lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Decreto 165/2021, do 10 de decembro, polo que se modifica o Decreto 11/2021, do 21 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda e Administración Pública.

Publicado en: DOG 242 20/12/2021

Departamento: Consellería de Facenda e Administración Pública

Estado: En vigor

PDF

No Diario Oficial de Galicia núm. 17, do 27 de xaneiro de 2021, publicouse o Decreto 11/2021, do 21 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda e Administración Pública.

Na Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio intégrase organicamente a Subdirección Xeral de Análise e Coordinación, que conta como órgano de apoio co Servizo de Coordinación en Materia Orzamentaria. Por motivos de reorganización administrativa suprímese o dito servizo, cuxas funcións son asumidas pola subdirección xeral.

Pola súa banda, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma é o órgano con competencias na Comunidade Autónoma de Galicia para a coordinación e execución das funcións de control interno da actividade económico-financeira do sector público autonómico, tanto da Administración xeral de Galicia coma dos seus entes dependentes e, especialmente, das funcións de control financeiro de subvencións e de auditoría de fondos comunitarios, co obxectivo de garantir e velar polo respecto na xestión dos fondos públicos ao ordenamento xurídico e aos principios de legalidade e de boa xestión financeira.

Nos últimos anos a función do control financeiro do sector público autonómico e das subvencións e axudas públicas adquiriu unha grande importancia no conxunto de competencias que corresponden á Intervención Xeral, tanto no que se refire aos recursos destinados ao seu exercicio como polo que respecta ao número de actuacións e resultados derivados del.

No contexto actual, a evolución e dimensión do sector publico autonómico fan necesario o desenvolvemento de novas formas organizativas que melloren os mecanismos e procedementos de control e que permitan unha maior flexibilidade no uso dos recursos públicos asignados, co obxectivo de ofrecer mellores garantías no control da eficacia e da eficiencia na xestión dos fondos públicos que a sociedade demanda.

Ademais, debe terse en conta que a entrada de novos fondos vinculados ao Instrumento europeo de recuperación e, en particular, o Mecanismo de recuperación e resiliencia trae consigo a implantación dun novo sistema de xestión por fitos e obxectivos en que se garanta, especialmente, o establecemento de mecanismos que permitan previr, detectar, corrixir situacións constitutivas de fraude, corrupción ou conflito de intereses.

Neste contexto, é importante un reforzamento dos mecanismos e procedementos de control que permitan garantir o correcto cumprimento das exixencias comunitarias, polo que se considera positivo unha reorientación, reforma e nova configuración dos procedementos de control.

Polas razóns anteriormente expostas, as melloras nos sistemas de control requiren dunha reorganización orientada a mellorar o desenvolvemento directo das actuacións de control, á súa ampliación e á articulación de mecanismos efectivos que permitan unha maior adaptabilidade e unha mellor coordinación, seguimento de resultados e supervisión interna, co obxectivo de mellorar a calidade do sistema de control no seu conxunto.

Para a consecución destes obxectivos, créase a Oficina Galega de Auditoría e Control (OGAC) como o órgano que, baixo a dirección da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, desenvolverá as funcións de control financeiro e de auditoría do sector público autonómico e, especialmente, as funcións de auditoría dos fondos comunitarios que lle correspondan de conformidade co establecido nos regulamentos comunitarios e na restante normativa que resulta de aplicación.

En particular, como mecanismo de flexibilidade, a Oficina Galega de Auditoría e Control, integrada por tres divisións (a División de Auditoría Pública e Control Financeiro, a División de Auditoría de Fondos Comunitarios e a División de Coordinación, Seguimento e Análise), presenta un sistema de xestión único e agrupado do conxunto de postos de traballo que posibilita, sen prexuízo das funcións e competencias que recaen sobre cada División, a adecuación áxil ás necesidades que poidan requirirse en función das cargas de traballo existentes.

Así mesmo, o artigo 93 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, dispón que o control interno da actividade económico-financeira da Comunidade, dos seus organismos autónomos e entes públicos e das sociedades públicas, o exercerá a Intervención Xeral, sen prexuízo das competencias do Consello de Contas de Galicia e, de ser o caso, do Tribunal de Contas. A Intervención Xeral da Comunidade Autónoma exercerá as súas funcións de control interno con plena autonomía respecto dos órganos responsables da xestión controlada e realizarase a través da función interventora e do control financeiro (artigo 94).

Como consecuencia deste réxime de control interno da actividade económico-financeira, exercido a través da función interventora, procede dispor de postos, a nivel estrutural, nas intervencións delegadas, que ven incrementada a súa función interventora ao asumir a fiscalización de entidades instrumentais.

Polo que se refire á Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, procede adecuar as súas competencias ás demandas presentadas, fundamentalmente, polos fluxos dos novos fondos correspondentes ao Mecanismo de recuperación e resiliencia (MRR) procedentes do Regulamento (UE) 2021/241, co fin de garantir o seu adecuado control e a neutralidade financeira nas contas da Comunidade Autónoma de Galicia debido á cadencia das achegas, así como tamén doutros fondos europeos. En consecuencia, cómpre modificar o decreto de estrutura orgánica da consellería co obxecto de incorporar, nas unidades administrativas correspondentes (Subdirección Xeral de Recursos e Análise Orzamentaria e Servizo de Planificación e Xestión de Recursos), as funcións referidas aos citados fondos procedentes do Mecanismo de recuperación e resiliencia (MRR) ou doutros fondos europeos.

Por outra banda, o Real decreto lei 36/2020, do 30 de decembro, polo que se aproban medidas urxentes para a modernización da Administración pública e para a execución do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR), establece e regula o sistema de gobernanza e os instrumentos de xestión pública para desenvolver, executar, controlar e efectuar o seguimento do Plan. Tanto este real decreto lei como o propio PRTR prevén a asignación de recursos procedentes do Mecanismo de recuperación e resiliencia ás comunidades autónomas en canto entidades executoras das medidas incluídas no Plan ata o ano 2026.

Así mesmo, a Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, regula a estrutura de gobernanza na Comunidade Autónoma dos recursos económicos financiados polo Instrumento europeo de recuperación (Next Generation), aprobado polo Consello Europeo o 21 de xullo de 2020, e dos derivados do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

En desenvolvemento do Real decreto lei 36/2020, a Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do PRTR, fai referencia á necesaria actuación coordinada de diversos órganos da Administración xeral do Estado, das administracións autonómicas e das entidades locais e, no ámbito autonómico, á existencia de unidades orgánicas con funcións de coordinación e seguimento en relación cos fondos europeos.

O Decreto 11/2021, do 21 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda e Administración Pública, atribúe á Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos, entre outras funcións, o exercicio, no ámbito da Comunidade Autónoma, das funcións que os regulamentos comunitarios lles atribúen ás autoridades de xestión, organismos intermedios, organismos coordinadores ou organismos equivalentes, en relación cos programas operativos dos fondos procedentes da Unión Europea. Ademais, tamén lle corresponde o seguimento doutros programas comunitarios desenvolvidos no ámbito da Administración da Comunidade Autónoma así como dos proxectos europeos en que organismos xestores da Administración da Comunidade Autónoma teñan a condición de beneficiarios.

En consecuencia, procede especificar nese ámbito as funcións que corresponden á dirección xeral, así como crear unha subdirección xeral específica denominada de proxectos públicos do Mecanismo de recuperación e resiliencia.

Así mesmo, na Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa incorpórase unha nova competencia en materia de transparencia, información administrativa e atención á cidadanía.

Na súa virtude, por proposta da persoa titular da Consellería de Facenda e Administración Pública, no exercicio das facultades outorgadas polo artigo 34.4 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, cos preceptivos informes favorables e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dez de decembro de dous mil vinte e un,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 11/2021, do 21 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda e Administración Pública

O Decreto 11/2021, do 21 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda e Administración Pública, queda modificado como segue:

Un. Suprímese o punto 2.3.1. do artigo 5.

Dous. Engádense unhas novas alíneas e), f) e g) ao artigo 10.2., que queda redactado do seguinte xeito:

«e) A aprobación dos plans anuais de actuacións de control financeiro, auditoría pública e fondos comunitarios e das súas modificacións.

f) A aprobación dos plans estratéxicos de control financeiro e auditoría pública e das estratexias de auditoría de fondos comunitarios, así como das súas modificacións.

g) Ditar as instrucións que sexan necesarias para o exercicio das actuacións de control financeiro, de auditoría pública e de fondos comunitarios, así como a homoxeneización de criterios aplicables nas distintas unidades da Intervención Xeral».

Tres. Modifícase o artigo 11, que queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 11. Estrutura

1. Da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma dependerán as seguintes unidades administrativas, con nivel orgánico de subdirección xeral, que realizarán as funcións que para cada unha delas se sinalan, sen prexuízo daquelas outras que dentro do seu ámbito se lles asignen:

a) A Subdirección Xeral de Fiscalización e Control Interno.

b) A Subdirección Xeral de Contabilidade.

c) As intervencións delegadas.

2. Da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma dependerán tamén a Oficina Galega de Auditoría e Control e a Unidade de Auditoría e de Control Financeiro Continuo do Sector Público Sanitario.

3. Así mesmo, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma desenvolverá as funcións que son propias da súa competencia, por si mesma ou a través dos seguintes órganos:

a) As intervencións delegadas en cada consellería.

b) As intervencións delegadas nas entidades públicas instrumentais do sector público autonómico.

c) As intervencións territoriais delegadas».

Catro. Suprímense as seccións 3ª, 4ª e 5ª do capítulo III do título II.

Quinto. Engádese unha nova sección 3ª ao capítulo III do título II, que queda redactada do seguinte xeito:

«Sección 3ª. A Oficina Galega de Auditoría e Control

Artigo 14. Funcións e estrutura

1. A Oficina Galega de Auditoría e Control desenvolverá, dentro da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, as funcións e competencias desta no marco das actuacións de control financeiro, de auditoría do sector público e de fondos comunitarios, con excepción das que se atopen expresamente atribuídas a outros órganos ou unidades administrativas non dependentes da Oficina. En particular, corresponderanlle:

a) A planificación, programación, coordinación, execución e seguimento das actuacións de control financeiro e de auditoría pública.

b) A planificación, programación, coordinación, execución e seguimento das actuacións de control de fondos comunitarios que, de conformidade cos regulamentos comunitarios e a restante normativa de aplicación, lle corresponde executar á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

c) A planificación, programación, coordinación, execución e seguimento das actuacións de control financeiro de subvencións e axudas públicas.

d) A planificación, programación, coordinación, execución e seguimento das actuacións de control que no ámbito da execución do Mecanismo de recuperación e resiliencia lle corresponda executar á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de conformidade co recollido nos regulamentos comunitarios e restante normativa que resulte de aplicación.

e) O seguimento das actuacións de control posterior realizadas polas intervencións delegadas ou territoriais.

f) O seguimento das actuacións de auditoría e de control financeiro continuo realizadas polas unidades de Auditoría e de Control Financeiro Continuo do Sector Público Sanitario.

g) A elaboración e aprobación das instrucións que sexan aplicables ao exercicio das actuacións de control financeiro, de auditoría pública e de fondos comunitarios.

h) A coordinación e preparación da información que teña que remitirse ao Parlamento de Galicia, ao Consello de Contas ou a outras administracións públicas ou organismos involucrados na xestión e no control e auditoría do sector público e de fondos comunitarios.

2. A Oficina Galega de Auditoría e Control estrutúrase en torno á Dirección da Oficina e ás seguintes unidades administrativas, con nivel orgánico de subdirección xeral:

a) División de Auditoría Pública e Control Financeiro.

b) División de Auditoría de Fondos Comunitarios.

c) División de Coordinación, Seguimento e Análise.

3. Á fronte de cada División estará, baixo a dirección inmediata do director da Oficina, un subdirector xeral de división, que será o máximo responsable das funcións atribuídas á División.

4. A asignación dos efectivos da Oficina de Auditoría e Control entre as distintas divisións e equipos será realizada polo director da oficina mesma, a quen queda adscrito un equipo de apoio horizontal que distribuirá en función da carga de traballo concreta asignada aos diferentes equipos de control da Oficina. Cada división e equipo desenvolverá os labores e funcións que se determinan neste decreto e, en todo caso, o director poderá reasignar funcións e efectivos cando for necesario polas distintas cargas de traballo das divisións, tendo en conta, en todo caso, o disposto no artigo 37.2 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.

Artigo 15. Dirección da Oficina Galega de Auditoría e Control

1. A Dirección da Oficina Galega de Auditoría e Control será exercida pola persoa titular da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, a quen lle corresponderán a dirección, o impulso e a coordinación xeral dos traballos dirixidos por cada unha das divisións que conforman a Oficina e, en particular:

a) A aprobación dos plans anuais de actuacións de control financeiro, auditoría pública e fondos comunitarios e das súas modificacións.

b) A aprobación dos plans estratéxicos de control financeiro e auditoría pública e das estratexias de auditoría de fondos comunitarios, e das súas modificacións.

c) A aprobación das normas ou instrucións que sexan necesarias para o exercicio das actuacións de control financeiro, de auditoría pública e de fondos comunitarios.

d) A organización do control de calidade de calquera actuación de auditoría ou de control.

e) A xestión de medios persoais, materiais e ferramentas informáticas necesarios para o adecuado desempeño das funcións da Oficina.

f) Aqueloutras actuacións non atribuídas ás divisións que resulten precisas para o correcto funcionamento da Oficina.

Artigo 16. A División de Auditoría Pública e Control Financeiro

1. A División de Auditoría Pública e Control Financeiro exercerá as seguintes funcións:

a) O estudo e a elaboración da proposta do plan anual de actuacións de control financeiro e auditoría pública e das súas modificacións.

b) O estudo e a elaboración da proposta dos plans estratéxicos de control financeiro e auditoría pública e das súas modificacións.

c) Realizar o control financeiro naqueles organismos e entidades vinculados ou dependentes da Administración da Comunidade Autónoma en que estea establecida esta modalidade de control, segundo se establece no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, nas disposicións que a desenvolven e demais normativa de aplicación, salvo respecto daquelas entidades en que a Intervención Xeral encomende o control financeiro a outra unidade.

d) O control financeiro das subvencións, nos termos establecidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e demais normativa de desenvolvemento.

e) Coordinar, de conformidade coas instrucións emitidas polo director da Oficina, os informes que deriven das actuacións de control financeiro e de auditoría pública.

f) A emisión de informes daquelas actuacións de control financeiro e auditoría pública das entidades en que así se determine e, de ser o caso, a emisión de informes globais.

g) Asistir ás mesas de contratación das entidades respecto das cales exerza o control financeiro a División que teñan carácter de Administración pública para os efectos da lexislación reguladora da contratación no sector público ou, de ser o caso, propor un funcionario da propia subdirección que o substitúa.

h) Aquelas outras funcións que puideran serlle encomendadas polo director da Oficina para o seu mellor funcionamento.

2. Da División de Auditoría Pública e Control Financeiro dependerán as seguintes unidades administrativas, á fronte das cales haberá un xefe de servizo:

2.1. O equipo de control financeiro, que exercerá as seguintes funcións:

a) O estudo e desenvolvemento dos traballos previos precisos para elaborar a proposta anual de actuacións.

b) O estudo e desenvolvemento dos traballos previos precisos para a elaboración dos programas de traballo que se utilizarán nas actuacións de control financeiro.

c) Realizar os traballos necesarios para procurar unha adecuada coordinación dos informes que deriven das actuacións de control financeiro.

d) Realizar os traballos conducentes á proposta de informes dos controis que, de ser o caso, lle sexan asignados e a realización, de ser o caso, do informe global.

e) Aquelas outras funcións que puideran serlle encomendadas polo director da Oficina para o seu mellor funcionamento.

2.2. O equipo de auditoría do sector público, que exercerá as seguintes funcións:

a) O estudo e desenvolvemento dos traballos previos precisos para elaborar a proposta anual de actuacións.

b) O estudo e desenvolvemento dos traballos previos precisos para a elaboración dos programas de traballo que se utilizarán nas auditorías do sector público.

c) Realizar os traballos necesarios para procurar unha adecuada coordinación dos informes que deriven das actuacións de auditoría.

d) Realizar os traballos conducentes á proposta de informes dos controis que, de ser o caso, lle sexan asignados e a realización, de ser o caso, do informe global.

e) Aquelas outras funcións que puideran serlle encomendadas polo director da Oficina para o seu mellor funcionamento.

2.3. Equipo de control e coordinación do control financeiro da Atriga, que exercerá as seguintes funcións:

a) O estudo e desenvolvemento dos traballos previos precisos para elaborar a proposta anual de actuacións.

b) O estudo e desenvolvemento dos traballos previos precisos para a elaboración dos programas de traballo que se utilizarán nas actuacións de control financeiro da Atriga.

c) A coordinación e supervisión dos traballos precisos para elaborar os programas de traballo que se utilizarán nas actuacións de control.

d) Realizar os traballos conducentes á proposta de informes dos controis que, de ser o caso, lle sexan asignados e a realización, de ser o caso, do informe global.

e) A realización dos traballos necesarios para procurar unha coordinación adecuada dos informes que deriven das actuacións de control financeiro.

f) Aquelas outras funcións que lle poidan ser encomendadas polo director da Oficina para o seu mellor funcionamento.

Artigo 16 bis. A División de Auditoría de Fondos Comunitarios

1. A División de Auditoría de Fondos Comunitarios exercerá as seguintes funcións:

a) O estudo e a elaboración da proposta do plan de auditorías de fondos comunitarios, con detalle das que se van realizar cada ano, así como das súas modificacións.

b) O estudo e a elaboración da estratexia de auditoría daqueles fondos en que así estea previsto de acordo coa normativa aplicable.

c) Realizar as actuacións de control de fondos comunitarios que, de conformidade cos regulamentos comunitarios e a restante normativa de aplicación, lle corresponde executar á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

d) Realizar as actuacións de control que, no ámbito da execución do Mecanismo de recuperación e resiliencia, lle corresponda executar á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, de conformidade co recollido nos regulamentos comunitarios e restante normativa que resulte de aplicación.

e) Desenvolver os traballos de auditoría que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma como organismo de certificación da conta dos fondos Feaga e Feader na Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Coordinar, de conformidade coas instrucións emitidas polo director da Oficina, os informes que deriven das actuacións de control financeiro e de fondos comunitarios.

g) A emisión dos informes cos resultados das auditorías que se deban render a outros órganos involucrados na xestión e no control de fondos comunitarios.

h) Aquelas outras funcións que lle poidan ser encomendadas polo director da Oficina para o seu mellor funcionamento.

2. Da División de Auditoría de Fondos Comunitarios dependerán as seguintes unidades administrativas, á fronte das cales haberá un xefe de servizo:

2.1. O equipo de auditoría dos fondos europeos da pesca, que exercerá as seguintes funcións:

a) O estudo e desenvolvemento dos traballos previos precisos para a elaboración dos programas de traballo que se utilizarán nas auditorías de actuacións cofinanciadas cos fondos europeos da pesca.

b) A coordinación dos traballos de auditoría das actuacións cofinanciadas cos fondos europeos da pesca que realicen outras unidades da Intervención Xeral.

c) A revisión dos informes emitidos como resultado das auditorías das actuacións cofinanciadas cos fondos europeos da pesca.

d) A realización dos traballos de auditoría conducentes á proposta de informes dos controis que, de ser o caso, lle sexan asignados.

e) Realizar os traballos necesarios para o adecuado seguimento dos resultados das auditorías dos fondos europeos da pesca.

f) Aquelas outras funcións que lle poidan ser encomendadas polo director da Oficina para o seu mellor funcionamento.

2.2. O equipo de auditoría do Feder e do MRR, que exercerá as seguintes funcións:

a) O estudo e o desenvolvemento dos traballos previos precisos para a elaboración dos programas de traballo que se utilizarán nas auditorías de actuacións cofinanciadas co Feder.

b) A coordinación dos traballos de auditoría das actuacións cofinanciadas co Feder que realicen outras unidades da Intervención Xeral.

c) A revisión dos informes emitidos como resultado das auditorías das actuacións cofinanciadas co Feder.

d) Realizar os traballos de auditoría que, no ámbito da execución do Mecanismo de recuperación e resiliencia, lle correspondan executar á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

e) A realización dos traballos de auditoría conducentes á proposta de informes dos controis que, de ser o caso, lle sexan asignados.

f) Realizar os traballos necesarios para o adecuado seguimento dos resultados das auditorías do Feder.

g) Aquelas outras funcións que lle poidan ser encomendadas polo director da Oficina para o seu mellor funcionamento.

2.3. O equipo de auditoría do FSE, que exercerá as seguintes funcións:

a) O estudo e o desenvolvemento dos traballos precisos para elaborar a proposta das actuacións anuais de auditoría do FSE.

b) O estudo e o desenvolvemento dos traballos previos precisos para a elaboración dos programas de traballo que se utilizarán nas auditorías de actuacións cofinanciadas co FSE.

c) A coordinación dos traballos de auditoría das actuacións cofinanciadas co FSE que realicen outras unidades da Intervención Xeral.

d) A revisión dos informes emitidos como resultado das auditorías das actuacións cofinanciadas co FSE.

e) A realización dos traballos de auditoría conducentes á proposta de informes dos controis que, de ser o caso, lle sexan asignados.

f) Realizar os traballos necesarios para o adecuado seguimento dos resultados das auditorías do FSE.

g) Aquelas outras funcións que lle poidan ser encomendadas polo director da Oficina para o seu mellor funcionamento.

2.4. O equipo de auditoría de fondos europeos agrícolas, que exercerá as seguintes funcións:

a) O estudo e o desenvolvemento dos traballos previos precisos para elaborar unha proposta do Plan anual de control de fondos comunitarios.

b) Realizar os traballos de auditoría necesarios para a certificación das contas dos fondos Feaga e Feader da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Executar o Plan de control das operacións comprendidas no sistema de financiamento do Feaga, ao abeiro das exixencias dos regulamentos comunitarios.

d) A realización dos traballos de auditoría conducentes á proposta de informes dos controis que, de ser o caso, lle sexan asignados.

e) Realizar os traballos necesarios para o adecuado seguimento dos resultados das auditorías do Feaga e Feader.

f) Aquelas outras funcións que lle poidan ser encomendadas polo director da Oficina para o seu mellor funcionamento.

Artigo 16 ter. A División de Coordinación, Seguimento e Análise

1. A División de Coordinación, Seguimento e Análise exercerá as seguintes funcións:

a) Realizar os traballos necesarios para procurar a coordinación dos órganos integrados ou dependentes da Intervención Xeral coa Oficina de Auditoría e Control.

b) O estudo e a proposta das normas e instrucións que sexan aplicables ao exercicio das actuacións de control financeiro, de auditoría pública e de fondos comunitarios.

c) O estudo e as propostas de homoxeneización de normas e criterios aplicables nas distintas unidades da Intervención Xeral que afecten as funcións de control e auditoría da Oficina, sen prexuízo das funcións asignadas a outros órganos.

d) Elaborar as propostas correspondentes para o desenvolvemento e a actualización dos sistemas de información dedicados a lles dar servizo no exercicio das súas funcións a todas as direccións xerais dependentes da Consellería de Facenda e Administración Pública.

e) O seguimento e avaliación das actuacións de control posterior realizadas polas intervencións delegadas ou territoriais e a elaboración das propostas de actuación que deriven delas.

f) O seguimento das actuacións de auditoría e de control financeiro continuo realizadas polas unidades de Auditoría e de Control Financeiro Continuo do Sector Público Sanitario

g) O seguimento dos informes de control emitidos polas divisións da Oficina ou por outras unidades pertencentes á Intervención Xeral, cando recollan a procedencia de reintegrar a subvención ou a axuda, e a elaboración das propostas de actuación que deriven deles, de acordo co previsto na normativa aplicable.

h) O seguimento dos informes de control emitidos polas divisións da Oficina ou por outras unidades pertencentes á Intervención Xeral, cando conclúan a existencia dunha situación susceptible de ser constitutiva de fraude ou de incorrer en corrupción ou conflito de intereses.

i) O seguimento das medidas correctoras que se decidisen como consecuencia das deficiencias postas de manifesto nos informes de control e de auditoría pública.

j) Coordinar e preparar a información que teña que remitirse ao Parlamento de Galicia, ao Consello de Contas ou a outros órganos ou administracións públicas que participen ou estean relacionados coa xestión e co control e auditoría do sector público e de fondos comunitarios.

k) Verificar o seguimento dos informes emitidos polo Consello de Contas ou outros organismos no exercicio das súas funcións de control da Administración autonómica e elaborar as propostas de actuación que deriven deles.

l) Aquelas outras funcións que lle poidan ser encomendadas polo director da Oficina para o seu mellor funcionamento.

2. Da División de Coordinación dependerá a seguinte unidade administrativas, á fronte da cal haberá un xefe de equipo, con nivel orgánico de servizo:

2.1. O equipo de coordinación, seguimento e análise, que realizará as seguintes funcións:

a) Realizar os traballos necesarios para procurar a coordinación dos órganos integrados ou dependentes da Intervención Xeral coa Oficina de Auditoría e Control e verificar o seguimento dos informes emitidos polo Consello de Contas ou outros organismos no exercicio das súas funcións de control da Administración autonómica.

b) Elaborar informes que sirvan de base para propostas de emisión de normas ou instrucións en relación coas actuacións de control financeiro, de auditoría pública e de fondos comunitarios.

c) O estudo e as propostas de homoxeneización de normas e criterios aplicables nas distintas unidades da Intervención Xeral que afecten as funcións de control e auditoría da Oficina, así como no relativo aos informes emitidos polo Consello de Contas.

d) Elaborar as propostas correspondentes para o desenvolvemento e actualización dos sistemas de información dedicados a lles dar servizo no exercicio das súas funcións a todas as direccións xerais dependentes da Consellería de Facenda e Administración Pública.

e) Preparar a información que teña que remitirse ao Parlamento de Galicia, ao Consello de Contas e, se é o caso, ao Tribunal de Contas e aos órganos estatutarios ou a outras administracións públicas ou órganos involucrados na xestión e no control e auditoría do sector público e de fondos comunitarios

f) Verificar o seguimento dos informes de control financeiro e de control posterior emitidos polas distintas unidades da Intervención e a elaboración das propostas de actuación que deriven deles.

g) Aquelas outras actuacións que lle poidan ser encomendadas polo director da Oficina para o seu mellor funcionamento».

Sexto. Modifícase a numeración das actuais seccións 6ª e 7ª do capítulo III do título II, que pasan a ser sección 4ª e 5ª, respectivamente.

Sétimo. Modifícase o artigo 18.6, que queda redactado do seguinte xeito:

«18.6. As intervencións delegadas de todas as consellerías contarán cun servizo de fiscalización e contabilidade, excepto a intervención delegada na Consellería de Cultura, Educación e Universidade e a intervención delegada na Consellería do Medio Rural, que contarán con dous servizos, e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e a Consellería de Sanidade, que non contarán con ningún servizo. Os/as interventores/as delegados/as poderán ser asistidos por interventores/as adxuntos/as ou habilitados/as.»

Oitavo. Modifícase o artigo 19.2.2.b), que queda redactado do seguinte xeito:

«19.2.2.b) A análise da execución de ingresos, así como a xestión orzamentaria dos recursos derivados de transferencias correntes e de capital, incluída a incorporación a contas financeiras no caso dos fondos procedentes do Mecanismo de recuperación e resiliencia (MRR) ou doutros fondos europeos, así como dos recursos propios dos servizos competentes en materia sanitaria».

Noveno. Modifícase o artigo 19.2.2.1.c), que queda redactado do seguinte xeito:

«19.2.2.1.c) A xestión orzamentaria dos recursos procedentes de transferencias correntes e de capital (capítulos IV e VII do orzamento de ingresos, e capítulo IX no caso de imputación a contas financeiras dos fondos do Mecanismo de recuperación e resiliencia (MRR) ou doutros fondos europeos), así como dos recursos propios dos servizos competentes en materia sanitaria».

Décimo. Engádese unha nova alínea g) ao artigo 20.1, que queda redactado do seguinte xeito:

«20.1.g) En relación cos fondos procedentes do Mecanismo de recuperación e resiliencia da Unión Europea, a coordinación e o seguimento da xestión dentro do ámbito da Comunidade Autónoma, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia de España».

Décimo primeiro. Engádese un novo punto 7 ao artigo 20.2, que queda redactado do seguinte xeito:

«20.2.7. A Subdirección Xeral de Proxectos Públicos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, que exercerá as seguintes funcións:

a) A coordinación cos órganos xestores dos proxectos públicos do Mecanismo de recuperación e resiliencia no ámbito da Comunidade Autónoma, así como coas autoridades competentes da Administración xeral do Estado no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

b) O seguimento dos proxectos públicos financiados con fondos do Mecanismo de recuperación e resiliencia».

Décimo segundo. Engádese unha nova alínea f) ao artigo 22.2.D), que queda redactado do seguinte xeito:

«22.2.D).f) Realizar a investigación preliminar das denuncias que se presenten a través da canle de denuncias e darlles o tratamento que proceda».

Disposición derradeira primeira. Modificación da relación de postos de traballo

A Consellería de Facenda e Administración Pública proporá as modificacións que procedan na relación de postos de traballo, derivadas da modificación da estrutura orgánica que se establece neste decreto.

Disposición derradeira segunda. Habilitación normativa

Autorízase a persoa titular da Consellería de Facenda e Administración Pública para ditar as disposicións necesarias e adoptar os actos e medidas precisos para o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dez de decembro de dous mil vinte e un

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Miguel Corgos López-Prado

Conselleiro de Facenda e Administración Pública

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia