lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Orde do 25 de marzo de 2011 pola que se aproban as normas de aplicación do imposto sobre o dano medioambiental causado por determinados usos e aproveitamentos da auga encorada.

Publicado en: DOG 63 30/03/2011

Departamento: Consellería de Facenda

Estado: En vigor

PDF

Modificacións
A disposición derradeira segunda, apartado un, da Orde do 20 de outubro de 2015 pola que se establecen as normas de aplicación e a presentación e o pagamento electrónico da taxa fiscal sobre o xogo de apostas deportivas e de competición e se modifican determinadas normas tributarias, modifica a denominación do Censo telemático de aproveitamentos hidráulicos para usos industriais, que pasa denominarse Censo electrónico de aproveitamentos hidráulicos para usos industriais, e substitúense todas as mencións que se fagan a el na orde, pola súa nova denominación.

A procura da protección e conservación dun medio natural que contribúa a un crecemento económico sustentable é unha constante preocupación da Comunidade Autónoma de Galicia. Baixo esta perspectiva promulgáronse un bo número de normas que tiveron como eixe fundamental a conservación do medio e a utilización racional dos recursos naturais dos que dispoñemos. Unha delas foi a Lei 15/2008, do 19 de decembro, do imposto sobre o dano medioambiental causado por determinados usos e aproveitamentos da auga encorada que creou un tributo propio da Comunidade Autónoma de Galicia, de natureza real e finalidade extrafiscal, que somete a gravame o dano medioambiental causado pola realización de determinadas actividades que utilizan auga encorada cando o devandito uso ou aproveitamento altere ou modifique substancialmente os valores naturais dos ríos e, en especial, o caudal e a velocidade da auga na súa canle natural: o imposto sobre o dano medioambiental causado por determinados usos e aproveitamentos da auga encorada. Consonte coa lei enténdese que alteran e modifican substancialmente os valores naturais dos ríos as actividades industriais que empreguen augas encoradas mediante grandes presas, é dicir, aquelas presas que superen os quince metros de altura ou ben, aquelas que non superando os quince metros, e non sendo inferiores a dez, teñan unha lonxitude de coroación superior a cincocentos metros, ou unha capacidade de encorar superior a un millón de metros cúbicos de auga, ou unha capacidade de vertedura superior a dous mil metros cúbicos por segundo. Aínda que para o desenvolvemento da actividade empreguen augas encoradas non estarán suxeitas ao imposto as actividades de abastecemento de poboacións, nin as agrarias, nin a acuicultura, nin as recreativas, nin a navegación nin o transporte acuático.

O período impositivo coincide co trimestre natural, aínda que no caso de concesións novas o período impositivo comezará desde a data da concesión, e, no caso de extinción da concesión, o último día do período impositivo coincidirá coa data da extinción. O devengo producirase o último día do período impositivo.

Consonte coa lei, serán suxeitos pasivos, en calidade de contribuíntes, as persoas físicas, xurídicas e as entidades ás cales se refire o artigo 35º.4 da Lei xeral tributaria que realicen as actividades gravadas. Para cumprir coas súas obrigas tributarias os suxeitos pasivos deberán presentar determinadas declaracións consonte cos modelos que aprobe a consellería competente en materia de facenda e, así mesmo, deberán autoliquidarse o imposto de cada período impositivo nos vinte primeiros días naturais seguintes á data do devengo, mediante os modelos aprobados para estes efectos pola consellería competente en materia de facenda.

Por outra banda, a lei establece que a consellería competente en materia de facenda poderá dispoñer que as declaracións e autoliquidacións do imposto se efectúen mediante os programas informáticos de axuda que, de ser o caso, se aproben e, igualmente, dispón que poderá establecer a obrigatoriedade da súa presentación e pagamento mediante medios telemáticos.

No ámbito tributario, a Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria (LXT), desenvolve no seu artigo 34º a obriga da Administración de informar e asistir os obrigados tributarios sobre o exercicio dos seus dereitos e o cumprimento das súas obrigas, sinalando que as actuacións da administración tributaria que requiran a súa intervención deberán levarse a cabo da forma que resulte menos gravosa para estes, sempre que iso non prexudique o cumprimento das súas obrigas tributarias. O título III da LXT regula as normas xerais de aplicación dos tributos e, en concreto, no seu capítulo I consagra os principios xerais informadores da aplicación dos tributos, no capítulo II establécense as normas comúns aplicables ás actuacións e procedementos tributarios e os capítulos III, IV e V configuran os procedementos de xestión, de inspección e de recadación, respectivamente. Dentro do primeiro capítulo, no seu artigo 96º, compele a administración tributaria a promover a utilización das técnicas e medios electrónicos, informáticos e telemáticos necesarios para o desenvolvemento da súa actividade e o exercicio das súas competencias. Así mesmo, cando sexa compatible cos medios técnicos de que dispoña a administración electrónica, os cidadáns poderán relacionarse con ela para exercer os seus dereitos e cumprir coas súas obrigas mediante técnicas e medios electrónicos, informáticos e telemáticos coas garantías e requisitos previstos en cada procedemento. Do mesmo xeito, fíxanse os principais supostos nos que cabe a utilización destes medios, cunha ampla habilitación regulamentaria. No capítulo II, a LXT recolle exclusivamente as especialidades aplicables nos procedementos tributarios respecto das normas administrativas xerais. No capítulo III contén unha regulación sistemática e suficiente da xestión tributaria e dos seus procedementos, aínda que dun xeito flexible co fin de facilitar a adaptación dos procedementos tributarios aos avances que se vaian producindo sen que a lei constitúa un impedimento. Neste capítulo regúlanse as declaracións, as autoliquidacións e as comunicacións de datos, instrumentos mediante os que poden iniciarse as actuacións de xestión tributaria e contense unha relación non exhaustiva dos procedementos de xestión tributaria, facultando o regulamento para que estableza outros procedementos que estime convenientes aos que se aplicarán, en todo caso, as normas establecidas no capítulo II da LXT. O Real decreto 1065/2007, do 27 de xullo, polo que se aproba o Regulamento xeral das actuacións e os procedementos de xestión e inspección tributaria e de desenvolvemento das normas comúns dos procedementos de aplicación dos tributos contén as normas regulamentarias que son de aplicación e, en concreto, contén as normas regulamentarias aplicables en materia de censos da administración tributaria, en materia de cumprimento de obrigas tributarias, incluídas as formais, así como en materia de principios, disposicións xerais e procedementos de aplicación dos tributos e, máis en concreto, no seu título III contén as normas regulamentarias concernentes aos principios e disposicións xerais da aplicación dos tributos e, concretamente, ao emprego de medios electrónicos, informáticos e telemáticos das actuacións e procedementos tributarios, e no seu título IV contén, entre outras, as normas regulamentarias aplicables na presentación de declaracións, autoliquidacións, comunicacións de datos e nas actuacións e procedementos de comprobación de obrigas tributarias principais, accesorias e formais. É destacable que no regulamento se faculta a persoa titular do ministerio competente en materia de facenda e os órganos equivalentes das comunidades autónomas, que no noso caso é a persoa titular da consellería competente en materia de facenda, para que mediante orde, aprobe modelos e sistemas normalizados de autoliquidacións, declaracións, comunicacións, solicitudes ou calquera outro medio previsto na normativa tributaria, os requisitos e condicións para a súa presentación, determine os supostos e condicións en que os obrigados tributarios deberán presentar por medios telemáticos as súas declaracións, autoliquidacións, comunicacións, solicitudes e calquera outro documento con trascendencia tributaria e dite as correspondentes normas de desenvolvemento aplicables ás actuacións e procedementos tributarios que se realicen por medios electrónicos, informáticos ou telemáticos e as relacionadas cos medios de autenticación utilizados pola Administración tributaria. Do mesmo xeito, poderá aprobar a utilización de modalidades simplificadas ou especiais de declaración, autoliquidación ou comunicación de datos e os supostos en que os datos consignados se entenderán subsistentes para períodos sucesivos, se o contribuínte non comunica variación neles.

En virtude de todo o sinalado máis arriba, a consellería competente en materia de facenda promulgou a Orde do 27 de febreiro de 2009 pola que se aproban as normas de aplicación do imposto sobre o dano medioambiental causado por determinados usos e aproveitamentos da auga encorada, orde que foi recorrida ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que, mediante sentenza 1028/2010, do vinte cinco de novembro de 2010, anulou a orde, co fin de que, con retroacción do expediente administrativo, se emendara a falla do ditame do Consello Consultivo, entendendo que este é preceptivo por ser a orde un regulamento de carácter executivo de desenvolvemento directo da Lei 15/2008. Esta sentenza non é firme, xa que foi recorrida pola administración galega ante o Tribunal Supremo, por non compartir os razonamentos expostos polo TSXG. No entanto, en prol da seguridade xurídica e coa finalidade de protexer tanto o interese dos suxeitos chamados a satisfacer o imposto como os intereses xerais da Comunidade Autónoma de Galicia na seguranza dos ingresos públicos que lle corresponden, dito a presente orde, que é reprodución fiel da Orde do 27 de febreiro de 2009 e que, pola súa vez, a derroga. As únicas modificacións que contén a orde veñen motivadas pola modificación da estrutura da Xunta de Galicia e algunha precisión sinalada máis adiante. A súa tramitación adáptase ao disposto no capítulo II do título II da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, dedicado á regulación do procedemento para a elaboración de regulamentos por parte da Xunta e a Administración autonómica, atendendo á forma adoptada pola disposición regulamentaria.

O artigo 103º da Constitución española sinala a eficacia como un dos principios que deben rexer o actuar das administracións públicas. Pola súa parte, a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, alude no seu artigo 3º, xunto aos principios constitucionais, aos de eficiencia e servizo aos cidadáns, recoñecendo no artigo 35º o dereito dos cidadáns a que se lles facilite o exercicio dos seus dereitos e o cumprimento das súas obrigas. Para o logro destes obxectivos a Lei 30/1992 destaca, no seu artigo 45º, como instrumento idóneo, a utilización por parte das administracións de técnicas electrónicas, informáticas e telemáticas no desenvolvemento da súa actividade e o exercicio das súas competencias, polo que insta a estas a que impulsen e apliquen as devanditas técnicas. Finalmente, a Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, consagra a relación coas administracións públicas por medios electrónicos como un dereito dos cidadáns e como unha obriga correlativa das administracións. Deste xeito, a Lei 11/2007 recoñece o dereito dos cidadáns a relacionarse coas administracións públicas por medios electrónicos e regula os aspectos básicos da utilización das tecnoloxías da información na actividade administrativa, nas relacións entre as administracións públicas, así como nas relacións dos cidadáns con elas coa finalidade de garantir os seus dereitos, un tratamento común ante elas e a validez e eficacia da actividade administrativa en condicións de seguridade xurídica. Pola súa vez, dispón que as administracións públicas empreguen as tecnoloxías da información consonte coa lei, asegurando a dispoñibilidade, o acceso, a integridade, a autenticidade, a confidencialidade e a conservación dos datos, informacións e servizos que xestionen no exercicio das súas competencias. A LXT, no seu artigo 96º, pronúnciase do mesmo xeito.

As novas tecnoloxías aplicadas aos procedementos xestores de tributos son un instrumento idóneo para conxugar os principios de eficacia da administración tributaria e a limitación dos custos indirectos ao contribuínte e, nesta liña, a presentación telemática de tributos ofrécelles a posibilidade de evitar desprazamentos ás oficinas xestoras ou ás entidades bancarias para a realización do pagamento, así como a presentación dos tributos fóra do horario normal de atención ao público. Ao mesmo tempo, a utilización dos programas que a administración tributaria implementa para a presentación telemática dos tributos facilita cubrir os modelos, guiando o contribuínte na introdución dos datos, evitando a reiteración destes e ofrecéndolle unha axuda en liña.

Baixo esta óptica, a consellería competente en materia de facenda presta unha especial atención ás posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías para facilitar aos cidadáns o cumprimento voluntario das obrigas tributarias desde o ano 2003. A experiencia xestora no tratamento dos modelos presentados en papel e os presentados de forma telemática poñen tamén de manifesto as vantaxes desta forma de pagamento e presentación fronte á outra. Así o considerou a consellería na promulgación da Orde do 27 de febreiro de 2009, sendo ben recibido o sistema e recoñecidas as súas virtudes polos propios usuarios deste. Por todo isto, e en uso da facultade xenérica de establecer a obrigatoriedade de comunicarse coas administracións públicas empregando exclusivamente medios electrónicos, cando os interesados teñan garantido o acceso e dispoñibilidade dos medios tecnolóxicos precisos, consonte co disposto no artigo 27º.6 da Lei 11/2007, establécese, con carácter xeral, a obriga de cumprir as obrigas tributarias principais e accesorias contidas na lei deste imposto de xeito telemático.

Mediante esta orde, apróbanse os modelos en formato electrónico de declaración inicial e modificación e de autoliquidación do imposto sobre o dano medioambiental causado por determinados usos e aproveitamentos da auga encorada, regúlase dun xeito máis pormenorizado respecto á orde anterior o Censo electrónico de aproveitamentos hidráulicos para usos industriais e dítanse as normas de aplicación do imposto consonte cos principios e disposicións xerais regulamentarias contidas na normativa xeral tributaria.

Así, en virtude do exposto e de acordo coas competencias establecidas nos artigos 12º, 13º, 14º, 16º e a disposición derradeira segunda da Lei 15/2008, do 19 de decembro, do imposto sobre o dano medioambiental causado por determinados usos e aproveitamentos da auga encorada, e de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Presentación e pagamento telemáticos.

1. Os suxeitos pasivos do imposto sobre o dano medioambiental causado por determinados usos e aproveitamentos da auga encorada, para cumprir as obrigas tributarias relacionadas con este imposto, deberán empregar as aplicacións informáticas postas á súa disposición na oficina virtual tributaria nas condicións e consonte cos procedementos previstos nesta orde.

2. Para os efectos do disposto no número anterior, as aplicacións informáticas deste imposto poderán ser empregadas polos usuarios que se relacionan a seguir, sempre que sexan previamente autorizados pola dirección da Axencia Tributaria de Galicia (Atriga):

a) Os suxeitos pasivos que dispoñan do correspondente certificado de usuario outorgado pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda (FNMT-RCM) para a presentación e pagamento dos seus propios impostos, ou doutras autoridades certificadoras admitidas pola consellería competente en materia de facenda.

b) Os membros dos colexios profesionais, as entidades privadas, así como as institucións ou organizacións representativas de sectores ou intereses sociais, laborais, empresarias ou profesionais, que subscribisen coa Comunidade Autónoma o correspondente convenio de colaboración, nos termos acordados neste.

3. Os usuarios anteriores, para poder empregar as aplicacións informáticas deste imposto, deberán presentar ante a dirección da Atriga unha solicitude de autorización xunto a unha ficha de usuario, axustadas aos modelos que contén o anexo I, con anterioridade ao primeiro prazo en que deban cumprir as obrigas tributarias referidas a este imposto. Outorgarase a autorización a todos aqueles que reúnan as condicións establecidas no número anterior.

Orde do 20 de outubro de 2015.

Artigo modificado:Artigo 1 apartado 2 nova redacción por disposición derradeira segunda apartado dous.

Orde do 20 de outubro de 2015.

Artigo modificado:Artigo 1 apartado 3 nova redacción por disposición derradeira segunda apartado tres.

Artigo 2º.-Aprobación de modelos en formato electrónico.

Apróbanse os modelos en formato electrónico que figuran nos anexos II e III desta orde e que se relacionan a seguir, para os efectos da aplicación do imposto sobre o dano medioambiental causado por determinados usos e aproveitamentos da auga encorada:

Modelo 010.-Modelo de declaración de alta/modificación, que constará de dous exemplares, un para a administración e outro para o interesado.

Modelo 011.-Modelo de autoliquidación do imposto sobre o dano medioambiental causado por determinados usos e aproveitamentos da auga encorada, que constará de tres exemplares, un para a administración, outro para o interesado e un terceiro para a entidade financeira colaboradora na recadación.

Artigo 3º.-Censo electrónico de aproveitamentos hidráulicos para usos industriais.

1. Créase o Censo electrónico de aproveitamentos hidráulicos para usos industriais, instrumento que será empregado pola administración tributaria galega para os efectos da aplicación do imposto sobre o dano medioambiental causado por determinados usos e aproveitamentos da auga encorada.

2. O Censo electrónico de aproveitamentos hidráulicos para usos industriais conterá, ademais dos datos sinalados na normativa xeral tributaria, os datos declarados mediante o modelo 010.

3. Quedarán inscritos no censo todos os aproveitamentos hidráulicos de auga encorada para usos industriais que utilicen encoros que estean situados en todo ou en parte no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, cando o uso ou aproveitamento altere ou modifique substancialmente os valores naturais dos ríos. Para estes efectos, a administración tributaria galega poderá incorporar de oficio os datos que deban figurar nel, consonte co disposto no artigo 144º do Regulamento xeral das actuacións e os procedementos de xestión e inspección tributaria e de desenvolvemento das normas comúns dos procedementos de aplicación dos tributos aprobado mediante Real decreto 1065/2007, do vinte e sete de xullo e mediante as actuacións as que se refire o artigo 11º desta orde.

Artigo 4º.-Procedemento para a realización da declaración inicial.

1. Os suxeitos pasivos deberán, con carácter xeral, no prazo de presentación da primeira autoliquidación e previamente a esta, presentar electronicamente ante a Atriga unha declaración inicial dos datos do aproveitamento consignados no modelo 010.

Para realizar esta declaración empregarán a aplicación informática que a Administración tributaria da Comunidade Autónoma de Galicia poña á súa disposición na oficina virtual tributaria.

2. Unha vez consignados todos os datos requiridos, o suxeito pasivo deberá proceder á presentación telemática, de xeito que transmitirá os datos da declaración coa sinatura electrónica, xerada ao seleccionar o certificado previamente instalado para estes efectos no navegador. Se o presentador é unha persoa ou entidade autorizada para presentar declaracións en representación de terceiras persoas, requirirase unha única sinatura, a correspondente ao seu certificado.

3. Se a declaración é aceptada, a aplicación devolveralle ao usuario en pantalla:

-Un código de identificación, que se denominará código de aproveitamento, formado por cinco caracteres numéricos, que deberá ser empregado polo suxeito pasivo en todas as actuacións que teña coa administración tributaria na aplicación deste imposto. A asignación deste código suporá a inscrición no Censo electrónico de aproveitamentos hidráulicos para usos industriais.

-O modelo 010 debidamente cuberto cos datos declarados e co código de identificación a que se refire o número anterior, e validado cun código seguro de verificación formado por dezaseis caracteres, con indicación da data de presentación. Este modelo servirá de xustificante da presentación da declaración de alta na data sinalada no propio modelo.

No suposto de que a presentación fose rexeitada, mostrarase en pantalla a descrición dos erros detectados. Neste caso, o usuario deberá proceder a corrixilos mediante a aplicación informática. Se o rexeitamento da presentación é orixinado por un motivo non corrixible, o usuario deberá repetir a presentación.

4. O usuario deberá imprimir e conservar a declaración aceptada e validada co correspondente código seguro de verificación.

Orde do 20 de outubro de 2015.

Artigo modificado:Artigo 4 apartado 1 nova redacción por disposición derradeira segunda apartado catro.

Artigo 5º.-Procedemento para a confección, pagamento e presentación electrónicos das autoliquidacións.

1. Os suxeitos pasivos deberán practicar a autoliquidación do imposto, determinando a débeda tributaria correspondente a cada período impositivo, ingresala, de ser o caso, e presentar electronicamente ante a Atriga o modelo 011, seguindo as instrucións contidas no propio modelo e consonte co procedemento establecido neste artigo, nos vinte primeiros días naturais seguintes á finalización de cada período impositivo. O prazo anterior entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte, no suposto de que o último día do período sexa inhábil ou sábado.

Para isto, os usuarios a que se refire o artigo 1 empregarán a aplicación informática que a Atriga poña á súa disposición na oficina virtual tributaria. Os suxeitos pasivos deberán estar previamente identificados co código de aproveitamento no censo electrónico de aproveitamentos hidráulicos para usos industriais.

2. Os usuarios declararán os datos necesarios para calcular a débeda tributaria e, unha vez calculada esta, o usuario deberá seleccionar a/as forma/s de pagamento consonte as instrucións do modelo 011 no anexo de datos de pagamento. No caso de que marque un importe a aprazar ou fraccionar, deberá presentar ante a Atriga solicitude expresa de aprazamento ou fraccionamento na forma, lugar e prazo e cos requisitos e consecuencias sinaladas na normativa de aplicación e sen que se poida entender presentada aquela coa presentación electrónica da autoliquidación. No caso de que recoñecera débeda por algún importe, transcorrido o prazo voluntario do seu pagamento sen facelo efectivo, exixirase pola vía de constrinximento, nas condicións establecidas na normativa tributaria. No caso de que teña que ingresar algún importe, procederá consonte o disposto no número seguinte.

3. Os usuarios poderán pagar a débeda ordenando a súa domiciliación consonte coa normativa vixente na materia e/ou de calquera das formas seguintes:

a) De forma presencial en calquera das entidades de crédito colaboradoras autorizadas, mediante a carta de pagamento que, para estes efectos, xerará a aplicación informática e que previamente deberá imprimir o usuario. A aplicación informática xerará dous exemplares da carta de pagamento debidamente cubertos cos datos que o usuario facilitase na aplicación informática. Con estes dous exemplares da carta de pagamento acudirase á entidade colaboradora para realizar o pagamento. Unha vez realizado o pagamento, a entidade colaboradora facilitará un número de referencia completo (NRC) identificativo do ingreso realizado, quedará co exemplar para a entidade colaboradora e devolverá ao usuario o exemplar para o interesado co selo da entidade, coa data do ingreso, co número e co importe, así como co NRC. O dito documento servirá de xustificante de pagamento do número da autoliquidación impreso nel. O NRC identificativo do ingreso realizado será requirido posteriormente pola aplicación informática para completar a presentación electrónica da autoliquidación.

b) De forma electrónica. O usuario accederá ás aplicacións específicas a través da OVT da Atriga e efectuará o pagamento da correspondente autoliquidación, a través das entidades de crédito colaboradoras na recadación autorizadas para tal efecto ou mediante tarxeta de crédito ou débito a través de sistemas de terminal de punto de venda (TPV) virtual. A entidade efectuará as comprobacións oportunas e aceptará ou rexeitará a operación. No caso de ser aceptada, efectuará o aboamento na correspondente conta restrinxida de recadación de tributos e xerarase o correspondente NRC, para completar a presentación electrónica da autoliquidación. Unha vez realizado o pagamento, a aplicación informática xerará o recibo a que se refire o número 2 do artigo 10.

4. O NRC a que se refire o número 3 é un código xerado informaticamente mediante un sistema criptográfico que permitirá asociar a autoliquidación presentada ao pagamento dela derivado. O NRC está composto por 22 posicións co seguinte contido: Posicións 01‑13: alfanuméricas, corresponden ao número de xustificante asignado pola oficina virtual tributaria. Posición 14: alfanumérica, corresponde a un carácter de control adicional. Posicións 15-22: caracteres de control. As normas técnicas de xeración do NRC figuran no anexo IV.

5. A xeración do NRC pola entidade e a inclusión del nun recibo entregado ao obrigado tributario implicará:

a) Que o recibo en que figura responde a un ingreso realizado na entidade que o expide.

b) Que o devandito recibo corresponde á autoliquidación que se indica nel e non a outra.

c) Que a partir do momento de xeración deste pola entidade de crédito, e sempre que o NRC non fose anulado consonte a normativa tributaria en materia de recadación, queda a entidade obrigada fronte á Facenda da Comunidade Autónoma de Galicia polo importe que figura no devandito recibo, e o obrigado tributario queda liberado da súa obriga de pagamento fronte á citada Facenda, salvo que se poida probar de forma fidedigna a inexactitude da data ou do importe que conste na validación do xustificante.

6. Unha vez xerado o correspondente NRC, salvo que fose anulado consonte coa normativa tributaria en materia de recadación, non se admitirá a retrocesión do pagamento por parte da entidade, e o suxeito pasivo deberá presentar, de ser o caso, ante a Atriga, a correspondente solicitude de devolución de ingresos indebidos adecuadamente fundamentada. Pola súa banda, a entidade deberá realizar o pagamento na conta restrinxida de recadación con carácter previo á xeración do citado NRC.

7. Unha vez calculada a débeda e, de ser o caso, realizado o seu pagamento, para concluír co proceso o usuario deberá presentar a autoliquidación electronicamente, de maneira que transmitirá os datos dela coa sinatura electrónica xerada ao seleccionar o certificado dixital recoñecido. Se o presentador é unha persoa ou entidade autorizada para presentar declaracións en representación de terceiras persoas, requirirase unicamente a sinatura correspondente ao seu certificado.

8. Se a presentación electrónica é aceptada, a aplicación devolveralle ao usuario en pantalla o modelo 011 debidamente cuberto, co seu número de identificación, cos datos declarados, coa autoliquidación da débeda tributaria, cos datos correspondentes ao importe a ingresar e, de ser o caso, co ingreso realizado e coa data do ingreso e/ou coa débeda recoñecida, coa data da presentación e validado cun código seguro de verificación (CSV) formado por dezaseis caracteres. Este modelo serviralle de xustificante da presentación do número da autoliquidación impreso nel na data sinalada no propio modelo e do seu pagamento, de ser o caso.

No suposto de que a presentación fose rexeitada, mostrarase en pantalla a descrición dos erros detectados. Neste caso, o usuario deberaos emendar mediante a aplicación informática. Se o rexeitamento da presentación fose orixinado por un motivo non emendable, o usuario deberá repetir a presentación.

Orde do 20 de outubro de 2015.

Artigo modificado:Artigo 5 apartado 1 nova redacción por disposición derradeira segunda apartado cinco.

Orde do 20 de outubro de 2015.

Artigo modificado:Artigo 5 apartado 2 nova redacción por disposición derradeira segunda apartado seis.

Orde do 10 de decembro de 2019.

Artigo modificado:Artigo 5 apartado 2 nova redacción por disposición derradeira cuarta.

Orde do 22 de decembro de 2020.

Artigo modificado:Artigo 5 nova redacción por artigo 2 apartado un.

Artigo 6º.-Singularidade dos aproveitamentos.

No suposto de que un suxeito pasivo teña en explotación máis dun aproveitamento hidráulico para usos industriais, que estea gravado por este imposto, as declaracións e autoliquidacións citadas nos artigos anteriores referiranse a cada un dos aproveitamentos que teña en explotación.

Artigo 7º.-Procedemento para a modificación dos datos contidos no Censo telemático.

Cando se produza algunha variación nos datos inscritos no censo, referentes ao aproveitamento ou ao encoro, os suxeitos pasivos deberán, con carácter xeral, presentar comunicación electrónica daquela ante a Atriga a través do modelo 010, no prazo de vinte días naturais contados desde o momento en que se produza a dita modificación e, en calquera caso, antes do pagamento e presentación electrónicos da autoliquidación correspondente ao período impositivo en que se producise a modificación que se vai declarar.

Para isto empregará a aplicación informática a que fai referencia o artigo 4 anterior e seguirá o procedemento regulado nel.

Orde do 20 de outubro de 2015.

Artigo modificado:Artigo 7 nova redacción por disposición derradeira segunda apartado sete.

Artigo 8º.-Procedemento para a modificación do suxeito pasivo.

1. Cando por calquera operación ou título xurídico se produza a modificación do suxeito pasivo do imposto por un aproveitamento inscrito no censo electrónico de aproveitamentos hidráulicos para usos industriais, quen fose o suxeito pasivo con anterioridade á modificación deberá comunicar telematicamente á administración tributaria, mediante o modelo 010, unha baixa por modificación do suxeito pasivo, identificando ao novo suxeito pasivo e este último, deberá presentar telematicamente unha declaración de alta por modificación do suxeito pasivo.

Para isto empregarán a aplicación informática a que fai referencia o artigo 4º anterior, e deberán proceder do xeito que se sinala a seguir.

2. Quen fose suxeito pasivo con anterioridade á modificación, deberá comunicar a baixa por cambio de suxeito pasivo de xeito telemático no prazo máximo de dez días naturais desde a data en que se realizase aquela. A comunicación referida determinará no mesmo momento da aceptación pola aplicación da súa presentación, a baixa provisional do suxeito pasivo inicial respecto ao aproveitamento censado. O suxeito pasivo inicial deberá xustificar documentalmente ante a administración tributaria o cambio no prazo máximo de 5 días. Verificada pola administración a documentación presentada, procederase á baixa definitiva do suxeito pasivo inicial respecto ao aproveitamento censado.

3. Realizada a baixa provisional, o novo suxeito pasivo deberá comunicar telematicamente á administración tributaria a alta por cambio de suxeito pasivo. A referida comunicación determinará no mesmo momento da aceptación pola aplicación da súa presentación, a alta do novo suxeito pasivo respecto ao aproveitamento censado, momento a partir do que poderá realizar calquera outra operación co respecto a ese aproveitamento ao través o das aplicacións informáticas da oficina virtual tributaria.

4. Sen prexuízo das consecuencias que deriven do incumprimento das obrigas neste artigo sinaladas, a administración tributaria poderá, de oficio, dar de baixa a quen fose suxeito pasivo con anterioridade á operación que determinase o cambio de suxeito pasivo, á solicitude do novo suxeito pasivo e logo de xustificación documental

5. A persoa que na data do devengo realice a actividade gravada polo imposto será a que teña a obriga de autoliquidar e ingresar a débeda tributaria polo período impositivo en que se produza a modificación.

Artigo 9º.-Extinción da concesión.

1. Nos vinte primeiros días naturais seguintes á data de extinción da concesión, o suxeito pasivo deberá, con carácter xeral, ingresar e presentar electronicamente ante a Atriga o modelo 011, no cal practicará a autoliquidación do imposto correspondente ao período impositivo en que se produza a extinción da concesión e determinará a débeda tributaria de maneira proporcional ao número de días deste.

Para isto empregará a aplicación informática a que fai referencia o artigo 5 anterior e seguirá o procedemento regulado nel.

2. No prazo máximo de dez días naturais contados desde a finalización do prazo para presentar a autoliquidación a que se refire o número anterior, o suxeito pasivo deberá, con carácter xeral, presentar telematicamente o modelo 010 para comunicar a extinción da concesión. A comunicación referida determinará no mesmo momento da súa aceptación, a baixa provisional do aproveitamento censado. Comunicada a extinción da concesión, o suxeito pasivo deberá xustificar documentalmente ante a administración tributaria a extinción da concesión no prazo máximo de 5 días. Verificada pola administración a documentación presentada, procederase á baixa definitiva do aproveitamento do censo.

3. Sen prexuízo das consecuencias que deriven do incumprimento das obrigas neste artigo sinaladas, a administración tributaria poderá, de oficio, dar de baixa os aproveitamentos que tivesen cesado na súa actividade.

Orde do 20 de outubro de 2015.

Artigo modificado:Artigo 9 apartado 1 nova redacción por disposición derradeira segunda apartado oito.

Artigo 10º.-Xustificantes do pagamento e da presentación electrónica de autoliquidacións e declaracións.

1. No caso de que o usuario opte polo pagamento de forma presencial nunha entidade colaboradora, o exemplar para o interesado da carta de pagamento que esta entregue nos termos previstos no artigo 5.3.a) servirá de xustificante do pagamento do número da autoliquidación impreso nel.

2. Se o usuario opta polo pagamento electrónico, a aplicación informática, unha vez realizado o pagamento, xerará o correspondente recibo, que o obrigado tributario deberá conservar, no cal se identificará o número da conta ou da tarxeta de crédito ou de débito que realiza o pagamento, a data do ingreso, o importe, o NIF e o nome do suxeito pasivo, así como o NRC. O dito documento servirá de xustificante de pagamento da autoliquidación asociada ao NRC impreso nel.

3. A presentación da autoliquidación do imposto e a súa data acreditarase mediante o documento (modelo 011) xerado pola aplicación informática en que constarán os datos identificativos do suxeito pasivo, da declaración, da liquidación e da cantidade que se debe ingresar e, de ser o caso, do ingreso e/ou da débeda recoñecida, así como as datas do ingreso, de ser o caso, e da presentación. Ademais, xerarase un código interno que permitirá asociar de forma inequívoca as autoliquidacións presentadas electronicamente coas xeradas pola aplicación informática e entregadas. Estas xustificarán, así mesmo e de ser o caso, o pagamento das cantidades positivas resultantes delas nos termos previstos no número 8 do artigo 5.

4. Os xustificantes de pagamento e presentación sinalados nos números anteriores producirán os efectos liberatorios para coa Facenda da Comunidade Autónoma sinalados no Regulamento xeral de recadación, aprobado polo Real decreto 939/2005, do 29 de xullo. No caso de que a autoliquidación non dea lugar a ingreso bastará a xustificación da presentación na forma sinalada no número 3. Os obrigados tributarios deberán conservar os xustificantes de pagamento e presentación.

5. Unha vez que a aplicación informática acepte a presentación de calquera declaración realizada mediante o modelo 010 polo usuario, xerarase o modelo 010 debidamente cuberto cos datos declarados e validado cun CSV formado por dezaseis caracteres, con indicación da data de presentación. Este modelo serviralle de xustificante da presentación da declaración de alta ou da declaración de modificación segundo corresponda, na data sinalada no propio modelo. O obrigado tributario deberá conservar a declaración aceptada e validada co correspondente CSV.

6. Os xustificantes a que se refiren os números 3 e 5 poderán ser verificados por calquera persoa de forma permanente e inmediata mediante a introdución do seu CSV no servizo de verificación de documentos da OVT da Atriga. Para estes efectos, poderanse establecer mecanismos de verificación automática do CSV a través de servizos web ou similares cos colectivos que se estableza.

Orde do 22 de decembro de 2020.

Artigo modificado:Artigo 10 nova redacción por artigo 2 apartado dous.

Artigo 11º.-Actuacións de comprobación censual.

1. A administración tributaria galega comprobará a veracidade dos datos comunicados mediante o modelo 010 consonte o disposto no artigo 144º do Regulamento xeral das actuacións e os procedementos de xestión e inspección tributaria e de desenvolvemento das normas comúns dos procedementos de aplicación dos tributos aprobado mediante Real decreto 1065/2007, do 27 de xullo.

2. A administración tributaria galega poderá modificar de oficio a situación censual dos aproveitamentos inscritos consonte o establecido nos artigos 145º e 146º do Regulamento xeral das actuacións e os procedementos de xestión e inspección tributaria e de desenvolvemento das normas comúns dos procedementos de aplicación dos tributos aprobado mediante Real decreto 1065/2007, do 27 de xullo, segundo proceda en cada caso.

Artigo 12º.-Accesos á OVT.

1. Os usuarios poderán en calquera momento acceder á OVT, no seu horario de dispoñibilidade, para cumprir as obrigas tributarias a que se refire esta orde.

2. Para estes efectos, os usuarios deberán acceder na sección Usuarios autorizados á aplicación informática denominada IMPOSTO SOBRE O DANO MEDIOAMBIENTAL CAUSADO POR DETERMINADOS USOS E APROVEITAMENTOS DA AUGA ENCORADA. Unha vez nela poderán acceder ás diferentes declaracións. Para estes efectos, cada unha das declaracións mostrará o estado de situación en que se encontra. Con ocasión de cada acceso, os usuarios poderán comezar unha operación ou, de ser o caso, retomar as operacións pendentes e continualas.

3. Os estados de situación poden ser:

a) Borrador: é o estado en que se encontra a declaración 010 cando foi confeccionada e gardada sen ser presentada.

b) Pendente de pagamento e presentación: é o estado en que se encontra o modelo 011 a ingresar cando foi confirmado polo usuario mais non foi realizada ningunha das fases posteriores de pagamento nin de presentación.

c) Pendente de pagamento: é o estado en que aparece o modelo 011 a ingresar confirmado polo usuario, cando o importe a ingresar no anexo de datos de pagamento foi tramitado para o seu pagamento presencial segundo o establecido no artigo 5.3.a) mais o usuario non concluíu a transacción de pagamento.

d) Pendente de presentación: é o estado en que aparece o modelo 011 validado polo usuario, cando seleccionase a/as forma/s de pagamento da débeda tributaria no anexo de datos de pagamento e, de ser o caso, ingresase a cantidade positiva a ingresar que figurara no dito anexo, consonte co disposto no artigo 5.3, mais o modelo aínda non foi presentado.

e) Presentado: estado en que aparecen os modelos 010 e 011 cando, unha vez confeccionados e validados, e, de ser o caso, realizadas as operacións reguladas nesta orde, o usuario os presentase electronicamente ante a Atriga.

Orde do 22 de decembro de 2020.

Artigo engadido:Artigo 12 engadido por artigo 2 apartado tres.

Disposicións adicionais

Primeira.-Excepcionalidade ao cumprimento das obrigas tributarias de forma electrónica

De forma excepcional e cando circunstancias extraordinarias así o aconsellen, logo de petición do interesado debidamente xustificada, a dirección da Atriga, valoradas as razóns aducidas polo interesado e a documentación e as probas achegadas por el para xustificar a súa demanda, poderá eximilo da obrigatoriedade de empregar os medios electrónicos para o cumprimento das obrigas tributarias reguladas nesta orde. A resolución fixará o alcance temporal da excepcionalidade e a forma e as condicións en que deberá facer efectivas as obrigas tributarias, sen prexuízo das consecuencias que deriven consonte a normativa tributaria no caso de incumprimentos das normas.

Orde do 20 de outubro de 2015.

Artigo modificado:Disposición adicional primeira nova redacción por disposición derradeira segunda apartado nove.

Segunda.-Adhesión e autorización de entidades colaboradoras.

As entidades de depósito, xa autorizadas como colaboradoras na recadación dos tributos xestionados por esta comunidade autónoma quedan adheridas ás obrigas derivadas da colaboración na recadación dos ingresos derivados do modelo 011 que se fagan efectivos nelas.

As entidades que estivesen autorizadas para o pagamento telemático doutros tributos xestionados pola consellería competente en materia de facenda quedarán adheridas ao pagamento telemático do imposto sobre o dano medioambiental causado por determinados usos e aproveitamentos da auga encorada sen necesidade de solicitalo á dirección xeral competente na materia.

Terceira.-Obrigas de conservación de soportes informáticos das entidades de crédito en que se realice o pagamento deste imposto.

No suposto de pagamento electrónico das autoliquidacións referidas ao imposto sobre o dano ambiental causado por determinados usos e aproveitamentos da auga encorada, a entidade de crédito conservará durante un período de cinco anos os soportes informáticos que motivaron o devandito NRC.

Orde do 20 de outubro de 2015.

Artigo modificado:Disposición adicional terceira nova redacción por disposición derradeira segunda apartado dez.

Orde do 22 de decembro de 2020.

Artigo modificado:Disposición adicional terceira nova redacción por artigo 2 apartado catro.

Cuarta.-Confidencialidade e representación.

Os profesionais colexiados, así como as entidades, institucións ou organizacións representativas de sectores sociais, laborais, empresariais ou profesionais, no exercicio das súas funcións e nas actuacións previstas nos convenios correspondentes respectarán as normas establecidas na Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria e na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Os membros dos colexios profesionais, as entidades privadas, así como as institucións ou organizacións representativas de sectores ou intereses sociais, laborais, empresariais ou profesionais aos que o suxeito pasivo solicitase a colaboración para a presentación telemática deste tributo, deberán posuír a representación nos termos establecidos no artigo 46º da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria. A Administración poderá requirir destes, en calquera momento, a acreditación da devandita representación.

A falta de representación suficiente das persoas no nome das cales se presente a documentación dará lugar á exixencia das responsabilidades que procedan.

Quinta.-Presentación e pagamento en prazo

A falta de resposta do ordenador da entidade de depósito autorizada, colaboradora na xestión recadatoria, elixida polo interesado para realizar o pagamento electrónico das autoliquidacións recollidas nesta orde, así como a falta de conformidade da devandita entidade para materializar a operación polos motivos que, con ocasión do intento de efectuar o devandito pagamento, poña en coñecemento do citado interesado, non o escusarán do pagamento e presentación da autoliquidación dentro dos prazos establecidos na normativa correspondente a este tributo.

Orde do 20 de outubro de 2015.

Artigo engadido:Disposición adicional cuarta engadida por disposición derradeira segunda apartado once.

Sexta.-Modificación dos anexos desta orde

Habilítase a persoa titular da dirección da Atriga para modificar ou actualizar mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia os anexos a esta orde, cando sexa preciso como consecuencia da modificación das normas legais ou regulamentarias ou como consecuencia dos avances tecnolóxicos, os cambios de sistemas ou calquera outra circunstancia que precise a correspondente plasmación nos modelos aprobados ou nas normas ou especificacións técnicas aprobadas polos ditos anexos.

Orde do 20 de outubro de 2015.

Artigo engadido:Disposición adicional quinta engadida por disposición derradeira segunda apartado once.

Disposición derrogatoria

Única.-Derrogación da orde da Consellería de Economía e Facenda do 27 de febreiro de 2009 pola que se aproban as normas de aplicación do imposto sobre o dano medioambiental causado por determinados usos e aproveitamentos da auga encorada.

Queda derrogada a orde da Consellería de Economía e Facenda do 27 de febreiro de 2009 pola que se aproban as normas de aplicación do imposto sobre o dano medioambiental causado por determinados usos e aproveitamentos da auga encorada.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Modificación da orde do 21 de xuño de 2006 pola que se regulan procedementos de xestión recadatoria e a actuación das entidades colaboradoras.

Introdúcense as seguintes modificacións nos anexos I e IV da Orde do 21 de xuño de 2006 pola que se regulan procedementos de xestión recadatoria e a actuación das entidades colaboradoras:

Un.-Engádese no anexo I, de maneira que se insira no lugar que lle corresponda segundo a orde numérica preestablecida un novo modelo de ingreso da autoliquidación do imposto sobre o dano medioambiental causado por determinados usos e aproveitamentos da auga encorada, coa seguinte redacción:

«011-Imposto sobre o dano medioambiental causado por determinados usos e aproveitamentos da auga encorada».

Dous.-Engádense no anexo IV as seguintes modificacións:

1) Modifícase a descrición das posicións 18-19 do deseño do rexistro do detalle de autoliquidacións (tipo 3), e queda redactada do seguinte xeito:

«Período obrigatorio para os modelos 002, 005, 011, 044 e 045. libre para o resto dos modelos».

2) Modifícase a descrición das posicións 20-22 do deseño do rexistro do detalle de autoliquidacións (tipo 3), engadindo, de maneira que se insira no lugar que lle corresponda segundo a orde numérica preestablecida un novo modelo de ingreso da autoliquidación do imposto sobre o dano medioambiental causado por determinados usos e aproveitamentos da auga encorada, coa seguinte redacción:

«Modelo 011-Imposto sobre o dano medioambiental causado por determinados usos e aproveitamentos da auga encorada».

3) Modifícase o contido do tipo de rexistro 3 (detalle de autoliquidacións) contido na epígrafe denominada «Validacións e posibles erros. Díxitos de control. Códigos de barras», e queda substituído pola seguinte redacción:

«* Tipo de rexistro 3 (detalle de autoliquidacións).

Tipo de rexistro distinto de 3: grave.

O número de secuencia do rexistro tipo-3 non é correcto: grave.

O código de delegación do documento non é válido: leve.

Exercicio non válido: leve.

O período non está comprendido entre o 01 e o 12. Exclusivamente para os modelos 002-Imposto sobre a contaminación atmosférica. Estimación directa e 005-Imposto sobre a contaminación atmosférica. Estimación obxectiva.

O período non é 1T, 2T, 3T nin 4T. Exclusivamente para os modelos 011-Imposto sobre o dano medioambiental causado por determinados usos e aproveitamentos da auga encorada, 044-Taxa fiscal sobre o xogo casinos e 045-Taxa fiscal sobre o xogo máquinas recreativas: leve.

O código de modelo é distinto aos autorizados: grave.

Non se corresponde co grupo-subtotal en que se presenta: grave.

O díxito de control non cumpre coa rutina de cálculo para autoliquidacións: leve.

O NIF non é correcto: leve.

A sucursal da entidade colaboradora non é válida: grave.

O importe do ingreso é igual a ceros: grave».

A data real do ingreso non é correcta ou é maior ao período informado: grave».

Segunda.-Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación.

Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2011.

Marta Fernández Currás

Conselleira de Facenda

ANEXO II

[Documento: ord_CFA------_2503A_2011_20110325]

Modificación. Anexo II nova redacción.Véxase a ligazón á Resolución do 27/10/2021..

Resolución do 27 de outubro de 2021.

Artigo modificado:Anexo II nova redacción por artigo segundo apartado a).

ANEXO III

[Documento: ord_CFA------_2503A_2011_20110325]

Modificación. Anexo III nova redacción.Véxase a ligazón á Resolución do 27/10/2021..

Resolución do 27 de outubro de 2021.

Artigo modificado:Anexo III nova redacción por artigo segundo apartado b).

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia