lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Orde do 16 de novembro de 2021 pola que se aproba a exixencia de determinadas medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia no que se refire aos centros hospitalarios.

Publicado en: DOG 223 19/11/2021

Departamento: Consellería de Sanidade

Estado: En vigor

PDF

Modificacións

I

Mediante a Resolución do 21 de outubro de 2021, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, dáse publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 21 de outubro de 2021, polo que se declara a finalización da situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, declarada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19.

A finalización da aplicación dos mecanismos extraordinarios derivados da lexislación de protección civil debe entenderse, naturalmente, sen prexuízo de que continúen sendo necesarias, mentres permaneza a pandemia, medidas de prevención de acordo coa lexislación sanitaria en vigor.

Neste sentido, a Lei estatal 2/2021, do 29 de marzo, de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, prevé no seu artigo 2.3 que «as medidas contidas nos seus capítulos II, III, IV, V, VI e VII e na disposición adicional quinta serán de aplicación en todo o territorio nacional ata que o Goberno declare de maneira motivada e de acordo coa evidencia científica dispoñible, logo do informe do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, a finalización da situación de crise sanitaria ocasionada pola COVID-19. O Goberno consultará as comunidades autónomas no seo do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde con carácter previo á finalización da situación de crise sanitaria a que se refire o parágrafo anterior».

De acordo coa lexislación estatal, continúa, polo tanto, existindo unha situación de crise sanitaria. Isto determina, por exemplo, que siga sendo de aplicación o deber de cautela e protección establecido no artigo 4 da lei, de tal xeito que «todos os cidadáns deberán adoptar as medidas necesarias para evitar a xeración de riscos de propagación da enfermidade COVID-19, así como a propia exposición aos ditos riscos, conforme o que se establece nesta lei». O dito deber de cautela e protección será igualmente exixible aos titulares de calquera actividade regulada nesta lei.

Deste modo, seguen sendo de aplicación as previsións desta lei sobre o uso obrigatorio de máscaras, a regulación das distintas actividades e a distancia de seguridade interpersoal mínima.

En particular, debe terse en conta que seguirán sendo de aplicación os mecanismos de tutela previstos na lexislación sanitaria.

A Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública, conforma, xunto coa Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; a Lei 16/2003, do 28 de maio, de cohesión e calidade do Sistema nacional de saúde, e a Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, o corpo normativo fundamental da acción de tutela da saúde pública no ámbito estatal, ao cal se debe unir a lexislación autonómica reguladora da protección da saúde pública no marco de competencias autonómico, como é o caso, na Comunidade Autónoma galega, da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia. En efecto, recóllense na dita normativa medidas que as autoridades sanitarias poderán acordar para tutelar a saúde pública en situacións de risco, co fin de cumprir o mandato contido no artigo 43 da Constitución española, que, despois de proclamar o dereito á protección da saúde, dispón que lles compete aos poderes públicos organizaren e tutelaren a saúde pública a través de medidas preventivas e das prestacións e servizos necesarios, e que a lei establecerá os dereitos e deberes de todos ao respecto. O dito marco normativo débese completar, atendida a posible afectación que tales medidas poden ter sobre os dereitos fundamentais, coa necesidade da intervención xudicial.

Malia o anterior, a crise da COVID-19 puxo de manifesto a necesidade de contar cunha maior densidade normativa no que respecta á articulación dos mecanismos extraordinarios que recolle a lexislación sanitaria para tutelar a saúde pública ante crises sanitarias.

Neste sentido, a Lei de saúde autonómica foi modificada pola Lei 8/2021, do 25 de febreiro, no exercicio da competencia autonómica en materia de sanidade interior, recollida no artigo 33 do Estatuto de autonomía de Galicia, para introducir na lei as modificacións necesarias co fin de facer fronte á necesidade de contar cun marco normativo claro na materia que ofreza a necesaria seguridade xurídica, tanto para quen debe intervir na adopción das medidas e na súa inspección, vixilancia, control e sanción, como para as persoas destinatarias destas. En particular, unha das principais finalidades desta lei é, así, concretar as medidas que, tendo en conta o disposto na lexislación sanitaria estatal, de rango orgánico e ordinario, poden ser adoptadas polas autoridades sanitarias galegas para a protección da saúde pública, así como regular os requisitos que se deben cumprir para a súa correcta adopción, con especial atención ás exixencias de motivación e de proporcionalidade.

Resulta necesario un comportamento social de cautela e autoprotección asentado fundamentalmente nas premisas de hixiene frecuente das mans; distancia interpersoal mínima; uso de máscaras cando non sexa posible manter a distancia mínima interpersoal, así como cando se estea en contornos con moita xente, especialmente en espazos pechados; limpeza, hixiene e ventilación dos espazos utilizados e, especialmente, adopción de medidas de illamento e comunicación cos servizos de saúde tan pronto como se teñan síntomas compatibles coa COVID-19.

II

Con data do 13 de agosto de 2021, a Administración autonómica solicitoulle ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia autorización xudicial para adoptar medidas referidas á obriga de exhibición de determinada documentación como requisito previo ao acceso a certos establecementos.

Mediante o Auto 97/2021, da Sección Terceira da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, denégase a autorización das medidas consistentes na exhibición de documentación para o acceso a determinados establecementos previstas na orde sometida a autorización.

Cómpre indicar que a Sentenza 1112/2021, da Sección Cuarta da Sala do Contencioso- Administrativo do Tribunal Supremo, estimou o recurso de casación presentado pola Administración autonómica fronte ao Auto 97/2021 da Sección Terceira da Sala do Contencioso- Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

A dita sentenza sinala que a ratificación ou autorización xudicial unicamente se pode obviar cando a falta de restrición ou limitación dos dereitos fundamentais é manifesta, evidente, ostensible e indiscutible, polo que a medida de exhibición de determinada documentación para o acceso a certos establecementos require a autorización xudicial previa, aínda que se indica que no caso examinado esta incidencia nos dereitos fundamentais é tenue.

Tamén se salienta a existencia de cobertura xurídica para a adopción das medidas axuizadas, lembrando, neste sentido, que a Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública, en coherencia coas demais leis sanitarias, é suficiente como norma de cobertura das medidas sanitarias que comporten algunha restrición de dereitos fundamentais, que, ademais, neste caso, é liviá.

O Tribunal Supremo recoñece que os dereitos fundamentais, como calquera dereito subxectivo, non son absolutos nin ilimitados e que a limitación resulta precisa para permitir a súa pacífica coexistencia cos demais dereitos fundamentais e cos bens constitucionalmente protexidos, que se traducen, neste caso, nunha potente presenza do dereito á vida e á integridade física, e á defensa e protección da saúde da cidadanía. Nesta liña, a sentenza expresa: «É o que sucede neste caso, ao confrontar a tenue limitación que podería ter a medida examinada sobre os dereitos fundamentais á igualdade (artigo 14) e á intimidade (artigo 18.1) co dereito fundamental á vida (artigo 15), a protección da saúde (artigo 43) en situacións da pandemia como a COVID-19, e co interese xeral de todos a sobrevivir nestas gravísimas circunstancias, que avalan a procedencia da medida que se pretende».

Nese sentido, a autoridade sanitaria vén adoptando medidas preventivas de seguridade sanitaria consistentes na posesión de documentación que acredite o cumprimento de determinados requisitos para o acceso aos establecementos de lecer nocturno, recollidas na citada Orde do 29 de setembro de 2021 na súa redacción vixente, autorizadas polo Tribunal de Xustiza de Galicia mediante o Auto 122/2021, do 12 de novembro, ou medidas preventivas de seguridade sanitaria consistentes na exhibición de documentación que acredite o cumprimento de determinados requisitos nos espazos de aloxamento compartido nos albergues turísticos, autorizadas estas últimas medidas polo Tribunal de Xustiza de Galicia mediante o Auto 115/2021, do 29 de outubro.

No caso dos centros, servizos e establecementos sanitarios, o punto 3.16 do anexo da Orde do 22 de outubro de 2021, pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e se modifica a Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia, prevé que os titulares ou directores dos distintos centros, servizos e establecementos sanitarios, de natureza pública ou privada, deberán adoptar as medidas organizativas, de prevención e hixiene necesarias do seu persoal traballador e dos pacientes, co obxecto de aplicar as recomendacións emitidas nesta materia, relativas á distancia de seguridade interpersoal, ao uso de máscaras en sitios pechados de uso público, á capacidade, de mans e respiratoria, así como calquera outra medida que establezan as autoridades competentes.

Estas medidas deberán aplicarse na xestión dos espazos do centro, nos accesos, nas zonas de espera e na xestión das citas dos pacientes, así como na regulación de acompañantes ou visitas, tendo en conta a situación e actividade de cada centro. En todo caso, permitirase a presenza dunha persoa acompañante por usuario/a. Tamén se permitirá unha visita por paciente na UCI non COVID.

Así mesmo, adoptarán as medidas necesarias para garantir a protección da seguridade e saúde do seu persoal traballador, a limpeza e a desinfección das áreas utilizadas e a eliminación de residuos, así como o mantemento adecuado dos equipamentos e instalacións.

Estarán obrigados a colaborar coas autoridades sanitarias e de política social nos labores de vixilancia, prevención e control da COVID-19.

Debe destacarse que a Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, regula no seu artigo 7 os «Dereitos relacionados co acompañamento do ou da paciente» e no seu número 1 expresa:

«1. Serán dereitos relacionados co acompañamento do ou da paciente os seguintes:

1. Dereito a ser acompañado ou acompañada, polo menos, por unha persoa que manteña vínculos familiares ou de feito co ou coa paciente ou por unha persoa da súa confianza.

2. Dereito de toda muller a que se lle facilite o acceso ao proceso do parto a aquela persoa designada por ela para tal efecto.

3. Dereito das persoas menores a estaren acompañadas polos seus pais, titores ou gardadores.

4. Dereito das persoas incapacitadas a estaren acompañadas polos responsables legais da súa garda e protección».

Porén, estes dereitos non son absolutos ou incondicionados, dado que o número 2 do precepto expresa que «os dereitos anteriormente citados limitaranse, e mesmo se exceptuarán, nos casos en que esas presenzas sexan desaconselladas ou incompatibles coa hixiene prestación sanitaria conforme criterios clínicos. En todo caso, esas circunstancias seranlles explicadas aos afectados e ás afectadas de xeito comprensible».

Así mesmo, os dereitos relacionados co acompañamento do ou da paciente deben entenderse no marco legal dos deberes sanitarios da cidadanía, recollidos no artigo 15 da lei. Así, segundo o número 12 deste precepto, tamén estarán suxeitas a determinados deberes as persoas familiares ou acompañantes dos usuarios e das usuarias do sistema sanitario. Entre estes deberes encóntranse os seguintes:

«1. Cumprir as prescricións xerais de natureza sanitaria comúns a toda a poboación, así como as específicas determinadas polos servizos sanitarios. (...)

4. Usar axeitadamente os recursos, os servizos e as prestacións ofrecidos polo sistema sanitario.

5. Manter a debida observancia das normas establecidas en cada centro. (...)

7. Cooperar coas autoridades sanitarias na protección da saúde e na prevención das enfermidades. (...)

10. Cumprir as normas e os procedementos de uso e acceso aos dereitos que se lles outorguen a través desta lei. (...)».

III

Na actualidade, a situación epidemiolóxica, de acordo co Informe da Dirección Xeral de Saúde Pública do 15 de novembro de 2021, pódese resumir do seguinte xeito:

En relación coa taxa de incidencia a 7 días, no día 7 de novembro e para o conxunto de Galicia, está a aumentar a respecto de hai unha semana, ao pasar de 11,44 a 17,25 casos por cen mil habitantes. A incidencia a 14 días tamén aumentou nunha semana, ao pasar de 18,77 casos por cen mil habitantes a 28,68 casos por 100.000 habitantes.

A porcentaxe de positividade das probas diagnósticas realizadas tamén ten unha tendencia á alza, pasou de 1,2 % a 1,7 % en 7 días.

En canto á incidencia acumulada a 14 días por grupos de idade, o grupo de menores de 12 anos é o que presenta a incidencia máis elevada, seguido do de 60 a 69 anos.

En canto á hospitalización, ben que a taxa de ingresos por cen mil habitantes a 7 días en unidades de agudos diminuíu lixeiramente respecto á semana anterior (1,15 hai 7 días fronte a 0,81 o 7 de novembro), a taxa de ingresos en unidades de coidados críticos (UCI) aumentou de 0,19 a 0,30 ingresos por 100.000 habitantes, o que pode indicar un aumento dos casos de COVID máis graves.

A tendencia diaria mostra, desde o 21 de xullo, tres tramos con tendencia decrecente pero a diferente ritmo, o primeiro deles, ata o 25 de agosto, cunha porcentaxe de cambio diaria (PCD) de -3,2 %, séguelle outro tramo cunha velocidade de decrecemento máis rápida, cunha PCD do -7,6 e identifica outro punto de cambio o día 28 de setembro, tamén en sentido decrecente, cunha PCD do -1,8 %. Desde o 17 de outubro obsérvase un claro cambio na tendencia, que pasa a ser crecente cunha PCD do 5,5 %.

Como resumo, os indicadores epidemiolóxicos presentan un empeoramento da situación, que indica que en Galicia segue a existir circulación do virus e, polo tanto, risco de aumento da transmisión, máis aínda nunha situación de relaxamento das restricións establecidas ata o momento.

IV

Desde o inicio da pandemia a Consellería de Sanidade, os seus órganos asesores (Comité Clínico e o Subcomité de Brotes) e o Servizo Galego de Saúde, de acordo coas súas funcións, estableceron as medidas preventivas e de control da pandemia que a evidencia científica dispoñible en cada momento recomendaba para a prevención e control da infección polo SARS-CoV-2. E, neste sentido, a posta en marcha da medida baseada na exixencia de presentar un certificado de vacinación, de recuperación ou de proba COVID negativa para acceder ao interior de determinados establecementos (hostalaría, restauración, lecer nocturno e de xogo) non foi unha excepción.

É importante ter en conta que a adopción de calquera medida debe adecuarse, ademais de á situación epidemiolóxica existente, ao risco de transmisión que poida ocasionar unha determinada actividade, ben sexa polo establecemento en que esta se desenvolve ou ben pola vulnerabilidade das persoas a que vai dirixida esa actividade.

Coa evidencia científica acumulada, considérase que a principal vía de transmisión do SARS-CoV-2 é o contacto e a inhalación das pingas e aerosois respiratorios emitidos por un infectado que conteñen virus con capacidade de xerar infección, sobre todo en determinadas circunstancias: en proximidade ao caso índice durante tempo prolongado e en espazos pechados e mal ventilados.

Tendo en conta esta transmisión, considérase apropiado establecer medidas de prevención adicionais e específicas para as persoas que visitan ou acompañan os enfermos nos centros hospitalarios do Servizo Galego de Saúde, por tratarse de espazos nos cales se poden agrupar factores que aumentan o risco de transmisión do SARS-CoV-2 e de enfermidade grave: espazos pechados nos cales se establecen contactos próximos e prolongados entre as persoas, realización de actividades en que é necesario retirar a máscara ou dificultade para o seu uso correcto (axuda na alimentación do enfermo, realización de procedementos xeradores de aerosois, etc.), maior vulnerabilidade das persoas ingresadas (inmunodeprimidos, enfermos con patoloxías crónicas, idade avanzada ou pertenza a grupos non susceptibles de vacinación ou persoas non vacinadas).

Ademais, e a pesar da alta cobertura de vacinación acadada en Galicia (o 93,4 % da poboación susceptible de vacinar), esta non é homoxénea en todos os grupos de idade, e son os grupos de 20 a 39 anos os de menor cobertura (84,3 % no grupo de 20 a 29 anos e 80,5 % no de 30 a 39 anos). Neste sentido, é importante sinalar que hai evidencia de que a carga viral en persoas novas é máis elevada que nas persoas de máis idade, o que favorece a transmisión, especialmente se temos en conta que a proporción de asintomáticos ou con síntomas moi leves tamén é máis frecuente nas idades novas.

Así mesmo, existe evidencia de que a vacinación diminúe o risco de transmisión da infección de enfermidade grave e de hospitalización e de que é importante manter todas as medidas de prevención actualmente recomendadas (uso da máscara, distancia interpersoal de seguridade, hixiene das mans e respiratoria) e de maneira adicional, para aumentar a seguridade, os certificados COVID.

Polo tanto, o feito de non estar vacinado cando se accede a un centro hospitalario non só supón un maior risco para as persoas hospitalizadas e os traballadores, ao aumentar o risco de transmisión, senón tamén para a propia persoa que accede a el, pola posibilidade de darse contactos con persoas asintomáticas transmisoras.

Aínda que existen estudos en relación co risco de transmisión intrahospitalaria, estes baséanse fundamentalmente na relación entre traballadores e pacientes. O feito de que apenas exista literatura científica sobre o papel que poden desempeñar as persoas que visitan ou acompañan os pacientes pode deberse, en parte, ás restricións que se estableceron nos hospitais en canto ao réxime de visitas e acompañamento desde o inicio da pandemia.

Con todo, o informe da Dirección Xeral de Saúde Pública cita algúns estudos realizados que abordan esta cuestión concreta e que serven de fundamento á posibilidade e conveniencia de adoptar medidas específicas nestes ámbitos; entre eles, concretamente podemos citar un estudo realizado no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) no cal describen un abrocho da COVID-19 que tivo lugar no mes de marzo de 2020 nunha unidade de pacientes particularmente vulnerables. Neste abrocho, en que se viron afectadas 22 persoas (12 traballadores e 10 pacientes), identificaron dúas fontes de infección, un traballador e un acompañante dun paciente da unidade que, como mínimo, contaxiou dúas persoas que resultaron ser pacientes con neoplasias hematolóxicas.

Así mesmo, nunha comunicación publicada na revista International Journal of Infectious Diseases analízase o papel das persoas que visitan pacientes hospitalizados na transmisión do SARS-CoV-2 no Hospital de São Paulo, que de media recibe 150 visitas diarias. Os investigadores realizaron un cribado con PCR a 150 visitantes asintomáticos cunha media de idade de 39 anos e atoparon que o 4 % tiña un resultado positivo e que, polo tanto, podían actuar como fonte de infección aínda facendo uso da máscara. Conclúen, entre outras cousas, que aínda que a máscara diminúe a trasmisibilidade, tamén pode orixinar unha falsa percepción de protección que pode levar a incumprir outras medidas de prevención. Así mesmo, afirman que o risco de introduciren o virus no hospital os visitantes se incrementa a medida que aumenta a transmisión na comunidade; de aí a importancia de establecer medidas de control a este nivel.

V

Tendo en conta os antecedentes referidos, o obxecto desta orde é aprobar a aplicación de determinadas medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia no que se refire aos acompañamentos a pacientes hospitalizados e visitas nos centros hospitalarios, coa finalidade de que a actividade asistencial se poida desenvolver en condicións de seguridade, tanto para o persoal traballador como para os pacientes.

Tal como establece o Informe da Dirección Xeral de Saúde Pública do 15 de novembro de 2021, está ben demostrado que o risco de infección nas persoas non vacinadas é maior que entre as persoas coa pauta de vacinación completa, polo que entre as visitas/acompañamentos realizados a un hospital haberá unha potencial asistencia dun 15 ou 20 % de persoas non vacinadas, tendo en conta só os dous grupos de idade con menor cobertura de vacinación.

Ademais, a probabilidade de transmisión da infección a partir dunha persoa infectada asintomática, aínda que é un pouco menor que desde os sintomáticos, non é desprezable, polo que os grupos de idade máis novos, que adoitan ser asintomáticos ou paucisintomáticos, poden pór en risco as persoas ingresadas no hospital ou mesmo os acompañantes dos enfermos que compartan o cuarto, así como os traballadores.

O maior risco de infección en persoas non vacinadas ponse de manifesto en estudos como o de Israel, no cal acharon que a vacinación completa coa vacina de Pfizer, tras 7 días ou máis da inoculación da pauta completa, ten unha estimación axustada da efectividade do 95,3 % (IC do 95 %: 94,9-95,7), e atoparon unha taxa de incidencia de 91,5 por 100.000 persoa/día nos non vacinados fronte ao 3,1 por 100.000 persoas/día en persoas completamente vacinadas.

Isto indica que a posesión dos certificados de vacinación, proba diagnóstica ou superación da enfermidade para realizar visitas ou acompañamento en establecementos onde se poden acumular persoas especialmente vulnerables á COVID-19, como é o caso dos hospitais, pode axudar á prevención da infección no caso de que accedan persoas asintomáticas e, consecuentemente, previr a aparición de abrochos intrahospitalarios que poidan afectar incluso persoas xa vacinadas.

En relación coa posibilidade de que se xeren abrochos nos hospitais, hai que ter en conta a gran dificultade para atribuír a unha fonte concreta a orixe do abrocho, especialmente no que atinxe ás visitas/acompañantes, xa que non existen estudos suficientes. Non obstante, cómpre ter en conta que a investigación da fonte de infección nos casos intrahospitalarios é complexa de determinar, especialmente cando as coberturas de vacinación son moi elevadas, o que favorece a existencia dun número máis elevado de asintomáticos en que non é doado coñecer o momento da infección.

O día 11 de novembro a incidencia acumulada a 14 días é de 34,05 casos por cen mil habitantes, o que supón unha incidencia que indicaría un risco de transmisión baixo. Con todo, estase a observar un incremento paulatino da incidencia, aínda que polo de agora non se observa unha transmisión comunitaria sostida no conxunto de Galicia. O que si se observa é un cambio nos ámbitos de xeración de abrochos ao volver aumentar a proporción deles en eventos sociais, bares/restaurantes e lecer nocturno, con posterior transmisión nas contornas familiares. Isto pode significar un aumento da transmisión a persoas vacinadas, xa que a vacina, aínda que reduce o risco de infección, non o fai totalmente, mais ten a vantaxe de que as persoas vacinadas infectadas teñen unha menor probabilidade de transmitir e, de facelo, fano por un período máis curto que as non vacinadas.

Se trasladamos a experiencia dos abrochos notificados en educación infantil e primaria (poboación sen vacinar) ao ámbito hospitalario, ao cal podería acceder ou incluso estar ingresada poboación sen vacinar, poderiamos prever a posibilidade de que acontezan abrochos semellantes aos que se están a dar na actualidade nos colexios.

Países da nosa contorna xa están a implantar este tipo de certificados para diversas actividades, incluído o transporte público, o acceso a locais de hostalaría e de lecer nocturno, acceso a actividades culturais e incluso para acudir ao traballo, como fai Italia, ou para acceder aos hospitais, como en Francia, co fin de evitar a transmisión do virus. A pesar de que a vacinación non impide completamente a infección da persoa vacinada nin elimina a probabilidade de que unha persoa vacinada e infectada poida transmitir a infección, a vacinación ten un efecto positivo sobre ambas (infección e transmisión) que, sen chegar a ter o efecto que ten sobre a prevención da enfermidade grave, non é en absoluto desprezable en canto ao número de posibles contaxios.

O feito de que o virus siga a circular e de que o fará durante tempo, de que no mundo hai un gran número de países con coberturas de vacinación practicamente de cero e de que países da nosa contorna teñen coberturas de vacinación moito máis baixas que as nosas, especialmente en grupos de idade máis novos, fai considerar preciso tomar esta medida para as visitas ou acompañantes das persoas hospitalizadas.

Entre a estratexia de seguridade establecida para protexer a saúde dos traballadores hospitalarios, pacientes e os seus visitantes/acompañantes valoráronse diferentes medidas de carácter administrativo, como poden ser o establecemento dunha triaxe específica para pacientes respiratorios nos servizos de urxencias hospitalarias, a reorganización de determinadas áreas hospitalarias, o establecemento de circuítos de entrada e de saída e a restrición no número de visitas e de acompañantes. Estas medidas resultaron eficaces para previr e limitar a transmisión do SARS-CoV-2.

O feito de implantar o certificado COVID preséntase como unha medida administrativa adicional que, sen dúbida, incrementará a seguridade tanto dos pacientes coma dos traballadores e das visitas e acompañantes, xa que suporá unha maior redución do risco de transmisión, de enfermidade grave e de xeración de abrochos intrahospitalarios.

VI

De acordo co que viñemos expondo, a medida de exixencia de certificado non se formula como unha medida de aplicación xeral ou indiscriminada a todo tipo de actividades ou centros sanitarios, senón que a medida se pretende aplicar neste momento aos centros hospitalarios, co obxecto de garantir os maiores niveis de seguridade tanto para os pacientes coma o persoal traballador, e para as propias persoas acompañantes ou visitantes.

Así, ante todo, debe destacarse que o ámbito persoal da medida se limita ás persoas acompañantes e visitantes, sen que sexa de aplicación, obviamente, aos propios pacientes, titulares do dereito á protección da saúde e á atención sanitaria, que debe garantirse, tanto legal como eticamente, en todo caso.

Tamén debe destacarse que a medida se limita aos centros hospitalarios, tanto públicos como privados, pola natureza e características destes recursos sanitarios, nos cales se produce un internamento dos pacientes, o que dá lugar a unha maior duración da visita ou acompañamento, en cuartos en ocasións compartidos por outros pacientes, incluso coa posibilidade de pernoctación no caso dos acompañantes. Non se aplica, polo tanto, aos centros de saúde.

A medida non será aplicable para o acceso das persoas acompañantes dos pacientes no ámbito das consultas hospitalarias nin para os acompañantes dos pacientes que acudan ao servizo de urxencias hospitalarias.

Resulta importante salientar, para os efectos da valoración do alcance e da proporcionalidade da medida, que no caso de que os visitantes ou acompañantes non dispoñan da documentación indicada, permitirase o acceso se aceptan voluntariamente someterse a unha proba diagnóstica realizada no hospital. Esta previsión determina que o acceso, en último termo, dependa dunha decisión da propia persoa interesada, a quen se lle proporciona unha solución alternativa.

Desta forma, a exixencia dos certificados resulta unha garantía que permitirá controlar un factor de risco, como é o acceso de persoas que sexan asintomáticas ou que non teñan pauta de vacinación completa a centros hospitalarios.

Así, o informe da Dirección Xeral de Saúde Pública do 15 de novembro de 2021 refírese á xustificación específica da utilización dos 3 tipos de pasaportes COVID.

O certificado COVID de vacinación decidiuse implantar tendo en conta a evidencia científica dispoñible, na cal se describe que o risco de transmisión da COVID-19 entre os vacinados é moito menor ca o dos non vacinados, non só porque estes teñen un risco menor de infectarse, senón porque, mesmo no caso de infectarse pola COVID-19, a taxa de ataque secundario dos casos COVID-19 vacinados foi inferior á taxa de ataque secundario dos casos non vacinados.

Na literatura científica vemos como varios estudos sinalan a importante diminución do risco de contaxio en pacientes correctamente vacinados.

O certificado COVID de recuperación establécese de maneira similar ao de vacinación, debido a que nunha revisión da literatura científica realizada polo ECDC se afirmou que as persoas que xa foron diagnosticadas como caso confirmado da COVID-19 reducen dun 81 % a un 100 % a súa probabilidade de reinfección durante un seguimento de 5 a 7 meses. Polo tanto, conclúese que as reinfeccións pola COVID-19 son un evento raro.

Ademais, o estudo SIREN, publicado na revista Lancet, con máis de 30.000 participantes, conclúe que a historia previa de infección polo SARS-CoV-2 está asociada a un 84 % menos de risco de contaxiarse novamente, cunha media de 7 meses de duración do efecto protector desde a primoinfección.

Tendo en conta isto, o propio ECDC establece que é moi probable que, dado que unha infección previa da COVID-19 reduce a reinfección, as infeccións previas tamén reducirán a transmisión no ámbito comunitario.

En relación co certificado da realización de probas diagnósticas, a Unión Europea (UE) establece este certificado coa finalidade de reducir o risco de que unha persoa non vacinada/ recuperada da COVID-19 se atope contaxiada polo SARS-CoV-2 no momento da viaxe. No caso de Galicia, a finalidade é a mesma, pero establécese para reducir o risco nos interiores dos centros hospitalarios. De igual maneira que a UE aproba o certificado COVID de probas diagnósticas como opción válida para aquelas persoas maiores de 11 anos que non estean vacinadas ou non pasasen a COVID-19, en Galicia habilítase a dita opción e establécense mecanismos para facilitar a realización das ditas probas.

A pesar de que efectivamente as probas diagnósticas só establecen unha foto fixa da situación da persoa cando se realiza a dita proba, a propia UE estableceu un período de validez acordado de maneira consensuada en que os Estados membros aceptamos como válidas as PCR durante 72 horas e os tests de antíxenos durante 48 horas.

Este período foi establecido deste xeito porque as técnicas diagnósticas aceptadas son altamente sensibles e permiten detectar casos mesmo na fase previa ao comezo de síntomas, cando o aumento da carga viral aínda é o suficientemente baixo como para considerar unha persoa como pouco transmisora. Polo tanto, a PCR pode detectar unha persoa infectada pola COVID-19 ata 3 días antes de que poida comezar a transmitir a COVID-19, o cal se establece que comeza 2 días antes do inicio de síntomas.

VII

Nesta orde establécese unha regulación ampla da medida de seguridade sanitaria consistente na exixencia dos certificados.

Así, a regulación que se establece aclara expresamente que os requisitos establecidos se considerarán como condicións de seguridade sanitaria, polo que as persoas responsables da dirección dos establecementos hospitalarios ou o seu persoal terán a obriga de velar pola implantación desta medida no seu respectivo ámbito, e facilitaranlles a información necesaria ás persoas usuarias.

Co obxecto de insistir na máxima garantía da intimidade das persoas, exprésase que, con respecto á exhibición da información referida, non se poderán conservar os datos persoais ou crear ficheiros con eles; establécese que en ningún caso se realizarán operacións de tratamento sobre datos persoais, xa sexa por procedementos automatizados ou non, como a recollida, rexistro, organización, estruturación, conservación, adaptación ou modificación, extracción, consulta, utilización, comunicación por transmisión, difusión ou calquera outra forma de habilitación de acceso ou outra operación non permitida pola normativa vixente.

Con esta mesma finalidade recórdase que, en todo caso, o persoal que poida ter acceso ou coñecemento da información contida nos certificados está obrigado a manter o segredo e a confidencialidade sobre os datos persoais a que accedan, de acordo co establecido no número 4 do artigo 7 da Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, de protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.

Especificamente, o persoal sanitario está suxeito xa legalmente a deberes específicos de segredo e reserva, garantidos polo réxime disciplinario aplicable. Neste sentido, a letra m) do artigo 42 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, considera como infracción grave «O incumprimento por parte do persoal que, en virtude das súas funcións, deba ter acceso á información relacionada co estado individual de saúde do deber de garantir a confidencialidade e a intimidade das persoas».

A posta en funcionamento da medida e o seu control respectarán, en todo caso, a dignidade da persoa, e as actuacións de comprobación serán o menos intrusivas e invasivas que sexa posible para lograr o obxectivo de protección da saúde pública, procurando reducir ao mínimo as molestias ou inquedanzas asociadas coa medida, de acordo co disposto no artigo 38.ter.2.a) da Lei 8/2001.

Débese lembrar que, en todo caso, o empeño da Administración autonómica é garantir o normal funcionamento das institucións hospitalarias concernidas, compatibilizándoo coa maior seguridade sanitaria posible. Por iso, enténdese que a implantación dos certificados é, en todo caso, unha medida alternativa menos gravosa que a prohibición de visitas ou a restrición doutros dereitos como o de acompañamento.

Unha vez documentado o risco específico existente nos centros hospitalarios para traballadores, pacientes e visitas/acompañantes, aínda na situación actual de risco baixo de transmisión, xustifícase a utilidade da medida na redución da transmisión nestas contornas caracterizadas pola vulnerabilidade das persoas ingresadas e polo impacto que os abrochos poden ocasionar sobre o sistema sanitario.

Adicionalmente a esta medida, o Servizo Galego de Saúde e a Dirección Xeral de Saúde Pública están a traballar no obxectivo de ter hospitais seguros, establecendo un marco de estabilidade nos hospitais públicos, recollendo as medidas sanitarias de prevención e control da COVID-19 comúns de aplicación a todos eles e, en definitiva, garantindo a protección da saúde tanto para os traballadores coma para os pacientes e as súas visitas e acompañantes.

A medida recollida nesta orde intégrase nesta iniciativa, sen descartar nin excluír outras medidas dirixidas a esa finalidade, especialmente as medidas de vixilancia do estado de saúde dos traballadores.

É importante sinalar que a exixencia do certificado COVID non será xeneralizado, senón restrinxido a visitas hospitalarias e acompañantes de persoas hospitalizadas.

Por outra banda, hai que ter en conta o feito de que a Administración sanitaria, nesta fase do Plan galego de vacinación, está a facilitar enormemente o acceso á vacinación, como por exemplo cos sistemas de citación automática, a autocita, a cita telefónica e as xornadas abertas de vacinación sen cita previa.

No momento actual, podemos afirmar que todos os galegos e galegas que quixeron recibir a vacina tiveron xa a oportunidade de vacinarse, situación moi diferente á anterior, na cal o plan de vacinación priorizaba de forma estrita a vacinación en función do risco.

VIII

Por último, en relación co ata o de agora exposto, cabe destacar que a regulación que se aproba respecto da implantación de certificados, nas condicións en que se efectúa nesta orde, cumpre os requisitos establecidos polo Tribunal Supremo para as medidas sanitarias que afectan dereitos fundamentais, tendo en conta a ponderación efectuada entre os dereitos fundamentais que o Tribunal Supremo considera que se poden ver afectados na sentenza antes citada, dereitos que, atendendo ao carácter tenue ou livián desa afectación, non se poden considerar prevalentes cos dereitos fundamentais e bens constitucionalmente protexidos que amparan a implantación da medida examinada.

Así, cabe recordar que a Sentenza expresada do Tribunal Supremo avala no caso considerado a procedencia da medida partindo da confrontación da «tenue limitación que podería ter a medida examinada sobre os dereitos fundamentais á igualdade (artigo 14) e á intimidade (artigo 18.1) co dereito fundamental á vida (artigo 15), coa protección da saúde (artigo 43) en situacións de pandemia como a COVID-19 e co interese xeral de todos de sobrevivir nestas gravísimas circunstancias».

En particular, o Tribunal Supremo pondera na súa sentenza as características dos establecementos a que se refire, tendo en conta a grande afluencia de persoas, o carácter voluntario da entrada, así como o incremento de risco de contaxio en locais pechados e mal ventilados.

No caso específico da medida que se considera na presente orde, resulta evidente que o seu fundamento non atende á natureza recreativa ou de lecer da actividade considerada, senón que debe pórse o acento nas características específicas da asistencia sanitaria hospitalaria e a protección, ante todo, dos e das pacientes, persoas que presentan xa por definición unha situación de saúde comprometida, casos en que deben extremarse as precaucións polas consecuencias máis graves que pode ter a enfermidade. Tamén debe terse en conta, como xa se expresou, a protección do persoal sanitario e do resto de persoas visitantes e acompañantes.

Dentro das actividades afectadas pola medida encóntranse as visitas hospitalaria e o acompañamento dos pacientes. As visitas hospitalarias responden a unha actividade voluntaria que pode obedecer tanto a usos sociais, relacións de amizade ou boa veciñanza como a relacións familiares. O acompañamento dos pacientes supón xa unha actividade de diferente natureza e maior duración (pode incluír incluso a posibilidade de pernoctación) que se regula no artigo 7 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, desde a perspectiva dos dereitos dos pacientes. Estas actividades poden limitarse ou excluírse de acordo co artigo 7 da lei nos casos en que estas presenzas sexan desaconselladas ou incompatibles coa prestación sanitaria. De todos modos, debe terse en conta que a medida prevista nesta orde non impide de forma absoluta o acceso nin sequera ás meras visitas, dado que, ademais de que pode na maior parte dos casos simplemente esperarse á recuperación do paciente, se condicionan ao cumprimento de determinados requisitos de fácil cumprimento na actualidade, ao permitirse, en último termo, a acreditación da realización dunha proba PCR ou de antíxenos, que pode realizarse incluso no propio hospital.

Polo demais, o Tribunal Supremo entendeu, no caso considerado que «a exhibición da documentación sinalada non vulnera o dereito á igualdade, pois non se produce discriminación entre aqueles que están vacinados e os que non o están. Lembremos que a documentación reviste unha tripla modalidade, que resulta acadable a todos, de modo que quen non quere mostrar se foi ou non vacinado, tendo en conta o seu carácter voluntario, pode presentar o resultado da proba PDIA ou o test de antíxenos e, desde logo, o certificado de recuperación da COVID-19 se pasou a infección».

En definitiva, para o Tribunal Supremo «concorre unha xustificación obxectiva e razoable para permitir ou non o acceso ao correspondente establecemento, segundo se cumpra tal exixencia, pois trátase da protección da saúde e da vida das persoas, mediante unha medida que evita ou restrinxe a propagación da pandemia. Tendo en conta que tales diferenzas de trato para seren discriminatorias deben carecer desa xustificación obxectiva e razoable, de acordo con criterios xurídicos atendibles, ao basearse en razóns que resulten xuridicamente relevantes, como é o caso de que as situacións comparables non resultan homoxéneas polos seus graves efectos con respecto á salvagarda do dereito á vida, á integridade física e á protección da saúde».

Respecto da intimidade, o Tribunal Supremo indica que «non parece que se poida esgrimir a prevalencia deste dereito fronte ao dereito á vida e á protección da saúde pública, tendo en conta que a información sobre se se recibiu a vacina ou non, en momentos nos cales se atravesa unha pandemia, é unha peza básica e esencial para impedir a propagación da infección polo SARS-CoV-2 e, polo tanto, da preservación da vida e da saúde de todos. É certo que se trata dunha información médica, pero as connotacións que impón a situación de pandemia, o carácter masivo da vacinación e a solidariedade que comporta a protección e axuda entre todos desvalorizan a preeminencia da intimidade neste caso».

En particular, o Tribunal Supremo descartou que existise algunha limitación ao dereito á protección de datos, ao considerarse na regulación a simple exhibición dos certificados.

A regulación desta medida de prevención tamén se axusta ao xuízo de proporcionalidade, que inclúe o xuízo de idoneidade, necesidade e proporcionalidade estrita, de acordo co estándar establecido polo Tribunal Supremo na súa sentenza.

A este respecto, ademais do xa indicado respecto da proporcionalidade, no sentido de que se considera que a afectación aos dereitos fundamentais é tenue, ou mesmo discutible, como expresa o Tribunal Supremo, respecto da idoneidade e necesidade da medida, a sentenza expresa: «En relación coa súa idoneidade e necesidade, é certo que cando xorde un grave e inminente perigo para a vida das persoas e a protección da saúde pública calquera actuación da Administración debe axustarse, ante todo, aos criterios médicos e epidemiolóxicos que resulten acordes co estado da ciencia en cada momento, e que constitúan o medio exacto, cabal e apto para acadar a finalidade proposta, sen que exista nese momento unha alternativa mellor. De tal modo, as medidas forzosamente deben ser cambiantes, constantemente adaptadas á evolución da pandemia e aos consecuentes criterios científicos. E sabido é que a vacina non é un medio para curar a enfermidade pero, como antes sinalamos e agora insistimos, si é unha acción de carácter preventivo que evita ou tempera considerablemente a propagación da pandemia, supón un innegable beneficio para a saúde de todos porque diminúe os contaxios e as mortes, e impide o colapso hospitalario que pode comportar a consecuente desatención doutras enfermidades alleas á COVID-19».

O Tribunal Supremo, en particular, pon en relación a idoneidade da medida coas «características propias dos establecementos en que se exixe». Como xa referimos anteriormente, no caso que nos ocupa a limitación proposta diríxese á presenza de persoas alleas á actividade prestacional que desenvolve o servizo público, que deberán cumprir certos requisitos, coa finalidade de preservar a saúde dos pacientes e do persoal sanitario e traballador destes centros, ademais de evitar riscos innecesarios ás propias persoas visitantes e acompañantes.

Polo demais, a medida implántase para todos os centros hospitalarios da Comunidade Autónoma, dado que a medida parte dunha análise das características da actividade hospitalaria e da especial vulnerabilidade dos pacientes de cuxa protección se trata, tendo en conta a existencia no momento actual dunha incidencia moi homoxénea da pandemia en todo o territorio da Comunidade Autónoma.

Por último, como exixe o Tribunal Supremo, a medida reviste tamén un carácter temporal, segundo os principios científicos, as probas científicas e a información dispoñible en cada momento. Así, recóllese expresamente este carácter temporal e establécese que, en cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, as medidas previstas nesta orde serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Como consecuencia deste seguimento e avaliación, as medidas poderán ser prorrogadas, modificadas ou levantadas mediante orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Como expresa o Tribunal Supremo, «como é natural, as medidas deben adecuarse, como sinalamos, á realidade necesariamente cambiante, atendida a evolución da enfermidade e o estado da ciencia en cada momento, e deben mediar a adecuada correspondencia e a necesaria vinculación entre a realidade sobre a cal se actúa, a finalidade que se persegue e o medio adecuado para a súa consecución».

Co obxecto de reforzar a idea de temporalidade e adecuación establécese, respecto da medida de exixencia de exhibición de certificados, unha eficacia inicial ata as 00.00 horas do día 4 de decembro, desde o día da publicación desta orde, unha vez autorizada xudicialmente, e sen prexuízo da posible revisión da medida e, de ser o caso, da súa prórroga (se se conta nese momento coa necesaria autorización xudicial). Isto é, débese establecer unha duración adecuada e limitada no tempo da medida da exixencia da exhibición de certificados, pola súa afectación, aínda que tenue, aos dereitos fundamentais, sen prexuízo da súa posible prórroga.

Polo tanto, tendo en conta todo o exposto, considérase que a medida resulta xustificada respecto da súa idoneidade, necesidade e proporcionalidade, nos termos recollidos na sentenza do Tribunal Supremo.

IX

As medidas que se adoptan nesta orde teñen o seu fundamento normativo na Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública; no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 e 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

En particular, o artigo 34 da Lei de saúde de Galicia, relativo ás «intervencións públicas sobre actividades, centros e bens», expresa:

«As intervencións públicas que poderán exercer as autoridades sanitarias competentes sobre as actividades públicas e privadas que, directa ou indirectamente, poidan ter consecuencias para a saúde son: (…) 6. Establecer, controlar e inspeccionar as condicións hixiénico-sanitarias, de funcionamento e desenvolvemento de actividades que poidan ter repercusión sobre a saúde das persoas».

Así mesmo, o artigo 38.1, «Medidas preventivas en materia de saúde pública» (redactado pola Lei 8/2021), establece:

«1. Co obxecto de protexer a saúde pública, as autoridades sanitarias autonómicas e locais, dentro do ámbito das súas competencias, poderán adoptar medidas preventivas de obrigado cumprimento cando exista ou se sospeite razoablemente a existencia dun risco inminente e grave para a saúde da poboación. Estas medidas poderán consistir:

(…) g) En medidas de seguridade sanitaria e hixiene en determinados lugares e/ou para o desenvolvemento de actividades».

Do mesmo xeito, tamén ofrece base legal á medida o contido da letra k) deste artigo 38.1, dado que permite o establecemento por parte das autoridades sanitarias dunha obriga de «subministración de datos» necesarios para o control e a contención de riscos para a saúde pública.

No caso concreto da medida que nos ocupa, existe, así mesmo, un fundamento normativo específico na regulación que se recolle nesta orde no artigo 7 da lei, «Dereitos relacionados co acompañamento do ou da paciente», dado que se recoñece explicitamente que estes dereitos non son absolutos ou incondicionados, dado que o número 2 do precepto expresa: «os dereitos anteriormente citados limitaranse, e mesmo exceptuaranse, nos casos en que esas presenzas sexan desaconselladas ou incompatibles coa prestación sanitaria conforme criterios clínicos. En todo caso, esas circunstancias seranlles explicadas aos afectados e ás afectadas de xeito comprensible».

Así mesmo, ofrece base legal á medida a regulación do número 12 do artigo 15 da lei en canto aos deberes das persoas familiares ou acompañantes dos usuarios e das usuarias do sistema sanitario, sinaladamente os seguintes: cumprir as prescricións específicas determinadas polos servizos sanitarios; usar axeitadamente os recursos, os servizos e as prestacións ofrecidos polo sistema sanitario; manter a debida observancia das normas establecidas en cada centro; cooperar coas autoridades sanitarias na protección da saúde e na prevención das enfermidades; e cumprir as normas e os procedementos de uso e acceso aos dereitos que se lles outorguen a través desta lei.

Conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, a persoa titular da Consellería de Sanidade ten a condición de autoridade sanitaria, polo que é competente para adoptar as medidas de prevención específicas para facer fronte ao risco sanitario derivado da situación epidemiolóxica existente, no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, coa urxencia que a protección da saúde pública demanda.

Na súa virtude, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Medida preventiva de seguridade sanitaria consistente na exhibición de documentación que acredite o cumprimento de determinados requisitos para o acceso aos centros hospitalarios das visitas e acompañantes dos pacientes hospitalizados

1. As visitas e acompañantes dos pacientes hospitalizados poderán acceder aos centros hospitalarios, tanto públicos como privados, sempre que as persoas maiores de 12 anos dispoñan dun certificado emitido polo servizo público de saúde ou, no caso do ordinal 2º, por un laboratorio oficial autorizado, que acredite a concorrencia de calquera das seguintes circunstancias:

1º. Que recibiron a pauta completa dunha vacina contra a COVID-19 para a cal se concedeu unha autorización de comercialización, de conformidade co Regulamento (CE) 726/2004.

2º. Que dispoñen dunha proba diagnóstica negativa realizada nas últimas 72 horas, no caso das PCR, e 48 horas, no caso dos tests de antíxenos. No caso dos tests rápidos de antíxenos, deberán estar enumerados na lista común e actualizada de tests rápidos de antíxenos da COVID-19 establecida sobre a base da Recomendación 2021/C 24/01, do Consello de Europa.

3º. Que o titular se recuperou dunha infección polo SARS-CoV-2 nos últimos 6 meses. Para iso, a persoa deberá ter sido diagnosticada como caso confirmado da COVID-19 hai 11 días ou máis mediante unha proba PCR, e non é válido outro tipo de test.

2. A medida preventiva de seguridade sanitaria, prevista no número anterior, establécese con fundamento na protección da saúde pública, ao abeiro do estipulado nas letras g) e k) do número 1 do artigo 38.1 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, e, en particular, da regulación establecida nos artigos 7.2 e 15.12 da lei, e rexerase pola regulación establecida neste punto.

2 bis. Esta medida preventiva de seguridade será aplicable tamén para o acceso das visitas e acompañantes dos pacientes aos hoteis de pacientes e hospitais de día para tratamentos oncolóxicos ou de diálise, tanto públicos como privados.

3. A medida non será aplicable para o acceso das persoas acompañantes dos pacientes no ámbito das consultas hospitalarias, nin para os acompañantes dos pacientes que acudan ao servizo de urxencias hospitalarias.

4. No caso dos visitantes ou acompañantes que non dispoñan da documentación indicada no número 1, permitirase o acceso se aceptan voluntariamente someterse a unha proba diagnóstica realizada no hospital.

5. A medida adoptarase con carácter temporal, atendidos os principios científicos, as probas científicas e a información dispoñible neste momento, buscando asegurar un nivel elevado de protección da cidadanía, de acordo co establecido no artigo 38.ter da Lei 8/2008, do 10 de xullo.

A medida poderá ser revisada unha vez atendidas as probas e a información científica existentes en cada momento.

6. Os requisitos establecidos consideraranse como condicións de seguridade sanitaria e concreción dos deberes dos acompañantes establecidos no artigo 15 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, polo que as persoas responsables da dirección dos centros ou o seu persoal velarán pola implantación da medida de seguridade sanitaria.

7. Co obxecto de procurar a máxima garantía de privacidade e intimidade das persoas, a información a que se refire a medida preventiva só poderá ser solicitada para os efectos da súa mera comprobación ou verificación.

En particular, de acordo co principio expresado de velar pola máxima garantía da privacidade e da intimidade, a comprobación da validez dos certificados presentados, tanto en formato papel como en formato dixital, só poderá ser efectuada polos centros a través da lectura do código QR que figura en cada un dos certificados, empregando para tal fin a aplicación Passcovid da Comunidade Autónoma de Galicia, prevista na Orde da Consellería de Sanidade, do 18 de agosto de 2020, pola que se regula o sistema de información Passcovid.gal como medida complementaria na xestión da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, dispoñible nas plataformas Android e Ios.

A comprobación efectuarase unicamente coa finalidade expresada de control de acceso. Non se conservarán en ningún caso datos de carácter persoal nin se crearán ficheiros con eles. Polo tanto, non se realizarán en ningún caso operacións de tratamento sobre datos persoais, xa sexa por procedementos automatizados ou non, como a recollida, rexistro, organización, estruturación, conservación, adaptación ou modificación, extracción, consulta, utilización, comunicación por transmisión, difusión ou calquera outra forma de habilitación de acceso ou outra operación non permitida pola normativa vixente.

8. En todo caso, o persoal que poida ter acceso ou coñecemento da información está obrigado a manter o segredo e a confidencialidade sobre os datos persoais a que acceda, de acordo co establecido no número 4 do artigo 7 da Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, de protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe, ou de acordo coa lexislación aplicable ao persoal sanitario, así como ao cumprimento do indicado no punto anterior.

9. De acordo co artigo 7.2 da Lei 8/2008, a medida seralle explicada aos afectados e ás afectadas de xeito comprensible. En particular, as persoas a que atinxe serán informadas, tanto verbalmente como a través de carteis visibles localizados na entrada do establecemento, de acordo cos modelos que determine a Consellería de Sanidade, das medidas aplicables e do seu contido, sobre o seu carácter necesario para o acceso, así como da non conservación dos datos persoais, a súa non integración en calquera tipo de ficheiros e a inexistencia de calquera tratamento ulterior, co fin de facilitar o coñecemento da dita información por parte dos seus destinatarios.

10. A posta en funcionamento da medida e o seu control respectarán, en todo caso, a dignidade da persoa. As actuacións de comprobación serán o menos intrusivas e invasivas que sexa posible para lograr o obxectivo de protección da saúde pública, procurando reducir ao mínimo as molestias ou inquedanzas asociadas coa medida, de acordo co disposto no artigo 38.ter.2.a) da Lei 8/2001.

Orde do 1 de decembro de 2021.

Artigo modificado:Artigo primeiro apartado 7 nova redacción por artigo segundo.

Segundo. Autorización xudicial, publicación e eficacia

1. Solicítase a autorización xudicial das medidas consistentes na exhibición de documentación, previstas no punto primeiro desta orde, en canto poden implicar limitación ou restrición de dereitos fundamentais, de acordo co disposto na redacción vixente do número 8 do artigo 10 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso- administrativa, e publícase a orde unha vez obtida a referida autorización.

2. As medidas previstas nesta orde terán efectos desde as 00.00 horas do día seguinte ao da súa publicación e ata as 00.00 horas do día 4 de decembro.

3. En cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, as medidas previstas nesta orde serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Como consecuencia deste seguimento e avaliación, as medidas poderán ser prorrogadas, modificadas ou levantadas mediante orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2021

Julio García Comesaña

Conselleiro de Sanidade

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia