lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Orde do 21 de xaneiro de 2021 pola que se aproban os diferentes modelos de autoliquidación do imposto sobre sucesións e doazóns na Comunidade Autónoma de Galicia e se regulan o procedemento e as condicións para o seu pagamento e presentación, así como determinadas obrigacións formais e de subministración de información tributaria.

Publicado en: DOG 14 22/01/2021

Departamento: Consellería de Facenda e Administración Pública

Estado: En vigor

PDF

Inclúe a corrección de erros publcada no DOG núm. 18, do 28 de xaneiro de 2021.
Inclúe a corrección de erros publcada no DOG núm. 24, do 5 de febreiro de 2021.

O artigo 55.1.e) e f) da Lei 22/2009, do 18 de decembro, pola que se regula o sistema de financiamento das comunidades autónomas de réxime común e cidades con estatuto de autonomía e se modifican determinadas normas tributarias, establece que, no ámbito da xestión tributaria do imposto sobre sucesións e doazóns, corresponde ás comunidades autónomas a aprobación de modelos de declaración e, en xeral, as demais competencias necesarias para a xestión do citado imposto. A Comunidade Autónoma de Galicia asumiu esas competencias nos termos previstos na Lei 17/2010, do 16 de xullo, do réxime de cesión de tributos do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia e de fixación do alcance e condicións da devandita cesión.

Pola súa banda, a disposición derradeira primeira do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, establece que a Xunta de Galicia ditará cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento regulamentario do devandito texto refundido, e autoriza a consellería competente en materia de facenda para aprobar as disposicións que sexan precisas para a súa aplicación.

Así mesmo, os artigos 21.4 e 22 do Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, remiten a unha orde da consellería competente en materia de facenda onde se regulará, por unha banda, a forma, lugar e prazos de presentación das autoliquidacións que hai que practicar por este imposto, así como a documentación que hai que achegar e, por outra, os xustificantes que acreditan a presentación e pagamento do imposto para os efectos do artigo 61.3 da Lei 22/2009, do 18 de decembro, e os artigos 254 e 256 da Lei hipotecaria e 100 do Real decreto 1629/1991, do 8 de novembro, polo que se aproba o Regulamento do imposto sobre sucesións e doazóns.

O artigo 103 da Constitución española sinala a eficacia como un dos principios que deben rexer a actuación das administracións públicas. Ademais, a Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, alude no seu artigo 3, xunto aos principios constitucionais, aos de servizo efectivo aos cidadáns, á simplicidade, claridade e proximidade aos cidadáns, á racionalización e axilidade dos procedementos administrativos e das actividades materiais de xestión e ao de eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos. Pola súa banda, a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, recoñece no artigo 13 o dereito dos cidadáns a que se lles facilite o exercicio dos seus dereitos e o cumprimento das súas obrigas, e no artigo 14, o dereito para comunicarse coas administracións públicas para o exercicio dos seus dereitos e das súas obrigas a través de medios electrónicos. Ao mesmo tempo, este artigo establece o deber de relacionarse coa Administración mediante medios electrónicos das persoas xurídicas, das entidades sen personalidade xurídica, daqueles que exerzan unha actividade profesional para a que se requira colexiación obrigatoria en relación con aqueles trámites e actuacións que realicen coas administracións públicas no exercicio da dita actuación profesional, e daqueles que representen un interesado que estea obrigado a relacionarse electronicamente coa Administración. Por último, no número 3 do artigo 14 establécese que, regulamentariamente, as administracións poderán establecer a obriga de relacionarse con elas a través de medios electrónicos para determinados procedementos e para certos colectivos de persoas físicas que, por razón da súa capacidade económica, técnica, dedicación profesional ou outros motivos quede acreditado que teñen acceso e dispoñibilidade dos medios electrónicos necesarios.

Para o logro destes obxectivos, a utilización por parte das administracións de técnicas, informáticas e electrónicas, no desenvolvemento da súa actividade e o exercicio das súas competencias constitúe o instrumento máis idóneo. Aínda que a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, xa foi consciente do impacto das novas tecnoloxías nas relacións administrativas, foi a Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, a que lles deu carta de natureza legal, ao establecer o dereito dos cidadáns a relacionarse electronicamente coas administracións públicas, así como o deber destas de dotarse dos medios e sistemas necesarios para que ese dereito puidese exercerse. Na contorna actual, a tramitación electrónica non pode ser unha forma especial de xestión dos procedementos, tal e como recoñece a Lei 39/2015, do 1 de outubro, senón que debe constituír a actuación habitual das administracións. Con ese obxectivo, a regulación estatal introduce de modo transversal o emprego dos medios electrónicos nas relacións entre as administracións públicas e entre estas e a cidadanía, garantindo así a xeneralización do uso dos medios electrónicos.

No ámbito galego, a Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación, establece determinadas previsións en materia de administración dixital, como primeiro paso para a adaptación á regulación prevista tanto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, como na Lei 40/2015, do 1 de outubro.

O desenvolvemento da normativa básica estatal en materia de administración electrónica levouse a cabo coa Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, que regula o modelo de administración dixital no sector público autonómico coa finalidade última da prestación de servizos públicos dixitais de calidade.

No ámbito tributario, a Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, desenvolve, no seu artigo 34, o deber da Administración de informar e asistir os obrigados tributarios sobre o exercicio dos seus dereitos e o cumprimento das súas obrigas, sinalando que as actuacións da Administración tributaria que requiran a súa intervención deberán levarse a cabo da forma que resulte menos gravosa para estes, sempre que iso non prexudique o cumprimento das súas obrigas tributarias. Do mesmo xeito, no seu artigo 96, compele á Administración tributaria a promover a utilización das técnicas e medios electrónicos, informáticos e electrónicos necesarios para o desenvolvemento da súa actividade e o exercicio das súas competencias. Así mesmo, cando sexa compatible cos medios técnicos de que dispoña a administración electrónica, os cidadáns poderán relacionarse con ela para exercer os seus dereitos e cumprir coas súas obrigas mediante técnicas e medios electrónicos, informáticos e telemáticos coas garantías e requisitos previstos en cada procedemento.

De acordo co anterior, está claro que as novas tecnoloxías aplicadas aos procedementos de aplicación de tributos son un instrumento idóneo para conxugar os principios de eficacia da Administración tributaria e a limitación dos custos indirectos ao contribuínte, e, nesta liña, a presentación telemática de tributos ofrécelles a posibilidade de evitar desprazamentos ás oficinas xestoras ou ás entidades bancarias para a realización do pagamento, así como a presentación dos tributos fóra do horario normal de atención ao público. Ao mesmo tempo, a utilización dos programas que a Administración tributaria implementa para a presentación telemática dos tributos facilita o labor de cubrir os modelos, guiando o contribuínte na introdución dos datos, evitando a reiteración destes e ofrecéndolle unha axuda en liña.

Os cambios normativos que tiveron lugar implican a necesidade de avanzar na axilización dos trámites que ten que realizar o colectivo dos colaboradores sociais a que se refiren os artigos 92 a 95 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, aconsella que esta orde obrigue a todos eles a utilizar medios electrónicos para realizar a presentación e pagamento dos modelos que nela se regulan. Isto redunda nunha simplificación no cumprimento das obrigas formais e materiais na presentación e pagamento das autoliquidacións tributarias, para o que se facilita a información e asistencia co fin de garantir o exercicio dos dereitos das persoas interesadas.

Coa incorporación das novas tecnoloxías preténdese esencialmente conseguir unha Administración que cumpra os obxectivos dun maior achegamento ao cidadán, facilitándolle o acceso á información e aos seus servizos, un maior coñecemento por parte do cidadán da Administración, das súas funcións e as súas competencias, unha maior axilización na tramitación de asuntos, así como unha redución do tempo de resposta, que redunde nunha mellora da calidade e eficiencia do servizo ofrecido.

Por outra banda, a necesaria garantía do principio de seguridade xurídica que debe presidir todo ordenamento exixe acabar coa dispersión normativa existente e, en consecuencia, na presente orde refúndese a normativa regulamentaria autonómica relativa á xestión e liquidación en relación co imposto sobre sucesións e doazóns, o que determina a derrogación, en todo ou en parte, da Orde do 27 de agosto de 2008 pola que se aproban os modelos D650, 650 e 651 do imposto sobre sucesións e doazóns e da Orde do 19 de maio de 2005 pola que se regula o procedemento para o pagamento e a presentación telemáticos das autoliquidacións correspondentes ao imposto sobre sucesións e doazóns e se modifican as ordes que regulan o pagamento e a presentación telemáticos no imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados e na taxa fiscal sobre o xogo.

Ademais, apróbanse os modelos de autoliquidación do imposto de sucesións e doazóns 650 e 651, e, por primeira vez, apróbase o modelo 660 para a presentación de documentos relacionados con adquisicións mortis causa que fosen previamente obxecto de presentación. Tamén se regula a presentación electrónica deste imposto, que será obrigatoria para determinados colectivos. Por último, establécense determinadas obrigas formais e de subministración de información tributaria, e recóllese de modo expreso a documentación complementaria que hai que achegar no caso da autoliquidación dos modelos 650 e 651.

A presente orde axústase así aos principios de boa regulación contidos no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, e no artigo 37.a) da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico de Galicia, ao responderen as medidas previstas nela á satisfacción de necesidades de interese xeral coa debida proporcionalidade, eficacia e eficiencia, ao recollérense na norma os obxectivos perseguidos a través dela e a súa xustificación, como exixe o principio de transparencia, e ao introducírense a través dela, conforme o principio de seguridade xurídica, as modificacións precisas nas disposicións vixentes.

Na Comunidade Autónoma de Galicia, o Decreto 30/2017, do 30 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda, atribúelle a esta as competencias e funcións que en materia de facenda se establecen no Estatuto de autonomía, e exércense a través da Axencia Tributaria de Galicia as funcións de aplicación, revisión e exercicio da potestade sancionadora sobre os impostos cedidos, de acordo co disposto no Decreto 202/2012, do 18 de outubro, polo que se crea a Axencia Tributaria de Galicia e se aproba o seu estatuto.

Así, en virtude do exposto, de acordo coa competencia establecida no artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e de acordo co Consello Consultivo de Galicia,

ACORDO:

CAPÍTULO I Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

Esta orde ten por obxecto a aprobación dos modelos de autoliquidación do imposto sobre sucesións e doazóns cuxo rendemento corresponda á Comunidade Autónoma de Galicia, a regulación dos procedementos e condicións xerais para o seu pagamento e presentación e a regulación de determinadas obrigacións formais e de subministración de información tributaria que se aplicará a todos os usuarios.

Artigo 2. Conceptos e definicións

Para os efectos desta orde entenderase por:

1. Usuarios. Calquera das persoas seguintes:

a) As persoas profesionais colexiadas, así como as entidades privadas, as institucións ou organizacións representativas de sectores ou intereses sociais, laborais, empresariais ou profesionais, que subscribisen coa Comunidade Autónoma o correspondente convenio de colaboración, nos termos acordados nel.

b) Os obrigados tributarios ou os seus representantes, sempre que estes últimos dispoñan da correspondente sinatura electrónica de acordo co establecido no artigo 9 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Número de referencia completo (NRC). O NRC é un código xerado informaticamente pola entidade colaboradora mediante un sistema criptográfico que permitirá asociar a autoliquidación ao pagamento derivado dela. Está composto por 22 posicións co seguinte contido: posicións 01-13: alfanuméricas, corresponden ao número de xustificante da autoliquidación. Posición 14: alfanumérica, corresponde a un carácter de control adicional. Posicións 15-22: caracteres de control. As normas técnicas de xeración do NRC figuran no anexo I desta orde.

3. Ficha notarial: a ficha notarial é o documento informático comprensivo dos elementos básicos do documento notarial confeccionado cos datos existentes no índice único informatizado notarial a que se refire o artigo 17 da Lei do 28 de maio de 1862, do notariado. A ficha notarial deberá reproducir fielmente os elementos básicos da escritura, sobre todo aqueles que teñan relevancia para efectos tributarios. O notario velará pola máis estrita veracidade da ficha, así como pola súa correspondencia cos documentos públicos autorizados e intervidos, e será responsable de calquera discrepancia que exista entre aquela e estes, de acordo co establecido nos artigos 284 a 288 do Regulamento notarial, aprobado polo Decreto do 2 de xuño de 1944.

CAPÍTULO II Aprobación dos modelos e utilización dos programas de axuda

Sección 1ª. Aprobación dos modelos

Artigo 3. Aprobación dos modelos D650, 650, 651 e 660 do imposto sobre sucesións e doazóns que figuran nos anexos II a V

1. Apróbanse os modelos que figuran nos anexos II a V e que se relacionan nos artigos 4 a 7 para a autoliquidación do imposto sobre sucesións e doazóns.

2. Os modelos que se xeran a través da plataforma da oficina virtual tributaria (OVT) da Axencia Tributaria de Galicia (Atriga) terán a mesma validez e eficacia que os modelos en papel aprobados por esta orde.

Corrección de erros. Artigo 3 redactado conforme a corrección de erros publicada no DOG núm. 18, do 28 de xaneiro de 2021.

Artigo 4. Modelo D650. Imposto sobre sucesións e doazóns: adquisicións mortis causa. Declaración de bens

1. O modelo D650 utilizarase, acompañado do modelo 650, nos casos de adquisicións mortis causa, incluídas as de beneficiarios de contratos de seguros sobre a vida, cando o contratante sexa persoa distinta do beneficiario, salvo os supostos expresamente regulados no artigo 17.2.a) da Lei 35/2006, do 28 de novembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas e de modificación parcial das leis dos impostos sobre sociedades, sobre a renda de non residentes e sobre o patrimonio.

2. Este modelo non se presentará cando a autoliquidación se confeccione a través da aplicación que a Atriga pon ao dispor dos suxeitos pasivos na OVT, ou ben cando se trate de adquisicións mortis causa nas cales non se produza o falecemento do transmitente, de adquisicións do usufruto que consoliden o pleno dominio e autoliquidacións parciais a que se refire o artigo 89 do Regulamento do imposto sobre sucesións e doazóns, aprobado mediante o Real decreto 1629/1991, do 8 de novembro.

3. Este modelo comprende a relación de bens e dereitos que integran a masa hereditaria con expresión do valor que se atribúe a cada un deles, así como das cargas, débedas e gastos cuxa dedución se solicite, contratos de seguros sobre a vida acumulables e da solicitude de reducións non aplicables de oficio. Inclúe un anexo para a relación de suxeitos pasivos na sucesión ou o seguro.

4. Admitirase a presentación dun só modelo D650 por causante sempre que se presenten de forma conxunta os modelos 650 de todos os suxeitos pasivos.

Orde do 16 de decembro de 2021.

Artigo modificado:Artigo 4 apartado 3 nova redacción por artigo segundo apartado un.

Artigo 5. Modelo 650. Imposto sobre sucesións e doazóns: autoliquidación-sucesións

1. O modelo 650 utilizarase para a autoliquidación das adquisicións mortis causa, incluídas as de beneficiarios de contratos de seguros sobre a vida, cando o contratante sexa persoa distinta do beneficiario, salvo nos supostos expresamente regulados no artigo 17.2.a) da Lei 35/2006, do 28 de novembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas e de modificación parcial das leis dos impostos sobre sociedades, sobre a renda de non residentes e sobre o patrimonio. Tamén se utilizará o modelo 650 para as autoliquidacións parciais a que se refire o artigo 89 do Regulamento do imposto sobre sucesións e doazóns, aprobado mediante o Real decreto 1629/1991, do 8 de novembro.

2. O modelo 650 irá sempre acompañado do modelo D650, salvo que a presentación deste último non sexa necesaria conforme o sinalado no número 4 do artigo 4, e presentaranse tantos modelos 650 como suxeitos pasivos.

Artigo 6. Modelo 651. Imposto sobre sucesións e doazóns: autoliquidación-doazóns

O modelo 651 utilizarase para a autoliquidación das adquisicións de bens e dereitos por doazón ou calquera outro negocio xurídico inter vivos a título gratuíto.

Artigo 7. Modelo 660. Imposto sobre sucesións e doazóns: declaración-documento sucesorio

O modelo 660 utilizarase para a presentación de documentos relacionados con adquisicións mortis causa que fosen previamente obxecto de presentación a través dos modelos 650 e, se é o caso, D650 que conteñan feitos impoñibles non suxeitos.

Sección 2ª. Programas de axuda

Artigo 8. Utilización de programas de axuda para a práctica de autoliquidacións e declaracións polo imposto sobre sucesións e doazóns 650, 651 e 660

1. Na OVT da Atriga poñeranse ao dispor dos obrigados tributarios os programas de axuda para cubrir a súa autoliquidación sen que sexa preciso dispoñer de sinatura electrónica. Para estes efectos e unha vez introducidos os datos correspondentes, o sistema permitirá imprimir os exemplares do modelo de que se trate, que serán válidos para o pagamento e a presentación do imposto.

2. Os suxeitos pasivos a que se refire o artigo 15, así como aqueles que non estando obrigados elixan realizar a presentación dos modelos por medios electrónicos, precisarán dispoñer de sinatura electrónica para a súa confección. Unha vez cubertos os datos, o sistema xerará os modelos para a súa presentación electrónica.

CAPÍTULO III Documentación complementaria

Sección 1ª. Modelo 650

Artigo 9. Documentación xeral

1. Os obrigados tributarios deben presentar, xunto coa correspondente autoliquidación do modelo 650, o modelo D650 que conteña a relación de bens transmitidos, salvo os casos previstos no artigo 4.

2. En caso de transmisións mortis causa cando non se produza o falecemento do causante, deberase achegar a copia auténtica do documento notarial en que conste a devandita transmisión, salvo que o imposto se presente de forma electrónica, nese caso estarase ao disposto no artigo 16.2.b).

3. No caso de autoliquidacións parciais a que se refire o artigo 89 do Regulamento do imposto sobre sucesións e doazóns, aprobado mediante o Real decreto 1629/1991, do 8 de novembro, será necesario presentar unha relación por duplicado en que se describan os bens a que se refira, o seu valor e a situación en que se atopan, así como o nome da persoa ou entidade que deba proceder ao pagamento ou á entrega dos bens e do título acreditativo do dereito do solicitante ou solicitantes.

4. En caso das adquisicións mortis causa en que se produza o falecemento do causante, xunto cos modelos D650 e 650, deberase presentar:

a) Certificado de defunción do causante, certificado do Rexistro Xeral de Actos de Última Vontade.

b) Testamento ou copia autorizada deste se o houber e, na súa falta, acta de notoriedade ou testemuño xudicial da declaración de herdeiros, segundo proceda. Se non estivese feita esta declaración, presentarase xustificante documental do parentesco sinalado na relación de presuntos herdeiros recollida na declaración dos modelos D650.

En caso de parellas de feito, deberase achegar certificado de estar rexistrado no Rexistro de Parellas de Feito de Galicia en que conste a data de inscrición no devandito rexistro expresando a súa vontade de equiparar os seus efectos aos do matrimonio.

c) Un exemplar dos contratos de seguro concertados polo causante ou certificación expedida pola entidade aseguradora no caso de seguro colectivo, onde consten a data de contratación, os beneficiarios e o importe que se percibirá. Así como, un certificado de contratos de seguro de cobertura de falecemento.

d) Xustificación documental do título de adquisición dos bens inmobles incluídos na sucesión e copia do último recibo do imposto sobre bens inmobles (IBI) ou, na súa falta, certificación catastral do inmoble onde conste a referencia catastral. Non será necesaria a súa presentación cando a referencia catastral conste no título de adquisición.

e) Certificado que acredite o número de conta, os titulares, o saldo na data de defunción e o maior saldo do último ano anterior á devandita data, das contas en entidades financeiras representativas de:

1º. Depósitos en conta corrente ou de aforro, á vista ou a prazo, contas financeiras e outros tipos de imposicións en conta.

2º. Débeda pública, obrigacións, bonos e demais valores equivalentes, negociados en mercados organizados.

3º. Accións e participacións no capital social ou no fondo patrimonial de institucións de investimento colectivo (sociedades e fondos de investimento), negociadas en mercados organizados.

4º. Accións e participacións no capital social ou nos fondos propios de calquera outra entidade xurídica, negociadas en mercados organizados.

f) Certificación expedida polo presidente, secretario ou administrador da sociedade, que acredite o número de títulos propiedade do causante e o seu valor teórico na data de devindicación de participacións no capital social de entidades que non cotizan en bolsa.

g) En caso de vehículos, a ficha técnica e o permiso de circulación.

h) En caso de embarcacións, copia da folla de asento no Rexistro de Embarcacións da capitanía marítima ou licenza de navegación.

i) Xustificación documental das cargas, gravames, débedas e gastos dos cales se solicite a dedución.

j) En caso de contribuíntes pertencentes aos grupos III e IV a que se refire o artigo 20.2.a) da Lei 29/1987, do 18 decembro, do imposto sobre sucesións e doazóns, deberán presentar unha relación do seu patrimonio preexistente na data de devindicación do imposto, valorado conforme as normas do imposto sobre o patrimonio. Esta declaración poderá substituírse por unha copia da declaración do devandito imposto no exercicio anterior ao de falecemento se este tivo lugar unha vez finalizado o prazo establecido para a súa presentación ou, noutro caso, pola do inmediato anterior, facendo, en ambos os casos, indicación das modificacións que nela procedan para adaptala á situación patrimonial vixente no momento de devindicación do imposto sobre sucesións e doazóns.

Cando o patrimonio preexistente do suxeito pasivo estea comprendido no primeiro ou no último tramo establecido no artigo 10 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, bastará con que figure a súa manifestación e farase constar así.

Artigo 10. Documentación no caso de aplicación de beneficios fiscais

No suposto de aplicarse as reducións na base impoñible que se indican a continuación, xunto coa documentación exixida no artigo 9, deberá achegar a seguinte:

1. Redución por discapacidade.

a) Certificación ou resolución expedida polo órgano competente onde se acredite o grao de discapacidade e a data de efectos desta.

Se a Comunidade Autónoma de Galicia é competente para a súa expedición, non será precisa a súa achega.

b) En caso de pensionistas da Seguridade Social cunha pensión de incapacidade permanente total, absoluta ou grande invalidez recoñecida e pensionistas de clases pasivas cunha pensión de xubilación ou retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade recoñecida, deberá achegar xustificante documental do recoñecemento das devanditas pensións.

c) En caso de persoas cuxa incapacidade sexa declarada xudicialmente así como nos casos de dependencia severa e gran dependencia, sempre que estas últimas situacións fosen recoñecidas polo órgano competente, de acordo co establecido no artigo 28 da Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia, deberase achegar copia do documento xudicial ou certificación do órgano competente, respectivamente, salvo que neste último caso o competente para a súa expedición sexa a Comunidade Autónoma de Galicia, nese caso non será precisa a súa achega.

2. Redución por adquisición das indemnizacións da síndrome tóxica e por actos de terrorismo.

a) Sentenza xudicial que recoñeza o pagamento de indemnizacións aos afectados pola síndrome tóxica.

b) Resolución administrativa ditada ao abeiro da Lei 29/2011, do 22 de setembro, de recoñecemento e protección integral ás vítimas do terrorismo.

3. Redución por cantidades percibidas polos beneficiarios de contratos de seguros sobre vida.

Certificado de contratos de seguros de cobertura de falecemento onde consten os contratos vixentes en que figuraba como asegurada a persoa falecida e con que entidade aseguradora (seguros de vida con cobertura de falecemento e seguros de accidentes que cubran a continxencia da morte do asegurado) expedido polo Rexistro Xeral de Actos de Última Vontade (Rexistro Civil).

No suposto previsto na disposición transitoria cuarta da Lei 29/1987, do 18 de decembro, do imposto sobre sucesións e doazóns, deberase achegar certificación da compañía de seguros onde conste que o contrato de seguro foi subscrito con anterioridade ao 16 de xaneiro de 1987.

4. Redución por transmisións mortis causa duns mesmos bens nun período máximo de dez anos a favor de descendentes ou adoptados.

a) Copia da autoliquidación ou liquidación onde conste a cota que se reducirá, así como xustificación de realizar o seu pagamento, salvo que figure en poder da Atriga.

b) Relación onde se identifiquen os bens e, se é o caso, xustificante documental da substitución dos bens transmitidos por primeira vez por outros do mesmo valor que integren o caudal hereditario das seguintes ou ulteriores transmisións.

5. Redución por adquisición de vivenda habitual.

No caso de parente colateral maior de 65 anos, certificado de empadroamento deste ou documento onde conste a súa residencia nos dous anos anteriores ao falecemento.

6. Reducións pola adquisición de bens e dereitos afectos a unha actividade económica de arrendamento de inmobles.

a) Contrato de traballo da persoa ou persoas contratadas, acompañado da xustificación da súa comunicación aos servizos públicos de emprego.

b) Nóminas ingresadas e xustificación dos pagamentos da cotización na Seguridade Social (TC-1 e TC-2).

c) Contratos de arrendamento e identificación dos arrendatarios.

7. Reducións pola adquisición de participacións en entidades.

a) Balance de situación da sociedade a data de devindicación, así como o último balance pechado e do último balance aprobado con anterioridade á data de devindicación sempre que a situación patrimonial da sociedade non sufrise variacións significativas entre a data deste balance e a de devindicación, o que deberán indicar.

b) Memoria da sociedade do exercicio anterior á devindicación do imposto.

c) Escritura de constitución e estatutos da sociedade e, se é o caso, das modificacións sociais ata a data de devindicación.

d) Certificación da participación no capital social do causante ou doador e, se procede, do cónxuxe, dos descendentes, dos ascendentes ou dos colaterais ata o sexto grao do transmitente, tanto por consanguinidade ou adopción como por afinidade, así como a valoración da devandita participación.

e) Certificado da entidade que acredite as funcións de dirección que realizaba na entidade o causante ou o doador ou o membro do grupo de parentesco que exerce estas funcións.

f) Certificación das remuneracións do causante ou doador ou, se procede, do membro do grupo de parentesco, polas funcións de dirección na entidade, referido ao ano da transmisión e ao ano precedente, así como certificación do réxime en que se atopa incluída a dita persoa na Seguridade Social.

8. Redución por adquisición de bens do patrimonio histórico ou cultural.

a) Declaración xenérica de ben de interese cultural, ou

b) Copia da declaración individual como ben de interese cultural, ou

c) Certificación da Administración local onde se atope situado o ben que acredite que está incluído no recinto dun conxunto histórico, ten asignado un nivel de protección integral, está incluído no catálogo adxunto ao plan municipal e ten unha antigüidade igual ou superior a 50 anos.

9. Redución pola adquisición de explotacións agrarias e de elementos afectos.

a) No caso previsto no artigo 7.cinco do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo.

Certificación expedida polo órgano competente que acredite:

1º. No caso de explotacións agrarias, que o causante ou o seu cónxuxe ten a condición de persoa agricultora profesional e o período de duración durante o cal mantivo tal condición. E que os bens ou dereitos transmitidos constitúen unha explotación agraria.

2º. No caso de bens afectos a explotacións agrarias, que o adquirente ou o seu cónxuxe ten a condición de persoa agricultora profesional e o período de duración durante o cal mantivo tal condición. Así como que o adquirente ou o seu cónxuxe, na data de devindicación, sexa titular dunha explotación agraria ou persoa socia dunha sociedade agraria de transformación, cooperativa de explotación comunitaria da terra ou sociedade civil titular dunha explotación agraria a que están afectos os elementos transmitidos.

3º. No caso de predios rústicos transmitidos no prazo de 6 meses polo habente causa, que o adquirente teña a condición de persoa agricultora profesional e o período de duración durante o cal mantivo tal condición. Así como que o adquirente é titular dunha explotación agraria ou persoa socia dunha sociedade agraria de transformación, cooperativa de explotación comunitaria da terra ou sociedade civil titular dunha explotación agraria a que están afectos os elementos transmitidos.

b) No caso de aplicación das reducións pola adquisición de explotacións agrarias e predios rústicos previstas na Lei 19/1995, do 4 de xullo, de modernización de explotacións agrarias.

Certificación expedida polo órgano competente que acredite, segundo os casos, que:

1º. O transmitente é titular dunha explotación agraria prioritaria.

2º. O adquirente é titular doutra explotación que sexa prioritaria e que non se altera a condición de prioritaria por esta adquisición ou que alcance esta consideración como consecuencia da adquisición.

3º. O adquirente é o cónxuxe supérstite do transmitente ou é un agricultor novo ou un asalariado agrario e a transmisión realízase nos cinco anos seguintes á súa primeira instalación.

4º. Coa adquisición complétase baixo un só linde a superficie suficiente para constituír unha explotación prioritaria.

5º. Coa adquisición complétase baixo un só linde o cincuenta por cento, polo menos, da superficie dunha explotación cuxa renda unitaria de traballo estea dentro dos límites establecidos para efectos de concesión de beneficios fiscais para as explotacións prioritarias.

6º. Os bens ou dereitos transmitidos constitúen unha explotación agraria ou unha parte desta na data de transmisión.

Corrección de erros. Artigo 10 redactado conforme a corrección de erros publicada no DOG núm. 18, do 28 de xaneiro de 2021.

Sección 2ª. Modelo 651

Artigo 11. Documentación xeral

Os obrigados tributarios deben presentar, xunto coa correspondente autoliquidación do modelo 651, o documento en que se conteña ou constate o feito impoñible suxeito a gravame.

En caso de documentos notariais deberase presentar copia auténtica do documento, salvo que o imposto se presente de forma electrónica, en que se observará o disposto no artigo 16.2.b).

Se se trata de documentos privados, presentarase o seu orixinal.

Corrección de erros. Artigo 11 redactado conforme a corrección de erros publicada no DOG núm. 18, do 28 de xaneiro de 2021.

Artigo 12. Documentación no caso de aplicación de beneficios fiscais

No suposto de aplicarse as reducións na base impoñible que se indican a continuación, xunto coa documentación exixida no artigo 11, deberá achegarse a seguinte:

1. Redución pola adquisición de bens e dereitos afectos a unha actividade económica e de participación en entidades.

a) Se é o caso, certificado ou resolución expedida polo órgano competente que acredite a situación de incapacidade permanente en grao absoluta ou grande invalidez do doador e a data de efectos de tal recoñecemento.

b) A prevista nos números 6 e 7 do artigo 10.

2. Redución pola adquisición de explotacións agrarias e predios rústicos.

a) No caso da prevista no artigo 8.cinco do texto refundido aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo.

1º. Se é o caso, certificado ou resolución expedida polo órgano competente que acredite a situación de incapacidade permanente en grao absoluta ou gran invalidez do doador e a data de efectos de tal recoñecemento.

2º. Certificación expedida polo órgano competente que acredite que o transmitente na data de devindicación ten a condición de persoa agricultora profesional e que perde esa condición como consecuencia da doazón, e que a explotación agraria realizase efectivamente actividades agrarias e a persoa agricultora profesional mantivese tal condición durante un prazo superior a dous anos anteriores á data de devindicación do imposto.

b) No caso das previstas na Lei 19/1995, do 4 de xullo, de modernización de explotacións agrarias:

A prevista na letra b) do número 9 do artigo 10.

3. Redución por adquisición de bens do patrimonio histórico ou cultural.

A prevista no número 8 do artigo 10.

Sección 3ª. Modelo 660

Artigo 13. Documentación xeral

Os obrigados tributarios deben presentar, xunto coa correspondente declaración do modelo 660, a documentación acreditativa do feito declarado. En caso de documentos notariais deberase presentar copia auténtica do documento, salvo que o imposto se presente de forma electrónica, en que observará o disposto no artigo 16.2.b).

Sección 4ª. Unidade documental

Artigo 14. Presentación e efectos

A documentación complementaria a que se refiren os artigos anteriores deberá achegarse no momento da presentación da autoliquidación e formará unha unidade documental xunto ao modelo da devandita autoliquidación.

Non se entenderá completamente cumprida a obriga tributaria, para os efectos da obtención do xustificante de presentación previsto no anexo VI, ata que o modelo e a documentación se atopen debidamente presentados.

Corrección de erros. Artigo 14 redactado conforme a corrección de erros publicada no DOG núm. 18, do 28 de xaneiro de 2021.

CAPÍTULO IV Forma e lugar de presentación

Artigo 15. Forma de presentación

A presentación electrónica das autoliquidacións e declaracións e, se é o caso, da documentación complementaria, prevista nesta orde, ten carácter obrigatorio para as persoas ou entidades que, de acordo co que prevé o artigo 92 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, teñan a condición de colaboradores sociais na aplicación dos tributos e cumpran os requisitos e as condicións que estableza a normativa vixente.

No resto dos casos a presentación poderá ser presencial ou electrónica.

Artigo 16. Lugar de presentación

1. A presentación de forma presencial realizarase nas delegacións territoriais da Atriga, así como nas oficinas de distrito hipotecario que teñan encomendada a recepción das devanditas autoliquidacións e declaracións, con independencia de que non teñan atribuídas competencias para a aplicación dos tributos respecto a elas.

Unha vez dixitalizada a autoliquidación e a documentación complementaria devolverase á persoa interesada cos xustificantes de presentación previstos no artigo 18.

2. A presentación de forma electrónica levarase a cabo segundo as seguintes regras:

a) Realizarase a través da OVT da Atriga, tanto a presentación das autoliquidacións e declaracións como a da documentación complementaria a que se refiren os artigos 9 a 13.

b) Cando o feito impoñible estea contido nun documento notarial, haberá que aterse ás seguintes regras:

1º. Cando, por solicitude do obrigado tributario, o notario autorizante colabore na presentación, pagamento e remisión por vía electrónica das autoliquidacións, declaracións e documentación complementaria do imposto sobre sucesións e doazóns, remitirá o documento, en formato electrónico, que incorpore o feito ou negocio suxeito a tributación á consellería competente en materia de facenda. A aplicación informática da consellería enviará un xustificante da presentación do documento, de acordo co modelo sinalado no anexo VI, para a súa incorporación á matriz da escritura ou documento notarial por parte do notario autorizante.

2º. No caso de que a presentación electrónica a realice o propio suxeito pasivo ou un profesional actuando no seu nome, estes deberán solicitar ao notario autorizante a remisión en formato electrónico do documento que incorpore o feito ou negocio suxeito a tributación. O propio notario enviará este documento no prazo de dez días naturais, contados a partir da súa formalización, e, en todo caso, antes da finalización do prazo de presentación da declaración tributaria correspondente.

O usuario sinalará a través da aplicación informática na devandita presentación que autorizou ao notario o envío do documento notarial. Aceptada a presentación da autoliquidación, a aplicación informática da consellería enviará ao usuario un xustificante da presentación do documento, de acordo co modelo sinalado no anexo VI.

Se o usuario desexa que o notario autorizante do documento incorpore á matriz da escritura ou documento notarial o xustificante de presentación do documento comunicarallo, e este incorporará a autorización do usuario á ficha notarial remitida. Neste caso, a aplicación enviará ao notario o devandito xustificante para a súa incorporación.

Corrección de erros. Artigo 16 redactado conforme a corrección de erros publicada no DOG núm. 18, do 28 de xaneiro de 2021.

CAPÍTULO V Pagamento da autoliquidación e xustificantes

Artigo 17. Procedemento para o pagamento

1. Nos supostos en que da autoliquidación practicada resulte un importe para ingresar, con carácter previo á súa presentación, sen prexuízo da posibilidade de solicitar un aprazamento ou fraccionamento ou pagamento mediante entrega de bens do patrimonio histórico español, os obrigados tributarios deberán realizar, se é o caso, o pagamento da débeda tributaria.

No caso de que na autoliquidación presentada se marcase a solicitude de aprazamento e fraccionamento ou o pagamento mediante entrega de bens do patrimonio histórico español, será necesario que o obrigado tributario presente ante a Atriga a súa solicitude expresa na forma, lugar e prazo e cos requisitos e consecuencias sinalados na normativa tributaria, sen que poida entenderse realizada a devandita solicitude coa mera presentación da autoliquidación co devandito recadro marcada.

2. No caso de presentación de forma presencial das autoliquidacións, o pagamento deberá realizarse nalgunha das entidades de crédito que colaboren para tal efecto. Para a realización do pagamento empregaranse como documento de ingreso os modelos aprobados nesta orde ou os confeccionados pola correspondente aplicación dispoñible na OVT da Atriga cando se elabore a través dos servizos de acceso libre.

3. No caso de presentación de forma electrónica de autoliquidacións, o pagamento poderá realizarse ordenando a súa domiciliación, de acordo coa normativa vixente na materia, ou de calquera das formas que se indican a continuación:

a) De forma presencial en calquera das entidades de crédito colaboradoras autorizadas, mediante o documento de ingreso que, para estes efectos, xerará a aplicación informática e imprimirá o usuario.

A aplicación informática xerará dúas copias do documento de ingreso debidamente cuberto. Co devandito documento acudirase á entidade financeira colaboradora para a realización do pagamento, a cal quedará co exemplar para a entidade colaboradora e devolverá ao obrigado tributario o exemplar para o interesado co selo da entidade, a data do ingreso, o número e importe, así como co NRC. O devandito documento servirá de xustificante de pagamento do número de autoliquidación impreso nel.

O NRC identificativo do ingreso realizado será requirido posteriormente pola aplicación informática para completar a presentación electrónica.

b) De forma electrónica, as persoas usuarias accederán ás aplicacións específicas a través da OVT da Atriga e efectuarán o pagamento da correspondente autoliquidación a través das entidades de crédito colaboradoras para tal efecto ou mediante tarxeta de crédito ou débito a través de sistemas de terminal de punto de venda (TPV) virtual da entidade de crédito adxudicataria do contrato en virtude do cal se preste o devandito servizo. A entidade efectuará as comprobacións oportunas e aceptará ou rexeitará a operación. No caso de ser aceptada, efectuará o aboamento na correspondente conta restrinxida de recadación de tributos e xerará o correspondente NRC para completar a presentación electrónica da autoliquidación.

Unha vez realizado o pagamento, a aplicación informática xerará o recibo que o contribuínte deberá conservar, no que se identificará, no caso de pagamento con tarxeta, a data do ingreso, o importe, o NIF e o nome do obrigado ao pagamento, así como o NRC. E, no caso de pagamento con cargo en conta identificarase, ademais, o número de conta que realiza o pagamento. O devandito documento servirá de xustificante de pagamento do número de autoliquidación impreso nel.

4. A xeración do NRC pola entidade financeira colaboradora implicará:

a) Que o recibo en que figura responde a un ingreso realizado na entidade financeira que o expide.

b) Que o devandito recibo corresponde á autoliquidación que se indica neste e non a outra.

c) Que a partir do momento de xeración deste pola entidade de crédito, e sempre que o NRC non fose anulado de acordo coa normativa tributaria en materia de recadación, queda a entidade obrigada fronte á Facenda da Comunidade Autónoma de Galicia polo importe que figura no devandito recibo, e o obrigado tributario queda liberado da súa obrigación de pagamento fronte á citada Facenda, salvo que se puidese probar fidedignamente a inexactitude da data ou do importe que conste na validación do xustificante.

Orde do 16 de decembro de 2021.

Artigo modificado:Artigo 17 apartado 3 nova redacción por artigo segundo apartado dous.

Artigo 18. Xustificantes de pagamento e de presentación

1. No caso de que as persoas obrigadas tributarias realicen o pagamento do modo establecido no artigo 17.2, a entidade colaboradora quedará co exemplar para a entidade colaboradora e devolverá ao contribuínte o resto de exemplares co selo da entidade, a data do ingreso e o importe ingresado. O devandito documento servirá de xustificante de pagamento do número da autoliquidación impreso nel.

No caso de que estea dispoñible o pagamento mediante terminal punto de venda (TPV) físico, xerarase o recibo que o contribuínte deberá conservar, no cal se identificarán o importe e a data de ingreso, así como o NRC. O devandito documento servirá de xustificante de pagamento do número de autoliquidación impreso nel.

2. No caso de que o obrigado tributario realice o pagamento na forma establecida no artigo 17.3.a), a aplicación informática xerará dúas copias do documento de ingreso debidamente cuberto. Co devandito documento acudirase á entidade financeira colaboradora para a realización do pagamento, a cal quedará co exemplar para a entidade colaboradora e devolverá ao contribuínte o exemplar para o interesado co selo da entidade, a data do ingreso, o número e importe, así como co NRC. O devandito documento servirá de xustificante de pagamento do número de autoliquidación impreso nel.

3. No caso de que as persoas obrigadas tributarias realicen o pagamento na forma establecida no artigo 17.3.b), unha vez realizado este, a aplicación informática xerará o recibo de cargo na conta que o contribuínte deberá conservar, en que se identificarán, no caso de pagamento con tarxeta, a data do ingreso, o importe, o NIF e o nome do obrigado ao pagamento, así como o NRC. E, no caso de pagamento con cargo en conta identificarase, ademais, o número de conta que realiza o pagamento. O devandito documento servirá de xustificante de pagamento do número de autoliquidación impreso nel.

4. A presentación das declaracións e autoliquidacións que regula esta orde e a súa data acreditaranse:

a) No caso de presentación de forma presencial, mediante os modelos aprobados por esta orde en papel, en que se fará constar o xustificante de presentación que corresponda dos previstos nos anexos VII e IX.

b) No caso de presentación de forma telemática, mediante os xerados pola aplicación informática, en que constarán o número de identificación da declaración ou autoliquidación, os datos identificativos do suxeito pasivo, transmitente, datos do documento, datos do ben, operación ou acto, e da cantidade ingresada, a data de ingreso e o NRC ou ben a cantidade que se debe ingresar e, con indicación da data de presentación e validados por un código seguro de verificación (CSV), formado por dezaseis caracteres. Ademais, xerarase un código interno que permitirá asociar de forma inequívoca a autoliquidación presentada electronicamente coa impresa polo contribuínte. Este documento acredita a presentación da declaración ou autoliquidación, así como a súa data. Tamén servirá como xustificante do pagamento realizado se consta nel o NRC xerado pola entidade financeira.

5. Así mesmo, no caso de documentos notariais, xerarase un xustificante acreditativo da presentación axustado ao modelo aprobado no anexo VI, para a súa incorporación ao documento notarial, de acordo coas seguintes regras:

1º. No caso de presentación de forma presencial de autoliquidacións, o órgano encargado de expedir este xustificante será o órgano da Atriga ou oficina de distrito hipotecario que leve a cabo a recepción da autoliquidación e, se é o caso, a documentación complementaria a que se refiren os artigos 9 a 13.

2º. No caso de presentación de forma electrónica, o órgano encargado de expedir este xustificante será a OVT da Atriga. Se o usuario, distinto do notario autorizante, desexa que este incorpore o xustificante á matriz da escritura ou documento notarial deberá comunicalo no momento da presentación. A aplicación informática, sempre que o notario achegase a autorización do obrigado tributario a este respecto á ficha notarial correspondente, remitirá o xustificante ao notario autorizante.

6. Os xustificantes de pagamento e presentación sinalados nos números anteriores producirán os efectos liberatorios para coa Facenda da Comunidade Autónoma sinalados no Real decreto 939/2005, do 29 de xullo, polo que se aproba o Regulamento xeral de recadación, e servirán de acreditación da presentación e pagamento da autoliquidación ante os rexistros públicos en que poidan inscribirse os documentos que incorporen o feito ou negocio que motivou o pagamento do imposto.

Os obrigados tributarios deberán conservar os xustificantes de pagamento e presentación.

Corrección de erros. Artigo 18 redactado conforme a corrección de erros publicada no DOG núm. 18, do 28 de xaneiro de 2021.

Orde do 16 de decembro de 2021.

Artigo modificado:Artigo 18 apartados 1 e 3 nova redacción por artigo segundo apartado tres.

Artigo 19. Confirmación da autenticidade dos xustificantes

Os xustificantes a que se refire esta orde, no caso de que os xere a aplicación informática, poderán ser verificados por calquera persoa de forma permanente e inmediata mediante a introdución da súa CSV no servizo de verificación de documentos da OVT da Atriga. Para estes efectos, poderanse establecer mecanismos de verificación automática do CSV a través de servizos web ou similares con colectivos que se estableza.

CAPÍTULO VI Prazo de presentación e ingreso

Artigo 20. Prazo

1. O prazo para o ingreso e a presentación das autoliquidacións e declaracións e, se é o caso, a documentación complementaria, será o seguinte:

a) Cando se trate de adquisicións por causa de morte, incluídas as dos beneficiarios de contratos de seguro de vida, o prazo será de seis meses, contados desde o día do falecemento do causante ou desde aquel en que adquira firmeza a declaración de falecemento.

b) No caso de consolidacións do dominio no nu propietario por falecemento do usufrutuario cando deban tributar polo imposto sobre sucesións e doazóns, aínda que a desmembración do dominio se realizase por actos inter vivos, o prazo será de seis meses contados desde o día do falecemento do usufrutuario ou desde aquel en que adquira firmeza a declaración de falecemento.

c) Nas adquisicións por causa de morte, en que non se produza o falecemento do transmitente, o prazo é dun mes, contado desde o día seguinte a aquel en que se formalice o acto ou contrato.

d) Nos demais supostos, o prazo será dun mes, contado desde o día seguinte a aquel en que se cause o acto ou contrato, salvo no caso da declaración-documento sucesorio para o que non existe prazo de presentación.

2. Salvo que especificamente se estableza outra cousa, cando con posterioridade á aplicación dun beneficio fiscal se produza a perda do dereito á súa aplicación por incumprimento dos requisitos a que estivese condicionado, deberase presentar e ingresar a autoliquidación complementaria correspondente no prazo dun mes contado desde o día en que se produciu o incumprimento. A regularización que se practique incluirá a parte do imposto que se deixe de ingresar como consecuencia da aplicación do beneficio fiscal, así como os xuros de demora.

Corrección de erros. Artigo 20 redactado conforme a corrección de erros publicada no DOG núm. 24, do 5 de febreiro de 2021.

CAPÍTULO VII Obrigas dos notarios

Artigo 21. Remisión electrónica dos documentos autorizados polos notarios

Sen prexuízo do cumprimento por parte dos obrigados tributarios do disposto nos artigos 9 e 16, os notarios con destino en Galicia, de acordo co establecido no artigo 32 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, enviarán por vía electrónica á Atriga, no prazo de 10 días naturais contados a partir da súa formalización, ademais das fichas notariais relativas aos documentos públicos por eles autorizados con transcendencia nos impostos sobre sucesións e doazóns, os documentos en formato electrónico correspondentes, calquera que sexa a comunidade autónoma competente para a aplicación dos devanditos tributos. A súa remisión realizarase a través da canle informática establecida entre a consellería competente en materia de facenda e a plataforma electrónica corporativa notarial.

Corrección de erros. Artigo 21 redactado conforme a corrección de erros publicada no DOG núm. 18, do 28 de xaneiro de 2021.

Disposición adicional primeira. Confidencialidade e representación

1. As persoas profesionais colexiadas, así como as entidades privadas, as institucións ou organizacións representativas de sectores ou intereses sociais, laborais, empresariais ou profesionais, no exercicio das súas funcións e nas actuacións previstas nos convenios correspondentes, respectarán as normas establecidas na Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, e a súa normativa de desenvolvemento, e no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE.

2. As persoas profesionais colexiadas, así como as entidades privadas, as institucións ou organizacións representativas de sectores ou intereses sociais, laborais, empresariais ou profesionais, aos cales o suxeito pasivo solicitase a colaboración para a presentación telemática deste imposto, deberán ter a representación nos termos establecidos no artigo 46 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria. A Administración poderá requirir a estes, en calquera momento, a acreditación da devandita representación.

3. A falta de representación suficiente das persoas en cuxo nome se presentou a documentación dará lugar á exixencia das responsabilidades que fosen procedentes.

Disposición adicional segunda. Excepcionalidade ao cumprimento das obrigacións tributarias de forma electrónica

1. Quedan exceptuadas da obriga de presentación telemática as autoliquidacións relativas ao imposto sobre sucesións e doazóns para as que os programas de axuda, que se atopan na OVT da Atriga, non permitan a súa realización, entre outras as seguintes:

a) No caso do modelo 650 a liquidación no caso de herdeiros descoñecidos, a renuncia cando o renunciante ten un grupo de parentesco co causante superior ao que lle corresponde ao beneficiario, o usufruto sucesivo cando entra o segundo usufrutuario, a substitución fideicomisaria, a consolidación de dominio nun terceiro distinto do nu propietario e dereito de uso e habitación cando se constitúe xunto co dereito de usufruto e a liquidación de seguros de vida anteriores a 1987 da disposición transitoria cuarta da Lei 29/1987, do 18 de decembro, do imposto de sucesións e doazóns.

b) No caso do modelo 651, a presentación de complementarias, a doazón de bens cando non todos están na Comunidade Autónoma de Galicia; o usufruto simultáneo a favor de cónxuxes e o dereito de uso e habitación cando se constitúe xunto co dereito de usufruto.

2. De maneira excepcional e cando circunstancias extraordinarias así o aconsellen, logo da solicitude do interesado debidamente xustificada, a Dirección da Atriga, valoradas as razóns aducidas e a documentación e as probas achegadas pola persoa ou entidade interesada para xustificar a súa solicitude, poderá exceptuar aquela da obrigatoriedade de empregar os medios electrónicos para cumprir as obrigas tributarias reguladas nesta orde.

A resolución fixará o alcance temporal da excepcionalidade e a forma e as condicións en que deberá cumprir as obrigas tributarias, sen prexuízo das consecuencias que derivasen de acordo coa normativa tributaria, no caso de incumprimentos das normas.

Corrección de erros. Disposición adicional segunda redactada conforme a corrección de erros publicada no DOG núm. 18, do 28 de xaneiro de 2021.

Disposición adicional terceira. Obrigas de conservación de soportes informáticos das entidades colaboradoras na xestión recadatoria

No suposto de pagamento electrónico das autoliquidacións referidas ao imposto de sucesións e doazóns, a entidade de crédito conservará durante un período de cinco anos os soportes informáticos que motivaron o NRC.

Disposición adicional cuarta. Pagamento por entidade colaboradora

A falta de resposta do ordenador da entidade de depósito autorizada, colaboradora na xestión recadatoria, elixida polo interesado para realizar o pagamento electrónico das autoliquidacións recollidas nesta orde, así como a falta de conformidade da devandita entidade a materializar a operación polos motivos que, con ocasión do intento de efectuar o devandito pagamento, poña en coñecemento do citado interesado, non escusarán este do pagamento e presentación da autoliquidación dentro dos prazos establecidos nesta orde.

Disposición adicional quinta. Remisión dos documentos notariais e as súas fichas resumo polos notarios cuxa praza non estea demarcada na Comunidade Autónoma de Galicia

As obrigas de remisión por vía electrónica á Atriga, conforme o establecido nesta orde, dos documentos notariais e as súas fichas polos notarios cuxa praza non estea demarcada na Comunidade Autónoma de Galicia, axustarase ao establecido para o efecto no convenio subscrito entre a consellería competente en materia de facenda e o Consello Xeral do Notariado.

Disposición adicional sexta. Habilitación normativa

Habilítase a persoa titular da Dirección da Atriga para modificar ou actualizar, mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia, os modelos de autoliquidación ou declaración aprobados nesta orde, así como para modificar os seus anexos, cando sexa preciso como consecuencia da modificación das normas legais ou regulamentarias ou como consecuencia dos avances tecnolóxicos, os cambios de sistemas ou calquera outra circunstancia que precise a correspondente plasmación nos modelos aprobados ou nas normas ou especificacións técnicas aprobadas polos devanditos anexos.

Disposición adicional sétima. Publicación no Portal tributario da Atriga

A publicación no Portal tributario será o medio utilizado para a divulgación e actualización dos contidos elaborados en desenvolvemento desta norma, sempre que segundo a normativa vixente non se exixa outro modo de publicación. En particular, publicaranse:

a) As instrucións dos modelos recollidos nesta orde.

b) A determinación dos medios polos que a cidadanía poderán obter cada un dos modelos.

c) Calquera outro contido relevante que o propio órgano directivo central en materia de tributos considere conveniente publicar por esta vía para un mellor coñecemento da cidadanía.

Disposición derrogatoria única

1. Quedan derrogadas todas as normas de igual ou inferior rango no que contradigan ou se opoñan ao disposto na presente orde.

2. Quedan derrogadas expresamente as seguintes disposicións:

a) A Orde do 27 de agosto de 2008 pola que se aproban os modelos D650, 650 e 651 do imposto sobre sucesións e doazóns.

b) A Orde do 19 de maio de 2005 pola que se regula o procedemento para o pagamento e a presentación telemáticos das autoliquidacións correspondentes ao imposto sobre sucesións e doazóns e se modifican as ordes que regulan o pagamento e a presentación telemáticos no imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados e na taxa fiscal sobre o xogo.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

A presente orde entrará en vigor o 1 de febreiro de 2021.

Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 2021

Valeriano Martínez García

Conselleiro de Facenda e Administración Pública

ANEXO I

Normas técnicas para a xeración do NRC

A entidade financeira xerará o NRC (número de referencia completo) segundo a epígrafe B.2) do anexo VII da Orde EHA/2027/2007, do 28 de xuño de 2007 (BOE do 9 de xullo), correspondente á xeración de NRC para liquidacións practicadas pola Administración, modelos 060, 061 e 069. O NRC xerarase a partir dun rexistro de 48 caracteres codificados en EBCDIC:

• MMMNNNNNNNNNDC (14): número de xustificante, onde:

– MMMNNNNNNNNND (13): número de xustificante asignado pola oficina tributaria.

– C (1): carácter de control calculado polo banco, utilizando o mesmo algoritmo especificado na nomeada orde. A oficina tributaria facilitará á entidade colaboradora o algoritmo para o cálculo deste carácter de control.

• XXXXXXXXX (9): NIF do debedor.

• NNNNNNNNNNNNN (13): importe de cargo.

• AAAAMMDD (8): data de cargo.

• XXXX (4): código de Banco de España da entidade.

O número de referencia completo (NRC) resultante terá 22 posicións:

• MMMNNNNNNNNNDC (14): número de xustificante (o mesmo que o especificado arriba).

• XXXXXXXX (8): caracteres de control resultantes de aplicar unha función MAC 4 do algoritmo DES (segundo a norma X9.9-1) aos datos anteriores (48 caracteres) utilizando a clave privada do banco. Esta función xerará 8 caracteres de control, é dicir, a sinatura.

ANEXO VI

Xustificante de presentación

[Documento: ord_CFAAP----_2101A_2021_20210121]

ANEXO VII

Xustificante de presentación relativo ao imposto de sucesións

[Documento: ord_CFAAP----_2101A_2021_20210121]

ANEXO VIII

Xustificante de presentación relativo ao imposto de doazóns

[Documento: ord_CFAAP----_2101A_2021_20210121]

ANEXO IX

Xustificante de presentación dos documentos sucesorios

[Documento: ord_CFAAP----_2101A_2021_20210121]

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia