lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Decreto 143/2021, do 14 de outubro, polo que se modifica o Decreto 279/2008, do 11 de decembro, modificado polo Decreto 395/2009, do 8 de outubro, polo que se crea e se regula o Consello Galego de Ensinanzas Artísticas Superiores.

Publicado en: DOG 208 28/10/2021

Departamento: Consellería Cultura, Educación e Universidade

Estado: En vigor

PDF

O Consello Galego de Ensinanzas Artísticas Superiores foi creado polo Decreto 279/2008, do 11 de decembro, como órgano colexiado consultivo e de asesoramento da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para as políticas de coordinación e planificación das ensinanzas artísticas superiores en Galicia, e no seu artigo 3 establece a súa composición.

A dita composición foi modificada polo Decreto 395/2009, do 8 de outubro, co fin de adaptala ás estruturas orgánicas das consellerías de Educación e Ordenación Universitaria, de Cultura e de Economía e Industria.

Tendo en conta os cambios organizativos producidos nas citadas consellerías, procede levar a cabo os cambios pertinentes no Consello Galego de Ensinanzas Artísticas Superiores.

Así pois, de conformidade coa competencia que lle corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia en virtude dos artigos 27, 31 e 39 do Estatuto de autonomía de Galicia, por proposta do conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, no exercicio das atribucións conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día catorce de outubro de dous mil vinte e un,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 279/2008, do 11 de decembro, modificado polo Decreto 395/2009, do 8 de outubro, polo que se crea e se regula o Consello Galego de Ensinanzas Artísticas Superiores

Un. Modifícase o artigo 3, que queda redactado como segue:

«Artigo 3. Composición

1. O Consello Galego de Ensinanzas Artísticas Superiores estará composto polos seguintes membros:

a) A persoa titular da consellería competente en materia de educación, que ocupará a súa presidencia.

b) A persoa titular do centro directivo con competencias en ensinanzas artísticas superiores dependente da consellería competente en materia de educación, que ocupará a súa vicepresidencia.

c) A persoa titular do centro directivo con competencias en ensinanzas universitarias dependente da consellería competente en materia de educación.

d) A persoa titular do centro directivo con competencias en políticas culturais dependente da consellería competente en materia de cultura.

e) A persoa titular do centro directivo con competencias en materia de igualdade.

f) Unha persoa de recoñecido prestixio designada pola persoa titular da consellería con competencias en materia de cultura.

g) Cinco personalidades de recoñecido prestixio do ámbito das artes, nomeadas pola persoa titular da consellería con competencias en materia de educación.

h) Unha persoa nomeada polo Parlamento de Galicia, de recoñecido prestixio no ámbito das ensinanzas artísticas, e por proposta de cada un dos grupos políticos con representación parlamentaria, se o Parlamento o considera procedente.

2. Actuará como secretario ou secretaria, con voz pero sen voto, un funcionario ou unha funcionaria da consellería competente en materia de educación.

3. Na composición e organización deste órgano procurarase acadar unha presenza equilibrada entre homes e mulleres».

Dous. Modifícase a disposición adicional, que queda redactada como segue:

«Disposición adicional

A Presidencia do Consello Galego de Ensinanzas Artísticas Superiores convocará, logo dos nomeamentos correspondentes, a súa sesión constitutiva no prazo de dez meses desde o día da entrada en vigor deste decreto, e o Pleno do Consello aprobará o seu regulamento interno nos seis meses seguintes ao día da súa constitución».

Disposición derrogatoria única

Única

Queda derrogada a Orde do 20 de xuño de 2011 pola que se fai pública a composición do Consello Galego de Ensinanzas Artísticas Superiores.

Disposición derradeira

Única

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catorce de outubro de dous mil vinte e un

Román Rodríguez González

Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia