lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Orde do 27 de outubro de 2021 pola que se regula a creación, composición, organización e funcionamento das unidades funcionais multidisciplinares de atención asistencial no Servizo Galego de Saúde.

Publicado en: DOG 213 05/11/2021

Departamento: Consellería de Sanidade

Estado: En vigor

PDF

A Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, establece no seu artigo 97 que a modernización do Sistema público de saúde de Galicia require a introdución de modelos de xestión que o dinamicen, con fórmulas organizativas que teñan unha visión horizontal e integradora dos procesos asistenciais que superen a compartimentación existente entre niveis asistenciais e especialidades.

A experiencia dos últimos anos pon de manifesto que para unha abordaxe máis adecuada de determinadas patoloxías requírese dunha organización máis transversal, en que profesionais de distintos niveis asistenciais e pertencentes a diferentes servizos se coordinen para prestar unha atención integral e, entre outros, acordar e implantar protocolos integrados que repercutan nun maior grao de eficacia e eficiencia na atención sanitaria aos/ás pacientes.

Trátase dun modelo xeral de atención en unidades funcionais multidisciplinares cuxa función esencial é de atención asistencial, co fin de outorgar unha atención de máxima calidade a determinadas patoloxías que requiren dunha intervención multidisciplinar. Exemplos deste modelo son as unidades funcionais multidisciplinares poscovid, ou as de enfermidades raras.

As unidades funcionais multidisciplinares con que se pretende dar resposta a estas necesidades asistenciais permitirán, ademais, a aplicación homoxénea dos protocolos, reducindo así a variabilidade clínica, o que facilitará definir indicadores de calidade, tanto de resultado como de actividade, e establecendo unha comparación entre elas como unha posible ferramenta de mellora continua. Polo tanto, esa iniciativa trata de impulsar e potenciar unha atención sanitaria baseada en unidades funcionais multidisciplinares que transcendan os servizos.

A implantación deste modelo organizativo transversal e integral respectará en todo caso os dereitos dos pacientes recollidos nos artigos 4 a 14 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, que deberán quedar garantidos en todo momento.

Certamente, as xerencias das áreas sanitarias poden impulsar fórmulas organizativas con base nas súas funcións de «programar, dirixir e controlar a execución da actividade, a través dos medios persoais e materiais dispoñibles e a coordinación das súas unidades», ou de «organizar os recursos humanos, materiais, tecnolóxicos e financeiros no seu respectivo ámbito» (artigo 6 do Decreto 134/2019, do 10 de outubro, polo que se regulan as áreas sanitarias e os distritos sanitarios), pero con esta orde dispóñense as bases dun novo modelo de atención, tendo como centro os/as pacientes e as súas patoloxías, traballando os profesionais tanto do ámbito asistencial como do sociosanitario de forma coordinada e conxunta.

O número de unidades para poñer en marcha dependerá da complexidade e da prevalencia de cada patoloxía.

A orde consta de 10 artigos, nos cales se regulan o seu obxecto, ámbito de aplicación, actividades que se van desenvolver, funcionamento, órganos de apoio, avaliación das unidades e a súa creación directamente por iniciativa do centro directivo con competencias en materia de asistencia sanitaria ou, polo dito centro directivo, por proposta de calquera das xerencias das áreas sanitarias. Así mesmo, a orde remata con dúas disposicións derradeiras, relativas, respectivamente, ás medidas que se poden adoptar para facilitar a súa aplicación e a determinación da súa entrada en vigor.

A tramitación desta norma adecuouse ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

O texto da orde adecúase aos principios de boa regulación descritos no artigo 129.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, e no artigo 37.a) da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico.

Así, a norma persegue un obxectivo de interese xeral, como é proporcionar unha atención apropiada, eficiente, homoxénea, estandarizada e de máxima calidade aos e ás pacientes afectados polas patoloxías obxecto de atención polas unidades que se creen ao abeiro desta disposición.

De acordo co anterior, no uso das atribucións que me confire o artigo 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

A presente orde ten por obxecto regular a creación, composición, organización e funcionamento das unidades funcionais multidisciplinares de atención asistencial no Servizo Galego de Saúde, como modelo organizativo e de prestación de servizos sanitarios, para aquelas patoloxías ou procesos asistenciais que requiran dunha abordaxe multidisciplinar.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

Quedan comprendidos no ámbito de aplicación desta norma calquera unidade, servizo, ou conxunto de servizos sanitarios dependentes das Áreas sanitarias do Servizo Galego de Saúde, así como das entidades instrumentais adscritas ao mesmo.

Artigo 3. Actividades que van desenvolver

As unidades funcionais multidisciplinares de atención asistencial proporcionarán unha atención apropiada, eficiente, homoxénea, estandarizada e de máxima calidade aos/ás pacientes afectados das patoloxías obxecto de atención por elas.

Para acadar o seu obxectivo realizarán as seguintes actividades:

1. De carácter asistencial.

a) Proporcionar unha atención multidisciplinar e integral centrada nas necesidades da persoa.

b) Asegurar a continuidade asistencial.

c) Realizar unha práctica clínica homoxénea e reducir a variabilidade da atención sanitaria.

d) Coordinar os recursos e os servizos clínicos.

e) Concentrar o coñecemento.

f) Promocionar as decisións compartidas entre o paciente e o equipo terapéutico.

g) Potenciar o traballo en rede con outras unidades funcionais multidisciplinares de atención asistencial.

2. De calidade.

a) Elaborar indicadores de proceso e resultado.

b) Deseñar os circuítos asistenciais, protocolos, sistemas de derivación bidireccional e a coordinación entre os diferentes servizos.

3. De docencia e investigación.

a) Adquirir coñecemento, habilidades e aptitudes para axudar a identificar os/as pacientes que se van beneficiar da atención nestas unidades funcionais multidisciplinares.

b) Participar en proxectos de investigación, bolsas e ensaios clínicos.

c) Publicar traballos en medios e foros científicos.

d) Participar na organización de doazón de mostras aos biobancos dos institutos de investigación biomédica de Galicia, nos casos que proceda.

4. De información.

a) Adecuar, integrar e garantir a información e documentación clínica nos sistemas corporativos do Servizo Galego de Saúde.

b) Elaborar a información que se entregará ao paciente.

5. Institucionais.

a) Desenvolver programas de educación sanitaria.

b) Colaborar no exercicio das responsabilidades asignadas polos programas asistenciais, así como na obtención da información necesaria para a avaliación dos seus indicadores.

Así mesmo, as unidades poderán realizar calquera outra actividade necesaria para o cumprimento dos seus obxectivos.

Artigo 4. Composición

As unidades contarán con diferentes disciplinas do ámbito sanitario e socio sanitario que se dimensionarán en función da patoloxía concreta a que vai destinada a súa creación, así como a carga asistencial esperada.

Como membros básicos destas unidades estarán, polo menos, dúas persoas correspondentes ao persoal facultativo, de dúas especialidades distintas, e unha persoa, profesional de enfermaría, con función de xestión de casos e coidados específicos.

Ao obxecto desta orde enténdese por:

a) Comité clínico: grupo de expertos, de carácter multidisciplinar, para tratar, avaliar e consensuar casos clínicos que, pola súa complexidade ou rareza, precisan dunha valoración multiprofesional.

b) Membros básicos da unidade: número mínimo de profesionais que deberán constituír cada unidade.

c) Grupo funcional homoxéneo: estrutura mínima de xestión organizativa para integrar, homoxeneizar e normalizar a información sanitaria dunha unidade asistencial.

Artigo 5. Organización

O persoal profesional que compón a unidade funcional multidisciplinar de atención asistencial detallarase no plan funcional de cada unidade, que concretará o número de profesionais, as súas categorías e especialidades en función da actividade que desenvolvan. Cada dirección-xerencia da área sanitaria establecerá a súa dependencia orgánica e funcional.

Artigo 6. Plan funcional das unidades

1. Todas as unidades que se creen ao abeiro desta orde deberán contar cun Plan funcional.

O plan funcional deberá definir os obxectivos e actividades reflectidos no artigo 3, con especial atención a:

a) Definir e normalizar os criterios de acceso e seguimento de doentes nestas unidades, co obxecto de prestarlles unha atención integral (clínica, funcional, mental e social).

b) Establecer os circuítos asistenciais e procedementos de xestión entre niveis, atención primaria e atención hospitalaria, así como entre os servizos hospitalarios.

c) Poñer en funcionamento os comités clínicos integrados por profesionais dos distintos niveis asistenciais (atención primaria e hospitalaria) para valorar de forma conxunta cada caso que así o requira.

2. A estrutura común do plan seguirá o seguinte esquema:

a) Xustificación.

b) Obxectivos.

c) Ámbito de aplicación.

d) Equipo de profesionais da unidade, a súa dependencia orgánica e a funcional.

e) Protocolos concretos de actuación.

f) Axendas específicas de traballo.

g) Circuítos asistenciais e criterios de derivación e seguimento de pacientes.

h) Indicadores de avaliación (actividade e calidade).

i) Actividades de docencia, formación e investigación.

Artigo 7. Coordinación

Á fronte de cada unidade designarase unha persoa, entre o persoal facultativo especialista, que se responsabilizará da coordinación da unidade e que realizará as seguintes funcións:

a) Representar á unidade.

b) Distribuír as asignacións funcionais dos/das profesionais que integran a unidade.

c) Supervisar, coordinar e avaliar o funcionamento da unidade.

d) Organizar as axendas de consulta da unidade, coordinando co resto dos servizos clínicos implicados as citas dos pacientes, evitando duplicidades e favorecendo, no posible, as consultas de acto único.

e) Coordinar a elaboración do plan de necesidades e dos protocolos de actuación da unidade.

f) Liderar todas aquelas funcións adicionais que lle sexan encomendadas por parte da dirección da xerencia da área sanitaria.

Artigo 8. Comité clínico

As unidades funcionais multidisciplinares de atención asistencial disporán dun comité clínico que estará composto polos membros básicos da unidade e por aquel outro persoal profesional dos distintos niveis asistenciais (atención primaria e hospitalaria) que sexa necesario en función das necesidades de cada paciente.

O comité clínico estará presidido pola persoa que coordina a unidade, que será a encargada de convocalo, por iniciativa propia ou a proposta de calquera profesional sanitario que atenda aos/ás pacientes.

As decisións do comité clínico quedarán reflectidas na historia clínica do paciente como episodio asociado a consultas externas da unidade.

Artigo 9. Avaliación e seguimento das unidades

A cada unidade designaráselle un grupo funcional homoxéneo específico como estrutura mínima de xestión, co fin de garantir a avaliación e seguimento dos resultados da unidade.

Cada unidade recibirá da xerencia da Área Sanitaria, da que depende organicamente, a información periódica que lle permita avaliar os resultados.

Artigo 10. Creación de unidades

1. As unidades funcionais multidisciplinares de atención asistencial poderán crearse pola dirección xeral con competencias en materia de asistencia sanitaria, ou a proposta de calquera das xerencias das áreas sanitarias. Estas deberán ser autorizadas pola dita dirección xeral.

2. Coa finalidade de que supervise e autorice a constitución de cada unidade que se considere necesario crear, as xerencias de área sanitaria presentarán á dirección xeral con competencias en materia de asistencia sanitaria a proposta do Plan funcional da nova unidade, de acordo coas necesidades detectadas, as cales deberán contar cos requisitos establecidos na presente orde.

A dita dirección xeral poderá determinar aquelas patoloxías para as que é preciso a creación de unidades funcionais multidisciplinares de atención sanitaria, establecendo as referencias asistenciais das mesmas, de ser necesario.

Disposición derradeira primeira. Medidas para a aplicación da orde

Autorizase a persoa titular do centro directivo con competencias en materia de asistencia sanitaria para que adopte as resolucións, instrucións ou medidas necesarias para a aplicación desta orde.

As resolucións e instrucións que, de se o caso, se adopten poderán ser obxecto de publicación na intranet da consellería con competencias en materia de asistencia sanitaria.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2021

Julio García Comesaña

Conselleiro de Sanidade

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia