útil para o control da aparición de casos novos, e mesmo de novas variantes do virus.

O informe refírese a diversos estudos que puxeron en evidencia que a carga viral é máis alta en grupos grandes dentro do grupo de idade máis novo, fronte aos grupos máis pequenos de maiores. Os resultados destacan que o tamaño dos agregados de casos se relaciona positivamente coa presenza de individuos con cargas virais máis elevadas, que se encontran con frecuencia en individuos máis novos e que, ademais, o tamaño e a duración do gromo depende, en gran medida, da carga viral dun número reducido de persoas dentro dun agregado.

Ademais, nunha proba piloto realizada en albergues de Galicia para comprobar a calidade do aire das estancias onde dormen os peregrinos, cunha medición en continuo do nivel de dióxido de carbono (CO2), atopáronse medicións que van desde as 404 ppm (partes por millón) de CO2 ata as 3.246 ppm, cunha mediana de 1.159 ppm ás 00.00 horas. E das 405 ppm ás 4.632 ppm, cunha mediana de 1.429 ppm ás 04.00 horas, o que indica que se superan os límites en que se considera que a ventilación é necesaria (800 ppm).

No caso específico das medidas que se conteñen nesta orde, relativas a visitas e acompañantes en centros hospitalarios e centros sociosanitarios residenciais de maiores e de persoas con discapacidade, resulta evidente que o seu fundamento non atende á natureza recreativa ou de lecer da actividade considerada, senón que debe pórse o acento nas características específicas da asistencia sanitaria hospitalaria, sociosanitaria e da protección, ante todo, dos e das pacientes e usuarios destes servizos, persoas que presentan xa por definición unha situación de saúde comprometida ou idade avanzada ou especial vulnerabilidade, casos en que deben extremarse as precaucións polas consecuencias máis graves que pode ter a enfermidade. Tamén debe terse en conta a protección do persoal destes centros e do resto de persoas visitantes e acompañantes.

No que respecta ao risco asociado aos centros hospitalarios (en que xa se viña solicitando a presentación de certificado COVID para visitas e acompañantes de pacientes hospitalizados), hoteis de pacientes e hospitais de día para tratamentos oncolóxicos ou de diálise, e centros sociosanitarios residenciais de maiores e persoas con discapacidade (centros sociosanitarios), o informe indica que son espazos que se presentan como contornos de elevado risco epidemiolóxico por varios motivos:

Por un lado, trátase de ambientes pechados en que o propio nivel de dependencia das persoas ingresadas ou residentes (dificultade para a alimentación, de mobilidade, etc.) favorece o establecemento de contactos próximos e prolongados cos coidadores, o que aumenta o risco de transmisión e de contaxio.

Outro factor que pode contribuír ao aumento do risco de transmisión, fundamentalmente nos centros sociosanitarios residenciais de maiores e persoas con discapacidade (centros sociosanitarios) é o feito de que, con frecuencia, os residentes presentan algún grao de discapacidade ou deterioración cognitiva que pode dificultar o mantemento das medidas de prevención, como son a hixiene das mans e respiratoria ou o uso adecuado da máscara.

Ao anterior é preciso engadir o feito da maior vulnerabilidade das persoas que residen ou ingresan nestes centros por tratarse de persoas con patoloxías crónicas ou de idade avanzada (factor que aumenta a susceptibilidade ás infeccións pola propia senescencia do sistema inmune), que poidan estar a tratamento con fármacos que deprimen o sistema inmune ou que pertenzan a grupos non susceptibles de vacinación.

Polo tanto, o aumento da incidencia na poboación, que aumenta a probabilidade de que acudan a este tipo de centros asistenciais persoas non vacinadas e infectadas, o contorno de alto risco de transmisión e a presenza de persoas especialmente vulnerables fan que se considere necesario establecer medidas de prevención adicionais e específicas para as persoas que visitan ou acompañan as persoas ingresadas nos centros hospitalarios e hoteis de pacientes do Servizo Galego de Saúde, ao igual que se fixo en Francia, e para as que visitan os residentes dos centros sociosanitarios, como así se fixo recentemente en Cataluña.

En ningún caso esta medida afecta os pacientes ou usuarios dos servizos.

Por outro lado, ben que a obriga de exhibición do certificado non se aplicaría aos acompañantes de pacientes que acoden ás consultas externas e ao servizo de urxencias hospitalarias, si sería aplicable aos acompañantes das persoas que precisan atención nos hospitais de día oncolóxicos ou nas unidades de diálise por tratarse de pacientes cunha vulnerabilidade especial e que precisan dun tratamento intensivo e prolongado que, no caso dos hospitais de día, se realiza en réxime de hospitalización parcial.

Existe evidencia científica de que a vacinación diminúe o risco de transmisión da infección de enfermidade grave e de hospitalización, polo que é importante que, ademais de manter todas as medidas de prevención actualmente recomendadas (uso da máscara, distancia interpersoal de seguridade, hixiene das mans e respiratoria), se considere necesaria a exixencia dos certificados COVID de forma adicional, para aumentar a seguridade nestes ámbitos. O feito de non estar vacinado cando se accede a un centro hospitalario ou sociosanitario non só supón un maior risco para as persoas alí ingresadas e os traballadores, ao aumentar o risco de transmisión, senón tamén para a propia persoa que accede ao centro, pola posibilidade de establecer contactos con persoas asintomáticas transmisoras.

Ben que existen estudos en relación co risco de transmisión dentro dos hospitais e dos centros sociosanitarios residenciais de maiores e persoas con discapacidade (centros sociosanitarios), estes baséanse fundamentalmente na relación entre traballadores e pacientes/residentes. O feito de que apenas exista literatura científica sobre o papel que poden xogar as persoas que visitan ou acompañan os pacientes e residentes de centros sociosanitarios pode ser debido, en parte, ás restricións que se estableceron nestes establecementos en canto ao réxime de visitas e acompañamento desde o inicio da pandemia. Con todo, hai algúns traballos que recollen esta cuestión, así como o risco elevado que se asocia a este tipo de establecementos. O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública refire diversos estudos sobre esta cuestión de entre os cales pode salientarse o realizado no Complexo Hospitalario Universitario A Coruña (CHUAC) sobre un gromo da COVID-19 que tivo lugar no mes de marzo de 2020 nunha unidade de pacientes particularmente vulnerables e que afectou 22 persoas (12 traballadores e 10 pacientes). O estudo identifica dúas fontes de infección: un traballador e un acompañante dun paciente da unidade que, como mínimo, contaxiou dúas persoas que resultaron ser pacientes con neoplasias hematolóxicas.

O informe insiste en que en Galicia se produciron gromos intrahospitalarios en todas as áreas sanitarias con implicación de pacientes, profesionais e coidadores ou visitantes. A pesar da dificultade para atribuír a unha fonte concreta a orixe dun gromo, especialmente no que atinxe ás visitas/acompañantes, e que a investigación da fonte de infección nos casos intrahospitalarios é moi complexa, hai gromos en que a investigación puido determinar cal foi o caso índice que o orixinou. Destacariamos como exemplos un gromo na Área Sanitaria de Vigo, orixinado por un familiar dun paciente ingresado, que implicou 71 pacientes e 55 traballadores do hospital, ou dous gromos na Área Sanitaria de Santiago de Compostela, orixinados por acompañantes de persoas ingresadas, que implicaron 16 pacientes, 9 acompañantes e 13 traballadores.

En relación cos centros sociosanitarios residenciais de maiores e persoas con discapacidade (centros sociosanitarios), o primeiro caso da COVID-19 notificouse o 15 de marzo de 2020 e entre o período comprendido entre o 16 e o 30 de marzo diagnosticáronse 596 casos (o 34,7 % do total de casos notificados na primeira onda), o 37,2 % deles en residentes. Tendo en conta que o 26 de marzo se estableceu a prohibición das visitas e que o período de incubación máximo da enfermidade é de 14 días, é plausible que algúns dos casos ocorridos nas residencias fosen ocasionados a partir das visitas.

Na quinta onda pandémica notificáronse 28 gromos en centros sociosanitarios residenciais de maiores e persoas con discapacidade (centros sociosanitarios), coa afectación de 419 persoas (o 69,5 % de todos os casos). No 43 % dos gromos o caso índice foi persoal traballador da residencia, polo cal o risco de que unha persoa que se contaxia na comunidade poida ocasionar un gromo nun centro destas características é moi elevado. Exemplo disto sería o gromo ocorrido nun centro sociosanitario da provincia de Ourense que afectou 15 persoas e cuxo caso fonte foi unha persoa procedente de Madrid, ou o gromo acontecido en Vigo que afectou 6 persoas e do cal se sospeita que o caso fonte foi un familar dun residente.

No que atinxe ao risco asociado ás instalacións e aos centros deportivos pechados e ás piscinas cubertas, cómpre indicar que as instalacións deportivas interiores demostraron ser un ámbito que facilita a transmisión do SARS-CoV-2, debido non só ás características dos establecementos (pechado e, nalgúns casos, mal ventilados), senón tamén polas actividades que alí se desenvolven e que implican habitualmente esforzo vigoroso e respiración profunda ou con dificultade, o que provoca unha maior emisión de aerosois.

Hai estudos científicos que calculan a taxa de emisión de SARS-CoV-2 en función da carga viral e mostran que durante o exercicio intenso se pode acadar unha taxa elevada de emisión viral durante a respiración pola boca, polo cal, se hai presente un infectado, pode emitir un elevado número de partículas virais ao ambiente e, consecuentemente, provocar a infección das persoas alí presentes.

Ademais, cómpre ter en conta que estas actividades desenvolvidas en espazos pechados, con dificultade para realizar un uso correcto da máscara cando se realiza exercicio, ou a imposibilidade de usala, como é o caso das piscinas no momento do baño, aumentan a probabilidade de transmisión mesmo mantendo a distancia de seguridade entre os usuarios e monitores. O informe relaciona diversos estudos sobre esta cuestión e pódese destacar que nunha revisión sistemática que tratou de identificar os potenciais ámbitos de transmisión do SAR-CoV-2 e de ocorrencia de gromos, os investigadores atoparon que, nas instalacións deportivas interiores, se producían gromos que provocaban entre 50 e 100 casos, polo que esta actividade podería considerarse como unha das de risco para a transmisión do virus. Igualmente, noutra investigación na cal se estuda o papel que diferentes ámbitos teñen na transmisión da COVID-19, atoparon que a práctica do deporte en espazos pechados tiña un risco relativo de 1,36, é dicir, un 36 % de risco engadido de infectarse polo SARS-CoV-2.

Tamén se salienta que en Galicia se produciron varios gromos asociados a ximnasios, entre os cales cabe destacar un gromo producido na provincia da Coruña que afectou un total de 60 persoas, ben de xeito directo dentro da instalación, ben pola xeración de casos secundarios, terciarios e cuaternarios nos ámbitos familiar, laboral e social. Destaca tamén outro gromo, con 127 casos, que se iniciou nun centro deportivo e que, ao igual que no anterior, produciu varias xeracións de casos no ámbito laboral e familiar. Ademais, desde o 1 de maio de 2021 identificáronse un total de 53 gromos relacionados coa actividade deportiva, nos cales a maior proporción ten que ver con deportes practicados no interior.

O aumento da incidencia na poboación, que aumenta a probabilidade de que acudan aos centros deportivos persoas non vacinadas e infectadas, o contorno de alto risco de transmisión polas propias características destes establecementos e das actividades que alí se desenvolven, así como os grupos de idade que habitualmente acoden a este tipo de establecementos, fan que se considere necesario establecer medidas de prevención adicionais e específicas para acceder a este tipo de instalacións: o certificado COVID.

É importante indicar que, no que se refire á práctica da actividade física e deportiva federada, non se prevé a exixencia do certificado COVID dado que estas actividades deben axustarse aos correspondentes protocolos Fisicovid-Dxtgalego aprobados.

Finalmente, en relación co risco asociado aos eventos multitudinarios ou a aqueles que teñan autorizada a venda de alimentos ou bebidas para o seu consumo durante eles, cómpre indicar que os eventos de masas se caracterizan por unha alta concentración de persoas, de diferentes familias e grupos sociais non relacionados, nunha localización específica para unha actividade concreta e nun período de tempo determinado.

O informe indica a existencia de diversos estudos acerca da transmisións do SARS‑CoV-2 en eventos de masas, que avalan a posta en marcha de medidas como a que nos ocupa. Entre os estudos referidos no informe podemos salientar un estudo clínico aleatorio realizado en Cataluña. Antes da vacinación, analizaron o risco de transmisión se se implantaban estritas medidas de seguridade (que incluían, entre outras, o control da ventilación, hixiene das mans, uso obrigatorio da máscara e a realización dun test antes de entrar ao evento nun evento musical no interior). Os investigadores concluíron que, de se aplicaren todas estas medidas, o risco de transmisión diminuía notablemente e que a realización dun test previamente á entrada fortalecía as outras medidas.

Por outra banda, se temos en consideración que neste tipo de actividades, con capacidades do 100 % e, nalgúns casos, co público de pé, é difícil o mantemento da distancia de seguridade, hai que avaliar o risco engadido destas actividades e, así, o Centro para o control e prevención de enfermidades dos Estados Unidos de América, despois de analizar a evidencia do risco que supoñen estes eventos, considera que, cando se organizan, hai que ter en consideración unha serie de parámetros que poden aumentar o risco de transmisión, como a incidencia na comunidade; o lugar do evento, xa que o risco en eventos de interior é máis elevado que nos de exterior; a duración do evento, xa que a maior duración maior risco de estar en contacto cun infectado a menos de 2 metros por máis de 15 minutos; o número e aglomeración de persoas no evento, xa que cantas máis persoas máis aumenta a probabilidade de estar exposto a un infectado, e o comportamento dos asistentes, xa que, cando se adoptan comportamentos como interactuar con persoas alleas ao seu círculo íntimo, cantar, falar alto, non manter a distancia ou non usar máscara de maneira constante e correctamente, aumenta o risco.

Así mesmo, cómpre ter en conta que nalgúns eventos, aínda que poidan non ser multitudinarios, o feito de realizarse en establecementos ou locais abertos ao público con autorización de venda de alimentos ou bebidas para o seu consumo nos espazos que os conforman (cines, teatros, establecementos que celebren espectáculos deportivos, etc.), comporta un maior risco de transmisión por non poder asegurar o uso continuado da máscara. Por outro lado, hai que ter en conta que este tipo de eventos, pola alta concentración de persoas que supoñen, poden orixinar gromos cun número elevado de casos que, ademais, son complicados de estudar pola dificultade que pode supoñer o rastrexo de contactos.

Por todo o anterior, o informe indica que, dado o risco de transmisión do SARS-CoV-2 que teñen estes eventos, hai que ter en conta múltiples factores para minimizar o risco, polo que esta orde establece a petición dos certificados COVID como medida adicional de seguridade nestes eventos.

V

O informe destaca que a exixencia do certificado COVID evidenciou a súa utilidade en diversos ámbitos. Distintos países da nosa contorna xa están a pedir este tipo de certificados para diversas actividades, incluído o transporte público, o acceso a locais de hostalaría e de lecer nocturno, e mesmo para acudir ao traballo, como fai Italia, ou acceder aos hospitais (Francia) co fin de evitar a transmisión do virus. Así mesmo, xa a maioría das comunidades autónomas contan co aval da xustiza para requirir este documento no acceso a determinados espazos (bares, discotecas, hospitais, centros sociosanitarios, etc.).

A pesar de que a vacinación non impide completamente a infección da persoa vacinada nin elimina a probabilidade de que unha persoa vacinada e infectada poida transmitir a infección, a vacinación ten un efecto positivo sobre ambas (infección e transmisión) que, sen chegar a ter o efecto que ten sobre a prevención da enfermidade grave, non é en absoluto desprezable en canto ao número de posibles contaxios.

O feito de que o virus siga a circular e que o fará durante tempo, que no mundo hai un gran número de países con coberturas de vacinación practicamente de cero, que países da nosa contorna teñen coberturas de vacinación moito máis baixas que as nosas, especialmente en grupos de idade máis novos, fai considerar preciso tomar esta medida naquelas actividades en que a evidencia mostra que hai un risco engadido de transmisión.

A este respecto, podemos afirmar que ningunha medida de prevención e control que permita as interaccións persoais entre a poboación pode evitar completamente posibles novos contaxios polo SARS-CoV-2, sobre todo cando estes contactos se producen sen que se poidan garantir totalmente as medidas de prevención non farmacolóxicas que se aplican na maioría de ámbitos, como o uso da máscara en todo momento ou o mantemento da distancia interpersoal de seguridade.

O feito de implantar o certificado COVID preséntase como unha medida administrativa adicional que, sen dúbida, incrementará a seguridade das persoas, xa que suporá unha maior redución do risco de transmisión, de enfermidade grave e de xeración de gromos.

Por outra parte, paga a pena salientar o obxectivo que ten a estratexia da acreditación do estado COVID-19, coa cal se pretende diminuír a probabilidade de que unha persoa infectada entre en contacto con outra persoa non infectada e esta última se contaxie. Tendo claro o obxectivo que se persegue, a utilización do coñecemento científico obtido ata o momento fai que non caiba dúbida de que este obxectivo de redución da probabilidade de novos contaxios pode lograrse con esta estratexia.

Decidiuse implantar o certificado COVID de vacinacióntendo en conta a evidencia científica dispoñible, na cal se describe que o risco de transmisión da COVID-19 entre os vacinados é moito menor que entre os non vacinados, non só porque estes teñen un risco menor de infectarse, senón porque mesmo no caso de infectarse pola COVID-19, a taxa de ataque secundaria dos casos COVID-19 vacinados foi inferior á taxa de ataque secundaria dos casos non vacinados.

Na literatura científica vemos como varios estudos sinalan a importante diminución do risco de contaxio en pacientes correctamente vacinados.

O certificado COVID de recuperación establécese de maneira similar ao de vacinación, debido a que, nunha revisión da literatura científica realizada polo ECDC, este afirmou que as persoas que xa foron diagnosticadas como caso confirmado da COVID-19 reducen dun 81 % a un 100 % a súa probabilidade de reinfección durante un seguimento de 5 a 7 meses. Polo tanto, conclúese que as reinfeccións pola COVID-19 son un evento raro.

Ademais, o estudo SIREN, publicado na revista Lancet, con máis de 30.000 participantes, conclúe que a historia previa de infección polo SARS-CoV-2 está asociada a un 84 % menos de risco de contaxiarse novamente, cunha mediana de 7 meses de duración do efecto protector desde a primoinfección.

Tendo en conta isto, o propio ECDC establece no documento citado anteriormente que é moi probable que, dado que unha infección previa da COVID-19 reduce a reinfección, as infeccións previas tamén reducirán a transmisión a nivel comunitario.

En canto ao certificado COVID de proba diagnóstica, a Unión Europea (UE) establece este certificado coa finalidade de reducir o risco de que unha persoa non vacinada/recuperada da COVID-19 se encontre contaxiada polo SARS-CoV-2 no momento da viaxe. No caso de Galicia, a finalidade é a mesma, pero establécese para reducir o risco nos interiores dos centros deportivos. De igual maneira que a UE aproba o certificado COVID de probas diagnósticas como opción válida para aquelas persoas maiores de 11 anos que non estean vacinadas ou non pasasen a COVID-19, en Galicia habilítase a dita opción e establécense mecanismos para facilitar a realización das ditas probas.

A pesar de que efectivamente as probas diagnósticas só establecen unha foto fixa da situación da persoa cando se realiza a dita proba, a propia UE estableceu un período de validez acordado de maneira consensuada na cal os Estados membros aceptamos como válidas as PCR durante 72 horas e os test de antíxenos durante 48 horas. Este período foi establecido deste xeito porque as técnicas diagnósticas aceptadas son altamente sensibles e permiten detectar casos mesmo na fase previa ao comezo dos síntomas, cando o aumento da carga viral aínda é o suficientemente baixo como para considerar unha persoa como pouco transmisora (9,10). Tendo en conta o anteriormente mencionado, estas probas non exclúen ao 100 % que unha persoa que obtivese un resultado negativo o día previo a acceder a un establecemento poida estar infectada, pero parece claro, polo anteriormente explicado, que a probabilidade de que esta persoa poida transmitir o virus no momento en que acode é moi baixa.

Polo tanto, a realización de probas diagnósticas favorece a identificación de casos asintomáticos e a realización de diagnósticos de forma precoz, o que permite romper cadeas de transmisión e evitar gromos de gran magnitude, motivo polo cal esta medida se adopta para a prevención e o control da infección no persoal sanitario e sociosanitario non vacinado/ recuperado, para o cribado de pacientes ingresados ou como medida estratéxica adoptada pola UE para os viaxeiros. Igualmente, permite a identificación dos contactos estreitos de casos asintomáticos que pasarían desapercibidos, así como a redución da probabilidade de que unha persoa acceda a un establecemento sendo positiva, debido a que cada poucos días tería que repetir esta proba se non se vacina.

Cómpre sinalar tamén que só se permite acreditar o certificado de proba negativa con probas cunha alta sensibilidade diagnóstica (gt;90 %) e que o tempo que se autoriza para a validez das PCR é maior debido a que é a técnica máis sensible de que se dispón actualmente.

Por último, é necesario insistir en que esta é a única forma de acreditar un risco reducido de estar infectado polo SARS-CoV-2 a aquelas persoas que non están vacinadas, o que permite realizar as mesmas actividades a toda a poboación. De igual maneira e de forma indirecta, obsérvase que estas probas tamén incentivan a vacinación naquelas persoas reticentes, debido a que, ante a repetición de probas cada pouco tempo, a mellor opción é a vacinación contra a COVID-19.

VI

Por último, en relación co ata o de agora exposto, cabe destacar que a regulación aprobada respecto dos certificados, nas condicións en que se efectúa, cumpre os requisitos establecidos polo Tribunal Supremo para as medidas sanitarias que afectan dereitos fundamentais, tendo en conta a ponderación efectuada entre os dereitos fundamentais que o Tribunal Supremo considera, na Sentenza 1112/2021, da Sección Cuarta da Sala do Contencioso-Administrativo, que se poden ver afectados dereitos que, atendendo ao carácter tenue ou livián desa afectación, non se poden considerar prevalentes cos dereitos fundamentais e bens constitucionalmente protexidos que amparan a implantación da medida examinada.

Así, cabe recordar que a sentenza expresada do Tribunal Supremo avala, no caso considerado, a procedencia da medida partindo da confrontación da «tenue limitación que podería ter a medida examinada sobre os dereitos fundamentais á igualdade (artigo 14) e á intimidade (artigo 18.1) co dereito fundamental á vida (artigo 15), coa protección da saúde (artigo 43) en situacións de pandemia como a COVID-19 e co interese xeral de todos por sobrevivir nestas gravísimas circunstancias».

Polo demais, o Tribunal Supremo entendeu, no caso considerado, que «a exhibición da documentación sinalada non vulnera o dereito á igualdade, pois non se produce discriminación entre aqueles que están vacinados e os que non o están. Lembremos que a documentación reviste unha tripla modalidade, que resulta acadable a todos, de modo que quen non quere mostrar se foi ou non vacinado, tendo en conta o seu carácter voluntario, pode presentar o resultado da proba PDIA ou o test de antíxenos e, desde logo, o certificado de recuperación da COVID-19 se pasou a infección».

En definitiva, para o Tribunal Supremo «concorre unha xustificación obxectiva e razoable para permitir ou non o acceso ao correspondente establecemento, segundo se cumpra tal exixencia, pois trátase da protección da saúde e da vida das persoas, mediante unha medida que evita ou restrinxe a propagación da pandemia. Tendo en conta que tales diferenzas de trato, para seren discriminatorias, deben carecer desa xustificación obxectiva e razoable, de acordo con criterios xurídicos atendibles, ao basearse en razóns que resulten xuridicamente relevantes, como é o caso de que as situacións comparables non resultan homoxéneas polos seus graves efectos con respecto á salvagarda do dereito á vida, á integridade física e á protección da saúde».

O Tribunal Supremo, en particular, no caso considerado, pon en relación a idoneidade da medida coas «características propias dos establecementos en que se exixe».

Por último, como exixe o Tribunal Supremo, a medida reviste tamén un carácter temporal, segundo os principios científicos, as probas científicas e a información dispoñible en cada momento. Así, recóllese expresamente este carácter temporal e establécese que, en cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, as medidas previstas serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Como consecuencia deste seguimento e avaliación, as medidas poderán ser prorrogadas, modificadas ou levantadas mediante orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Como expresa o Tribunal Supremo, «como é natural, as medidas deben adecuarse, como sinalamos, á realidade necesariamente cambiante, atendida a evolución da enfermidade e o estado da ciencia en cada momento, e deben mediar a adecuada correspondencia e a necesaria vinculación entre a realidade sobre a cal se actúa, a finalidade que se persegue e o medio adecuado para a súa consecución».

Co obxecto de reforzar a idea de temporalidade e adecuación establécese, respecto da medida de exixencia de exhibición de certificados, unha eficacia ata as 00.00 horas do día 18 de xaneiro de 2021, desde o día seguinte ao da publicación desta orde, unha vez autorizada xudicialmente a aplicación das medidas contidas nela. Isto é, débese establecer unha duración adecuada e limitada no tempo da medida da exixencia da exhibición de certificados, pola súa afectación, aínda que tenue, aos dereitos fundamentais, sen prexuízo da súa posible prórroga.

Así mesmo, a Sentenza 1412/2021, do Tribunal Supremo (Sala do Contencioso-Administrativo Sección Cuarta), referida á exixencia de certificados no País Vasco, remítese á doutrina sentada na súa sentenza anterior e insiste en que «a distinta gravidade actual da pandemia, a menor agresividade da enfermidade en moitos casos, a máis reducida ocupación hospitalaria e das unidades de coidados intensivos que en ocasións precedentes non xustifican prescindir das prevencións necesarias para evitar que se reproduzan os momentos críticos do pasado. Por outra parte, a moi elevada cifra de vacinados non está a impedir o incremento dos contaxios mentres non se coñeza durante canto tempo será efectiva a súa inmunización, e non hai dúbida da existencia dun número de non vacinados maiores de 12 anos suficiente para facilitar a propagación do virus e, polo tanto, da enfermidade non só entre eles mesmos».

Esta sentenza afirma tamén a razoabilidade de que non se exixa a presentación do certificado a quen traballa nos establecementos concernidos e aos menores de 12 anos. «Os primeiros deben utilizar permanentemente as máscaras mentres que os que accedan a estes locais de esparexemento e restauración deben quitalas, polo menos, todas as veces que beban ou coman, e é previsible que o fagan tamén cando queiran cantar. A diferenza é sinalada. Do mesmo xeito que o é a situación dos menores de 12 de anos pola sinxela razón de que non foron vacinados».

A extensión territorial das medidas recollidas nesta orde refírese a todo o territorio da Comunidade Autónoma. A razón disto é a análise e a ponderación efectuada das características das diferentes actividades recollidas nesta orde, así como a especial vulnerabilidade dos pacientes e usuarios de cuxa protección se trata, no caso das medidas referidas a centros hospitalarios e sociosanitarios. Tense en conta, en particular, a existencia no momento actual dunha incidencia homoxénea da pandemia en todo o territorio da Comunidade Autónoma. Unha razón engadida consiste na inexistencia de restricións á liberdade de movemento, polo que as persoas, clientes ou usuarios das actividades obxecto desta orde poden proceder de localidades e puntos de orixe moi diversos, situación que se agudiza cos deprazamentos derivados das actividades, reunións e celebracións que adoitan producirse nestas datas do Nadal e festivas. Por isto, non se pode circunscribir o uso do certificado a localidades concretas, porque a poboación destas localidades se pode trasladar a outras con motivo de celebracións ou das actividades mencionadas.

Neste sentido, na Sentenza 1412/2021, do Tribunal Supremo, considera razoable, no caso que analiza, a extensión da medida a toda a Comunidade Autónoma, tendo en conta os niveis de contaxios existentes nela, a posibilidade de traslados da poboación e o incremento xeneralizado das infeccións. En concreto, os datos considerados nese caso polo Tribunal Supremo eran iguais ou superiores aos 150 casos por cada 100.000 habitantes a catorce días. Na nosa comunidade autónoma, a incidencia acumulada a 14 días o día 11 de decembro está en 419,7 casos por 100.000 habitantes. Se o comparamos coa incidencia do día 29 de outubro, de 18,17 casos por 100.000 habitantes, ao inicio da sexta onda, supón un incremento do 2.209 %.

Polo tanto, tendo en conta todo o exposto, considérase que as medidas previstas nesta orde resultan xustificadas respecto da súa idoneidade, necesidade e proporcionalidade, nos termos recollidos na sentenza do Tribunal Supremo.

VII

As medidas recollidas nesta orde teñen o seu fundamento na Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública; no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 e 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

En particular, o artigo 34 da Lei de saúde de Galicia, relativo ás «intervencións públicas sobre actividades, centros e bens», expresa:

«As intervencións públicas que poderán exercer as autoridades sanitarias competentes sobre as actividades públicas e privadas que, directa ou indirectamente, poidan ter consecuencias para a saúde son: (…) 6. Establecer, controlar e inspeccionar as condicións hixiénico-sanitarias, de funcionamento e desenvolvemento de actividades que poidan ter repercusión sobre a saúde das persoas».

Así mesmo, o artigo 38.1, «Medidas preventivas en materia de saúde pública» (redactado pola Lei 8/2021), establece:

«1. Co obxecto de protexer a saúde pública, as autoridades sanitarias autonómicas e locais, dentro do ámbito das súas competencias, poderán adoptar medidas preventivas de obrigado cumprimento cando exista ou se sospeite razoablemente a existencia dun risco inminente e grave para a saúde da poboación. Estas medidas poderán consistir:

(…) g) En medidas de seguridade sanitaria e hixiene en determinados lugares e/ou para o desenvolvemento de actividades».

Do mesmo xeito, tamén ofrece base legal á medida o contido da letra k) deste artigo 38.1, dado que permite o establecemento por parte das autoridades sanitarias dunha obriga de «subministración de datos» necesarios para o control e a contención de riscos para a saúde pública.

Ademais, no caso concreto da medida relativa aos centros hospitalarios, tanto públicos como privados, existe, así mesmo, un fundamento normativo específico na regulación que se recolle nesta orde no artigo 7 da lei «Dereitos relacionados co acompañamento do ou da paciente», xa que se recoñece explicitamente que estes dereitos non son absolutos ou incondicionados, dado que o número 2 do precepto expresa: «os dereitos anteriormente citados limitaranse, e mesmo se exceptuarán, nos casos en que esas presenzas sexan desaconselladas ou incompatibles coa prestación sanitaria conforme criterios clínicos. En todo caso, esas circunstancias seranlles explicadas aos afectados e ás afectadas de xeito comprensible».

Así mesmo, ofrece base legal á medida a regulación do número 12 do artigo 15 da lei en canto aos deberes das persoas familiares ou acompañantes dos usuarios e das usuarias do sistema sanitario, sinaladamente os seguintes: cumprir as prescricións específicas determinadas polos servizos sanitarios; usar adecuadamente os recursos, os servizos e as prestacións ofrecidos polo sistema sanitario; manter a debida observancia das normas establecidas en cada centro; cooperar coas autoridades sanitarias na protección da saúde e na prevención das enfermidades, e cumprir as normas e os procedementos de uso e acceso aos dereitos que se lles outorguen a través desta lei.

Conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, a persoa titular da Consellería de Sanidade ten a condición de autoridade sanitaria, polo que é competente para adoptar as medidas de prevención específicas para facer fronte ao risco sanitario derivado da situación epidemiolóxica existente, no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, coa urxencia que a protección da saúde pública demanda.

Na súa virtude, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Medida preventiva de seguridade sanitaria consistente na exhibición de documentación que acredite o cumprimento de determinados requisitos para o acceso aos centros sociosanitarios residenciais de maiores e de persoas con discapacidade

1. As visitas e acompañantes das persoas residentes poderán acceder aos centros sociosanitarios residenciais de maiores e de persoas con discapacidade, tanto públicas como privadas, sempre que as persoas maiores de 12 anos dispoñan dun certificado emitido polo servizo público de saúde ou, no caso do ordinal 2º, por un laboratorio oficial autorizado, que acredite a concorrencia de calquera das seguintes circunstancias:

1º. Que recibiron a pauta completa dunha vacina contra a COVID-19 para a cal se concedeu unha autorización de comercialización, de conformidade co Regulamento (CE) 726/2004.

2º. Que dispoñen dunha proba diagnóstica negativa realizada nas últimas 72 horas, no caso das PCR, e 48 horas, no caso dos test de antíxenos. No caso dos test rápidos de antíxenos, deberán estar enumerados na lista común e actualizada de test rápidos de antíxenos da COVID-19 establecida sobre a base da Recomendación 2021/C 24/01, do Consello de Europa.

3º. Que o titular se recuperou dunha infección polo SARS-CoV-2 nos últimos 6 meses. Para iso, a persoa deberá ter sido diagnosticada como caso confirmado da COVID-19 hai 11 días ou máis mediante unha proba PCR, e non é válido outro tipo de test.

2. A medida preventiva de seguridade sanitaria, prevista no número anterior, establécese con fundamento na protección da saúde pública, ao abeiro do estipulado nas letras g) e k) do número 1 do artigo 38.1 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

3. A medida adoptarase con carácter temporal, atendidos os principios científicos, as probas científicas e a información dispoñible neste momento, buscando asegurar un nivel elevado de protección da cidadanía, de acordo co establecido no artigo 38.ter da Lei 8/2008, do 10 de xullo.

A medida poderá ser revisada unha vez atendidas as probas e a información científica existentes en cada momento.

4. Os requisitos establecidos consideraranse como condicións de seguridade sanitaria e concreción dos deberes establecidos no artigo 15 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, polo que as persoas responsables da dirección dos centros ou o seu persoal velarán pola implantación da medida de seguridade sanitaria.

5. Co obxecto de procurar a máxima garantía de privacidade e intimidade das persoas, a información a que se refire a medida preventiva só poderá ser solicitada para os efectos da súa mera comprobación ou verificación.

En particular, de acordo co principio expresado de velar pola máxima garantía da privacidade e da intimidade, a comprobación da validez dos certificados presentados, tanto en formato papel como en formato dixital, só poderá ser efectuada polos centros a través da lectura do código QR que figura en cada un dos certificados, empregando para tal fin a aplicación Passcovid da Comunidade Autónoma de Galicia, prevista na Orde da Consellería de Sanidade, do 18 de agosto de 2020, pola que se regula o sistema de información Passcovid.gal como medida complementaria na xestión da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, dispoñible nas plataformas Android e Ios.

A comprobación efectuarase unicamente coa finalidade expresada de control de acceso. Non se conservarán en ningún caso datos de carácter persoal nin se crearán ficheiros con eles. Polo tanto, non se realizarán en ningún caso operacións de tratamento sobre datos persoais, xa sexa por procedementos automatizados ou non, como a recollida, rexistro, organización, estruturación, conservación, adaptación ou modificación, extracción, consulta, utilización, comunicación por transmisión, difusión ou calquera outra forma de habilitación de acceso ou outra operación non permitida pola normativa vixente.

6. En todo caso, o persoal que poida ter acceso ou coñecemento da información está obrigado a manter o segredo e a confidencialidade sobre os datos persoais a que acceda, de acordo co establecido no número 4 do artigo 7 da Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, de protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe, ou de acordo coa lexislación aplicable ao persoal sanitario, así como ao cumprimento do indicado no punto anterior.

7. De acordo co artigo 7.2 da Lei 8/2008, a medida seralles explicada aos afectados e ás afectadas de xeito comprensible. En particular, as persoas a que atinxe serán informadas, tanto verbalmente como a través de carteis visibles localizados na entrada do establecemento, das medidas aplicables e do seu contido, sobre o seu carácter necesario para o acceso, así como da non conservación dos datos persoais, a súa non integración en calquera tipo de ficheiros e a inexistencia de calquera tratamento ulterior, co fin de facilitar o coñecemento da dita información por parte dos seus destinatarios.

8. A posta en funcionamento da medida e o seu control respectarán, en todo caso, a dignidade da persoa. As actuacións de comprobación serán o menos intrusivas e invasivas que sexa posible para lograr o obxectivo de protección da saúde pública, procurando reducir ao mínimo as molestias ou inquedanzas asociadas coa medida, de acordo co disposto no artigo 38.ter.2.a) da Lei 8/2001.

Segundo. Medida preventiva de seguridade sanitaria consistente na exhibición de documentación que acredite o cumprimento de determinados requisitos para a práctica de actividade física ou deportiva non federada en centros ou instalacións deportivas pechadas ou en piscinas cubertas

1. Para a práctica de actividade física e deportiva non federada, as persoas usuarias poderán acceder aos centros ou instalacións deportivas pechadas ou a piscinas cubertas, tanto públicas como privadas, sempre que as persoas maiores de 12 anos dispoñan dun certificado emitido polo servizo público de saúde ou, no caso do ordinal 2º, por un laboratorio oficial autorizado, que acredite a concorrencia de calquera das seguintes circunstancias:

1º. Que recibiron a pauta completa dunha vacina contra a COVID-19 para a cal se concedeu unha autorización de comercialización, de conformidade co Regulamento (CE) 726/2004.

2º. Que dispoñen dunha proba diagnóstica negativa realizada nas últimas 72 horas, no caso das PCR, e 48 horas, no caso dos test de antíxenos. No caso dos test rápidos de antíxenos, deberán estar enumerados na lista común e actualizada de test rápidos de antíxenos da COVID-19 establecida sobre a base da Recomendación 2021/C 24/01, do Consello de Europa.

3º. Que o titular se recuperou dunha infección polo SARS-CoV-2 nos últimos 6 meses. Para iso, a persoa deberá ter sido diagnosticada como caso confirmado da COVID-19 hai 11 días ou máis mediante unha proba PCR, e non é válido outro tipo de test.

2. A medida preventiva de seguridade sanitaria, prevista no número anterior, establécese con fundamento na protección da saúde pública, ao abeiro do estipulado nas letras g) e k) do número 1 do artigo 38.1 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, e, en particular, da regulación establecida nos artigos 7.2 e 15.12 da lei, e rexerase pola regulación establecida neste punto.

3. A medida adoptarase con carácter temporal, atendidos os principios científicos, as probas científicas e a información dispoñible neste momento, buscando asegurar un nivel elevado de protección da cidadanía, de acordo co establecido no artigo 38.ter da Lei 8/2008, do 10 de xullo.

A medida poderá ser revisada unha vez atendidas as probas e a información científica existentes en cada momento.

4. Ademais do establecido no número 1, os requisitos establecidos para o acceso consideraranse, para os efectos do establecido no número 1 do artigo 7 da Lei 10/2017, do 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia, como condicións de seguridade sanitaria para garantir os dereitos do público asistente e de terceiras persoas afectadas, polo que, de acordo co número 2 do artigo 23 desta lei, as persoas titulares dos establecementos ou o seu persoal terán a obrigación de realizar o control do cumprimento da medida de seguridade sanitaria, polo que non se permitirá o acceso das persoas que non exhiban a documentación requirida, que será necesaria para o acceso e a prestación dos correspondentes servizos ao cliente.

5. Co obxecto de procurar a máxima garantía de privacidade e intimidade das persoas, a información a que se refire a medida preventiva só poderá ser solicitada para os efectos da súa mera comprobación ou verificación.

En particular, de acordo co principio expresado de velar pola máxima garantía da privacidade e da intimidade, a comprobación da validez dos certificados presentados, tanto en formato papel como en formato dixital, só poderá ser efectuada polos centros a través da lectura do código QR que figura en cada un dos certificados, empregando para tal fin a aplicación Passcovid da Comunidade Autónoma de Galicia, prevista na Orde da Consellería de Sanidade do 18 de agosto de 2020, pola que se regula o sistema de información Passcovid.gal como medida complementaria na xestión da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, dispoñible nas plataformas Android e Ios.

A comprobación efectuarase unicamente coa finalidade expresada de control de acceso. Non se conservarán en ningún caso datos de carácter persoal nin se crearán ficheiros con eles. Polo tanto, non se realizarán en ningún caso operacións de tratamento sobre datos persoais, xa sexa por procedementos automatizados ou non, como a recollida, rexistro, organización, estruturación, conservación, adaptación ou modificación, extracción, consulta, utilización, comunicación por transmisión, difusión ou calquera outra forma de habilitación de acceso ou outra operación non permitida pola normativa vixente.

6. En todo caso, o persoal que poida ter acceso ou coñecemento da información está obrigado a manter o segredo e a confidencialidade sobre os datos persoais a que acceda, de acordo co establecido no número 4 do artigo 7 da Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, de protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe, ou de acordo coa lexislación aplicable ao persoal sanitario, así como ao cumprimento do indicado no punto anterior.

7. De acordo co artigo 7.2 da Lei 8/2008, a medida seralles explicada aos afectados e ás afectadas de xeito comprensible. En particular, as persoas a que atinxe serán informadas, tanto verbalmente como a través de carteis visibles localizados na entrada do establecemento, de acordo cos modelos que determine a Consellería de Sanidade, das medidas aplicables e do seu contido, sobre o seu carácter necesario para o acceso, así como da non conservación dos datos persoais, a súa non integración en calquera tipo de ficheiros e a inexistencia de calquera tratamento ulterior, co fin de facilitar o coñecemento da dita información por parte dos seus destinatarios.

8. A posta en funcionamento da medida e o seu control respectarán, en todo caso, a dignidade da persoa. As actuacións de comprobación serán o menos intrusivas e invasivas que sexa posible para lograr o obxectivo de protección da saúde pública, procurando reducir ao mínimo as molestias ou inquedanzas asociadas coa medida, de acordo co disposto no artigo 38.ter.2.a) da Lei 8/2001.

Terceiro. Medida preventiva de seguridade sanitaria consistente na exhibición de documentación que acredite o cumprimento de determinados requisitos para o acceso a eventos multitudinarios ou a aqueles que teñan autorizada a venda de alimentos ou bebidas para o seu consumo durante eles

1. A medida preventiva de seguridade sanitaria consistente na exhibición de documentación que acredite o cumprimento de determinados requisitos, prevista no número 2 deste punto, con fundamento na protección da saúde pública, ao abeiro do establecido nas letras g) e k) do número 1 do artigo 38.1 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, será aplicable aos seguintes supostos:

a) Para o acceso ao interior dos establecementos ou recintos pechados, que conten cunha asistencia de público superior a 200 persoas, nos cales se desenvolvan os seguintes eventos ou actividades:

1. A realización de actos institucionais, congresos, feiras e outros eventos profesionais de análoga natureza.

2. Celebración de competicións deportivas con público, actividades en cines, teatros, auditorios e espazos similares, así como eventos musicais e artísticos e outros eventos realizados en recintos pechados e noutros locais e establecementos destinados a espectáculos públicos e actividades recreativas.

3. Celebración de eventos deportivos e outras actividades deportivas non federadas de carácter organizado.

4. Festas, verbenas e outros eventos populares realizados en espazos acoutados e pechados.

b) Para o acceso ás actividades e aos eventos sinalados na alínea a) que se desenvolvan en recintos ou espazos acoutados ao aire libre e que conten cunha asistencia de público superior a 500 persoas.

c) Para o acceso ás actividades e aos eventos sinalados nas alíneas a) e b), xa sexan en recintos ou espazos pechados ou acoutados ao aire libre, sempre que polas súas características teñan autorizada a venda de alimentos ou bebidas para o seu consumo neles, independentemente do número de asistentes.

En particular, a medida de seguridade sanitaria establecida neste punto adóptase como condición para manter a actividade neste tipo de eventos, atendida a situación epidemiolóxica actual, e constitúe, deste xeito, unha medida alternativa menos gravosa para a consecución do fin proposto de saúde pública con igual eficacia que limitar ou establecer novas restricións ás citadas capacidades máximas e horarios.

2. Nos supostos indicados no punto anterior, o acceso ao interior dos locais por parte das persoas maiores de 12 anos requirirá da presentación dun certificado emitido polo servizo público de saúde ou, no caso do ordinal 2º, por un laboratorio oficial autorizado, que acredite a concorrencia de calquera das seguintes circunstancias:

1º. Que recibiron a pauta completa dunha vacina contra a COVID-19 para a cal se concedeu unha autorización de comercialización, de conformidade co Regulamento (CE) nº 726/2004.

2º. Que dispoñen dunha proba diagnóstica negativa realizada nas últimas 72 horas, no caso das PCR, e 48 horas, no caso dos test de antíxenos. No caso dos test rápidos de antíxenos, deberán estar enumerados na lista común e actualizada de test rápidos de antíxenos da COVID-19 establecida sobre a base da Recomendación 2021/C 24/01, do Consello de Europa.

3º. Que o titular se recuperou dunha infección polo SARS-CoV-2 nos últimos 6 meses. Para iso, a persoa deberá ter sido diagnosticada como caso confirmado da COVID-19 hai 11 días ou máis mediante unha proba PCR, e non é válido outro tipo de test.

3. A medida adóptase con carácter temporal, atendidos os principios científicos, as probas científicas e a información dispoñible neste momento, buscando asegurar un nivel elevado de protección da cidadanía, de acordo co establecido no artigo 38.ter da Lei 8/2008, do 10 de xullo.

A medida poderá ser revisada unha vez atendidas as probas e a información científica existentes en cada momento.

4. Ademais do establecido no número 1, os requisitos establecidos para o acceso consideraranse, para os efectos do establecido no número 1 do artigo 7 da Lei 10/2017, do 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia, como condicións de seguridade sanitaria para garantir os dereitos do público asistente e de terceiras persoas afectadas, polo que, de acordo co número 2 do artigo 23 desta lei, as persoas titulares dos establecementos ou o seu persoal terán a obrigación de realizar o control do cumprimento da medida de seguridade sanitaria, polo que non se permitirá o acceso das persoas que non exhiban a documentación requirida, que será necesaria para o acceso e a prestación dos correspondentes servizos ao cliente.

5. Co obxecto de procurar a máxima garantía da privacidade e intimidade das persoas, a exhibición da información a que se refire a medida preventiva só poderá ser solicitada polas persoas titulares dos establecementos ou polo seu persoal no momento do acceso ao interior e para os efectos da súa mera comprobación ou verificación.En particular, de acordo co principio expresado de velar pola máxima garantía da privacidade e intimidade, a comprobación da validez dos certificados presentados, tanto en formato papel como en formato dixital, só poderá ser efectuada polos establecementos a través da lectura do código QR que figura en cada un dos certificados, empregando para tal fin a aplicación Passcovid da Comunidade Autónoma de Galicia de Galicia, prevista na Orde da Consellería de Sanidade do 18 de agosto de 2020, pola que se regula o sistema de información Passcovid.gal como medida complementaria na xestión da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, dispoñible nas plataformas Android e Ios.

A comprobación efectuarase unicamente coa finalidade expresada de control de acceso. Non se conservarán en ningún caso datos de carácter persoal nin se crearán ficheiros con eles. Polo tanto, non se realizarán en ningún caso operacións de tratamento sobre datos persoais, xa sexa por procedementos automatizados ou non, como a recollida, rexistro, organización, estruturación, conservación, adaptación ou modificación, extracción, consulta, utilización, comunicación por transmisión, difusión ou calquera outra forma de habilitación de acceso ou outra operación non permitida pola normativa vixente.

6. En todo caso, as persoas titulares dos establecementos, os organizadores ou o persoal que realice o control de acceso están obrigados a manter o segredo e a confidencialidade sobre os datos persoais a que accedan, de acordo co establecido no número 4 do artigo 7 da Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, de protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe, así como ao cumprimento do indicado no punto anterior.

7. Os clientes, usuarios ou asistentes serán informados, tanto verbalmente como a través de cartelaría visible localizada na entrada do establecemento, das medidas aplicables e do seu contido, sobre o seu carácter necesario para o acceso, así como da non conservación dos datos persoais, a súa non integración en calquera tipo de ficheiros e a inexistencia de calquera tratamento ulterior, co fin de facilitar o coñecemento da dita información por parte do cliente.

8. A posta en funcionamento da medida e o seu control respectarán, en todo caso, a dignidade da persoa. As actuacións de comprobación serán o menos intrusivas e invasivas que sexa posible para lograr o obxectivo de protección da saúde pública, procurando reducir ao mínimo as molestias ou inquedanzas asociadas coa medida, de acordo co disposto no artigo 38.ter 2.a) da Lei 8/2001.

Cuarto. Prórroga e modificación da Orde do 16 de novembro de 2021 pola que se aproba a exixencia de determinadas medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia no que se refire aos centros hospitalarios

Un. Atendendo á evolución da situación epidemiolóxica, prorrógase ata as 00.00 horas do día 18 de xaneiro de 2022 a eficacia das medidas previstas na Orde do 16 de novembro de 2021 pola que se aproba a exixencia de determinadas medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia no que se refire aos centros hospitalarios, na súa redacción vixente.

Dous. Engádese un novo número 2 bis no punto primeiro da Orde do 16 de novembro de 2021 pola que se aproba a exixencia de determinadas medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia no que se refire aos centros hospitalarios, que queda redactado como segue:

«2 bis. Esta medida preventiva de seguridade será aplicable tamén para o acceso das visitas e acompañantes dos pacientes aos hoteis de pacientes e hospitais de día para tratamentos oncolóxicos ou de diálise, tanto públicos como privados».

Quinto. Prórroga da eficacia das medidas previstas na Orde do 29 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de lecer nocturno da Comunidade Autónoma de Galicia

Atendendo á evolución da situación epidemiolóxica, prorrógase ata as 00.00 horas do día 18 de xaneiro de 2022 a eficacia das medidas previstas na Orde do 29 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de lecer nocturno da Comunidade Autónoma de Galicia, na súa redacción vixente.

Sexto. Prórroga da eficacia das medidas previstas na Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia

Atendendo á evolución da situación epidemiolóxica, prorrógase ata as 00.00 horas do día 18 de xaneiro de 2022 a eficacia das medidas previstas na Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia, na súa redacción vixente.

Sétimo. Prórroga e modificación da Orde do 6 de outubro de 2021 pola que se aproba a exixencia de determinadas medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia no que se refire á actividade dos albergues turísticos

Un. Atendendo á evolución da situación epidemiolóxica, prorrógase ata as 00.00 horas do día 18 de xaneiro de 2022 a eficacia das medidas previstas na Orde do 6 de outubro de 2021 pola que se aproba a exixencia de determinadas medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, no que se refire á actividade dos albergues turísticos, na súa redacción vixente.

Dous. Modifícase o punto cinco da Orde do 6 de outubro de 2021 pola que se aproba a exixencia de determinadas medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, no que se refire á actividade dos albergues turísticos, que queda redactado como segue:

«5. Co obxecto de procurar a máxima garantía de privacidade e intimidade das persoas, a información a que se refire a medida preventiva só poderá ser solicitada para os efectos da súa mera comprobación ou verificación.

En particular, de acordo co principio expresado de velar pola máxima garantía da privacidade e da intimidade, a comprobación da validez dos certificados presentados, tanto en formato papel como en formato dixital, só poderá ser efectuada polos establecementos a través da lectura do código QR que figura en cada un dos certificados, empregando para tal fin a aplicación Passcovid da Comunidade Autónoma de Galicia, prevista na Orde da Consellería de Sanidade do 18 de agosto de 2020, pola que se regula o sistema de información Passcovid.gal como medida complementaria na xestión da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, dispoñible nas plataformas Android e Ios.

A comprobación efectuarase unicamente coa finalidade expresada de control de acceso. Non se conservarán en ningún caso datos de carácter persoal nin se crearán ficheiros con eles. Polo tanto, non se realizarán en ningún caso operacións de tratamento sobre datos persoais, xa sexa por procedementos automatizados ou non, como a recollida, rexistro, organización, estruturación, conservación, adaptación ou modificación, extracción, consulta, utilización, comunicación por transmisión, difusión ou calquera outra forma de habilitación de acceso ou outra operación non permitida pola normativa vixente»

Oitavo. Autorización xudicial, publicación e eficacia

1. Solicítase a autorización xudicial respecto das medidas consistentes na exhibición de documentación previstas nos puntos primeiro, segundo, terceiro e cuarto desta orde, así como respecto das medidas consistentes na exhibición de documentación previstas nas ordes que se prorrogan, en canto poden implicar limitación ou restrición de dereitos fundamentais, de acordo co disposto na redacción vixente do número 8 do artigo 10 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, e a orde publicarase unha vez obtida a referida autorización.

2. As medidas previstas nesta orde terán efectos desde as 00.00 horas do día seguinte ao da súa publicación e ata as 00.00 horas do día 18 de xaneiro de 2022.

3. En cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, as medidas previstas nesta orde serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Como consecuencia deste seguimento e avaliación, as medidas poderán ser prorrogadas, modificadas ou levantadas mediante orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade

Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2021

Julio García Comesaña

Conselleiro de Sanidade

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia