lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Decreto 171/2021, do 23 de decembro, polo que se modifica o Decreto 16/2018, do 15 de febreiro, polo que se establecen as bases e os criterios para a elaboración dos regulamentos electorais que deben rexer a realización dos procesos electorais nas federacións deportivas galegas.

Publicado en: DOG 249 29/12/2021

Departamento: Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

Estado: En vigor

PDF

O artigo 58.5 da Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, establece que as federacións deportivas galegas desenvolverán os procesos electorais para a elección dos seus órganos de goberno e de representación de acordo aos seus respectivos regulamentos electorais, que deberán axustarse ao disposto na normativa que para ese efecto estableza a Administración autonómica, así como seren aprobados por esta con anterioridade á realización efectiva do proceso electoral.

Consonte estas previsións, o Decreto 16/2018, do 15 de febreiro, polo que se establecen as bases e os criterios para a elaboración dos regulamentos electorais que deben rexer a realización dos procesos electorais nas federacións deportivas galegas, veu axustar o proceso electoral das federacións deportivas da Comunidade Autónoma ao novo marco legal do deporte en Galicia.

A presente modificación procura para este sistema electoral unha serie de melloras que se integran, complementándoo, no réxime xurídico en vigor. Recóllense así distintos e concretos aspectos directamente dirixidos ao establecemento nas federacións deportivas de procesos electorais máis libres e transparentes, con igualdade de condicións e coa maior garantía para o exercicio do dereito de sufraxio por parte das persoas electoras, que se concreta en distintas previsións de natureza organizativa e procedemental en sintonía coas pautas legais establecidas polo lexislador, sen alterar os seus aspectos e elementos esenciais, e coa xurisprudencia ditada sobre a materia.

Sobre estas premisas, o presente decreto aborda distintas modificacións relativas aos requisitos das persoas electoras e elixibles, aos censos electorais, ao propio desenvolvemento do proceso electoral ou ao exercicio do dereito de voto por correo, entre outros aspectos, todos eles encamiñados a fortalecer un sistema electoral sobre o que afianzar o funcionamento democrático das federacións deportivas, en canto entidades que, xunto coa súa natureza privada, se configuran como axentes colaboradores da Administración pública ao exerceren, por delegación, funcións públicas de carácter administrativo. Asemade, establécese tamén como importante novidade, e de forma xenérica a todo o texto, a referencia ao cómputo de prazos por días hábiles (fronte á redacción orixinaria do Decreto 16/2018, do 15 de febreiro, que se refería a días naturais), afondando así nun sistema máis garantista para o conxunto das persoas interesadas.

Para a tramitación do presente texto seguiuse o procedemento establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e cumpríronse ademais os trámites previstos na normativa en materia de transparencia mediante a participación da cidadanía en xeral, e dos axentes e entidades deportivas afectadas, en particular.

Entre outros trámites, recadáronse o informe económico-financeiro, o informe sobre impacto de xénero, o informe da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, o da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica e o informe da Asesoría Xurídica Xeral, así como se procedeu ao trámite de audiencia ás entidades máis representativas e ás federacións deportivas de Galicia, e de publicación do proxecto no portal de transparencia e goberno aberto. Tamén se observaron os principios de boa regulación establecidos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e na Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, é dicir, os principios de necesidade, eficacia, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia e eficiencia. Así, en virtude dos principios de necesidade, eficacia e proporcionalidade, o presente decreto está xustificado por unha razón de interese xeral ao ser necesario no día de hoxe actualizar as bases e os criterios para a elaboración dos regulamentos electorais que deben rexer a realización dos procesos electorais nas federacións deportivas galegas, e recoller as normas precisas para tal fin e modernizalas. No relativo ao principio de seguridade xurídica, a norma é coherente co resto do ordenamento xurídico, desenvolve a Lei 3/2012, do 2 de abril, e xera un marco normativo estable. En cumprimento do principio de transparencia, identifícanse con claridade na norma os obxectivos perseguidos e, ademais, durante a súa tramitación, promoveuse a participación da cidadanía singularmente mediante o trámite de audiencias ás federacións deportivas de Galicia e a publicación no portal de transparencia e goberno aberto da Xunta de Galicia. E, de acordo co principio de eficiencia, evítanse cargas administrativas innecesarias ou accesorias e, na aplicación da norma, racionalizarase a xestión dos recursos públicos.

Na súa virtude, por proposta do titular da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, de acordo co Consello Consultivo e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e tres de decembro de dous mil vinte e un,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 16/2018, do 15 de febreiro, polo que se establecen as bases e os criterios para a elaboración dos regulamentos electorais que deben rexer a realización dos procesos electorais nas federacións deportivas galegas

O Decreto 16/2018, do 15 de febreiro, polo que se establecen as bases e os criterios para a elaboración dos regulamentos electorais que deben rexer a realización dos procesos electorais nas federacións deportivas galegas, queda modificado como segue:

Un. O número 1 do artigo 3 queda redactado como segue:

«1. A comisión xestora estará conformada por un máximo de oito vogalías e unha persoa que representará a presidencia. A designación das persoas que ocupen as vogalías corresponderá á comisión delegada, ou, de non existir esta, á asemblea xeral e á xunta directiva antes da súa disolución, o número de persoas designadas pola comisión delegada ou pola asemblea xeral e pola xunta directiva debe ser igual.

As vogalías designadas pola comisión delegada ou, de non existir esta, pola asemblea xeral, deberán representar, seguindo esta orde, os estamentos de entidades deportivas, deportistas, de persoas que posúan a condición de xuíces e adestradoras. Esta regra de representatividade deberá observarse tanto na designación das persoas titulares como das suplentes.

Entre as persoas designadas pola xunta directiva deberán incluírse as que exerzan as funcións de secretaría e tesouraría da correspondente federación.

A presidencia da comisión xestora corresponderá a quen presida a federación ou, no caso de cesar nesta condición por finalizar o seu mandato, por renuncia ou por presentar a candidatura a persoa integrante da asemblea ou á presidencia da federación, a quen sexa elixido ou elixida para tal función por e entre as persoas que integren a comisión xestora».

Dous. Os números 1 e 2 do artigo 8 quedan redactados como segue:

«1. Poderán ser persoas electoras e elixibles a membros da asemblea xeral:

a) Nos estamentos constituídos por persoas deportistas, persoas que teñan a condición de xuíces/árbitros e de técnicos/adestradores, as persoas que reúnan os seguintes requisitos:

1º. Ser maior de idade na data de realización das votacións.

2º. Ter licenza federativa en vigor pola correspondente federación deportiva galega na data de convocatoria das eleccións e nas dúas tempadas anteriores á da realización das eleccións.

3º. Ter participado nas dúas tempadas anteriores á de realización das eleccións nunha competición deportiva oficial celebrada en cada tempada. Este requisito non será exixido para o caso das persoas que teñan a condición de xuíces e árbitros. No caso de que, por causa de forza maior, non se tivesen realizado competicións deportivas oficiais no período indicado anteriormente, abondará con ter participado nunha competición deportiva oficial na tempada do último calendario oficial desenvolvido.

4º. Nas modalidades ou especialidades deportivas en que a actividade deportiva non ten carácter competitivo, será suficiente con ser maior de idade na data de realización das votacións e ter licenza federativa en vigor pola correspondente federación deportiva galega na data de convocatoria das eleccións e desde xaneiro do ano anterior ao da realización das eleccións.

Ademais dos anteriores requisitos, comúns para ser elector e elixible, constitúe requisito específico de elixibilidade nestes estamentos que se trate de persoas que non estean inhabilitadas para ocupar cargos directivos ou de representación no ámbito deportivo por resolución firme na vía administrativa ditada polo órgano disciplinario competente, nin estar inhabilitadas para o desempeño de cargo público ou de representación por sentenza xudicial firme.

b) No estamento de entidades deportivas, as entidades que reúnan os seguintes requisitos:

1º. Inscrición desde o mes de xaneiro dos dous anos anteriores ao de realización das eleccións na federación correspondente e no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia.

2º. Participación desde o mes de xaneiro dos dous anos anteriores ao de realización das eleccións, polo menos, nunha competición deportiva oficial por cada tempada. No caso de que, por causa de forza maior, non se tivesen realizado competicións deportivas oficiais no período indicado anteriormente, abondará con ter participado nunha competición deportiva oficial na tempada do último calendario oficial desenvolvido.

Ademais dos anteriores requisitos, comúns para ser elector e elixible, non serán elixibles as entidades deportivas filiais ou dependentes que teñan esta consideración segundo os estatutos ou as normas da federación correspondente. Para efectos electorais equipararanse a estas entidades as que, a pesar de teren estruturas independentes, compartan ao menos un 50 % das súas licenzas.

2. Para os efectos do número anterior, entenderase como competición deportiva oficial a incluída como tal no calendario oficial da respectiva federación deportiva de Galicia ou a así cualificada polo órgano superior da Administración autonómica competente en materia de deporte. Tamén terán esta consideración as competicións estatais e internacionais oficiais da respectiva federación española ou internacional ás cales a federación deportiva galega estea adscrita».

Tres. O número 2 do artigo 9 queda redactado como segue:

«2. Poderán ser elixibles para a presidencia da federación as persoas que cumpran, na data de realización da elección, os seguintes requisitos:

a) Ser maior de idade e presentar unha candidatura avalada, como mínimo, polo 10 % dos membros da asemblea; non será necesario que a persoa que presente a candidatura teña a condición de asembleísta nin de afiliada á federación deportiva correspondente.

b) Non estar inhabilitada para ocupar cargos directivos ou de representación no ámbito deportivo por resolución firme na vía administrativa ditada polo órgano disciplinario competente, nin estar inhabilitadas para o desempeño de cargo público ou de representación por sentenza xudicial firme.

c) Non ter sido condenado por delitos contra á facenda pública estatal ou autonómica galega nin contra a Seguridade Social, o que acreditará a persoa interesada mediante a presentación da correspondente declaración».

Catro. Os números 1 e 2 do artigo 11 quedan redactados como segue:

«1. O censo electoral estará ordenado alfabeticamente por apelidos e nome e, de ser o caso, en listas separadas por especialidades deportivas, polos distintos estamentos deportivos de cada federación e por circunscrición electoral.

2. No censo electoral incluiranse os seguintes datos:

a) No caso de persoas deportistas, persoas que teñan a condición de adestradoras/técnicas, árbitros/xuíces: nome, apelidos, sexo, enderezo, correo electrónico, número de licenza federativa, número de DNI, pasaporte ou, se é o caso, de autorización de residencia (só aparecerán os catro últimos números), club e, de ser o caso, sección deportiva de pertenza e consideración de deportistas de alto nivel e, cando así proceda, especialidade deportiva. No caso das persoas deportistas e técnicas, o enderezo e o correo electrónico para estes efectos será o do seu club ou o que estas indiquen expresamente para o efecto.

b) No caso das entidades deportivas: nome, denominación ou razón social, enderezo, número de inscrición no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia, correo electrónico, identificación e sexo da persoa representante legal que exercerá o dereito a voto e, cando así proceda, especialidade deportiva. No censo figurará como representante a persoa que desempeñe a presidencia da entidade deportiva, agás que esta representación recaia nunha persoa da xunta directiva, o que se acreditará mediante certificado expedido polo Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia.

c) En relación con outros colectivos interesados, se os houber, aplicaranse as regras previstas nas alíneas anteriores segundo sexan persoas físicas ou xurídicas, respectivamente ».

Cinco. Os números 2 e 3 do artigo 12 quedan redactados como segue:

«2. Este censo será exposto publicamente no taboleiro de anuncios da federación e nas súas delegacións, así como na páxina web da federación nunha sección denominada “procesos electorais”, durante catorce días hábiles para os efectos de que as posibles persoas electoras poidan presentar aclaracións, rectificacións ou reclamacións dentro do mesmo prazo, mediante escrito remitido á xunta directiva, que valorará os escritos presentados e procederá, se é o caso, á emenda ou corrección do censo electoral inicial no prazo de cinco días hábiles.

No citado prazo as entidades poderán solicitar que figure como representante delas no censo e como votante na elección de membros da asemblea xeral unha persoa distinta á presidencia, sempre que sexa membro da xunta directiva da entidade, condición que deberá acreditar mediante certificado expedido polo Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia.

3. Rematados os prazos indicados no número anterior, remitirase o censo electoral inicial xunto coas aclaracións, rectificacións ou reclamacións ao órgano superior da Administración autonómica competente en materia de deporte, no prazo de dez días hábiles e en soporte informático apto para tratamento de textos e datos, e irá xunto cunha relación das competicións oficiais de acordo cos calendarios deportivos oficiais aprobados da tempada do ano en que se realizan as eleccións e as dos dous anos anteriores. No caso de que, por causa de forza maior, non se tivesen realizado competicións deportivas oficiais nos períodos indicados anteriormente, remitirase a relación de competicións oficiais na tempada do último calendario oficial desenvolvido».

Seis. Os números 4 e 5 do artigo 13 quedan redactados como segue:

«4. Rematado o prazo de exposición pública, a xunta electoral resolverá as reclamacións expresamente no prazo de cinco días hábiles. Transcorrido ese prazo sen resolución expresa, entenderase rexeitada a reclamación formulada. Co obxecto de facilitar á xunta electoral a resolución das reclamacións electorais fronte ao censo electoral provisional, a Secretaría da federación remitirá á xunta electoral, xunto co censo electoral provisional, a lista das competicións oficiais que se tiveron en conta para a súa elaboración e os resultados das devanditas competicións; para o caso de que exista estamento de organizadores, a lista incluirá, de ser o caso, o nome do organizador da competición se non for a propia federación deportiva galega. Este lista será obxecto de publicación nas páxinas web da respectiva federación, tanto na principal como na sección “procesos electorais”, ou do órgano superior da Administración autonómica competente en materia de deporte, no caso de que a federación non dispoña dela.

5. Contra a resolución das reclamacións ao censo electoral provisional poderá interporse, no prazo establecido no artigo 51.3, recurso ante o Comité Galego de Xustiza Deportiva, que deberá resolvelo nun prazo de cinco días hábiles».

Sete. O número 1 do artigo 14 queda redactado como segue e elimínase o número 4:

«1. Resoltas as impugnacións, de ser o caso, contra o censo electoral provisional, o censo definitivo será aprobado pola xunta electoral, publicado na páxina web da federación e remitido ao órgano superior da Administración autonómica competente en materia de deporte».

Oito. O número 3 do artigo 14 queda redactado como segue:

«3. De conformidade co previsto no artigo 34.4, correspóndelle á xunta electoral aprobar os cambios que se deban facer na distribución inicial do número de representantes asignado a cada circunscrición por especialidade e por estamento, cando tales cambios veñan impostos polas variacións ou modificacións do censo electoral provisional. Contra a resolución da xunta electoral poderá interporse, no prazo establecido no artigo 51.3, recurso ante o Comité Galego de Xustiza Deportiva, que deberá resolver no prazo de cinco días hábiles».

Nove. Elimínase o número 4 do artigo 14.

Dez. O número 4 do artigo 15 queda redactado como segue:

«4. A convocatoria do proceso electoral publicarase no taboleiro de anuncios da sede da federación e nas delegacións territoriais, se as houber, así como nas páxinas web da respectiva federación, tanto na principal como na sección “procesos electorais”, ou do órgano superior da Administración autonómica competente en materia de deporte, no caso de que a federación non dispoña dela. O acceso ás seccións referidas non precisará de solicitude, pero será necesaria a identificación previa, e restrinxirase ás persoas físicas e xurídicas integrantes da federación. A convocatoria deberá conter cantos datos se precisen para o desenvolvemento correcto do proceso electoral e, en todo caso:

a) O calendario electoral.

b) O censo electoral provisional.

c) A distribución do número de persoas membro da asemblea xeral por especialidades, estamentos e circunscricións electorais que deberá reflectir a distribución inicial establecida no Regulamento electoral do número de representantes asignado a cada circunscrición por especialidade e por estamento.

d) A data de realización e o horario das votacións.

e) Os modelos oficiais de sobres e papeletas, de acordo co anexo I.

f) O Regulamento electoral.

g) O procedemento e os prazos para o exercicio do voto por correo.

h) A forma de remisión da documentación á xunta electoral.

i) A composición nominal da xunta electoral e os prazos para a recusación das persoas membro, así como os enderezos postal e electrónico da xunta electoral. Este último deberá ser independente de calquera outro correo electrónico da federación».

Once. O número 6 do artigo 15 queda redactado como segue: ¡

«6. O acto da convocatoria poderá ser impugnado ante o Comité Galego de Xustiza Deportiva nun prazo de tres días hábiles desde a data da súa completa publicación».

Doce. O número 1 do artigo 17 queda redactado como segue:

«1. O Regulamento electoral deberá ser aprobado pola asemblea xeral convocada para o efecto. Esta asemblea xeral deberá ser convocada cun prazo de antelación mínimo de dez días hábiles e o proxecto de regulamento electoral notificaráselles a todas as persoas asembleístas con esa antelación e será publicado de xeito destacado na páxina web da federación deportiva, na sección “procesos electorais”, coa finalidade de que poidan formular as alegacións que consideren convenientes».

Trece. A letra e) do número 1 do artigo 18 queda redactada como segue:

«e) A localización e o horario da mesa ou mesas electorais, incluída a do voto por correo ».

Catorce. O número 3 do artigo 19 queda redactado como segue:

«3. Os prazos deste calendario para a presentación de escritos, reclamacións e recursos, cando estean sinalados por días, entenderanse días hábiles e rematarán ás 14.00 horas do derradeiro día de prazo, salvo disposición en contrario. Se o día final do prazo coincide con día inhábil de carácter autonómico ou estatal, ou cun día en que non estean abertas as dependencias da federación en aplicación do convenio colectivo dos traballadores da entidade, entenderase que remata o día hábil inmediato seguinte».

Quince. O número 1 do artigo 24 queda redactado como segue:

«1. A mesa electoral, para a votación das candidaturas da asemblea xeral, constituirase en cada circunscrición electoral e no lugar que se determine no Regulamento electoral. No suposto en que a circunscrición electoral sexa autonómica, constituiranse como mínimo dúas mesas electorais, unha das cales deberá localizarse na provincia con maior número de persoas electoras conforme o censo electoral e a outra na provincia que ocupe o segundo lugar en canto ao número de persoas electoras».

Dezaseis. O artigo 27 queda redactado como segue:

«A xunta electoral de cada federación deportiva designará unha mesa electoral do voto por correo que adecuará o seu funcionamento e as obrigas ao disposto nos artigos 24 e 25, coas seguintes peculiaridades:

a) A súa sede será a do órgano superior da Administración autonómica competente en materia de deporte.

b) Constituirase ás 16.00 horas do segundo día hábil seguinte á data de realización da votación presencial. A persoa que asuma as funcións de secretario da xunta electoral deberá achegar a esta mesa electoral o censo definitivo coa indicación das persoas que exerceran o voto presencialmente, coa finalidade de garantir que non se computen os votos por correo que puidesen emitir estas persoas.

c) Formará parte da mesa como vogal, ademais, unha persoa que teña a condición de empregada pública designada pola persoa titular do órgano superior da Administración autonómica competente en materia de deporte».

Dezasete. O número 4 do artigo 28 queda redactado como segue:

«4. Non poderán formar parte da mesa electoral regulada neste artigo as persoas candidatas á presidencia da federación deportiva».

Dezaoito. O número 2 do artigo 32 queda redactado como segue:

«2. A data da votación deberá ser un sábado, domingo ou un día festivo. Non obstante o anterior, poderá autorizarse a realización da votación noutro día no caso de que concorra causa xustificada. Neste suposto, deberá achegarse a correspondente memoria xustificativa xunto co Regulamento electoral e a decisión sobre a autorización do cambio adoptaraa o órgano superior da Administración autonómica competente en materia de deporte, tendo en conta a causa alegada e a afectación ou non ao correcto desenvolvemento do proceso electoral. A votación desenvolverase sen interrupcións durante o horario que se fixe na convocatoria do proceso electoral, que non poderá ser inferior a catro horas ininterrompidas. Soamente por causa de forza maior poderán non iniciarse ou interromperse as votacións. En caso de suspensión da votación, non se terán en conta os votos emitidos nin se procederá ao seu escrutinio. Neste suposto, a xunta electoral fixará unha data para a nova votación».

Dezanove. O número 1 do artigo 35 queda redactado como segue:

«1. Poderá ser candidata a membro da asemblea xeral toda persoa física ou xurídica incluída no censo definitivo que o solicite persoalmente, por correo certificado ou por calquera outro medio que acredite fidedignamente en dereito á devandita solicitude, ante a xunta electoral. Para a solicitude establecerase un prazo que non será inferior a tres días nin superior a sete días hábiles contados desde a publicación do censo definitivo».

Vinte. Os números 3 e 4 do artigo 35 quedan redactados como segue:

«3. Poderán formularse reclamacións contra a lista provisional de persoas candidatas, nun prazo non inferior a tres días nin superior a cinco días hábiles, ante a xunta electoral, que disporá de idéntico prazo para resolver.

4. Contra a resolución da xunta electoral poderá interporse, no prazo de tres días hábiles, recurso ante o Comité Galego de Xustiza Deportiva, que deberá resolver no prazo de sete días hábiles».

Vinte e un. O número 2 do artigo 36 queda redactado como segue:

«2. O prazo para presentar as candidaturas será de cinco días hábiles contados desde a proclamación definitiva das persoas membro da asemblea xeral».

Vinte e dous. Os números 6 e 7 do artigo 36 quedan redactados como segue:

«6. Poderán formularse reclamacións contra a lista provisional de persoas candidatas, nun prazo non inferior a tres días hábiles nin superior a cinco días hábiles, ante a xunta electoral, que disporá de idéntico prazo para resolver.

7. Contra a resolución da xunta electoral poderá interporse, no prazo de tres días hábiles, recurso ante o Comité Galego de Xustiza Deportiva, que deberá resolver no prazo de sete días hábiles».

Vinte e tres. O número 2 do artigo 37 queda redactado como segue:

«2. Contra o acordo de proclamación provisional efectuado pola xunta electoral poderá presentarse, no prazo de tres días hábiles, recurso ante o Comité Galego de Xustiza Deportiva, que deberá resolver nun prazo de sete días hábiles».

Vinte e catro. O número 1 do artigo 38 queda redactado como segue:

«1. As persoas electas como membros da asemblea xeral tomarán posesión do seu cargo antes da súa sesión constitutiva, na forma establecida no Regulamento electoral e no prazo máximo de cinco días hábiles desde a súa proclamación definitiva. A sesión constitutiva terá lugar na sede federativa ou no lugar establecido para o efecto polo Regulamento electoral. Entre a data da proclamación definitiva de persoas membro da asemblea xeral e a data da sesión constitutiva da asemblea xeral para a elección da presidencia da federación deberá transcorrer, como mínimo, o prazo de dez días hábiles».

Vinte e cinco. O número 4 do artigo 39 queda redactado como segue:

«4. Se non se presentase ningunha candidatura ou non for válida ningunha das presentadas, a comisión xestora realizará unha nova convocatoria da asemblea xeral nun prazo non inferior a sete días nin superior a catorce días hábiles».

Vinte e seis. Os números 6, 7, 8 e 9 do artigo 39 quedan redactados como segue:

«6. Na primeira votación son elixibles todas as persoas candidatas da lista definitiva. Aquelas que obteñan un mínimo do 10 % dos votos das persoas membro presentes pasarán á seguinte votación. No suposto de que ningunha candidatura acade o 10 % dos votos das persoas membro presentes, pasarán á seguinte votación aquelas dúas candidaturas que conten cun maior número de votos. No suposto en que soamente sexa unha candidatura a que obteña o 10 % dos votos das persoas membro presentes, pasará tamén á seguinte votación a seguinte ou seguintes, en caso de empates, candidaturas en número de votos. Se algunha candidatura acada a maioría absoluta dos votos nesta primeira votación, será proclamada presidenta da federación.

7. Na segunda votación será elixida presidenta da federación a candidatura que nesta fase obteña a maioría absoluta dos votos.

8. No caso de que na votación anterior ningunha candidatura obteña a maioría absoluta dos votos emitidos, procederase a unha terceira nova votación entre as dúas candidaturas máis votadas na segunda votación, e resultará elixida a que obteña a maioría de votos emitidos. Para o caso de empate, resolverase a favor da candidatura que obtiver maior número de votos na segunda votación e, de persistir o empate, a candidatura que obtiver maior número de votos na primeira votación e, no caso de persistir o empate, a favor da persoa candidata de maior idade.

9. Unha vez rematada a elección, a Secretaría da mesa electoral redactará a acta correspondente, que se exporá ao día seguinte no taboleiro de anuncios da federación, así como na páxina web da federación, nunha sección denominada “procesos electorais”, xunto coa resolución da xunta electoral da proclamación provisional da persoa elixida presidenta da federación deportiva, ou na páxina web do órgano superior da Administración autonómica competente en materia de deporte para o caso de federacións que non teñan páxina web. Contra a resolución da xunta electoral caberá interpor, no prazo de tres días hábiles, recurso ante o Comité Galego de Xustiza Deportiva».

Vinte e sete. O número 6 do artigo 40 queda redactado como segue:

«6. A mesa electoral deberá dispor dun censo electoral definitivo para cada unha das persoas integrantes da mesa».

Vinte e oito. O número 3 do artigo 41 queda redactado como segue:

«3. O dereito a votar será acreditado pola inscrición da persoa electora no censo electoral ».

Vinte e nove. O número 9 do artigo 42 queda redactado como segue:

«9. As actas de escrutinio serán expostas no taboleiro de anuncios da federación, así como na páxina web da federación, nunha sección denominada “procesos electorais”, desde o día seguinte ao das votacións e durante dous días hábiles».

Trinta. O artigo 44 queda redactado como segue:

«1. Poderá exercerse o voto por correo nas votacións que, cada catro anos, se convoquen para a elección de membros da asemblea xeral. O voto presencial prevalecerá sobre o emitido por correo no caso de concorrencia de ambos.

2. As persoas electoras poderán exercer o seu dereito de voto por correo de acordo co seguinte procedemento:

a) As solicitudes de voto por correo poderán presentarse a partir do día seguinte ao da convocatoria das eleccións e ata cinco días hábiles despois da publicación do censo definitivo. Presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal, dirixida ao órgano superior da Administración autonómica competente en materia de deporte, conforme o modelo do anexo II (código do procedemento DE200A).

A presentación electrónica será obrigatoria para as entidades deportivas e outras persoas electoras que estean obrigadas a relacionarse electronicamente coa Administración. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que for realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

No caso das persoas xurídicas, deberá solicitar o voto por correo a persoa que apareza no censo como representante.

As persoas interesadas que non estean obrigadas á presentación electrónica das solicitudes, opcionalmente poderán presentalas nos servizos provinciais do órgano superior da Administración autonómica competente en materia de deporte ou en calquera dos lugares e rexistros previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

b) Unha vez recibida a solicitude, a Administración deportiva comprobará a inscrición da persoa solicitante no censo electoral e enviaralle por correo certificado os sobres electorais e as papeletas de todas as candidaturas, así como a documentación necesaria, ao domicilio indicado na súa solicitude ou, na súa falta, ao que figure no censo.

c) A persoa electora introducirá a papeleta no sobre de votación do estamento e, se é o caso, da especialidade deportiva e circunscrición a que pertenza. Posteriormente, este sobre introducirase dentro do que vai dirixido á mesa electoral do voto por correo, xunto coa fotocopia do DNI ou documento identificativo equivalente.

d) O envío deberá realizarse nalgunha das oficinas de Correos, antes do sexto día hábil previo á data de realización das eleccións, e deberá dirixirse ao enderezo do órgano superior da Administración autonómica competente en materia de deporte, que custodiará a documentación ata o día da votación.

3. O prazo límite para recibir os votos por correo finalizará vinte e catro horas antes das votacións presenciais.

4. Unha vez rematado o período para solicitar o exercicio de voto por correo, e sendo definitivas as persoas electoras que foron autorizadas para exercer o voto por correo, o censo definitivo dividirase en dúas seccións, unha en que figuren as persoas electoras que non solicitaron o voto por correo e outra nun censo especial de voto por correo. En ningún caso poderá figurar unha persoa nas dúas seccións do censo electoral definitivo».

Trinta e un. Engádese un novo artigo 44 bis que queda redactado como segue:

«Artigo 44 bis. Notificacións, trámites posteriores á presentación das solicitudes e comprobación de datos (código de procedemento DE200A)

1. As notificacións efectuaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se efectúen ou deixen de efectuar por medios electrónicos.

A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario. No caso de optar pola notificación en papel, efectuarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia‑Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións na conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos, deberán optar, en todo caso, no formulario, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou for expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. A sede electrónica da Xunta de Galicia permitiralles ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta cidadá da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica, tamén poderán realizarse estes trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) Datos incluídos no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia previsto na Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, e regulado conforme o Decreto 85/2014, do 3 de xullo, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de solicitude e achegar unha copia dos documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dunha copia dos documentos correspondentes».

Trinta e dous. O número 1 do artigo 45 queda redactado como segue:

«1. Constituída a mesa nas condicións establecidas nos artigos 27 e 40, a presidencia procederá a desprecintar as sacas e comprobar a correspondencia entre os sobres e o censo electoral. Non se admitirán os sobres e votos daquelas persoas electoras que consten no censo electoral que votaron de forma presencial».

Trinta e tres. O números 9 do artigo 45 queda redactado como segue:

«9. Concluídas as operacións, as persoas compoñentes da mesa asinarán a acta da sesión, na cal figurarán, obrigatoriamente, os seguintes datos:

a) Número de persoas electoras a quen se admitiu e notificou o seu dereito a exercer o voto por correo.

b) Número de votos emitidos.

c) Votos declarados nulos, en branco e válidos.

d) Número de votos válidos obtidos por cada persoa candidata.

e) Observacións presentadas polas persoas candidatas ou interventoras ante a mesa electoral sobre a votación e o escrutinio.

f) Resolucións motivadas da mesa electoral sobre as observacións presentadas e votos particulares».

Trinta e catro. O número 11 do artigo 45 queda redactado como segue:

«11. As actas de escrutinio serán expostas no taboleiro de anuncios da federación, así como na paxina web da federación, nunha sección denominada “procesos electorais”, ou na páxina do órgano superior competente da Administración autonómica en materia de deporte para o caso de federacións que non dispoñan de web, desde o día seguinte ao das votacións e durante dous días hábiles».

Trinta e cinco. A letra a) do número 4 do artigo 51 queda redactada como segue:

«a) O nome, DNI ou NIE, enderezo electrónico e domicilio da persoa física ou denominación, CIF, enderezo electrónico e enderezo da persoa xurídica».

Trinta e seis. O artigo 52 queda redactado como segue:

«Os recursos dirixidos ao Comité Galego de Xustiza Deportiva deberán presentarse nos órganos federativos ou xuntas electorais que, se é o caso, adoptasen as actuacións, acordos ou resolucións que se pretenden impugnar. Transcorrido o prazo correspondente sen que se interpoña o recurso, os acordos ou resolucións serán firmes».

Trinta e sete. O artigo 53 queda redactado como segue:

«Á tramitación dos recursos atribuídos ao coñecemento do Comité Galego de Xustiza Deportiva aplicaráselle a lexislación sobre o procedemento administrativo común e o Decreto 120/2013, do 24 de xullo, polo que se aproba o Regulamento do Comité Galego de Xustiza Deportiva, agás os prazos dos distintos trámites, que se axustarán ao disposto no presente decreto e aos acordos do Comité Galego de Xustiza Deportiva».

Trinta e oito. Engádese unha nova disposición adicional quinta que queda redactada como segue:

«Disposición adicional quinta. Regras especiais aplicables aos procesos electorais que teñan lugar durante o ano 2022

1. Na realización das eleccións das federacións deportivas galegas que se van desenvolver durante o ano 2022, e dadas as excepcionais circunstancias ocasionadas pola evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma, a referencia ás participacións nas competicións oficiais nas dúas tempadas anteriores á da realización das eleccións do artigo 8.1.a), entenderase realizada ás tempadas 2018/2019 e/ou 2019/2020, no caso das persoas deportistas ou técnicas/adestradoras que non puidesen competir, polas circunstancias excepcionais da pandemia, nas tempadas 2019/2020 e/ou 2020/2021. Pola súa parte, e para o caso do estamento de entidades deportivas, a referencia do artigo 8.1.b) á participación desde o mes de xaneiro dos dous anos anteriores ao de realización das eleccións, entenderase realizada aos anos 2018 e/ou 2019, no lugar de aos anos 2020 e/ou 2021, nos mesmos termos ca os sinalados para o caso das persoas físicas.

2. O sistema de acceso ao censo electoral regulado no artigo 15.4 deberá garantir o seu acceso a todos os integrantes dos distintos estamentos da federación deportiva galega dos anos 2018, 2019, 2020 e 2021 e/ou tempadas que abrangan estas anualidades».

Trinta e nove. Engádese unha nova disposición adicional sexta que queda redactada como segue:

«Disposición adicional sexta. Actualización do modelo normalizado do anexo II

De conformidade coa disposición adicional sexta da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, o modelo normalizado aplicable na tramitación do procedemento regulado nesta disposición e recollido no anexo II poderá ser actualizado, co fin de mantelo adaptado á normativa vixente, polo órgano superior da Administración autonómica competente en materia de deporte. A estes efectos será suficiente a aprobación dos modelos actualizados e a súa publicación na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas, sen que sexa necesaria unha nova publicación no Diario Oficial de Galicia».

Corenta. Modifícase o anexo I, que será substituído polo novo anexo I.

Corenta e un. Engádese un novo anexo II, que se recolle como anexo II.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e tres de decembro de dous mil vinte e un

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela

Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo

ANEXO I

Modelo de sobres de votación e papeletas

a) Sobre de votación.

Eleccións á asemblea xeral da Federación Galega............

Estamento de............................

Especialidade de (se é o caso)...............................

Circunscrición.......................

Mesa electoral..............................

Indíquese, cando corresponda, se a persoa electora está incluída nalgún dos seguintes supostos:

 Estamento de deportistas: deportista cualificado como deportista (galego/estatal) de alto nivel.

b) Sobre para a remisión do voto por correo.

Anverso:

Federación Deportiva Galega de ......

Enderezo:

Eleccións á asemblea xeral da Federación Galega ............…

Reverso:

Nome e apelidos/razón social: .......................

Estamento de: ...........................

Circunscrición: ......................................

Especialidade de (se é o caso): ...........................

Deportista de alto nivel: ..............................

c) Papeleta de votación.

Votación para a elección das persoas representantes na asemblea xeral da Federación Galega de .........................................

Especialidade (se é o caso): ................................

Circunscrición: ....................................

Estamento: .............................................

Dou o meu voto ás seguintes candidaturas:

[figura]

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia