lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Orde do 7 de decembro de 2021 pola que se crea e se regula o Comité Clínico de Cirurxía Robótica.

Publicado en: DOG 242 20/12/2021

Departamento: Consellería de Sanidade

Estado: En vigor

PDF

Os sistemas robóticos son aparellos concibidos coa finalidade de axudar e mellorar a destreza e a capacidade cirúrxica na cirurxía laparoscópica, fundamentalmente a falta de precisión derivada da redución da capacidade do profesional para a manipulación cirúrxica e da perda da sensación de profundidade que provoca a visión en dúas dimensións. O aumento e a mellora da destreza permítenlle ao cirurxián realizar manipulacións que, sen este sistema, serían imposibles nalgúns casos. Todo iso proporciona unha considerable mellora na seguridade das intervencións por cirurxía laparoscópica.

Enténdese, por tanto, a cirurxía robótica como o nivel máis avanzado da cirurxía minimamente invasiva e, polo tanto, como a evolución natural daqueles equipamentos cirúrxicos con ampla experiencia en cirurxía laparoscópica, que están baseados en dous conceptos: a realidade virtual e a cibernética.

A súa utilización achega beneficios a diferentes niveis, aos pacientes (maior seguridade, diminución da morbimortalidade, rápida recuperación), aos profesionais (maior precisión, fácil acceso, maior visualización, entre outros) e para a organización sanitaria (menor estadía hospitalaria, menos complicacións, maior atractivo para os profesionais).

A adquisición, por parte do Servizo Galego de Saúde, de sete robots Da Vinci, para situar en cada un dos hospitais de referencia das sete áreas sanitarias, supón un fito importante para a organización ao dotar os centros da última tecnoloxía en robots cirúrxicos. A súa implementación nos centros precisa da creación dun comité clínico de composición multidisciplinar que organice a súa posta en marcha.

Esta orde crea o Comité Clínico de Cirurxía Robótica e regula a súa natureza xurídica e adscrición, composición, funcións e normas básicas de funcionamento.

A orde tramitouse de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e foi obxecto de publicación no portal de transparencia e Goberno aberto da Xunta de Galicia. Así mesmo, foi sometida ao informe económico-financeiro da consellería competente en materia de facenda, ao informe da Dirección Xeral da Función Pública da Consellería de Facenda e Administración Pública, ao informe sobre impacto de xénero e ao informe da Asesoría Xurídica da Consellería de Sanidade.

Finalmente, en prol da mellora da calidade normativa, esta administración actuou de conformidade cos principios de boa regulación, en concreto, os de necesidade, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia, accesibilidade, simplicidade, eficacia e eficiencia recollidos no artigo 37.1 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, así como no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

En consecuencia, de conformidade coas facultades que me confiren os artigos 34.6 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

A presente orde ten por obxecto a creación do Comité Clínico de Cirurxía Robótica no Servizo Galego de Saúde, así como regular a súa constitución, natureza xurídica e adscrición, composición, funcións e réxime de funcionamento e coordinación.

Artigo 2. Creación do comité

Créase o Comité Clínico de Cirurxía Robótica.

Artigo 3. Natureza xurídica e adscrición

O Comité constitúese como un órgano colexiado de ámbito autonómico e natureza técnico- facultativa, adscrito ao Servizo Galego de Saúde a través da dirección xeral competente en materia de asistencia sanitaria, que desenvolverá as súas funcións, por requirimento desta, para a normalización, coordinación e seguimento na utilización dos robots cirúrxicos Da Vinci.

Artigo 4. Composición

1. O Comité estará integrado por un total de 18 persoas, das cales unha exercerá a presidencia do órgano, outra a súa vicepresidencia, outra a secretaría e 15 ocuparán as vogalías.

2. O Comité terá membros natos que ocupan a praza en virtude do seu cargo e son os seguintes:

a) Presidente/a: a persoa titular da dirección xeral competente en materia de asistencia sanitaria do Servizo Galego de Saúde.

b) Vicepresidente/a: a persoa titular da dirección xeral competente en materia de recursos económicos do Servizo Galego de Saúde.

3. Os demais membros serán nomeados pola persoa titular da dirección xeral competente en materia de asistencia sanitaria e ocuparán as vogalías e a secretaría do comité.

a) As vogalías ocuparanas:

1º. Unha persoa proposta pola persoa titular da dirección xeral competente en materia de recursos económicos do Servizo Galego de Saúde, de entre o persoal da dirección xeral.

2º. Dúas persoas propostas pola persoa titular da dirección xeral competente en materia de asistencia sanitaria do Servizo Galego de Saúde de entre o seu persoal.

3º. Sete persoas que serán propostas por cada unha das xerencias de área sanitaria entre as persoas que desempeñen funcións relativas á organización da actividade cirúrxica.

4º. Catro persoas representantes de cada unha das áreas cirúrxicas susceptibles de realizar a maior parte da actividade con este equipamento: cirurxía xeral, xinecoloxía, uroloxía e otorrinolaringoloxía, propostas pola persoa titular da dirección xeral competente en materia de asistencia sanitaria do Servizo Galego de Saúde, logo de consulta coas persoas responsables das devanditas unidades.

5º. Unha persoa de enfermaría da área cirúrxica designada pola persoa titular da dirección xeral competente en materia de asistencia sanitaria do Servizo Galego de Saúde.

b) Para garantir o desenvolvemento das tarefas encomendadas a este comité, este contará cunha secretaría técnica que será exercida por unha persoa que sexa persoal funcionario ou persoal estatutario da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria, proposta pola persoa titular da dirección xeral.

4. Nos casos de ausencia, enfermidade ou outra causa legal das persoas titulares da presidencia e/ou secretaría, serán substituídas por outra persoa designada pola persoa titular da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria.

5. As persoas integrantes do comité clínico non percibirán retribucións por este concepto.

Artigo 5. Funcións

Serán funcións do comité clínico as seguintes:

a) Asesorar a dirección xeral competente en materia de asistencia sanitaria do Servizo Galego de Saúde nas materias que incidan directamente na actividade asistencial da cirurxía robótica.

b) Propor criterios comúns para a elaboración dos correspondentes protocolos de actuación de forma que se lles garanta aos/ás pacientes a equidade nesta prestación.

c) Propor as medidas de mellora da organización, funcionamento e calidade no uso dos robots.

d) Coñecer e emitir informes dos obxectivos asistenciais, de calidade, docentes e de investigación do uso dos robots, así como calquera outra cuestión que afecte a prestación cando sexan requiridos pola Presidencia do comité.

e) Promover estratexias formativas no uso destes equipamentos para os profesionais.

f) Propor e coordinar o sistema de información que permita o seguimento desta prestación.

g) Detectar as dificultades que puidesen xurdir na realización da actividade e resolver as dúbidas sobre a súa aplicación e interpretación.

h) Servir de canle permanente de colaboración, comunicación e información entre os distintos hospitais e outros axentes implicados na xestión da prestación.

Artigo 6. Principio de presenza equilibrada

Na composición do comité, sempre que sexa posible en atención á dispoñibilidade dos e das profesionais que o poden conformar, procurarase acadar unha presenza equilibrada de homes e mulleres.

Artigo 7. Nomeamento e cesamento das persoas integrantes do comité

1. As persoas que forman parte do comité por razón do seu cargo adquirirán tal condición co seu nomeamento e deixarán de pertencer a el no momento do seu cesamento.

2. As persoas que sexan designadas para formar parte do comité serán nomeadas e cesadas pola persoa titular da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria por un período de dous anos, transcorrido o cal se valorará a necesidade do comité e, de ser o caso, deberá procederse a confirmar ou a renovar os ditos nomeamentos, sen prexuízo doutras causas de cesamento ou substitución establecidas no seguinte punto.

3. Serán causa de cesamento e substitución das persoas integrantes do comité as seguintes:

a) Transcurso do tempo para o cal foron nomeadas.

b) Renuncia presentada por escrito ante a Presidencia do comité.

c) Incapacidade declarada xudicialmente.

d) Falecemento.

e) Acordo motivado adoptado pola Presidencia do comité baseado no incumprimento reiterado das súas obrigas.

f) Calquera outra causa prevista na lexislación vixente.

Artigo 8. Organización e funcionamento do comité

1. O Comité reunirase en sesión presencial ordinaria polo menos unha vez ao ano e con carácter extraordinario por solicitude da maioría das persoas que o integran e/ou cando sexa convocado pola persoa titular da Presidencia, quen avaliará a conveniencia de que sexa presencial ou non.

2. O Servizo Galego de Saúde promoverá o desenvolvemento das ferramentas de xestión da información que se consideren necesarias para facilitar a comunicación e posta en común dos contidos que sexan discutidos polos membros do comité, de conformidade co previsto no artigo 21 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 9. Creación de grupos de traballo

1. Para o funcionamento do comité, de considerarse preciso, poderanse crear grupos de traballo, de carácter permanente ou temporal, para o estudo de temas concretos relacionados coas materias da súa competencia. Estes grupos reuniranse coa periodicidade que requira a misión que se lles encomende.

2. A finalidade destes grupos de traballo é a de achegar respostas a obxectivos concretos e poderán coincidir un ou máis grupos no tempo. Estes grupos disolveranse unha vez que acaden os obxectivos para os cales foron creados.

3. Cada un dos grupos de traballo que se constitúan estará formado polos/as profesionais das especialidades correspondentes aos temas específicos que se van valorar. A súa composición será a seguinte:

a) Persoa coordinadora: un membro do comité clínico.

b) Vogalías: un máximo de seis profesionais relacionados/as co tema específico que se aborde.

Todas as persoas integrantes dos grupos de traballo serán designadas pola Presidencia do comité por proposta deste.

Na composición dos grupos de traballo procurarase acadar unha presenza equilibrada de homes e mulleres.

4. As funcións destes grupos de traballo serán as seguintes:

a) Participar na confección, desenvolvemento e revisión dos informes que o Comité considere oportuno.

b) Elaborar recomendacións e/ou documentos de consenso, obtidos a partir da evidencia científica dispoñible, do estado actual da técnica ou da realidade das unidades asistenciais.

c) Aqueloutras funcións que se consideren de interese para o Comité.

Artigo 10. Colaboración temporal de persoal técnico

Para o desenvolvemento das funcións do comité, a persoa titular da presidencia poderá solicitar a presenza das persoas responsables do diagnóstico, seguimento ou tratamento dalgún caso que se vaia analizar, así como a colaboración temporal de persoal técnico, que participará como persoal asesor mentres sexa preciso. Este persoal asesor poderá asistir ás reunións do comité e participará nelas con voz e sen voto.

Artigo 11. Réxime supletorio

En todo o non previsto nesta orde aplicarase o disposto polos preceptos básicos sobre órganos colexiados da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e na sección 3ª do capítulo I, do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Disposición adicional única. Crédito orzamentario

O funcionamento do Comité Clínico de Cirurxía Robótica, de conformidade co regulado nesta orde, non xerará aumento dos créditos orzamentarios asignados á Consellería de Sanidade nin ao Servizo Galego de Saúde.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de decembro de 2021

Julio García Comesaña

Conselleiro de Sanidade

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia