lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Orde do 27 de febreiro de 2009 pola que se regula a presentación e o pagamento telemático da taxa fiscal sobre o xogo realizado en casinos.

Publicado en: DOG 50 12/03/2009

Departamento: Consellería de Economía e Facenda

Estado: En vigor

PDF

Esta orde terá efectos desde o 1 de xaneiro de 2009.
Téñase en conta que as modificacións levadas a cabo pola Resolución do 31 de agosto de 2020 non están incorporadas no presente texto.
Inclúe a corrección de erros publicada no DOG núm. 53, do 17 de marzo de 2009.

A Lei 21/2001, do 27 de decembro, pola que se regulan as medidas fiscais e administrativas do novo sistema de financiamento das comunidades autónomas de réxime común e cidades con Estatuto de autonomía, no seu artigo 42 establece o alcance das competencias normativas que poden asumir as comunidades autónomas respecto aos tributos sobre o xogo e, en concreto, no seu punto 1 establece que aquelas poderán asumir competencias normativas sobre exencións, base impoñible, tipos de gravame e cotas fixas, bonificacións e devengo e, por outra banda, no seu punto 2 sinala que as referidas comunidades autónomas tamén poderán regular os aspectos de xestión, liquidación, recadación e inspección. Estas competencias foron asumidas pola nosa comunidade, en virtude da Lei 18/2002, do 1 de xullo, de modificación do réxime de cesión de tributos do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia.

Xa no sistema de financiamento anterior podían as comunidades autónomas asumir competencias normativas respecto dos tributos sobre o xogo, que abranguían, entre outros, os aspectos de xestión, liquidación, recadación e inspección, competencias que foran asumidas pola Comunidade Autónoma de Galicia mediante a Lei 32/1997, do 4 de agosto, de modificación do réxime de cesión de tributos do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia.

En virtude desta normativa, ditáronse sucesivas ordes nas que se estableceu un procedemento de xestión da taxa fiscal sobre o xogo realizado a través de máquinas de xogo, diferente ao estatal e, en concreto, máis simplificado, de tal xeito que se reduciu o número de modelos presentados polos suxeitos pasivos, se estableceu a obriga da oficina xestora, no seu ámbito territorial, de acumular os pagamentos fraccionados correspondentes ás máquinas dunha mesma empresa operadora en tres cartas de pagamento, mediante as que o suxeito pasivo ía ingresar os pagamentos fraccionados pendentes, se regulamentou o procedemento de domiciliación destes, se aprobou o modelo de autoliquidación 045 de uso obrigatorio na Comunidade Autónoma de Galicia, se modificaron os prazos de presentación e ingreso e, finalmente, se implementou o sistema de presentación por vía telemática para facilitar aos contribuíntes o exercicio dos seus dereitos e o cumprimento das súas obrigas, da forma menos gravosa para aqueles, consonte os principios de eficacia establecidos no artigo 103 da Constitución española, e os de eficiencia e servizo aos cidadáns, instituídos polo artigo 3 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Polo que respecta á taxa fiscal sobre o xogo realizado en casinos, a Orde do 22 de decembro de 2004, pola que se modifican os prazos de ingreso da taxa fiscal sobre o xogo realizado a través de máquinas de xogo, tipo A especial, B, ou C e se aproba o modelo de declaración-liquidación da taxa fiscal sobre o xogo realizado en casinos, aprobou o modelo de declaración-liquidación da taxa fiscal sobre o xogo en casinos, de uso obrigatorio na Comunidade Autónoma de Galicia, poñéndoo á disposición dos suxeitos pasivos na páxina web da Consellería de Economía e Facenda a través da oficina virtual, para ser cuberto e empregado por eles.

Novamente e co eido de profundar na modernización da Administración tributaria e de facilitar o cumprimento das obrigas tributarias dos contribuíntes do xeito menos gravoso para eles, a consellería promove a normativa necesaria para que os suxeitos pasivos da taxa fiscal sobre o xogo realizado mediante casinos, poidan atender as súas obrigas con esta administración dun xeito telemático.

O artigo 103 da Constitución española sinala a eficacia como un dos principios que deben rexer o actuar das administracións públicas. Pola súa parte, a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, alude no seu artigo 3, xunto aos principios constitucionais, aos de eficiencia e servizo aos cidadáns, recoñecendo no artigo 35 o dereito dos cidadáns a que se lles facilite o exercicio dos seus dereitos e o cumprimento das súas obrigas. Para o logro destes obxectivos a Lei 30/1992 destaca, no seu artigo 45, como instrumento idóneo, a utilización por parte das administracións de técnicas electrónicas, informáticas e telemáticas no desenvolvemento da súa actividade e o exercicio das súas competencias, polo que insta a estas a que impulsen e apliquen as devanditas técnicas. Finalmente, a Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, consagra a relación coas administracións públicas por medios electrónicos como un dereito dos cidadáns e como unha obriga correlativa das administracións. Deste xeito, a Lei 11/2007 recoñece o dereito dos cidadáns a relacionarse coas administracións públicas por medios electrónicos e regula os aspectos básicos da utilización das tecnoloxías da información na actividade administrativa, nas relacións entre as administracións públicas, así como nas relacións dos cidadáns con elas, coa finalidade de garantir os seus dereitos, un tratamento común ante elas e a validez e eficacia da actividade administrativa en condicións de seguridade xurídica. Pola súa vez, dispón que as administracións públicas empreguen as tecnoloxías da información consonte coa lei, asegurando a dispoñibilidade, o acceso, a integridade, a autenticidade, a confidencialidade e a conservación dos datos, informacións e servizos que xestionen no exercicio das súas competencias.

No ámbito tributario, a Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, desenvolve no seu artigo 34 a obriga da Administración de informar e asistir os obrigados tributarios no exercicio dos seus dereitos e o cumprimento das súas obrigas, sinalando que as actuacións da Administración tributaria que requiran a súa intervención deberán levarse a cabo da forma que resulte menos gravosa para estes, sempre que iso non prexudique o cumprimento das súas obrigas tributarias. Do mesmo xeito, exhorta no seu artigo 96 á Administración tributaria a promover o emprego das técnicas e medios electrónicos, informáticos e telemáticos necesarios para o desenvolvemento da súa actividade e o exercicio das súas competencias.

De acordo co anterior, é claro que as novas tecnoloxías aplicadas aos procedementos xestores de tributos son un instrumento idóneo para conxugar os principios de eficacia da Administración tributaria e a limitación dos custos indirectos ao contribuínte e, nesta liña, a presentación telemática de tributos ofrécelles a posibilidade de evitar desprazamentos ás oficinas xestoras ou ás entidades bancarias para a realización do pagamento, así como a presentación dos tributos fóra do horario normal de atención ao público. Ao mesmo tempo, a utilización dos programas que a Administración tributaria implementa para a presentación telemática dos tributos facilita cubrir os modelos, guiando o contribuínte na introdución dos datos, evitando a reiteración destes e ofrecéndolle unha axuda en liña.

Baixo esta óptica, a Consellería de Economía e Facenda vén prestando unha especial atención ás posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías para facilitarlles aos cidadáns o cumprimento voluntario das obrigas tributarias. Desde o ano 2003, no que se estableceu a posibilidade de pagamento e presentación telemáticos do imposto sobre as transmisións de determinados medios de transporte usados entre particulares e da taxa fiscal sobre o xogo realizado mediante máquinas, vén incrementándose, de xeito progresivo, o número de autoliquidacións presentadas telematicamente. Por outra banda, a experiencia xestora no tratamento dos modelos presentados en papel e os presentados de forma telemática poñen tamén de manifesto as vantaxes desta forma de pagamento e presentación fronte á outra. Considérase, polo tanto, o momento adecuado para seguir profundando na aposta polas novas tecnoloxías no cumprimento das obrigas tributarias, cos conseguintes menores custos indirectos para eles.

Por último, facendo uso da facultade xenérica de establecer regulamentariamente a obrigatoriedade de comunicarse coas administracións públicas utilizando exclusivamente medios electrónicos cando os interesados teñan garantido o acceso e dispoñibilidade dos medios tecnolóxicos precisos, tal como dispón o artigo 27.6º da Lei 11/2007, xa citada, e tendo en conta a experiencia adquirida na utilización da oficina virtual tributaria, así como as vantaxes derivadas do emprego desta, nesta orde establécese a obrigatoriedade de presentación telemática pola internet das autoliquidacións trimestrais correspondentes á taxa fiscal sobre o xogo en casinos.

Así, en virtude do exposto e de acordo coas competencias normativas que o artigo 42 da Lei 1/2001, do 27 de decembro, pola que se regulan as medidas fiscais e administrativas do novo sistema de financiamento das comunidades autónomas de réxime común e cidades con Estatuto de Autonomía, outorga sobre a xestión, liquidación, recadación e inspección dos tributos sobre o xogo, e de acordo co establecido no artigo 2 da Lei 18/2002, do 1 de xullo, de réxime de cesión de tributos do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia e de fixación do alcance e condicións da devandita cesión, co establecido no Real decreto 2221/1984, do 12 de decembro, regulador da taxa fiscal que grava os xogos de sorte, envite ou azar, e co establecido na disposición adicional segunda do Regulamento xeral das actuacións e os procedementos de xestión e inspección tributaria e de desenvolvemento das normas comúns dos procedementos de aplicación dos tributos aprobado polo Real decreto 1065/2007, do 27 de xullo,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Presentación e pagamento telemáticos.

1. Os suxeitos pasivos da taxa fiscal sobre o xogo realizado en casinos para pagar e presentar as autoliquidacións trimestrais referentes a este tributo deberán empregar as aplicacións informáticas postas á súa disposición na Oficina Virtual Tributaria nas condicións e consonte os procedementos previstos nesta orde.

2. Poderán empregar as aplicacións informáticas deste tributo os usuarios que se relacionan a seguir:

a) Os suxeitos pasivos que dispoñan do correspondente certificado de usuario outorgado pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda (FNMT-RCM) para a presentación e pagamento dos seus propios impostos, ou doutras autoridades certificadoras admitidas pola consellería competente en materia de facenda.

b) Os membros dos colexios profesionais, as entidades privadas, así como as institucións ou organizacións representativas de sectores ou intereses sociais, laborais, empresarias ou profesionais, que subscribiran coa comunidade autónoma o correspondente convenio de colaboración, nos termos acordados neste.

Artigo 2º.-Aprobación do modelo de autoliquidación da taxa fiscal sobre o xogo en casinos, modelo 044 (formato electrónico).

Apróbase o modelo de autoliquidación da taxa fiscal sobre o xogo en casinos, modelo 044 en formato electrónico, que figura como anexo I desta orde, de uso obrigatorio na Comunidade Autónoma de Galicia para todos os suxeitos pasivos da taxa fiscal sobre xogos de sorte, envite ou azar devengada polo xogo realizado nos casinos radicados na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3º.-Prazo para a realización do pagamento e a presentación telemáticos.

As autoliquidacións trimestrais deste tributo que, consonte os puntos de conexión establecidos no artigo 26 da Lei 21/2001, do 27 de decembro, pola que se regulan as medidas fiscais e administrativas do novo sistema de financiamento das comunidades autónomas de réxime común e cidades con Estatuto de autonomía, deba efectuarse á Administración tributaria da Comunidade Autónoma de Galicia, deberán ingresarse e presentarse telematicamente nos vinte primeiros días naturais do mes seguinte ao vencemento de cada trimestre natural.

Artigo 4º.-Procedemento para a confección, pagamento e presentación electrónicos das autoliquidacións correspondentes á taxa fiscal sobre o xogo realizado en casinos.

1. Os suxeitos pasivos deberán practicar a autoliquidación do tributo, determinando a débeda tributaria correspondente a cada período impositivo, ingresala, de ser o caso, e presentar electronicamente ante a Axencia Tributaria de Galicia (Atriga) o modelo correspondente ás autoliquidacións a que se refire o artigo 2 desta orde, no prazo sinalado no artigo 3.

Para isto, os usuarios a que se refire o artigo 1 empregarán a aplicación informática que a Atriga poña á súa disposición na oficina virtual tributaria (OVT), consonte coas instrucións recollidas a este respecto no modelo 044 e seguindo o procedemento establecido neste artigo.

2. Os usuarios accederán á OVT, na aplicación denominada Taxa fiscal sobre o xogo realizado en casinos, e iniciarán a confección do modelo 044 aplicando a tarifa anual vixente á base impoñible acumulada desde o comezo do ano natural ata o último día do trimestre de que se trate, aplicando a cada un dos tramos de base o tipo correspondente da tarifa e deducindo da cota total resultante o importe correspondente ás autoliquidacións presentadas nos trimestres anteriores do mesmo ano. No caso de iniciación da actividade despois de que o ano dese comezo, a acumulación empezará con ela e terminará, en todo caso, ao final do ano natural. Unha vez calculado o importe a ingresar, cando este sexa positivo, o usuario deberá seleccionar a/as forma/s de pagamento no anexo de datos de pagamento do modelo. No caso de que marcase un importe a aprazar ou fraccionar, deberá presentar ante a Atriga solicitude expresa de aprazamento ou fraccionamento na forma, lugar e prazo e cos requisitos e consecuencias sinaladas na normativa de aplicación e sen que se poida entender presentada aquela coa presentación electrónica da autoliquidación. No caso de que recoñeza débeda por algún importe, transcorrido o prazo voluntario do seu pagamento sen facelo efectivo, exixirase pola vía de constrinximento, nas condicións establecidas na normativa tributaria. A cantidade que, de ser o caso, deba ingresar deberá facela efectiva de calquera das formas sinaladas no número 3.

3. Os usuarios poderán pagar a débeda ordenando a súa domiciliación consonte coa normativa vixente na materia e/ou de calquera das formas seguintes:

a) De forma presencial en calquera das entidades de crédito colaboradoras autorizadas, mediante a carta de pagamento que, para estes efectos, xerará a aplicación informática e que previamente deberá imprimir o usuario. A aplicación informática xerará dous exemplares da carta de pagamento debidamente cubertos cos datos que o usuario facilitase na aplicación informática. Con estes dous exemplares da carta de pagamento acudirase á entidade colaboradora para realizar o pagamento. Unha vez realizado o pagamento, a entidade colaboradora facilitará un número de referencia completo (NRC) identificativo do ingreso realizado, quedará co exemplar para a entidade colaboradora e devolverá ao usuario o exemplar para o interesado co selo da entidade, coa data do ingreso, co número e co importe, así como co NRC. O dito documento servirá de xustificante de pagamento do número da autoliquidación impreso nel. O NRC identificativo do ingreso realizado será requirido posteriormente pola aplicación informática para completar a presentación electrónica da autoliquidación.

b) De forma electrónica. O usuario accederá ás aplicacións específicas a través da OVT da Atriga e efectuará o pagamento da correspondente autoliquidación, a través das entidades de crédito colaboradoras na recadación autorizadas para tal efecto ou mediante tarxeta de crédito ou débito a través de sistemas de terminal de punto de venda (TPV) virtual. A entidade efectuará as comprobacións oportunas e aceptará ou rexeitará a operación. No caso de ser aceptada, efectuará o aboamento na correspondente conta restrinxida de recadación de tributos e xerarase o correspondente NRC, para completar a presentación electrónica da autoliquidación. Unha vez realizado o pagamento, a aplicación informática xerará o recibo a que se refire o número 2 do artigo 5.

4. O NRC a que se refire o número 2 é un código xerado informaticamente mediante un sistema criptográfico que permitirá asociar a autoliquidación presentada ao pagamento dela derivado. O NRC está composto por 22 posicións co seguinte contido: Posicións 01‑13: alfanuméricas, corresponden ao número de xustificante asignado pola oficina virtual tributaria. Posición 14: alfanumérica, corresponde a un carácter de control adicional. Posicións 15-22: caracteres de control. As normas técnicas de xeración do NRC figuran no anexo II.

5. A xeración do NRC e a inclusión del nun recibo entregado ao obrigado tributario implicará:

a) Que o recibo en que figura responde a un ingreso realizado na entidade que o expide.

b) Que o devandito recibo corresponde á autoliquidación que se indica nel e non a outra.

c) Que a partir do momento de xeración deste pola entidade de crédito, e sempre que o NRC non fose anulado consonte coa normativa tributaria en materia de recadación, queda a entidade obrigada fronte á Facenda da Comunidade Autónoma de Galicia polo importe que figura no devandito recibo, e o obrigado tributario queda liberado da súa obriga de pagamento fronte á citada Facenda, salvo que poida probarse de forma fidedigna a inexactitude da data ou do importe que conste na validación do xustificante.

6. Unha vez xerado o correspondente NRC, salvo que sexa anulado consonte coa normativa tributaria en materia de recadación, non se admitirá a retrocesión do pagamento por parte da entidade, e o suxeito pasivo deberá presentar, de ser o caso, ante a Administración tributaria, a correspondente solicitude de devolución de ingresos indebidos adecuadamente fundamentada. Pola súa banda, a entidade deberá realizar o pagamento na conta restrinxida de recadación con carácter previo á xeración do citado NRC.

7. Para concluír co proceso e, de ser o caso, tras a operación de pagamento, o usuario deberá proceder á presentación electrónica da autoliquidación, de xeito que transmitirá os datos da autoliquidación coa sinatura electrónica, xerada ao seleccionar o certificado dixital recoñecido. Se o presentador é unha persoa ou entidade autorizada para presentar declaracións en representación de terceiras persoas, requirirase unicamente a sinatura correspondente ao seu certificado.

8. Se a presentación electrónica é aceptada, a aplicación devolveralle ao usuario en pantalla o modelo 044 debidamente cuberto, co seu número de identificación, cos datos declarados, coa autoliquidación da débeda tributaria, cos datos correspondentes ao importe a ingresar e, de ser o caso, co ingreso realizado e coa data do ingreso e/ou coa débeda recoñecida, coa data da presentación e validado cun código seguro de verificación (CSV) formado por dezaseis caracteres. Este modelo serviralle de xustificante da presentación do número da autoliquidación impreso nel na data sinalada no propio modelo e do seu pagamento, de ser o caso.

No suposto de que a presentación sexa rexeitada, mostrarase en pantalla a descrición dos erros detectados. Neste caso, o usuario deberaos emendar mediante a aplicación informática. Se o rexeitamento da presentación é orixinado por un motivo non emendable, o usuario deberá repetir a presentación.

Orde do 30 de maio de 2013.

Artigo modificado:Artigo 4 apartados 1 e 2 nova redacción por disposición derradeira primeira apartado un.

Orde do 10 de decembro de 2019.

Artigo modificado:Artigo 4 apartado 2 nova redacción por disposición derradeira terceira.

Orde do 22 de decembro de 2020.

Artigo modificado:Artigo 4 nova redacción por artigo 1 apartado un.

Artigo 5º.- Xustificantes do pagamento e da presentación electrónica de autoliquidacións.

1. No caso de que o usuario opte polo pagamento de forma presencial nunha entidade colaboradora, o exemplar para o interesado da carta de pagamento que esta entregue nos termos previstos no artigo 4.3.a) servirá de xustificante do pagamento do número da autoliquidación impreso nel.

2. Se o usuario opta polo pagamento electrónico, a aplicación informática, unha vez realizado o pagamento, xerará o correspondente recibo, que o obrigado tributario deberá conservar, no cal se identificará o número da conta ou da tarxeta de crédito ou de débito que realiza o pagamento, a data do ingreso, o importe, o NIF e o nome do suxeito pasivo, así como o NRC. O dito documento servirá de xustificante de pagamento da autoliquidación asociada ao NRC impreso nel.

3. A presentación da autoliquidación do tributo e a súa data acreditaranse mediante o documento (modelo 044) xerado pola aplicación informática en que constarán os datos identificativos do suxeito pasivo, da declaración, da liquidación e da cantidade que se debe ingresar e, de ser o caso, do ingreso e/ou da débeda recoñecida, así como as datas do ingreso, de ser o caso, e da presentación. Ademais, xerarase un código interno que permitirá asociar de forma inequívoca a autoliquidación presentada electronicamente coa xerada pola aplicación informática e entregada. Esta xustificará, así mesmo e de ser o caso, o pagamento da cantidade positiva resultante dela nos termos previstos no número 8 do artigo 4.

4. Os xustificantes de pagamento e presentación sinalados nos números anteriores producirán os efectos liberatorios para coa Facenda da Comunidade Autónoma sinalados no Regulamento xeral de recadación, aprobado polo Real decreto 939/2005, do 29 de xullo. No caso de que a autoliquidación non dea lugar a ingreso bastará a xustificación da presentación na forma sinalada no número 3. Os obrigados tributarios deberán conservar os xustificantes de pagamento e presentación.

5. Os xustificantes a que se refire o número 3 poderán ser verificados por calquera persoa de forma permanente e inmediata mediante a introdución do seu CSV no servizo de verificación de documentos da OVT da Atriga. Para estes efectos, poderanse establecer mecanismos de verificación automática do CSV a través de servizos web ou similares cos colectivos que se estableza.

Orde do 22 de decembro de 2020.

Artigo modificado:Artigo 5 nova redacción por artigo 1 apartado dous.

Artigo 6. Accesos á OVT.

1. Os usuarios poderán en calquera momento acceder á OVT, no seu horario de dispoñibilidade para cumprir as obrigas tributarias a que se refire esta orde.

2. Para estes efectos, os usuarios deberán acceder na sección Usuarios autorizados á aplicación informática denominada TAXA FISCAL SOBRE O XOGO REALIZADO EN CASINOS. Unha vez nela poderán acceder ás diferentes declaracións. Para estes efectos, cada unha das declaracións mostrará o estado de situación en que se encontra. Con ocasión de cada acceso os usuarios poderán comezar unha operación ou, de ser o caso, retomar as operacións pendentes e continualas.

3. Os estados de situación poden ser:

a) Pendente de pagamento e presentación: é o estado en que se encontra o modelo 044 a ingresar cando foi confirmado polo usuario mais non foi realizada ningunha das fases posteriores de pagamento nin de presentación.

b) Pendente de pagamento: é o estado en que aparece o modelo 044 a ingresar confirmado polo usuario, cando o importe a ingresar no anexo de datos de pagamento foi tramitado para o seu pagamento presencial segundo o establecido no artigo 4.3.a) mais o usuario non concluíu a transacción de pagamento.

c) Pendente de presentación: é o estado en que aparece o modelo 044 validado polo usuario, cando seleccionase a/as forma/s de pagamento da débeda tributaria no anexo de datos de pagamento e, de ser o caso, ingresase a cantidade positiva a ingresar que figurara no dito anexo, consonte co disposto no artigo 4.3, mais o modelo aínda non fose presentado.

d) Presentado: estado en que aparece o modelo 044 cando, unha vez confeccionado e validado, e, de ser o caso, realizadas as operacións reguladas nesta orde, o usuario o presentase electronicamente ante a Atriga.

Orde do 22 de decembro de 2020.

Artigo engadido:Artigo 6 engadido por artigo 1 apartado tres.

Disposicións adicionais

Primeira.-Excepcionalidade ao cumprimento das obrigas tributarias de xeito telemático.

De xeito excepcional e cando circunstancias extraordinarias así o aconsellen, logo de petición do interesado debidamente xustificada, a dirección da Axencia Tributaria de Galicia, valoradas as razóns aducidas polo interesado e a documentación e as probas achegadas por el para xustificar a súa demanda, poderá excepcionar a aquel da obrigatoriedade de empregar os medios telemáticos para o cumprimento das obrigas tributarias reguladas nesta orde. A resolución fixará o alcance temporal da excepcionalidade e a forma e as condicións nas que deberá facer efectivas as obrigas tributarias, sen prexuízo das consecuencias que se derivaran consonte coa normativa tributaria no caso de incumprimentos das normas.

Orde do 30 de maio de 2013.

Artigo modificado:Disposición adicional primeira nova redacción por disposición derradeira primeira apartado dous.

Segunda.-Adhesión e autorización de entidades colaboradoras.

As entidades de depósito xa autorizadas como colaboradoras na recadación dos tributos xestionados por esta comunidade autónoma e que desexen adherirse ao pagamento electrónico destas autoliquidacións deberán solicitalo á Dirección da Axencia Tributaria de Galicia, que as informará das configuracións técnicas necesarias para a incorporación efectiva á prestación do servizo. A intervención neste servizo requirirá autorización expresa da Dirección da Axencia Tributaria de Galicia.

As entidades de depósito xa autorizadas como colaboradoras na recadación dos tributos xestionados por esta comunidade autónoma mediante o pagamento electrónico das autoliquidacións quedarán adheridas ao pagamento telemático da taxa fiscal sobre o xogo en casinos sen necesidade de solicitalo á Dirección da Axencia Tributaria de Galicia.

Orde do 30 de maio de 2013.

Artigo modificado:Disposición adicional segunda nova redacción por disposición derradeira primeira apartado tres.

Terceira.-Obrigas de conservación de soportes informáticos das entidades de crédito en que se realice o pagamento deste tributo.

No suposto de pagamento electrónico das autoliquidacións referidas á taxa fiscal sobre o xogo realizado en casinos, a entidade de crédito conservará durante un período de cinco anos os soportes informáticos que motivaron o devandito NRC.

Orde do 30 de maio de 2013.

Artigo modificado:Disposición adicional terceira nova redacción por disposición derradeira primeira apartado catro.

Orde do 22 de decembro de 2020.

Artigo modificado:Disposición adicional terceira nova redacción por artigo 1 apartado catro.

Cuarta.-Confidencialidade e representación.

Os profesionais colexiados, así como as entidades, institucións ou organizacións representativas de sectores sociais, laborais, empresariais ou profesionais, no exercicio das súas funcións e nas actuacións previstas nos convenios correspondentes respectarán as normas establecidas na Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria e na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Os membros dos colexios profesionais, as entidades privadas, así como as institucións ou organizacións representativas de sectores ou intereses sociais, laborais, empresariais ou profesionais aos que o suxeito pasivo solicitase a colaboración para a presentación telemática deste tributo, deberán posuír a representación nos termos establecidos no artigo 46 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria. A Administración poderá requirir destes, en calquera momento, a acreditación da devandita representación.

A falta de representación abonda das persoas no nome da cal se presentase a documentación dará lugar á exixencia das responsabilidades que fosen procedentes.

Quinta.-Presentación e pagamento en prazo.

A falta de resposta do ordenador da entidade de depósito autorizada, colaboradora na xestión recadatoria, elixida polo interesado para realizar o pagamento electrónico das autoliquidacións recollidas nesta orde, así como a falta de conformidade da devandita entidade con materializar a operación polos motivos que, con ocasión do intento de efectuar o devandito pagamento, poña en coñecemento do citado interesado, non escusarán este do pagamento e presentación da autoliquidación dentro dos prazos establecidos na normativa correspondente a este tributo.

Orde do 30 de maio de 2013.

Artigo engadido:Disposición adicional quinta engadida por disposición derradeira primeira apartado cinco.

Sexta.-Modificación dos anexos desta orde.

No ámbito das súas competencias, autorízase a Dirección da Axencia Tributaria para modificar ou actualizar mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia os anexos a esta orde, cando for preciso como consecuencia da modificación das normas legais ou regulamentarias ou como consecuencia dos avances tecnolóxicos, os cambios de sistemas ou calquera outra circunstancia que precise a correspondente plasmación nos modelos aprobados ou nas normas ou especificacións técnicas aprobadas polos ditos anexos.

Orde do 30 de maio de 2013.

Artigo engadido:Disposición adicional sexta engadida por disposición derradeira primeira apartado seis.

Disposición derrogatoria

Única.-

Na data da entrada en vigor desta orde produciranse as seguintes consecuencias:

1. Deixarán de ter aplicación no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia aquelas disposicións normativas que se opoñan ao disposto nesta orde.

2. Quedarán derrogados o artigo 3 e o anexo I da Orde do 22 de decembro de 2004 pola que se modifican os prazos de ingreso da taxa fiscal sobre o xogo realizado a través de máquinas de xogo, tipo A especial, B, ou C e se aproba o modelo de declaración-liquidación da taxa fiscal sobre o xogo realizado en casinos.

Disposición derradeira

Primeira.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e terá efectos desde o 1 de xaneiro de 2009.

Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2009.

José Ramón Fernández Antonio

Conselleiro de Economía e Facenda

ANEXO I

Modelo de autoliquidación da taxa fiscal sobre o xogo en casinos, 044, formato electrónico

[Documento]

[Documento]

Corrección de erros. Conforme a corrección de erros publiicada no DOG núm. 53, do 17 de marzo de 2009, complétase o anexo I.
Modificación. Anexo I nova redacción.Véxase a ligazón á orde do 30/05/2013.
Modificación. Anexo I nova redacción.Véxase a ligazón á Resolución do 27/10/2021..

INSTRUCCIÓNS:

– Período.

Neste bloque cargarase o período e o exercicio a que se refire a autoliquidación:

Exercicio: consignarase o ano natural a que corresponde a autoliquidación con catro díxitos.

Período: consignarase o trimestre natural do ano a que se refire a autoliquidación, correspondendo:

1T: primeiro trimestre natural do ano.

2T: segundo trimestre natural do ano.

3T: terceiro trimestre natural do ano.

4T: cuarto trimestre natural do ano.

– Suxeito pasivo.

Neste bloque cargaranse os datos identificativos do suxeito pasivo: NIF, apelidos e nome ou razón social, enderezo fiscal ou enderezo para efectos de notificacións. O enderezo cargado informaticamente é o enderezo fiscal do seu certificado dixital. Se quere consignar un enderezo diferente para os efectos de notificación, deberá comunicalo con carácter previo na Oficina Virtual Tributaria. Para isto deberá acceder ao módulo de Xestión de datos persoais no submenú Catálogo de servizos.

– Representante.

No caso de actuar mediante representante, deberá consignar os datos deste: NIF, apelidos e nome e enderezo.

– Localización.

Neste bloque cargaranse o nº de autorización e o lugar de instalación do casino.

– Autoliquidación.

Neste bloque deberá proceder á autoliquidación do importe da taxa correspondente ao trimestre a que se refire a autoliquidación, do xeito que se describe a seguir:

No recadro 01 consignarase a base impoñible correspondente ao trimestre obxecto da declaración.

No recadro 02 consignarase a base impoñible total acumulada no exercicio correspondente ao ano natural a que se refire a autoliquidación.

No recadro 03 figurará a cota tributaria correspondente á base total consignada no recadro 02, e que será o resultado de aplicar o tipo de gravame vixente sobre a base impoñible total acumulada no ano.

No recadro 04 consignarase a suma total das cotas tributarias correspondentes ás autoliquidacións presentadas nos trimestres anteriores do mesmo ano.

No recadro 05 consignarase o importe total a ingresar, que será o resultado de deducir da cota tributaria total reflectida no recadro 03 o importe das cotas tributarias correspondentes ás autoliquidacións presentadas nos trimestres anteriores correspondentes ao mesmo ano natural a que se refire a autoliquidación, cantidade consignada no recadro 04.

No recadro I consignarase o importe ingresado.

No caso de que o suxeito pasivo pretende solicitar un aprazamento ou fraccionamento da débeda, deberá marcar o recadro correspondente a Aprazamento/Fraccionamento. Neste caso, deberá presentar ante a Axencia Tributaria de Galicia solicitude expresa de aprazamento ou fraccionamento na forma, lugar e prazo e cos requisitos e consecuencias sinalados na normativa de aplicación e sen que a solicitude poida entenderse presentada por marcar este recadro. Neste caso, o importe que figurará no recadro (I) será 0.

A declaración será datada e asinada polo suxeito pasivo ou polo seu representante.

Orde do 30 de maio de 2013.

Artigo modificado:Anexo I nova redacción por disposición derradeira primeira apartado sete.

Resolución do 27 de outubro de 2021.

Artigo modificado:Anexo I nova redacción por artigo primeiro.

A entidade financeira xerará o NRC (Número de Referencia Completo), segundo a segunda Norma Técnica do anexo 1 da orde do Ministerio de Facenda, do 28 de decembro de 2000 (BOE do 3 de xaneiro de 2001), correspondente á xeración de NRC para documentos de ingreso expedidos polas oficinas tributarias. O NRC xerarase a partir dun rexistro de 48 carácteres codificados en EBCDIC:

-MMMNNNNNNNNNDC (14): número de xustificante, sendo

-MMNNNNNNNNND (13): número de xustificante asignado pola Oficina Virtual Tributaria.

-C (1): carácter de control calculado polo banco, utilizando o mesmo algoritmo especificado na citada orde. A oficina tributaria facilitará á entidade colaboradora o algoritmo para o cálculo deste carácter de control.

-XXXXXXXXX (9): NIF do debedor.

-NNNNNNNNNNNNN (13): importe de cargo.

-AAAAMMDD (8): data de cargo.

-XXXX (4): Código de Banco de España da entidade.

O Número de Referencia Completo (NRC) resultante terá 22 posicións:

-MMMNNNNNNNNNDC (14): Número de Xustificante (o mesmo que o especificado enriba).

-XXXXXXXX (8): caracteres de control resultantes de aplicar unha función MAC 4 do algoritmo DES (segundo norma X9.9 1) aos datos anteriores (48 caracteres) utilizando a clave privada do banco. Esta función xerará 8 caracteres de control; é dicir, a «sinatura».

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia